Inicio Blog Páxina 65

Un premio de deseño para honrar a figura de Luís Seoane

A Deputación da Coruña e a Fundación Luís Seoane formalizaron este luns un convenio de colaboración para o desenvolvemento das actividades complementarias do Premio Luís Seoane de Deseño, un dos galardóns culturais que convoca regularmente a institución provincial coruñesa para promover o talento artístico.

O acordo, asinado polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e o presidente da Fundación e concelleira de Cultura da Coruña, Gonzalo Castro, ten como obxectivo fixar a proxección do premio a través da organización dunha exposición sobre a traxectoria das persoas ou entidades gañadoras da última edición, así da edición dunha publicación específica dedicada ao seu percorrido profesional.

O presidente da Deputación destacou que este convenio permite seguir impulsando o talento creativo e o deseño como ferramentas de innovación e desenvolvemento cultural, á vez que recoñece a figura de Luís Seoane, un dos grandes referentes da cultura galega contemporánea.

A Fundación Luís Seoane, entidade de referencia na difusión da obra e pensamento do artista, colaborará achegando ao seu espazo expositivo, asesoramento especializado e a organizaicón de actividades complementarias como visitas guiadas, conferencias ou accións divulgativas.

Pola súa banda, a Deputación asumirá a coordinación das exposicións e os custos asociados á súa produción, incluíndo a montaxe, transporte, seguros e edición da publicación, garantindo así o correcto desenvolvemento das actividades previstas. O convenio enmárcase na liña de apoio á cultura e á creación artística que impulsa a Deputación, que convoca anualmente o Premio Luís Seoane de Deseño como recoñecemento ao talento e á innovación no ámbito do deseño, contribuíndo á súa difusión e posta en valor do talento creativo da provincia.

En marcha as obras do Parque cuberto do Ventorrillo e de renovación do Parque da Palloza

0

Ultima esta semana os preparativos o concello da Coruña para a obra de dous parques infantís na cidade.

Parque do Ventorrillo

Esta semana darán comezo os traballos do novo parque infantil do Ventorrillo, que se converterá no primeiro parque cuberto da cidade, un proxecto pioneiro que permitirá aos nenos e nenas xogar a resgardo das condicións meteorolóxicas en inverno e protexerse tamén do sol no verán.

A área infantil contará con catro cubertas lixeiras de policarbonato para cubrir o parque. A superficie pasará dos 400 metros cuadrados actuais a 730. Coa mellora case se duplica o espazo. Tamén ascende o aforo, que pasará de 76 a 135 persoas usuarias.
Ademais, renovaranse tanto o pavimento como os equipamentos que hai actualmente, sumando xogos inclusivos e sensoriais. Haberá dous novos tobogáns aproveitando o noiro lindeiro ao parque, semellantes aos existentes nos parques de Oza e Eirís.

Novos pasos da Rolda peonil da Sagrada Familia e do parque infantil cuberto do Ventorrillo

Parque da Palloza

Máis tarde, nas vindeiras semanas, poranse en marcha os traballos de renovación do parque infantil situado na praza da Palloza.

A intervención sobre a área de xogos permitirá incrementar a capacidade do recinto ata máis de medio cento de persoas usuarias —54 en total— e, incluirá varias medidas destacadas. A primeira, a substitución do firme de area por unha nova superficie de caucho, que cubrirá 210 metros cadrados. E a segunda, a incorporación de novos equipamentos de disfrute como torres multixogo e balancíns, concibidos para o uso de nenas e nenos con mobilidade reducida.

A previsión dos servizos municipais é que os traballos no parque infantil da Palloza comecen nos próximos días, se as condicións meteorolóxicas son favorables.

O da Praza de Portugal, máis adiante

O Concello lembra que o Plan de Parques Infantís 2025-2030 contempla, “mais adiante”, a ampliación e remodelación do espazo existente na praza de Portugal.

Aproban 1,4 millóns de euros para a ampliación do parque infantil da Praza de Portugal

Achan o corpo dun home na zona da Dársena da Mariña

Os bombeiros da Coruña rescataron este luns o corpo dun home que apareceu flotando na auga no porto da Coruña, na zona do Club Náutico, en plena dársena da Mariña.

Segundo informou o 112 Galicia, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia tivo coñecemento deste suceso sobre as 05.40 horas.

Así, os operadores da central de emerxencias deron aviso a Salvamento Marítimo, ao servizo de Gardacostas de Galicia, á Policía Nacional, á Garda Civil, á Autoridade Portuaria da Coruña, á Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Tamén se desprazaron ata o punto os bombeiros da cidade herculina, que foron os encargados de de o rescate do home, xa falecido.

