Inicio Blog Páxina 751

Jorquera en ASCEGA: “É necesario un cambio de rumbo”

0

O portavoz municipal do BNG no Concello da Coruña e candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera, particiou esta mañá nas presentacións das candidaturas que organiza a Asociación de Emprendedores de Galicia. Unha ASCEGA que xa artellou o primeiro debate cos rexedores de Oleiros, Fene e Pontedeume e que comeza con Jorquera as presentacións da capital herculina.

O edil do BNG reivindicou que esta formación concorrerá ás próximas eleccións municipais “con vocación real de ser unha alternativa” para “liderar politicamente esta cidade”, porque o “BNG non acepta o papel de actor secundario que nos pretende asignar o PSOE e o PP”.

Tamén dixo que é necesario un “cambio de rumbo” na cidade e, neste sentido, apelou á xestión dos nacionalistas noutros consistorios galegos.

“Fronte á inestabilidade que caracerizó a outras forzas políticas, o BNG pode presumir de ter unha forza política estable que neste tres anos e medio estivo centrado non en cuestións internas senón en trasladar os problemas e demandas da cidadanía ao concello”, expuxo tamén a preguntas dos participantes no acto.

Mentres, criticou que non haxa aínda un orzamento para este ano e cuestionou a execución das contas municipais por parte do goberno socialista. “Executouse un de cada tres euros destinados a investimento”, apostilou.

“Un goberno máis preocupado pola foto e os titulares que por atender á cidade no día a día”, engadiu Jorquera, quen fixo referencia tamén algunhas das propostas dos nacionalistas no seu programa.

Entre elas, citou impulsar a rehabilitación de vivendas, mellorar a accesibilidade das mesmas ou incrementar o parque de pisos de titularidade municipal. A iso, sumou que A Coruña sexa “un modelo de calidade urbana cun espazo público accesible“.

A Deputación da Coruña convoca axudas para o financiamiento de persoal nas oficinas de turismo

0

A Deputación da Coruña convocou este mércores unha liña de axudas, cun investimento total de 800.000 euros, para o financiamiento do gasto de persoal das oficinas de turismo nas localidades de menos de 50.000 habitantes.

Segundo trasladou a institución provincial nun comunicado, cada concello poderá recibir unha subvención de entre 10.000 e 20.000 euros. O vicepresidente provincial e titular de Turismo, Xosé Regueira, apuntou que “son conscientes de que un turismo de calidade implicaba ter bos técnicos para planificar e bo persoal de información turística”.

Así mesmo, os municipios de menos de 10.000 habitantes que non conten con áreas de turismo nin persoal asignado, pero que no seu territorio dispoñan de espazos ou recursos capaces de xerar dinámicas positivas para o turismo, estacional ou eventualmente, poderán solicitar a axuda conxuntamente mediante a agrupación de — como mínimo tres — concellos limítrofes.

Deste xeito, entre os criterios de valoración están o número total de prazas de aloxamento en establecementos turísticos da localidade, a capacidade de cobertura da demanda turística ou o interese e planificación sostida.

O prazo de presentación de solicitudes termina o 3 de marzo e os interesados poden levar a cabo os trámites por vía telemática a través da plataforma Subtel, accesible desde a sede electrónica da Deputación.

A Comisión de Atención Primaria cualifica de “insuficiente” a incorporación de 16 enfermeiras

0

O Sergas incorporou 16 novos profesionais de enfermaría á Atención Primaria da área sanitaria da Coruña e Cee, co que o número de profesionais elévase a 339 nos centros de saúde.

As novas prazas son tanto de estabilización como de nova creación. En concreto, oito van destinados a Puntos de Atención Continuada e outro oito a diferentes centros de saúde.

Sobre este anuncio, a Comisión de Atención Primaria da área sanitaria cualificou de “insuficiente” a citada contratación, ademais de demandar un incremento de profesionais de todas as categorías.

“A incorporación deste número de enfermeiras e enfermeiros para os máis de 70 centros de saúde e PACs que ten esta área non soluciona o problema de sobrecarga de traballo“, apostila.

Os álbums de guerra de Castelao volven á Coruña

0

A Librería Berbiriana da Coruña presenta Nós e álbums de guerra de Castelao (Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos), os famosos cadernos de guerra pintados polo artista e que reflicten o horror da Guerra do 36.

