Inicio Blog Páxina 412

Nova protesta dos mariscadores do Burgo: “A situación económica é asfixiante”

Mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo denunciaron unha situación económica “asfixiante” e volveron a demandar axudas mentres non poidan faenar polo dragado e ata que a cría alcance a talla legal permitida para a súa recollida.

Así o expuxo, en declaracións a Europa Press, o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir, nunha nova mobilización con corte de tráfico na zona da Pasaxe, nos accesos da Coruña e nun dos carrís.

“Seguimos á espera de que o Goberno central e a Xunta cheguen a un acordo“, indicou Baldomir, que explicou que a Confraría de Pescadores fixou unha nova mesa de negociación para o 19 de agosto, con convocatoria tanto a representantes estatais como autonómicos.

“A situación segue sendo dura dado que non hai ningún tipo de ingreso“, expuxo sobre o colectivo. Ademais, sinalou que por parte do Goberno central “débese” aos mariscadores e mariscadores os meses de xaneiro a abril. “É imposible aguantar tanto tempo facendo pagos de Seguridade Social e outros, a xente está moi asfixiada economicamente e psicoloxicamente e sen ver saída laboral”, apostilou.

A recollida do lixo na Coruña comeza a “normalizarse”, segundo Inés Rey

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, trasladou “nos próximos días” podería estar normalizada a situación respecto do lixo acumulado nas rúas, ante a folga indefinida convocada polo persoal deste servizo.

“Parece que empeza a aumentar a recollida na quenda de noite coas novas contratacións da empresa”, expuxo ao ser preguntada tamén polo reforzo durante o día por parte de Valoriza, a empresa contratada ao declararse a emerxencia sanitaria e que agora actúa en dúas quendas, entre as 07.15 horas e as 23.15 horas.

En concreto, este luns púxose en marcha a nova quenda de limpeza tras a ampliación da emerxencia sanitaria a toda a cidade. Outros 22 operarios de Valoriza sumáronse aos 32 que xa estaban a traballar previamente.

Na xornada de onte, a empresa de emerxencia que reforza a recollida de residuos na cidade recolleu un total de 71,5 toneladas de lixo, sen incidentes. Desde a posta en marcha da recollida de emerxencia dos residuos acumulados nas rúas, os operarios de Valoriza xa recolleron un total de 747,5 toneladas.

Por outra banda, durante a noite do luns 5 a este martes 6 de agosto non se rexistrou ningún incidente por queima de colectores. Con todo, desde o pasado 24 de xuño, o Concello contabilizou “159 colectores queimados intencionadamente nos diversos distritos da cidade”.

Repudio ao crime machista da Coruña con concentracións e minutos de silencio en varios puntos de Galicia

0

Distintas localidades galegas acolleron este martes concentracións, con minutos de silencio, ante institucións para condenar o crime machista da Coruña, no que, presuntamente, un septuaxenario asfixiou á súa muller, de 74 anos, na noite do xoves ao venres.

Foi ante o consistorio coruñés, igual que noutros concellos, pero tamén en delegacións territoriais da Xunta e a sede desta en San Caetano. No acto convocado na praza de María Pita, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, confirmou que segue aberta a investigación con actuacións por parte da Policía Nacional, ante a que o home, que ingresou en prisión por delito de homicidio, sostivo que lla atopou morta.

En declaracións aos medios, noutro acto convocado na cidade e tras participar xunto a edís do consistorio coruñés no minuto de silencio, a rexedora coruñesa, Inés Rey, incidiu en que a cifra de 28 mulleres asasinadas no que vai de ano é un dato “insoportable”. “Non descansaremos ata que a cifra sexa de cero, máxima condena e repulsa á violencia de xénero e a condena aos que a negan e recortan en políticas de igualdade”, sentenciou tamén.

En Santiago de Compostela, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e a de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeless Vázquez, así como outros membros do Goberno galego, participaron nun minuto de silencio ante a sede da Xunta en San Caetano.

