Inicio Blog Páxina 108

A andaina reivindicativa da veciñanza de Celas: “Beirarrúas, e non excusas”

0

Despois de varios meses de denuncias, a veciñanza de Celas de Peiro (Culleredo) concentrábase esta pasada mañá de sábado 6 de setembro para unha reivindicación moi básica: unhas beirarrúas para poder transitar con seguridade polo lugar a través da perigosa AC-400.

A andaina reivindicativa xuntou nada menos que a 76 persoas (numerosas familia), que baixo o berro “Beirarrúas, e non excusas”, atravesaron o lugar esixindo unha solución xa.

Concentracion por Beirarruas en Celas de Peiro 2

Comezo de cole

Non quedou aí a cousa porque hoxe mesmo, no comezo de cole, realizaron unha concentración diante da escola infantil (segundo ciclo: 3-6 anos) de Vinxeira, correspondente ó CRA de Culleredo e que se atopa en Vinxeira Pequena (Celas), para mostrar como os cativos teñen que acceder ó centro, sen beirarrúas, paso de peóns e cun acceso que da directamente a un dos carriles da estrada.
Fixeron unha acción divertida, cun paso de peóns de papel imitando as manchas dunha vaca para que os nenos entren na escola, deixando patente que o último chanzo das escadas (viva a accesibillidade) cae practicamente enriba da raia branca do carril da estrada.

Cruzando Celas de Peiro
Acción na Escola Infantil

Máis novas

A veciñanza de Celas segue a súa loita polas beirarrúas na AC-400

A veciñanza de Celas esixe unha simple beirarrúa para poder saír andando das casas

 

O Recorda Fest volveu encher A Coruña de himnos musicais pasados e presentes que unen xeracións

Recorda Fest converteu este sábado A Coruña nun grande escenario de lembranzas, emocións e festa sen freo. Dende media tarde, co público comezando a facer fileira para entrar ao recinto, ata ben entrada a madrugada cos últimos acordes de Henry Méndez, a cidade viviu unha xornada marcada pola diversidade musical e pola sensación de estar asistindo a algo irrepetible. Esta era a mellor despedida de verán que podía ter a urbe herculina, cun festival que foi consolidándose nos últimos anos coma unha das grandes citas do calendario musical galego, que volveu demostrar que a música ten o poder de xuntar xeracións distintas nun mesmo lugar. Familias, grupos de amigos e turistas compartiron a experiencia, desfrutando dun cartel que mesturaba nostalxia e novedades. A noite prometía emocións fortes e cumpriu sobradamente, con momentos que quedarán na memoria de todos os asistentes.

POP SOLEADO E NOSTALXIA TELEVISIVA CON EFECTO PASILLO E FRAN PEREA

O comezo da xornada correu a cargo de Efecto Pasillo, que puxo ao público a bailar co seu pop luminoso e os seus himnos cargados de bo rollo. Soaron temas como ‘Pan y mantequilla’ ou ‘No importa que llueva’, que acenderon as primeiras palmas e sacaron sorrisos aos asistentes que xa enchían a parte dianteira do recinto. Tras iso, a nostalxia de toda unha xeración apareceu da man de Fran Perea, que saltou á fama pola mítica serie de televisión ‘Los Serrano’, con clásicos que fixeron cantar a coro aos asistentes como ‘Uno más uno son siete’ ou ‘La chica de la habitación de al lado’. A comuñón co público foi total, especialmente entre os que medraron vendo a serie.

A BANDA SONORA DE TODA UNHA XERACIÓN CON DESPISTAOS E LEIRE MARTÍNEZ

Despistaos mantivo a enerxía coa guitarra e os temas que marcaron a primeira década dos 2000: ‘Física o química’, a banda sonora da serie homónima que triunfou entre os adolescentes de arredor do 2010, foi coreada a pleno pulmón e ‘Gracias’ convertiuse nun emotivo momento que lembrou a forza do pop rock español desa época. Antes do anoitecer, Leire Martínez, voz de La Oreja de Van Gogh durante máis dunha década, deleitou cun repertorio cheo de sensibilidade e lembranzas compartidas, onde non faltaron cancións como ‘El último vals’‘Inmortal’ ou ‘Jueves’, que fixeron que se emocionase un público que a acompañou en cada palabra. Ademais, Leire tamén cantou a dúo con Fran Perea, un momento histórico para o pop español.

