Inicio Blog Páxina 581

Descubrindo a riqueza da toponimia da Agra do Orzán

Este pasado sábado tivo lugar a terceira e última das rutas guiadas no marco do programa A Coruña das Letras, organizada por Normalización Lingüística do Concello da Coruña. Unhas saídas desenvoltas pola enciclopedia andante máis viva da cidade, o nosos Xurxo Souto, para afondar nos segredos da Coruña máis decoñecida.

Imaxe da ruta por Pescaria
Imaxe da ruta por Pescaría

Despois de percorrer os recantos do barrio da Pescaría e Eirís durante estes pasado meses, a última saída polos camiños da Agra do Orzán, afondando na toponimia nun barrio que coñece moi ben o mestre do bravú.

Imaxe da ruta por Eiris
Imaxe da ruta por Eirís

Percorreron o Monterrancheiro, atopáronse con varios sabios en Katanga e nos Mariñeiros, e remataron na Silva, cunha nova homenaxe a Pucho Boedo.

A xente quedou encantada (quedou moita xente fóra pola cantidade de reservas) coa descuberta de tantas e tantas cousas que quedan agochadas sobre o cemento.

Ruta pola Agra-Ruben Ruibal
Imaxe da ruta pola Agra-Foto: Rubén Ruibal

A praza de Azcárraga acolle unha xornada sobre o colectivo LGBTIQA+ na música tradicional

0

Co gallo do Día das Diversidades Sexuais, a área de Igualdade da Deputación da Coruña continúa coa campaña “Liberdade de ser e sentir”, cunha xornada sobre o colectivo LGBTIQA+ na música tradicional e o rural galegos.

Este sábado 17 de xuño, a praza de Azcárraga acolle baixo o epígrafe ‘Correr e Cantar’, acollerá unha xornada con relatorios, mesas redondas, concertos, contadas e rematará cunha foliada afondando na participación do colectivo LGBTIQA+ no rural e na tradición.

A xornada abrirase cunha presentación e mostra de resultados dunha recollida feita polo propio comisario, Sergio Marey, xunto a Atenea García, na zona de Bergatiños para coñecer a realidade do colectivo nesta zona da provincia coruñesa.

O día continuará cunha mesa redonda, Creación contemporánea dende a tradición, moderada por Mercedes Peón e que contará con artistas como Berto, Meiga-i, Eva Outeiro de Toma a Terra, Gabi Reboredo, O Rabelo e Olalla Liñares de Oîma. A tarde comezará do mesmo xeito, cunha mesa redonda, A muiñeira, unha bandeira LGBTIQA+, moderada por Diego Salgueiro (integrante do Orgullo Crítico de Nigrán, bailador e tocador) que contará con diferentes persoas do colectivo vinculadas á música tradicional e o rural que falarán da súa experiencia e realidade como persoas LGBTIQA+ nestes ámbitos.
A continuación, terá lugar unha contada para adultos de Atenea García, titulada Vicio houbo sempre, á que seguirá Noemi Basanta, integrante das Adufeiras de Salitre e Doutora en Filoloxía Galega, falando das ideoloxías e posicionamentos de xénero no baile e a música tradicionais galegas. O broche final desta xornada será a actuación das Tocadoras da A.C. Raigañas de Cerqueda, que cantarán coplas de temática LGBTIQA+ dun libro que sairá máis adiante deste proxecto, e serán as encargadas de abrir a foliada que concluirá o día e celebrará a tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.

Seis detidos por estafar a anciáns con produtos de supostas propiedades curativas

0

A Garda Civil de Arteixo detivo a seis responsables de empresas dedicadas á venda de artigos a domicilio con sede en Sada, Culleredo e Pontevedra, como presuntos autores dun delito de estafa continuada por vender “a prezos desorbitados” ou con supostas propiedades curativas. A cantidade estafada ascende a 125.000 euros.

Segundo trasladou o Instituto Armado, a investigación iniciouse no ano 2020 tras ter coñecemento os axentes dunha posible estafa mediante a venda de produtos a domicilio (colchóns, libros, electrodomésticos, enciclopedias ou produtos de saúde) “a prezos desorbitados ou garantindo propiedades curativas máis que cuestionables”.