Os tomos, por primeira vez reunidos, publicados conxuntamente por Ediciones Akal con motivo do 50 aniversario da editorial, están prologados polos escritores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, profesores da USC.

Anteriormente, Carmen Blanco escribira sobre o humor e a muller en Castelao e publicara o libro Alba de mulleres, versión feminina de Alba de gloria. Pola súa parte, Claudio Rodríguez Fer escribira sobre o Castelao literato e editara Verbas de chumbo, reunindo os escritos deste autor feitos durante a guerra civil.  De feito, e por este comprometido labor memorialista ambos investigadores recibiron compartido o Premio Galicia mártir (denominación precisamente tomada do álbum homónimo de Castelao) concedido pola Fundación Alexandre Bóveda.

A reforma do Mercado de Santa Lucía volve poñerse en marcha tras dúas décadas de espera

0

Dúas décadas leva esperando o barrio da Falperra pola reforma do Mercado de Santa Lucía. Un proxecto que leva sufrindo anos de promesas baldías e propostas desaparecidas, coa veciñanza en loita durante moitos anos chegando a colleitar 3.000 sinaturas para que Concello e Xunta puxesen a andar o proxecto. De feito, ambas administracións, protagonistas dun sinfín de demostracións de deslealdalde entre partidos, aseguraban en 2021 na sinatura do convenio, que podería estar listo antes de rematar o 2023, cousa que xa é impensable.

En calquera caso, parece que a rehabilitación se volve poñer en marcha coa aprobación, na Xunta de Goberno desta mañá de mércores 15 de febreiro, das bases administrativas do concurso de ideas para que o edificio albergue un novo Mercado Municipal (de 400 metros cadrados), un Centro de Saúde e Centro Cívico.

Trátase entón de volver escoller proxecto no que se prevé un investimento de 8,3 millóns de euros. O concurso, que ten un prazo de 45 días, ten un orzamento de 45.000 euros en premios para animar ao estudos de arquitectura a presentar ofertas. Haberá un primeiro premio de 20.000 euros, un segundo de 10.000 euros e dous accésits, de 5.000 euros cada un. O autor ou autora do proxecto gañador encargarase tamén da redacción dos proxectos básicos e de execución, así como da dirección de obra, para o que se prevé un investimento máximo de 473.000 euros.

O Porto exterior pode converterse nun gran nodo loxístico da eólica mariña

0

O consello de administración da Autoridade Portuaria da Coruña aprobou este martes a proposta de desenvolvemento da zona sur do porto exterior, destinada ás empresas que estean interesadas en instalar plantas de fabricación de compoñentes de eólica mariña.

No consello, o presidente da entidade, Martín Fernández Prado, informou, ademais, dos datos de tráficos e económicos ao peche de 2022, cun crecemento superior ao 25% no movemento de mercadorías “e rexistros históricos en canto a cifra de negocio e beneficios”, sinala o organismo portuario.

Sobre o proxecto de ordenación da zona sur de Punta Langosteira, explica que ten o obxectivo de garantir a eficiencia na adxudicación deste espazo do porto exterior “que na actualidade está sen uso, xa que as actuais concesións para o tráfico de mercadorías concéntranse na zona norte”.

“Ponse en marcha porque, no marco do proxecto Green Port, recibíronse diferentes solicitudes de empresas para habilitar centros industriais vinculados coa eólica mariña, con destino á exportación, e coa xeración e almacenamento de hidróxeno e amoníaco verdes”, engade.

Dicionario Antroideiro (I): Momento Coruñento

0

Momento coruñento… Xa quere cheirar a Carnaval, señora, a festa das festas desta cidade. Como cada ano teño por costume, en beneficio das novas xeracións choqueiras, e citándome a min mesmo, velaí vai a primeira entrega do dicionario antroideiro coruñés. Vademecum imprescindible para todos os que queiran honrar na rúa a revolución do Santo Antroido.

RICARDIÑO: Así denominaban o seu moneco do Antroido as veciñas e veciños de Castro de Elviña. Na fin da festa queimábano ou guindábano pola Ponte Pasaxe abaixo acompañado deste responso:
Este pobre Ricardiño
Viviu na aldea do Souto.
Deixou á muller viúda
Para que fose con outro.

