UXT Galicia celebrou a sentenza da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que desestima, na súa totalidade, a demanda presentada pola CIG contra UXT e as organizacións empresariais do sector de transporte de viaxeiros na Coruña. A reclamación xudicial fora interposta pola suposta vulneración da liberdade sindical durante o proceso de negociación do convenio provincial e no marco das negociacións bilaterais entre as centrais sindicais e a patronal.
A resolución xudicial conclúe de xeito tallante que “non existiu vulneración algunha da liberdade sindical nin actuación contraria á boa fe negociadora por parte de UXT”, segundo sinalou o propio sindicato nun comunicado. A resolución supón un respaldo xurídico á estratexia seguida pola organización no conflito sectorial.
Ademais, UXT remarca que o alto tribunal galego considera plenamente lexítima a decisión adoptada de subscribir un acordo de eficacia limitada. O sindicato xustificou este paso despois de afrontar máis de catro anos de negociacións encalladas, numerosas reunións, mobilizacións na rúa, folgas e complexos procesos de mediación institucional sen lograr un convenio colectivo estatutario para o sector do transporte de viaxeiros na provincia da Coruña.
Volve incidir o portavoz municipal do Partido Popular no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, na “inexecución” do orzamento de 2025 por parte do goberno local. O PP presentará dúas mocións e unha pregunta oral no pleno deste mes de xuño respecto das consecuencias da “inexecución” do orzamento de 2025 por parte do goberno local e “propondo solucións para a súa corrección”.
Segundo explicou en rolda de prensa, o goberno municipal deixou sen executar 8,2 millóns de euros de 8,3 para rehabilitación e accesibilidade e 10,5 millóns de euros de 13 para actuacións en colexios e instalacións deportivas e culturais.
En canto á primeira partida, expuxo, a formación propón un informe “sobre as causas da baixa execución”; un “Plan Municipal de Choque para a Accesibilidade”; unha “Oficina Municipal de Apoio a Accesibilidade e Rehabilitación” ou “unha convocatoria de axudas anual fixa e que permita presentar solicitudes todo o ano”.
Respecto ás axudas para as instalacións educativas, culturais e deportivas, solicita tamén presentar un informe no que se “detalle a porcentaxe de execución de cada actuación e xustificación do non feito”, así como previsión para 2026 “con prazo de execución e importe de cada actuación”.
Do mesmo xeito, Lorenzo avanzou que formularán unha pregunta oral acerca da valoración que fai a rexedora sobre a liquidación do orzamento de 2025. O mesmo, segundo recalcou, “reflicte unha parálise absoluta e unha xestión ineficaz máis que preocupante que levarán recortes no orzamento por importe de 12 millóns de euros”.
CCOO do Hábitat Galicia considera que a resolución da Inspección de Traballo sobre a agresión sufrida por un vixilante de seguridade no Hospital de Oza confirma unha realidade que o sindicato leva tempo denunciando: o persoal de seguridade privada asume riscos reais, graves e inevitables no desenvolvemento ordinario do seu traballo.
Segundo se desprende da resolución emitida tras a denuncia interposta por CCOO logo do ataque ocorrido en decembro de 2025, malia cumprírense as medidas e normas de seguridade establecidas, a intervención habitual dun vixilante acabou derivando nunha agresión grave. Este feito evidencia que o risco cero non existe no sector, especialmente en centros sensibles como hospitais, onde o persoal se ve obrigado a afrontar situacións de tensión, violencia ou alteración da orde sen que sempre sexa posible evitalas.
Desde CCOO do Hábitat Galicia sublíñase que esta resolución vén confirmar o camiño iniciado polo sindicato para reclamar unha mellora das condicións económicas do persoal de seguridade privada, que compense de maneira xusta os riscos inherentes á súa actividade profesional. «O persoal de seguridade privada non pode seguir asumindo situacións de violencia grave coma se fosen simples incidencias laborais. Cando unha actividade ordinaria pode acabar nunha agresión, cómpre recoñecer ese risco tamén nas condicións laborais e salariais», sinala.
