Inicio Blog Páxina 601

Betanzos levanta as restricións de consumo de auga

Concello de Betanzos levantou as restricións de consumo de auga do servizo de abastecemento despois de recibir a comunicación de Sanidade indicando de que as últimas análises cualificasen a auga como “apta” para consumo. Deste xeito, informa, “ponse fin ás restricións iniciadas o pasado 22 de xullo ao coñecer que os resultados das probas feitas o 20 do mesmo mes pola empresa concesionaria daban presenza de norovirus“.

Desta forma, levántanse as restricións en todo o termo municipal incluídos os núcleos que dependen do depósito de Xanrozo como A Graña, Guiliade, Piadela, Viladesuso, Castro, Infesta, O Farragoto, Abelasres e parte da Condomiña despois de que, tras o tratamento feito pola empresa, tamén se conseguise eliminar a presenza de norovirus.

O Concello e a empresa concesionaria mantiveron ata este xoves o servizo de abastecemento a través de tres cisternas que cada día renovaban a auga e mediante as cales se repartían 15.000 litros. Entre as actuacións levadas a cabo por parte do goberno local tamén se atopaba a entrega de garrafas de auga.

Ademais da denuncia feita ante o xulgado para que se investigue a orixe das verteduras no río, o consistorio insistiu en que por parte de Augas de Galicia se faga un estudo no río “para determinar os puntos de vertedura augas arriba da captación de auga municipal no río Mendo, xa que todos os resultados e mostras feitas por Viaqua indicaron presenza de norovirus no río”.

Chegou por fin o cartel do Festival Noroeste

0

Chegou, por fin, a apenas 6 días do comezo, o cartel do 36ª Festival Noroeste Pop-Rock. Esta mañá de xoves 3 de agosto o Concello presentaba a programación que encherá a cidade de música do 9 ao 12 de agosto.

Semella que algún problema houbo con algún “artista sorpresa” (o cartel foi completado o venres coa contratación de 2ManyDjs) que manterá a a incógnita ata o último momento, pero o exitoso formato expandido, tan positivo para a cidade, manterse en parte, pois ademais do escenario principal da praia de Riazor, haberá tamén concertos en Santa Margarida e no Porto de Batería, ademais de numerosas prazas como o Campo da Leña, Azcárraga, a Fundación Luis Seoane, a Cormelana, o castelo de San Antón e o teatro Colón.

Ás bandas como Primal Scream que xa coñeciamos só a través de filtracións á certos medios (que avanzaba a nova falsa da actuación de Zara Larsson) hai que sumarlle outros como Lori Meyers, La M.O.D.A., Arde Bogotá, Iseo & Dodosound, Rayden, Mala Rodríguez, Bala, Fatoumata Diawara, Ana Tijoux, The Rapants, Sabela…

Presentación do festival

 

HORARIOS E ESPAZOS do FESTIVAL NOROESTE 2023

Mércores 9

  • no Parque de Santa Margarita: Iseo & Dodosound.
  • no Peirao de Batería: La M.O.D.A e Rayden.
  • no Castelo de San Antón: Silvia Penide.

Xoves 10

  • no Parque de Santa Margarida: Pongo e Sabela Ramil.
  • no Peirao de Batería: Arde Bogotá e a Mala Rodríguez
  • En Azcárraga: Lee Fields (ex Kool & The Gang)

Venres 11

  • En Azcárraga: Brais Morán & Nasafunk
  • na praia de Riazor: Parov Stelar e artista sorpresa

Sábado 12

  • na praia de Riazor: Primal Scream e Lory Meyers.

Incautados 19 quilogramos de percebes procedentes do furtivismo en Caión

A Garda Civil do Posto da Laracha incautou 19 quilogramos de percebes en Caión, segundo informa. A mercadoría, procedente do furtivismo, foi entregada ao centro de menores A Milagrosa, de Carballo. Os feitos sucederon cando os axentes, que se atopaban realizando un servizo de prevención do furtivismo e vixilancia da costa, observaron un vehículo estacionado nas inmediacións da zona de Punta Arnela-Carballo.

Os gardas civís inspeccionaron a zona ao obxecto de localizar ao condutor e pescudar o motivo do estacionamento nese lugar. No transcurso da inspección, localizaron a unha persoa nas proximidades do vehículo, que, ao observar a súa presenza, fuxiu do lugar á carreira polos carreiros próximos á costa, portando nas súas costas un saco que, aparentemente, contiña percebes no seu interior.

A Garda Civil iniciou o seguimento do home, cominándoo a que se detivese, facendo este caso omiso das indicacións impartidas, logrando interceptalo a uns 500 metros. Nese momento, localizaron a mercadoría incautada. Tamén comprobaron que a persoa carecía da correspondente autorización administrativa para a actividade extractiva desta especie, sendo coñecido das forzas de seguridade por infraccións de furtivismo. Os axentes procederon, posteriormente, a realizar unha acta-denuncia.

