Inicio Blog Páxina 151

A exposición itinerante Heart of Gaza, que recolle os debuxos das crianzas palestinas durante o xenocidio, xa no Ágora

0

Xa está aberta e accesible a toda a veciñanza ata o 13 de novembro, a exposición Heart of Gaza. O Centro Cultural Ágora acolle esta deseños de crianzas gazatís realizados durante o actual xenocidio. Organizada na cidade polo colectivo “Boicot a Israel” BDS Coruña, o proxecto xorde do intercambio de deseños de crianzas a través de Whatsapp entre Feile Butler, irlandés, e Mohamed Timraz, gazatí.

Deste xeito nace unha exposición intinerante a nivel mundial, cuns 60 debuxos de crianzas gazatís acompañados dun texto coas súas experiencias persoais durante este framático 2024/25.
A campaña trata de recadar fondos para a campaña “We Are Not Alone”, creada por Mohamed para a compra de bens básicos para as familias e a realización de obradoiros de educación emocional para as crianzas, a través da arte.

Exposicion Hearts of Gaza no Agora 3

Acto solidario

Neste contexto, o sábado día 8, ás 19h vaise proxectar, na Sala 9 do Ágora, o documental “Kufiya. A Revolución a través da Música” premiado co galardón a Mellor Documental no Festival Internacional de Cinema de al-Awda.

Posteriormente habera un coloquio, conducido por Naser Dãwūd, abogado, activista palestinos e estudante de mostrado na Universidade de Santiago de Compostela.

O día 13, para a clausura da exposición, tamén haberá diferentes actos pendetes de expoñer nas redes de BDS Coruña.

Máis novas

Nova multitudinaria manifestación na Coruña trala xornada de folga xeral por Palestina

O embaixador de Palestina en España, desde Oleiros: “Ninguén pode sentirse nin afastado nin alleo ao que ocorre”

Os recoñecementos á Defensa dos DDHH da Rede Acampa pola Paz terán cores palestinas

Mohamed Safa: ”Non queremos unha loita étnica, isto é unha guerra anticolonialista”

 

Redada nun local de Matogrande con 21 actas por drogas, pero sen detidos: “Non venden, só consomen”

0

Unha redada realizada nun local de lecer nocturno situado no barrio coruñés de Matogrande saldouse con 21 actas por tenencia de drogas, todas elas para autoconsumo. “Non houbo ningún detido”, confirmaron fontes próximas ao caso consultadas por Europa Press. Na intervención, que tivo lugar o luns á primeira hora da mañá, participaron varias patrullas da Policía Local e transcorreu sen incidentes.

“Normalmente, aí non hai tráfico, non venden”, concretaron as mesmas fontes tras apuntar á existencia dun “tipo de cliente que consome”. O operativo enmárcase dentro dos controis rutineiros de establecementos de lecer que a Policía Local desprega as fins de semana en diferentes zonas da cidade herculina.

Abre a reserva de entradas para a Semana da Ciencia nos tres MC2

Do 8 ao 16 de novembro os Museos Científicos Coruñeses abren as súas portas á veciñanza na Semana da Ciencia 2025. Serán nove días de entrada gratuíta, nas que o público poderá gozar das exposicións interactivas dos tres centros, que abrirán todos os días de 10.00 a 19.00 horas, con último acceso ás 18.00 horas no Aquarium Finisterrae e ás 18.30 horas na Casa das Ciencias e Domus.

Para visitar eses días o Aquarium Finisterrae é imprescindible realizar unha reserva de entradas, que poderá facerse cun máximo de 3 días de antelación nesta páxina. É dicir, hoxe xa se poden sacar as entradas para o sábado.

A visita ás salas de exposicións da Casa das Ciencias e á Domus será libre, sen reserva previa e sempre que a capacidade non estea completa.
Para asistir a unha das sesións de planetario na Casa das Ciencias si hai que realizar unha reserva de entradas nesta ligazón, que poderá facerse a partir das 9.00 horas do día anterior á sesión.

Programación do planetario

De luns a venres

  • 18:00 Sesión en directo (galego/castelán, + 10 anos)

Fins de semana:

  • 11:30 La noche es necesaria (castelán, +10 anos)
  • 13:00 A grande aventura do sistema solar (galego, + 10 anos)
  • 17:00 La gran aventura del sistema solar (castelán, + 4 anos)
  • 18:00 Sesión en directo, (galego/castelán, + 4 anos)

A Semana da Ciencia terá ademais un acto destacado, a entrega dos XXXVIII PrismasCasa das Ciencias á Divulgación Científica, que se celebrará no Salón de Plenos do Palacio Municipal de María Pita o sábado 15 de novembro.