MAZARICOS: Famoso antroideiro do primeiro terzo do século XX. Chamábase Emilio Golpe, vivía na Cordelaría e era, de oficio, pintor. Ademais de polos “ferretes” acadou gran sona polo seu “museo” doméstico. Nel exhibía “As gafas de Alfonso XIII”, ou as botas coas que o Marsical Soult pisou pola Coruña adiante. Educado e sempre atento, Mazaricos convidaba os visitantes a unha copiña de viño –iso si- reforzada con “acibar”, laxante rápido, que provocaba, de certo,urxentes desaparicións.

FERRETE: Cántiga de carnaval que debe ser tan aguda como o seu nome. Apoteose necesaria por tradición do apropósito, xénero teatral que, entre outros excelsos talentos, fixo grande Nito. Velaí un ferrete da autoría do ex-marqués de Pibela y brazos cortos do tempo da República:
Houbo algunha señorita
Que lle dixo á súa criada:
Ou votas polas dereitas
Ou quedas desempregada.

ANTROIDO: Preferimos esta forma a “Entroido”, pois estas non che son datas abofé para moitas normativas. Aínda que hoxe o costume está en desuso, o Antroido por excelencia era o moneco –xeralmente de xenitais ben dotados- que presidía esta festa. E a maior antroidada era metelo ás agachadas na casa dalgún veciño. Un ano o doutor Hervada foi chamado ás presas para atender unha urxencia. Cando chegou, no sitio do enfermo, atopou a un “antroido” metidiño no leito. Examinouno con calma e estendeu a receita. Os da casa foron á farmacia por seguir a brincadeira. Resultou ser o medicamento máis caro do mercado. Auténtica antroidada de efecto retardado.

Até aquí esta primeira entrega do dicionario. Dentro dunha semana máis.
Xa quere cheirar a Antroido, señora… Este si que vai ser, señora, un gran momento coruñento.

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

MÁIS ARTIGOS DE XURXO SOUTO

Centos de actuacións paralizadas na Coruña pola folga dos letrados, que piden máis salario

0

Letrados da Administración de Xustiza na Coruña concentraranse este mércores, a partir das 11,00 horas, ante a Delegación do Goberno en Galicia para esixir ao Ministerio de Justiza “o cumprimento dos acordos alcanzados no mes de abril de 2022”. Uns acordos que se traducen nun incremento do seu salario e que están paralizando a Xustiza.

De feito, nos primeiros días da folga, que xe leva tres semanas, suspendéronse 200 actuacións diarias, entre xuizos, vistas, declaracións previas e outros actos xudiciais. Algunhas fontes falan xa de milleiros de procedementos suspendidos na provincia.

Os letrados insisten que “xa que o Ministerio de Justiza non cumpriu co seu deber de negociar co comité de folga” manterán a súa intención de convocar protestas, ata xuño, se non hai avances.

Os letrados da Administración de Xustiza comezaron a folga o pasado 24 de xaneiro, cun seguimento do que destacan a elevada participación e que aseguran ten paralizado “case completamente” os xulgados galegos.

A nova estratexia galega de mobilidade vai dar resposta ás necesidades de Transporte Público na área coruñesa?

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ven de facer pública a Estratexia Galega de Mobilidade. Indica a Xunta de Galicia neste documento que ten como meta transformar o modelo de mobilidade en Galicia co obxectivo de pasar a un máis funcional, máis sostible medioambiental e economicamente e máis seguro, apoiándose para iso na innovación tecnolóxica.

Sen embargo, na súa diagnose esta Estratexia non identifica de forma expresa entre as debilidades do sistema actual de transporte público en Galicia ineficiencias de planificación e xestión nos principais ámbitos metropolitanos, ainda que pode que esta eiva se poida deducir na inexistencia xeral dunha estratexia previa de mobilidade.

Porque en materia de transporte público de viaxeiros, o volumen de persoas con necesidades de desprazamento nas áreas metropolitanas supón un maior reto socioeconómico e ambiental.

E ista necesidade cara a un máis eficiente transporte público na área da Coruña, entre a cidade central e os concellos metropolitanos, evidenciase nos datos que reflicte o propio documento da Estratexia.

