Inicio Blog Páxina 439

Rod Stewart actuará no Coliseum o 15 de decembro

0

Rod Stewart actuará no Coliseum da Coruña o próximo 15 de decembro. A do artista británico é a última confirmación do festival Gozo Fest, que busca “desestacionalizar e deslocalizar” este tipo de eventos. Así, o festival programa en diferentes puntos de Galicia, desde abril e ata decembro, concertos de artistas de diversos xéneros, desde o folk de Loreena McKennit en Vigo o 10 de xullo, ao rock de Queens of the Stone Age na Coruña. O prato forte do verán será a actuación do tamén británico Ed Sheeran, que estará acompañado por Bomba Estéreo e Fillas de Cassandra o próximo 6 de xullo en Santiago, no Monte do Gozo.

Para esta actuación, apuntou Lago, están vendidas case todas as localidades. Para todo o festival e ata o momento, as entradas vendidas roldan as 65.000. Ademais, indican que as entradas para o concerto de Rod Stewart sairán nos próximos días. Aínda que non deron máis detalles polo momento, tamén confirmaron que para os concertos no Monte do Gozo habilitaranse servizos de autobuses lanzadeira desde diferentes puntos. Pola súa banda, Merelles reivindicou a “desestacionalización” do turismo que facilita estender este tipo de eventos no tempo, dada a súa atracción sobre comunidades e mesmo países veciños. Informou ademais de que a entidade autonómica achega 3,8 millóns de euros como patrocinio ao festival.

As Bandas locais toman os escenarios da Coruña

0

Xa contamos que o vindeiro domingo 21 o Castelo de San Antón acolle unha nova edición dos ‘Directos no Castelo‘, coa presenza de seis bandas usuarias dos locais de ensaio, con invitacións xa dispoñibles na páxina web de Mocidade.

Pero é que esta parece ser a finde semana da música herculina, porque hoxe mesmo, xoves 13 de xuño, a República Musical Mardi Grass artella coa colaboración municipal, unha Rock Jam Session, na que máis de 30 músicos locais subirán ao escenario. “Unha noite que de seguro pasará á historia da música local. Unha festa con coñecidas cancións de rock e blues”, explica Tomi Legido.

A cita, a partir das 21:00h, e con entrada gratuíta para quen queira gozalo, ata completar aforo.

Rock Sesion corunesa na Mardi Grass

Eris Mackenzie e Ambigüo

A cousa non queda aí, pois o venres actúa na Mardi o artista de Castelo, Carral, Eris Mackenzie, do colectivo Aaldea. Xunto con Naitinain farán un bolo desenfado de música urbana en galego, en beneficio da Asociación Galega de Lupus, o Concerto será ás 22:00h e xa poden reservar entrada en entradasmardigras@gmail.com o por whatsapp en el 623 97 61 27.

Ademais, o sábado a parrir das 23:00h suben outros herculinos ao escenario. Será Ambigüo, a banda da Laracha os que traian o seu indiepop, presentando o seu LP “Simbiosis”, que se publicará en plataformas dixitais o mesmo venres.

Nena Daconte, Shego, Morreo e Raúl, entre as novas incorporacións ao festival Atlantic Pride

Nena Daconte, Shego, Morreo e Raúl figuran entre as novas incorporacións ao festival Atlantic Pride, que se celebrará na Coruña en xullo.

Xunto a eles, súmanse ao cartel da quinta edición Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas, segundo informaron na presentación da nova edición deste festival a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e os directores do Atlantic Pride, Iván Cervo, César Pérez e Luís Pazos.

Entre o 7 e o 14 de xullo, A Coruña volverá ser sede do ‘Orgullo do norte’ para celebrar esta nova edición na que se propoñen oito xornadas de música e de celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva.

O festival está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio de empresas.

Como novidade este ano, nacen as ‘Afertpaties do Atlantic Pride’ para que o público poida continuar a festa en salas seleccionadas da cidade unha vez terminados os concertos ao aire libre do festival.

Máis de 60 deportistas competirán no VII Open Náutico Esfuerza

Un total de 64 deportistas competirán desde este venres, día 14, ata o domingo 16 na Coruña no VII Open Náutico Esfuerza que organiza a Fundación María José Jove. Segundo informa a entidade, a competición abarca as categorías de vela e piragüismo adaptado, así como a de vela adaptada con acompañante “para aqueles regatistas que precisen algún tipo de axuda para o goberno do barco”.

O obxectivo desta iniciativa, apunta, é que regatistas, adestradores e acompañantes “poidan intercambiar impresións acerca das súas vivencias co deporte náutico adaptado e fomentar a práctica do deporte como canle de inclusión social e mellora da autonomía persoal“. Na Regata de Vela Adaptada competirán embarcacións da clase Yatlant 460 e a competición de piragua será en kaiaks autobaleirables Rotomod Ocean Duo, de modo individual (K1 mixto) ou por parellas (K2 mixto). Premiaranse aos tres primeiros clasificados de cada unha das modalidades.