A Tobeira acolle esta tarde a presentación do libro escrito por Manolo Teniente na Flotilla da Liberdade 

0

A Global Sumud Galiza pon en marcha a xira de presentación do libro ”Diario a bordo do Sirius”, escrito por Manuel García Morales (Manolo Teniente), activista polos dereitos humanos. A obra recolle o testemuño en primeira persoa da súa participación na Flotilla da Liberdade no ano 2025, unha misión solidaria para romper o bloqueo sobre Gaza e denunciar a ocupación e a limpeza étnica en Palestina.

A xira arrincará na mañá do luns 6 de abril cunha rolda de prensa en Compostela e fará parada e fonda na Coruña o luns 6 de abril, na Libraría A Tobeira de Oza, ás 19.00 h.
Ademais, visitará o Ateneo Ferrolán, o martes 7 de abril, ás 18.00 h:; o mércores 8 de abril estará ás 20:00h no IES Fernando Blanco de Cee, ás 20.00 h; e oxoves 9 de abril, no Salón de Plenos do Concello de Moaña, ás 20.00 h.

Accións na Galiza

En todas as presentacións, Manuel García estará acompañado por integrantes da Asemblea de Global Sumud Galiza e representantes de colectivas solidarias, que aproveitarán para informar das accións previstas para a primavera de 2026 no marco da nova saída da Flotilla o 12 de abril, e das mobilizacións de apoio arredor desta data que terán lugar en localidades galegas.

Un diario escrito na travesía

Manuel García Morales, natural de Málaga e cunha longa traxectoria na solidariedade internacional, participou na experiencia da Flotilla como parte do activismo cívico para denunciar o xenocidio en Palestina. Durante a navegación foi escribindo un diario a bordo no que relatou día a día a evolución da flotilla, os avances, as dificultades e o contexto político e social que envolvía aquela acción humanitaria. O libro Diario a bordo do Sirius  onta cun prólogo do actor e escritor Carlos Bardem, quen participou xunto ao autor na presentación o pasado 13 de marzo en Sevilla, ante estudantes e representantes da solidariedade con Palestina.
No seu prólogo, Carlos Bardem salienta a importancia da resistencia e a mobilización cidadá: “Os palestinos son resistentes —impagables os testemuños da súa loita que Manuel insire no diario— e quen os apoiamos debemos selo tamén, militar na esperanza de que axudarlles é posible, de que outro mundo é posible. Porque como ben explica Manuel: ‘A enorme e marabillosa mobilización de millóns de colectivos en todo o mundo ten que manterse e aumentarse, na mobilización

Un incendio nun edificio da Coruña deixa catro mulleres afectadas por inhalación de fume

0

Un incendio rexistrado na mañá deste domingo nun inmoble da cidade da Coruña provocou catro persoas afectadas por inhalación de fume, todas elas mulleres, segundo a información facilitada polos servizos de emerxencias.

O suceso produciuse arredor das 09.15 horas, momento no que o 112 recibiu o aviso. A orixe do lume estivo nun curtocircuíto no cadro de luces da vivenda, causado por unha fuga de auga. Este primeiro incidente xerou, á súa vez, unha nova filtración que afectou ao cuarto de contadores do edificio, situado na rúa Fontán.

Até o lugar desprazáronse Bombeiros da Coruña, persoal sanitario, Policía Local e Nacional e voluntarios de Protección Civil, que participaron no operativo de atención e control da situación.

Segundo indicaron os efectivos de extinción, o lume quedou completamente apagado minutos antes das 11.00 horas, aínda que foi necesario realizar tarefas de ventilación no conxunto do inmoble debido á acumulación de fume e á elevada carga térmica nas escaleiras.

PERSOAS AFECTADAS POLO FUME

Entre as persoas afectadas atópase unha veciña que presentou síntomas de asfixia tras abrir a porta da súa vivenda, momento no que o fume entrou no interior do domicilio. Foi atendida no lugar polos servizos sanitarios e posteriormente trasladada a un centro hospitalario.

Ademais, outras tres mulleres resultaron afectadas pola inhalación de fume, aínda que só unha delas precisou evacuación sanitaria, sendo trasladada ao CHUAC ou ao Hospital Modelo da Coruña. As dúas restantes recibiron asistencia no propio lugar dos feitos.

O operativo deu por controlada a situación tras garantir a seguridade do edificio e a atención das persoas afectadas.

A Coruña acolle a VII Semana do Cinema Galego con oito proxeccións gratuítas

0

A cidade da Coruña dará comezo este martes, 7 de abril, á VII Semana do Cinema Galego, unha iniciativa que durante catro días achegará ao público unha selección de oito películas en sesións de acceso libre. As proxeccións terán lugar no Teatro Colón e na Domus, dous dos espazos culturais de referencia da cidade.

