Inicio Blog Páxina 105

Dereito de rodada

O 1 de abril, é non e broma, comezaron as obras de «formigonización» dos Cantóns que «por ineludíbeis necesidades técnicas e sempre durante o menor tempo posíbel manterán pechado ao tráfico de autobuses urbanos a avenida da Mariña entre o edificio de Correos e o teatro Rosalía de Castro». As coruñesas xa temos claro que «a segunda modernización da cidade» é un calco da primeira e todo son obras, talla de árbores e «aparentar ser» o que non se é: ese costume tan propio dos nacionalistas dos Cantóns.

As usuarias da Compañía de Tranvías memorizamos as novas rutinas que durante as vindeiras «cinco semanas» teremos que seguir para baixar ao centro ou ir ao Abente e Lago. Xa estamos afeitas após convivir coa brillante despeonalización de santo André e outras obras públicas de humanización que nos fan estar «na cabeza da península ibérica» en tantas e tantas cousas. Durante cinco semanas, serán máis, xa sabemos que «unha obra se sabe cando comeza mais nunca cando remata», as coruñesas non poderemos usar transportes colectivos na avenida da Mariña. Acatamos a norma polo ben común e respectando a vontade do noso goberno local.

Todas as coruñesas? Non, hai un pequeno grupo que resiste a regulamentación do Inesato: os servos da gebla do grupo Inditex non están sometidos ao dereito común e teñen as súas propias normas ao marxe das municipais e autonómicas. Onte e hoxe, durante todo o día, os autobuses que recollen á persoal do multimillonario leonés, claramente rotulados («Inditex», «Pull & Bear», etc) seguen a facer uso da avenida da Mariña e as súas beirarrúas (leron ben: as beirarrúas) para que ese cadro de persoal que vive no centro do centro non teña que camiñar, como o común dos mortais, até A Terraza para poder ir traballar a Arteixo.

Este dereito de rodada é un pequeno tributo que as cidadás temos que facer ao noso señor feudal e o seus vasalos e que as coruñesas asumimos coa nosa tradicional alegría democrática porque sabemos todo o que contribúen ao noso benestar e que, se seguimos a ser tan guiadiños, nos recompensarán amosándonos fotos bonitas «de balde».Rodrigo-OSORIO-GUERRERO

MÁIS ARTIGOS DE RODRIGO OSORIO NO XDC

Persoal da refinaría da Coruña pide medidas fronte ás “prolongacións de xornada”

Traballadores da refinaría de Repsol na Coruña concentráronse ante as instalacións contra as “prolongacións de xornada” que, segundo afirman, están a realizarse “desde hai meses e sen solución” por parte da empresa.

Así o expuxo tamén a Europa Press o presidente do comité de empresa, Constantino Túñez, quen sinalou que existe un sistema de coberturas pero que resulta “insuficiente”. “Hai entre 70 e 80 persoas que superaron a xornada anual pactada”, dixo sobre os acordos cos sindicatos.

Por outra banda, desde o comité inciden en que estas prolongacións están a afectar á conciliación familiar “e xerando ansiedade e tensión aos traballadores e traballadoras”.

“Coa consecuente diminución da saúde e benestar dos mesmos”. Desde o comité, reclaman o desenvolvemento de “unha estrutura de persoal adecuada ás necesidades existentes”.

Os recoñecementos á Defensa dos DDHH da Rede Acampa pola Paz terán cores palestinas

Vén de anunciar a Rede Acampa pola Paz, os votos que veñen de escoller o Recoñecemento Acampa á defensa dos DDHH 2025, tanto a nivel galego como a nivel internacional. E ambos teñen en común a loita do pobo palestino, dando conta a concienciación da nosa cidade, do noso país, para con este xenocidio

Das 6 candidaturas presentadas pola Rede Acampa a cada un das dúas categorías, e tras máis de medio milleiro de votos exercidos, entre particulares e organizacións, os escollidos foron, no eido internacional o persoal médico e sanitario en Gaza e na categoría Galicia o traballo do activista afincado en Corcubión, Mohamed Safa.

