Inicio Blog Páxina 214

A rapazada “cambiamundos” do CEIP San Francisco Xabier regueifa pola xustiza social

Máxico o proxecto que están a desenvolver o CEIP San Francisco Xavier coa ONG Solidariedade Internacional no marco do Encontro O Globo. Unha iniciativa que convirte á cativada dos barrios de Catro Camiño e a Cubela, en auténticos axentes do cambio global.

De feito, o alumnado de 1ºB de Educación Primaria xa teñen novo alcume: “A tribu cambiamundos”, e están facendo unha marea de actividades para escoitar, e para ser escoitada.

Con esa intención naceu o “Nós tamén contamos!”, unha experiencia educativa transformadora que será presentada o vindeiro venres 13 de xuño no VII Encontro de O Globo, como exemplo dunha infancia activa, consciente e comprometida.

Debuxo do proxecto do CEIP San Francisco Xavier
Debuxo do proxecto

Partindo da lectura dos xornais na propia aula, as nenas e os nenos comezaron a ser conscientes das grandes problemáticas que afrontamos como sociedade: a guerra en Gaza, o problema da vivenda ou o proxecto de macrocelulosa Altri impactaron profundamente no alumnado, que non lograba comprender que as persoas adultas tomasen este tipo de decisións sen ter en conta os Dereitos Humanos e do planeta, nin tampouco a inacción ante problemáticas de tal magnitude. A partir de aí, iniciouse todo un proceso de investigación, de reflexión colectiva e de creación de propostas para tratar de cuestionar aquilo que non lles gustaba, sendo conscientes de que realmente, o reto en estaba en que debían conseguir que as súas voces fosen escoitadas e valoradas.

Proxecto Globo de Solidariedade Internacional no CEIP San Francisco Xavier

Ao longo do proceso, fixeron exposicións, actividades cooperativas, accións artísticas, cafés-diálogo e mesmo un obradoiro con Solidariedade Internacional de Galicia para coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, vencellándoos aos conflitos que foron identificando e entendéndoos como un compromiso que toda a cidadanía debe asumir.

E como colofón, converteron as súas demandas nun manifesto que logo derivou nunha regueifa reivindicativa, feita coa melodía dunha das pandeireteiras homenaxeadas nas Letras Galegas, para reclamar, alto e claro: “O futuro precisa de nós: escoitádenos!”

A nova Eva Castineira do CEIP San Francisco Xavier
A nova Eva Castiñeira do CEIP San Francisco Xavier

A súa voz chega agora a Santiago para formar parte do VII Encontro de O Globo, unha cita de referencia para iniciativas de transformación social en Galicia que, ano tras ano, acolle a numerosos colectivos sociais e centros educativos para poñeren en común as iniciativas que desenvolven para facer do mundo que habitamos un lugar máis xusto, humano e habitable.

Mäis novas

Formar mestres para converter as aulas en centros de transformación social

Cambiando os patios escolares para que non reproduzan desigualdades

Rosario Flores presentará o 13 de decembro na Coruña ‘Universo de Ley’

Rosario Flores regresa á Coruña para presentar en directo o seu novo disco, ‘Universo de Ley’, coa súa xira homónima que resume máis de tres décadas de carreira musical e na que interpretará grandes éxitos. Segundo traslada o Concello da cidade herculina, xa están á venda as entradas para esta cita musical que terá lugar o 13 de decembro no Palacio da Ópera. “Recoñecida polo seu inconfundible estilo que fusiona flamenco, pop e ritmos latinos, Rosario Flores é unha figura indispensable da música española”, engade.

Ao longo dos seus máis de 30 anos de carreira, esta artista lanzou unha quincena de discos e recibiu numerosos recoñecementos entre os que destacan tres Grammys Latinos, doce Discos de Platino, tres Premios Ondas e a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. En concreto, o álbum que presenta nesta xira é unha homenaxe aos seus inicios e nel volveu a gravar os seus primeiros éxitos a dúo con grandes figuras mundiais da música hispana, explica o consistorio.

Cinco feridos na Coruña tras un incendio dun edificio okupado na rúa da Barrera

0

Un incendio calcinou por completo un edificio okupado na Coruña, na rúa da Barreira, deixando ademais cinco feridos que foron atendidos no propio lugar dos feitos. Segundo informou o 112, ao redor das 3.00 horas deste martes dúas chamadas de particulares alertando do lume facilitaron a intervención dos recursos de emerxencias para facer fronte ao incendio, que comprometía a totalidade do edificio.

O servizo de emerxencias solicitou a intervención dos Bombeiros da Coruña, dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia e o apoio dos axentes da Policía Local e Nacional. Destacan que a complexidade do incendio, propagado por todo o inmoble, obrigou a prolongar as horas de traballo dos equipos de extinción. Ás 7.00 horas, os bombeiros confirmaron que o incendio estaba controlado e asumían xa as tarefas de arrefriado e ventilación.