CoruñArt convirte ese sábado o Mercado de San Agustín nun foro de debate sobre a saúde cultural da cidade

0

Xa non queda nada para este sábado 8 de novembro, cando o Mercado de San Agustín se convirta nun foro de reflexión sobre o estado de saúde da cultura herculina.

A primeira edición do Coruñart, o I Feira das Industruas Culturais e Creativas, celebrará un completa xornada cun programa no que se mesturan citas profesionais e actividades para o público xeral.

Por un lado, o colectivo de profesionais do sector ou as persoas con interese en involucrarse, poderá acceder a charlas, mesas de debate e talleres formativos, accesibles mediante acreditación previa (pode adquirirse por 20€ máis gastos de xestión na web de Ataquilla). Polo outro, hai unha programación aberta ao público xeral, pensada para que todas as persoas que se acheguen ao Mercado de San Agustín teñan unha experiencia inmersiva, descubrindo novas propostas culturais.

A CoruñArt afondará en San Agustín na profesionalización do oficio literario, a música e a ilustración

Programación aberta

  • 11:00.- Pregón a cargo de Lúa Mosquetera
  • 12:00.- Micro literario, coa participación de escritoras/as/es de diversos estilos que presentará os seus proxectos.
  • 13:00.- Taller de estampación “Bícame, estampas para a lembranza”, no que os asistentes poderán estampar as súas prendas (podes levar a prenda que queiras)
  • 14:00.- Concerto de Carlos Bau
  • 17:00.- Showcases musicais, coa participación de diversos artistas musicais que tocarán as súas creacións para o público.
  • 20:00.- Concerto de Luis Moro

Programa para profesionais

9 eventos (mesas redondas e obradoiros) organiza o CoruñArt ao longo da xornada nos seus dous escenarios.

A cousa arrinca ás 11:30h cunha mesa redonda sobre a “política cultural” da cidade, coa participación dos concelleiros de cultura dos últimos 25 anos. Carlos González Garcés, concelleiro de cultura entre os anos 2003 e 2007; María Xosé Bravo, concelleira de cultura entre os anos 2007 e 2011; José Manuel Sande, concelleiro de cultura entre os anos 2015 e 2019 e Roberto Coira, concelleiro do PP, en representación de Ana Vilaseco, que non poderá asistir por cuestións persoais, serán os protagonistas da primeira mesa do día.

Ás 12:30h, Tomi Legido, manager en DezdeDez, vicepresidente de Clubtura e programador da Sala Mardigras, e Fani Vázquez, directora de Artestudio Xestión Cultural e programadora en proxectos como Cascarillarte ou Quincegota, falarán do sector musical dende o lado do programador.

Pecharán a mañá Abril Camino, Antía Yáñez, e Pablo Rañales, falando da profesionalización da escritura.

Pola tardiña, á 16:30h, os fotógrafos Brais Lorenzo, e Xabier Quiroga falarán de fotografía con Juan Varela.

Volverase falar de música con Patricia Hermida, presidenta de AGEM e CEO de DotBeat!
e Josiño Carballo, director de Ernie Records, nunha mesa moderada por Noel Turbulencias, divulgador musical e autor de Galicia MusiCalidade.

E as dúas últimas mesas da tarde, 18:30h e 19:30h, serán sobre a profesionalización da ilustración. Primeiro estarán Santy Gutierrez e Irene Sanjuan falando conMiriam García.
E de seguido Laura Rodríguez, editora jefe de Hércules de Ediciones, Iago Fandiño, editor jefe de Calacán e escritor e Rober Cagiao, escritor con obra autopublicada e obra publicada en editorial tradicional, debaterán con Betty Rodríguez, directora da biblioteca Durán Loriga, sobre a autopublicación ou a edición tradicional.

 

O pub Neón reconvertido nun turreiro. O proxecto Pesquedellas repensa a foliada como retrato da mocidade galega

0

Reformular a foliada é algo que vén facendo a música galega contemporánea moi ben dende a última década. Bandas como Tanxugueiras abriron un fío que xentes como Mondra, Fillas de Cassandra, as Faíscas da Pontraga, De Ninghures, Baiuca, Nebra, Caldo… están aproveitando no xa coñecido “tradi” galego.