Categoría Galicia

Ghaleb-Jaber-Mohamed-Safa-e-Anton-Losada-na-presentacion-do-libro-La-Revolucion-Arabe-Foto-Rafa-Quintans
Mohamed Safa, no centro, con Ghaleb Jaber e Antón Losada na presentación dun dos seus libros en Cee-Foto- Rafa Quintáns

Na categoría Galicia a candidatura de Safa recidiu 277 votos. Oftalmólogo de profesión e escritor, recibiu con leva décadas traballando de maneira intensa na defensa dos dereitos do pobo palestino e para que coñezamos polo miúdo a dura realidade na que sobreviven.

A nova chega nun momento de máxima actividade para Safa. Apenas un ano despois de presentar o seu último libro, vén de organizar con rotundo éxito de participación, unha macroconcentración do sector cultural realizada en Compostela de apoio ao pobo Palestino.

Pancartas de Safa contra o xenocidio palestino
Imaxe da campaña liderada por Safa en Compostela

As outras candidatas eran Susana Alaniz, presidenta da Asociación Cultural Fuco Buxán, Xosé Abad, fotodocumentalista e impulsor e coordinador da rede Acampa pola Paz ata este ano, o activista defensor do pobo palestino Mohamed Safa, os senegaleses Ibrahima Diack e Maggate N’Diaye, defensores de Samuel Luiz, a activista Marga González de Amnistía Internacional e a Asociación en Prol dos Enfermos Mentais (APEM).

Categoría Internacional

No ámbito internacional, a candidatura que recibiu máis apoios (152 votos) é a do Persoal médico e sanitario de Gaza, postulada pola Asociación Cultural Fuco Buxán. Quedaron moi preto as Avoas arxentinas da Praza de Maio, o presidente brasileiro Lula da Silva, a UNRWA, MSF, a Relatora Especial da ONU para os territorios palestinos ocupados, Francesca Albanese, a comunidade médico-sanitaria de Gaza, a Agrupación Cidadá pola despenalización do aborto no Salvador, a xornalista gazatí Bisan Owda, a defensora ambiental e de DDHH colombiana Yuli Velásquez; e a ICAN (Iniciativa global para abolir as armas nucleares).

Os recoñecementos serán entregados durante o IX Encontro Internacional da Rede Acampa pola Paz que se desenvolverá nos Xardíns de Méndez Núñez os días 20, 21 e 22 de xuño deste 2025.

Novas de Mohamed Safa

Mohamed Safa: ”Non queremos unha loita étnica, isto é unha guerra anticolonialista”

Mohamed Safa: “Por que os palestinos non temos ese dereito á autodefensa que Europa si llo outorga a Israel? ou a Ucrania?”

Occidente e o servilismo a Israel: Chámase ocupación

Máis novas da Rede Acampa

Xosé Abad deixa a dirección da Rede Acampa pola Paz tras 9 anos de máxima dedicación

EDICIÓN 2024:

Os múltiples impactos do Encontro da Rede Acampa pola Paz

“O Dépor é da Coruña”, o novo reto normalizador do #Aquítaménsefala

Novo reto que se marca a iniciativa cultural “Aquí tamén se fala” do IES Rafael Dieste. E o que non consigan eles non o vai conseguir ninguén. Este ten 120 anos de historia, e vai custar, pero a mocidade de Labañou ten clara que a súa vontade pode con todo.

Así, a maior campaña de dinamización da lingua galega exercida activamente pola mocidade da historia do país, proponse, como nova acción de promoción da lingua galega, conseguir que o Real Clube Deportivo empregue o topónimo oficial a partir da seguinte temporada, 2025-2026, na que o club celebra o seu 120 aniversario:

“Real Club Deportivo da Coruña”.

Realmente non é tan difícil, e de feito, xa hai moitas xeracións que así o usan, malia que ninguén se atrevera, ata hoxe, a abrir este melón. En todo caso, o feito de que sexa un grupo de rapaces e rapazas do Instituto fan desa campaña un arma normalizadora imparable.

Apoios

A campaña –liderada e promovida polos profesores Alberto Pombo, Arcadio González e Mónica Reigía– nace ademais cunha chea de apoios que inclúen o presidente da Real Academia Galega, a presidenta do Consello da Cultura Galega, o reitor da Universidade da Coruña, o conselleiro de educación e os responsábeis de lingua da Xunta de Galicia, da Deputación e do Concello da Coruña, o presidente da Federación de Peñas, excapitáns do club, representantes do tecido cultural ou expertos en toponimia. Pouco a pouco o irán debullando na súas redes sociais.

