Inicio Blog Páxina 584

O IV Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade recae na polifacética Adelaida Vidal

0

Adelaida Vidal, psicóloga, artista e escritora natural da Coruña, gañou con ‘E que vai ser?‘ o IV Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade. Este galardón, convocado pola editorial Baía Edicións coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, inclúe a edición da obra e unha dotación de 2.500 euros.

Segundo precisa a organización, dos 26 orixinais que participaron nesta convocatoria o xurado valorou deste título de Vidal que se trata de “unha historia divertida, contada en verso, que posibilita o diálogo entre a familia e os seus descendentes nas primeiras idades”.

Así mesmo, destacou o uso “maxistral” da linguaxe inclusiva e un “hábil” emprego do humor e “a retranca” nunha obra que “fai reflexionar sobre os estereotipos de xénero que proxectamos nos bebés no momento da concepción”.

Adelaida Vidal é titulada superior en arte dramática e graduada en psicoloxía. Traballou como contacontos e actualmente exerce como psicóloga no ámbito de protección á infancia.

Homenaxe da AELG a CASALDERREY

  • A escritora recibirá o vindeiro sábado 10 de xuño, en Pontevedra, a Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
  • Esta homenaxe comporta a entrega da Letra E (de escritora) e converte Fina Casalderrey en Socia de Honra da AELG.

A carralexa Inés Mosquera Costa gaña o 4º evento do Poetry Slam Carral

0

O 25 de maio, o último xoves de mes, como xa é tradición, na Taberna Lume e Ferro celebrouse o 4º evento do Poetry Slam Carral 2023. Nesta volta, o local volveu a estar totalmente ateigado dun público entregado que tamén actuou como xurado dos e das 15 concursantes que tomaron a palabra entre os que figuraban alumnas do IES David Buján.

A calidade dos e das participantes volveu a verse reflexada nun empate a catro entre Inés Mosquera Costa, Xosé Casar, Carmen Torreiro Blanco e Sofía Calvete. As catro participantes volveron recitar, saíndo gañadora cunha estreita marxe a carralexa Inés Mosquera Costa, que suma esta vitoria á xa acadada no Poetry Slam de Compostela.

Deste xeito, xa son catro as clasificadas para a grande final do Poetry Slam Carral 2023, a propia Inés Mosquera, Xandre Pereira, Alba Rodríguez e Lucía Ugarte.

O quiento e último evento clasificatorio para a final terá lugar tamén na Taberna Lume e Ferro o 29 de xuño e xa podedes inscribiros a través do correo electrónico: aeclacrar1@gmail.com

A actuación especial da noite correu a cargo de Chico Power tree oh!, vido desde  Compostela, que fixo gozar a todas as asistentes a súa música. Chico Power fixo subir a todos e todas as participantes ao palco para que recitasen á vez os seus poemas mentres el acompañaba coa súa música.

Seleccionado o estudo que dirixirá a obra do centro de Santa Lucía na Coruña de entre 14 obras presentadas

O xurado do concurso de ideas convocado para definir o novo centro de Santa Lucía, na Coruña, elixiu a proposta do estudo Burgos & Garrido entre as 14 iniciativas presentadas. Os gañadores redactarán o proxecto de execución e asumirán a dirección da obra para a remodelación do recinto.

Segundo precisa o Concello da Coruña, o estudo ten un prazo de catro meses para as presentacións dos proxectos básicos e de execución.

O novo centro de Santa Lucía compatibilizará nun só espazo tres usos diferentes, con accesos diferenciados; centro de saúde, centro cívico e mercado municipal.

Das 14 propostas presentadas, o xurado puxo en valor a de Burgos & Garrido pola súa aposta pola eficiencia enerxética do inmoble, así como a redistribución dos espazos interiores para aproveitar a luminosidade natural da contorna. Todo iso, explica o consistorio, “mantendo o espírito lixeiro e industrial que inspirou a antiga estrutura do recinto”, obra de Manuel Gallego Jorreto.

Joaquín Sabina apraza os seus concertos na Coruña por problemas de saúde

Os concertos de Joaquín Sabina previstos no Coliseum da Coruña o venres 2 de xuño e o domingo 4 posponse ata mediados de xullo debido a problemas de saúde do artista, segundo informou o Concello coruñés nun comunicado.

