Inicio Blog Páxina 462

Detido un coruñés que roubou unha carteira no interior dun coche e, ao ser sorprendido polo dono, atropelouno

A Garda Civil detivo a un veciño da Coruña que subtraeu unha carteira do interior dun coche que estaba aparcado no municipio do Pino e que, ao ser sorprendido polo dono, atropelouno con outro vehículo que, ademais, era roubado. Trátase da operación ‘Orsirodos’, iniciada por mor dunha denuncia interposta no posto do Instituto Armado no Pino. Na devandita denuncia, a vítima relata como o 15 de abril aparcou nunha leira da súa propiedade neste concello e que, cando realizaba diversas tarefas agrícolas, decatouse de que había un home que accedera ao interior do seu coche e que estaba a coller a súa carteira.

Tras verse sorprendido polo dono, o agora detido introduciuse noutro turismo, arroiou á vítima e emprendeu a fuxida. O atropelo causoulle tales lesións que acabou trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Entón, a Garda Civil iniciou unha investigación para corroborar a veracidade dos feitos e identificar ao presunto autor. Así, os actuantes lograron dar con este veciño da Coruña que xa era coñecido das forzas de seguridade por ilícitos da mesma índole. De feito, sobre el xa constaban dúas ordes de procura detención e personación.

Ademais, os axentes constataron que o vehículo utilizado para a fuxida e o atropelo fora roubado previamente no termo municipal de Bergondo. Así as cousas, a Garda Civil procedeu á detención deste home como presunto autor dun roubo en interior de vehículo, outro de furto de uso de vehículos e un terceiro de lesións. Foi posto a disposición do Xulgado de Instrución da Coruña.

Habilitan un aparcadoiro provisional tras o incendio nun garaxe de Culleredo

O Concello de Culleredo habilitou un aparcadoiro provisional para os coches da planta -1 do garaxe incendiado o luns, mentres a Policía Xudicial continúa cos traballos para esclarecer os motivos de que un coche ardese e o lume estendésese ata afectar a outro lindeiro.

En concreto, este aparcadoiro está nunha plazoleta anexa ao centro ocupacional municipal A Escada para recolocar uns 18 vehículos que se atopaban nese nivel do garaxe. Fóronse retirando desde a tarde do luns, pero aínda quedan algúns no lugar.

Así mesmo, os equipos de emerxencias e de Protección Civil de Culleredo realizaron medicións do ambiente á primeira hora deste martes no -2, ao que aínda non se puido acceder. Alí aínda hai 17 coches e dúas motocicletas.

O incendio comezou pouco antes das 11.00 horas neste garaxe da rúa Anxo Senra, no Burgo, e o fume xerado provocou que parte dos veciños tivesen que evacuar o edificio. Incluso unha persoa necesitou ser trasladada ao hospital por inhalación de fume.

O bloque de edificios do portal 5 xa tiña desde o luns pola noite subministracións de auga e electricidade, pero non así coa auga do bloque 6, no que tiveron que durmir unhas 30 familias. En todo caso, o Concello afirma estudar se é posible facer “traballos provisionais” para dar servizo a este bloque, así como o restablecemento dun dos ascensores.

O BNG demanda a Xunta e Goberno un acordo para o pago de axudas aos mariscadores da ría do Burgo

Representantes do BNG demandaron a Xunta e Goberno o inicio dunha “vía de diálogo” para o pago de compensacións aos mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo mentres non poden faenar, unha vez concluídas as obras de dragado e á espera de que as crías que se están sementando cheguen ao tamaño legal.

Así o expuxeron nunha visita á ría con presenza do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que avanzou que, ás iniciativas xa presentadas, sumarán outras para “garantir as axudas necesarias” no período que o proxecto establece para “a recuperación plena do marisqueo“, dixo sobre os 18 a 24 meses.

En declaracións aos medios, apuntou tamén que non estarán “satisfeitos” ata “ver completa” toda a rexeneración da ría, cuestión na que incluíu non só o dragado senón tamén completar o paseo perimetral ou determinar a situación dos bancos marisqueiros para que se algún está afectado, como sostén un informe da Confraría de Pescadores, “fáganse as correccións necesarias”. Pola súa banda, a deputada do BNG no Parlamento galego, Mercedes Queixas, apelou “a non esquecer” os postos de traballo ao redor da ría do Burgo e instou á Xunta a analizar “se as obras responden o proxecto” e que “non haxa alteración” nos bancos marisqueiros.

Así mesmo, pediulle que “asuma” as compensacións ao sector marisqueiro ou, en todo caso, que abra unha mesa de negociación co Goberno “para impulsar un novo convenio que blinde aos mariscadores”. Mentres, o portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de Culleredo, Toño Chouciño, insistiu en que a recuperación ambiental da ría “non é só o dragado”. “Quedan actuacións pendentes”, afirmou citando aspectos como a recuperación de especies extinguidas na ría.

