Inicio Blog Páxina 150

O Concello rescata, a medias, aos traballadores do Programa de Lecer do Fórum e do Ágora

Importante reunión a vivida onte no Auditorio do Fórum entre o Concello e o profesorado (que non monitorado, como moitas veces tratan os responsables municipais) dos cursos do Programa de Lecer do Fórum e do Ágora. Despois do rescate do persoal das Escolas Deportivas Municipais (que seguen en mobilizacións, igualmente), e de confirmar a viabilidade das viaxes culturais de fin dos cursos, quedaba o máis importante: avaliar a situación laboral dos profesores/educadores, unha vez que é público o incumprimento por parte da concesionaria, Serviplús (a mesma que ás EDM) das súas obrigas co cadro de persoal, ao que lles debe a nómina de decembro e a extra de Nadal.

O asunto xa saía no pleno da mañá de onte onde a unha pregunta do BNG, o edil de Cultura, Gonzalo Castro, aseguraba que o Goberno Local ”está a facer todo o que se pode facer coa lei na man”.

Xa pola tarde, acodían á reunión co profesorado (había pleno de traballadores, pois estiveron uns 45 dos 47 contratados por Serviplús para o programa), o Concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro; a directora do IMCE, Laura Seoane; a xefa de servizo de cultura Susana Portabales, e o director de área Uxío Novo.

Comezaron asegurando que se trata dun asunto moi recente para o Concello, a pesar de que o profesorado autónomo leva máis dun ano con problemas de cobros, con algún que outro educador arrastrando débedas de ata 4.000€, e os contratados levan 2-3 meses con retrasos.

Rescate a medias

Os representantes municipais deron conta de que a empresa Serviplús non segue coa concesión, pero en contraposición do rescate das EDM, o Concello está á procura dunha empresa ponte (algunha xa rexeitou, e buscan unha empresa solvente), que se faga cargo do programa durante 6 meses, e asuma ademais a débeda dos traballadores.

Sen dar prazos para os cobros atrasados, o edil explicou que o Concello non os pagar directamente porque non son traballadores municipais. Pero nun momento dado, Castro mesmo deixou a promesa de que “se non se pode solventar doutra forma, metemos aos 47 no IMCE cun contrato”.

Os cursos comezan en febreiro

A idea é que os cursos, que a día de hoxe calquera outro ano xa estarían funcionando, comecen en febreiro, o que parece complicado cando estamos a 16 de xaneiro e sen empresa concesionaria.

Con todo, o colectivo de profesores non teñen moitas opcións de seguir pelexando. Primeiro trátase dun colectivo que non está unido polas características do propio traballo, unha vez que boa parte non se coñecen entre eles porque imparten clase en diferentes horarios e centros de traballo. Ademais, agora, sen ter unhas condicións pactadas fixas, son conscientes de que se non traballan este trimestre, non terán dereito á subrogación no seguinte contrato.

Máis novas

Confirman a viabilidade, extraoficial, das viaxes culturais de fin de cursos do Fórum e do Ágora

Persoal das escolas deportivas municipais da Coruña secunda unha nova xornada de paro en demanda dos seus salarios

O Concello rescata as Escolas Deportivas Municipais

Nova suspensión ao proxecto das Percebeiras para incluír a parcela do antigo Padre Rubinos

O Pleno desta mañá de xoves 15 de xaneiro no Pazo de María Pita incluíu, ademais do anuncio da posta en marcha dunha nova ordenanza sobre as VTC, un asunto urbanístico de importancia. Quedou aprobada, cos votos de PSOE e BNG, a nova suspensión do plan urbanístico para erguer as 400 vivendas das Percebeiras.

O Concelleiro de Urbanismo, Fran Díaz, explicou a necesidade prorrogar un ano máis, a suspensión aprobada hai un ano para reformular un espazo a gran importancia social, veciñal, paixasísitca e medioambiental do barrio de Labañou.