O sindicato lembra que o persoal de seguridade desempeña un papel esencial na protección de persoas traballadoras, usuarias, pacientes e instalacións. Por iso, reclámalles ás empresas do sector e ás Administracións responsables da contratación pública que deixen de mirar para outro lado e incorporen melloras reais nas condicións económicas, preventivas e organizativas deste colectivo. CCOO do Hábitat Galicia insiste en que non abonda con cumprir formalmente a normativa preventiva. Cando a propia actividade profesional comporta riscos graves que non poden eliminarse por completo, estes deben ser recoñecidos, avaliados e compensados.
Neste sentido, o sindicato impulsou, a través do Consello Galego de Relacións Laborais, o camiño para que as reivindicacións necesarias para garantir máis protección, máis recoñecemento e mellores condicións ao persoal de seguridade privada sexan unha realidade. Mantívose unha primeira reunión moi positiva o pasado 22 de maio, na que se acordou solicitar unha reunión das partes coa Consellaría de Sanidade.
CCOO Hábitat Galicia esixe o recoñecemento efectivo dos riscos específicos da seguridade privada; melloras económicas que compensen a exposición a agresións e situacións de violencia; o reforzo das medidas preventivas e dos protocolos de actuación en centros hospitalarios; e unha maior responsabilidade das empresas e das administracións contratantes.
Hoxe, 8 de xuño, é o Dia Internacional dos Océanos. E a cidade está afianzando unha cita que vai convertirse nunha tradición medioambiental. Este ano, o activo colectivo WeSustainability uníase a Mar de Fábula para lanzar esta gran xornada de limpeza, concienciación e inclusión nos areais coruñeses. No marco do Festival Mar de Mares, ducias de centros de ensino, e entidades sociais uníanse para dar conta da cantidade de lixo que xeramos os humanos, e como magoamos os nosos recursos naturais.
Cando dúas cabezas como as de Óscar Vales e Xose Manuel Barros se xuntan pasan cousas
”Hoxe paramos”, reflexionaba Xosé Manuel Barros, alma de Mar de Fábula, entidade que leva 15 anos limpando cada fin de semana os areais da Costa da Morte e da Coruña. “Non estamos cansos de limpar praias, pero o que temos que facer é non contaminar”, sinalou. Óscar Vales, alma de Vazva e W8, agradeceu a valentía do seu mentor, o propio Barros, e puxo en valor esa unión de entidades, ese traballo en rede, que permite que unha xornada de limpeza colectiva, sirva como exemplo, concienciación e como un gran exercicio de inclusión.
Porque ademais de ducias de centros de ensino e de entidades medioambientais, tamén participaron os usuarios con discapacidad da Fundación Real Club Deportivo da Coruña ou do Centro de Educación Especial Lourdes de Aspronaga, ou as persoas privadas de liberdade do Centro de Inserción Social da Coruña e mesmo do Centro Penitenciario de Teixeiro, que gracias a Institucións Penitenciarias e á Fundación Érguete Integración puideron gozar dun día de gran aprendizaxe medioambiental e social.
Usuarias de Aspronaga limpando Riazor
Dous colectivos, dúas praias, un mesmo planeta
Colexios limpando o Orzán
”Non é o noso lixo, pero si o noso planeta”. Ese é o lema de Mar de Fábula, e así se trasladou ao longo desta xornada, na que os centos de alumnos e alumnas de varios centros de ensino se ocuparon de limpar o areal do Orzán, na zona pegada ao Rompeolas, mentres as entidades facían o propio pola zona de Riazor.
Colectivos limpando Riazor
Ambos areais foron unidos pola pelota de goma de Mar de Fábula que representa o noso planeta, e que foi pasando de man en man dos centos de persoas voluntarias, unindo entidades e colexios
Limpar e non ensuciar
Aos pouquiños, coas bolsas de lixo pouco ateigadas, parecía que o areal estaba limpo. Pero impresiona cando se xuntaron na Coiraza os centos de bolsas de lixo, e a familia de Mar de Fábula, especializada no tema, debullaba e separaba o contido, deparando milleiros de cabichas, latas, botellas, redes, microplásticos…
A alcaldesa Inés Rey, con Vales e Barros ao remate do evento
Esta de festas esta fin de semana do 13 e 14 de xuño o barrio de Palavea. A asociación veciñal “Os nosos lares” de Palavea (que tamén abrangue Santa Xema, Río de Quintas e a zona da Ponte da Pasaxe), vén de lanzar o cartel das tradicionais festas patronais do barrio por Santo Antonio e Santa Cristina.
