Inicio Blog Páxina 651

Un incendio nun taller de Sada calcina un coche e afecta a outro seis turismos

Un incendio declarado na tarde do domingo nun taller de pintura de Sada, no lugar de Tarabelo, calcinou un coche que se atopaba no interior do inmoble e deixou outro seis turismos danados.

Segundo informa o 112 Galicia, a rápida intervención dos profesionais de extinción evitou maiores danos. Non houbo dano persoais.

Varios particulares avisaron sobre as 19,20 horas de que vían chamas e fume nun taller de coches. Así, activouse un dispositivo no que se avisou a bombeiros de Betanzos, que en menos dunha hora deron por finalizada a extinción das chamas. Tras arrefriar a zona, comunicaron aos xestores de emerxencias que os axentes de seguridade acordoarían a zona para proceder coa investigación dos feitos.

Tamén se informou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como axentes da Garda Civil e o persoal de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Detida unha coidadora de Culleredo tras roubar 90.000 euros de cinco domicilios

Garda Civil do Posto Principal de Oleiros detivo a unha veciña de Culleredo como presunta autora de cinco delitos continuados de furto en domicilios. Os feitos ocorreron por mor da denuncia interposta en xaneiro de 2022 nas dependencias oficiais por un veciño no que manifestaba sospeitas da traballadora de fogar ao botar de menos determinados aveños.

A Garda Civil iniciou unha operación denominada ‘Pantinazo’ para elesclarecimiento destes feitos delituosos. Tras a investigación, constátase que moitas das vítimas non detectaran a falta dos seus aveños, xa que a traballadora realizaba pequenas vendas dos obxectos nun período longo no tempo.

Estas vendas realizábaas en establecementos de segunda man, entre os que se atopaban máis de 130 pezas de ouro (reloxos, cadeas, aneis, etc.), numerosas pezas de gran valor de firmas recoñecidas, aparellos electrónicos (videoconsolas, tabletas electrónicas, auriculares inalámbricos, teléfonos móbiles, etc.), roupa de marca e diñeiro en efectivo.

A Garda Civil procedeu á detención desta persoa como presunta autora de cinco delitos continuados de furto en domicilios por un valor superior aos 90.000 euros, non descartando que puidese haber máis vítimas que non detectasen a subtracción das súas pertenzas.

As actuacións realizadas foron postas a disposición do Xulgado de Instrución de garda da Coruña

Olladas doutro tempo: Mandadeiras

Segundo o famoso dito, Santiago reza e Vigo traballa. Mentres, o que fai A Coruña é divertirse. Xustamente diversión non é o que vemos na fotografía. Pero esa diversión é a imaxe da nosa cidade, e non ten que ver tan só co carácter distendido dos coruñeses, senón tamén pola súa grande oferta de ocio e distracción: hoteis, cafés, restaurantes e moitos edificios adicados ó ocio e ós espectáculos, dende o século XIX ata os nosos días. Unha arquitectura alegre e vistosa, deseñada para a diversión e para non pasar desapercibida, que acabaría xerando esa imaxe de cidade alegre que recolle a tradición.

A primeira vista da nosa urbe chegando por mar sería unha liña de edificios destinados ó ocio. Xusto os que vemos nesta imaxe, nun segundo plano: A Terraza, o Kiosko Alfonso e o Hotel Atlantic. Nos dous primeiros celebrábanse bailes, cócteles, concertos, proxeccións cinemátográficase o Atlantic foi o hotel máis luxoso da urbe. Tras deles, os Xardíns, ateigados de xente paseando, que continuaban polos Cantóns, con hoteis e cafés por todas partes, ambiente festivo e despreocupado.

A Coruña era unha cidade próspera, punteira en Galicia, cunha burguesía enriquecida e ociosa, e cunhas autoridades liberais, que promovían a construción de equipamentos para fomentar a cultura e o entretemento. Pero tamén era unha cidade de contrastes e desigualdades. Dous mundos chocaban na Coruña de finais do XIX e inicios do XX. Por unha parte os banqueiros, terratenentes, armadores, empresarios e demáis na fantástica terraza do Atlantic, ó carón desas preciosas cúpulas, cunha vista impagable dos xardíns por unha beira e do mar por outra. Rindo e bebendo o que podería ser o café máis caro de toda a provincia. E a uns metros, alí abaixo, a outra cara da moeda. Lexións de desheredados, aprastados pola miseria do rural, que deixan atrás o seu fogar e chegan ó noso porto na procura dun futuro,  embarcando cara América.