O GRAN MOMENTO DA NOITE: ÁLVARO DE LUNA, ENTRE EMOCIÓN E POTENCIA

A iso das nove e media da noite, chegou un dos intres máis agardados do festival: Álvaro de Luna saltou ao escenario. O artista confirmou por que é un dos máis grandes do momento, mesturando baladas cheas de emoción con estribillos coreados por todo o recinto. ‘Juramento eterno de sal’ convertiuse nun auténtico himno colectivo e ‘Todo contigo’ reafirmou a súa conexión coas novas xeracións. O seu carisma, as súas palabras de agradecemento a Galicia e a súa proximidade co público convertiron a súa actuación nunha das máis intensas da noite, cun ambiente que oscilou entre a complicidade íntima e a euforia masiva.

UN ESPECTÁCULO ÚNICO EN GALICIA: ‘LA REINA DEL FLOW’, A SERIE DE NETFLIX

E se había un concerto marcado en vermello no almanaque de moitos e moitas, ese era o de ‘La Reina del Flow’. Por primeira vez en Galicia, o fenómeno musical colombiano fixo vibrar a cidade da Coruña cun espectáculo explosivo que trasladou aos fans ao universo da exitosa serie de Netflix. Non faltaron himnos como ‘Perdóname’ ou ‘Depredador de amor’, que puxeron a milleiros de voces a cantar ao unísono, ademais de mesturas de reggaeton, trap e pop urbano que deron forma a un directo cheo de forza. O momento máis agardado, sen dúbida, chegou con ‘Reflejo’. A actuación foi moito máis que un concerto: foi unha experiencia irrepetible, cun show coidado ao detalle e unha posta en escea que levantou a todo o festival, convertíndose nun dos grandes fitos da noite.

DE KATE RYAN AO FESTÓN FINAL CON JUAN MAGÁN E HENRY MÉNDEZ

A belga Kate Ryan encheu de enerxía eurodancee a madrugada cos seus grandes éxitos dos 2000, abrindo paso á recta final máis bailable do Recorda Fest. A quenda de Juan Magán, pasada a unha da madrugada, desatou a euforia colectiva: ‘Bailando por ahí’ ‘He llorado (como un niño)’ foron coreados como auténticos himnos de festa, mentres ‘Mal de amores’ ‘Si no te quisiera’ convertiron a explanada nunha pista de baile. Un set que lembrou por que segue sendo un dos grandes nomes da música urbana latina. Para pechar, Henry Méndez prolongou a festa ata aproximadamente as catro da madrugada, cun repertorio no que conviviron bachata, reggaeton e pop urbano. ‘El tiburón’ e ‘Rayos de sol’ acenderon as últimas forzas do público, que bailou coma se a noite non tivera fin, poñendo así o broche final a unha noite que quedará gravada na memoria do público coruñés.

O Flores Rock afiánzase como unha das últimas citas roqueiras da cidade

0

Fantástica xornada onte á noite no Flores Rock, un festival montado pola Asociación de Veciños do Barrio das Flores que se está a consolidar como unha das últimas citas rockeiras que quedan na cidade. Espectacular a organización, con toda a praza do Sol Nacente preparada para a ocasión, e un montón de xente disposta a escoitar a Udo, estandarte da banda Dirkschneider e lenda do heavy metal clásico dos anos 80 coa súa antiga banda Accept, a cal está lembrando nesta xira tocando un dos seus discos máis icónicos, o Balls to the Wall, que cumpría o ano pasado 40 anos xa…

E con este plan moita xente quería gozar dos vellos tempos do bo de Udo en Accept, aínda que os anos pasan para todos e todas, e é que o cantante ten xa 73. A pesar disto demostrou que a súa peculiar voz segue estando á altura, e é que o concerto sonou espectacular. Moito talento tamén nos dous guitarristas que o acompañan, rapaces novos pero que estiveron á altura; na batería, aporreada polo propio fillo de Udo; e o baixo, propiedade agora doutra lenda ex membro da banda orixinal, Peter Baltes.

