Inicio Blog Páxina 68

Xulgan na Coruña unha banda acusada de vender droga desde unha floraría do Orzán

A Audiencia Provincial da Coruña xulga desde este martes e ata o xoves, días 9, 10 e 11 de xuño, a seis persoas acusadas de integrar unha rede dedicada á distribución de droga que, segundo sostén a Fiscalía, tiña como un dos seus puntos centrais unha floraría situada na rúa do Orzán, no centro da cidade.

O Ministerio Público atribúelles un delito contra a saúde pública por tráfico de drogas e solicita para os procesados penas que oscilan entre os tres e os dez anos de cárcere. As substancias que, segundo a acusación, se distribuían a través desta trama eran cocaína, MDMA, marihuana e anfetaminas.

Segundo recolle o escrito da Fiscalía, os feitos investigados desenvolveríanse entre maio e outubro de 2021. Durante ese período, axentes da Policía Nacional realizaron labores de vixilancia, intervencións telefónicas e incautacións que, para a acusación pública, permitiron acreditar que os procesados actuaban “de forma concertada e coordinada”.

A Fiscalía sostén que os acusados se repartían funcións para levar a cabo distintos actos vinculados coa obtención e distribución de substancias estupefacientes. Entre esas actividades inclúese tamén o cultivo de marihuana, que supostamente estaría relacionado cunha plantación situada no municipio coruñés de Culleredo.

A investigación policial recolle diferentes comunicacións a través de WhatsApp nas que, segundo o Ministerio Público, clientes da rede solicitaban droga empregando expresións codificadas. Entre elas figuraba a petición de “uns caramelitos”, unha das fórmulas que, de acordo co escrito fiscal, se utilizaba para referirse ás substancias que se distribuían.

No marco da operación tamén se practicaron entradas en vivendas dos acusados na cidade da Coruña. Neses rexistros, os axentes interviñeron droga cun valor estimado no mercado duns 250.000 euros, ademais de cartuchos do calibre 9 milímetros, básculas de precisión, útiles presuntamente destinados á preparación e distribución de estupefacientes, tres vehículos, diñeiro en efectivo e teléfonos móbiles.

DOUS SUPOSTOS DIRIXENTES DA REDE

A acusación identifica dúas persoas como presuntos responsables principais do grupo. Un deles, coñecido co alcume de ‘El futbolista’, figura como administrador único da empresa Amorodos, Horticultura y Jardinería, unha floraría situada na rúa do Orzán que, segundo a Fiscalía, funcionaba como epicentro da distribución da droga.

O escrito fiscal atribúelle a este acusado un papel central na recepción e reparto das substancias ao resto dos implicados. Ademais, sostén que tiña á súa disposición unha plantación de marihuana nunha finca de Outeiro de Abaixo, en Sésamo, dentro do termo municipal de Culleredo.

Para este procesado, a Fiscalía solicita a pena máis elevada: dez anos de prisión e unha multa dun millón de euros, equivalente ao cuádruplo do valor da droga intervida. O Ministerio Público engade que o acusado “extremaba as medidas de seguridade” e evitaba utilizar teléfonos móbiles para as súas comunicacións.

A súa parella tamén está acusada no procedemento. Neste caso, a Fiscalía pide para ela máis de sete anos de prisión e unha multa da mesma contía, é dicir, dun millón de euros.

O segundo suposto dirixente da rede, segundo a acusación, encargábase tanto de distribuír substancias entre os demais acusados como de atender peticións de terceiros compradores e xestionar a entrega da droga. Para el, o Ministerio Público solicita oito anos de cárcere e unha multa dun millón de euros.

No caso dos outros tres acusados, as peticións de pena sitúanse entre os tres e máis de sete anos de prisión, en función do papel que a Fiscalía atribúe a cada un deles dentro da suposta organización.

A Xunta propón crear unha área conxunta de taxi para A Coruña e catro concellos da contorna

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontenla, presentará o vindeiro luns aos alcaldes e ás persoas responsables da área de mobilidade dos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros a proposta da Xunta para crear unha área de prestación conxunta do servizo de taxi na cidade herculina e na súa contorna.

