O sábado 15 de marzo celebrouse na Coruña a gala de entrega dos VIII Premios Educa Abanca. Mellor docente de España 2025. Alí estivo Fina Paulos (natural de Santa Marta Babío (Bergondo), profesora do Departamento de Informática do IES Maximino Romero de Lema, acadando nada menos que o segundo premio na categoría de Educación Secundaria e Bacharelato.
Da súa longa traxectoria profesional destacamos nos últimos anos o seu intenso traballo con proxectos innovadores que teñen a intelixencia artificial como ferramenta para a inclusión, a aprendizaxe e a motivación. Entre as súas actividades, cómpre destacar o fomento do uso responsable da Intelixencia Artificial no ensino, conseguindo numerosos premios en certames escolares, mesmo creando un libro sobre o uso cotián da IA e dando charlas pola Costa da Morte.
A carta de agradecemento de Fina Paulos foi así:
“Recibir este recoñecemento é unha honra inmensa para min. Non só polo que representa a nivel persoal, senón porque pon en valor algo no que creo profundamente: a educación pública, rural e galega. En primeiro lugar, quero agradecer a EDUCA pola organización deste evento, clave para poñer en valor a figura dos docentes, algo francamente necesario nos tempos que corren.
Desde o IES Maximino Romero de Lema de Baio, levamos anos demostrando que o lugar onde se aprende non debería marcar os límites do que se pode conseguir. A educación no rural é sinónimo de proximidade, de comunidade e de oportunidades para o alumnado. O noso IES é un centro pequeno, onde todos nos coñecemos, aprendemos cada día que a calidade do ensino non depende do tamaño, orzamento nin a localización, senón do compromiso e a ilusión que poñemos en cada proxecto e a nosa paixón pola profesión docente. Este galardón é tamén un recoñecemento ao traballo do noso alumnado, porque foron eles os que iniciaron este camiño ao nomearme. Non hai maior satisfacción para un docente que saber que os seus alumnos valoran o esforzo, senten que aprenden e perciben que constrúen o seu futuro en cada sesión na aula. Nos últimos anos, traballei intensamente en proxectos innovadores que teñen á intelixencia artificial como ferramenta para a inclusión, a aprendizaxe e a motivación. Comparto a convicción de que a educación ten que ir máis alá das aulas e conectarse coa sociedade real. A educación pode e debe cambiar o mundo e isto ten que labrarse cada día nos nosos centros educativos. Gustaríame compartir este recoñecemento con todos os meus compañeiros do IES de Baio, especialmente, con Óscar Manuel Rey Calo (co que traballei e sego traballando en multitude de proxectos), co meu alumnado, coas súas familias e con todas as persoas que cren, coma min, que a educación é a clave para cambiar as vidas das persoas.
Por último, se mo permiten, gustaríame agradecer dun xeito moi especial, o apoio da miña familia en particular, ás miñas fillas Sofía e Irene por todo o tempo que lles roubei adicándoo á miña profesión, á miña gran paixón, a educación. Sen eles, nada disto sería posible. Sigamos traballando para que o ensino público, rural e galego siga sendo un referente de calidade, inclusión e innovación. Grazas infinitas por este recoñecemento.
Este pasado mércores comezaron as actuacións preliminares ao comezo das obras de remodelación dos Cantóns, na cidade herculina, segundo informa o consistorio.
“Unha ambiciosa intervención que se porá en marcha nas próximas semanas”, sinala o consistorio que levará a cabo un investimento de máis de seis millóns de euros para reurbanizar os espazos públicos entre a praza de Mina e a sede da Autoridade Portuaria.
Esta actuación marca a fase cero da apertura do porto á cidade, “un plan progresivo co que o goberno municipal, en colaboración con todas as administracións implicadas, está a traballar para lograr unha integración total dos peiraos coa paisaxe urbana da Coruña”.
Ademais do balizamento das zonas de actuación, xa visible na rúa Alcalde Manuel Casas, e da identificación e marcado de servizos, tamén se irán montando as instalacións auxiliares das obras. Con todo, a remodelación en si non comezará ata dentro de varias semanas e levará a cabo en fases diferenciadas para minimizar o impacto en termos de mobilidade e alteracións ao tráfico.
Hoxe luns, comezan as demolicións
As obras de reurbanización dos Cantóns avanzarán o luns coas primeiras demolicións da mediana, que non suporán restricións ao tráfico.
O Concello comeza xa coa retirada progresiva da medianeira axardinada existente no treito entre o Obelisco e o Teatro Colón.