A titular de Igualdade reiterou a repulsa do Goberno galego “a calquera tipo de violencia de xénero” e destacou que situacións como esta “constatan que aínda queda moito traballo por facer”. Así mesmo, dirixiuse a todas as mulleres vítimas de violencia de xénero para que denuncien a través dos recursos á súa disposición como o teléfono confidencial e anónimo 016 ou os centros de información á muller.

Ademais, na praza do Obradoiro gardouse tamén un minuto de silencio. Membros da corporación municipal e persoal do Concello de Santiago de Compostela participaron no acto, no que se ha guadado un minuto de silencio en memoria da muller asasinada, mostrando así a súa condena e solidariedade.

“Descoordinación” ao remolcar un avión provocaron a amputación dunha perna a un operario en Alvedro

0

O operativo para remolcar un avión no aeroporto de Alvedro o pasado 14 de xullo estivo marcado pola “descoordinación e apresuramento”, o que provocou un accidente que se saldou coa amputación da perna dun operario.

Así o recolle a información preliminar da Comisión de Investigación de Accidentes de Aviación Civil –dependente do Ministerio de Transportes–, que deberá publicar un informe técnico final coas conclusións. O suceso tivo lugar preto das 20,00 horas do 14 de xullo, cando a aeronave Airbus 320 “estaba a ser remolcada cara atrás con xiro na plataforma para orientala en rodaxe con dirección norte cara á cabeceira da pista 21 por medio dun tractor con barra”.

Segundo recolle a ficha de investigación aberta, houbo dificultades ao desenganchar a barra de pulo do tractor polo operario. “Ao tentar solucionar o problema produciuse unha certa descoordinación e apresuramento entre os operarios de terra: coordinador, operario da barra e operario do tractor, de modo que se acumularon varias accións desviadas dos procedementos operativos”, expoñen as indagacións.

Neste proceso pediuse á tripulación que liberase o freo de aparcadoiro do avión e o operario que manexaba o tractor baixouse deste. De tal forma, o operario, “no intento de soltar ou desenganchar a barra de pulo do avión, quedou atrapado e unha roda do tren de morro lesionoulle gravemente unha perna”.

Finalmente, o home recibiu auxilio médico no lugar dos feitos e, posteriormente, foi trasladado ao hospital. Necesitou ser intervido cirurxicamente debido á amputación dunha perna.

‘Mulleres Afronte’, a arte feminina como ferramenta de transformación social

0

Acolleu a CUAC FM unha das primeiras iniciativas do proxecto Mulleres Afronte. Liderado pola USC e a ONG Ecos do Sur, a iniciativa trata de poñer en valor a creación artística de mulleres migrantes no país, experimentando esa arte, como ferramenta de transformación social.

O proxecto trata de investigar e promover experiencias como as que levan protagonizando durante décadas as batukadeiras de Cabo Verde na Mariña lucense, así como outras propostas que serviron para unha mellor integración social das mulleres migrantes no país.

O primeiro encontro reuniu na emisora comunitaria herculina tres das artistas de Mulleres Afronte (Miriam Sandoval Guiraldes, Kirenia MARtínez Acosta e Aranxa Vicens Cortés), que  participaron no Programa de Cuac FM “Escuela de Familias”, promovida por Accem e presentada por Yosi Hatillo.

Mulleres Afronte na CUAC FM
Mulleres Afronte na CUAC FM

En setembro os máis de 30 artistas participantes no mapeo poderán reunirse nunha xornada de diagnóstico para avanzar nunha visión conxunta sobre o situación do sector. Nos próximos meses celebraranse edicións de Wikipedia para crear colectivamente artigos de artistas con vínculos migrantes, como forma de aumentar a visibilización deste colectivo, e o proxecto pecharase en 2024 cun evento artístico e presentación de resultados.