O artista sofre un cadro agudo de gripe con larinxite e afonía que lle obriga a quedar en casa durante un período de entre cinco e sete días, polo que as actuacións previstas para esta semana da súa xira ‘Contra todo prognóstico’ foron recolocadas ao venres 14 e o domingo 16 de xullo.

O comunicado explica que as entradas adquiridas con anterioridade son válidas para as novas datas. Neste sentido, os abonos para o concerto do venres 2 de xuño serán válidos para o 14 de xullo, e as entradas correspondentes á función prevista inicialmente para este domingo 4 de xuño serán válidas para o domingo 16 de xullo.

En canto a aquelas persoas que non poidan asistir ás novas datas poden solicitar a devolución do prezo da entrada póndose en contacto coa canle a través do cal adquiriron as entradas, antes do 19 de xuño.

Restrinxido o uso de auga potable en Betanzos tras un brote de gastroenterite

Dende hai unha semana non fai máis que medrar o número de afectados por un brote de gastroenterite en Betanzos. Ante este aumento a Consellería de Sanidade solicitou ao Concello de Betanzos que restrinxa o uso da auga do abastecemento para que non se utilice para a inxesta (bebida ou preparación de comida), lavado de alimentos ou hixiene bucodental.

Faino no contexto do brote de posible orixe hídrica e co fin de “reducir ou eliminar potenciais riscos para a saúde da poboación”, explica o consistorio tras trasladarlle Sanidade esta cuestión.

Ademais, explica que non se pode descartar nas primeiras investigacións do brote “a implicación doutras instalacións como as fontes públicas non conectadas á rede municipal” polo que tamén se restrinxe o seu uso.

Esta comunicación trasladouse ao consistorio á espera de contar cos resultados das analíticas que está a elaborar, despois de recoller tomas en distintos puntos durante o día de onte.

O consistorio indica que a empresa concesionaria segue realizando un seguimento e durante a tarde coñeceranse os resultados das mostras recollidas o luns. As recollidas o domingo están, engade, “dentro dos parámetros esixidos”.

Gran interese nas vivendas de ata 150.000 e ata 300.000 euros na Coruña

A vivenda que non supera os 150.000 euros nas capitais de provincia é a máis demandada, principalmente porque o maior volume de ‘stock’ de vivenda concéntrase nese prezo en case todas as cidades de España, pero hai excepcións, segundo destacou Idealista no seu informe sobre a oferta de vivenda pública do primeiro trimestre do ano.

O axioma ‘a vivenda máis barata do mercado é a máis demandada‘ cúmprese na maioría dos casos, pero non en todas as cidades, xa que en Madrid, Sevilla, Zaragoza ou Murcia hai unha maior demanda relativa cara ás vivendas que se venden por entre 150.000 e 300.000 euros.

Cidades como A Coruña, Bilbao ou Pamplona manteñen un interese da demanda alto, tanto no tramo que vai ata os 150.000 euros como no que vai de 150.000 euros a 300.000 euros.

O PSOE de Culleredo advirte ao BNG que a cidadanía apostou por “forzas progresistas”

O PSOE de Culleredo mostrou a súa “total disposición” para alcanzar “o mellor acordo que saque adiante ao concello”, sinala ao solicitar o apoio do BNG para a investidura do actual alcalde en funcións, José Ramón Rioboo. Ademais, pide antepor o “interese xeral” a “as relacións persoais”.

Despois de que transcendese que o BNG estaría disposto a apoiar ao PSOE noutros municipios pero non en Culleredo, — onde os socialistas perderon a maioría absoluta–, estes aseguraron que “a cidadanía decidiu unha configuración da corporación cunha clara maioría de forzas progresistas“.

“E agora estamos na obrigación de entendernos”, afirma Juan Carreira, secretario de Organización do PSOE de Culleredo. Ademais, destaca que ambas as formacións “xa traballaron en consenso cando a cidadanía así o decidiu nas urnas e xa saben o que é buscar os puntos en común e traballar en favor do avance social”. Carreira sinala, ademais, que “o interese xeral está por encima das relacións persoais”.

O PSOE de Culleredo afirma que “o que non se pode admitir é que se utilice unha inexistente situación xudicial como escusa para non chegar a un acordo para a gobernabilidade do concello” e engade que as denuncias en Fiscalía non afectan “a ningún concelleiro do equipo de goberno nin ao alcalde”.

