Inicio Blog Páxina 721

A Fundación Érguete recibe o premio de Boas Prácticas da UNAD convertindo usuarios con adiccións en Axentes de Saúde

A Fundación Érguete-Integración vén de recibir o primeiro premio dentro do espazo de Boas Prácticas das Escolas de Axentes de Saúde da UNAD Rede de Atención das Adiccións. Un recoñecemento pola a impartición dun curso de información e sensibilización na prevención e atención a persoas con VIH e outras ITS. A ensinanza levouse a cabo no Centro de Inserción Social da Coruña a cargo da Fundación Érguete e concretamente do seu programa Sísifo.

Mediante as accións formativas que tiñan lugar os martes e os xoves de cada semana durante os meses de xaneiro a marzo, a Fundación Érguete conseguiu fomentar os hábitos de vida saudables entre usuari@s con adiccións. Pero dando un paso máis, xa que a finalidade última deste proxecto é que tras o traballo de contidos cos usuarios, estes se transformen en “axentes de saúde” informando e sensibilizando a persoas que se atopen na mesma situación dentro da súa entorna. Foi grazas á participación e implicación das persoas participantes nas clases deste curso e, por suposto, do gran resultado acadado, que reciben este recoñecemento por parte da rede organizadora.

O programa da UNAD, Escolas de Axentes de Saúde, neste 2023 cumpre 20 anos de antigüidade traballando no fomento da prevención e a intervención no ámbito do VIH/SIDA e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) entre a poboación, especialmente, entre as persoas en situación ou maior risco de vulnerabilidade social.

Máis novas

Atenden unha persoa despois dun incendio nun taller de pinturas na Coruña

Un incendio rexistrado na tarde deste xoves na cidade da Coruña afectou a un taller de pinturas e, máis concretamente, á maquinaria almacenada no baixo do local, que ardeu.

O suceso ocorreu sobre as 17,30 horas deste xoves nun taller de pintura da Avenida de Navarra. Foron varios os veciños que chamaron ao 112 para indicar que vían saír gran cantidade de fume negro do edificio.

Ata a zona desprazáronse efectivos dos Bombeiros da Coruña, Policía Local e Policía Nacional. Tamén se informou ás autoridades ambientais da Xunta.

Adicionalmente, o persoal sanitario do 061 atendeu a unha persoa por inhalación de fume, aínda que se descartou o seu traslado a un centro sanitario.

Os servizos de emerxencia desaloxaron, como medida preventiva, as vivendas do catro pisos do edificio no que está o taller, aínda que os veciños xa puideron regresar ás súas casas.

Xa hai data para mercar as entradas para o concerto de Scorpions na Coruña

0

As entradas para o concerto que a banda alemá Scorpions ofrecerá na Coruña o 13 de xullo sairán á venda o luns, día 27, a partir das 11,00 horas, segundo informan os promotores.

Será no marco do Resurrection Fest Estrela Galicia e na xira que a banda máis lonxeva do hard rock europeo ofrecerá este ano, ‘Rock Believer Tour’. Actuarán nos peiraos da Coruña e nun concerto para o que as entradas sairán á venda a un prezo desde 65 euros. A cidade herculina será a única parada da banda en toda a metade norte do país.

Os alemáns son os autores de cancións como ‘Rock You Like A Hurricane’, ‘Wind Of Change’ ou ‘Still Loving You’ e a súa actuación será posible nos peiraos coruñeses tras o acordo alcanzado entre a Autoridade Portuaria e o Concello para albergar concertos no verán nesa zona.

O desxeo de Groenlandia alterará a variabilidade climática no Atlántico, segundo un estudo da UDC

O desxeo de Groenlandia alterará a variabilidade climática no Atlántico e no sector europeo, segundo un estudo do centro de investigación CICA da Universidade da Coruña (UDC), a cargo do investigador Armand Hernández e publicado na revista Nature Geoscience.

