Un dos acusados polo apuñalamento mortal a Yoel Quispe, na Noiteboa de 2023 na Coruña, buscou información sobre a condena ao matar a unha persoa, segundo manifestou un policía que participou na análise de móbiles tras o envorcado de datos dos mesmos.
Así o declarou nunha nova sesión do xuízo que se celebra na Audiencia Provincial da Coruña e que nesta xornada centrouse en testificais de axentes da Policía Nacional que participaron en detencións ou na investigación posterior.
Un deles ratificou que no móbil do autor confeso da puñalada mortal había pantallazos de redes sociais sobre o caso. No que as acusacións particulares consideran a persoa que lle facilitou a navalla, atopouse procuras sobre posibles condenas. Respecto ao primeiro, en audios cunha amiga, como se escoitou xa noutra sesión, o mozo — que confesou ser autor dos feitos tras negalo inicialmente e culpar a outra persoa — díxolle a un policía, que el non fora. De actitude “normal” cualificou outro axente como se atopaba o día da súa detención o mozo ao que se acusa de darlle a navalla a este.
Centos de persoas percorreron esta mañá de sábado 6 de xuño as principais arterias da cidade na manifestación por unha vivenda digna. Convocada pola Plataforma polo Dereito á Vivenda, o Sindicato de Barrio Os Mallos Falperra e o seu espazo da Revolteira, baixo o lema “Nin os alugueiros polas nubes. Nin os salarios polo chan”, a manifestación recolle a indignación social que xera a problemática máis importante para a maioría dos galegos.
A mobilización, que forma parte dunha onda de protestas en máis de 20 cidades do Estado tamén convocadas polo Sindicato de Inquilinas, uniu a subdelegación do Goberno, na Praza de Ourense, con María Pita, nunha clara alusión á falta de iniciativas de promoción de vivenda pública por parte de todas as administracións.
Os berros de “Que pasa, que pasa? Que non teño casa!” é un perfecto exemplo do sentir de boa parte da mocidade deste país (a outra xace tranquila, en casa dos pais, consumindo o pouco que teñen nas terrazas), que non se pode independizar ata os corenta.
Moitas das arengas foron dirixidas aos rentistas, aos grandes propietarios, nomeadamente os bancos, poñendo en evidencia que a vivenda é un dereito e un ben básico, e non un privilexio nin un ben especulativo.
Entidades como a CGT, A Plataforma Monte Mero Xa Existe, os grupos aliñados na cidade de EU, Podemos e Sumar, o Sindicato de Estudantes, o Movemento Galego pola Defenda do Sistema Público de Pensións, Amnistía Internacional, Galiza Nova -BNG… secundaron a manifestación coas mesmas arengas.
Ao longo da semana, os convocantes foron repasando argumentos sobre o asunto, lembrando que o aluguer subiu máis dun 50% en 5 anos e máis dun 80% na última década, e a compra supera xa os 2.800 €/m² de media na cidade
Incrible o que viviu esta fin de semana a parroquia laranxa. O Leyma Basquet Coruña volveu á ACB arroupado por unha afección que non deixou de crer en ningún momento. Foi un fin de semana longo, pero a tensión máxima mereceu a pena.
A cidade vestíase de gala para este fermoso formato de playoff, onde non vale nada do vivido ata agora. Non contaba a marea de vitorias do equipo de Carles Marco, que non foron suficientes para o ascenso directo. Chegaba a marea morada de Palencia, e as cores azuis da Demencia (a afección do Estudiantes) e do Oviedo OCB. Fermosa estampa na xornada sabatina, cun Coliseum de marcado cor laranxa pero con zonas ateigadas de morado ou azul.
O Leyma abría a xornada ante o Palencia, equipo que viña de vencer aos herculinos nas últimas xornadas de Liga. Pero o equipo respondeu. Cun Caio Pacheco espectacular na anotación, o equipo foi impoñéndose e conseguía meterse na final.
O Coliseum foise baleirando para a segunda semifinal, na que Estudiantes fixo valer a súa condición de histórico, e superou a un Oviedo que viña de tapado, e acabou ocupando o pavillón par homenaxear a uns heroes que fixeron soñar á afección azulona.
A gran remontada
E neste escenario, cun Leyma que chegaba de perder só 5 dos 39 partidos xogados esta temporada, recibía ao Estudiantes, toda unha lenda do baloncesto estatal, apoiado ademais por un trasatlántico mediático como Movistar, que só retransmite os partidos do seu equipo. Un Estudiantes que chegaba no seu mellor momento de forma de toda a temporada, e apoiada por uns 200 ruidosos afeccionados da famosa Demencia, que non pararon de animar en todo o partido.
