- Román Rodríguez aproveitou para criticar a falta de mantemento do Concello.
— — —
Visita accidentada esta mañá do Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, ao CEIP Prácticas. Unha visita case de emerxencia ante a caída duns cascotes ao longo da xornada de onte que preocupan, aínda máis, a unhas familias que levan anos manifestándose polo lamentable estado do centro.
A través da ANPA, as familias decidiron volver sacar as pancartas “Por unha escola digna e segura” para ensinarlla vén de preto ao Conselleiro, que vixilaba as intervencións urxentes para minimizar riscos para o alumnado e profesorado.
Ante a presión das familias, o conselleiro prometeulles de viva voz que encargará un proxecto de rehabilitación integral do centro, que comezaría en xuño do 2027 e que poderían estar rematadas para o comezo de curso de 27/28.
As familias deixáronlle claro que non queren promesas, queren solucións e prazos concretos e reais.
Dicotomía de responsabilidades: mantemento ou rehabilitación integral. A loita entre administracións
Non desaproveitou a ocasión Román para botar pedras no tellado alleo, criticando que a situación do centro é culpa da “deixadez” do concello en relación aos labores de conservación e mantemento nos centros educativos de Primaria. “Cando non se actúa de maneira inmediata acaba sendo estrutural”, sinalou, en relación a que o mantemento é responsabilidade municipal pero as reformas máis grandes dependen da Xunta.
Fronte a iso, o portavoz do goberno local coruñés, José Manuel Lage, a preguntas dos xornalistas, denunciou, sobre a situación no Colexio de Prácticas da Coruña, que é “o mellor exemplo” da demanda municipal para que se acometan “investimentos”. “Hai unha débeda histórica”, sinalou en relación ao Goberno galego coa cidade herculina, que tachou de “clamorosa” no ámbito educativo. E precisou que no centro “ata o de agora a Xunta non fixo nada”
INSTITUTO DE ZALAETA
Mentres sobre as demandas no instituto de Zalaeta con protestas polo inicio de curso con retirada do amianto na cuberta, o conselleiro recalcou que se houbese unha “mínima dúbida” de risco non se acometerían estas actuacións.
Con todo, desde o departamento autonómico confirmouse que ao empezar o curso e non estar concluídas as obras traballarase venres pola tarde e sábados e domingos, sen que haxa persoal nin estudantes no centro.
Máis novas do ensino
As familias da ANPA do CEIP Prácticas manteñen viva a loita por unha escola digna
As familias do IES Zalaeta volven á rúa: “Estamos fartas de vivir sen información”
A ANPA do CEIP Prácticas a Paula Prado: “Isto só acaba de comezar”
Un ano de loita polo CEIP Prácticas: “As familias estamos fartas!”

