Inicio Blog Páxina 438

Detectan un caso de gripe aviaria nunha gaivota patiamarela en Oleiros

A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), mediante a Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun exemplar de gaivota patiamarela afectado pola influenza aviaria de alta patoxenicidade, resultado que foi confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

A ave foi atopada morta no concello coruñés de Oleiros e foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático. Alí, segundo informou a Xunta, tomáronlle mostras para analizalas no laboratorio e o cadáver foi eliminado conforme á normativa en vigor. Este novo caso é o primeiro confirmado en Galicia durante este ano.

A notificación deste foco, ao afectar exclusivamente a aves silvestres, non implica cambios no status sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional con respecto ao comercio de aves vivas ou produtos avícolas derivados con orixe en Galicia.

O Executivo galego lembrou que actualmente a valoración de risco de aparición de influenza aviaria a nivel de España segue sendo favorable. Desta forma, en Galicia hai certas medidas de prevención sanitaria nos sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).

Remata a acampada por Palestina na UDC

Estudantes da Universidade da Coruña (UDC) levantarán este sábado a acampada por Palestina. Farano ao considerar que as súas propostas están a ser “estudadas” e con “avances” respecto diso.

Así o expuxo un dos seus participantes, Ali Abuafash, que destacou o feito de que o propio reitor, Ricardo Cao, se achegara ata a acampada que mantiveron durante 23 días na zona da Facultade de Socioloxía, no campus de Elviña.

Foi tras concentracións previas na zona da Facultade de Ciencias da Educación nunha iniciativa en apoio a Palestina, con demanda, entre outras cuestións, de condena do “xenocidio”, e que logo se trasladou á zona de Socioloxía, con varias tendas de campaña.

Con reunións de grupo e outras actividades, como as programadas nesta xornada, entre elas propostas vinculadas á música e a poesía, pero tamén con charlas, destacaron o feito de que as súas propostas fosen escoitadas e que se creou unha comisión universitaria por Palestina.

Entre os seus obxectivos, está tamén que non se manteñan relacións con empresas vinculadas co “xenocidio” ou co propio Israel, en relación, especificamente, ás actividades vinculadas coa UDC. Ao considerar que se está traballando en relación ás súas demandas, optaron, finalmente, por levantar o campamento.

A Xunta avoga por unha “participación directa” das comunidades na xestión da Axencia de Intelixencia Artificial, con sede na Coruña

A Xunta instou ao Goberno a implicar ás comunidades autónomas para que teñan unha “participación directa e activa” na xestión da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, que terá a súa sede na cidade da Coruña. Así o defendeu este venres o conselleiro de Faenda e Administración Pública, Miguel Corgos, no marco da Conferencia Sectorial de Transformación Dixital, que sentou ao Goberno central, co ministro José Luís Escrivá á cabeza, con representantes dos executivos autonómicos.

No encontro, segundo recolle un comunicado da Xunta, Corgos aliñouse coas autonomías que reclamaron ao Goberno que as implique no proceso de transformación dixital e manifestaron o seu malestar por “non ser consultadas” na elaboración da Estratexia de Intelixencia Artificial.

Corgos lembrou que Galicia “foi unha das tres primeiras” comunidades do Estado en elaborar a súa propia estratexia de intelixencia artificial como recomendan as directrices europeas e defendeu a “aposta” por avanzar na especialización tecnolóxica como unha “oportunidade” para cohesionar o territorio, achegar servizos a zonas rurais e xerar riqueza. Así mesmo, avanzou que a Xunta aprobará proximamente o proxecto de lei para o desenvolvemento da IA en Galicia, que se converterá “na primeira lexislación deste tipo que se adopte nunha rexión europea”.

Peche na sede de Inditex para pedir unha negociación provincial

0

As delegadas da CIG nas tendas de Inditex da provincia da Coruña protestaron na sede da multinacional para reclamar que “cumpra o seu compromiso” e reabra a negociación provincial para abordar as “melloras laborais e sociais que quedaron pendentes”. Fontes de Inditex ratificaron que foron recibidas polo departamento de Recursos Humanos e subliñaron que a CIG xa forma parte da mesa nacional de negociación.

