O goberno local de Oleiros, de Alternativa dos Veciños, acusou ao de Sada de impedir a visita de escolares do seu municipio ao Pazo de Meirás, algo que os novos responsables municipais rexeitan.
No seu comunicado, o Concello de Oleiros afirma que tiña concertadas as visitas de catro colexios para febreiro e que as datas estaban acordadas desde outubro co anterior concelleiro, sinala en referencia á etapa do goberno de Benito Portela, de Sadamaioría, antes de que prosperase a moción de censura liderada pola exedil de Alternativa, María Nogareda.
Sobre as visitas, Oleiros indica tamén que “tiñan concedidos os pertinentes permisos” por parte de Patrimonio do Estado pero que os actuais responsables do Concello de Sada “non queren abrir o pazo entre semana para que os escolares galegos poidan visitalo”.
Pola súa banda, o Concello de Sada afirma que o goberno local de Oleiros “mente deliberadamente” e explica que requiriron por teléfono unha serie de visitas, pero “fóra dos horarios abertos de atención ao público e reserva de prazas a través da páxina oficial do concello”.
“Estas visitas non foron denegadas, indicando que, dado que a situación non se incluía dentro das previsións horarias para a realización das mesmas, debería planificar e xestionar de modo correcto como facelo”.
“En ningún momento se lle denegou a visita ao pazo e se desde o goberno anterior se lle asegurou a visita ao Concello de Oleiros sen as previsións técnicas necesarias non é a nosa responsabilidade”, conclúe.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade manterá o trazado ideado para a vía Ártabra a pesar das decisións xudiciais que deron a razón ao Concello de Cambre, ratificadas en última instancia a finais de novembro co arquivo polo Supremo do recurso da Xunta contra o fallo do TSXG que anula unha parte do proxecto.
Este mércores, durante a súa resposta a unha pregunta formulada polo deputado socialista Pablo Arangüena durante a sesión plenaria do Parlamento, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asegurou que a Xunta “cumprirá a sentenza” pero manterá A Gándara como ligazón coa A-6.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, no pleno do Parlamento de Galicia. XUNTA
“O trazado non vai cambiar”, aseverou Vázquez, que avanzou que o contrato coa construtora será rescindido e reiniciarase o proceso, pero que a vía Ártabra manterá o seu trazado pola Gándara.
A conselleira acusou ao Partido Socialista de “usar” ao seu favor “o moito diñeiro e tempo perdido” neste asunto, ao que Arangüena respondeu que a zona da Coruña “non pode ser refén da incompetencia” da Xunta plasmada en “revolcóns xudiciais enormes”.
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) rexistrou 62 novos casos de coronavirus nas últimas 24 horas, pero mantense por baixo dos 800 infectados oficiais, cun total de 775 infeccións activas contabilizadas fronte ás 786 da estatística publicada este martes.
A área da Coruña rexistrou o maior repunte no número de casos activos, ao pasar de 107 dos datos publicados este martes aos 156 deste mércores (con datos do martes 24 ás 18,00 horas), 49 máis.
Pola súa banda, Lugo tamén experimenta un crecemento, ao pasar de 86 a 115, 29 casos máis en 24 horas. A área de Ourense sitúase con 84 (+2); Pontevedra, con 80 (-2); a de Vigo, con 134 (-13); a de Santiago 134 (-5); e a de Ferrol rexistra 65 casos activos, sete casos menos que na xornada anterior.
Do total de pacientes, dez están en UCI, a mesma cifra que se contabilizou este martes, e 122 en unidades de hospitalización, sete menos que na xornada anterior. O número de falecidos mantense, tras o seis notificacións efectuadas nos últimos días e que transcenderon este martes, nun total de 4.055 decesos vinculados á pandemia.
O Ministerio de Facenda fixo públicos os soldos dos rexedores galegos en 2021, un ano no que os alcaldes de Pontevedra e Vigo, Miguel Anxo Fernández Lores (71.639 euros) e Abel Caballero (71.412 euros), percibiron as maiores cantidades. Pola súa banda, unha ducia de rexedores de pequenos municipios non cobran polo seu cargo municipal, mentres hai 31 concellos que non ofrecen datos, entre eles Ourense, que dirixe Gonzalo Pérez Jácome.
No caso da Coruña, a súa rexedora, Inés Rey é unha das que máis cobra, 69.218 euros, por riba da de Lugo, Lara Méndez (68.796 euros); Santiago, Xosé Sánchez Bugallo (52.454 euros); e Ferrol, Ángel Mato (40.000 euros). Todos eles percibiron polo seu cargo municipal salarios similares aos do anterior exercicio.