Esta intervención é necesaria para facilitar os traballos posteriores e tamén para delimitar os espazos de paso de tráfico rodado no desenvolvemento das obras.
A este respecto, a partir do luns, así como nos días posteriores, procederase ao pintado en
amarelo e á instalación da sinalización que especificarán as zonas de obra, e manterase un carril por sentido para o paso do tráfico rodado. A demolición da medianeira é fundamental neste contexto, xa que tras a súa retirada, e co aglomerado reposto, será posible recolocar os carrís, cando sexa necesario, para o paso de vehículos nas diversas fases de execución.
Hoxe luns, día 17, arrincarán as obras correspondentes á primeira fase da humanización da rúa Sagrada Familia, unha intervención coa que o Concello dá continuidade ao plan de ampliación da Rolda Peonil, que estenderá o seu percorrido rumbo á Agra do Orzán.
Os traballos de reurbanización levaranse a cabo no treito comprendido entre as rúas A Nosa Señora da Luz e San Xaime, unha superficie de 1.640 metros cadrados onde se remodelarán os espazos públicos, transformaranse a calzada e as beirarrúas actuais para configurar, finalmente, unha plataforma única onde haberá prioridade peonil e se manterá o acceso aos vehículos autorizados e de persoas residentes.
En total, o Concello destina 673.000 euros a esta intervención, que executará a UTE Jardinería Arce – Manuel Rivas Boquete nun prazo aproximado de 7 meses, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables para desenvolver os traballos.
Os preparativos de cara á posta en marcha das obras comezaron este venres, co alizamento das zonas de intervención e o marcado de servizos, tarefas que son habituais nos días previos á execución deste tipo de actuacións.
Redistribución do tráfico rodado nas rúas interiores do barrio
Ante o inicio das obras, o Concello definiu o dispositivo especial de redistribución do tráfico rodado nas rúas interiores do barrio da Sagrada Familia.
A posta en marcha deste dispositivo de mobilidade afectará, en liñas xerais, ás rúas Fe e Alberto Datas Panero, onde se sinalizarán cambios de sentido para facilitar o paso de vehículos. Estas variacións, visibles na infografía adxunta, manteranse cando rematen as melloras.
A Xunta acaba de licitar as obras de mellora na ponte de O Pedrido, que une os concellos de Bergondo e Paderne na desembocadura da ría de Betanzos e que inclúen a renovación total da súa iluminación, por un importe de 972.700 euros.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou este sábado a contorna para anunciar esta actuación, que se prevé adxudicar no verán e que estea finalizada a finais deste ano. As empresas interesadas nesta intervención teñen ata o próximo día 9 de abril para presentar as súas ofertas.
Trátase dunha actuación enfocada a pór en valor esta emblemática ponte na AC-164 e resaltar os elementos desta estrutura símbolo da historia e da enxeñaría en Galicia, que conecta os concellos de Bergondo e Paderne, e que segue sendo esencial desde a súa apertura para facilitar a comunicación entre A Coruña e Ferrol.
A nova instalación estará constituída por 194 proxectores LED e bañadores polos elementos da estrutura (pilas, nervios, arco e péndolas), e 35 luminarias LED de iluminación viaria, e resaltará todos os elementos da ponte: os valores arquitectónicos e estruturais.
Isto permitirá mellorar a eficiencia enerxética e o control da contaminación luminosa. En definitiva, segundo indicou a conselleira, unha iluminación, “en sintonía coa historia que atesoura este monumento”.
“A Coruña Pública” é un ambicioso proxecto de cartografía dos bens públicos existentes na nosa cidade, realizado polo grupo Ergosfera e por profesores dos departamentos de Xeografía da USC.
Un proxecto, elaborado xa na súa primeira fase, que ten como obxectivo realizar unha cartografía o máis precisa posíbel do patrimonio público no termo municipal coruñés, para o cal identifica todos os terreos e edificacións de titularidade pública e localiza aqueles bens patrimoniais que se achan actualmente en desuso.
Un xeito de poñer enriba da mesa os recursos, servizos e espazos, é dicir, o patrimonio público para que administracións e sociedade teñamos consciencia do que é de todos.
O proxecto necesita financiamento para desenvolver a súa segunda fase. De aí que este pasado xoves, no pleno de Nostián, o BNG presentase unha moción para buscar que o Concello apoie a iniciativa, tanto en financiamento, como na compartición de información e datos.
O edil de Urbanismo, Francisco Díaz, deixou claro que o PSOE ía votar a favor da moción, malia considerar que non é procedemento o levar esta iniciativa ao pleno. Indicou que non poderían asegurar aínda financiamento concreto para este proxecto, pero asegurou que facilitarán información, e que hai boa vontade para incluir este proxecto no visor municipal.