Segundo trasladou o Goberno galego, esta iniciativa dá continuidade á proposta xa abordada na reunión da comisión de seguimento do convenio para a prestación do servizo de autotaxi no aeroporto de Alvedro, celebrada o pasado mes de abril.

A finalidade da medida é reorganizar a prestación do servizo nun ámbito supramunicipal co obxectivo de mellorar a eficiencia e a cobertura do taxi na comarca. Para iso, a Xunta propón implantar un sistema de licenzas compartidas que permita ás persoas titulares operar en todo este territorio baixo unhas mesmas condicións.

En concreto, o modelo previsto incluiría un réxime tarifario único, paradas comúns e quendas coordinadas entre os distintos concellos incluídos na área. Deste xeito, os taxis autorizados poderían prestar servizo nun espazo máis amplo que o do seu municipio de referencia, o que, segundo a Xunta, permitiría unha mellor resposta ás necesidades de mobilidade da poboación.

UN ÁMBITO CON 634 LICENZAS

A área proposta abranguería os concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, que suman no seu conxunto case 381.000 habitantes. No que respecta ás licenzas, A Coruña conta actualmente con 519, Arteixo con 28, Cambre con 23, Culleredo con 34 e Oleiros con 30.

Coa posta en marcha da área de prestación conxunta, o servizo pasaría a reunir 634 licenzas de taxi nun mesmo ámbito territorial. A proposta será agora trasladada aos representantes municipais nun encontro no que Mobilidade explicará os detalles da iniciativa e o seu encaixe para a prestación do servizo nos cinco concellos.

O autor confeso do crime de Yoel Quispe acusou a outra persoa antes de ser detido cunha actitude “pacífica”

Xiro de guión no relato dos momentos posteriores ao crime que conmocionou á Coruña na Noitevella de 2023. Varios axentes da Policía Nacional que compareceron este venres no xuízo polo apuñalamento mortal de Yoel Quispe, o mozo de 22 anos finado na cidade herculina, confirmaron que o autor confeso dos feitos adoptou un comportamento “pacífico e colaborador” ante as patrullas, chegando a culpar formalmente a outra persoa para tratar de eludir a acción da xustiza.

UN CHARCO DE SANGUE EN XOÁN FLÓREZ E UNHA NAVALLA PERDIDA

A sesión xudicial celebrada na Audiencia Provincial da Coruña centrouse especificamente nas testemuñas dos efectivos policiais que se desprazaron de urxencia á zona da rúa Juan Flórez tras recibir o aviso do altercado, así como nos axentes que participaron nas actuacións posteriores. Un dos policías describiu o dantesco escenario co que se atoparon ao chegar ao punto: Yoel Quispe sangraba “moito polo tórax” e xacía sobre “un charco de sangue”.

Malia os esforzos realizados nas horas posteriores ao crime, os axentes ratificaron ante o tribunal que a procura do arma branca resultou infrutuosa, xa que a navalla empregada na agresión mortal nunca puido ser localizada. Pouco despois, alertados por unhas persoas de que un grupo de mozos podía saber quen dera a puñalada, os policías falaron co agora acusado. O mozo identificouse como un dos presentes na trifulca pero negou de xeito tallante a súa autoría, asegurando que coñecía ao presunto responsable e chegando a facilitar o nome de outra persoa para desviar as sospeitas.

A actitude “pacífica” do mozo mantívose incluso cando acudiu nun primeiro termo á Comisaría en calidade de testemuña, antes de que as investigacións derivasen na súa detención final como autor confeso. Segundo os testemuños recollidos nas xornadas previas, a disputa iniciouse por mor dun empurrón de Yoel a outro rapaz, o que provocou unha pelexa na que o agresor mortal entrou inicialmente para mediar, aínda que a situación acabou escalando ata o apuñalamento. Respecto ao mozo considerado cómplice ou encubridor, un axente especificou que existían indicios de que tiña un coñecemento real dos feitos que optou por non achegar á Policía.