No mesmo, afirma que haberá “unha diminución de fluctuacións climáticas decenais predicibles do Atlántico Norte debido ao derretimiento do xeo”. “Predicir como variará o clima nos próximos anos ou décadas é de gran interese para os responsables da toma de decisións preocupados pola produción de alimentos e a seguridade enerxética”, asegura o investigador Ramón e Cajal do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC.

Piden a revocación da DIA do Parque Eólico das Encrobas por “graves erros” na documentación

Coa mobilización do vindeiro 23 de abril xa no calendario, a comarca segue loitando contra a invasión eólica. Desta volta é a Asociación Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo a que pelexa contra o parque eólico das Encobras, promovido por Naturgy e que afecta aos concellos de Carral, Cerceda e Ordes.

A entidade vén de enviar un escrito á Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático” da Xunta de Galicia, María Sagrario Pérez Castellanos, denunciando que a Declaración de Impacto Ambiental “carece, en varios aspectos sustanciais, de veracidade e validez técnica ó igual que os documentos que serviron para integrala (informes sectoriais e documentos orixinais do promotor), non tendo en conta, ou facéndoo de xeito sesgado e errado, profundas afeccións á saúde, ó patrimonio natural, á paisaxe, e ó patrimonio cultural, do Val de Barcia e o Monte Xalo”.

A veciñanza pídelle que “coma responsable que é da aprobación da DIA, que tramite a revocación da DIA, e tramite de novo a súa confección requerindo presentación de documentación correcta por parte do promotor (proxecto sectorial, proxecto constructivo, estudo de impacto ambiental) e de informes correctos polas Administracións informantes”.

A entidade adxúntalle tamén os informes da D.X. de Saúde Pública, D.X. de Patrimonio Natural, D.X. de Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos Territoriais, que “demostran como a documentación aportada por Naturgy (particularmente o Estudio de Impacto Ambiental) está plagada de erros e sesgos (e incluso flagrantes falsidades) pasados por alto ou aceptados polas respectivas Administracións informantes”.

Explican por exemplo que a DIA sinala que os eólicos simulados no proxecto son de arredor de 70m cando a realidade é que van ser de 200 m (coma a “cheminea alta” da Central Térmica de Meirama demolida hai poucos días, que tiña 204”).

A entidade asegura que de non obter resposta comezarán coas accións xurídicas.

Novas relacionadas

A Mardi Gras prepara unha fin de semana de homenaxes

0

Fin de semana completa na Sala Mardigras, que arrinca este venres co Festival II Escena de Muller en en homenaxe ao finado Dani Fiaño, gracias ao compromiso da Asociación Sons de Breogán.

Un concerto xa estaba programado hai tempo, antes do pasamento do fundador da entidade, pero a familia e amigos de Dani decidiron que a mellor homenaxe para el era celebrar este concerto.
A apertura de portas será a partir das 22:00h, e sobre o escenario poderemos ver a dúas bravas da escena herculina como Pauliña (@punkita_) e Sophie Simonds (@sophsimo).

Xa tendes as entradas á venda en Entradium.

Máis música

Para o sábado, os fanáticos do rock estadounidense están de sorte, coa chegada dos estadounidenses MojoThunder, un cuarteto de rock n’ roll de Kentucky que mestura alta enerxía con harmonías do sur para crear un son híbrido que eles chaman “alternativa sureña”.

E xa o domingo, a Sala acolle o 27º aniversario da CUAF FM, con con varias actividades e unha delas é o concerto de Playa Desmayo. A banda que gañou o Premio á Mellor Banda Local en 2022, no XXIV Concurso de Bandas e solistas de CUAC FM.

Será o domingo 26 ás 21:30 coa recadación íntegra para a Cociña Económica da Coruña.

Incautados 235,60 Kg de ourizo

0

O Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil da Coruña incautou 235,60 Kg de ourizos dun vehículo estacionado nnas inmediacións do Porto da Coruña.