As delegadas da CIG din que queren “facer valer” con esta acción reivindicativa o seu dereito a poder negociar as súas condicións de traballo, do mesmo xeito que fan os compañeiros doutras empresas do grupo. A central sindical ratificou que “foron recibidas” polo persoal de seguridade e por outro departamento da empresa e que agora están “a esperar a ver que solución lles dan” porque insisten en expor a un responsable a súa reclamación dunha negociación provincial específica para A Coruña.

Segundo explicou a Central Sindical nun comunicado, o obxectivo é permanecer nas instalacións ata que a empresa “acceda a negociar” e concrete unha data para “retomar as reunións da mesa”. As delegadas da CIG queren “facer valer” con esta acción reivindicativa o compromiso trasladado por Inditex o pasado mes de decembro e “defender” o seu dereito a poder negociar as súas condicións de traballo, do mesmo xeito que fan os compañeiros doutras empresas do grupo. Neste sentido, criticaron a política de Inditex de “afastar e centralizar” as relacións laborais en Madrid e a insistencia nunha “negociación estatal” na que “non se concede nada” para provincias como a da Coruña.

Curtis xa ten un mural de referencia na honra do Tío Benito do Santo

A fachada desta casa de Curtis, a partir deste momento, non deixará a ninguén indiferente. “Desde o intre en que esta vivenda dos meus pais pasou a ser miña, tiven claro que quería que fose o lenzo, a través do cal, render homenaxe ao meu bisavó”, relata Emilia Seoane, nada en Curtis, onde xa non vive, pero se lle coñece cariñosamente como Piruca. Xustamente, ao seu bisavó tamén se lle coñecía por un alcume, “O tío Benito do Santo”, cuxo nome real era Benito Seoane. “Polo que me contaron, aínda as persoas que recordan e que saben del, sobre todo por transmisión oral, foi un home de admirar e valorar, por ser xeneroso e ter un espírito comunitario”, afirma Piruca sobre Benito.

Benito Seoane Paredes, coñecido por todo o mundo como tío Benito do Santo, naceu no 1859 e faleceu no 1938, sendo “unha persoa lonxeva daquela, que viviu 79 anos”. As distintas fontes de transmisión oral expoñen que doou terreos fundamentais para o desenvolvemento da vila. Espazos como a igrexa, a casa reitoral ou as escolas. “Tamén se fala do antigo campo da feira, que tería orixes na persoa do bisavó Benito”, afirma.

UNHA CASA CONVERTIDA EN LENZO

“Quería homenaxear ao meu bisavó e tamén facer algo que a vila puidese desfrutar, que a fixera ser punto de referencia e atención, tanto para a comunidade local como para calquera visitante”, comenta Piruca, chea de orgullo por ter alguén da familia que na época tivera esa maneira de ser e pensar. Destaca que quixo facer un mural ao considerar que unha das características da arte urbana é que aínda que se promova a título persoal, se converte en arte, nun museo ao aire libre para que tamén outras persoas desfruten. “A iniciativa foi completamente miña e desde a miña economía particular”, confesa.

Para facer realidade esa homenaxe confiou plenamente en Sfhir, un artista urbano que vén recentemente de ser recoñecido co mellor mural do mundo de 2023, así fala Piruca da elección: “O meu proxecto nace no mes de xaneiro e xusto acababa de recibir este premio de Street Art Cities e considerei que non había ninguén mellor para levar a cabo as miñas ideas”. Nun inicio contactou con el e pasoulle datos fotográficos e documentais para contextualizar quen era o bisavó e actualmente a obra acaba de ser finalizada. “Estou moi contenta de que quede en Curtis unha obra de Sfhir e que se converta nun pequeno embaixador da vila, a través dos escenarios onde a súa obra é visible”, expón.

Na fachada principal poden lerse diferentes frases, que teñen un significado fundamental para Piruca: “Quero agradecer a estas persoas que fixeron por que non se perda a historia do pobo, Andrés Mariño coas publicacións O Deus Curtis, estación Curtis e Memoria fotográfica de Curtis; a Isabel Ríos con Testemuño da Guerra Civil: e a asociación Amigos de Curtis“. O feito de ter un fondo documental facilita obter unha fonte de imaxe á que recorrer.