E como o setlist era só de Accept o éxito estaba garantizado. Tres cancións icónicas como Fast as a Shark, Living for Tonite, e Midnight Mover para comezar. Despois o disco Balls to the Wall enteiro, e para rematar Princess of the Dawn, Up to the Limit, e Burning para rematar. Sonou tremendo, a heavy metal clásico dos 80 sen autotunes, gravacións por detrás, coros, etc. O headbanging foi a actividade física do día (xa noite) para moitos e moitas dos que estabamos alí. Como pega, quizais o concerto fíxose un pouco curto (sobre hora e media), xa que o bo de Udo propuxo varios momentos de karaoke un pouco extensos, pero claro, como para resistirse…

Flores Rock

A banda galega Dark Embrace tocou a continuación, xa co público un pouco máis relaxado, cunha proposta máis escura e agresiva, con voces guturais, batería a toda pastilla, e guitarras metendo tralla á par que encadeando melodías que facían estremecerse de arriba a abaixo. Moita sorte para eles coa súa proposta, que xa os levou a traballar con grandes nomes da industria heavy, como Mike Exeter ou Snowy Shaw. Esperemos que sigan o seu crecemento.

En calquera caso, éxito rotundo, tanto da organización como das bandas. Esperemos que hoxe siga a festa do rock no Barrio co mesmo ou máis éxito aínda.

Máis Flores Rock

Xa o sábado 6, a partir do mediodía, haberá actividades e concertos: a actuación de Costas (13.15), o espectáculo de Pako Pakolas para o público infantil (18.00) e, a continuación, arrincarán as actuacións previstas entre a tarde e a noite, con Raiade (19.00), Benito Kamelas (20.15), Konflikto (22.00), Demenzia Sozial (22.50), Soziedad Alkoholica (23.35) e Nucleus (01.20).

O peche desta edición terá lugar o domingo 7. Novamente, con actividades para todos os públicos. A partir das 11.00, a gran praza central do barrio acollerá o Mercado do Flores, que se prolongará durante todo o día, ata as 20.00 horas. Haberá tempo para disfrutar das actuacións de Maghúa (12.15), Duo Chili (13.15), Collón de Lola (14.15) e Yaya DJ (15.30).

 

O Flores Rock, facendo cultura de barrio

Capercaillie celebra os seus 40 anos cun concerto no “Folk no Colón”

0

Tralo comezo en maio cos concertos de Treixadura e Abraham Cupeiro, retómase o ciclo “Folk no Colón”. Faino o vindeiro mércores 10 de setembro, ás 20.30 horas, co concerto de Capercaillie, unha das bandas máis recoñecidas da música celta a nivel internacional.

A formación escocesa chega por vez primeira a Galicia para celebrar os seus 40 anos de traxectoria, cun espectáculo que combina os temas máis emblemáticos da súa carreira coas novas versións sinfónicas incluídas no seu último traballo, ReLoved, gravado coa BBC Scottish Symphony Orchestra. A actuación promete unha noite única de melodías hipnóticas, ritmos tradicionais e unha posta en escena marcada pola forza e a elegancia da súa vocalista, Karen Matheson, descrita por Sean Connery como “unha gorxa tocada por Deus”.

Desde a súa orixe nas Highlands de Escocia, Capercaillie foi pioneira na internacionalización da música tradicional gaélica.