Díaz explicou que a intención é valorar a expansión do proxecto para que inclúa a parcela do antigo Padre Rubinos, e apuntou que se realizará con criterios de sostibilidade, fomentando a creación de espazos verdes públicos e asegurando un 40% de vivenda protexida.

Ante as críticas do PP de ralentizar a construción de vivendas neste momento, o BNG asegurou que é un espazo moi simbólico, “o último na fronte marítima da cidade” e que obriga a “repensar o desenvolvemento da zona” deixando aberta mesmo unha modificación no PXOM.

Máis novas

As Percebeiras, Labañou pechado ao mar

O Concello afrontará unha nova ordenanza sobre os VTC

 

As 10 promocións urbanísticas formuladas na Coruña prevén a construción de 18.000 novas vivendas

O pleno ratifica a suspensión cautelar do Plan das Percebeiras

 

 

 

 

A Xunta adxudica provisionalmente 40 vivendas de promoción pública e licita o proxecto para outras 264 en Xuxán

0

A Xunta adxudicou provisionalmente 40 vivendas de promoción pública no barrio coruñés de Xuxán, das cales o 40% entregaranse a menores de 36 anos con rendas que oscilarán entre os 95 e 307 euros mensuais, en función da superficie do piso e o IPREM da unidade familiar adxudicataria.

Así o explicou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, quen asistiu ao sorteo e visitou posteriormente o inmoble. “Contamos con poder entregalas ao final do verán de 2026”, avanzou.

Na construción deste edificio, segundo concretou, empréganse técnicas industrializadas, “o que permite axilizar as obras e a posta dos fogares á disposición dos beneficiarios”. Tras o sorteo, publicarase a lista provisional de adxudicatarios e abrirase un prazo de 10 días para reclamacións e logo publicarase a listaxe definitiva.

Ademais, a Xunta licitou a redacción do proxecto para construír 264 novas vivendas públicas en Xuxán, que suporá un investimento de 50 millóns de euros, segundo informou a conselleira nunha visita á zona.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle este venres a licitación da redacción do proxecto e dirección da obra de etas vivendas, por máis de 1,6 millóns de euros, e establece un prazo de presentación de ofertas ata o próximo 27 de febreiro.

Allegue indicou no acto que estas novas vivendas desenvolveranse nunha parcela propiedade da Xunta, que inicialmente estaba destinada a usos terciarios pero que, a instancias do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) destinarase á construción de pisos, unha vez terminada a modificación punutal do Plan Xeral de Ordenación Municipal por parte do consistorio coruñés.

“Xustiza”, a familia de Diego Bello busca en Filipinas a condena dos policías asasinos

0

Familiares de Diego Bello — o mozo coruñés falecido en Filipinas en 2020 e por cuxa morte se xulga a tres policías — mantiveron reunións con autoridades antes de declarar este venres, día 16, no xuízo que se celebra no país. Será en concreto a nai e como testemuña. Bun comunicado, desde a plataforma Xustiza para Diego explicaron a Europa Press que nos últimos días mantivéronse diversas reunións de traballo con distintos organismos, xunto ao avogado Guillermo Mosquera e co acompañamento do cónsul de España en Filipinas, Ignacio Sánchez Taboada.

Entre elas, encontros cos avogados que levan o caso, cun representante da Embaixada de España en Filipinas e co embaixador da Unión Europea en Filipinas, Massimo Santoro. Así mesmo, mantiveron unha reunión co NBI, co seu director “e cos axentes responsables do informe que desmonta, punto por punto, a versión ofrecida polos policías implicados na morte de Diego”. Así mesmo, foron recibidos por un secretario da Oficina do Ombudsman (Defensor do Pobo), a quen se lle trasladaron “as preocupacións e incertezas” existentes no caso.

“BUSCAR XUSTIZA”

“Todo este traballo está encamiñado a un único obxectivo: seguir buscando xustiza”. “Seis anos despois da inxusta morte de Diego Bello, continuarase ata que se faga xustiza e límpese o seu nome“, insisten na rolda de encontros mantida ao desprazarse ao país os pais e o irmán, entre outros.