Ademais, e representando o sentir de varios milleiros de estudantes, todos os institutos públicos da Coruña, representados nos seus directores e directoras, nos xefes e xefas dos departamentos de lingua e nos e nas responsábeis dos Equipos de dinamización da lingua galega, sumaron o seu apoio á campaña galeguizadora.

O manifesto “O Dépor é da Coruña”

Todos e todas elas asinaron un breve manifesto

Riazor é máis que unha praia de auga branquiazul. Nos días de xogo, milleiros de persoas fan medrar arredor desta casa o corazón da cidade. A Coruña orgúllase do seu club.
Desde 1906 o Dépor viu medrar a Real Academia, as Irmandades da Fala, a Cova Céltica, o pulo editorial de Lar e Nós, a reivindicación do Estatuto ou a Lei de Normalización.

Superando a longa noite de pedra, outras institucións e clubs deportivos restituíron con dignidade e orgullo histórico os seus topónimos oficiais e patrimoniais. Deixar pasar esta eiva ten consecuencias que xeran disonancia e confusión na íntima relación do club e a cidade, pois é imposíbel pensar A Coruña sen o RC Deportivo, nin o Dépor sen A Coruña.

Este club nunca tivo medo de avanzar e diso dan proba os grandes éxitos colleitados, os xogadores que estamparon o seu nome nesa camisola, a creación pioneira dun equipo feminino ou a participación nunha liga comprometida coa diversidade e a inclusión. Na mesma liña, o apoio do Deportivo á lingua galega é manifesto na comunicación que realiza nos correos, nas redes sociais ou desde o propio estadio.

Por todo iso, polas xeracións futuras, pola unión entre club e seareiros e por dar cabo dunha demanda que vén de longo percorrido, coidamos que o Deportivo debe ser da Coruña e que o cento e vinte aniversario do club pode ser, ademais, unha oportunidade histórica para demostrar compromiso e responsabilidade. Coraxe e determinación. Orgullo e identidade.

O Dépor é da Coruña.

Pegatinas O Depor e da Corun

Os responsábeis do proxecto estrean tamén hoxe unha nova páxina web (aquitamensefala.gal) con información e recursos, e anuncian xa novas accións que ampliarán o percorrido da iniciativa. A primeira delas terá lugar este mesmo domingo, durante a previa do xogo do RC Deportivo contra o Cádiz, onde estarán repartindo e regalando 15.000 colantes co slogan da campaña, “O Dépor é da Coruña”, nas inmediacións do estadio.

Desde a plataforma estudantil anima a quen queira apoiar esta nova iniciativa a etiquetar as contas de Aquí tamén se fala nas redes sociais (@aquitamensefala), así como a empregar o cancelo #odéporédacoruña.

Máis novas do proxecto

Por que o #Aquítaménsefala trascende o IES Rafael Dieste

O Festival #Aquítaménsefala xa ten data

O “Aquí tamén se fala” leva o meirande premio á Innovación Educativa de Galicia

Luz verde ao reformado proxecto das Casas de Franco

0

Este mércores, a Xunta de Goberno Local aprobou o reformado do proxecto das
denominadas Casas de Franco. A obra suporá, finalmente, un investimento de 646.991 euros, en torno a 100.000 euros máis dos inicialmente previstos.

Dende o Concello aseguran que recollen as peticións que fixo a veciñanza e que foron engadidas ao documento

Novas vivendas sociais en Xuxán

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de dúas licenzas á cooperativa Galivivienda para acometer a construción de 150 novas vivendas en dúas parcelas do barrio de Xuxán, vivendas que estarán destinados a alugueiros sociais.

Os dous edificios teñen un prazo de execución de 36 meses e suman, no seu conxunto, un orzamento de 5,7 millóns de euros: 3,5 millóns o primeiro e 2,2 millóns o segundo.

Estes dous bloques súmanse ao outro de 50 vivendas para alugueiro social que o Concello ten en marcha en Xuxán, e outras 520 que ten a Xunta.
O Concello ademais vén de convocar un concurso público para destinar a ese mesmo fin outras tres parcelas das que o Concello é titular.