Un cartel realizado por segundo ano consecutivo pola artista María Alberte Murga (@marialberza), cuio deseño, “ademáis de moi fermoso, moi significativo tamén con relación ao barrio e tamén aos cincuenta anos da entidade botando raíces que medran como unha árbore fondas, vivas e cheas de futuro”, destacan dende a entidade veciñal.
As festas, deseñadas contemplando a diferentes idades e opcións recreativas, contando con grupos locais, realizarase na contorna da praza Padre Busto.
O inicio das festas o sábado comeza ás 13:00 horas cunha sesión vermú realizada polo grupo Los Kibbis. Continuará a programación ás 16:00 horas cunha actuación do grupo de musicoterapia do barrio, o grupo de Musicoterapia de Palavea dirixido por Luis “Fixoi”, ex baterista dos Satélites. Ás 17:00 h. aproveitarase para conmemorar os 50 anos da entidade coa presentación dun libro de fotografía de José Carlos Alonso sobre Palavea. Esta presentación será no Centro Cívico de Palavea. A esa mesma hora no escenario actuará o grupo de rock Mr. Kamándula. Posteriormente, ás 18:00 h. terá lugar unha sesión de iniciación a esgrima a cargo do coruñés Clube de esgrima 100 Tolos (@100tolos).
A esa mesma hora o público poderá disfrutar da actuación da Agrupación Musical Emilia Pardo Bazán.
Ás 20:00 h contarase coa actuación conxunta de Kamino Karachi (@caminokarachi) de Totó Barreiro, Gitano Antón (Antonio Moreno Amador, @gitanoanton_), célebre membro xunto con El Langui do grupo madrileño La Excepción, e Maxi Jeremies (@maxijeremies), cantante e guitarrista madrileño.
A parte musical da noite corresponde coa actuación do grupo Los Platinos, a partir das 21:30 h (@los.platinos) (@the_muppets_rock_covers). Pecha a xornada a sesión DJ de DJ Takesound (@takesound_djshow)
O domingo 14 de xuño comeza as 10:00 h. a festa coa alborada realizada pola Asociación Cultural Folclórica Folerpas e as 12:00 h. a tradicional misa na capela de San Eduardo en Palavea, capela privada que só se abre anualmente para a realización desta misa popular, e que continuará coa tradicional procesión dos santos de Santo Antonio e Santa Cristina polo ámbito do barrio.
Trala procesión en torno as 14:00 h. terá lugar a sesión vermú realizada por Yeisimusic (@yeisimusic). A partir das 17:00 se iniciará unha áreainfantil de xogos variados que incluirá festa da espuma. . A patir das 18:00 h contaremos con entretemento musical da Asociación Cultural La Trova (https://www.facebook.com/share/15E1eDKHME/). Seguirá a continuación a actuación do grupo coruñés de música rock e pop Grupo 13 B (@13bpopandrock). Tras finalizar esta, en torno as 21:00 h realizaremos unha queimada dramatizada por Axiña tamén aproveitando o especial 50 aniversario da entidade.
Para pechar a xornada o Grupo Karamba e a partir das 24:00 h unha sesión DJ co DJ Marcos Magán.
Ademais en ambos días contarase con de feria de inchables, xiroscopio, caseta de tiro, churros, garrapiñadas, etc.
Colaboran nas festas negocios sitos no barrio como a Inmobiliaria Santa Gema, Alcampo, peluquería Xuca e o Bar-cafetería Argaau, ademáis do Concello da Coruña a través da subvención de festas de barrio 2026.
Carlos Ares anunciou o peche da súa xira cunha serie de concertos en Madrid, Barcelona, Valencia, A Coruña, Bilbao e Málaga. No caso da cidade herculina, está previsto que o artista galego actúe o 19 de decembro no Palacio da Ópera. O músico deu os seus primeiros pasos na industria como produtor e compositor, antes de dar o salto definitivo en 2024 co seu proxecto en solitario, Peregrino. Aquel traballo marcou un punto de inflexión na súa carreira e valeulle o Premio MIN ao Mellor Álbum Pop.