E como reciben os veciños da vila esta iniciativa? “Isto tamén é para a xente que recorda ao tío Benito dos Santo e esa época e o conta unha e outra vez. Sen ir máis lonxe, na última feira á que viñen a xente me dicía que estaba quedando moi bonito e contaban unha e outra historia relacionada”.

“O RETO ERA TRANSMITIR TODO ISTO DE MANEIRA GRÁFICA”, SFHIR

Coñecido artísticamente como Sfhir, este artista plástico madrileño, é o autor do que hoxe se pode apreciar na casa de Emilia. “Podemos ver distintas frases de testamentos e de libros que escribiu outra xente falando de Benito Seoane, un pequeno debuxo de Benito noutro lado da fachada e como era Curtis naquela época”, describe Sfhir, que tivo por diante o reto de transmitir de maiera gráfica toda esa información, algo que “non era doado”. En tan só unha semana foi quen de facelo, un artista, do que en Galicia se coñece ben un mural en concreto. É o autor da violonchelista de Fene, o mellor mural do mundo en 2023.

“Eu veño do graffiti e sempre tratei de manter esas orixes e trasladarllo á xente. Busco apostar por rachar co concepto de que o graffiti é algo molesto, cando, ao final, é unha inquedanza de moitos mozos e mozas que tampouco se fomenta coa educación”, recoñece. Neste sentido, expón que nin sequera nas “propias universidades de Belas Artes se traballa máis a teoría que a práctica”. Por isto, considera que é unha sinatura pendente nesta sociedade e que sempre houbo moito descoñecemento desde o público xeral.

Sfhir aprendeu o oficio de forma autodidacta, probando con materiais, escultura, diferentes disciplinas e sempre desde a experimentación… Curiosamente é informático de profesión, pero a paixón o levou ata onde está agora. Por isto se tivese que dar un consello a quen ten dúbidas, sería o seguinte: “Que crean nos seus soños, que por moito que digan que é unha profesión sen saída ou futuro, o feito de intentalo, xa é un logro”.

“GALICIA É UNHA PROLÍFICA DENTRO DESTA DISCIPLINA”

A obra de Sfhir xa é un expoñente da arte urbana en Galicia, unha comunidade da que destaca que é “moi prolífica dentro desta disciplina”. Considera que se está fomentando tanto a creatividade como a estética e menciona artistas como Lula Goce, Seco ou Diego As e o Festival DesOrdes Creativas. Falando de festivais, conta: “De non ser polo Festival Meninas de Canido, seguramente non tivese estado en Fene e non tivese realizado o mural que representa á perfección o que fago”.

Un artista plástico que xoga co 3D, emprega o graffiti e declarado fan dos grandes formatos. Deste mural de Curtis destaca que está nunha zona moi bonita, da que desfrutou durante estes días, así como da hospitalidade da xente da zona. “Nótase que coñecían a Benito e penso que tamén pode ser unha forma para que os máis novos se decaten desta historia”, expresa. Para Emilia ten palabras de agradecemento e defínea como “unha persoa marabillosa, que ten moito respeto polo artista”. Así, traslada os seus parabéns e admiración pola homenaxe que lle fixo ao seu bisavó e polo esforzo que iso conleva. 

Inés Rey sobre a Xunta: “Conseguimos que trate á cidade como se merece”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reivindicou a xestión do goberno local nestes anos, nunha comparecencia ante os medios de comunicación para facer balance e na que destacou o “diálogo” municipal coa oposición e outras administracións. “Conseguimos que trate á cidade como se merece”, dixo tamén sobre a Xunta.

Así o manifestou ao facer balance dos cinco anos de mandato do PSOE na cidade herculina, a cal se converteu, na súa opinión, nun “referente indiscutible do noroeste peninsular ao nivel das grandes cidades europeas”. “A Coruña viviu a transformación urbana, social e cultural máis importante das últimas décadas”, resumiu para apuntar que “a segunda gran modernización está en marcha”.

En canto á fachada marítima, destacou que “este mes” se aprobará a creación da comisión con representantes de todas as administracións “para ir definindo o cronograma para os próximos anos”. Ademais, anunciou que o novo contrato da planta de residuos de Nostián “sairá a contratación nos próximos seis meses”.