Comezaba o partido moi pelexado, con 3 minutos sen unha soa canasta, e cun 6-12 para os laranxas ao final do primeiro cuarto, demostrando que cada unha ía valer ouro. O partido ía ao trantran. Bulían os cambios no cadro de Carles Marco, pero o balón non fluía, e sobre, todo o triples non entraban. Jacobo Díaz, sempre facendo as cousas ben, Jorgensen, e unha boa defensa, mantiña ao equipo a flote.
A bancada estivo espectacular
Silverio, sobre todo, e o veteranos Cranger, facían estragos na defensa local e pasaban os minutos e o Estu ía collendo vantaxe. Parecía todo esquecido ao comezo do último cuarto: 15 abaixo a falta de 7 minutos para o final. Pero un par de detalles, unha triple de Cuevas (algo máis precipitado que máxico nesta ocasión) acendía de novo o Forno de Riazor.
9 a falta de 5 minutos traas varias canastas de Cremo e Jorgense (ao final, MVP das finais). 4 abaixo a falta de 1:30h. E o pavillón veña a ruxir.
Co Estu estacando nos 80 puntos, apareceu Caio Pacheco a 30 do final para marcarse un triple impresionante que empataba o partido. Boa defensa permitía ter unha última ocasión pero non hubo nin tiro: prórroga.
Foi aí cando apareceu o Leyma de sempre. Un triple do sorriso de Paul, unha boa defensa de Jacobo e, por fin, unha de 3 a Diop, despois de 3 erros que desesperaban á bancada, colocaban o 8 arriba para os laranxas, e a bancada xa non paraba de botar. Aínda tivo que volver aparecer Pacheco con 2+1 nunha valente internada a canasta para permitir celebrar o soño de volver, apenas un ano despois do descenso, á ACB, no que é o segundo ascens da historia do club herculino.
Así, estamos aínda a comezos de xuño, e a cidade xa leva dous ascensos, un en branquiazul e outro en laranza, mentres soña con erguer un título de liga, desta volta, vestidos de verde.
O Leyma Básquet Coruña foi recibido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este luns. Segundo se indica nun comunicado, o titular do Executivo eloxiou o esforzo do equipo e do corpo técnico tanto ao longo da tempada regular como na Final Four celebrada esta fin de semana no Coliseum da Coruña. Alfonso Rueda tamén tivo palabras para a directiva e para a afección do clube, “que non deixou de crer”.
Por último, o presidente salientou que, con este ascenso, Galicia “consolida o excelente momento do seu deporte”, tamén no baloncesto, con tres equipos galegos que xogarán na máxima categoría masculina e outros tres na feminina. “Imos presumir o ano que vén, que é o gran ano de Galicia, o ano Xacobeo, do que faredes na ACB grazas ao voso esforzo”, rematou.
Este pasado venres, no local da Federación de Asociacións Veciñais de A Coruña e Área Metropolitana (Centro Cívico Municipal do Birloque – Avda/ Glasglow, 7) celebráronse ás
Asembleas Xerais Ordinaria e Extraordinaria da entidade, nas que se tratou o informe do estado de contas, a memoria das actividades realizadas no último ano e temas de optimización da xestión económica.
A asemblea extraordinaria elixiu por unanimidade unha renovada directiva composta por membros de máis dunha decena de asociacións veciñais, entre as que se inclúen ás:
A Deputación da Coruña reafirma a súa estratexia de apoio directo ao eido municipal. O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, reivindicou a utilidade e o impacto do Plan Único como a ferramenta clave para optimizar os servizos públicos e renovar as infraestruturas dos diferentes concellos coruñeses.
MELLORAS DEPORTIVAS EN SANTA COMBA E VARIAS EN DUMBRÍA
A defensa deste modelo de xestión tivo lugar no marco dunha xira de visitas técnicas para supervisar o avance de diversas actuacións sobre o terreo. A primeira parada levouse a cabo nas obras de reforma e ampliación dos vestiarios do campo de fútbol municipal de Fontenla, en Santa Comba. Este proxecto deportivo, que conta cun investimento provincial de 203.885 euros a través do Plan Único, foi supervisado por Formoso xunto ao alcalde do municipio, Alberto Romar, e o deputado de Deportes, Antonio Leira.
De xeito paralelo, o mandatario provincial desprazouse ata o concello de Dumbría para comprobar, canda o alcalde Raúl González, os traballos de remate que se están a executar na estrada DP-2302. Esta vía, que conecta as localidades de Hospital e Brens, atópase nunha fase avanzada de execución e conta cunha importante partida financeira por parte do ente provincial que ascende aos 1,6 millóns de euros co obxectivo de mellorar a seguridade viaria.