Así, o proxecto tratará de fomentar estes emncontros entre unha vintena de artistas con vínculo migratorio (inmigrantes, emigrantes retornados, descendentes de emigrantes…) que desenvolven proxectos de culturais no noso país, nos ámbitos da música, danza, teatro ou performance, por exemplo.
Espazos sen precedentes no comunidade, que crean ambientes creativos nos que planificar accións futuras actividades conxuntas, explorar sinerxías e colaboracións e compartir situacións e problemas común.

 

 

Minuto de silencio en homenaxe a Mercedes Ríos: a subdelegada pide unidade contra a violencia machista

0
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidiu este acto de  condena e de dor por este crime, que cualificou de inaceptable. Nas súas palabras, remarcou que “cada muller que é vítima dunha agresión, dun homicidio ou de calquera manifestación desta violencia fainos retroceder como democracia e como sociedade libre”. E reiterou o compromiso inquebrantable do Goberno pola defensa da igualdade e dos  dereitos e a seguridade das mulleres: “debémosllo a Mercedes e debémosllo ás máis de 5.400 mulleres que hoxe en Galicia están baixo a protección do sistema de seguimento policial viogen”
Antes de gardar o minuto de silencio, María Rivas trasladou as condolencias e o afecto en nome propio e do Goberno á familia de Mercedes, acompañada por traballadores e traballadoras da Delegación do Goberno e por integrantes das forzas e corpos de seguridade do Estado. Entre eles atopábase o xefe superior de Policía de Galicia, Ramón Gómez; e o tenente coronel da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Jorge Bodelón. Tamén asistiron a xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia de Xénero da Delegación, María Debén, e a concelleira de Benestar social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña, Nereida Canosa, e a concelleira de Infraestruturas do mesmo Concello, Noemí Díaz.
CONFIRMACIÓN
A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero cualificou esta mañá o crime de Mercedes Ríos, de 74 anos, como crime machista, o que o converte no 69 cometido en Galicia dende o ano 2003.
Con Mercedes, son 7 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas no que vai de ano en España. Desde o inicio das estatísticas en 2003, 1.272 mulleres foron asasinadas en España por crimes machistas. “Cada un deses nomes reafirma o compromiso deste Goberno pola erradicación da violencia gratuíta e sen sentido que sofren as mulleres só polo feito de ser muller”, remarcou a subdelegada.
RECURSOS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA
O Ministerio de Igualdade, a través da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, quere lembrar que o teléfono 016, as consultas en liña a través do email 016-online@igualdad.gob.es, a canle do WhatsApp no número 600 000 016 e o chat en liña, accesible desde a páxina web violenciagenero.igualdade.gob.es/, funcionan as 24 horas, todos os días da semana. No 016 pódese pedir asesoramento sobre os recursos dispoñibles e os dereitos das vítimas de violencia de xénero, así como asesoramento xurídico de 8 h a 22 h todos os días da semana, con atención en 53 idiomas e un servizo adaptado a posibles situacións de discapacidade.

 

DECLARACIÓN DE SÁNCHEZ

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, trasladou a súa “repulsa” tras confirmarse o caso unha muller de 74 anos asasinada o pasado venres na Coruña, presuntamente a mans do seu marido, e pediu “unidade, recursos e firmeza” para loitar contra a violencia de xénero. “Todo o meu agarimo para a familia e amigos da muller asasinada pola violencia machista na Coruña”, expresou Sánchez este luns nunha mensaxe publicada na súa conta da rede social ‘X’.

Ademais, o presidente do Executivo insistiu na importancia de pór recursos para loitar contra a violencia machista e conseguir unha “sociedade xusta”. “Unha sociedade xusta e avanzada é incompatible coa violencia de xénero. Unidade, recursos, repulsa e firmeza fronte a esta violencia estrutural. Se es vítima, chama ao 016”, subliñou.