OUTROS COMPROMISOS

Antes de final de ano, comprometeuse tamén a que “quede definida a ordenanza das terrazas”, a pechar a licitación do novo contrato de transporte urbano e da xestión de centros deportivos, así como das obras para rehabilitar o mercado de Santa Lucía. Xunto a iso, sumou a implantación do plan de parques infantís 2025-2030 que terá o obxectivo de que haxa un “a menos de 10 minutos para cada familia”.

EIXOS POLÍTICOS

No seu balance dos últimos cinco anos, a rexedora explicou que o goberno traballou “de maneira coordinada”, centrado en tres eixos políticos “fundamentais” como son a dinamización económica, o benestar social e o fomento e promoción da cidade. En concreto, apuntou a “un cambio na mobilidade urbana” e a un modelo económico e industrial con “dous grandes proxectos tecnolóxicos”, a Cidade do TIC e a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia), da que dixo que se constituirá a sociedade xestora “antes de que acabe o ano”.

Rey recalcou tamén, entre outras cuestións, que durante o seu mandato deron impulso a grandes infraestruturas, “en colaboración con outras administracións e tras dúas décadas prometidas”, como a estación Intermodal, o acceso ferroviario a Punta Langosteira ou a ampliación do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac).

En canto ao pasado, indicou que en 2019 a cidade estaba “crispada e en parálise, con cuestións centrais bloqueadas”, mentres na actualidade “mira ao 2030 con dinamismo e multitude de iniciativas, sendo, sen discusión, o motor de Galicia”. Non entanto, Rey recoñeceu que “é posible mellorar a xestión e a velocidade” do traballo.

Execútase, en Santo Amaro, a política urbanística do goberno coruñés

Execútase a política urbanística do goberno socialista da Coruña. Vaise facer patente na macrourbanización de Visma, no Campo da Estrada-A Maestranza, en Labañou coas Percebeiras, ou mesmo no Parque da Agra, como coñecimos hoxe mesmo, coa construción de dous novos bloques.

Pero a que xa se está a executar, a pesar das protestas veciñais pola afectación á Fonte do Picho e ao patrimonio inmaterial dunha zona sacra coma a de Santo Amaro. “Trátase dun atentado ás sinais de identidade de Monte Alto”, denunciaba Defensa do Común. “Un exemplo de deshumanizar a cidade”, calificaba a Asociación de Veciños de Monte Alto.

Obras vivenda Santo Amaro-Foto-EloyTP 2
Foto: @eloytp

Pero a especulación urbanística non entende de patrimonio, e menos do inmaterial, e a construción dunha urbanización 260 vivendas (varias torres de ata 9 andares) a zona coñecida como “Agra de San Amaro” (a zona verde que hai á esquerda da baixada cara Adormideras), xa está en marcha.

As máquinas xa se atopan poñendo en marcha o proxecto urbanístico da parcela PI Q16.2 “San Amaro – Orillamar” (Polígono Pol-H301) que pretende edificar case 4.500 metros cadrados dos 15.708 que ten a completa parcela, que vai da residencia de maiores Torrente Ballester ata o cemiterio de San Amaro, xusto diante do paseo marítimo que pasa por riba do Club do Mar e do areal.

Unha das promocións herdadas do “vazquismo”, que leva durante anos en conflitos, pero que debido á política urbanística “noventera” deste goberno, sae adiante en pleno 2024.

Máis novas sobre o proxecto

A veciñanza arrinca a loita contra a urbanización de San Amaro – Orillamar sinalizando a Fonte do Picho

O Picho, a auga sagrada da Fonte de Santo Amaro

Piden ante a urbanización de San Amaro, que coiden o patrimonio inmaterial milenario da zona

Máis novas urbanísticas

Así será o primeiro edificio da macrourbanización de San Pedro de Visma

O “delirio urbanístico” de Visma

O TSXG admite a trámite un recurso contra a urbanización do Campo da Estrada-A Maestranza

O novo Parque da Agra terá a sombra das vivendas de Cebrián

0

Colaba onte, a xunta de Goberno entre outros asuntos, e vendendo o fito como un gran paso na axenda verde municipal, a aprobación da autorización para a tramitación do convenio relativa ao parque do Agra do Orzán, o esperado Campo da Burra. Pero nese convenio, o Concello permite a Juan Carlos Rod. Cebrián, propietario dos terreos onde se situaban as Adoratrices, construír unha serie de vivendas.