Máis aló das sete cidades, os alcaldes que perciben máis de 50.000 euros superan a ducia. Todos cobran máis que o rexedor de Ferrol e algúns máis que o da capital de Galicia. Entre eles, o de Oleiros, Anxo García Seoane (58.572 euros), Culleredo, José Ramón Riobóo (56.683 euros) e Arteixo, José Carlos Calvelo (56.604 euros). Pola súa banda, o de Cambre cobra 32.000 euros brutos.
Mentres, os salarios dos presidentes das deputacións galegas en 2021 foron os seguintes: Pontevedra, Carmela Silva (77.621 euros); A Coruña, Valentín González Formoso (72.953 euros); Ourense, Manuel Baltar (72.325 euros); e Lugo, José Tomé (68.914 euros), quen tamén percibe 7.700 euros polo seu posto de alcalde, segundo datos de Facenda.
A marea eólica tamén se ven enriba no Concello de Arteixo. Concretamente falamos do Parque eólico Carboeiro, que pretende instalar 8 aeroxeneradores de 4,5 MW de potencia unitaria, 6 no Concello arteixán e dous na veciña Laracha.
Falamos de viraventos de 164 metros de altura de buxe e 155 de diámetro de rotor, chegando así a unha altura de case 250 metros (como a Torre Foster, un dos 4 rañaceos de Madrid, que pasa por ser o edificio máis alto de España con 49 plantas).
De aí que o grupo municipal socialista de Arteixo vaia no pleno sobre as iniciativas que vai tomar o goberno do concello de Arteixo para evitar a instalación deste “parque eólico tan lesivo para a poboación”, unha vez coñecida a noticia de que a Consellería de Medio Ambiente daba a autorización medioambiental para a instalación do parque.
Aínda que o goberno local declarou públicamente que consideraba “insuficientes pero positivos” os cambios que se facían no proxecto, para os socialistas de Arteixo “é vital que o goberno local tome a iniciativa e prepare cos técnicos municipais os informes necesarios para presentar recursos contenciosos-administrativos ante a autorización de do parque eólico de Caboeiro, tal e como propuxeran no mes de xuño do ano pasado.
Patricia Boedo, voceira do grupo municipal socialista, explica que en xuño do 2022, o goberno do Partido Popular no concello de Arteixo rexeitou a proposta socialista de incluír na moción institucional que se ía a aprobar no pleno ordinario, “o compromiso de tomar canta iniciativa administrativa e xudicial fose necesaria para poñerlle freo ao Proxecto de Parque eólico Carboeiro”, un proxecto que os socialistas consideran “lesivo para os intereses da nosa cidadanía e a súa calidade de vida”.
O Concello da Coruñasacará a poxa forzosa aqueles inmobles en ruínas nos que as persoas propietarias non executen as obras de conservación esixidas. O primeiro dos edificios que sairá á venda será o do número 3 de cálea Damas, con orde de rehabilitación desde o ano 2018.
“A proposta busca permitir a conservación do patrimonio xa construído e tamén terminar co problema de insalubridade e inseguridade que xeran estas estruturas sen uso”, subliñou a alcaldesa, Inés Rei.
Fíxoo ao presentar o Plan Municipal para a Recuperación de Ruínas, unha iniciativa promovida desde a Concellaría de Urbanismo,Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade co obxectivo de dar solucións máis áxiles ao estado de abandono no que están algúns edificios.
A través deste Plan, o Concello sacará a poxa pública forzosa aqueles inmobles nos que as persoas propietarias das edificacións incumprisen os seus deberes en materia de conservación e rehabilitación, nos prazos e condicións marcados pola lei.
O Concello elaborou un informe de diversos inmobles que a día de hoxe se atopan en situación de abandono, e sobre os que o consistorio emitiu a declaración de incumprimento dos deberes de conservación e rehabilitación que impón a lei.
“Hai oito nos que se prevé actuar pola súa situación actual, sexa por antigüidade ou deterioración, falamos de edificios situados na rúa Damas, no barrio da Cidade Vella; a rúa Orzán e a súa contorna, e tamén no edificio número 8 da rúa de Santa Lucía”, expuxo a rexedora.
Coa intención de sensibilizar a sociedade e os poderes políticos da necesidade de tomar conciencia sobre a discapacidade, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) abre este 2023 cunha forte campaña.
Unha campaña que inclúe 12 vídeos, que a entidade irá presentado mes a mes, nos que se visibilizan realidades cotiás que vive o grupo social das persoas con discapacidade.
A entidade quere que toda a sociedade trate con normalidade a discapacidade, como unha condición máis da persoa, pero tamén esixe aos poderes políticos que tomen conciencia de que moitas persoas viven unha vida marcada polo incumprimento dos seus dereitos, e fagan políticas “cun enfoque transversal e cunha metodoloxía de atención integral centrada nas persoas e nos seus proxectos de vida”, expresa Queiruga.