A declaración da nai de Diego Bello está prevista que se inicie ás 08.30 horas do venres –ás 01.00 horas de España–. Por este crime xúlgase a tres policías, que enfrontan acusacións de asasinato e suplantación de probas en relación coa morte do mozo, en xaneiro de 2020, na illa filipina de Siargao. En xuño de 2025, o Tribunal de Primeira Instancia Rexional da República de Filipinas negou a liberdade baixo fianza do tres policías acusados de matar o coruñés Diego Belo.

INVESTIGACIÓN

De acordo coa investigación, non houbo un enfrontamento armado co mozo, como sostiveron inicialmente os axentes. Ademais, o informe forense indica que Bello foi alcanzado por disparos mentres xa se atopaba no chan. De feito, a propia Comisión de Dereitos Humanos de Filipinas rexeitou os argumentos esgrimidos polos policías en relación á morte no contexto dunha operación antidroga.

Todo iso no marco dun traballo en colaboración coa Oficina Nacional de Investigación (NBI) filipina. No mesmo considérase que houbo unha “violación” dos protocolos operativos e rexéitanse os argumentos dos axentes en relación á forma en que se produciu a morte do mozo coruñés.

O Concello afrontará unha nova ordenanza sobre os VTC

0

O pleno celebrado nesta mañá de xoves 15 de xaneiro, ratificou a idea de abordar a creación dunha nova ordenanza sobre o servizo de transporte urbano de persoas viaxeiras en vehículos de turismo con persoa condutora, os famosos VTC, as operadoras de Uber, Cabiphy e a recén chegada Bolt.

Un anuncio realizado pola concelleira concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, despois das mobilizacións dos taxistas e apenas uns meses despois da aprobación da nova ordenanza de mobilidade, que esqueceu incluír esta realidade, como lle recordaron os grupos da oposición. Así, é o BNG o que se atribúe o mérito da proposta realizada polo grupo de goberno socialista.

Díaz asegurou que haberá unha consulta pública como primeiro paso para recompilar opinións ao tempo que se realizará un estudo técnico “para saber con certeza se é preciso iniciar o proceso de autorización de servizos urbanos de VTC, ou non. E se é que si, establecer os criterios de seguridade viaria e sustentabilidade ambiental e económica, tal e como indica a Lei de Transportes da Xunta de Galicia”.

Outros asuntos

O pleno comezaba coa renuncia do concelleiro do PP, Roberto García Fernández, tras 6 anos como edil, tras ser nomeado Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Comisión Mundial 2030

Ademais, interpelado pola oposición, o voceiro do goberno municipal José Manuel Lage Tuñas, informou hoxe de que a sesión constitutiva da Comisión institucional de seguimento do Mundial 2030 —aprobada na pasada sesión coa unanimidade de todos os grupos— terá lugar a finais deste mes de xaneiro, concretamente o venres 30, co obxectivo de avaliar o estado da candidatura da Coruña a albergar o torneo futbolístico dentro de catro anos.

Alfonso Molina, a exame nunha reunión co MITMA

Tamén na quenda de mocións, Lage notificou que o Concello manterá unha reunión co Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible (MITMA) a finais de mes, co obxectivo de “esixir que a obra de Alfonso Molina se axilice e se comprometan a licitar neste ano 2026 a segunda fase da integración ambiental da avenida”.

Teatro ou Estación Intermodal “María Casares”

O BNG lanzou unha pregunta recollendo unha proposta formulada desde o asociacionismo memorialista e cultural da cidade para que o Teatro Colón pase se chamar Teatro María Casares.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, admitiu sería un bo recoñemento para  a senlleira actriz coruñesa, mais ao seu xuízo é mellor a proposta feita pola alcaldesa no discurso de Nadal: a opción de que nomee a futura estación intermodal.
“Estamos de acordo no esencial”, chegou a dicir Gonzalo Castro, quen mesmo chegou a suxerir o nome do actor, director e dramaturgo Manuel Lourenzo como proposta alternativa para denominar o Teatro Colón.