Aínda que hai danos nos edificios lindeiros, afirman que non suficientemente graves como para desaloxalos. En canto aos feridos, cinco persoas foron atendidas no punto, de idades comprendidas entre os 38 anos e os 59 anos. Ademais, outra persoa, un home de 51 anos, tivo que ser trasladado ao Hospital da Coruña por causas alleas ao incendio.

Cortes no tráfico de Alfonso Molina polas obras de remodelación

As obras de remodelación na avenida de Alfonso Molina, na Coruña, provocarán afectacións no tráfico este martes, día 10, a partir das 10.00 horas. Produciranse afectacións no ramal de saída cara a rúa Ginebra, sentido saída da cidade. Permitirase o acceso cara á Zapateira, inmediatamente despois da gasolineira Repsol.

Os destinos principalmente afectados son o Hospital Quirón e o colexio Peñarredonda, existindo itinerarios alternativos por ese motivo. Os accesos á fábrica de Coca-Cola durante ese día foron coordinados cos responsables da planta. Utilizarase o punto de saída de vehículos pesados como de entrada e saída. O corte efectuarase desde as 10.00 ata as 20.00 do martes 10 de xuño. As actuacións consistirán na execución de traballos de localización da tubaxe de abastecemento.

Así será o dispositivo de seguridade para o San Xoán

Unhas mil persoas conformarán o dispositivo de seguridade con motivo da celebración do San Xoán na Coruña, segundo informou a alcaldesa, Inés Rey, tras presidir a Xunta Local de Protección Civil. Foi nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que participou tamén a artista Laura Pato, que deseñou o cartel deste ano. Nunha festa de Interese Turístico Internacional na que se prevé a asistencia dunhas 150.000 persoas só na zona das praias e a súa contorna, haberá unha repartición de máis de 120 toneladas de madeira, con puntos para a súa distribución que estarán desde o día 22 a cargo de 43 persoas.

O dispositivo de seguridade estará coordinado desde o Centro de Mando Móbil, que se situará, como cada ano, na Coraza. Comezará oficialmente ás 05.30 horas do día 23. Os cortes de tráfico no paseo marítimo produciranse a partir das 19.00 horas e o baño estará prohibido ás 22.00 horas. Haberá un posto médico, 12 cámaras de vixilancia, distribución de colectores para a reciclaxe e un servizo especial de salvamento e socorrismo, que disporá de dúas embarcacións para emerxencia, ademais de bombeiros e outros efectivos.

A alcaldesa da Coruña incidiu en que non se poden baixar “cousas de casa” para queimar nas fogueiras e que tampouco se pode facer acampada para gardar un sitio, facendo un chamamento especial aos pais para que non deixen que os seus fillos ou fillas o fagan. Para animar a participar na campaña de recollida de vidro repartiranse 3.000 entradas para o Aquapark de Cerceda. Como en anos anteriores, a rexedora Inés Rey fixo un chamamento á “responsabilidade” e ao coidado dos areais coa recollida e reciclaxe do lixo. Todo para que o día 24 poidan, unha vez limpas as praias, volver ser usadas pola cidadanía en xeral. Para iso, procederase ao desaloxo e limpeza das mesmas a partir das seis da mañá dese día.

A Deputación da Coruña ofrece colaboración institucional para a recuperación dos murais de Lugrís da rúa Olmos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, ofreceu colaboración institucional para a recuperación dos murais de Urbano Lugrís, situados na rúa Olmos, da cidade herculina, e que a Xunta adquiriu. Tras a reunión mantida recentemente polo Concello da Coruña e a Xunta, para concretar as actuacións a seguir, e ante a ausencia do organismo provincial no encontro, Formoso vinculouno a “problemas de axenda”.

Respecto diso, incidiu no apoio da Deputación da Coruña para manter o patrimonio “en todos os puntos cardinais da provincia” e no feito de que non recorran “a ningunha outra administración”. “Facémolo co noso orzamento”, recalcou para asegurar que non entende “o papel preponderante” da Deputación ante os chamamentos de Xunta e Concello para que estean presentes en próximas reunións.

Este xoves irá a xuízo o acusado de proferir insultos racistas nun centro de Oleiros

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña celebrará o día 12 o xuízo contra un home por vexar e denigrar a certos usuarios das instalacións deportivas de Dorneda, no municipio coruñés de Oleiros, por razón da cor da súa pel. Tras un erro en relación aos sinalamentos deste martes e os escritos de cualificación, finalmente será o xoves cando terá lugar a vista na que está prevista que se chegue a un acordo de conformidade entre as partes.