A SOLICITUDE DE PENAS: DOS 14 ANOS DA FISCALÍA AOS 25 QUE PIDE A FAMILIA

O proceso xudicial encara a súa fase de conclusións coas posicións das partes totalmente enfrontadas. A Fiscalía solicita unha pena de 14 anos de prisión por un delito de homicidio para o único mozo que permanece hoxe en cárcere, demandando o sobresemento da causa para os outros dous implicados ao considerar que non está acreditada a súa participación. Esta postura choca frontalmente coa estratexia das acusacións particulares que representan aos pais da vítima, quen manteñen que os tres mozos sentados no banco dos acusados deben ser condenados.

Deste xeito, as familias consideran autor material ao mozo en prisión e sitúan ao segundo como cooperador necesario ao entender que “levaba a navalla e se a achegou” ao agresor, implicando tamén ao terceiro. O letrado da nai solicita para estes dous primeiros mozos unha pena de 25 anos de cárcere por asasinato, e 15 anos para o terceiro como cómplice. Pola súa banda, o avogado do pai coincide na petición de 25 anos para os dous principais acusados, pero rebaixa a solicitude para o terceiro a tres anos de prisión por un delito de encubrimento.

Polo contrario, as defensas reclaman a absolución total e rexeitan os argumentos das acusacións. Alternativamente á absolución, a representación legal do autor confeso solicita que o crime sexa cualificado como un homicidio imprudente ou lesións con resultado de morte por imprudencia, o que fixaría a condena nun ano de prisión. Cómpre lembrar que, por estes mesmos feitos, outros dous acusados de golpear á vítima xa aceptaron previamente unha condena de nove meses de cárcere tras un acordo de conformidade no Xulgado do Penal número 3 da Coruña.

Argumentos para non faltar á manifestación polo dereito á vivenda deste sábado 6 de xuño

Este sábado 6 de xuño ás 12:00h na Praza de Ourense arrinca a Manifestación baixo o lema “Nin os alugueiros polas nubes. Nin os salarios polo chan”. Convocada na cidade pola Plataforma polo Dereito á Vivenda, o Sindicato de Barrio Os Mallos Falperra e o seu espazo da Revolteira, e apoiada pola CGT ou o Sindicato de Estudantes, a mobilización forma parte dunha onda de protestas en máis de 20 cidades do Estado tamén convocadas polo Sindicato de Inquilinas.

“Porque a vivenda é un dereito, non un privilexio” é unha das claras liñas artgumentais que lanzan os colectivos convocantes, que poñen datos enriba da mesa:

  •  O aluguer subiu máis dun 50% en 5 anos e máis dun 80% na última década.
  • A compra supera xa os 2.800 €/m² de media na cidade

Toda esta subida, mentres os salarios fican practicamente estancados. “É o resultado de anos de políticas que protexeron a especulación: as SOCIMI con privilexios fiscais, a Sareb mal xestionada, os pisos turísticos sen control e un parque público de vivenda que segue sendo dos máis baixos de Europa”, explican dende a Plataforma a nivel europeo.

Pero tamén afían datos locais, denunciando que “o Concello non controla o cumprimento da Zona Tensionada”; que “as VUT ilegais que denunciamos seguen abertas”, e que hai moitas urbanizacións de vivenda nova na cidade, pero “non hai plan de vivenda pública nin de mobilización de baleiros”.
Neste sentido lembran que nos últimos 7 anos de goberno socialista se levan realizado “2.500 desafiuzamentos; o aluguer subiu un 80% e o prezo de venta disparouse un 175%; os pisos turísticos multiplicáronse por 8, pasando de 200 a máis de 1.600. Deles, máis de 1.000 sen licenza; e o parque de vivenda pública é só un 0,68% do total é dicir, 0,3 vivendas por cada 100 persoas”.

“Mentres a cidade se enche de Airbnbs e os desafiuzamentos están á orde do día, o Concello segue mirando para outro lado. Isto non é xestión, é abandono”, denuncia a Plataforma.

cartaz_vivenda

Esquerda Unida, Podemos Coruña e Movemento Sumar Coruña apoian a manifestación

Os 3 partidos da esquerda que buscan unir comunicados para fundirse nunha única candidatura de cara ás eleccións municipais de 2027, fan un chamamento á cidadanía coruñesa para participar na manifestación polo dereito á vivenda convocada este sábado.