As Percebeiras

Nova suspensión ao proxecto das Percebeiras para incluír a parcela do antigo Padre Rubinos

Máis novas

Os taxistas volven colapsar a cidade para esixir unha ordenanza sobre os VTC

A conxelación de taxas e os VTC protagonizan o pleno de novembro na Coruña

O PP lémbralle a PSOE e BNG que esqueceron regular os VTC na recén aprobada ordenanza de mobilidade

Inditex pechará a súa histórica primeira tenda de Zara aberta dende o 1975

0

Inditex pechará o próximo día 30 de xaneiro a súa primeira tenda de Zara, aberta na Coruña no ano 1975 e da que en maio do ano pasado se conmemorou o seu 50 aniversario. Así o confirmaron fontes da empresa, que precisaron que ao persoal, integrado por 11 persoas, se lles comunicou hoxe a decisión. A compañía ofreceulles a recolocación noutras tendas situadas na cidade herculina, onde o grupo conta actualmente con 20 establecementos das súas diferentes marcas entre o centro e as superficies comerciais.

A decisión de pechar a histórica tenda de Juan Flórez tras case 51 anos aberta ao público débese a que o local xa non encaixa coa proposta comercial actual do grupo. Trátase dun espazo emblemático, xa que o seu fundador, Amancio Ortega, comezou a súa andaina empresarial con Zara en devandito establecemento o 15 de maio de 1975. A apertura deste establecemento, de 300 metros cadrados, marcou un antes e un despois na traxectoria dunha empresa ata entón dedicada exclusivamente á confección e distribución téxtil.

Nos últimos anos, a compañía levou a cabo múltiples proxectos de reforma e mellora do seu espazo comercial na Coruña, que pola súa condición de sede funciona como campo de probas. Exemplo disto son conceptos como ‘O Apartamento’ ou a nova imaxe de Zara Man, testados na cidade antes de exportarse a todo o mundo. No caso concreto de Zara, ademais da tenda de Sánchez Bregua (Zara Compostela), onde se abrirá un ‘Zacaffé’ o 31 de xaneiro, o grupo mantén outros dous centros en Marineda City e Catro Camiños, continuando coa estratexia de actualización que xa acometeron recentemente marcas como Bershka, Massimo Dutti, Oysho ou Pull&Bear.

Aumentan a 68 os afectados polo brote de salmonela no IES de Elviña con tres persoas ingresadas

0

As persoas afectadas por un brote gastrointestinal no IES de Elviña, na Coruña, elévanse xa a 68, con tres ingresados, segundo a última información facilitada pola Consellería de Sanidade. En relación a este brote provocado pola inxesta de tortillas, o departamento autonómico sinala que prosegue o estudo epidemiolóxico e que xa son 17 as analíticas positivas a salmonela. A día de hoxe, tres das persoas afectadas permanecen baixo coidado hospitalario.

A Consellería de Sanidade tivo constancia do suceso este luns, determinando que a intoxicación debeuse a algún produto inxerido entre o 8 e o 9 de xaneiro durante o recreo. É nese momento cando os alumnos teñen acceso á cafetaría do centro, un servizo que funciona de xeito independente ao non contar o instituto con comedor escolar.

Malia que a cafetaría presentaba boas condicións hixiénicas nas inspeccións, o establecemento permanece pechado desde que se tivo constancia do suceso para evitar novos riscos. Os técnicos de Saúde Pública continúan traballando no caso para completar o seguimento de todos os escolares e persoal afectado por este brote de salmonelose.

A folga dos sanitarios afronta a segunda xornada un 70% de seguemento segundo O`Mega

0

Ademais do colapso que vive o CHUAC, a folga convocada polo sindicato O’Mega chega hoxe á súa segunda xornada. Faino despois dun seguemento do 70% dos médicos e facultativos do Sergas en toda Galicia, segundo o sindicato convocante.

É dicir, 7 de cada 10 médicos e facultativos que podían facer folga por non ter sido designados como parte dos servizos mínimos secundaron o primeiro paro. Un paro que continúa hoxe e ameaza con converterse en indefinido se a Xunta non negocia cos facultativos.