Ao revisar a parte traseira, os axentes observaron 14 cestos e unha bolsa de rafia que contiña un total de 235,60 kg de ourizo que carecía de identificación, trazabilidade e/ou documentación de transporte.

Deste xeito, procederon ao comiso do ourido, despois de pesalo na lonxa,  entregándoo á patrulleira do Servizo Marítimo para a súa sembra.
Tramitáronse os correspondentes expedientes-denuncias da Lei 11/2008 de Pesca de Galicia, para a súa remisión á Xefatura Territorial do Mar da Xunta de Galicia e o comiso do vehículo para a súa entrega e depósito ao Servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia. Galicia.

  O vello asilo de anciáns reaparece na memoria da cidade

0

O edificio “Citania”, propiedade de Vivienda Confort, na rúa Adelaida Muro, acadou nos últimos días honores estelares nas redes grazas a unha instagramer que decatouse da venda dun piso de 68,52 metros cadrados por 650.000 euros e cuxos planos poden consultarse no portal inmobiliario Idealista. A información non mudará nosas vidas, pero emociona saber que por fin un barrio de acentuado estracto social obreiro como o de Monte Alto albergue nunha das súas principais arterias urbanas un dos signos externos máis elegantes e no que mellor se reflicte a política urbanística das lexislaturas de Francisco Vázquez: a  especulación do solo. A historia daquela agresión ao patrimonio histórico, de momento, coñecémola uns poucos, pero non dubido que a partir de agora, aproveitando o éxito viral nas redes do anuncio, será difundida polos diversos medios de comunicación para coñecemento e reflexión de cidadáns sen distinción de sexo, relixión, ideoloxía ou barrio no que viva. Aparte de real, aquela historia simboliza como nengunha a posibilidade de obter sabrosas plusvalías unha vez mudado o planeamento urbanístico para converter terreos públicos en urbanizabeis. Mentres, unha política de vivenda capaz de satisfacer as necesidades de amplas capas da poboación permanecía, e segue a permanecer, nos caixóns dos diferentes responsabeis das áreas de Urbanismo.

Para moitos dos que estivemos en 2001 denunciando o derrubo do antigo Asilo de Anciáns, construido en 1888, unha institución emblemática da cidade, froito da xenerosidade de moitas familias que aportaron terreos e diñeiro para atender ás personas máis necesitadas, aquel feito segue a representar, agora de xeito máis acusado, a sombra dun fracaso social, cultural, arquitectónico, urbanistico e tamén económico. Un equipamento público de 10.000 metros cadrados, protexido, e coas galerías de máis lonxitude da cidade, foi descatalogado, mudando a cualificación da parcela de uso asistencial privado a área de transformación posibilitando con elo a construcción de altas barreiras de pisos. Unha intervención auspiciada polo goberno municipal, bendecida pola Xunta e rexeitada por 85 das entidades que conformaban o movemento asociativo plural e dinámico coruñés. Foi aquel un período de éxtasis especulativa, no que o Asilo de Anciáns converteuse nunha das bandeiras máis nocivas da xestión municipal, apoiada sempre na mesma frase: “Facilidades a la iniciativa privada para que gane dinero, generen una plusvalía, y esta revierta en la ciudad”, ou sexa, a letanía especulativa de sempre, con tutela ideolóxica neoliberal, pásannos agora unha costosa fatura, porque a cidade non foi compensada con nengunha daquelas hipotéticas plusvalías que nos prometían.
Edificio Citanía, na Coruña, propiedade de Vivienda Confort / viviendaconfort.es.
Pois ben, outro solar ubicado no número 24 da mesma rúa de Adelaida Muro, de 373 metros cadrados, e cunha edificabilidade de 1.155 metros cadrados, pretende ser vendido polo Ministerio de Defensa a través do Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED), a pesar de resultar fallidos os tres primeiros intentos de licitación de poxas, que lle permitirían ingresar 1,17 millóns de euros. A este respecto, a plataforma cívica Defensa do Común e a Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto esixen que se cumpra o acordo plenario de xaneiro de 2019 a través do cal instase ao Goberno Municipal a que esixa ao departamento ministerial de Defensa a suspensión indefinida da poxa da parcela, ao tempo que proceda a mudar a cualificación da mesma outorgándolle o uso de dotacional, impedindo con elo a construcción de vivendas e, finalmente, convocar un concurso de ideas para coñecer o futuro uso da parcela que podería ser o Centro Social Adelaida Muro que compense a perda do Asilo de Anciáns.
Pasaron 22 anos daquela agresión a un dos edificios singulares da cidade e volvo a ter a mesma sensación: Pelotazo e ladrillazo seguen a camiñar xuntos.
Ricardo Vales é expresidente da Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e Responsábel de Comunicación da Plataforma Cívica Defensa do Común.

