Os servizos de emerxencias activaron un amplo dispositivo por terra, mar e aire na Coruña tras unha alerta pola posible desaparición dunha persoa que posteriormente se descartou.
Pouco antes das 14,00 horas deste martes, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular que localizara pezas de roupa sobre unha rocha de Illa Redonda, na zona de O Portiño.
Seguidamente, activouse un operativo coordinado por Salvamento Marítimo e ata o lugar chegáronse a desprazar medios de Gardacostas de Galicia, dos bombeiros, da Policía Nacional e da Local da Coruña.
Finalmente, tras varias horas nas que peitearon a zona varias dotacións por terra e mar, ademais dun helicóptero de Salvamento Marítimo, concluíuse que non había indicios de que houbese ninguén na auga.
A Patrulla do Servizo de Protección da Natureza (Pacprona) da Coruña, en colaboración co axente forestal do Distrito II-Betanzos, desmantelou un vertedoiro incontrolado nunha zona forestal da Zapateira entre os concellos da Coruña e Arteixo.
Os feitos ocorreron cando membros de Pacprona e do Distrito Forestal II realizaban tarefas de vixilancia e prevención de incendios na zona, observando no seu transcurso a presenza dun vertedoiro incontrolado, formado por artigos domésticos (roupa, colchóns, outros xoguetes, etc.). )
O devandito vertedoiro xerou un gran impacto ambiental na zona, así como un risco en caso de incendio forestal tendo en conta que o índice de risco diario de incendio (IRDI) se establece como moi elevado nesa zona.
Despois de realizar os trámites e actuacións pertinentes, os efectivos actuantes lograron coñecer que os ditos restos procedían da limpeza dun edificio deshabitado situado na cidade da Coruña, sen que os responsables tivesen entregado os residuos a unha empresa ou persoa autorizada para o transporte. e xestión de residuos.
A Garda Civil procedeu a formular as denuncias pertinentes aos propietarios do edificio e ao resto de participantes nos actos por presuntas infraccións da Lei 6/2021 de produción, tenencia e xestión de residuos de Galicia e da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia.
Os responsables dos feitos procederon de inmediato á retirada dos residuos para unha correcta xestión, evitando así calquera impacto ou risco na zona afectada.
O corpo dunha persoa sen vida foi localizado a última hora de onte nun piso da Coruña, na rúa Real, segundo confirmaron fontes municipais consultadas por Europa Press.
Ao lugar, trasladáronse a última hora, pouco antes do dez da noite do martes, efectivos dos Bombeiros e tamén da Policía Nacional
O aviso foi pola alerta de que había unha persoa que non respondía. Ao lugar, desprazáronse, entre outros efectivos, os bombeiros que procederon á apertura da porta para facilitar o acceso da Policía Nacional.
Desde a Xefatura Superior de Policía en Galicia non facilitaron máis datos sobre as circunstancias da morte á espera de que se coñezan os resultados da autopsia e esclarecer a causa do falecemento.
Fermosa a Batalla Naval que se viviu a pasada noite na Coruña. Unha batalla que ten un fermoso xogo entre barrios: Riazor e Monte Alto. O principal punto de saída estaba situado na coiraza das Escravas, no bando de Riazor, desde onde se lanzaron 2.251 unidades pirotécnicas; mentres que a segunda zona de disparo foi a Finca dos Mariño, onde se dispararon 3.975 unidades.
En total, nos 21 minutos de duración co ceo cuberto de cores con esa combinación de fogos aéreos e acuáticos.
Festas de María Pita 2023
Continúan as Festas de María Pita este martes 15, ás 20:00h coa Segunda xornada do XXXVIII Certame de Habaneras, coa actuación de Amizades, nos Xardíns.
Ademais, ás 22:00h a Praza de María Pita acolle a Décima xornada do ciclo das ‘Noites de María Pita’ con Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.
O artista Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre actuarán este martes nas festas de María Pita da Coruña, que chegan ao seu ecuador, segundo informa o consistorio.
O coruñés é un dos artistas de música tradicional galega de maior prestixio na actualidade e presentarase no escenario da praza cunha formación de dez cantoras e percusionistas.
Antes de comezar o seu proxecto individual con Adufeiras, formou parte de agrupacións como Xacarandaina, Rumbadeira, Nova Galega de Danza ou Berrogüeto.
Ademais, os días 25, 26 e 27 de agosto celebrarase a romaría de Santa Margarita, que se celebra cada ano no marco da programación das festas de María Pita.
A Xunta autorizou ao Concello da Coruña en abril para realizar unha serie de probas e ensaios, cualificadas como «urxentes» polos técnicos municipais para protexer os frescos de Lugrís. Malia esa autorización, catro meses despois, o goberno de Inés Rey aínda non as ordenou executar, segundo denuncia a Asociación O Mural.
Lembran que o pasado 21 de marzo, o arquitecto municipal emitiu un informe técnico no que «tendo en conta a situación de importante degradación detectada nos elementos (murais) protexidos» recomendaba ao Concello da Coruña «adoptar unha serie de medidas no prazo máis breve posible».