No reparto modal dos desprazamentos na Coruña, casi o 90% das viaxes externas fanse en vehículo privado, fronte a un 9,5% en transporte público. No ámbito interno da cidade destaca que o 47,4% dos desprazamentos fase a pé, e ainda só un 14,2% se realizan no bus urbano.

Entre os dez municipios galegos con máis desprazamentos figuran os da Coruña, Oleiros, Arteixo e Culleredo. Oleiros presenta en inverno máis desprazamentos que Ferrol e realiza preto do 70% con A Coruña. Arteixo, sinala a Estratexia, é polo atractor debido á industria e en Culleredo está situado o aeroporto. O 66,5% das viaxes do municipio da Coruña realízanse con municipios da provincia, das que un 68,7% corresponden a Oleiros, Arteixo, Culleredo, Cambre, Sada, Bergondo e Carballo.

Son moitos os exemplos de cidades con contornas urbanas de alta densidade de poboación que levan tempo apostando por modelos metropolitanos de transporte público. Son cidades que avanzaron claramente. O transporte público é unha peza esencial neste desenvolvemento socioeconómico. Máis aló das necesarias apostas de Madrid ou Barcelona, cidades como Bilbao, Valencia, Málaga, Zaragoza ou Pamplona xestionan a súa rede de transporte público mediante fórmulas de cooperación supramunicipal.

Pero para iso é indispensable o compromiso da Xunta de Galicia ao ostentar a competencia sobre o transporte interurbano.

A implantación da nova estación intermodal da Coruña, coa chegada xa do AVE, esixe revisar liñas urbanas e metropolitanas, tamén algunhas interurbanas; a finalización en 2024 da concesión municipal da Coruña tamén esixirá revisar e modernizar o seu servizo; as necesidades crecentes de desprazamento aos polígonos empresariais de Bergondo, Espírito Santo, A Grela, Pocomaco, Vío, Sabón ou proximamente Morás; a substancial ampliación do CHUAC ou un mellor servizo ao aeroporto e aos campus universitarios, son necesidades que obrigan a repensar a nosa rede de transporte público dende unha nova planificación supramunicipal. As oportunidades que ofrece a remodelación do porto interior para establecer intercambiadores e aproveitar a liña existente de ferrocarril a Betanzos, tamén poden axudar nun mellor servizo de transporte público.

Unha autoridade única que planifique e xestione todo o tecido de transporte público na área coruñesa sería clave para este cambio estrutural. Unha autoridade que podería xestionar ademais os necesarios aparcamentos disuasorios, servizos comúns de bicicleta e mesmo áreas de prestación conxunta de servizos de taxi, ademais de poder xogar o necesario papel na definición das infraestruturas viarias desde a visión do transporte público.

A nova Estratexia Galega de Mobilidade sinala entre os seus obxectivos operativos a elaboración de Plans de mobilidade metropolitana como instrumentos que permitan abranguer esta planificación dende una perspectiva supramunicipal, pero para isto será precisa en todo caso non só unha labor de planificación conxunta, senon a necesaria xestión compartida dos de servizos de transporte público entre a Xunta de Galicia e os concellos da área metropolitana.

  • Juan Díaz Villoslada. Ex concelleiro de Urbanismo e Mobilidade co PSdeG-PSOE.

Máis artigos de Díaz Villoslada en XdC

Os usuarios do bus crecen na Coruña un 23% en 2022, con aumento de viaxeiros en todas as liñas

0

Os usuarios do bus urbano na Coruña creceron un 23% o ano pasado, cun aumento de viaxeiros en todas as liñas, segundo informou a alcaldesa, Inés Rey, xunto ao director da Compañía de Tranvías, Ignacio Prado, e o edil de Mobilidade, Francisco Díaz.

No conxunto do ano rexistráronse un total de 20.002.007 viaxeiros, un incremento do 23%, un dato que se sitúa por encima da medida española en canto á recuperación fronte ás cifras previas á pandemia.

“Estas estatísticas mostran que A Coruña coas súas medidas a favor do uso do transporte público e colectivo está a aproximarse aos datos anteriores á pandemia e subindo en número de viaxeiros de maneira significativa”, sostivo Inés Rey.

Todas as liñas aumentaron significativamente o número de viaxeiros e viaxeiras, destacando sobre as demais a liña universitaria, cun 24% máis de usuarios no 2022. Nesa liña o goberno local aprobou o pasado outubro unha bonificación do 60%.