Ferido grave un home tras unha pelexa con paus na Coruña

0

Un home resultou ferido grave tras unha pelexa na vía pública na Coruña e na que se fixo uso de paus, segundo informaron fontes policiais.

O suceso produciuse o mércores na rúa na zona da Ronda de Outeiro e fronte á sede da institución benéfica Padre Rubinos. Había, precisaron as fontes consultadas, unha pelexa na que se usaron paus.

Unha persoa resultou ferida na cabeza, con lesións de carácter grave, polo que foi trasladada por servizos sanitarios ao complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac).

Da investigación fíxose cargo a Brigada Provincial da Policía Xudicial para determinar o autor ou autores da citada agresión.

Inaugurada a nova sede da Federación de Persoas con Enfermidade Mental, con demanda de recursos

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) conta cunha nova sede, na rúa Revolución Francesa da Coruña, tras un acto de inauguración con demanda, por parte de asistentes, de aumentar recursos.

Na inauguración, desde a entidade, con presenza en 30 concellos galegos, celebrouse que a saúde mental “empezo por fin a entrar na axenda política”. Mentres, o presidente da Deputación da Coruña demandou incrementar recursos e sensibilizar contra o estigma das enfermidades mentais.

A Federación integra a 12 asociacións en 30 localidades galegas e conta con 40 anos de historia con actividades e iniciativas vinculadas á mellora das condicións de vida das persoas con enfermidade mental e as súas familias.

Verán azul

Antonte estaba ordenando (revolvendo) os meus libros e pertenzas cando de repente xurdiu entre outros recordos o álbum da miña (nosa) lúa de mel en Grecia. Non temos álbum da voda porque o fotógrafo extraoficial (un familiar) entregouse ao viño e aos puros habanos e deixou de documentar o evento á media hora de comezar. Non o culpo, o pasamos todos moi ben, pero quedamos sen álbum, que se lle vai facer.

Eu xa sabía que abrir o álbum era perigoso, que ía desatar a nostalxia máis descarnada, pero aínda así o fixen. E aí apareceron esa praias brancas, negras, vermellas tamén, asombrosamente baleiras algunhas delas, as capeliñas encaladas de cúpula azul, os volcáns, as ruinas, a arte grandiosa e pasmosa, os deuses, as ánforas, a beleza.

Unha neurona contactou con outra e remexín na estantería e atopei os libros que levei para a viaxe, agasallo dunha amiga días antes da voda e para sempre vencellados, e que lin no avión e nos barcos que nos levaban de illa en illa, porque as praias eran demasiado fermosas para abrilos nelas. Eran “Ubik” de Philip K. Dick e “Noticia bomba” de Evelyn Waugh. Aproveito para recomendarvos ámbolos dous.

E o máis doloroso, apareceron tamén os dous recén casados, cun sorriso triunfal, novos e bronceados e despreocupados e felices ante a perspectiva dun verano longo e xenuíno. Tan resplandecentes estabamos que unhas turistas inglesas sacáronnos unhas fotos porque lles parecíamos very cute.

O último día da viaxe acabei chorando no jacuzzi dun hotel de Santorini, porque non quería voltar, era inxusto, a vida era iso e non o outro, os restantes trescentos cincuenta (350!) días do ano, o traballo, os madrugóns de luns a venres. Si, montei unha perrencha en público, pero non puiden controlalo. Achegouse un empregado do hotel por si queriamos unha foto de namorados no jacuzzi, creo que dixen no sorry I’m crying because I don´t want to leave (non minto).

Cheguei a casa embarazada do noso primoxénito, era difícil chegar doutro xeito con tanta beleza e relax e amor, e aí comezou outra historia.

Tódolos veráns deberían ser ese verán, a vida enteira debería ser ese verán. Ou os veráns da infancia, tres meses infinitos de xogos, lecer, aburrimento gozoso, amor, amigos, azul e branco. De xuño a agosto (setembro se me apurades) debería estar prohibido, debería castigarse incluso, ir a traballar, erguerse cedo, facer informes, fichar e facer calquera esforzo diferente de levantarse da area para mergullarse no mar.

E para demostrar o cruel que é a vida real se a comparamos coa vida vacacional, estou a escribir este articuliño despois da xornada laboral e nunha pausa da redacción dun traballo de fin de máster (corenta páxinas mínimo, vou na oito, entrégase a finais de mes) sobre evaluación da xestión penitenciaria, e choro, e as bágoas dilúen a tinta das miñas verbas.

É broma, estou escribindo no portátil, o que pode suceder é que se enferruxe o teclado.

Veran azul de Bea Afonso

Ás probas me remito, señor xuíz.

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

O xuízo polo asasinato do coruñés Diego Bello continuará o 17 de xuño en Filipinas

0

O xuízo polo asasinato do coruñés Diego Bello, abatido a tiros en xaneiro de 2020 na illa de Siargao, en Filipinas, continuará o 17 de xuño, segundo informan os seus achegados, que avanzan que á mesma acudirán familiares.