REPOSICIÓN DE VIARIOS

Nesta xornada, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, avanzou ao alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, as actuacións que se van a efectuar nos próximos días para repor aquelas zonas e viarios do concello que resultaron afectados pola execución dos traballos. Foi nunha reunión celebrada na Subdelegación do Goberno e con presenza tamén do xefe da Demarcación de Costas do Estado en Galicia, Carlos Gil, e responsables da empresa adxudicataria.

A Coruña, a unha finde do soño dos ascensos

Levamos semanas repasando o soño que vive o deporte coruñés co gran papel que están realizando moitos dos nosos clubs en diferentes disciplinas.

Polo camiño caeron, en boa parte pola falta de apoio económico da cidade ao deporte feminino, o Maristas, o Volei Zalaeta que caían camiño do ascenso, o CRAT que perdía a Copa, ou un Hockey Coruña que non podía facerse co título da Champions. Pero aínda hai equipos que demostran o potencial que ten esta cidade en materia deportiva.

Así acontece co múndo do hockey, con 2 equipos entre os 20 mellores de España e outros 2 entre os 40.

E así acontece con dous dos trasaltánticos deportivos da cidade (co permiso do Liceo, claro). Dépor e Leyma Basquet Coruña viven unha semana tremenda, pensando na doble cita que temos preparada para Riazor, con pantalla xigante que vai instalar o Concello no pavillón, tanto para o venres ás 21:00 para o choque do Leyma en Melilla; como o domingo ás 19:00h para ver o Dépor-Barça Athletic que se xoga en Riazor.
Así estaba a pantalla xigante o ano pasado para ver o fatídico choque do Dépor en Castellón…

O Dépor

Despois do ascenso do Depor FEM, esta fin de semana o equipo branquiazul celebraba o título da División de Honra Xuvenil e o pase á prestixiosa Copa de España. Ao mesmo tempo o Fabril certificada a súa necesaria permanencia na 2ª RFEF, xusto cando Lucas marcaba en Sestao o gol que lle permite ao Dépor afrontar a penúltima xornada con posibilidades de certificar o ascenso directo na casa.

Para o noso analista branquiazul Miguel Barreiro “chegou o momento”, e despois de moita cautela e moitos “fuciños”, considera que non se nos pode escapar o ascenso.
Ademais, a Federación de Peñas invita a vestir a cidade de branquiazul:

O Leyma, con todo a favor

Moi mal se teñen que dar as cousas para que o Leyma non ascenda este venres. O equipo deu a talla nun Riazor ateigado con 4.361 e superou con solvencia ao Castellón. O acerto no triple no segundo tempo (acompañado pola falta de acerto do rival) permitiu que os de Epifanio fosen escapando no marcador, e malia un sustiño nos últimos 5 minutos cando o equipo rival se puxo a 7 tras varias perdas de balón, o cadro laranxa demostrou a súa superioridade.

E sobre todo o seu poderío mental, no seu camiño cara conseguir todo un ascenso a ACB, algo que o club leva intentando case 10 anos, pero sempre caendo ás portas, no fatídico playoff. Este ano non haberá playoff e o camiño á máxima categoria seróa de forma directa. Así o ratificaría unha vitoria o venres en Melilla, ante un equipo que se xoga o descenso, iso si, e mesmo se podería celebrar cunha derrota, sempre que non gañe San Pablo Burgos, ou que gañe San Pablo pero tamén Lleida, o que provocaría un triple empate no que o favorecido sería o Leyma. Está medio feito, pero hai que certificalo cunha festa o venres en Riazor.

O OAR, camiño da D.H. Plata

outros que manteñen vivo o ascenso son os do Balomnán Attica 21 OAR, que tras quedar no 2º posto da 1ª Nacional conseguiron o pase para a Fase de Ascenso á División de Honra Plata, a segunda categoría do balonmán estatal. A fase será o 17, 18 e 19 de maio.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by O.A.R Coruña 1952 (@bmoarcoruna1952)

Máis novas

Chegou o momento

O deporte feminino coruñés esperta do soño ante a falta de apoios

HC Coruña, CRAT, OAR e Volei Zalaeta alimentan o soño do deporte herculino

 

(Vídeo) Operación Carecas: Así entrou a Garda Civil nunha casa de Cambre

O Equipo Territorial da Policía Xudicial de Cambre, en colaboración coa Unidade de Seguridade Cidadá de Comandancia (USECIC) e o Servizo Cinolóxico da Comandancia da
Garda Civil da Coruña, desarticulou un punto de venda de sustancias estupefacientes en Cambre e detivo a dous homes como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, na fase de explotación da operación Carecas.