A intención dos profesionaisé protestar polo intento de impoñer un Estatuto Marco por parte do Ministerio de Sanidade e para reclamar da Xunta unha negociación que permita dignificar as condicións laborais dos profesionais da Sanidade pública.
O seguimento da folga foi especialmente masivo nos principais hospitais públicos da Comunidade Autónoma e a incidentcia foi algo menor nos centros de saúde, onde a Xunta impuxo uns servizos mínimos abusivos que nalgúns casos chegaron a alcanzar ata ao 120% dos efectivos dunha xornada normal.

Se pola mañá houbo concentracións como a do CHUAC, pola tarde houbo manifestación en Compostela.

A folga, que ameaza con converterse en indefinida, continuará hxe con outra xornada de paros e concentracións ante os hospitais e centros de saúde públicos de Galicia.

Máis novas

Primeira xornada de folga na Sanidade galega aderezada do “colapso grave e sostido” no CHUAC

O’Mega chama á folga a máis de de 10.000 sanitarios en Galicia

As chaves da folga de médicos na atención primaria galega

 

 

Monte Alto mantén viva a chama do Santo Amaro

0

Amaro foi o sabio que acadou, a través do océano misterioso, á Illa do Paraíso. Así o recolle Xurxo Souto nas súas escrituras sobre as lendas galaicas, e así as espalla esta semana por Monte Alto da man da Asoc. Rego da Serpe.

O xoves 15, día propio de Amaro, hai unha reunión na rúa da Torre, ás 20 h., na biblioteca da Asociación Veciñal Atochas/ Monte-Alto para compartir lendas e descubertas -dende A Coruña a Lisboa- de Amaro navegante.

E domingo 18, ás 12 horas, seguindo a tradición, representarán a súa gran viaxe sobre a area da praia que leva o seu nome. Organiza: Rego da Serpe ! Precisamos do teu talento ! Axúdanos a atopar a Illa do Paraíso.(cartaz -precioso- de Javi Prieto, coa imaxe da capela do santo Amaro de Alcántara, padroeira das galegas e galegos de Lisboa)

Homenaxe a Santo Amaro-Cartaz Javi Prieto
Cartaz de Javi Prieto

Máis novas

A #AmaroManía continúa coa estrea da obra teatral de Noite Bohemia

Monte Alto rescata a lenda do Santo Amaro

San Amaro recibiu os restos de Francisco Miguel, outra vítima do franquismo

A “movida” medioambiental de San Amaro que reinserta e conciencia

Investigan ao condutor dunha furgoneta por circular a 185 km/h na AP-9 á altura de Abegondo

0

A Garda Civil de Tráfico denunciou a un condutor que foi detectado circulando nunha furgoneta a 185 km/h pola autoestrada AP-9, á altura de Abegondo (A Coruña).

Os feitos ocorreron o pasado 21 de novembro, cando axentes do Destacamento de Tráfico da Coruña estaban a realizar un control de velocidade mediante radar. A dotación detectou o paso dunha furgoneta a 185 km/h, o dobre do límite legal para este tipo de vehículos, que é de 90 km/h en autovías e autoestradas.

Debido ás adversas condicións meteorolóxicas do momento e á escasa visibilidade, os axentes priorizaron a seguridade viaria e optaron por non iniciar a persecución do infractor. As actuacións foron derivadas ao Grupo de Investigación e Análise de Tráfico (GIAT).

As pescudas permitiron a plena identificación do condutor, un veciño da Coruña, ao que se lle instruíron dilixencias como investigado por un presunto delito contra a seguridade viaria.

De acordo co artigo 379 do Código Penal, superar en máis de 80 km/h o límite permitido en vías interurbanas pode carrexar penas de prisión de 3 a 6 meses; multas de 6 a 12 meses ou traballos en beneficio da comunidade (de 31 a 90 días); e privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por un período de entre 1 e 4 anos.