Comisados 15 quilos de percebes e unha embarcación furtiva que actuaba nas illas de San Pedro e no porto exterior

Axentes da Policía Autonómica de Santiago, xunto ao Servizo de Gardacostas de Galicia e a confraría de pescadores da Coruña, comisaron o pasado 13 de xullo 15 quilos de percebes e unha embarcación no marcado dun operativo de loita contra o furtivismo no litoral da cidade herculina.

Segundo informan nun comunicado, o operativo activouse tras ter coñecemento da existencia de persoas dedicadas á extracción de percebe ilegalmente e fraudulento coa axuda dunha embarcación. Os labores de vixilancia, explican, permitiron detectar un grupo de catro persoas que se desprazaban nunha embarcación non apta para o marisqueo á boia ao longo da costa coruñesa para actuar, sobre todo, nas illas de San Pedro e no porto exteriorsen discriminar molusco adulto de cría.

Tras interceptarse, comprobouse que se trataba de persoas reincidentes neste tipo de asuntos e que mesmo una delas tiña en vigor unha condena e inhabilitación especial para mariscar. Así as cousas, catro persoas foron investigadas por un delito contra a flora e a fauna e por un quebrantamento de condena. Os percebes comisados entregáronse nun centro benéfico da Coruña e a embarcación pasou a disposición xudicial.

Zara Home presenta unha colección en colaboración co arquitecto belga Vincent Van Duysen cunha pop up na tenda da Rúa Compostela

Zara Home presentou unha pop up na 4º planta da tenda da Coruña localizada na Rúa Compostela en colaboración co arquitecto e deseñador belga Vincent Van Duysen. Nela presentaron a nova colección Zara Home+ by Vincent Van Duysen, “segundo capítulo da colaboración que a marca emprendeu co arquitecto no ano 2022”.

“Mergullando nos seus arquivos, Van Duysen recupera algunhas das súas creacións e formas máis características, á vez que impregna os novos mobles da súa estética e ADN”, explican. Tal e como indican, as pezas da segunda colección complementan aos mobles do primeiro lanzamento; “deseños versátiles e atemporais creados con materiais selectos e acabados exquisitos”.

O obxectivo da pop up, detallan, é achegar ao público a colección Zara Home+ by Vincent Van Duysen, ata o momento só accesible a través de zarahome.com e en tendas seleccionadas. Deste modo, as pezas da colección poderanse adquirir mediante unha venda que contará cunha atención personalizada por parte do equipo de Zara Home. O espazo tamén terá unha cafetaría da man de CaféSiboney. A pop up está aberta ao público desde este xoves.

Oleiros reclama á Xunta medidas ante a chegada de xabaríns a zonas urbanas

Concello de Oleiros reclamou á Xunta medidas pola presenza de xabarís en zonas urbanas. Nun comunicado, reclama “batidas e gaiolas para pór fin á situación” e argumenta que por parte da Administración autonómica están “a desatenderse os seus deberes”.

“Ademais dos riscos para a integridade física das persoas, son cuantiosos os danos provocados en parques e zonas verdes públicas, así como en propiedades persoais”.

“Tamén son numerosos os accidentes de tráfico, especialmente perigosos na Vía Ártabra“, apostila o consistorio, quen argumenta que as competencias son “exclusivas” da Xunta de Galicia.

Os Bombeiros critican “o meirande menosprezo” feito pola Xunta

Lanzan hoxe os Bombeiros Comarcais de Galicia un cru comunicado. No marco da súa folga (na que unicamente se negan a cubrir horas extras, pero que está creando verdadeiros problemas na xestión, quedando zonas de Galicia orfas varios días á semana), a súa Representación Sindical acodía onte á Xunta de Galicia para asinar un Protocolo de Colaboración coa finalidade de establecer un marco de diálogo e colaboración en aras a normalizar o funcionamento dos catro consorcios provinciais de Bombeiros.

A parte traballadora, que representa aos 500 bombeiros comarcais de Galicia, xa avisara que “ese protocolo ten que estar consensuado con nos e que a desconvocatoria de folga non se vai producir namentres non haxa avances na negociación do Convenio Colectivo que ten que homoxeneizar as condicións de tódolos Bombeiros de Galicia”. Malia non recibir resposta, acodiron á cita no edificio da Vicepresidencia, onde viron pasar a unha marea de autoridades tanto da Xunta como das Deputacións (todas responsables do Consorcio).

Autoridades que pasaron por diante dos representantes sindicais “dirección a porta de saída cun simple saúdo de despedida, pola nosa parte sentimos que é un desplante e un menosprezo nunca antes presenciado cara a parte traballadora”, lamentan.

Tras preguntar se ían ou non ser recibidos, “a Xunta accede a recibirnos indicándonos que non contaban con nos alí para a reunión, malia estar nós na convocatoria de reunión e aparecendo na firma do Protocolo”.