Modestia Aparte, Los Toreros Muertos, Amistades Peligrosas e OBK, este martes nas festas de María Pita

Modestia Aparte, Los Toreros Muertos, Amistades Peligrosas e OBK actuarán este martes dentro das festas de María Pita e o festival ‘Tolos pola música’, que comezará ás 20.30 horas. Será, explica o Concello da Coruña, dentro da programación prevista con propostas para todos os públicos. Xunto a eles estarán Un Pingüino en mi Ascensor e Hechizo, unha homenaxe a Héroes del Silencio.

Este martes tamén continuará o festival Noroeste Estrella Galicia, na súa sección de contos do Noroeste e Noroestiño que, por primeira vez, leva as artes escénicas a este evento musical. Roi da Costa forma parte da sección Contos do Noroeste e interpretará o seu espectáculo ‘A miña vida sendo outro’, un show de improvisación e imitación. Pola súa banda, na sección Noroestiño haberá un espectáculo musical para todos os públicos chamado ‘Home orquestra’.

Ademais este martes poderanse retirar as invitacións para asistir aos concertos programados no castelo de San Antón dentro do Festival Noroeste Estrella Galicia. Poderán retirarse nos despachos de billetes da praza de Ourense entre hoxe e o martes e en Ataquilla, a partir do martes. O festival incluirá tamén os concertos en praia de Riazor con Fillas de Cassandra; Xoel López e Crystal Fighters, o día 9, e o día 10 Triángulo de Amor Bizarro, Vetusta Morla e The Rapants.

Prisión provisional para o septuaxenario acusado da morte da súa muller

0

O arrestado por matar á súa muller na Coruña, falecida por asfixia, de acordo co resultado da autopsia, sostivo ante a Policía Nacional que a atopou morta, segundo datos facilitados pola subdelegada do Goberno na provincia coruñesa, María Rivas, tras gardarse un minuto de silencio ante a Delegación do Goberno en Galicia.

A parella, ela de 74 anos e el de 76 anos, convivían desde facía 45 anos nunha vivenda do barrio de Labañou, aínda que durmían en habitacións separadas e tiñan catro fillos, xa adultos. Os feitos producíronse na noite do xoves ao venres e foi ese mesmo día pola mañá cando o detido, que tras pasar a disposición xudicial ingresou en prisión provisional, comunicada e sen fianza, como presunto autor dun delito de homicidio, avisou dos feitos.

“O marido explica que, durante a noite, escoitou un ruído na habitación contingua na que dormia a súa muller”, relatou a subdelegada do Goberno na Coruña, que precisou que tamén sostivo que a falecida “caérase da cama”. “Atopouna no chan, procedeu a tapala para non ter que movela e volveuse á súa habitación e que, cando se levantou pola mañá, atópase á muller falecida“, engadiu sobre o exposto polo home nun primeiro momento. Axentes da Policía Nacional, tras ter constancia do sucedido, desprazáronse ao domicilio, situado no barrio de Labañou, e púxose en marcha unha investigación con toma de declaracións, entre elas ao home na comisaría.

SEN DENUNCIAS PREVIAS

Xa co resultado da autopsia e a confirmación de morte por asfixia da muller, procedeuse á súa detención e posterior pase a disposición xudicial para, logo, decretarse o ingreso en prisión, apuntou a subdelegada do Goberno que aclarou tamén que non había denuncias previas.

Cuestionada polo feito de que tardarse en transcender, remitiuse á propia investigación e ao protocolo existente nestes casos, pero tamén a que xa se apuntase por parte do Ministerio de Igualdade nas súas redes sociais a un posible caso de violencia de xénero, finalmente confirmado como crime machista.

ACTO DE CONDENA

Ademais, esta mañá gardouse ante a Delegación do Goberno en Galicia un minuto de silencio, acto no que María Rivas trasladou, en nome do Executivo central, unha mensaxe de apoio aos familiares e achegados á falecida. “Non nolos podemos permitir, esta sociedade non pode seguir sufrindo esta violencia tan brutal contra as mulleres polo feito de ser mulleres”, dixo tras o minuto de silencio tanto no acto como en declaracións aos medios de comunicación.