O 18 de abril, o Servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Coruña do Consellería de Cultura autorizou ao Concello para que executase «as probas analíticas e os ensaios necesarios» recomendados polo arquitecto municipal tras a inspección do inmoble e o informe emitido por Carmen Jiménez Jiménez, unha restauradora que examinou os frescos.
Ante a falla de dilixencia do Concello, O Mural vén de solicitar formalmente que a Xunta de Galicia exerza a súa competencia de fomentar ás medidas e actuacións dirixidas a garantir a protección do patrimonio cultural de Galicia e exixa o Concello que leve a cabo ás probas analíticas e ensaios para os que está autorizado dende o 18 de abril deste ano.
Concretamente, a conservadora, recomendou adoptar, entre outras, as seguintes medidas de xeito urxente, en marzo de 2023: toma de mostras para a súa análise, reforzo das gretas con varias capas de protección, colocación de proteccións puntuais de seguridade, empapelado da superficie dos murais, colocación de testemuños para comprobar a evolución das gretas,…
Enumerando unha serie de medidas concretas para cada un dos 11 murais que se atopan no inmoble.
Xa se coñecen os nomes que ocupan o cartel do Flores Rock 2023, logo da Festa de Presentación desta tarde, organizada polo Concello da Coruña en colaboración coa Plataforma Veciñal do Barrio das Flores. “O Flores Rock representa unha das mellores formas de facer cultura de barrio, con iniciativas como esta que nos axudan a coñecer artistas locais e levar a cultura e a música aos barrios”, sinalaron na presentación.
Boikot e Def con Dos serán o plato forte desta edición do festival, que terá lugar o 2 de setembro no parque central do Barrio das Flores. A elas súmase como grupo estrela Demenzia Social, banda gañadora da primeira edición da batalla de bandas do Flores Rock celebrada en xullo na sala O Túnel co obxectivo de dar a coñecer artistas locais.
Crowded e Noxxo, segunda e terceira clasificada da batalla de bandas, serán as
encargadas de abrir a xornada musical que continuará coa Paella Popular a partir das 14.00
horas. Xa pola noite retomaranse os concertos con Sol Rain e Del alma, aos que lle
seguirán Demenzia Social, Boikot e Def con Dos respectivamente.
Tamén haberá actividades para os máis pequenos no marco do Flores Kids como guitarra e
batería, xogos, actividades teóricas e dous concertos con Pako Pakolas e a exhibición dos
alumnos da academia de Rock. O horario das actividades é de 11.00 a 19.00 horas e as
familias que o desexen poderán inscribir aos seus fillos e fillas con tres horarios diferentes.
Dende as 11.00 horas ata as 14.00 horas, ata as 16.00 horas ou até o fin do campamento.
As familias que o desexen poden inscribir aos seus fillos e fillas no correo
kids.floresrock@gmail.com indicando a modalidade. O prazo de inscrición é do 16 ao 29 de
agosto para nenos e nenas de entre 4 e 12 anos.
Programación | Flores Rock, 2 de setembro
13.00 horas | CROWDED
14.00 horas | NOXXO
A partir das 14.00 horas | PAELLA POPULAR
20.30 horas | SOL RAIN
21.30 horas | DEL ALMA
22.30 horas | DEMENZIA SOCIAL
23.30 horas | BOIKOT
1.00 horas | DEF CON DOS
FLORES KIDS Dende as 11.00 ás 19.00 horas
11.00 a 13.00 horas | Guitarra e batería en locais de ensaio
13.00 a 15.00 horas | Concertos principais e xantar
16.00 a 17.00 horas | Concerto de Pako Pakolas
17.00 a 18.00 horas | Concerto dos alumnos da academia de rock
18.00 a 19.00 horas | Actividades varias (pintacaras, tatuaxes, clases lúdicas, xogos…)
A pouca previsión coa que se presentou o cartel do Festival Noroeste 2023 (o retraso ou improvisación na organización foi confirmado por varias bandas que aseguraron que foron chamados un día antes da presentación oficial e unha semana antes do comezo do festival) facía que os amantes da música e deste festival de referencia en toda a provincia estivesen expectantes ao resultado.
Certo que finalmente quedou un cartel bastante completo, con máis de 60 artistas enchendo de cultura 9 espazos da cidade. Precisamente ese formato expandido é un dos grandes reclamos no último lustro, e a cidade espera que se manteña intacta esta aposta que nos permite disfrutar de noites inesquecibles como a vivida en Azcárraga cunha lenda do soul como Lee Fields (a praza do casco vello acolleu tamén o comprometido concerto da peruana afincada na cidade Pamela Rodríguez que mesmo cantou en galego); estreas locais como a de PAVA na Fundación Luís Seoane para abrir o festival; sesións divertidas como a que brindou Gitano del palo, o hiphopeiro galego Malandrómeda ou a singular Hdyn co seu “galeguinglis” no cañero Campo da Leña; solpores internacionais con Fatoumata Diawara ou Ana Tijoux no parque de Santa Margarida; noites máis xuvenís como a de Arde Bogotá no porto; esas sesións case máxicas no Castelo de San Antón con nomes como Silvia Penide ou Mallou; ou pinchadas golfas como a de Meneo na Cormelana Sellier.