O autor da instantánea é o conocido fotógrafo coruñés Angel Blanco Villar, fundador de Foto Blanco. Tomouna no que hoxe en día é a Avenida do Porto. Aproximadamente fronte a porta da Deputación Provincial, na outra beira da rúa, case no edificio dos Cantóns Village. Alí, nese mesmo intre de 1925, ata cinco mandadeiras -sempre traballaban en grupo- están a carrexar uns bultos que semellan demasiado grandes para elas, pero seguro que son demasiado pequenos para meter neles toda unha vida. Dentro do que cabe, a elas tampouco vailles tan mal, non teñen que deixalo todo e marchar. As mandadeiras adicábanse a facer mandados, recados, recoller cousas, cargar bultos nos barcos, nos hoteis, levar cartas a correos, ou paquetes dos comercios ás casasEran parte desa clase traballadora que deixou o arado e mudouse ás cidades cercanas a buscarse a vida doutra forma, como tantos obreiros das factorías, ou da construción.

Elas carretan esas cousas ó barco onde moreas de xente está a deixar atrás a súa terra, xogándose o futuro a todo ou nada. E ó zarpar, na última ollada, con bágoas nos ollos, levan na retina os impoñentes e alegres edificios nos que a xente acomodada segue a rir. A Coruña segue ó seu.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

O ONCE reparte 70.000 euros no complexo hospitalario da Coruña

O cupón diario do ONCE repartiu 70.000 euros no complexo hospitalario universitario da Coruña, en dous cupóns premiados con 35.000 euros cada un, no sorteo do 11 de maio.

O vendedor do ONCE Eric Vigo Lamorena é quen levou a sorte a este centro hospitalario, desde o seu punto de venda, informa a organización.

O cupón do 11 de maio, dedicado a Fuente Obejuna, como primeiro municipio en contar cunha rúa dedicada á inclusión, tamén deixou premios en localidades de Andalucía, Estremadura e Rexión de Murcia.

Unha operación con Colombia desarticula unha rede que obrigaba a mulleres a prostituírse cun piso franco en Arteixo

0

A Garda Civil desenvolveu unha operación mediante un equipo conxunto con Colombia que permitiu desarticular unha organización criminal internacional coa detención de sete persoas, catro en España, que obrigaban a mulleres colombianas a prostituírse en pisos privados nas provincias da Coruña (un deles en Arteixo), Toledo e Cáceres.

A organización usaba sicarios para extorsionar aos familiares das vítimas, vulnerables e enganadas con falsas promesas de traballar como “meseras” –camareiras–, polo que eran trasladadas a España co único propósito de exercer a prostitución en pisos privados, chegando a obter a organización criminal beneficios de entre 25.000 e 35.000 euros por cada unha delas.

Hai constancia de polo menos 50 vítimas no últimos catro anos, mulleres de entre 18 e 25 anos. En concreto, eran obrigadas a entregar pagos mensuais á organización froito da súa explotación sexual, encargándose os membros do grupo criminal en Colombia de ameazar e mesmo de utilizar a violencia contra os familiares directos das mesmas para acabar con calquera reticencia de pago por parte das vítimas.

Segundo a Garda Civil, estas extorsións e coaccións eran levadas a cabo en Colombia polo coñecido grupo criminal ‘Os Pachelly’, con fortes vinculacións a outros históricos clans criminais como o ‘Clan del Golfo’.

ARTEIXO, TOLEDO E CÁCERES

A ‘Operación Estorque’ foi posible pola constitución do primeiro Equipo Conxunto de Investigación entre España e Colombia. Iniciouse grazas á denuncia dunha vítima de trata, agora testemuña protexida, aínda que a investigación apunta a que habería máis de 50 vítimas no últimos catro anos.

A vítima que denunciou e deu paso á operación é unha muller que, como as restantes, estaba 24 horas vixiada “baixo chave” en pisos destinados á prostitución. “Aproveitou un dos envíos de diñeiro que tiña que facer para chamar a unha persoa”, sinalou o tenente Félix Durán.