Pero hai quen se formula que antes de seguir dando pasos hai que pensar e repensar a foliada. E aí é onde nace o O proxecto Bailadoras do turreiro. Unha foliada comentada para a posteridade, ideado pola Asociación Cultural Prestadora de Servizos á Xuventude Pesquedellas.

Amparadas pola subvención iniciativa Xove, a asociación cultural reuniu a máis de 50
bailadoras e 5 grupos entre pandeireteiras e gaiteiros con menos de 30 anos para
gravar un documental que explica e debulla o non verbal das foliadas de antano e das de hoxe en día.

Para reflexionar sobre como a foliada impacta na mocidade actual, que cousas veñen de antano, e que cousas se van reinventando, a entidade levou a foliada ao pub Neón de Betanzos, símbolo da vida nocturna da comarca, que se transformou por un día nun auténtico “turreiro contemporáneo”. No lugar onde habitualmente soa música electrónica, soaron gaitas, pandeiretas e voces novas que encheron o espazo coa enerxía das foliadas.

I é que precisamente de aí vén a idea: “as foliadas foron, noutro tempo, as discotecas do rural galego”, só que a música era en directo e as que tocaban e bailaban eran as propias veciñas e veciños.

Proxecto Pesquedellas-Foliada disco en Betanzos

O que aconteceu neste serán pode verse nunha pequena peza audiovisual producida por Rappa Studio (a segunda parte do proxecto gravouse nos seus estudios en Carballo). Ademais da festa, Xurxo Fernandes e Montse Rivera, recoñecidos investigadores e membros do xurado da sección Vai de Baile do programa Luar, reflexionan como comentaristas da foliada, interpretando o que acontece no baile: a improvisación dos puntos, a colocación das parellas, o diálogo co ritmo e a evolución das estruturas tradicionais ata o 2025.

A iniciativa conseguiu xuntar nunha mesma noite a novas xeracións de bailadoras, gaiteiros e pandeireteiras de diferentes puntos de Galicia. Participaron activamente Os dous de sempre (Ismael García, da Coruña, e Pablo Castro, de Vimianzo), Repoludas e Silandeiras da Escola de Música e Baile Tradicional de Coirós, Galantiñas da A.C. Donaire, As Lavercas, da Pontragha, PanSenFron, agrupación afincada na Coruña, e Embruxo Gaiteiros, de Ordes. Xuntas, estas formacións deron vida a unha foliada multitudinaria que serviu como espello do momento que vive hoxe o baile galego: “un fenómeno vivo, participativo e cheo de talento novo”.

“Quixemos demostrar que as foliadas seguen a ser espazos de liberdade e respecto, lugares onde a mocidade galega continúa facendo comunidade a través da cultura e da lingua” , explican desde Pesquedellas.

A asociación xa está preparando novas proxeccións, centradas na importancia de debatir e reflexionar en colectivo de maneira presencial.

Proxecto Pesquedellas-Foliada disco en Betanzos

Outras novas de música galega

Tiruleque rende homenaxe á Repichoca no seu novo disco e no concerto no Colón

Sés quece o lanzamento do seu novo e honesto disco co sinxelo que lle dá nome: “Nadando na incerteza”

Sabela adica o seu novo traballo a Maruja Mallo

Tiruleque rende homenaxe á Repichoca no seu novo disco e no concerto no Colón

 

Activada a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña para este martes

0

A Xunta activou para este martes a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e de Pontevedra.

Tal como informou nun comunicado, co fin de garantir a seguridade das persoas e os bens, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior informou aos concellos e ás provincias afectadas, ademais da os servizos e demais organismos.

Por este motivo, tamén se decretou a suspensión das actividades deportivas do programa Xogade e federadas nos devanditos municipios.

En concreto, no litoral da Coruña a suspensión abarca desde as 09.00 horas do martes ás 05.00 horas do mércores, mentres que en Pontevedra será desde as 12.00 horas do martes ata as 10.00 horas do mércores.

Espéranse ventos do sur con ata forza 8 e ondas de ata seis metros.

Por todo iso, o Goberno galego lembrou a importancia de manterse afastado da liña costeira e de paseos marítimos e pediu que se extremen as precaucións á hora de realizar calquera actividade no mar.