As tres organizacións consideran que “a crise da vivenda é un dos principais problemas que afronta hoxe A Coruña. O incremento dos alugueiros, a falta de oferta accesible e a escaseza de vivenda pública están a converter un dereito básico nun luxo para unha parte crecente da veciñanza, especialmente para a mocidade e as familias traballadoras.”

Neste contexto, reclaman “un Concello moito máis activo na mobilización de vivenda pública municipal e unha interlocución firme coa Xunta para esixir os investimentos e actuacións que a cidade precisa”.

 

Máis novas

O 6 de xuño, nova mobilización polo dereito a unha vivenda e contra a especulación

 

A necesidade dun marco financieiro para seguir mantendo as 54 vivendas para persoas en risco de exclusión social na Coruña

A Agra do Orzán berrou contra a especulación arredor da vivenda

A Audiencia da Coruña xulga un home acusado de secuestrar, maniatar e violar unha muller sobre a que tiña orde de afastamento

0

A Audiencia Provincial da Coruña acollerá o vindeiro martes e mércores o xuízo contra un home acusado de secuestrar, agredir, atar e violar unha muller respecto da cal tiña en vigor unha orde de afastamento e prohibición de comunicación.

Segundo recolle o escrito de acusación do Ministerio Fiscal, o procesado mantivera desde unha data non determinada de 2022 unha relación sexual esporádica coa vítima, á que coñecera a través dunha web de contactos. Con anterioridade aos feitos que agora serán xulgados, ambos tiveran un incidente en Portugal que derivou nunha resolución xudicial pola que se lle impuxo ao home a prohibición de aproximarse e comunicarse coa muller.

A pesar desa medida cautelar, a Fiscalía sostén que, desde polo menos o 16 de decembro de 2022, o acusado acudiu con regularidade ás localidades de Arteixo e A Coruña. Nesas visitas, segundo o Ministerio Público, chegou a verse coa muller en varias ocasións, mantendo nalgunhas delas relacións sexuais consentidas.

O episodio principal produciuse o 21 de decembro de 2022, cando, de acordo co relato da acusación pública, o procesado se desprazou de novo á cidade da Coruña. O fiscal afirma que o home estivo “merodeando polas inmediacións do domicilio” da vítima e que se aproximou a ela cando paseaba o seu can.

Nese momento, segundo o escrito, o acusado instouna a subir á súa furgoneta, algo que a muller fixo “polo medo que lle inspiraba”. A partir de aí, ambos desprazáronse por diferentes puntos da cidade, tanto a pé como no vehículo.

A Fiscalía mantén que, nalgún momento desa noite, o home actuou contra a vontade da vítima e inmobilizouna de pés e mans empregando unhas bridas que levaba na furgoneta. Tamén o acusa de golpeala cunha botella de cristal e de agredila sexualmente.

Posteriormente, segundo a versión do Ministerio Público, o procesado puxo en marcha a furgoneta coa muller atada e ferida na parte traseira e dirixiuse cara a Lugo pola A-6. Durante o traxecto, o vehículo sufriu unha avaría que o obrigou a deter a marcha no arcén e pedir axuda a outros condutores.

Foron precisamente as persoas que pararon para auxiliar o acusado as que advertiron que da parte traseira da furgoneta caía sangue. Tras decatarse da situación, avisaron as forzas da orde pública.

O home fuxiu a pé cara ao monte, segundo recolle a acusación, pero foi detido ese mesmo día no municipio de Arteixo.

PETICIÓN DE 17 ANOS E MEDIO DE PRISIÓN

O Ministerio Fiscal considera que os feitos son constitutivos dun delito de agresión sexual, dun delito de detención ilegal, dun delito de lesións agravadas e dun delito continuado de quebrantamento de medida cautelar.

Por todo iso, solicita para o procesado unha condena de 17 anos e medio de cárcere. O xuízo celebrarase en dúas sesións, previstas para o martes e o mércores na Audiencia Provincial da Coruña.