Así, no transcurso desta investigación os efectivos actuantes pescudaron que estas empresas aproveitaban a vulnerabilidade das vítimas para enganalas na contía dos artigos, os pagos en man ou en conta e a duración dos financiamentos, obtendo moitas veces as firmas para os financiamentos mediante a presentación dun falso albarán de recepción de agasallos sen custo por ser bos clientes.

Deste xeito, lograron a identificación plena dos presuntos autores do ilícito e esclarecemento de 12 feitos de estafa. A Garda Civil procedeu á detención destas seis persoas como presuntos autores dun delito de estafa continuada. As actuacións realizadas foron postas a disposición do Xulgado de Instrución Nº6 da Coruña.

A poeta Luz Fandiño e a cooperativa A Morada, premio ‘Begoña Caamaño’ da Deputación da Coruña

A poeta Luz Fandiño e a cooperativa A Morada gañaron o premio ‘Begoña Caamaño’ á acción cultural pola igualdade de xénero, que convoca a Deputación da Coruña. Segundo informa, na modalidade ‘Traxectoria’ o xurado destacou que Luz Fandiño, aos seus 92 anos, “segue sendo un exemplo de coherencia, rebeldía e dignidade e de inspiración para as xeracións máis novas”.

Na modalidade ‘Iniciativa’, o xurado destacou da cooperativa A Morada “a capacidade para crear unha rede de colaboración comunitaria que considera os coidados un aspecto esencial de vida, así como a promoción do empoderamiento das mulleres e a capacidade para impactar de maneira transformadora”.

A defensa do acusado de matar na Coruña a un home ao que debía diñeiro alega ausencia de probas

A defensa do home acusado de matar na Coruña, no Barrio das Flores en setembro de 2021, a outro ao que coñecía e ao que debía diñeiro, alegou ausencia de probas, na primeira sesión do xuízo que se celebra con xurado, entre esta semana e a próxima, na Audiencia Provincial da Coruña.

O Ministerio Público cualifica os feitos como constitutivos dun delito de asasinato “con aleivosía e ensañamiento” polo que pide a pena de 21 anos de cárcere, ademais do pago dunha indemnización de 75.000 euros ao fillo do falecido. A acusación particular eleva a súa petición a 25 anos de prisión e reclama unha indemnización para o fillo da vítima de 104.000 euros.

Pola contra, o avogado do acusado, que pide a absolución, alega que non existen probas que determinen que o seu cliente estivese no lugar. “Non hai nin unha soa proba, non hai testemuñas de que o meu defendido cometese os feitos”, argumentou no inicio dunha vista na que houbo a exposición de motivos polas partes personadas, previo ao comezo das declaracións.

A defensa solicitou, ademais, a suspensión ou, subsidiariamente, investir a orde da proba para que o seu cliente declare o último día, algo que aceptou o tribunal. Fronte aos seus argumentos, o Ministerio Público sostivo, ante o xurado, que o acusado cometeu o delito e que cando o fixo era “plenamente consciente do que facía”.

Pola súa banda, a acusación particular alegou que “por motivos económicos e excedido polas débedas” o procesado “tomou a determinación meditada e planificada de acabar coa vida da vítima”. “Foi un ataque sorpresivo e planificado, houbo ensañamento“, argumentou sobre as feridas recibidas polo falecido, ademais de incidir en que se lle provocou un “sufrimento innecesario”.

FEITOS

Segundo o escrito de cualificación fiscal, o 23 de setembro de 2021 o procesado concertou unha cita co falecido, a quen coñecía desde facía anos, coa finalidade, segundo dicía, de pagarlle unha cantidade de diñeiro que lle debía e que este viña reclamando insistentemente desde facía meses.

O home, a pesar de ter un traballo estable, “atopábase nunha situación económica angustiosa debido, fundamentalmente, aos gastos que lle xeraba a súa adicción á cocaína”. “Por este motivo, debía diñeiro a outras persoas e a distintas empresas de crédito, comerciais e de subministracións e os seus saldos bancarios arroxaban resultado negativo”, sinala Fiscalía.

Na mañá do día 23, ambos os homes víronse na casa na que o falecido vivía arrendado. “Unha vez no interior da casa, o procesado, guiado do ánimo de acabar coa súa vida”, abalanzouse, engade o Ministerio Público, sobre o home e asestoulle “18 puñaladas nas costas e unha máis á altura do esternón”.