Por iso, instou a “seguir nesta loita de toda a sociedade”. “Cada vítima dunha agresión ou calquera manifestacion desta violencia fainos retroceder”, sentenciou. Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, cuestionada tamén sobre o sucedido, condenou tamén “esta secuela que nos arrasa como sociedade”. En concreto, trasladou a súa repulsa polo sucedido e as condolencias “á familia da muller asasinada”.

RUEDA CONDENA O CRIME

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, condenou este luns o último crime machista da Coruña, o segundo rexistrado en Galicia no que vai de ano, á vez que coincidiu na necesidade de intensificar as medidas de protección para as vítimas de violencia de xénero e tamén reforzar a concienciación. Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, o xefe do Executivo autonómico transmitiu a “máis firme condena” da Xunta ante o crime da Coruña. E aínda que trasladou que preferiría “non ter que facelo” porque non se producisen mortes de mulleres a mans das súas parellas, agregou que é preciso “reafirmar” o compromiso de loita contra a violencia machista a todos os niveis.

Así, coincidiu en que sería conveniente “intensificar” a protección ás vítimas, pero tamén as medidas de concienciación, dado que a problemática é máis complexa e, “por desgraza”, dixo, non se pode solucionar unicamente con reforzo de protección policial. De feito, aludiu á existencia de crimes machistas a pesar de estar vixentes ordes de protección e ser casos activos no sistema ‘VioGén’. Por iso, aínda que reiterou que apoia “todo o que sexa intensificar” accións fronte á violencia machista, lamentou que, “por desgraza, non é garantía de que non se vaian a seguir producindo asasinatos”. “Xa nos gustaría”, resolveu.

ANA PONTÓN, BESTEIRO E PEDRO SÁNCHEZ TAMÉN AMOSAN A SÚA REPULSA

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, tamén condenaron o crime machista da Coruña. “O machismo mata, hoxe sacódese Galicia co asasinato de Mercedes”, sinala Ana Pontón sobre a muller, de 74 anos, que, segundo o resultado da autopsia, morreu por asfixia no seu domicilio do barrio de Labañou. “Inmensa indignación ante unha violencia que non cesa, urxen máis medios e recursos para acabar co feminicidio”, sostén tamén a dirixente nacionalista.

Pola súa banda, o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, afirma que “hoxe outra muller foi silenciada polo terrorismo machista”. “Dóenos e indigna este novo asasinato, é crucial que nos unamos para erradicar a violencia”, engade. Faino en liña co trasladado tamén por outras autoridades, como a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, ou a subdelegada do Goberno nesta provincia, María Rivas.

Tamén o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, trasladou a súa “repulsa” tras confirmarse o caso, e pediu “unidade, recursos e firmeza” para loitar contra a violencia de xénero. “Todo o meu agarimo para a familia e amigos da muller asasinada pola violencia machista na Coruña”, expresou Sánchez este luns nunha mensaxe publicada na súa conta da rede social ‘X’.

O Colexio Fogar de Santa Margarida, un dos gañadores do concurso escolar ‘Contádenos o voso Día das Letras de Luísa Villalta’

0

Alumnado do CEIP Sada e os seus Contornos (Sada), do Colexio Fogar de Santa Margarida (A Coruña) e do CEIP da Espiñeira-Aldán (Cangas) foron os gañadores do concurso escolar ‘Contádenos o voso Día das Letras de Luísa Villalta’, convocado pola Real Academia Galega (RAG). A entrega dos galardóns terá lugar o próximo outono na Coruña.