Desde a CRHM denuncian que o Concello da Coruña incumpre coa retirada de simboloxía franquista

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña presentou unha denuncia ante a Fiscalía contra o Concello da cidade herculina por “incumprimento reiterado” da retirada de simboloxía franquista, en concreto, das distincións de Sergio Peñamaría del Llano, militar e exalcalde herculino, pola súa participación na represión.

Así o informou, en rolda de prensa, o seu presidente, Fernando Souto, despois de que a entidade entregase no rexistro municipal unha carta con esta petición “sen resposta ata este momento”. Na comparecencia estivo acompañado polo membro da asociación Emilio Veiga Rodríguez e a vogal da Asociación de Veciños do barrio do Ventorrillo, Beatriz Gómez Amigo.

“Vémonos obrigados por hixiene democrática”, puntualizou Souto. “Non queremos que as xeracións futuras repitan os actos de Peñamaría del Llano, feitos que constatan a súa falta de actitude democrática”.

Souto instou á Fiscalía a que actúe e esixa ao goberno municipal que cumpra a lei, que retire a simboloxía franquista do rueiro así como o retrato do exalcalde situado no consistorio. “Hai que cumprir e facer cumprir a lei”, apostilou.

“ILEGALIDADE DEMOCRÁTICA”

Veiga, pola súa banda, incidiu en que o “flagrante incumprimento” do Concello da Coruña da Lei de Memoria Democrática sitúao na “ilegalidade democrática”.

Segundo explicou, a norma sinala que os crimes de guerra, de lesa humanidade, xenocidio e tortura teñen a consideración de “imprescriptibles e non amnistiables”. “Non hai vontade política”, criticou.

Neste sentido, Gómez anunciou que “despois desta rúa virán moitas máis en cadea”, e lembrou que na actualidade existen na cidade herculina “140 elementos de simboloxía franquista, entre eles 14 rúas”.

Cuestionados sobre o motivo polo que o Concello non retira a simboloxía franquista, vinculárono a unha cuestión de captación de votos, ao “medo” á campaña electoral.

“SANGUENTA E INHUMANA REPRESIÓN”

Entre outras cuestións, no seu discurso aludiron ao historial de “sanguenta e inhumana represión franquista” de Peñamaría del Llano, en concreto, na comarca de Valdeorras como tenente ao mando do I Terzo de III Bandeira da Lexión.

A partir dos anos 40, formou parte como fiscal nos consellos de guerra realizados na ditadura, solicitando penas de morte en procesos realizados sen ningún tipo de garantías xurídicas, segundo a CRMH.

CHARLA

Este xoves 23 de marzo, ás 20:15 h. no local veciñal da Asoc. A.C.D.R. Agra do Orzán, terá lugar a charla de Manuel Monge “Restos do franquismo na Coruña”. A entrada é de balde e libre, ata encher a capacidade do local (Rúa Entrepenas 38 soto, A Coruña).