O seu segundo disco, La Boca del Lobo, publicado en maio de 2025, supuxo unha clara evolución na súa traxectoria artística. Nel, Carlos Ares aposta por un son máis complexo, experimental e ambicioso, construído a partir da experiencia persoal e cun impacto que se traduciu nunha xira con entradas esgotadas. Agora, con “Fin de Gira”, o proxecto alcanza o seu punto álxido.
O que no álbum se presenta como unha declaración de intencións, enriba do escenario cobra unha nova dimensión e transfórmase nunha experiencia emocional e celebratoria. As cancións, inspiradas na música popular das últimas décadas, reinterprétanse en directo desde unha ollada contemporánea, vangardista e minimalista, consolidando a Carlos Ares como unha das voces galegas con maior proxección da escena actual.
A Coruña convertida nun escenario marcado polo medo, o control social e a supervivencia. A cidade é unha das protagonistas de “CORRE”, nova curtametraxe producida por Tetra Filmes e dirixida por Saamira Ganay. Protagonizada por Lucía Veiga, Sara Miranda e a propia directora, a cirta vivirá a súa preestrea oficia este mércores 10 de xuño ás 20:00 horas nunha sesión gratuíta ata completar aforo que incluirá actuación musical en directo de Belém Tajes e un coloquio posterior co equipo da película e diferentes asociacións vinculadas ás realidades sociais abordadas na obra.
Lonxe dunha ciencia ficción futurista ou afastada da realidade, CORRE constrúe unha distopía incómodamente próxima, alimentada por dinámicas sociais e políticas que xa forman parte do noso día a día. A curta reflexiona arredor da desinformación, o control sobre a educación, a normalización dos discursos de odio ou a perda progresiva de dereitos, explorando como o medo e a exclusión poden chegar a integrarse na vida cotiá dunha sociedade aparentemente democrática.
Para Saamira Ganay, CORRE é “unha historia que fala de amor e medo a partes iguais, nun ambiente hostil que en certo modo sempre me resultou familiar” súa orixe mestiza e o feito de medrar nun contexto humilde condicionan tamén a súa maneira de escribir e representar o mundo, atravesada por cuestións como a identidade, a pertenza ou as desigualdades sociais: “permíteme ter unha mirada cercana e honesta sobre problemáticas que non adoitan aparecer desde certos lugares no audiovisual”.
A curta utiliza a cidade da Coruña como un elemento central da narración, transformando espazos recoñecibles como María Pita ou a Torre de Hércules nun escenario de tensión e vulnerabilidade. Entre os elementos máis singulares da produción destaca tamén a incorporación de audios reais enviados desde Gaza por Samer Alwazair, integrados no deseño sonoro da obra para establecer unha conexión directa entre a ficción e conflitos contemporáneos atravesados pola violencia, o desprazamento e a supervivencia.
O reparto principal está encabezado por Lucía Veiga, unha das intérpretes galegas con maior proxección do audiovisual actual, actual presidente da Academia Galega do Audiovisual e que será a pregoeira deste San Xoán. Recentemente gañadora do Premio Mestre Mateo 2025 á Mellor Actriz de Reparto e candidata ao Premio Goya á Mellor Actriz Revelación polo seu traballo en Soy Nevenka, Lucía continúa consolidando unha traxectoria marcada pola versatilidade e a presenza en algúns dos proxectos máis destacados do audiovisual recente, con títulos como Rapa, Clanes, As Neves, Animal Salvaje ou Mi ilustrísimo amigo.
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, abordou con representantes dos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros a proposta de creación dunha Área de Prestación Conxunta (APC) para o servizo de taxi. Segundo informa o Executivo autonómico, o encontro tivo como obxectivo mellorar a prestación deste transporte público e lograr que estes cinco municipios se sumen á iniciativa metropolitana. Tras esta primeira reunión de toma de contacto, os concellos implicados deberán informar da súa postura á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes nun prazo de tres meses.
O Goberno galego precisou que, unha vez transcorrido este prazo sen que se produza un pronunciamento expreso por parte de cada administración, entenderase que informan en sentido favorable por silencio administrativo. Durante a posterior tramitación do procedemento, abrirase un período para dar audiencia ás organizacións sindicais e empresariais, ás asociacións profesionais do sector do taxi, así como ás entidades de consumidores e usuarios con maior representatividade.