Protocolo unilateral?

Máis dano fixo a nota de prensa que enviou onte a Xunta sinalando que os bombeiros non queren adherirse a esa firma. “Unha nota que ten a única pretensión de desacreditarnos diante da cidadanía e tapar a ineptitude da Administración para resolver este conflito e demostra a incapacidade de prestar o servizo que teñen encomendado”.

Pero os Bombeiros deixan clara a realidade: “Todo este protocolo que agora presentan non cambia en nada a situación dos Parques nin dos Bombeiros. Teñen a intención de negociar e de darnos algo que xa é noso por lei, que non é outra que a condición de laboral fixo e as condicións que xa deberíamos ter dende fai uns anos atrás e que nos estiveron negando”.

Os problemas

De paso, explican os problemas principais por parte da xestión: “Están xogando a ruleta rusa cos peches de Parques de Bombeiros, que os decreta a Administración polo mal dimensionado que ten o servizo e a precaria situación na que están os seus traballadores. Queren agachar na convocatoria de folga por parte dos traballadores a incapacidade manifesta dos Consorcios para a prestación do Servizo”.

Por todo piden un pouco de autocrítica aos políticos e que solucionen a situación indigna dos traballadores, que teñen que facer ducias de horas extras para manter abertos os parques.

A familia de Diego Bello teme a posta en liberdade dos acusados polo seu crime en Filipinas

A familia do coruñés Diego Bello, morto por disparos da policía na illa de Siargao, en Filipinas, o 8 de xaneiro de 2020, mostrou a súa “profunda preocupación” ante a vista que terá lugar o luns 7 de agosto, “na que os tres axentes acusados pola Fiscalía filipina do asasinato de Diego poderían quedar en liberdade baixo fianza“.

Así o asegura nun comunicado no que explica que “os avogados da defensa dos policías Vicente Panuelos, Roel Azarcón e Nido Boy Cortez coñecerán este luns se a súa petición de posta en liberdade baixo fianza é admitida polo Xulgado de Dapa, encargado do caso”. A familia de Diego teme que, de outorgarse esta liberdade, “o proceso poida dilatarse no tempo ou mesmo que xamais chegue a celebrarse”.

Tamén apuntan que, segundo dispón a Lei Penal filipina, calquera acusado dun delito de asasinato debe permanecer en prisión ata que se dite a sentenza correspondente, sen a posibilidade de que estes poidan quedar en liberdade baixo fianza, pero alertan de que poidan saír de prisión “sen que aínda se coñeza a data e localización final do xuízo”.

Por todo iso, a familia de Diego Bello e a Plataforma Xustiza para Diego esixen ao Goberno e ás autoridades xudiciais de Filipinas “o estrito cumprimento da lei e o esclarecemento do asasinato de Diego mediante a celebración dun xuízo con absolutas garantías”. Da mesma maneira, piden ao Goberno español e ás autoridades da Unión Europea “a estreita vixilancia para que estas xustas reivindicacións se leven a cabo”.

O barrio de Xuxán comeza a construción doutras 40 vivendas de promoción pública

Xunta de Galicia licitou este mércores a construción de 40 vivendas de promoción pública en terreos localizados no barrio de Xuxán da cidade da Coruña, que suporán un investimento de máis de 7,7 millóns de euros.

A nova promoción, que será a segunda no devandito barrio, situarase nunha parcela de 1.280 metros cadrados. O inmoble contará con 40 vivendas distribuídas en 5 plantas, das cales 30 terán tres dormitorios; cinco serán de catro estancias e outras cinco de dúas habitacións.

Desta maneira, a superficie das vivendas oscilará entre os 66 e os 118 metros cadrados útiles. O edificio disporá de dúas plantas subterráneas, onde se localizarán 88 prazas de garaxe e na planta baixa haberá cinco locais comerciais e 40 trasteiros.

Nun comunicado, a Xunta puxo en valor que na actualidade xa acabou a construción doutras 40 vivendas de promoción pública en Xuxán e está a redactar o proxecto para a construción doutras 58 vivendas, polo que en total son 138 pisos os que se prevén no barrio.

Seguridad Social, Melón Diesel, Rafa Sánchez e Revólver, este xoves nas festas de María Pita

0

Grupos da década do oitenta tocarán este xoves na praza de María Pita, nun concerto promovido polo Concello da Coruña dentro da programación das festas.

Baixo o nome de ‘Tolos Coruña’, agruparanse nomes do panorama nacional como Seguridad Social, Melón Diesel, Rafa Sánchez e Revólver como parte da programación musical deseñada. Aos artistas e grupos mencionados sumaranse The Refrescos, Miguel Costas, Tennessee, Guaraná e La Poptelera que completan o cartel musical na terceira cita do ciclo de concertos.

O espectáculo comezará a partir das 22.00 horas, na plaza de María Pita, con entrada gratuíta ata completar capacidade da mesma.