Lamentable a posición do PP que votou en contra da moción, falando máis tempo de orzamentos e a caducidade doutros contratos que da propia moción, e deixando claro que neste caso, o PP non considera apropiado axudar “un proxecto de investigación privado”, por estar entre o equipo de traballo xente que colaborou no seu día coa Marea.
Cómpre destacar, que o proxecto foi desenvolvido entre febreiro de 2024 e xaneiro de 2025 por profesionais do urbanismo Iago Carro Patiño (Ergosfera), Ramón Fernández Sánchez (Ergostera/Hábitat Social), Cristina Botana Iglesias (Departamento de Xeografía e Brais Estévez Vilariño (Departamento de Xeografía, USC), sendo financiado pola 2ª Convocatoria de Proxectos de Investigación do “Programa de Impulso á Investigación Universitaria en Tecnoloxías para o Ben Común” (2024) organizada pola rede Artigo9Tech, Enxeñería Sen Fronteiras e Arquitectura Sen Fronteiras.
Debería ter estado rematado en xaneiro deste 2025, pero o Mercado de Monte Alto non estará listo ata finais deste ano. Así o anunciou onte o Concello tras unha visita ás obras na que a comitiva municipal sinalou que “os traballos xa están ao 50% en termos de certificación”.
A obra un investimento de 10,4 millóns de euros —cofinanciados con fondos europeos—.
Actualmente, os operarios están a traballar nos exteriores do mercado para plantar 17 novas árbores, colocar as carpinterías de aceiro na futura fachada do edificio e, ademais, rematar as tarefas de instalación eléctrica tanto na escola infantil como nos locais veciñais. En paralelo, nos sotos do aparcadoiro, xa se están a habilitar os depósitos da instalación contraincendios.
A Garda Civil, no marco da ‘Operación Mamol Tenerife’, detivo e investigou a 19 persoas, residentes na provincia da Coruña e pertencentes a unha organización criminal que extorsionaba ás súas vítimas tras acceder estas a páxinas en internet de contido para adultos.
Segundo explican nun comunicardo, os axentes localizaron a máis de 300 persoas prexudicadas, ás que se estafou un total de 500.000 euros. A investigación iniciouse fai máis dun ano tras as denuncias presentadas polas vítimas en dependencias da Garda Civil da illa de Tenerife.
Segundo estas denuncias, as vítimas comezaron a recibir graves ameazas por mensaxería móbil, despois de introducir o seu número de teléfono e outros datos persoais en páxinas para adultos. Ditas ameazas ían acompañadas de vídeos que mostraban agresións físicas a terceiros e onde os extorsionadores exhibían armas de fogo e esixían pagos de diñeiro como condición para que as vítimas non sufrisen agresións similares.
Tal e como detalla a Garda Civil, esta práctica é coñecida como o timo do sicario. Por medio dela, os delincuentes introducen anuncios falsos en páxinas web dedicadas a ofrecer servizos para adultos de modo que, unha vez que a vítima os contrata, comeza a recibir ameazas por parte dun suposto sicario no caso de que non paguen unha determinada suma.
Por temor ás devanditas ameazas, en ocasións as vítimas acceden a pagar, aínda que os estafadores poden seguir coas súas coaccións e esixir máis diñeiro. Grazas a diversas análises informáticas e de documentos, terminais e liñas, os investigadores pescudaron que os extorsionadores realizaran máis de 370 actuacións delituosas con ese modus operandi, estafando 500.000 euros e enviando 180.000 euros a República Dominicana a través de diversas empresas.
A autoridade xudicial competente decretou o ingreso en prisión provisional de tres dos detidos. A operación foi desenvolvida polos Equipos de Investigación de Delitos Informáticos e Tecnolóxicos (EDITE) das Unidades Orgánicas de Policía Xudicial de Santa Cruz de Tenerife e A Coruña, sendo coordinada polo Xulgado de Instrución nº 3 da Coruña e a Delegación de Delitos Informáticos da Fiscalía Provincial.
O persoal de Vestas Eólica Galicia continuou este luns coa súa protesta en demanda dun convenio colectivo que consideran “digno”, secundando unha nova xornada de folga que incluíu unha concentración fronte ás oficinas da empresa no polígono de Agrela, na Coruña.
Segundo informou a CIG, a folga está a rexistrar un seguimento masivo, especialmente entre o persoal de campo, onde, segundo o sindicato, a adhesión é case total. A convocatoria inclúe sete xornadas de folga en resposta á actitude da empresa, que, segundo a CIG, mantén unha “nula vontade negociadora” e busca “recortar dereitos e reducir salarios”.