SOS Sanidade Pública sae á rúa esixindo acabar coa manipulación das listas de agarda

A Plataforma SOS Sanidade Pública protagonizou esta mañá unha concentración ás portas do CHUAC. A entidade esixe incrementar os recursos para a Atención Primaria ante o “deterioro” do sistema sanitario público.

Concentracion SOS Sanidade Pública A Coruña
Ramón Veras falando cos medios

Ramón Veras, o voceiro da entidade, fixo especial fincapé acabar coa manipulación nas listas de agarda. A entidade lembra que as listas de espera son a consecuencia do déficit de recurtos, das barreiras asistenciais na A.P., da mala xesión e da baixa actividade dos hospitais públicos, así como da doble dedicación de parte do persoal facultativo que traballa na pública e na privada.

Denuncian que as listas están manipuladas e falsificadas polo SERGAS, e ocultan máis da terceira parte das persoas en espera, xerando tempor e incerteza.

Alertan do impacto da folga médica e reclama listas transparentes, máis persoal e mellor organización nos hospitais públicos.

Máis novas

O 6 de xuño, nova mobilización polo dereito a unha vivenda e contra a especulación

“Reformar a Primaria é facela protagonista, cando a día de hoxe está sendo a última dentro do sistema sanitario”

Que pasa na sanidade pública? Hai responsables?

Condenado a case cinco anos de cárcere por agredir sexualmente unha muller en Ordes

Firme resposta xudicial ante un caso de violencia sexual na comarca de Ordes. A Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a catro anos e dez meses de prisión a un home como autor dunha agresión sexual cometida contra unha muller no ano 2022. O fallo emitido polos maxistrados inclúe ademais a obrigación de aboar unha indemnización económica de 15.000 euros á vítima polos prexuízos ocasionados.

ACTOS SEN CONSENTIMENTO Á SAÍDA DUN LOCAL DE LECER

Segundo os feitos que o tribunal considera acreditados na resolución, o incidente tivo lugar durante unha noite na que tanto o acusado coma a moza coincidiron nun establecemento de lecer nocturno da localidade coruñesa. Ao saír do local, ambos os dous dirixíronse cara a unha zona próxima. Foi nese emprazamento onde o procesado consumou os actos de carácter sexual sen o consentimento da muller.

A Audiencia Provincial sinala de forma contundente que quedou verificado que a muller expresou de maneira explícita, clara e reiterada a súa negativa a manter devandito contacto, un rexeitamento que o agresor ignorou.

UN RELATO “OBXECTIVO E CRIBLE” RESPALDADO POLOS INFORMES FORENSES

Á hora de ditar o veredicto, os integrantes do tribunal sosteron que a carga probatoria que pesa sobre o acusado é máis que suficiente para ditar unha resolución de culpabilidade. O alicerce central da acusación foi o testemuño da propia vítima, cuxa declaración en sede xudicial foi definida polos maxistrados como totalmente “obxectiva e crible”.

Esta versión dos feitos viuse totalmente reforzada e corroborada de forma técnica polos distintos informes forenses recollidos e achegados á causa. Malia a contundencia do ditame, a sentenza emitida pola Audiencia de Coruña non reviste firmeza legal, polo que a defensa do condenado aínda dispón da opción de interpoñer un recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A Coruña convértese na capital da saúde respiratoria co Congreso Nacional de SEPAR

A Coruña converteuse no epicentro nacional da medicina respiratoria. O Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco) acolle desde o 4 ata o 6 de xuño o 59.º Congreso Nacional da Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR) de fala hispana. Este prestixioso encontro reúne a preto de 3.000 especialistas tanto de ámbito nacional como internacional co obxectivo de analizar os principais avances do sector.

INNOVACIÓN E MÁIS DE 60 RELATORIOS DE ALTO NIVEL

O evento conta cun extenso programa científico que inclúe máis de 60 relatorios de alto nivel técnico. Ao longo das xornadas, os expertos presentarán as principais novidades relacionadas co abordaxe, o manexo clínico e os novos tratamentos terapéuticos para facer fronte ás patoloxías respiratorias.