Jorquera: “Ao BNG non lle valen catro anos máis do mesmo””

0

A Asemblea Local do BNG reúnese este mércores para avaliar os resultados electorais e o escenario xurdido do 28M. Pero uns dos grandes triunfadores dos comicios teñen claro a quen lle toca mover ficha. “Quen  ten que dar o primeiro paso é o PSOE. Inés Rey é quen necesita os votos do BNG para ser investida alcaldesa”, sinalou hoxe o seu candidato Francisco Jorquera.

A premisa da que parte o BNG para establecer esas conversas co PSOE é a plena disposición a que “a maioría progresista que se expresou nas urnas teña reflexo na escolla da Alcaldía”. Mais ao mesmo tempo, enfatiza, ao BNG “non lle valen catro anos máis do mesmo”. “Hai moitas cousas por corrixir e moitas cousas por mellorar”, sinalou pensando no pleno de investidura do vindeiro sábado 17 de xuño.

Manuel Segade, proposto como novo director do Museo Reina Sofía

O Ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta, elevará mañá ao Consello de Ministros o nomeamento de Manuel Segade como novo director do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, segundo informou o ministerio.

Manuel Segade (A Coruña, 1977), actualmente director do Museo Centro de Arte Dous de Maio (Móstoles), dependente da Comunidade de Madrid, foi o candidato que obtivo maior puntuación e será a proposta do ministro Iceta mañá no Consello de Ministros para ocupar o posto de director do Museo Reina Sofía.

Segade é licenciado en Historia da arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerceu como coordinador de programación do espazo Metrònom da Fundación Rafael Tous d’Art Contemporani de Barcelona e como Comisario xefe do Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela). Ademais, comisariou durante dúas décadas (2003- 2023) numerosas exposicións en institucións nacionais e internacionais.

Os asasinos de Samuel Luiz seguirán en prisión preventiva

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña decretou a prórroga da prisión provisional, durante un máximo de dous anos, para o tres encarcerados polo crime de Samuel Luiz, o mozo de 24 anos que faleceu na cidade herculina, na madrugada do 3 de xullo de 2021, tras unha malleira no paseo marítimo, á saída dun local de lecer.

Así o informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que precisa que a decisión se adoptou o pasado xoves tras unha comparecencia das partes celebrada o día anterior mentres o caso segue á espera da data de xuízo.

Tras a condena aos dous menores, por un acordo entre as partes personadas, por esta causa abriuse investigación contra outras cinco persoas, tres en prisión preventiva tras os feitos e aos que se lles denegou a súa posta en liberdade, e outros dous, un home e unha muller, en liberdade, con obrigación de comparecencias no xulgado.

Tanto Fiscalía como acusacións consideran os feitos como constitutivos dun delito de asasinato. A un deles, por presuntamente quedar co móbil de Samuel, o Ministerio Público atribúelle tamén un delito de roubo con violencia.

Os mozos foron detidos no marco dunha investigación policial que non descartou, durante o desenvolvemento da mesma, ningunha hipótese sobre o motivo do sucedido, como unha agresión homófoba, constatando que houbo insultos desta índole durante a malleira que lle ocasionou a morte ao mozo.

Remitíndose aos resultados da autopsia, a Policía Nacional sostivo que que Samuel Luiz “morreu por un fallo multiorgánico” como resultado de “moitísimos golpes“, sen uso de armas, e descartando que falecese “por unha navallada”.

Sande: “É necesario exercer autocrítica pero sen autoengano”

Os crús resultados electorais que colleitaron o pasado domingo a Marea Atlántica e Por Coruña demostraron que o electorado de esquerdas non perdoa a falta de entendemento entre forzas nadas da mesma nai.

No caso da Marea Atlántica, pasou de 6 edís na pasada lexislatura gracias aos seus 25.000 votos, a caer do pleno sumando 5.627 votos (a apenas 150 de conseguir un edil). Case 20.000 votos que se dispersaron nestes comicios entre a alianza de Por Coruña (Podemos, Equo e EU) que sumou 4.800 votos (faltarían preto dos 1.000 para ter presenza plenaria), e BNG (que subiu 6.500 con respecto ao 2019).