“Pedimos que haxa un convenio xusto, que paren de precarizarnos, que deixen de fragmentarnos, de compensar e absorber as melloras e de impedir que podamos conciliar a vida laboral e familiar”, explicaron os representantes sindicais.
A central sindical defende que as mobilizacións se manterán mentres a empresa non acepte abrir unha negociación en condicións para mellorar as condicións laborais do persoal.
O director e compositor colombiano Juan Antonio Cuéllar será nomeado proximamente xerente do Consorcio para a Promoción da Música, segundo confirmou o Concello da Coruña. O nomeamento será oficializado na xunta ordinaria do organismo, prevista para a próxima semana.
A comisión de selección encargada do proceso pechou a súa deliberación e escolleu por unanimidade a Cuéllar para ocupar o cargo. O seu nome será presentado formalmente na reunión do Consorcio, onde se espera a súa aprobación definitiva.
Cuéllar conta cunha ampla traxectoria no ámbito musical, tendo exercido como director executivo da Orquestra Sinfónica Nacional e da Asociación Sinfónica Nacional de Colombia. Ademais, formouse na Pontificia Universidade Javeriana e na Escola de Música Jacobs da Indiana University Bloomington, nos Estados Unidos.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, valorou de forma positiva a incorporación de Cuéllar á xerencia do Consorcio, destacando o seu perfil profesional e a súa experiencia en xestión musical. Con este nomeamento, o organismo busca reforzar a promoción e dinamización da actividade musical na cidade.
A produtora galega Brava suma un novo fito na súa traxectoria. Con apenas un ano de historia, contan cunha doble nominación nos Premios Mestre Mateo, e xa rondan unha ducia de nominacións, e dous os galardóns (o ano pasado levaron premios por “Espazos en Branco”, de Bruno Arias e por “O Coidado” de Miguel Canalejo) as levan nos Goya do audiovisual galego. Pringadas T2 (ver na TVG) e A Moza que Abortou e o Contou (ver en Filmin) son finalistas na categoría de Mellor Serie Web, consolidando así a aposta de Brava por “un audiovisual innovador, xuvenil e feminista”.
Cristela Torres (A Illa de Arousa, 1995) e Bea Villar (coruñesa de 1998 que medrou en Oleiros e vive nos Mallos) crean hai xusto un ano esta produtora, coa idea de “transformar o audiovisual galego”. Aí é pouco. E polo camiño cruzáronse con outra rapaza Belén Puime (Coruña, 1998) que está cambiando a forma de contar as cousas. Coñecidas xa da carreira e do máster, unen os seus camiños para “crear contido innovador, cunha mirada nova e feminista, centrada en narrativas frescas e en galego”.
Mentres Brava ten producións en marcha como “Ratiña” (de Alicia Úbeda) ou “Contando historias” (con Xulia Lomba), Belén está inmersa tamén noutros proxectos profesional propios como guionista, produtora… pero tamén como creativa no departamento de CTV, a produtoria de programas como Luar, Land Rober, o Fogar das Margaridas… “Despois de facer o master en produción executiva, que quixen centrarme máis no desenvolvemeno de proxectos. Estiven nunha produtora de Madrid, e cando puiden volver, volvín, sen gañas de marchar, para facer proxectos dende aquí”, destaca Belén, que valora a boa saúde do audiovisual galego.
Belén Puime, á esquerda, na Gala Premios Agalega.gal
Bueno, doble finalistas aos Mestre Mateo… Xa esperando a cita deste sábado 15 de marzo en Lalín, non?
BELÉN: É certo que como somos académicas, xa temos estado e non estamos tan nerviosas como estivemos.
Hai dous anos fun con “Pringadas T1”, e foi algo drama; iamos moi hipe e despois algo de baixón. Pero este ano non vai ser drama non vai ser porque eu non vou chorar se non gaño. Este ano, e é unha das cousas que vou mencionar no discurso se gaño, este ano é o ano das webseries. Hai un hiperboom de profesionalidade, de calidade, de ver proxectos e flipar. Xa é moi difícil entrar entre os 4 primeiros. Calquera das propostas vai ser válida e creo que todas reflexamos cousas semellantes pero moi diferentes, somos amigas da nosa xeración…
BEA: Se non gañamos, non o imos sentir como unha derrota, porque coñecemos ao resto de finalistas e as valoramos moitísimo.
O certo é que hai un cambio tremendo, é que as webseries de hoxe en día, comparada de hai 3 anos, teñen un apoio moito máis firme.