A fiscal de Sala de Estranxeiría, Beatriz Sánchez, puxo en valor a relevancia do traballo do equipo conxunto e confirmou que Colombia desde a pandemia de Covid-19 lidera de forma destacada o país de orixe desde o que se captan máis vítimas, seguido moi de lonxe por Paraguai, Brasil, Venezuela, Romanía e Nixeria.

“É a persoa máis valente que coñecín en moito tempo”, continuou o investigador, destacando que a organización extorsionó á familia en Colombia, aínda que non así aos nenos, que foron claves á hora de desenvolver o operativo de liberación. As vítimas chegaban a pagar cantidades que multiplicaban por dez a suposta débeda contraída en orixe, coa promesa de que ían traballar de “meseras” –camareiras– en España.

CATRO DETIDOS EN ESPAÑA

En España leváronse a cabo actuacións nas provincias da Coruña –concretamente, nas localidades de Santiago de Compostela e Arteixo–, Toledo e Cáceres, permitindo a liberación de tres potenciais vítimas de trata. Detívose a catro persoas, ás que se lles imputan os delitos de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, branqueo de capitais e pertenza a organización criminal.

En Colombia foron detidas tres persoas, unha delas considerada o xefe e máximo expoñente deste grupo criminal, encargado de controlar todas as fases de captación, traslado e explotación das vítimas. Tamén levaba a cabo as ameazas e agresións sobre a contorna das mulleres. Ademais, emitiuse unha orde internacional de detención contra outra muller integrante da organización asentada en Ecuador.

Ao mesmo tempo que se executaban as actuacións en ambos os países, este Equipo Conxunto de Investigación conseguiu trasladar de forma segura a España ao fillo dunha das vítimas, en coordinación entre as autoridades colombianas e españolas con ONG e institucións sociais. “A prioridade é a protección das vítimas e, a partir de aí, investigar e desarticular a trama”, sinalou o coronel xefe da Unidade Central Operativa (UCO), Alfonso López Malo.

Na fase de execución da operación en España, contouse coa participación directa de axentes da Policía Nacional de Colombia (DIJIN), da mesma maneira que investigadores da Sección de Trata de Seres Humanos da UCO trasladáronse ao país suramericano co mesmo fin.

A ‘Operación Estorque’, dirixida polo Xulgado de Instrución número 1 de Santiago de Compostela, enmárcase no Plan de Actuación da Garda Civil contra Trátaa de Seres Humanos. Ademais de axentes da UCO e a DIJIN, participaron efectivos da Unidade Orgánica de Policía Xudicial de Lugo, así como as Fiscalías de España e Colombia.

Nadia Calviño eloxia a Inés Rey: “É unha líder. A mellor alcaldesa da Coruña”

A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, arroupou á alcaldesa e candidata socialista á reelección na Coruña, Inés Rey, no seu primeiro mitin na cidade, no CEIP Curros Enríquez e ante máis de 150 persoas. Fíxoo cualificándoa como “unha líder” e “a mellor alcaldesa da Coruña”.

Rey, pola súa banda, manifestou que nestas eleccións “poderano conseguir todo” ao incidir en que toca “ilusionarse” pero tamén facer campaña para que “a xente vaia a votar” e poder lograr a maioría absoluta. “Xogámosnolo/Xogámonolo todo”, apostilou nunha intervención na que asegurou que o PSdeG é o partido que “dá solución” ás necesidades da xente.

“Nesta cidade, avanzouse e a modernización veu dos gobernos socialistas”, aseverou ao facer un repaso tamén das actuacións no seu mandato. Fronte a iso, contrapuxo o “catro anos perdidos do PP”.

“E logo pasamos dun extremo ao outro, tocounos pagar a falta de xestión dese catro anos”, engadiu en referencia á Marea Atlántica. “Non sabemos se hai modelo alternativo, onde están os outros proxectos”, apostilou en referencia ás demais candidaturas.

Antes da súa intervención, Calviño manifestou sobre Rey que “é unha persoa moi perseverante e iso explica que sexas dos alcaldes de España que máis fondos europeos conseguiron”. Ademais, cualificou de “éxito” o cambio que, segundo sinalou, tivo a cidade. “Humana, habitable, con rúas peonís e parques limpos”, citou entre outros exemplos.

