Esta mañá fun a feira do libro coa miña filla, para min é unha das citas imprescindibles do verán coruñés dende que era unha rapariga.
Recordo ir cada agosto cos meus pais e a miña irmá pequena e gozar dunha auténtica barra libre de libros, xa que na casa sempre houbo un lema respecto ó gasto dos cartos: “para libros o que queirades”.

Percorriamos tódalas casetas sen présa e prestando moita atención, e compraba os libros que desexaba, sen moito límite económico nin censura moral, temática ou de idade.
Botando a vista atrás lin unha morea de libros absolutamente inapropiados para a miña idade na adolescencia e primeira xuventude: A montaña máxica (tremendo tocho, parece mentira que Mann a concebira como novela curta), A Diviña Comedia (non entendín case nada, pero que imaxes amigos, atravesei o inferno e o purgatorio mais quedei ás portas do ceo, antes de atopar á miña homónima Beatriz), os Diarios de Anaïs Nin, os Trópicos de Henry Miller, algúns ensaios de Nietzsche (un dez na selectividade grazas a isto), todo Boris Vian, eu que sei…
Todas estas lecturas, a tempo ou a destempo, boas ou malas (quen o decide?) foron conformando a lectora que son hoxe, constante, disciplinada, dramática e intensa, e a persoa que son hoxe, xa que as vivencias e pensamentos de Hans Castorp, de Dante e Virxilio, Colin e Chloé, Chinasky e tantos e tantas máis, mesturáronse coa miña vida e personalidade (dixen intensa?).
E diría aínda máis, as lecturas salváronme en moitas ocasións a saúde e a cordura, lembro que durante a pandemia lin avidamente os contos de Mariana Enríquez, e as súas ficcións arrepiantes evadíronme dunha realidade bastante aterradora tamén. Durante os ingresos do meu pai no hospital, Expiación de Ian Mc Ewan libroume de moitos ataques de pánico, e Nora Ephron e a súa lixeireza fixéronme rir, tremendos poderes non si?.
Por todo isto e por moito máis (insira aquí milleiros de experiencias individuais), señoras e señores, damas e cabaleiros, nais e pais, nenos e nenas, mozos e mozas, visiten a feira, merquen moitos libros, queden en números vermellos, pidan un crédito; e lean, literatura elevada e literatura popular, novela, ensaio, cómic, biografía, viaxe, cocina, erótica ou romántica, sen fiscalización nin censura, sen freo nin mesura.
- Beatriz Alfonso Espiñeira. Xurista, iogui en grao de tentativa e lectora apaixoada.