En concreto, os seus pais estarán presentes nunha nova sesión da causa que se segue en Manila contra tres policías filipinos “acusados de ter asasinado ao empresario coruñés e de falsificar probas para tratar de xustificar a súa morte”, remarcan nun comunicado.

Os axentes argumentaron no seu momento que dispararan en defensa propia cando ían deterlle por suposto tráfico de drogas, algo que a familia do mozo coruñés rexeitou desde un primeiro momento.

Posteriormente, as investigacións realizadas pola NBI (National Boreau of Investigation), un organismo independente do Estado filipino, concluíu “que os policías asasinaran a sangue frío a Diego”.

“E que colocaran nas súas mans unha pistola e unhas doses de cocaína, tentando así explicar a súa morte como defensa propia”, remarca a familia. Agora o día 17 celebrarase unha nova vista na que se continuará co testemuño do experto en balística do NBI.

A Biblioteca de Monte Alto, 25 anos tecendo unha rede de amizade a través da amabilidade

Baño de parabéns, sorrisos e agradecementos vivíu este martes 11 de xuño a Biblioteca de Monte Alto e as súas profesionais. Porque este vital equipamento cultural de proximidade, celebrou o seu 25 aniversario entre unha marea de usuarias que non quixeron desaparoveitar a ocasión para amosar o seu cariño.

Celebrando entre libros o 25 aniversario da Biblioteca de Monte Alto
Celebrando, entre libros, o 25 aniversario da Biblioteca de Monte Alto

Porque 25 anos de Biblio se poden resumir en cifras como as 14.000 persoas socias, as 21.000 persoas que participan nas actividades, o 1.200.000 libros prestados, os 32.000 documentos ou as 2.900.000 visitas. Pero, sobre todo, resúmese co cariño, coidado, e amabilidade que profesan a todo o que se deixa caer pola Biblio as súas activas e animadas Bibliotecarias.

Porque este espazo que “tece unha rede amizades, unha rede de barrio”, non sería posible sen a implicación, a xentileza, a atención, o amor das Chus Teijo, Alicia Barral e Kiki Gómez, as máis veteranas que levan dende aquel 1999 no que se abría a Biblio; sen as Marta e compañía. Unhas mulleres que son capaces de atenderte e atopar o libro que nin sabías que buscabas, pero tamén de facer de contacontos, de formadoras, de teatreiras… Mulleres capaces de todo.

Porque esa amabilidade, eses sorrisos en cada atención, é fundamental para que unha Biblioteca sexa acolledora, e faga que os libros estean máis preto da xente; para que as crianzas, os maiores, as xentes con diversidade ou as persoas en risco de exclusión se sintan cómodos e poidan mergullarse no mar de historias que esperan nas estanterías.

Xurxo Souto, o armadanzas na Biblio de Monte Alto
Xurxo Souto, o armadanzas

Onte quixeron celebrar os 25 anos na Biblioteca Infantil, unha das zonas máis vivas do Centro Cívico. Da man do gran Xurxo Souto, un grupo de catro artistas, e usuarias, debullaron as súas historias vencelladas coa Biblio. Arturo Iglesias (ilustrador), Bea Lema (ilustradora), Emma Pedreira (escritora) e María Canosa (escritora) contaron as súas experiencias persoais, valorando estes espazos “que non se mesturan cos cartos”, desacando o papel das profesionais.

Bea Lema e Emma Pedreira na Biblio de Monte Alto
Bea Lema e Emma Pedreira

O momemento máis emotivo do acto foi a intervención de Alicia Barral e Chus Teijo para presentar o pequeno vídeo ilustrativo feito sobre os diferentes usos que lles damos á Biblioteca. O vídeo foi moi emocionante, pero o aplauso que recibiu Chus, que está en plena loita contra o “bicho” (sen perder ese sorriso que invade o edificio enteiro), foi apoteósico.

A sesión rematou co público cantanto ao Orzán co diplomático do barrio, e cos parabéns e apertas que o público lle rendía ás profesionais.

Publico usuario da Biblioteca de Monte Alto

Máis novas

A unificación da Rede de Bibliotecas Municipais. Unha farsa

Preguntan polo estado dos proxectos das Bibliotecas de Novo Mesoiro e Palavea

 

O enxeñeiro galego Alejandro Cardesín abordará nun ciclo a exploración espacial

0

O enxeñeiro galego Alejandro Cardesín, que traballa na exploración de Marte desde a Axencia Espacial Europea, abordará este xoves nun ciclo a exploración de planetas xigantes gasosos como candidatos a albergar vida extraterrestre.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, está a celebrar un ciclo de conferencias titulado ‘Fronteiras, desde a orixe do universo ata a exploración espacial’. As charlas teñen lugar das 17:00 ás 20:30 horas, e tamén poden seguirse en directo a través da canle de Youtube da RAGC. A última destas xornadas será este xoves na Casa das Ciencias da Coruña e centrarase na exploración e observación espacial. A sesión comezará coa intervención do enxeñeiro aeroespacial galego Alejandro Cardesín, con 20 anos de experiencia en misións planetarias da Axencia Espacial Europea como científico do Centro Europeo de Astronomía Espacial en Madrid.