LOGROS DO PSOE

Mentres, reivindicou a xestión dos socialistas á fronte do Goberno fronte á “década perdida para España”, expuxo sobre o PP. “A economía española creceu a un ritmo enorme e acelerouse nesta primeira parte do 2023, os catastrofistas equivocáronse”.

Á súa vez, o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, indicou que “non pode ser calquera alcalde ou alcaldesa” nestas municipais, apelando ao voto para os socialistas.

“Inés Rey está a protagonizar o rexurdimento dunha cidade”, recalcou no caso da Coruña e convencido de que ao PSdeG iralle “francamente ben” nestes comicios. Pola súa banda, o portavoz do goberno local e secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, dixo que este catro anos foron os da “recuperación da cidade” para que volvese estar “entre as cidades da primeira división”.

O retorno dos Homes Mariños

A Coruña é a cidade das lendas. Os máis grandes mitos do mar quedaron varados para sempre nesta ribeira. Atalaia de Breogán. Hercules e Xerión, fin do mundo para a tradición clásica. Porta do Alén, co noso Amaro navegante na procura da Illa do Paraíso.

Pero aínda hai máis (e non o sabemos). No patrimonio lendario contamos cuns seres mitolóxicos únicos e exclusivos, pois só aparecen documentados nunha cita que os sitúa nesta auga. Estou a falar dos “homes mariños”.

MAPA O RETORNO DOS HOMES MARIÑOS na Coruna-Xurxo Souto
Mapa feito por Xurxo Souto

Velaí a crónica, vertida ao galego, do cardeal Jerónimo del Hoyo, que no século XVII visitou A Coruña e coñeceu os mariñeiros da Pescaría:

“Ás veces téñense visto nesta praia algúns peixes da mesma figura que homes e en todo se lle parecen, fóra que teñen mans e pés un pouco tortos por razón de andar sempre nadando como as rás.
Nas cabezas, peitos e costas teñen unhas espiñas negras e moi delgadas, que mesmo parecen pelos.
Din os mareantes que son presaxio de grandísima pesca e amigos da xente humana, e que lles dan pan.
Falando eu cun mariñeiro honrado dixo que indo cun amigo seu polo porto nun batel saíulle a el un destes peixes. E sacando medio corpo e os brazos da auga agarrouse ao barco e fixo como quen que entraba dentro. E como o mariñeiro comezou a se alborotar e aflixir, o peixe, como se tivese entendemento, soltouse do barco e volveu á auga.
Outros dixéronme que vindo outra vez por dito porto nos seus barcos viron estar un destes peixes virado cara arriba, que tal parecía un home afogado. Achegáronse, para o traer enterrar e o peixe, cando os sentiu perto, afundiuse nas augas.
 A estes peixes por semellárense tanto aos homes, chámanlles homes mariños” (1)

Lembro ben o arrepío que sentín, hai xa cinco lustros, cando lin por primeira vez esta cita de Jerónimo del Hoyo. Tanta foi a emoción que tiven a necesidade de escribir unha novela: “O retorno dos homes mariños”.

A descuberta destes seres tan coruñeses e tan profundamente descoñecidos foi símbolo para expresar unha inquedanza común de moitas persoas da miña xeración: Somos a rapazada dos barrios. As nosas familias chegaron dende as aldeas para traballar na beira do océano. Pero a nós nunca ninguén nos falou da aldea, nunca ninguén nos falou do mar.

Dende entón tentei ir coñecendo aos poucos esta ribeira, nomes invisibles para os terrícolas: Gueivouteiro, Xogadoiro, Touciños, Xanrei, Zambela, Cornadilla, San Coral… Quizá, agora que sei como se chaman, nalgunha desas pedras chegue a albiscar algún día os “homes mariños”.

Polo de agora, este sábado ás 19:00h camiñaremos polo centro mesmo da cidade, entre San Andrés (padroeiro do gremio de mareantes) e a rúa Real, na procura desa Coruña salgada.

Lembra, este barrio chámase Pescaría, un nome case invisíbel na nosa memoria terrícola.

Se che presta, apúntate en tal mergullo. Saímos ás 19:00h do palco da música.

Voltan “os homes mariños”, ti non quedes varado en seco.

  • 1. Jerónimo del Hoyo, Memorias del Arzobispado de Santiago. Edición de Ángel Rodríguez González e Benito Varela Jácome. Porto y Cía. Editores. Santiago de Compostela.