Jevaso, o “xigante textil” que crece por fóra pero se baleira por dentro

A de Jevaso é unha desas historias de “éxito empresarial” que nace ao amparo do imperio de Inditex. Creada en 1983 na Coruña, a empresa foi medrando ata ter agora mesmo máis de 2.400 traballadores nas súas fábricas de Sanón, Zaragoza, Madrid, Barcelona e Braga. Unha empresa con imaxe de éxito económico, recollida nos medios como “un xigante do téxtil galego, un exemplo de expansión e de liderado industrial”. Pero o que se adoita esquecer na prensa tradicional é que esa expansión, se está dando a costa de exprimir os dereitos laborais dos seus traballadores.

Poucas empresas hai na cidade que teña unha rotación laboral máis grande que Jevaso. Pola súa nave de Sabón pasan centos de traballadores procedentes de Empresas de Traballo Temporal cada mes, pois a meirande parte non duran nin unha semana por mor da dureza das súas condicións e dos seus subalternos.

En paralelo está o plantel de traballador@s fix@s, que vén como a súa situación económica cada vez é máis precaria, con peores condicións e menos dereitos, e que, de feito, xa están en plenas moblizacións. Este mércores 5 teñen convocada unha concentración ás 13:00h diante da sede da empresa no polígono arteixán, pero esta será só a primeira se non melloran as condicións.

Dende os sindicatos UGT e FICA, consideran necesario afondar no devir desta empresa que considera “en decadencia”. Critican que o crecemento económico do que se gaba a empresa dende que e 2021, Alberto Vázquez collía o relevo xeracional, “a empresa entrou nunha espiral de deterioración en todo o que ten que ver co trato aos seus traballadores. A xestión foi fría, autoritaria, sen empatía. En lugar de avanzar en benestar laboral, en estabilidade e en recoñecemento, Jevaso retrocedeu: hai máis presión, menos diálogo e unha perda evidente de confianza. A empresa que presume de crecer en cifras, afúndese en humanidade e respecto”, denuncian con crudeza os sindicatos.

”As reunións internas e as comunicacións convertéronse en monólogos sen resposta. As peticións formais, os correos e as dúbidas expostas polos empregados terminan case sempre no silencio ou na evasiva. Non hai transparencia nos datos que se solicitan, non se explican os criterios de formación nin se fomenta a capacitación real do persoal. A formación, cando chega, é mínima, escasa, e non responde as necesidades reais do persoal nin á evolución tecnolóxica do sector. Os traballadores apenas reciben oportunidades de aprendizaxe nin posibilidades de promoción profesional, mentres a empresa esixe cada vez máis rendemento sen ofrecer desenvolvemento nin recoñecemento. Cando se pide claridade, a dirección responde con excusas, con silencio ou con comunicados internos en ton coercitivo, onde se prohibe mesmo que os traballadores se reúnan despois da súa xornada laboral para falar entre eles. Unha política de control que asfixia calquera intento de compañeirismo ou comunicación entre iguais”.

Aumento de beneficios, redución de salarios

Os sindicatos consideran moi grave a situación. ”Mentres os beneficios empresariais aumentan, os salarios se estancan ou mesmo retroceden. En plena aprobación do novo Convenio Téxtil, que debía supoñer unha mellora para o persoal, Jevaso buscou todas as trampas posibles para facer o contrario: absorber pluses, eliminar complementos, reducir o que antes era un dereito consolidado. Onde o convenio prometía subida, a empresa atopou unha forma de rebaixar. Os traballadores, no canto de cobrar máis, cobran menos, e todo baixo o pretexto técnico de interpretacións interesadas e cálculos que ninguén explica. A antigüidade, o plus de non absentismo e outros conceptos que recoñecen o esforzo e a fidelidade dilúense dentro do Salario Mínimo Garantido, de modo que quen leva 15 anos cobran igual que quen acaba de empezar”.

A presión diaria

Outra cousa é o día a día, e a presión que os xefes intermedios teñen sobre cada empregado. “Mídese o tempo de descanso, os ritmos de traballo son cada vez máis esixentes, e a dirección parece máis preocupada pola produtividade inmediata que pola saúde e a dignidade da súa xente. A empresa que di “ser unha familia” trata aos seus traballadores coma se fosen pezas sustituibles, sometidos á constante ameaza de que sempre se pode facer máis, render máis e falar menos”.

A cousa non queda aí, sendo UGT e FICA. “Nos últimos tempos producíronse despedimentos silenciosos que afectan a compañeiros con anos de experiencia e sen motivo obxectivo. Unha política de desgaste que busca dividir, debilitar e facer calar a quen levanta a voz. O medo converteuse nunha ferramenta máis de xestión: a inseguridade como norma e a obediencia como único camiño para conservar o posto”.