Lembran que a día de hoxe o colectivo de persoas con algunha discapacidade está formado por 243.323 persoas, case un 10 % da poboación. “Pese a ser un número moi importante de persoas con moito que aportar, somos un grupo social que, pola súa vulnerabilidade, vivimos en risco de exclusión social”, apunta Anxo Queiruga, presidente de COGAMI.
O primeiro vídeo, #SomosCogami, xa está aquí como presentación da campaña:
A empresa que contratou aos dous homes que auxiliaron a Samuel Luiz alega causas económicas e produtivas para o seu despedimento e, en particular, necesidade de empregados “máis cualificados”, segundo sinalou un portavoz da mesma a Europa Press. Faino tras a denuncia da CIG de que foron despedidos tras coller vacacións.
Así, apuntaron que o despedimento obedece á necesidade de “traballadores máis cualificados” e ao non ser estes dous homes, segundo expuxeron, “polivalentes”, dixeron en relación ao uso de distintas máquinas na empresa.
“Estaban avisados, non foi un caso de última hora“, manifestaron tamén rexeitando que non houbese un aviso previo ou que o motivo fose que collesen vacacións. Ademais, recalcaron que se lles pagou “o que lles correspondía”. Tamén argumentaron que a empresa actuou de “boa fe” coa súa contratación e que se lles tentou axudar para conseguir outro traballo”, apostilaron.
Está preparado para saltar ao campo, aos despachos. Augusto César Lendoiro segue pensando todo o día en clave Dépor, e así nolo demostrou na conversa que tivemos con el a final do pasado ano, e que recollemos en Xornaldacoruña.gal.
Citámolo nun hotel do centro da cidade, ollando o reflexo do faro da Torre de Hércules pola fiestra un crú día de inverno. Chegaba algo baixo, cun pouco de catarreira, pero foi darlle ao rec e apareceu o Lendoiro de sempre, efusivo, rápido, poderoso, onmipresente.
Debullamos a conversa por bloques:
FIFA
A conversa arrincou xa directamente facendo un repaso da súa viaxe ao Mundial de Qatar, a onde acodiu invitado polo mesmo presidente da FIFA Infantino. Ademais de con Arsen Wenger, Augusto tivo a ocasión de falar hora e media con Pierlugi Collina, o gran revolucionador mediático do colectivo arbitral que agora é un dos máximos responsables da innovación no mundo dos colexiados. Lendoiro trasladou a súa aposta por implantar a medida de instaurar un mínimo de 60 minutos de xogo efectivo, para evitar as perdas de tempo e conseguir que os partidos conten con máis dos 45-50 de xogo de hoxe en día, a pesar da novidade dos longos descontos.
”É de caixón; e de xustiza”, sinala convencido de que aquí a un tempo prudente a FIFA tomará en consideración a súa proposta “aínda que non cobre os dereitos de autor”, bromeaba. Tamén trasladou a necesidade de que “todos os os campos de futbol profesional teñan as mesmas dimensións”.
Augusto tamén tivo tempo para lamentar as eternas loitas entre Tebas e Rubiales e as calificou de “unha lacra para o fútbol español”.
Bloque Dépor
Nótase que o Dépor é aínda parte da súa vida diaria. Sen facer alusión pero dando por suposto que está disposto a axudar ao club se alguén llo pide, deixou patente a necesidade de ter #gentedefútbol no seo directivo.
Nestes tempos onde A Coruña vive con lamento a falta de aposta do club pola canteira, definiuse precisamente como “un presidente da canteira”, dando conta da importancia da súa experiencia no fútbol modesto para facer medrar o profesional.
Sobre a venda do club, considera que xa antes do proceso de Abanca “houbo unha ampliación de capital se lle meteu un bocado importante ao club”, e recoñeceu a débeda de 100 millóns de euros que deixou nas arcas branquiazuis, pero sinalando que estaba “regulada”.
Reiterou que “unha das peores decisións dende o ano 14 foi a perda de Fernando Vázquez”. “Aínda a día de hoxe o tiñan que recuperar para o que fose”, sinala.
Antes de concretarse a fichaxe de Lucas, que xa daba por feito, deixaba claro que “Lucas Pérez, pode ser un gran revulsivo” pero “tamén fai falta un dianteiro de referencia”, manifestando a súa querenza polos dianteiros fortes que saben xogar de costas.
Bloque #Coruña
Interesante tamén a conversa arredor da vida política e a vida da Coruña, facendo referencia á loita que mantivo co seu “amigo de pupitre” nos Maristas, Paco Vázquez. En calquera caso “ser presidente dun club de fútbol é infitamente máis complicado que ser presidente dunha Deputación”, sinalou con rotundidade, explicando que “as eleccións é o sufrimento de verdade dun político, prodúcense cada 4 anos. No fútbol o problema prodúcese cada 4 días”.