A mencionada operación, tutelada desde o principio polo Xulgado de Instrución nº 3 da Coruña, iniciouse ao ter coñecemento os compoñentes do ETPJ da posible existencia dun punto de venda de sustancias estupefacientes a menores de idade. Inmediatamente iniciaron unha investigación, realizando un control das actividades da referida vivenda constatando que o morador da mesma recibía constantes visitas de menores de idade para a adquisición deste tipo de sustancias.
Varios integrantes do Instituto armado, con armas e pistolas taser, entraron na vivenda e acharon 138 dose de haxix, catro básculas de precisión, diversos útiles empregados na preparación de dose, como bolsas de plástico, ferramentas para cortar e outros utensilios.
A Garda Civil procedeu á detención do morador, como presunto autor dun delito contra a saúde pública, así como á incautación dos efectos atopados. O detido, xunto coas actuacións realizadas e os efectos incautados, foi posto a disposición do Xulgado de Instrución de garda da Coruña, decretando a Autoridade Xudicial o seu ingreso en Centro Penal.
A operación mantívose aberta, logrando como froito do traballo de campo realizado, tamén a identificación plena do suposto provedor do punto de venda desmantelado, resultando ser un veciño da localidade de 20 anos de idade. Unha vez coñecida a identidade, a Garda Civil procedeu á detención deste home como presunto autor dun delito contra a saúde pública.

O exalcalde Paco Vázquez únese a un manifesto que pide non votar ao PSC nas catalás do domingo

O exalcalde da Coruña e exembaixador no Vaticano, Francisco Vázquez, e o exministro do Interior durante o Goberno de Felipe González José Luís Corcuera uníronse ao manifesto apoiado por personalidades da política, a cultura e a comunicación no que se pide que non se vote ao PSC de Salvador Illa por non considerar “constitucionalista” a quen pacta con formacións independentistas. O manifesto, ‘Por un voto constitucionalista sen enganos‘, presentarase o vindeiro martes en Barcelona, a cinco días dos comicios previstos para o día 12 de maio, e conta co apoio de máis de 50 persoas do mundo político ou a comunicación como Fernando Savater, Rosa Díez, Nicolás Redondo Terreros, Joaquín Leguina ou Antonio Resines, entre outros.

“Os independentistas nunca tiveron forza nin capacidade para lograr a quebra da nación española, pero en determinados momentos da historia foron capaces de cernar as experiencias democráticas dos españois”, avisan os promotores do texto, que chaman ao electorado catalán a non dar o seu apoio a opcións secesionistas ou aos partidos que pactan con elas. Ademais de Corcuera e Vázquez, uníronse ao documento a catedrática de Dereito da Universidade Complutense de Madrid Araceli Mangas, o catedrático de Dereito na Universidade do País Vasco Tomás Ramón Fernández e a presidenta de Asemblea por unha Escola Bilingüe, Ana Losada.

Anteriormente, xa subscribiron o manifesto César Antonio Molina, que foi ministro de Cultura do goberno socialista de José Luís Rodríguez Zapatero; Francesc de Carreiras, un dos fundadores de Ciudadanos; a eurodeputada do partido laranxa Maite Pagaza e o sociólogo Emilio Lamo de Espinosa. Do ámbito cultural tamén plasmaron a súa firma o dramaturgo Albert Boadella, os escritores Andrés Trapiello e Félix Ovejero, o director de cinema Iñaki Arteta, o historiador Juan Pablo Fusi e o xornalista Arcadi Espada.

Tamén figuran os nomes da deputada da expresidenta da Comunidade de Madrid Esperanza Aguirre, da deputada do PP Cayetana Álvarez de Toledo, do seu excompañero Adolfo Suárez Illana e de José María Múgica, fillo do dirixente socialista Fernando Múgica, asasinado por ETA en 1996. Entre os asinantes destacan, así mesmo, Alejo Vidal-Quadras, o exministro de José María Aznar, Rafael Arias Salgado e Mikel Buesa, un dos promotores de UPyD e expresidente do Foro de Ermua.

Quedan libres tres dos catro detidos polo apuñalamento dun home na Coruña

Tres dos catro detidos polo apuñalamento dun home na zona de pubs do Orzán, na Coruña, o pasado 19 de abril quedaron en liberdade, aínda que manteñen a súa condición de investigados. Así o confirmaron a Europa Press fontes xudiciais que precisaron que a cualificación, no seu caso, verase conforme avance a instrución da causa.

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 da Coruña tomou esta decisión en base ás declaracións de testemuñas e o informe forense, precisaron tamén. Inicialmente, e tras a súa detención, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza dos catro detidos por un delito de asasinato en grao de tentativa ou consumado, esta última opción exposta en función do estado da vítima cuxa evolución foi, a pesar das feridas, favorable.