Respecto do encontro, o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e portavoz do goberno local da Coruña, José Manuel Lage, puxo en valor estes primeiros pasos para crear a área de prestación conxunta, salientando que permitirá que os taxis da Coruña non só operen na cidade central, senón tamén nos concellos limítrofes de xeito integrado.
Pola súa banda, desde o Concello de Culleredo matizaron que o transmitido nesta xornada é “unha declaración de intencións sen contar aínda co estudo técnico e legal esencial para formular unha proposta”. O goberno municipal cullerdense adiantou nun comunicado que se manterá en contacto permanente cos representantes das asociacións de veciños e da asociación de taxistas para definir unha posición conxunta que, chegado o momento, deberá ser sometida á consideración do pleno da corporación municipal co fin de defender o servizo público.
A sala Leonardo da Vinci, na Domus, acolleu este luns o acto de presentación do monográfico «Viaxeiros ao tren. 150 aniversario do ferrocarril na Coruña», unha iniciativa promovida polo Concello a través do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses.
Un traballo que nos mergulla na historia da chegada do ferrocarril á cidade herculina, que relata os numerosos obstáculos que se superaron polo camiño para poder contar con este medio de transporte.
Por exemplo, as dificultades orográficas, que demoraron o proceso ata mediados do século XX para ver completado o proxecto de conectar A Coruña con Madrid.
A obra, que está desenvolta por tres autores, como lembrou o concelleiro Gonzalo Castro: Carlos Nárdiz, José Ramón Soraluce e Miguel Rodríguez Bugarín, vinculados ao Instituto Cornide e á Universidade da Coruña, afonda no mapa de liñas existente en Galicia no século XIX mais tamén na arquitectura das estacións de ferrocarril e no posterior desenvolvemento do ferrocarril na comunidade.
Os tres colaboraron para desentrañar a complexa trama política, social e económica —así como o reto empresarial e construtivo— que foi preciso superar e coordinar hai 150 anos para que as coruñesas e os coruñeses puidesen subirse ao tren.
Este domingo, algo máis de 200 persoas dunha marea de entidades culturais que se uniron á Asemblea Aberta Salvemos os Murais do pasado mes de maio, xuntáronse para reivindicar “o acceso á beleza”. A marcha ”A Coruña pola beleza. Deixade pasar as ondas do mar!” volveu traer á primeira liña a batalla por rescatar e manter vivos os icónicos murais de Urbano Lugrís que esmorecen nun edificio abandonado da rúa Olmos.
Con paraugas pintados con motivos da obra de Lugrís, verdadeiras obras de arte realizadas en comunidade nun obradoiro “lugrisán” desenvolto pola mañá, a marea berrou lemas como “Aquí están, aquí se ven: homes mariños, sereas en pé”, “Quen rexeita a beleza? A Xunta e a alcaldesa”, “Menos derrotismo e máis surrealismo”.
Comezaron no Obelisco, e pasaron polo propio edificio de Olmos 25, onde completaron a instalación artística e reinvidicativa lembrando que, máis aló das promesas baleiras, as institucións teñen moito que facer. Xa en María Pita, e ao son das gaitas de Moncho Orzán e das pandeireitas de Natalia Pérez Barrio, entrte outras, seguiron defendendo o acceso a cultura, .
Ao remate Felipe Senén proclamou un “Oremus” Lugrisián no que reivindicou a alta cultura tabernaria e as tascas como lugares abertos “ao conto añe ao canto”.
Natalia Pérez Barrio, Moncho do Orzán, Rodrigo Osorio e Xurxo Souto
Intervención na rúa Olmos
Paraugas lugrisáns no Obelisco
Os paraugas con motivos lugrisáns son verdadeiras obras de arte
Unha marea de paraugas lugrisáns invadiron María Pita
Intervención na rúa Olmos
Encapsular?
Sobre a idea da Xunta de encapsular os murais ata que se rehabilite o edificio, as plataformas pregúntanse que significa iso exactamente, porque nin os arquitectos preguntados nin a propia Comisión de Cultura explicaron o que era encapsular nin cando ían facelo. “Encapsular semella unha palabra técnica-propagandistica para facer crer a cidadanía que están a facer algo”, lamentan dende os colectivos.