Se ben é certo que “non boto de menos a carreira política pero estou encantado de telo vivido”, deixou claro que non foi el quen marchou da política, senón que foi “a política deixoume a min”, concretamente os egos de Romay Becaría. Afirmou que de ter chegado a ser alcalde “daríalle unha volta ao deporte da cidade e moita unha cobertura aos barrios”.
Non quixo facer valoracións sobre a posible ampliación do estadio de Riazor de ser aceptada como sede do Mundial 2030, se ben sinalou que 34.000 xa son máis butacas das que pedira no seu día. Pero os ollos enchéronse de lamento ao lembrar o proxecto rexeitado de Einsenman.
Tamén tivo tempo de falar sobre o seu natal Corcubión, na parte que podemos ver en QPC. “Vou pouco pero sempre presumo”, fachendea.
Un proxecto, en definitiva, moi valioso para crear unha corrente de colaboración moi viva e eficaz que permita suplir moitas das trabas que atopan os movementos sociais para dar a coñecer as súas inquedanzas. Confiemos en que a súa irrupción no panorama informativo coruñés contribúa a ampliar o reducido mundo no que se moven os movementos sociais canalizando as súas lexítimas reclamacións para que tanto institucións como veciñanza poidan formarse unha opinión razonada sobre asuntos que lles afectan. Vainos nelo cuestións tan importantes como a defensa dunha parte do patrimonio público.
A xeración dos anos das protestas veciñais de finais da ditadura e principios da Transición foi unha xeración caracterizada por unha moi particular ansia de participación e debate sobre a realidade que lle tocou vivir. Ambos momentos, a necesidade de participación e a súa implicación nos problemas das súas demarcacións, determinaron moi claramente os dous compoñentes fundamentais desta participación. Por un lado, foi unha participación baseada en agudizar as contradiccións dun sistema que mantiña barrios sen urbanizar ao consideralos como o patio traseiro da cidade, pero, por outro, era un movemento de masas e social porque foi capaz de arrastrar a xentes carentes de calquera prantexamento ideolóxico preconcebido e porque tamén contribuiu a crear as condicións precisas para acadar o primeiro concello democrático, capitaneado polo nacionalista, Domingos Merino.
Mais os tempos en que abundaban as asembleas multitudinarias e os debates a cara de perro pasaron xa. Os movementos sociais camiñan agora na Coruña por un rumbo moi distinto. Son tempos diferentes, sen dúbida, pero seguen existindo “temas quentes” como a privatización de espazos públicos, contaminación, espazos verdes devorados pola especulación, natureza e paisaxe saqueados, ritmos de vida e formas de relación social cada vez máis anónimas. Dar contido a unha confluencia institucional e social non baseada no concepto de que hai que pagar por algo que forma parte do común debe ser a gran tarefa política deste tempo. Evitarase así que os espazos comunais sigan sendo pasto da demagoxia e o arbitrismo de quenes só contemplan o común como fonte inesgotábel de plusvalías. Si fracasan esos intentos para recuperar parcelas como as do campo da Estrada-Maestranza, o antigo cuartel da Grela, o vello cárcere, a parcela do número 24 da rúa Adelaida Muro e os espazos portuarios desafectados haberá motivos serios para preocuparse. O Estado, que adoita presentarse como garante do interés xeral, observamos a miúdo como se inclina cada vez máis deica os intereses desas clases dominantes cando se trata de protexer o patrimonio público. A posición do goberno municipal ao respecto resulta inexistente, dubitativa, temerosa e corta de vista i é precisamente nestas cuestións onde se afirma ou se borra definitivamente o grao de influenza da alcaldesa.
A democracia é un réxime aberto e as súas capacidades de expresión e representación non se circunscreben, en modo algún, á vía institucional. A existencia de plataformas cívicas plurais e dinámicas, xunto a asociacións veciñais, culturais, deportivas e recreativas sen identificación partidaria algunha, seguen a ser necesarias para denunciar a voracidade da lóxica capitalista que leva a readaptar o patrimionio histórico-cultural ás novas funcións impostas polos grupos dominantes, demolendo os espazos históricamente ocupados polas capas populares para residencia das clases dominantes e grandes corporacións financieiras. Aínda que alonxados da grande influenza cuantitativa e cualitativa da que gozaron nos anos do final da ditadura e principios da Transición, os movementos sociais seguen a ser necesarios para a mobilización social de cara a construir unha cidade máis habitábel e solidaria.
Devolver aos movementos sociais a súa dimensión mobilizadora e reivindicativa, asumir que a humanización da cidade só é sostíbel na medida en que o cidadán participe activamente e que todo o atentado contra o patrimonio público o é contra si mesmo, son algúns dos compoñentes de fondo para non ter que falar dos movementos sociais como algo mortuorio.
Ricardo Vales é expresidente da Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e responsábel de comunicación do Club de Opinión Foro Cívico e da plataforma cívica Defensa do Común.