O programa científico deste ano sitúa o foco de maneira esixente na innovación, a investigación activa e a optimización da atención directa. Para o presidente de SEPAR, David de la Rosa, esta convocatoria anual supón unha plataforma indispensable para o desenvolvemento da especialidade: “Supón unha oportunidade única para compartilhar coñecemento, impulsar a investigación e seguir avanzando en beneficio das persoas pacientes”.

UN ESPAZO PROPIO PARA OS PACIENTES E AS SÚAS FAMILIAS

Malia o marcado carácter científico da cita, o congreso reserva un oco fundamental para as persoas afectadas por estas doenzas. En paralelo ás sesións médicas, desenvólvese a novena edición do Foro de Pacientes Respiratorios de SEPAR Pacientes.

Este espazo está deseñado especificamente para as persoas con enfermidades respiratorias e os seus familiares. Segundo explicaron fontes da organización, os asistentes poderán participar en diversas sesións informativas orientadas a dotalos dun maior coñecemento sobre as súas propias patoloxías, axudándolles así a mellorar o seu día a día e a súa calidade de vida.

A estación de tren da Coruña comeza este venres un mes de cortes por obras no que Renfe fretará buses

A estación de tren da Coruña comezará este venres, 5 de xuño, máis dun mes de cortes por obras, un período no que Renfe fretará autobuses para os desprazamentos.

A primeira fase comeza este venres e dura ata o 25 de xuño. Os trens rexionais A Coruña-Vigo Guixar e os trens de Media Distancia A Coruña-Lugo e A Coruña-Ferrol realizarán transbordos por estrada. Concretamente, os rexionais A Coruña-Vigo, desde a cidade herculina ata Santiago de Compostela, e os outros dous, tamén desde A Coruña ata Betanzos-Infesta. Os transbordos serán en ambos os sentidos.

Ademais, por necesidades de rotación de material, o último tren Madrid-A Coruña do día 25 de xuño tamén realizará por estrada o tramo Santiago de Compostela-A Coruña.

A interrupción total do tráfico chegará coa segunda fase das obras, que arrinca o 26 de xuño e durará ata o 10 de xullo. Renfe facilitará a mobilidade dos viaxeiros en bus entre A Coruña e Santiago de Compostela para trens rexionais, Media Distancia, Avant e Alta Velocidade. Tamén entre A Coruña e Betanzos Infesta para trens de Media Distancia da liña A Coruña-Lugo-Monforte-Ourense e A Coruña-Ferrol.

Igual que na fase anterior, por necesidades operativas de situación de material rodante, os primeiros servizos da mañá do 11 de xullo tamén poden verse modificados.

Choque entre o portavoz do PP na Coruña e a alcaldesa: “Ratificareime en que é unha acosadora”

O portavoz do grupo municipal do PP no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, e a alcaldesa herculina, a socialista Inés Rey, están citados a un acto de conciliación o próximo día 29 tras as acusacións á rexedora de suposto acoso a funcionarias por parte do primeiro.

En concreto, será ás 11.00 horas na praza número 12 da sección civil do Tribunal de Instancia da Coruña e despois de que a rexedora presentase este trámite obrigatorio antes de formalizar unha querela. Nesta xornada, o edil popular e presidente tamén do PP coruñés confirmou que acudirá á conciliación. “Ratificareime”, sinalou sobre o contido das súas denuncias. “E aí saberase todo o que, a día de hoxe, non saíu á luz”, engadiu.

En concreto, fai alusión á apertura de “uns expedientes informativos a estas funcionarias”. Tamén asegura, á espera de que acuda ou non a alcaldesa, ao non ser necesariamente obrigatorio, que a súa intención é ratificarse en todo o que dixo.

No seu comunicado, alude a “tres denuncias contra Inés Rey por acoso laboral a través da canle interna do PSOE de dúas ex concelleiras socialistas e outra anónima” e reitera que non vai cambiar as súas afirmacións. “Terá que iniciar unha querela e aí terei que demostrar que o que dixen é verdade”, indica sobre a rexedora e as súas denuncias.