IMPULSO Á FEIRA GASTROLEGÍTIMO DE PADERNE
Alén dos investimentos en formigón e equipamento deportivo, a Deputación da Coruña mantén activa a súa liña de promoción económica e cultural do territorio rural. Noutra orde de cousas, a institución provincial confirmou que apoiará unha nova edición da Feira GastroLegítimo do concello de Paderne. Esta cita gastronómica, que se consolida no calendario local por terceiro ano consecutivo, celebrarase na parroquia de Esperela ao longo das xornadas do 4 e 5 de xullo.
A deputada do BNG Mercedes Queixas foi a encargada de formular a pregunta ante a Comisión de Cultura, onde denunciou unha situación de “abandono institucional” arredor das doce pinturas, e mesmo acusou a Xunta de “incumprir” as súas obrigas na protección dun conxunto do que a Administración autonómica é titular desde xullo de 2024.
A parlamentaria lembrou que os murais foron declarados Ben de Interese Cultural en outubro de 2025 e cuestionou que nin esa protección nin a titularidade pública das obras teñan servido, polo momento, para garantir a súa conservación efectiva.
Queixas advertiu de que as pinturas continúan nun edificio con filtracións e problemas estruturais, polo que reclamou información sobre as medidas adoptadas pola Xunta e sobre as actuacións inmediatas previstas para evitar un deterioro que, segundo sinalou, “podería chegar a ser irreversíbel”.
Tocoulle ao director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, Ángel Miramontes, defender este a actuación do Goberno autonómico para garantir a conservación dos murais. Miramontes subliñou que a Xunta é titular dos murais, pero non do inmoble no que se atopan, unha circunstancia que, segundo explicou, condiciona calquera intervención. O director xeral asegurou tamén que a Consellería de Cultura tratou de promover unha actuación coordinada con outras administracións, aínda que, segundo afirmou, “sen obter a resposta agardada”.
O responsable de Patrimonio Cultural enumerou as actuacións realizadas desde 2024, entre as que citou estudos históricos, artísticos e estruturais, análises dos materiais pictóricos, levantamentos tridimensionais de alta precisión e a elaboración dun diagnóstico completo cunha proposta de intervención.
Segundo expuxo, tamén se levaron a cabo medidas urxentes de fixación de estratos pictóricos en zonas con risco de desprendemento. Ademais, indicou que ao longo de 2026 continúan os traballos de control, seguimento e conservación preventiva para avaliar a evolución do estado das pinturas.
ENCAPSULAMENTO MENTRES NON SE DESBLOQUEA A REHABILITACIÓN
Miramontes situou a principal dificultade no estado do edificio e nos atrasos relacionados coa obtención das licenzas urbanísticas por parte dos propietarios. Nese contexto, avanzou que a Xunta está a preparar o encapsulamento e protección dos murais como medida para asegurar a súa conservación mentres non se desbloquea a rehabilitación do inmoble.
O director xeral engadiu que o seu departamento mantén un seguimento “permanente” do estado das pinturas e que asesora os propietarios sobre as medidas necesarias para evitar danos durante as futuras obras. Fronte ás críticas do BNG, insistiu en que a Xunta ten desenvolvido actuacións técnicas para coñecer, diagnosticar e protexer o conxunto, aínda que vinculou os avances definitivos á situación urbanística e estrutural do edificio que acolle as obras de Urbano Lugrís.
A Audiencia Provincial da Coruña, de conformidade co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a un ano de cárcere ao autor dun delito continuado de quebrantamento de medida cautelar, en concurso medial cun delito de violación de morada na cidade herculina. Ademais, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), impónselle a prohibición de aproximarse a menos de 300 metros da súa exparella, do seu domicilio ou do seu lugar de traballo, así como de comunicarse con ela por calquera medio durante un período de tres anos. O home tamén terá que indemnizar á vítima con 1.200 euros polos prexuízos e os danos morais ocasionados.
O Tribunal do Xurado considerou probado que o acusado, tras recibir unha orde de protección que lle prohibía expresamente achegarse á muller e ao seu fogar, incumpriu dita prohibición en varias ocasións, incluíndo a entrada non autorizada na vivenda. A pesar de que a defensa alegou a inexistencia de delito e solicitou a absolución, o xurado entendeu que os feitos son constitutivos de delito baseándose nas probas documentais e testemuñais que confirmaron o quebrantamento da medida cautelar e o asalto á propiedade.