Unha lectura que obriga a mirar ás eleccións de 2015, cando a irrupción da Marea Atlántica facía ilusionarse a case 37.000 persoas que brindaron a súa confianza para darlle a alcaldía a Xulio Ferreiro. A caída nestes 8 anos é xigante (só se manteñen 2 de cada 10 votantes daquel 2015), provocando esa dispersión do voto e sobre todo moita abstención.

Mentres na Marea, Xan Xove “prefire agardar ás conclusións feitas en común” que poidan saír da asemblea deste vindeiro sábado 10 de maio, o candidato de Por Coruña, José Manuel Sande bríndase a facer análise e ollar o futuro.

”Por Coruña”

”Creo que a xente quere confianza e non historias raras”, recoñece o candidato de Por Coruña. O independente José Manuel Sande considera necesario “exercer autocrítica pero sen autoengano”, recoñecendo que “si que houbo moita confusión entre o electorado e, no noso caso dificultades, para explicar as diferencias. Creo que a nosa parte sufriu esa desinformación en forma de abstención ou marcha a outras forzas”.

Lanza tamén argumentos sobre a creación do partido: “Eu non estaría aquí se a situación de gobernabilidade e de oposición fose boa”, e valora as cousas positivas da aparición da coalición: “Si creo que a nosa aparición foi novidosa e aportou ilusión para bastante xente”, e precisamente liga esa situación de inicio dun proxecto para avaliar a supervivenza do grupo no período 2023-2027 sen contar con presenza plenaria, e polo tanto sen cartos públicos.

Á pregunta de se o partido vai poder “sobrevivir” esta lexislatura responde: “máis vivir que sobrevivir”, e fai referencia precisamente á “ilusión” dun proxecto recén nacido. “Temos aínda as pilas cargadas, cheas de ilusión, e a ente está responsabilizada con eses 5.000 votos. Os números sinalan que o noso espazo segue vivo”.

Pero volve facer referencia á dispersión. “Aquí, endogamia ou egos sobra. Á política vense a traballar, a ser responsables, a facilitar o consenso e o entendemento”, en relación ás inminentes eleccións estatais de xullo, nas que “a ameaza de gobernos democráticos está aí”.

Considera que “Por Coruña” “estruturalmente é viable”, “temos forzas políticas por detrás, e cidadáns do eido extraparlamentario respaldando”. “Creo que hai que pelexar contra esa idea de que volvemos a hai 15 anos, no sentido do reparto de só 3 forzas políticas”.

Condenados os administradores dunha empresa de Culleredo por estafar á Xunta con dispositivos GPS

Os tres administradores da empresa Satdata Telecom, con sede en Culleredo , acusados de estafa e un delito continuado de falsidade de documento mercantil en relación coa venda de 80 dispositivos GPS á Consellería de Medio Rural, ocorrida en 2007, aceptaron penas de entre tres e cinco meses de prisión, no xuízo fixado para este luns na sección primeira da Audiencia Provincial coruñesa.

Fixérono tras un acordo entre a Fiscalía e as defensas ao recoñecer os feitos os procesados e acordarse unha rebaixa da condena polas atenuantes de reparación do dano e dilación indebida que os procesados aceptaron. O Ministerio Público solicitaba, inicialmente, penas de prisión de cinco anos para cada un deles. Os letrados pediron a suspensión das penas de cárcere impostas e a fiscal aceptou a petición. O xuíz acordou a suspensión firme das condenas coa condición de non cometer delitos nun prazo de dous anos.

FEITOS

Os tres empresarios defraudaron máis dun millón de euros ao Banco Espírito Santo mediante o uso dun contrato coñecido como ‘factoring’, un mecanismo polo cal un cliente cede a unha entidade financeira a súa facturación para que esta se encargue de cobrala aos seus acredores e o banco adiántalle ese diñeiro a cambio duns intereses.

En febreiro de 2008, os administradores da mercantil selaron o contrato de ‘factoring’ co banco, cando xa en decembro de 2007 e xaneiro de 2008 cobraran á Xunta as facturas polos seus servizos, que incluían dispositivos GPS para motobombas e mantemento das aplicacións. Por iso, a Fiscalía apunta que, “mediante a confección desa facturación ficticia”, buscouse “facer crer o banco que esta era real”.