 

Xurxo Souto coa bughina

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

MÁIS ARTIGOS DE XURXO SOUTO

Así foi a tradicional pegada de carteis que arrinca a campaña

0

Arrincou, oficialmente, a campaña electoral. Malia levarmos xa meses en pleno proceso, a partir de hoxe e ata o vindeiro domingo 28 de maio teremos sabor político en todos os menús. Esta pasada madrugada foi a tradicional pegada de carteis, e facemos un repaso por algúns dos nosos partidos:

O PSOE escolleu a Praza de Pablo Iglesias

 

O PP fixo pegada “indoor” na sede de campaña.
O PP fixo pegada “indoor” na sede de campaña.
A Marea Atlántica decidiu que Xan Xove fixese a foto coa voceira municipal María García e o exalcalde Xulio Ferreiro.
O candidato da coalición de unidade Por Coruña. José Manuel Sande, non faltou á tradicional cita.

O BNG centrou o seu acto na escalinata da Colexiata, onde o candidato Jorquera descubriu o cartel deste xeito:

A Alternativa dos Veciños da Coruña xuntouse na Marina.
A Alternativa dos Veciños da Coruña xuntouse na Marina.
Tamén os socialistas de Arteixo iniciaron a súa campaña coa tradicional pegada de carteis da candidata Patricia Boedo 
Tamén os socialistas de Arteixo iniciaron a súa campaña coa tradicional pegada de carteis da candidata Patricia Boedo

A Coruña, a cidade onde máis se reduciu a oferta de vivenda en catro anos

0

oferta de vivendas en venda en Galicia descendeu un 24% en catro anos mentres que o prezo fíxoo un un por cento, segundo un estudo publicado por idealista. A nivel estatal, reducir un 12% mentres que os prezos creceron un 15%.

A oferta dispoñible redúcese máis nas comunidades do norte, mentres que as subidas de prezo concéntranse en Andalucía, Baleares e a Comunidade Valenciana.

A nivel estatal, A Coruña e Pontevedra figuran entre as capitais nas que máis se reduciu a oferta durante estes catro anos, un 43% e un 42%, respectivamente. En Lugo foi dun 20% mentres que en Ourense creceu un sete por cento.

Por provincias na da Coruña descendeu o stock de vivendas un 31% e na de Lugo, un 11%. Na de Pontevedra diminuíu un 29% mentres que na de Ourense creceron un nove por cento. No referente a prezos, as maiores subidas son as de Andalucía e Baleares (29% en ambos os casos), seguidas pola Comunidade Valenciana (25%) e Canarias (23%). Asturias, Galicia e Castela e León son as únicas cuxo prezo se reduciu nesta lexislatura: caeron un 1% no tres casos.

En canto aos prezos e a situación por provincias, na da Coruña descenderon un cinco por cento; na de Lugo, un catro por cento; na de Ourense, un tres por cento e na de Pontevedra creceron un seis por cento.

Alvedro segue sen despegar desde a pandemia

0

Os aeroportos de Vigo e Santiago de Compostela aumentaron o seu número de viaxeiros en abril respecto ao mesmo mes de 2019, mentres que o aeródromo da Coruña aínda non alcanzou niveis prepandemia.

O aeroporto da Coruña foi o único dos galegos que aínda non alcanzou os niveis previos á pandemia, con 105.310 viaxeiros en abril, un 94,2% dos rexistrados no mesmo mes de 2019. O número de operacións quedou nas 1.269, un 1,7% máis que antes da pandemia. Alvedro rexistrou unha recuperación da carga do 46,7% en comparación con 2019.

Nos catro primeiros meses de 2023, desde A Coruña chegaron ou partido 379.740 pasaxeiros, un 94,3% dos rexistrados no mesmo período antes da pandemia. As operacións quedaron no 95,8%, con 4.949 movementos. A carga foi de 25 toneladas, cun 51,3% de recuperación.

Segundo datos publicados este venres por Aena, o aeroporto de Rosalía de Castro de Lavacolla rexistrou en abril 311.142 pasaxeiros, o que supón un 22,8% máis que en 2019 e un 6,3% máis que en maio de 2022. Ademais, en Vigo contabilizáronse 98.756 pasaxeiros en abril, un 12,2% máis que en 2019, mentres que o número de operacións subiu un 33,2%, ata 1.265.