- Xornada 19 – Cultural Leonesa 1 – Depor 0
- Lóxica derrota dun Depor limitado polas lesións.
- Décimo noveno partido de Imanol Idiakez como adestrador do Depor en partido oficial (7V 8E 4D)
— — —
Coa lóxica derrota de onte en León, o Dépor pecha unha primeira manga do campionato decepcionante para a afección. E dicimos lóxica derrota, porque este Depor non ofrece moitas esperanzas ás heroicidades os seus afeccionados. Se algo pinta mal, vai saír mal. E este partido de León pintaba mal dende ben cedo, cando se sabía que non ían xogar dous titulares dos que mellor rendemento estaban a dar na tempada, Jose Angel e Diego Villares. Para máis inri, o mellor defensa que temos lesionábase aos trinta minutos de xogo, quedando moi danada a liña defensiva, liña que onte errou en cadea no gol local. Esta Cultural, que é o mellor equipo local do campionato, necesita poucos goles para gañar os partidos (leva oito vitorias de local con catorce goles a favor) e así llo amosou onte ó Depor.
Facendo balance do que fixo o Depor nestes cinco meses de campionato, o resultado é ben claro, xa que as vergoñas e os erros fixeron pronto acto de presenza. Houbo que esperar ata a xornada 11 para ver a primeira vitoria en Riazor contra o Nástic, cando xa voaran da casa nove puntos de doce posibles, tralos tres empates previos contra Rayo Majadahonda, Teruel e Cornellá e a derrota contra o Fortuna. Non axudaron os seguintes empates na casa contra Osasuna B e Sestao River, para remontar o voo, máis o ben ao contrario, serviron para seguir facendo un sufrimento eterno da tempada para os afeccionados. Quen ía dicir en agosto que Riazor sería a tumba das opcións de ascenso deste Dépor. O mesmo Depor que segue sendo o mellor local nos tres anos da curta historia da 1ª RFEF. Dando por bo o rendemento fóra da casa, sirvan este datos para explicar o lamentable deambular branquiazul polo barro nesta 23/24.
Estes dous últimos meses do campionato foron o mellor do rendemento deportivo do Depor, polo menos en resultados e puntos. Dende a derrota de Irún, tocaron sete semanas seguidas sen derrotas ata a de onte, que se libraron grazas a catro vitorias e tres empate. 15 de 20 e un puntos posibles que fixeron medrar as ilusións dunha afección falta de boas novas. Sendo xustos e analizando ben as cousas, 3 destas 4 vitorias foron bastante lotería. As vitorias contra Barça B no minuto 92, contra o Arenteiro non oitenta e pico e a sufridísima vitoria contra a Real B no comezo do ano 2024, ofrecen unha clara idea da limitada capacidade de vitoria deste Depor.
Esta boa serie de resultados non foron suficientes para acadar nin sequera o playoff o que amosa o lamentable rendemento do equipo nesta decepcionante primeira volta. Agora mesmo, a 10 puntos do liderato, con 10 puntos sobre o descenso, cabe esperar unha segunda volta mellor en Riazor que faga medrar as esperanzas de meterse nos playoff e ver se soa a campá do ascenso, cousa que non ocorreu con todo a favor nos dous anos anteriores.
- Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.
MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR
- X.17: Un Dépor cómodo no barro.
- X.16: Dilema branquiazul.
- X.15: Idiákez salva o pescozo.
- X.14: Un Dépor baleiro.
- X.13: O Dépor e a marmota.
- X.12: As mil caras do Dépor
- X.11: Tímida recuperación do Depor.
- X.10: As árbores e o bosque do Dépor
- Miguel Barreiro: Punto de non retorno.
- Miguel Barreiro: A canonización de Idiákez.
- Miguel Barreiro: Pobre arranque dun Dépor errático
- Miguel Barreiro: O Dépor faino todo.
- Miguel Barreiro: As novas posibilidades do Dépor.
- Miguel Barreiro: Volta ao verde.