Ao carón de empresas que se louban de “sustentabilidade, responsabilidade social”

O de Jevaso é un deses perfectos exemplos que vive un sector cada vez máis tramposo. A deslocalización das últimas décadas, o desamparon das precarias fábricas de produción en Asia, contraponse co discurso de “sustentabilidade, responsabilidade social e compromiso coas condicións laborais”. Inditex, Mango, Álvaro Moreno, Dimotex ou Scotta véndese como empresas respectuosas, pero traballan man a man con esas fábricas deslocalizadas onde non importa nada, e con empresas do país como Jdevaso, onde “o discurso se dilúe entre as marxes de beneficio e o silencio”. “Porque detrás de cada peza, de cada etiqueta e de cada contrato millonario, hai traballadores que viven baixo unha presión constante, con soldos que retroceden e dereitos que se evaporan”.

Para FICA e UGT, “doe aínda máis ver que Jevaso ten a Inditex xusto á beira, un referente mundial en organización, en proxección social e en imaxe corporativa. Unha empresa que, con todos os seus defectos, entendeu que o benestar do seu persoal tamén forma parte do seu éxito e da súa reputación. Pero Jevaso, en cambio, elixe mirar cara a outro lado. En lugar de aprender de quen ten á beira, prefire encerrarse nun modelo obsoleto, baseado na presión, o control e o desgaste da súa xente. Así é imposible crecer, imposible reter talento e, sobre todo, imposible gañarse o respecto de quen sostén a empresa día a día”.
”Jevaso é hoxe unha empresa en expansión económica, pero en declive moral. Perdeu o sentido de comunidade e respecto que a fixo crecer. Deixou de escoitar, de coidar, de recoñecer ás persoas que levantan cada día a súa produción. E mentres os números do balance crecen, a confianza, a motivación e a dignidade do seu persoal esborrállanse”, conclúe, mentres alenta aos traballadores a participar nas mobilizacións.

Máis novas

O comité de Jevaso convoca unha concentración para esixir o pago dos atrasos salariais e a actualización das nóminas

Máis dun milleiro de persoas asistiron ás actividades do festival internacional Animacción

0

Seis días de intensa actividade vivíronse no Forum Metropolitano no marco do Festival Internacional de Animación Animacción. Seis días de programación cos que a Ánimas Anónimas, asociación conformada por directores, productores e animadores de toda Galicia, quere achegar a mellor producion de debuxos do planeta.

Animacción cultivou unhas boas cifras de asistencia, sumando unhas 1.000 persoas asistentes entre as distintas actividades do programa. O calendario incluíu, non só as proxeccións das curtametraxes, senón tamén outras moitas propostas. Así, o público puido gozar tamén co pase das obras The Wanted 18 e The Tower como parte do proxecto Palestina Animado; da coñecida e premiada Flow ou de Memorias dun caracol, así como do palmarés do festival CINANIMA 2024. A programación completouse tamén coas charlas a cargo do director catalán, Salvador Simó, e do director e animador arxentino, Juan Pablo Zaramella.

Os premios

O premio do apartado xeral recaeu en mans de Gabriel Molinaro e En la más vil ruina, na que se explora a vida de Tomás, Rafa e Mónica. Ao longo da trama móstrase como os tres novos buscan o seu lugar no mundo sen un rumbo fixo. Na infantil, The Piano (Avery Kroll) foi o gran gañador cun relato que indaga no vínculo que un pai e a súa filla crean ao redor do piano. Unha unión que a moza honrará ensinándolle ao seu propio fillo a tocar este instrumento, transmitindo esta unión de xeración en xeración.

Polo outro, o xurado concedeu o galardón a Adiós, de José Prats, por representar a “evolución e a complexidade da relación entre un pai e o seu fillo”. Na peza cóntase a historia dun pai que loita por aceptar que o seu fillo adulto se muda ao estranxeiro, lidando coa sensación de sentirse só.

FOTO ANIMACCION- Ultima jornada 2

Mencións especiais

Os tres curtametraxes non foron os únicos premiados, senón que tras a valoración do xurado profesional outorgáronse, ademais, dúas mencións especiais, unha por categoría. Na xeral, levoulla Buffet Paraíso (Santi Amézqueta e Héctor Zafra).
Bidouille (Emi Inohana e Morgane Holsters) fixo o propio na infantil pola súa “capacidade de atrapar á audiencia, con suspense e humor desde unha situación cotiá”.
Por último, Pedro Terrados resultou gañador do Concurso de Cortinillas do Festival Internacional de Animación Animacción.