 

Xuxán como modelo de colaboración pública para promover vivenda protexida

Luz verde da Xunta ao informe ambiental de modificación do PXOM de Coruña para 520 vivendas protexidas máis en Xuxán

A Coruña, centro da investigación oncolóxica de Galicia esta semana

Os tumores de cabeza e pescozo constitúen a sexta causa de diagnóstico oncolóxico en España, con máis de 10.000 casos novos ao ano, e a sétima no mundo. Na área sanitaria A Coruña-Cee detéctanse entre 200 e 300 anuais. Son datos expostos durante a presentación do XI Congreso do Grupo Español de Tumores de Cabeza e Pescozo (TTCC) que se celebrará este xoves e venres no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco).

O obxectivo desta reunión científica, segundo os organizadores, é fomentar sinerxías internacionais para potenciar a investigación neste ámbito e impulsar a participación nos ensaios clínicos de novos fármacos. “Necesitamos mellorar os resultados non só en supervivencia senón tamén en calidade de vida dos enfermos”, recalcou, na presentación do congreso, o oncólogo do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) Alberto Carral.

ENSAIOS CLINICOS

Como prolegómeno ao congreso, este mércores tivo lugar no Chuac unha sesión conxunta xunto ao grupo francés GORTEC de investigación deste tipo de cancro, coa firma dun acordo de colaboración. A este respecto, Mesía destacou que o mesmo supón ir “xuntos nos grandes ensaios clínicos nunha patoloxía que non deixa de ser minoritaria, incrementando o número de centros capacitados para poder participar nos mesmos”.

Pretende, engadiu, “atraer a outros países do centro e sur de Europa para que formen os seus grupos nacionais e intégrense neste convenio de colaboración”. “Ao final, a idea é concentrar coñecemento e oportunidades de investigación”, expuxo tamén. Pola súa banda, entre os diferentes aspectos que se abordarán durante o encontro, Moltalbán puxo o foco nunha mesa para pacientes centrada nos retos de inserción laboral e social das persoas con cancro de cabeza e pescozo e na importancia de “compartir experiencias”.

O BNG tilda de “crónica dunha morte anunciada” a dimisión da alcaldesa de Cambre

O portavoz do BNG no Concello de Cambre, Dani Carballada, cualificou como “crónica dunha morte anunciada” o anuncio de dimisión da alcaldesa, María Pan, de Unión por Cambre, e rexeitou que por parte da formación nacionalista non houbese disposición ao diálogo, cuxa falta si achacou á rexedora a pesar de estar nun goberno en minoría.

“Non nos chamaron nunca para negociar”, dixo ao referirse a a posibilidade de acordos en distintas actuacións desde execución de rotondas ou mellora en edificios municipais ou outros. Fronte a iso, expuxo que o que houbo é “unha dinámica crispante no día a día do concello que leva á a anunciada dimisión da alcaldesa” que, segundo esta e nunha carta remitida a veciños, materializarase este xoves.

O representante nacionalista lembrou que o ano pasado dimitiu o alcalde elixido nas últimas eleccións municipais, Óscar García Patiño, de Unión por Cambre, e ao que substituíu María Pan. Respecto diso, lembrou que sostivo que o facía para que no consistorio houbese unha “nova dinámica” ante as diverxencias que, segundo expuxo, había entre el e a secretaria e a interventora municipal.

Contra elas, tachou de “dubidoso gusto” referencias en páxinas webs e redes sociais, cuestión á que os representantes do BNG sumaron “ameazas anónimas” que, segundo dixeron, cónstalles que foron denunciadas. Por todo iso, consideraron que o anuncio de dimisión da rexedora supón “o enésimo capítulo da crónica dunha morte anunciada”. Mentres, Dani Carballada cualificou de “falaz” os argumentos esgrimidos pola alcaldesa na carta aos veciños.

“O BNG propuxo en múltiples ocasións alternativas para facilitar o desbloqueo da situación económica en Cambre”, expuxo para considerar que fronte aos recoñecementos extraxudiciais de crédito habería que optar por unha revisión de oficio de todas as facturas “e indemnizar como corresponda ás empresas afectadas”. “Non é que o defenda o BNG, deféndeo a intervención municipal desde o 2023 e obtivo caso omiso do goberno municipal”, engadiu para indicar que a secretaria municipal comunicou aos grupos que facilitando a aprobación do anterior procedemento poderían incorrer “en causa delituosa”.