Segundo recolle o escrito de cualificación fiscal, o acusado proferiu cara a outra persoa, en xuño de 2022 e en reiteradas ocasións diante dos demais usuarios e monitores do centro, así como de menores de idade, expresións como “negro de merda, volve en patera, vaiche a África” tendo que intervir o monitor da sala. Días despois, o procesado atopouse con esta persoa e pediulle desculpas, pero ao contestarlle este con un “ok”, volveu reiterarlle os mesmos insultos e expresións, tendo que intervir o monitor. O mesmo fixo nos vestiarios con outro home, que se atopaba cos seus fillos de pouca idade. Isto motivou que fose expulsado do centro.

A Fiscalía cualifica os feitos como constitutivos de dous delitos cometidos con ocasión do exercicio dos dereitos fundamentais e liberdades públicas en concurso con dous delitos contra a integridade moral. Por iso, pide unha pena de 20 meses de prisión.

Os irmáns Tallón Charlón xa teñen o seu “stolpersteine”

0

Nova conmemoración da nosa memoria histórica a realizada esta fin de semana na cidade, coa colocación de dúas novas lousas “stolpersteine”. A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) coa colaboración do Concello, achegábase dende a praza María Pita ata o antigo fogar dos Tallón Charlón, no nº. 14 da rúa da Franxa, para colocar estas ‘pedra de tropezar’, e render homenaxe aos irmáns Enrique e Francisco Tallón Charlón, coruñeses exiliados nos anos da Guerra Civil e que foron vítima da represión nos campos de concentración nazis durante a II Guerra Mundial.

Enrique e Francisco, nados nos anos 1912 e 1916 respectivamente, viviron o horror de campos de exterminio como Mauthausen. O primeiro deles morreu en decembro de 1941, tras o seu traslado ao de Gusen. Francisco, que conseguiu sobrevivir, faleceu a inicios dos oitenta na localidade austríaca de Linz.

Homenaxe aos irmans Tallon Charlon na Coruna

No acto, ademais do Concelleiro Gonzalo Castro,  participaron a voceira da ARMH en Galicia, Carmen García Rodeja, o investigador David Lozano e a activista Silvia Dinhof-Cueto —filla de deportados e amiga da familia Tallón Charlón—, acompañados por Maruxa Boquete na lectura de poemas programada no contexto da homenaxe aos irmáns, que tamén contou coa música da gaiteira Erea Estévez.

 

Máis novas de Memoria Histórica

Chisco Fdez. Naval: “Meus fillos tiñan que saber”

A ARMH instala 10 novos stolpersteine lembrando víctimas do fascismo

O Concello da Coruña acolle a entrega ás súas familias dos restos de tres vítimas do franquismo en 1936

“Os tempos son chegados”: Monge consegue o compromiso municipal para eliminar os 378 símbolos franquistas da cidade

O home que matou á súa parella no Birloque pide a absolución porque “tiña as súas facultades mermadas”

A defensa do home condenado a 23 anos de cárcere por asasinar á súa parella no barrio coruñés de O Birloque, en setembro de 2021, solicitou a súa libre absolución alegando eximente completa ao considerar que “tiña afectadas as súas facultades” no momento dos feitos.

El non lembra o que pasou, o único que lembra é un charco de sangue, entendemos que tiña as súas facultades totalmente mermadas”, argumentou a súa letrada, en declaracións aos medios, antes da vista de apelación celebrada este luns no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tras o recurso presentado pola pena imposta ao seu cliente. Fíxoo tras incidir en que o home “ten adiccións e consumira alcol” o día dos feitos.

No entanto, engadiu que de non contemplarse a absolución do seu defendido pide “rebaixar a condena ao mínimo establecido, ao redor dos 15 anos”. En contraposición a esta exposición, o letrado da acusación particular — que representa a unha filla da falecida — recalcou en Sala que “os feitos están absolutamente acreditados por unanimidade no veredicto do xurado”, o cal, apuntou, “dá conta da solidez e contundencia” dos mesmos. Por iso, reclama a condena máxima, 25 anos, ao considerar que “non hai circunstancia atenuante nin eximente que xustifique pór unha pena máis baixa”. “A proba pericial é contundente”, incidiu.

Pola súa banda, o representante do Ministerio Fiscal pediu que se ratifique a sentenza de 23 anos de prisión ao sinalar que a mesma presenta “razoamento suficiente para manter a condena”.

Incendio de masa forestal en Cambre

0

Os bombeiros do parque provincial de Arteixo foron requiridos este domingo pola tarde por un incendio en O Amorne, no concello coruñés de Cambre. O aviso deuno o 112 ás 20.05 horas e arderon entre 200 e 300 metros cuadradados de maleza con restos de lixo.

Por outra banda, solicitáronse os servizos dos bombeiros do Eume para a apertura dunha vivenda nas Pontes, nunha vivenda na rúa Cabanas. A solicitude de asistencia chegou do 061, indicando que a persoa que vive na vivenda non respondía. Tras proceder á apertura da vivenda, os profesionais viron que a persoa se atopaba ben.