A única praia canina da Coruña, a máis contaminada de Galicia

O pasado mes de marzo o goberno local aprobaba a calificación da primeira praia canina da Coruña. A cala de Brens, situada entre a refinaría, a estación depuradora, o antigo vertedoiro, e a planta de reciclaxe Nostián, convertíase na única praia na que está permitido levar os cans durante todo o ano.

Unha situación que chama moito a atención da organización REFIX e o colectivo Retoque Retro. Ambas entidades realizaron unha limpeza manual de residuos (desas que tamén adoita facer o colectivo We ou a Asociación Mar de Fábula co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre un problema que afecta aos espazos naturais e que se pode evitar e reducir cambiando os hábitos de reciclaxe.), e quedaron absolutamente abraiadas da cantidade de lixo recollido. “Sorprende a gran cantidade de residuos atopados e o feito de que designen como praia canina unha praia totalmente insegura para os animais, xa que se atoparon xiringas, microplásticos con risco de ser inxeridos e mesmo agullas”, explica Zaira Fernández da axencia Siete Olas.

O pasado sábado 27 de maio, en apenas 2 horas de traballo uns 50 voluntari@s retiraron máis de 140 kg de lixo. A maioría dos residuos foron plásticos, microplásticos e unha cantidade desorbitada de panos e toallitas, pero o que máis chamou a atención dos participantes foi a aparición de xiringas e agullas. ”Todo este lixo pode causar serios problemas aos máis peludos da casa”, insisten.

Limpando a praia de Bens
Limpando a praia de Bens

Amplían este verán os percorridos guiados polo Castro de Elviña

0

O Concello da Coruña amplía este verán os percorridos guiados polo Castro de Elviña. Así, a partir deste fin de semana e ata finais do mes de setembro, será posible visitalo todos os sábados e domingos, ás 12,00 horas.

O consistorio amplía, desta forma, os horarios dispoñibles para participar nos percorridos guiados polo xacemento arqueolóxico, unha actividade promovida a través dos Museos Históricos da Coruña.

Para asistir ás visitas é necesario facer reserva previa. Os percorridos son en grupos e disporanse un total de 25 prazas por quenda. A inscrición pode realizarse a través do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón.

O PSOE e o BNG, dispostos a garantir un goberno “progresista” na Coruña

A alcaldesa en funcións da Coruña, a socialista Inés Rey, e o candidato do BNG á alcaldía e portavoz en funcións desta formación no consistorio coruñés, Francisco Jorquera, mostráronse abertos a buscar “fórmulas” para garantir un goberno “progresista” na cidade.

Así o manifestaron en senllas declaracións ofrecidas aos medios de comunicación, no acto celebrado no Palacio Municipal de María Pita con motivo dos actos conmemorativos da Policía Local. Rey emprazou a esperar ás reunións dos partidos a nivel interno para logo comezar a falar por parte de ambos os grupos, tras confirmar que por agora non hai un protocolo de negociación establecido.

Cuestionada en todo caso se haberá unha alcaldesa socialista — nestas eleccións o PSdeG obtivo 11 edís e o BNG catro fronte aos 12 do PP–, remitiuse ao respaldo do electorado. “Os cidadáns falaron, apostaron por un goberno progresista, con maioría de esquerdas”. “Xa falaremos das fórmulas“, engadiu ante a pregunta de se haberá un goberno bipartito.

POSICIONAMENTO DO BNG

Pola súa banda, Jorquera asegurou que hai que esperar á proclamación definitiva dos resultados e ás reunións dos partidos. Con todo, mostrou a “máxima disposición” para garantir a gobernabilidade. Sobre o posicionamento do BNG, asegurou que virá definido “polos intereses da cidadanía” e cunha actitude “firme e esixente” por parte do seu partido. “Hai moitos aspectos que hai que corrixir”, precisou en referencia ao actual mandato e os “incumprimentos” de asuntos.

En canto a como será a negociación, avanzou que haberá que acordar “cales deben ser as prioridades, os eixos de acción do goberno do próximos catro anos” e tamén “esixir mecanismos que garantien o cumprimento do acordado”. Respecto de se o BNG entrará no goberno, remitiuse ao exposto durante a campaña electoral. “A vocación do BNG non era entrar en ningún goberno, é ser goberno, por iso todas as hipóteses están abertas, dependerá do grao de acordo a fórmula final”.