A maxistrada presidenta indica no fallo que a proba practicada permite determinar, sen ningunha dúbida, que o procesado acudiu ou transitou a menos de trescentos metros do edificio da vítima polo menos en tres ocasións —o 21 ou 22 de xullo, o 1 de agosto e o 8 de agosto— e que nesta última data penetrou no domicilio sen autorización. A sentenza engade que o xurado foi categórico ao afirmar que a residente non prestou o seu consentimento e que o acusado era plenamente consciente de que non podía entrar en morada allea. Con todo, a resolución non é firme, pois cabe presentar recurso de apelación ante o TSXG.
Xa está en marcha o fermoso Festival Mar de Mares. Nesta XIII edición, o festival conta con máis de 40 actividades, dirixidas a todos os públicos. Entre elas a exposición fotográfica “O mar que nos habita”, do fotógrafo Xurxo Lobato, que acolleu a inauguración oficial, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, da man do Concello e a Deputación da Coruña.
Un festival que en si mesmo nace para reivindicar a necesidade de protexer os ecosistemas mariños e de entender o océano como parte esencial da identidade, da economía, da cultura e da vida do noso país. Para iso, prepara un programa completoata o 18 de xuño de exposicións, encontro con escritoras, propostas en centros como os museos científicos ou a sede de Afundación, iniciativas vinculadas ao turismo azul ou ao avistamento de aves, así como a visita á lonxa ou “ioga mares” dentro das lúdicas e deportivas.
O festival, organizado pola Asociación Redes de Sal, tamén o IV Foro Mar de Mares para “dar voz aos profesionais que traballan por e para o mar” con catro mesas dedicadas a cuestións como a acuicultura ou a pesca sustentable.
Dun mercado a unha limpeza
A exposición forma parte dunha ampla programación que inclúe actividades como o Mercado Mar de Mares no Parrote (estará vivo esta fin de semana con numerosas cousas), propostas de divulgación científica, visitas vinculadas ao patrimonio portuario, encontros arredor da cultura oceánica, actividades de turismo azul e accións ambientais como a VII Gran Limpeza de Fondos Marinos, repetindo experiencias necesarias de anos pasados.
A programación complétase con cursos e xornadas formativas, actividades divulgativas, roteiros interpretativos e proxectos sobre o terreo, como a Ruta das Árbores Monumentais no Pazo de Mariñán, as Xornadas Micolóxicas, exposicións itinerantes como “Golfiños na proa” ou iniciativas vinculadas á instalación de caixas refuxio para aves e morcegos.
Unha muller faleceu nun incendio nunha vivenda da rúa Río de Quintas, no barrio coruñés de Palavea, ocorrido durante a madrugada deste luns. Segundo informan os bombeiros da Coruña, ás 1,33 horas da madrugada recibiron alerta dun veciño de que saía fume negro da planta baixa das vivendas de Santa Bárbara. Á chegada ao lugar, atoparon á muller “con síntomas de asfixia e queimaduras”.
Os bombeiros apuntan a que o lume se iniciou na zona do salón ao queimarse unha butaca, cunha propagación do lume ata unha mesita e o sofá no que se atopaba a vítima. Unha dotación con tres vehículos e nove efectivos de bombeiros desprazáronse ata o lugar. Á súa chegada, observaron que estaban as persianas derretidas. Accederon pola venda ao salón no que atoparon á muller.
Tras abrir a porta principal para a entrada da Policía Local e servizos sanitarios, procédese á ventilación da vivenda. O lume quedou extinguido.
Este luns 8 de xuño, unha Gran Corrente invadirá as praias de Orzán, Riazor e o Matadoiro. No marco do Festival Mar de Mares, pero sobre todo celebrando o Día Mundial dos Océano, Mar de Fábula e o colectivo We Sustainability organizan unha gran limpeza para reunir a tanta xente como sexa posible por unha causa común: coidar o mar.
O colectivo herculino únense á acción xa promovida o ano pasado por Mar de Fábula, convertida ademais nunha completa xornada de inclusión. E de feito, este ano sumaranse colectivos tan singulares como as persoas con discapacidade do Centro de Educación Especial Lourdes de Aspronaga, ou as persoas privadas de liberdade do Centro de Inserción Social da Coruña e do Centro Penitenciario de Teixeiro da man da Fundación Érguete.
Máis que unha simple limpeza de praias, é, polo tanto unha acción de conciencia e de demostración que cando unha comunidade se une, cando se traballa en rede pode impulsar un cambio real. Será unha mobilización cidadá que busca reunir centos de persoas nun gran xesto colectivo de solidariedade, compromiso e reparación cara aos océanos que levan décadas sufrindo as consecuencias da contaminación e a actividade humana.
A xornada está aberta a todo o mundo, e a quedada será o luns 8 de xuño ás 9:00 h na Coraza de Orzán.