Segundo informou o Concello, a programación reúne títulos finalistas dos Premios Mestre Mateo nas categorías de mellor longametraxe de ficción e mellor documental. Ademais das exhibicións, o ciclo contará coa presenza dos equipos das películas, que participarán en presentacións e coloquios co público asistente.

A inauguración terá lugar o martes 7 no Teatro Colón coa proxección de Sirât, dirixida por Oliver Laxe, ás 19.00 horas. A continuación, ás 21.00 horas, será a quenda de As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns.

O mércores 8 manterase a actividade neste mesmo espazo coa exhibición de San Simón, de Miguel Ángel Delgado, ás 19.00 horas, seguida de ‘Antes de nós’, de Anxos Huerta, ás 21.00 horas.

TRASLADO Á DOMUS NAS ÚLTIMAS XORNADAS

O ciclo continuará o xoves 9 na Domus, onde se proxectará Deuses de pedra, de Iván Castiñeira, ás 19.00 horas, e Ao son da nova regueifa, de Manolo Maseda e Saúl Rivas, ás 21.00 horas.

Finalmente, o venres 10 pechará a programación con dúas novas sesións neste espazo: O silencio herdado, de Lucía Dapena González, ás 19.00 horas, e ‘360 curvas’, de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, ás 21.00 horas.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

MARTES 7 DE ABRIL – TEATRO COLÓN
19.00 h – Sirât, de Oliver Laxe

21.00 h – As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns
Presentación coa actriz Mara Sánchez.

MÉRCORES 8 DE ABRIL – TEATRO COLÓN
19.00 h – San Simón, de Miguel Ángel Delgado
Presentación co director Miguel Ángel Delgado e o actor protagonista Flako Estévez.

21.00 h – Antes de nós, de Ángeles Huerta
Presentación coa actriz Cris Iglesias.

XOVES 9 DE ABRIL – DOMUS
19.00 h – Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras

21.00 h – Ao son da nova regueifa, de Manolo Maseda e Saúl Rivas
Presentación cos directores Manolo Maseda e Saúl Rivas e regueifeiros.

VENRES 10 DE ABRIL – DOMUS
19.00 h – O silencio herdado, de Lucía Dapena González
Presentación coa produtora Laura Doval.

21.00 h – 360 curvas, de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández

Sete empresas optan a desenvolver o primeiro prototipo flotante para monitorizar e xerar enerxía mariña en Langosteira

0

Un total de sete empresas presentaron a súa candidatura para participar no desenvolvemento do que será o primeiro prototipo flotante a nivel estatal destinado á monitorización do medio mariño e á evacuación da enerxía producida por ondas e correntes na contorna de Punta Langosteira, na Coruña.

Segundo informou a Consellería de Economía e Industria, o prazo de presentación de solicitudes do proxecto Innomar, promovido polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), pechouse o pasado 23 de marzo. As propostas recibidas atópanse agora en fase de análise, na que se avaliarán aspectos como a solvencia económica, financeira e técnica das entidades aspirantes.

A iniciativa desenvólvese a través dun procedemento de Compra Pública de Innovación (CPI), que implica unha tramitación máis extensa do habitual. Este modelo baséase nun diálogo competitivo coas empresas seleccionadas, co obxectivo de definir progresivamente a solución tecnolóxica máis axeitada ás necesidades detectadas.

Neste proceso, as compañías que superen a primeira avaliación presentarán unha proposta inicial. Posteriormente, aquelas que obteñan unha mellor valoración accederán á fase final, na que se perfilará a solución definitiva. A previsión da Xunta é que o contrato sexa adxudicado no mes de setembro.

O proxecto Innomar contempla o deseño e desenvolvemento dun multiconector flotante sensorizado, capaz de integrar distintos prototipos de xeración eléctrica a partir de fontes renovables mariñas. Ademais de facilitar a evacuación da enerxía producida, este sistema permitirá recoller datos en tempo real sobre as condicións do mar.

Entre as súas funcións inclúense a monitorización de variables atmosféricas e mariñas, así como o seguimento de factores ambientais e da biodiversidade, co fin de mellorar o coñecemento do ecosistema mariño e o impacto destas tecnoloxías.

PUNTA LANGOSTEIRA, ENCLAVE ESTRATÉXICO

O prototipo instalarase na zona experimental de enerxías mariñas de Punta Langosteira, unha infraestrutura destinada á validación de tecnoloxías en condicións reais. Este emprazamento destaca pola súa capacidade enerxética, ao estar considerado como a segunda área do mundo con maior potencial de enerxía das ondas, só por detrás da costa sur de Gales.