Mentres, cuestionado polo que está a suceder en Cambre, o portavoz do goberno local na Coruña, o socialista José Manuel Lage, eludiu pronunciarse sobre o que sucede noutros concellos, pero insistiu en que “unha boa receita, aínda desde a discrepancia, é buscar o mellor para os veciños e veciñas desde o entendemento e buscando puntos en común”.

A alcaldesa de Cambre dimite despois dun ano á fronte do consistorio

Buscan un corpo avistado no mar na zona do Portiño

A procura dun home desaparecido nas inmediacións da Torre de Hércules vaise a retomar ao longo deste mércores despois de que un alertante avistase un corpo na zona do Portiño, na Coruña. Segundo informaron fontes consultadas por Europa Press, o alertante deu aviso á Policía Nacional de que observara un corpo na zona do Portiño.

Ante iso, na xornada do martes deuse aviso a Salvamento Marítimo e o Helimer foise á zona dos cantiis, preto do Monte de San Pedro para tratar de dar co corpo. A procura aínda non permitiu dar co desaparecido e prevese que na mañá deste mércores o Helimer retome os labores de pescuda.

As autoridades cren que pode tratarse do turista alemán que caeu ao mar cando facía unha foto. Pola súa banda, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, ratificou que este mércores a partir das 11.30 horas o helicóptero volverá facer ” algunhas pasadas” e a Policía Nacional despregará os seus medios, así como os mergulladores da Policía adscrita. O obxectivo é, concretou, “montar un pequeno dispositivo para comprobar que efectivamente aparece ese corpo”.

Un coche dáse á fuga en Culleredo tras causar danos a outro e provocar unha persecución policial

Axentes policiais levaron a cabo unha persecución a un coche, no municipio coruñés de Culleredo, que se deu á fuga tras causar danos a outro turismo nun accidente na Coruña. Unha vez chegaron ata o vehículo, a persecución pasou a ser a pé e só puideron alcanzar ao copiloto. Así, a Policía Local da Coruña deu aviso aos axentes de Culleredo do accidente que desencadeou o posterior suceso ás 22.19 horas deste martes, segundo trasladou o Concello da localidade onde se desenvolveron os feitos principais.

A continuación, a Policía Local de Culleredo atopou o automóbil na Avenida de Fonteculler, na intersección coa rúa Brañas, onde o turismo chocou, o que produciu danos ao mobiliario público e ao propio coche, sobre todo na parte dianteira. Tras esta colisión, baixáronse do vehículo tanto o condutor como o acompañante e comezou unha nova fuxida, esta vez a pé, na que os axentes lograron dar unicamente alcance ao copiloto. Ata o momento, o corpo non ten noticias sobre o paradoiro do condutor.

O vehículo accidentado sufriu múltiples danos, xa que arrincou varios metros de varanda que dá seguridade aos peóns neste lugar. Como consecuencia disto, tamén resultou afectado un vehículo estacionado nas inmediacións, con fractura na lúa dianteira e múltiples aboladuras sobre o capó na súa parte esquerda, danos causados pola varanda tras a colisión, que tras partirse saíu disparada.

Tamén resultou prexudicado un dos inmobles máis próximos, ao romperlle o cristal da xanela da cociña, por mor dun anaco de metal que saíu despedido tras o impacto e que chegou ata o interior da vivenda, en base ao reporte policial. Ademais, foi tombada tamén un sinal vertical de ceda o paso existente no lugar, así como varias lousas de pedra do muro perimetral da zona axardinada. Ata o lugar desprazáronse Policía Local de Culleredo, unha dotación do Posto Principal da Garda Civil de Culleredo, así como a Policía Local da Coruña.

Concentracións da CIG en Atento para protestar pola deslocalización dos centros de chamadas

Representantes da CIG secundaron senllas concentracións este martes, na Coruña, para denunciar a “política de deslocalizacións” no sector dos centros de chamadas e reivindicar o mantenimeitno dos postos de traballo en Galicia.

A primeira protesta realizouse ante as oficinas de Atento “en rexeitamento á decisión da empresa de pechar o servizo de atención de avarías na quenda de noite e trasladalo a Colombia”.

A segunda mobilización fíxose diante da tenda que Movistar ten na praza de Pontevedra para responsabilizar á operadora de telecomunicacións da decisión.

“É cómplice da deslocalización do seu propio servizo por parte de Atento e de provocar a perda de actividade e de postos de traballo”, denuncia o secretario comarcal de CIG-Banca, Sergio Toucedo.