Ante a falta de información municipal, a Asociación de Veciños Agra, que leva décadas loitando pola apertura deste parque, espera á reunión do vindeiro martes para facer valoracións. “Imos esperar que nos dean explicacións para dar a nosa valoración”, valora Ricardo Seixo.

Novas vivendas no Parque do Agra 1

Tras varios procedementos xudiciais, o Tribunal Superior de Xustiza categorizou unha parte como zona de espazo libre, pero parte da parcela privada como solo urbano consolidado. Agora, co convenio, o Concello permítelle construír a Cebrián varios edificios nunha zona que necesita espazos verdes “tras moitas décadas de agarda”, como precisamente recoñecía a alcaldesa Inés Rey.

Quedará, pois o novo parque do Agra do Orzán reducido ao espazo que linda entre as rúas Gil Vicente, José Amador López, Canceliña e Observatorio. Si que terá acceso peonil dende a Avenida de Gregorio Hernández

Mentres, o Concello traballa en paralelo coa AEMET para levar a cabo a apertura do parque do Observatorio, actuación recollida nos Orzamentos Municipais no marco do “Plan de humanización e investimento dos barrios da cidade”, cunha primeira fase para o derrubamento dos muros da Canceliña e da rúa Páramo.

Novas vivendas no Parque do Agra

 

 

Campo da Burra: Por un parque na Agra do Orzán Xa!

Licenza para a construción de 40 vivendas públicas en Xuxán

Paralelamente a Xunta aprovou a licenza concedida ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a construción dun edificio de 40 vivendas de promoción pública (VPP) en Xuxán, na parcela Z-13 do barrio. O novo edificio estará dividido en cinco andares, nos que se repartirán as 40 vivendas e outros tantos rochos, 5 locais e un garaxe 88 prazas de aparcadoiro, divididas en dous sotos. O investimento total do proxecto é de 5,8 millóns de euros.

 

Máis novas

A veciñanza da Agra do Orzán volve á rúa ante a “inoperancia” do Concello co Parque da Agra

Así será o primeiro edificio da macrourbanización de San Pedro de Visma

 

O Parlamento galego expón unha selección da súa colección de arte

0

A sede Afundación da Coruña acolleu esta tarde a inauguración da exposición ‘A nosa arte. Colección do Parlamento de Galicia‘, unha selección de 40 pezas das 300 obras de arte galega que conforman a Colección do Parlamento.

O acto de inauguración contou coa asistencia do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Anxo Santalices; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López. Tamén o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; Carlos Vale, unha do tres persoas que comisariaron a mostra; e Marité Cores, coordinadora da área de Cultura de Afundación.

No acto inaugural, o presidente do Parlamento galego, Miguel Anxo Santalices, lembrou que a colección está integrada por pezas en maioría en propiedade, aínda que tamén contan con obras cedidas. Ademais, asegurou que se trata dunha “visita obrigada, dado que a exposición proba o talento e a longa tradición artística da cidade herculina”.

Delegados da CIG concéntranse na sede de Indra en demanda dun “convenio digno”

0

Delegados e delegadas da CIG no sector do TIC concentráronse este xoves, ante a sede de Indra na Coruña, “en defensa dun convenio de consultorías digno e con melloras salariais reais”. Segundo a central sindical, en Galicia hai contorna a 15.000 traballadores e traballadoras reguladas por este convenio de ámbito estatal “que, a pesar dos enormes beneficios que están a obter as empresas, segue contendo táboas salariais no límite do salario mínimo“.

O sector TIC da CIG, sindicato en Galicia cuns 90 delegados e delegadas, denuncia que o convenio “non reflicte a realidade do sector” no país “cunhas marxes de ganancias enormes e que o ano pasado incrementou o emprego nun 5,2 por cento”. Tamén sinala que a central sindical non asinou o último convenio “por non lograr as condicións salariais e laborables mínimas esixidas polas traballadoras e traballadores galegos”.