O festival continuará ao longo do outono con nomes destacados:

● 11 de outubro | Milladoiro
● 9 de novembro | Tiruleque
● 21 de novembro | Felisa Segade
● 20 de decembro | Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
● 26 de decembro | Carlos Núñez

As entradas para o concerto de Capercaillie están dispoñibles na plataforma Ataquilla.com.

Xulio Abalde será o novo subdelegado do Goberno na Coruña

0

O exrector da Universidade da Coruña (UDC) Xulio Abalde será o novo subdelegado do Goberno coruñés en substitución de María Rivas. Deixará así un escano libre no Parlamento de Galicia que toca ocupar ao secretario local do PSOE compostelán e ata agora asesor dos socialistas no Pazo do Hórreo, Aitor Bouza.

O novo cargo de Abalde foi confirmado a Europa Press por fontes coñecedoras da decisión, na mesma xornada na que Rivas fixo público no seu perfil da rede social ‘X’ que abandona a Subdelegación do Goberno.

“Anúnciovos que en breve inicio nova etapa no Concello da Coruña”, trasladou Rivas, nun post que acompaña dunha foto coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

E é que Rivas, licenciada en Socioloxía pola Universidade da Coruña con posgrao en Dirección de Recursos Humanos en Empresas, Organizacións e Institucións pola UDC, é funcionaria do Concello da Coruña desde o ano 2001.

Segundo fai constar no seu currículo da Subdelegación, en xuño de 2018 asumiu a xefatura de Gabinete do delegado do Goberno en Galicia ata o seu nomeamento como subdelegada en xuño de 2021.

“Pecho outra marabillosa (etapa) na Subdelegación do Goberno. Con ilusión e compromiso incorpórome ao proxecto de presente e futuro da alcaldesa Inés Rey”, traslada este venres no seu perfil.

ABALDE DEIXARÁ UN ESCANO LIBRE

Abalde, pola súa banda, é desde 2011 catedrático da área de Microbiología na Facultade de Ciencias da Coruña. Foi reitor da institución desde 2016 a 2024. E, con José Ramón Gómez Besteiro como candidato á Xunta, sumouse ás listas do PSdeG nas últimas eleccións autonómicas do pasado ano.

Número 2 na candidatura do PSdeG pola Coruña tras Patricia Igrexas, ocupou un escano na Cámara autonómica ata agora xunto con Igrexas e Silvia Longueira (que ía no terceiro posto da lista). O cuarto posto na candidatura ocupábao Bouza, a quen correspondería, en consecuencia, sentar no hemiciclo.

SUBSTITUCIÓN EN LUGO

As fontes consultadas por Europa Press anticipan que o de Rivas (quen aposta por iniciar unha nova etapa da man de Rei en María Pita) non será o único cambio nas subdelegacións do Goberno de España en Galicia.

Tamén está previsto a substitución en Lugo de Isabel Rodríguez, co que se daría continuidade ás renovacións que xa tiveron lugar nas outras provincias.

O PP CRITICA O NOMEAMENTO POLO “DÉFICIT DE 13 MILLÓNS” QUE DEIXOU NA UDC

Pola súa banda, o PP critica o nomeamento tras o “déficit de 13 millóns de euros” que deixou despois de oito anos de reitor na Universidade da Coruña (UDC). Nun comunicado, a deputada no Parlamento galego Cecilia Vázquez cuestionou que o Executivo de Pedro Sánchez “confíe” a Subdelegación a unha persoa que provocou un “descadre orzamentario” de “tal gravidade que requirirá de actuacións inmediatas e contundentes” para garantir a estabilidade económica da institución. Esta situación, engade Vázquez, contrasta co “superávit” que presentan tanto a Universidade de Santiago como a de Vigo, “o que demostra que é un problema de xestión interna” da UDC e de “un emprego inadecuado dos recursos”.

Traballadoras de Vegalsa-Eroski continúan as mobilizacións contra a sobrecarga laboral e os baixos salarios

0

Os traballadores e traballadoras de Vegalsa-Eroski acodiron á última das mobilizacións iniciadas o pasado 11 de xullo convocadas pola CIG.