En concreto, o centro de Sada promoveu o coñecemento da figura e da obra da autora con distintas iniciativas nas que o alumnado “se involucrou moi activamente”. Cómics sobre a escritora, unha estrevista radiofónica a exalumnos de Villalta e un festival con motivo da celebración do 17 de maio foron varias das propostas desenvolvidas ao longo do curso 2023-2024.

Así mesmo, os nenos e nenas levaron a escena unha adaptación de ‘Violino, inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta’, a historia escrita por Ana María Fernández e o académico correspondente Xoán Babarro para Primavera das Letras, contando con Óscar Villán como ilustrador. A primeira representación teatral celebrouse con motivo da presentación da última edición deste espazo dixital da Academia, en marcha desde 2016 con apoio económico da Deputación da Coruña.

Pola súa banda, o CEIP da Espiñeira-Aldán repite premio en recoñecemento a unha completa proposta de sete talleres. Cada un nomeouse cunha nota do petangrama, en referenica á faceta musical que sempre acompañou a Villalta, e dedicouse a profundar na súa vida e obra, así como a promover o uso do galego. Ademais, entre outras cousas, realizaron actividades de escritura creativa partindo de versos da autora sobre grandes temas da súa obra, un podcast sobre a homenaxeada, o Rosco Letras Galegas 2024 e propostas de acompañamento musical para versos do poeta.

No Colexio Fogar de Santa Margarida o alumnado de todos os niveis participou durante toda unha semana na ‘Xincana de Luísa Villalta’, cunha serie de xogos e pasatempos para distintas idades ao redor da vida e do legado literario da escritora. Os estudantes do centro coruñés foron ademais parte do equipo do vídeo ‘A Coruña de Villalta’, un traballo que implicou a nenos e nenas de distintos colexios de Escolas Católicas da Coruña.

O reforzo da recollida do lixo duplica o seu persoal

0

A Comisión de Seguimento da emerxencia sanitaria informaba esta mañá da posta en marcha do novo turno de limpeza a consecuencia da ampliación da emerxencia sanitaria a toda a cidade, que entrou en vigor hoxe mesmo. Outros 22 operarios de Valoriza, empresa de emerxencia que reforza a recollida de residuos na cidade, sumáronse este luns aos 32 que xa estaban a traballar previamente. Isto supón, en termos prácticos, un reforzo do 40 % na plantilla de operarios que está a executar a recollida de emerxencia.

Desde este luns “e mentres non se normalice a situación”, apuntou a rexedora, os equipos de Valoriza traballarán en dobre turno en horario diurno, de 7.15 a 15.15 horas, e de 15.15 a 23.15 horas.

 

Na xornada de onte, que non tivo ningunha incidencia por incendio de colectores (van un total de 159), a empresa de emerxencia que reforza a recollida de residuos na cidade, Valoriza, recolleu un total de 70 toneladas de lixo, sen incidencias.

Paralelamente, a empresa concesionaria Prezero continúa sufrindo a estrana folga indefinida que supostamente non está a secundar ningunha persoa traballadora cando se cumpre o seu 8º día, ao igual que nas anteriores xornadas.

Malia non haber ningún traballador en folga, as porcentaxes de recollida seguen sendo
prácticamente inexistentes nalgunhas zonas da cidade. Nesta noite non se rexistrou recollida de lixo en barrios como Matogrande e Eirís, mentres que no centro a recollida foi masiva.

Así foi, na pasada madrugada, o balance de recollida de lixo por parte da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, Prezero:

  • Monte Alto: 35%
  • Cidade Vella: 60%
  • Pescaría – Centro: 100%
  • Os Rosales – Labañou: 10%
  • Estadio: 100%
  • Ventorrillo – Agra do Orzán: 20%
  • Sagrada Familia: 80%
  • A Sardiñeira – Elviña: 30%
  • Os Mallos: 35%
  • O Castrillón: 30%
  • Os Castros: 55%
  • Matogrande – Eirís: 0%
  • Mesoiro – Feáns – Valaire: 15%