A posta en marcha desta iniciativa sitúa Galicia no desenvolvemento de solucións innovadoras vinculadas ás enerxías renovables mariñas, nun contexto de transición cara a modelos enerxéticos máis sustentables.

A Coruña acolle a primeira Feira de Libros Tarados para fomentar un consumo cultural alternativo

0

A cidade da Coruña será escenario o vindeiro 11 de abril dunha proposta editorial singular coa celebración da I Feira de Libros Tarados, unha iniciativa que busca dar saída a exemplares con defectos menores e promover novas formas de consumo cultural. O evento terá lugar na libraría Galgo Azul e contará coa participación de oito editoriais.

A feira nace coa intención de revalorizar libros descatalogados ou con pequenas imperfeccións estéticas, como marcas na cuberta, dobleces ou erros leves de impresión. Segundo explican desde a organización, estes exemplares “lonxe de perder a súa esencia, manteñen intacto o seu contido literario e pedagóxico”, polo que defenden unha “mirada alternativa” ao consumo cultural.

Na iniciativa colaboran as editoriais Coco Books, Cumio, Ekaré, Mocidade, Libre Albedrío, Thule, Triqueta e Raposo Vermello, que achegarán arredor dun centenar de títulos. A oferta inclúe libro ilustrado, novela gráfica, conto e narrativa, con prezos que partirán dos 5 euros e descontos que nalgúns casos poden acadar o 40 % sobre o prezo orixinal.

Co obxectivo de facilitar a experiencia de compra, a organización establecerá un sistema de adhesivos de cores para indicar os prezos, permitindo aos visitantes identificar de maneira rápida as diferentes categorías e explorar os exemplares dispoñibles.

CONSUMO RESPONSABLE E SEGUNDA VIDA DOS LIBROS

A feira desenvolverase en horario de mañá e tarde, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, con entrada libre e gratuíta. A través desta iniciativa, os organizadores pretenden non só dar unha segunda vida aos libros con taras, senón tamén promover prácticas de consumo responsable no ámbito editorial e achegar a lectura a públicos diversos.

A proposta sitúase así como unha experiencia cultural que combina acceso económico á lectura e unha reflexión sobre o valor dos libros máis alá da súa perfección material.

A Audiencia da Coruña xulga un home acusado de recibir drogas por correo para a súa distribución

0

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña celebrará este mércores, 8 de abril, un xuízo contra un home ao que se lle atribúe a recepción dun envío postal con diversas substancias estupefacientes destinadas, supostamente, á súa distribución.

Segundo recolle o escrito do Ministerio Fiscal, os feitos remóntanse ao 26 de xullo de 2023, cando funcionarios de Vixilancia Aduaneira localizaron un paquete durante unha inspección rutineira nun centro loxístico situado en Miranda de Ebro (Burgos). O envío, procedente de Países Baixos, estaba dirixido ao acusado e tiña como destino un establecemento da cidade da Coruña, onde sería recollido.

Ao proceder á súa apertura, os axentes atoparon distintas substancias. En concreto, había 2 gramos de f-dck-hci en forma de cristal (fluorodescloroketamina), 2,5 miligramos de bromazolam e dous blísteres con dez comprimidos coa inscrición ‘Maxtc’, cun peso total de 4,68 gramos dunha substancia identificada como 5-MAPB ou os seus isómeros, relacionada estruturalmente co MDMA.

ACUSACIÓN POR TRÁFICO ILÍCITO

O Ministerio Fiscal sostén que estas substancias estaban destinadas ao tráfico ilícito, estimando o seu valor no mercado en 318,05 euros. Por estes feitos, considera que o acusado incorreu nun delito contra a saúde pública.

En consecuencia, solicita para o home unha condena de catro anos de prisión e o pagamento dunha multa de 954 euros. O xuízo terá lugar a partir das 11.50 horas na sede xudicial coruñesa.

Detida unha muller en Culleredo como presunta autora dun delito de furto de xoias, por valor de 10.000 euros

A Garda Civil de Culleredo detivo a unha muller como presunta autora dun delito de furto de xoias, valorando os efectos subtraídos en 10.000 euros. Tal e como trasladou a Garda Civil da Coruña nunha nota de prensa, os feitos ocorreron por mor dunha denuncia interposta en dita localidade, na que comunicaban o furto de xoias no seu domicilio.

Neste contexto, a Garda Civil iniciou unha investigación para constatar a veracidade dos feitos e identificar ao responsable ou responsables no seu caso. Finalmente, lograron identificar á presunta autora, resultando ser unha coñecida das forzas de seguridade por delitos da mesma índole. Segundo explican, a muller aproveitaba que realizaba labores de limpeza nese domicilio para subtraer as xoias. Con todo, a Garda Civil procedeu á detención da muller como presunta autora dun delito de furto.