A protesta comezou diante do Eroski Center de Vioño e dende alí as traballadoras e traballadores saíron en marcha até a sede de Vegalsa no Polígono da Agrela onde fixeron entrega dos centos de sinaturas recollidas entre o cadro de persoal reclamándolle á empresa solucións urxentes.

As seccións sindicais da CIG acordaron desenvolver mobilizacións nas catro provincias ante a falta de actuacións da empresa para reverter a sobrecarga de traballo que ten que soportar o persoal a causa da política de cero substitucións. “Levamos anos demando que se contrate máis persoal e se fagan formacións pero a empresa, a pesar dos millonarios beneficios que ten, mira para outro lado e non toma ningunha medida”, critica Alejandra Formoso, delegada da CIG en Vegalsa-Eroski.

Esta esforzo continuado para poder sacar adiante a excesiva carga de traballo ten consecuencias directas sobre a saúde física e mental das traballadoras e dos traballadores “e estamos en máximos históricos de absentismo”, cun elevado número de baixas por problemas músculo-esqueléticos. “Por enriba, as mutuas non queren recoñecelas como enfermidade profesional, cando na realidade desenvolvemos un traballo moi duro e a un ritmo moi alto durante toda a nosa xornada laboral, facendo grades esforzos físicos e cargando pesos, ás veces durante nove horas”.

Xunto a isto, a representación da CIG denuncia os elevamos índices de parcialidade na contratación e as ampliacións horarias neste tipo de contratos “ao antollo da empresa, impedindo así que estas compañeiras poidan coller outro traballo que lles permita chegar a fin de mes”.

2025-09-05_VegalsaEroski_ACorunha_sobrecarga_00

Xa dispoñible a pandereita virtual Carmucha VST

0

Hoxe, venres 5 de setembro sae á rede Carmucha VST, a primeira ferramenta de percusión galega completamente libre e de balde. Esta innovadora ferramenta está dispoñible en versións VST, AU e Standalone para Windows e Mac, permitindo aos músicos e produtores explorar máis de 250 patróns rítmicos, que inclúen muiñeiras, xotas, pasodobres e rumbas.

A ferramenta desenvolta polo músico coruñés Carlos Lijó representa un paso adiante na preservación e difusión da música tradicional galega, combinando tradición e tecnoloxía, e está dispoñible de balde para todos os músicos e produtores.

Carmucha ofrece dúas seccións principais: a Foliada, que simula unha foliada real con todos os instrumentos xuntos e un panel de mesturas para controlar volume, paneo e canal de cada instrumento; e a sección de Instrumentos individuais, que permite seleccionar e reproducir un a un diferentes instrumentos de percusión galega, como pandeiretas, tamborís, pandeiro e bombo.

Podes descargala xa en https://lijasvirtualsampler.com/carmucha e en https://mobsoundstudios.es. E aquí tendes un tutorial do seu autor:

Máis novas

Carmucha VST, a primeira ferramenta virtual para percusión galega está feita por un coruñés

De Ninghures e Ortiga únense por RosaLinda

 

A ANPA do Conservatorio do Burgo volve denunciar un caos no inicio de curso

0

Despois de anos de batalla co Concello pola falta de profesorado ou polas malas condicións do edificio, a ANPA O Bugo volve á carga no comezo deste curso. As familias e alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Culleredo denuncian “o caos organizativo
no que se atopa o inicio do novo curso escolar”.

Non comprenden como “logo de ter feita a solicitude de matrícula para o novo curso a finais do mes de xuño, o Concello de Culleredo: Non publicou as listaxes definitivas de alumnado admitido; non remitíu ás familias os horarios das clases colectivas; non convocou ao alumnado para a elección do horario das clases individuais; e non informou sobre a data do inicio do curso escolar e a actividade lectiva”.

Se as clases teñen que empezar antes do 15 de setembro, as familias consideran “un agravio ter que estar a semana na que o resto do alumnado de outros conservatorios públicos de Galicia inicia as súas clases, elexindo todavía os horarios das clases individuais”.