O xurado profesional desta edición estivo conformado polo animador e director arxentino, Juan Pablo Zaramella, pola docente e artista especializada en animación, Elena López González, e polo model maker e animador, Jorge Rodríguez ‘Gorka’.

A directora do Festival Animacción, Eva Bello, valorou os resultados da novena edición e agradeceu a participación do público asistente. Un agradecemento que fixo extensivo aos autores, asociacións, alumnos, artistas, relatores, patrocinadores e institucións colaboradoras: “todos eles contribuíron a poñer en valor o sector da animación e mostrar o potencial artístico de toda unha nova xeración de animadores”.

Máis novas culturais

O FIGA fará unha chamada á diversidade e á inclusión no sector audiovisual

A CoruñArt afondará en San Agustín na profesionalización do oficio literario, a música e a ilustración

Correa Corredoira: “Fago un chamamento á refundación da Luís Seoane”

A RPT e os autónomos chegarán ao pleno coruñés con mocións de BNG e PP

0

Este xoves 6 de novembro volve haber pleno en María Pita, e os asuntos laborais terán protagonismo, unha vez que o PP vai pedir novas axudas para os autónomos, mentres que o BNG pregunta pola Relación de Postos de Traballo.

A RPT

Parao BNG, “a Relación de Postos de Traballo do Concello da Coruña está moi desfasada, o que impide que se realice unha xestión eficiente do seu cadro de persoal”. Así entende o grupo da oposición este fundamental documento que regula as relacións laborais do Concello cos seus traballadores municipais.

“É necesaria unha redacción nova, calquera traballadora ou traballador do Concello concorda niso. A actual RPT é ineficiente e causa prexuízos non só á Administración municipal, mais tamén á veciñanza”, afirma David Soto, que vai levar unha moción sobre o asunto ao Pleno do vindeiro xoves. “É hora de aprobar unha nova RPT. Vímolo demandando desde hai moito tempo”, destaca.

O grupo critica ademais que o Goberno Local introduza “modificacións puntuais”, que considera “remendos”, por exemplo “coas prazas da Administración especial, aquelas que xestionan ámbitos especializados dentro da función pública, se vai esixir unha titulación específica”. Lamenta que “o proceso non foi debidamente negociado cos sindicatos” e sen que fique claro “o criterio que se segue para o esixir nunhas prazas si e noutras, non”.

Axudas para os autónomos

Pola súa parte, o Grupo Popular rexistrou unha moción para o seu debate e aprobación con medidas de apoio aos traballadores autónomos da nosa cidade. “O Goberno Municipal ten que deixar de ser un obstáculo para quen xerar emprego e riqueza na Coruña, con subidas de impostos como a taxa de lixo un 43% ou duplicando a de terrazas no caso da hostalería. Deben levar a cabo medidas efectivas que escoiten ao autónomo e permítanlle crecer. Non pode seguir actuando como mero recadador de licenzas e taxas”, sinala Miguel Lorenzo.

Por iso, o PP solicita nesta moción:

  • ”Revisar taxas e tributos municipais que afecten directamente a este colectivo coa finalidade de establecer bonificacións ou exencións para novos emprendedores ou negocios que estean a atravesar dificultades”.
  • ”Reducir a burocracia mediante simplificación de licenzas e outros trámites”.
  • ”Constituír unha Mesa Municipal do Autónomo na que estean representados xunto con representantes doutras entidades empresariais e grupos políticos para poder avaliar a situación do sector e propoñer melloras”.
  • ”Cumprir os prazos legais nos pagos aos provedores xa que así se garante que os autónomos que traballan para o Concello van cobrar en tempo e forma. (PMP, a agosto de 2025, é de 50,08 días)”.

O Ateneo Republicano de Galicia retoma a actividade co Arnau Fernández Pasalobos

0

O Ateneo Republicano de Galicia retoma actividade da man de Arnau Fernández Pasalobos, que visita A Coruña para presentar o seu libro “Hasta su total exterminio. La guerra antipartisana en España, 1936-1952“.

O acto, no que o autor atoparase acompañado por Emilio Grandío Seo terá lugar en Portas Ártabras o mércores 5 de novembro ás 20:00h.