E que provocou este cambio?
BEA: Dous alicerces funamentais: A primeira foi que sacaron unha convocatoria de AGADIC, na súa convocatoria de Talento para webseries, que só durou 2 anos, pero daban 15.000€, e con iso xa fas algo, e podes dar un paso adiante. E a segunda é que dende hai un ano está a plataforma AGalega que está apostando por esta clase de contidos. A plataforma foi impulsora deste formato, diso non hai dúbida, pero son orzamentos diferentes.
Ademais, a día de hoxe hai moitas produtoras en Galicia. Nós só levamos un ano, pero todos os proxectos que amadriñamos, que teñan unha mesma liña narrativa, cousas da mocidade, feitas por creadoras novas. Iso é o intentamos. Impulsar o talento mozo galego, porque o hai e moito.
Falades directamente de que a intención de Brava é fomentar a “transformación do audiovisual galego”. Carai non??
BEA: Había un oco de contido no audiovisual galego, e encher ese contido da xeración Z un pouco máis nova dende a propia xente nova. Contido de xente nova para a xente nova.
BELEN: Cando fixemos Pringadas por primera vez, viamos que a industria galega está nun bo momento, pero si que botamos en falta cousas para a xente nova e co noso idioma Creo que foi a clave de que Pringadas funcionase tan ben.
Carballo Interplay. Que importancia ten na vosa carreira e na de tanta xente moza que xa está triunfando no audiovosual galego e estatal?
BELÉN: Eu débolle toda a miña carreira profesional ao Carballo Interplay. Eu traballo no que traballo gracias a ter feito “Pringadas”, que é a miña carta de presentación, e por iso se non tivese saído ese primeiro e pequeno financiamento do festival carballés, ao mellor me tivese dedicado a outra cousa. Non podo dicir nada malo do Interplay. Eu fun en segundo de carreira, non cría que o dixital era o camiño, pero cando cheguei alí, volvín dicindo isto é ao que me quería dedicar.
Canto de necesario é falar, en prime time e na tele pública, de temas como a mestruación, das enfermidades de transmisión sexual, de saúde mental…
BELÉN: Eu creo que as mensaxes que transmitimos, son mensaxes xeracionais. Sería absurdo dicir que a xeración Z é a primeira xeración que fala disto. Todo mundo o contou, pero creo que contamos dunha maneira diferencial, a xente si que parou no papiloma, pero rupturas, ETS, romper cunha parella, ter relacións abertas… cada época tense que falar destas cousas porque é unha forma de acompañar a xeración que pasa. De feito, cando pasou o papiloma non tiña un referente en ficción sobre o tema, e a partir de aí si que houbo moita xente que se nos achegou, falando de que lle axudara.
Ademais, falando con luminosade e naturalidade destas cousas.
BELÉN: Non quero facer un hiperdrama de cousas que pasan na vida normal. Cando me dixeron que tiña papiloma se me acababa o mundo, pero agora ríome, e creo que as mozas teñen que ver tamén esa visión máis natural e menos escura.
E canto de necesario e ofrecer unha ollada feminina e feminista na tele e nas redes?
BEA: Ademais de contido de mocidade para mocidade, ao sermos dúas mulleres, intentamos rodearnos doutras mulleres porque hai sectores do audiovisual onde somos clara minoría. É certo que queremos tender unha man a xente que coñecemos, mulleres, LGTBI+ que non adoitan ter tantas oportinidades entre un home hetero. Se teño que escoller un home dun 8 e unha muller dun 8, escollo a muller. Hai mulleres moi competentes.
Como chega “A Moza que Abortou” e o contou a Filmin? Hai diferencia en estar posicionada en AGalega que en Filmin?
Belén: Estivemos nominadas no “Serializadas”, un dos festivais máis importantes de España, e ese feito dache a oportunidade de reunirte con varias produtoras, entre elas con A3media ou Filmin. Esta última deixaba a porta aberta a que se quixeramos meter algo en Filmin que falásemos. E lles gustou, e adiante. Agalega e Filmin son cousas diferentes. Co de Filmin, é a primeira vez que unha serie en galego dirixida por unha muller logra estar nunha plataforma. E por outro lado Pringadas é das poucas series orixinais que ten agalega.gal, que financia e produce a TVG. Son dous fitos diferentes, en dúas plataformas moi diferentes pero ambas importantes.
Contodo, non parece que haia moito contido en galego nas plataformas, non?
Si que hai contido en galego nas plataformas, a maioría das series en galego está nas principais plataformas pero tamén é verdade que nunca vai chegar o momento de dicir que hai o suficiente.