Por iso, reclaman “que se envíen de forma inmediata os horarios das clases colectivas; que se convoquen de forma inmediata as reunións co alumnado para elección de horarios de clases individuais; que as clases comecen antes do fin do prazo indicado pola Xunta”.

En defintiva, piden que o Conservatorio Profesional de Música “non sexa tratado con este desdén”, deixando claro que “a gratuidade non pode ser unha escusa”.

Máis novas

O Concello de Culleredo recoñece a necesidade de arranxar o Conservatorio do Burgo “canto antes”

As familias do Conservatorio do Burgo volven cargar contra o Concello de Culleredo pola “desatención” do centro

 

Dous días de festa en Elviña

0

Ademais do Flores Rock, San Vicente de Elviña vivirá esta fin de semana as súas festas de barrio, cunha ampla programación de actividades para todos os públicos que se desenvolverán entre o sábado 6 e o domingo 7, organizadas pola asociación veciñal Os Rexumeiros coa colaboración do Concello.

A primeira xornada arrincará coa realización dun mercado ecolóxico que terá lugar na rúa Rebandas das 9.00 ás 15.00 horas. Entre medias, haberá un pasarrúas a cargo da agrupación folclórica Aturuxo e xa ás 14.00 horas terá lugar a lectura do pregón con Ignacio Bermúdez e Os do Furancho de Elviña. Pola tarde, estarán Pulpiño Viascón, haberá inchables para as e os máis pequenos e xa pola noite volverá a música con DJ Takesound e o prato forte do día, a actuación da orquestra Los Platinos, ás 22.00 horas.

O domingo 7, ás 12.00 horas, o ritmo de inicio marcarao a Banda Municipal, que actuará antes da sesión vermú. Xa pola tarde, festa da espuma a partir das 17.00 horas e, ao final da xornada, ás 20.00 horas, a actuación de José Brea.

A Falperra, próxima parada das festas nos barrios

As festas nos barrios da Coruña arrincaron o pasado mes de maio, cun calendario de 21 citas en total entre os diversos distritos da cidade.

Ademais, das 16 festas dos Barrios que se artellan este ano, aínda quedan as da Falperra (13-14 de setembro), Monte Alto (20 de setembro), Cidade Vella (3-4-5 de outubro) e O Ventorrillo (9-10-11-12 de outubro).

 

Bandas históricas do pun estatal comparten protagonismo coas bandas locais no Flores Rock 

De Ninghures e Ortiga únense por RosaLinda

0

Xa está dispoñible RosaLinda, a primeira colaboración que asinan dous dos proxectos musicais máis destacados da escena galega: De Ninghures e Ortiga.

Da mestura entre as raíñas das feiras e o rei das verbenas agroma esta peza bailable e luminosa, na que o amor fía e reborda cada compás e que se presenta como a canción do verán que chega en setembro.

No campo da festa conflúen os elementos máis recoñecibles das dúas bandas: o estilo de Ortiga e a organicidade dos instrumentos de De Ninghures -incluíndo algunha melodía tradicional- son parte dunha fermosa canción que se pecha cun pasodoble do gaiteiro santiagués Juan Bello Mallou e as palabras da súa compañeira, Mercedes Segade, falando do seu amor.

Aquí vai o videoclip dirixido por Lorenzo Negueruela.

Máis novas de música galega contemporánea

Pepe Cunha, 25 anos á fronte do mellor programa de música galega contemporánea, “Ábrete de Orellas”

Fillas de Cassandra presentarán o novo disco “Hibernarse” na Coruña

A cantareira arteixá Fransy lanza o seu novo proxecto en solitario

AMEGA, Leria e A Banda da Loba levaron o galego ao Playa Club

A artista coruñesa XA’LUM lanza Beiriña, o seu novo sinxelo

Amoebo lanza “Unha foto”, o seu novo sinxelo