Con esta última decisión, só un deles, e ao que testemuñas apuntaron como o principal implicado na agresión, queda en prisión.

Transportes adxudica por case un millón a mellora de accesos ao porto exterior da Coruña

0

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable adxudicou por 973.011 euros (IVE incluído) a redacción do proxecto de trazado e construción para a prolongación de acceso viario ao porto exterior da Coruña.

Así, prolongarase o acceso viario cunha estrada convencional duns 2,9 quilómetros, entre a AC-15 e a AC-14, con calzada única de dous carrís.

Segundo informa o Ministerio nun comunicado, o obxectivo é mellorar a accesibilidade á infraestrutura e a intermodalidad do transporte de mercadorías.

O trazado seleccionado no estudo informativo parte do tramo da AC-15 executado cun viaduto de 270 metros sobre o val de Furoca, a AG-55 e a AC-552. O trazado evita o cruzamento en desmonte do gasoduto Mugardos-Sabón e o terreo ocupado polo polígono de Vío, aínda que si afecta o seu percorrido a parte da canteira en explotación existente. Neste punto presenta un desmonte de gran altura tras o cal descende con pendente do 5% mantendo o seu trazado paralelo á contorna dos polígonos industriais de Vío e Pocomaco.

O tramo finaliza na ligazón coa AC-14, onde se expón a construción dos ramais de conexión Porto-A-6 e A-6-Porto que conectarán nos ramais expostos no tramo de Terceira Rolda.

Inés Rey anuncia que realizará 305 contratos en 2024 por valor e 518 millóns

O Concello da Coruña deu luz verde, na Xunta do Goberno local, ao Plan de Contratación Pública 2024, un documento que recolle as principais liñas estratéxicas de investimento previstas polo consistorio tanto para este ano como para os próximos exercicios.

A rexedora explicou, en rolda de prensa, que “este documento é unha ferramenta de planificación e programación, no que cada área de xestión municipal determina as súas principais previsións contractuais a curto, medio e longo prazo”.“Estamos ante a folla de ruta do Concello en cada área de xestión, de forma transparente”, aseverou a rexedora. Ademais, especificou que as previsións establecidas no Plan de Contratación Pública 2024 recollen ata 305 contratos, cun valor total de 518 millóns de euros.

“Falamos de estimacións a curto, medio e longo prazo xa que eses 518 millóns inclúen, por exemplo, o importe que, prevese, será necesario para custear o novo contrato de xestión e tratamento de residuos en Nostián, que será licitado de forma inminente”, expuxo Inés Rey.

O documento tamén recolle iniciativas do Concello en materia de vivenda como 10 millóns de euros para a construción dun edificio de 50 vivendas de promoción pública en Xuxán.

A praza de María Pita acollerá o acto institucional con motivo do Día das Letras Galegas

A Coruña acollerá na praza de María Pita o acto institucional con motivo do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á escritora Luisa Villalta. Previamente, no Palacio Municipal, inaugurarase unha mostra, de carácter itinerante. Así o informou a rexedora coruñesa, Inés Rey, en relación aos actos previstos en homenaxe á escritora, nada na cidade herculina en 1957 e falecida en 2004. Será no 20 aniversario do seu falecemento e despois de que o consistorio aprobase unha moción expondo o seu nome de cara a esta conmemoración.

En canto á programación, Rey asegurou que o día 17, ás 10.30 horas, abrirase ao público unha exposición sobre Luisa Villalta, organizada polo Concello da Coruña e a Xunta de Galicia. Será unha mostra que, tras a súa exhibición no Palacio Municipal de María Pita, presentarase noutras cidades galegas. Posteriormente, terá lugar o acto institucional na praza de María Pita xunto coa familia da escritora, ao que seguirá unha actuación musical. Tras os actos, a Real Academia Galega (RAG) celebrará un plenario no Teatro Rosalía de Castro.

Non entanto, as actividades, con repartición de agasallos entre os máis novos para difundir a súa figura, comezarán antes, o día 10, ás 21.00 horas, cun concerto de Familia Caamagno, no centro sociocultural Ágora. O día 16, ás 20.00 horas, a Banda Muncipal de Música ofrecerá tamén un concerto e media hora despois, no Teatro Colón, o Consello da Cultura Galega estreará a peza ‘Concerto para un home só’, unha obra orixinal do compositor Federico Mosquera con texto da escritora. Rey, que reivindicou a traxectoria artística da homenaxeada, anunciou tamén que o Concello da Coruña publicará, xunto a Edicións Xerais, unha reedición dun poemario, con fotografías de Xurxo Lobato, e textos de Estíbaliz Espinosa.