Tras dous días de dispersión, venres e sábado as olladas estaban postas na praia de Riazor. Faltou o Pop e o Rock na primeira xornada do Noroeste de area, substituído pola música electrónica de Dj Grobas, 2ManyDj’s e Parov Stelar. Ben abriu, con camiseta de ZERA, o histórico pincha da cidade a sesión de zapatilla, con temazos que xa fixeron bailar aos máis mdrugadores.
A contratación inextremis debeu pillar por sorpresa á banda belga 2ManyDj’s, pois só apareceu en escena un dos irmáns que a compoñen convertindo en obrigada a brincadeira do 1manydj. Así e todo, o Dewaele valeuse apra facer bailar coas súas mesturas do século pasado aos que xa enchían o areal.
Mágoa que a chuvia fixera acto de presenza xusto no intermedio que impediu que a magnífica posta en escea e divertida proposta musical de electro-swing de Parov Stelar brillara máis forte.
Volveron reinar o rock e o pop na xornada do peche do festival con dous concertazos que van lembrar os asistentes. Arrincaban Lory Meyers, unha das bandas máis asentadas do pop nacional das últimas dúas décadas, que se deixaron a pel no escenario cun bolazo tremendamente potente. Calaron moitas bocas dos que acusaban á banda de ser algo frouxa e fixeron bailar, cantar e vibrar un ateigado areal, incluída a alcaldesa Inés Rey, que como unha “groupie” máis cantou a máis de media ducia de temazos convertidos en himnos que ten a banda “granaína”. Que cara se lle puxo á rexedora de “é por min, díxoo por min!” cando Noni comentou pisando a area entre o público “esto que lo escuche la alcaldesa”…
Sacou o seu acento a cantante cando puxo a camisola do Deportivo, desexándonos sorte e explicando que o facía porque candp o equipo da súa cidade estaba pola terceira división puxera a camiseta nun concerto e o equipo ascendía a 1ª nun par de anos… A ver se lle pasa aos xogadores branquiazuis un anaco da enerxía que aínda garda tras case 20 anos sobre os escenarios.
Quedaba a traca final, e o cabeza de cartel non defraudou. Cunha banda espectacular, con 11 persoas sobre o escenario e uns coros que parecían anxos, a banda escocesa deu un auténtico recital de potencia centrando a súa actuación nos seus discos do século pasado (Screamadelica, Give Out But Don’t Give Up ou Vanishing Point), máis fornecidos de rock que de electrónica. A voz e a presenza de Bobby Gillespie facíase notar, moi ben acompañada por veteran@s como Simone Butler, toda unha demostración de elegancia ao baixo, Martin Duffy aos teclados ou Andrew Innes á guitarra. Pero tamén brillou con luz propia o saxo do novo e poderoso Alex White.
Pechou así unha banda de máximo nivel internacional un festival do que se espera algo de máis de coidados, de atención, de respecto, para que siga sendo unha cita imprescindible para media cidade.
O vindeiro luns, 14 de agosto, A Coruña acollerá unha nova edición da Batalla Naval na enseada do Orzán. O espectáculo, que contará cunha tirada de 735 quilos de fogos piroctécticos, ten unha duración prevista de 21 minutos.
Como é habitual, dispoñeranse dúas zonas de disparo dos fogos, facendo a clásica loita entre os barrios de Riazor e Monte Alto. A principal estará situada na coiraza das Escravas, desde onde se lanzarán 2.251 unidades pirotécnicas e a segunda zona de disparo será a Finca dos Mariño, onde se dispararán 3.975 unidades.
En total, nos 21 minutos previstos de duración realizaranse un total de 3.898 disparos,
2.251 dende as Esclavas e 1.647 dende Os Mariño, utilizando 12.047 unidades pirotécnicas que cubrirán o ceo da Coruña e a auga do Orzán e Riazor, coa combinación de fogos acuáticos e aéreos. O 72% dos fogos de artifico son de fabricación nacional.
Afeccións ao tráfico
Con motivo da celebración da Batalla Naval, mañá luns 14 de agosto levarase a cabo un
corte total do tráfico no Paseo Marítimo, entre a glorieta das Esclavas ata a Avenida de
Hércules en horario de 21.30 horas ás 00.30 horas. A extensión poderá ampliarse, se fose
necesario pola afluencia do público, ata San Roque.
Para a mobilidade na zona, para a saída de Monte Alto recoméndase tomar como
alternativa a rúa Vermar cara a Mariña-Parrote; e para a entrada a Monte Alto, ben pola
avenida do Porto ben pola rúa de San Andrés. No caso da Praza de España, recoméndase
a saída cara o túnel de Avenida do Porto ou pola rúa de San Andrés.
Máis actividades
A xornada complementarase ao longo do día con inicio do XXXVIII Certame de Habaneras
no marco das Festas de María Pita, que se celebrará do 14 ao 20 de agosto nos Xardíns de
Méndez Núñez. A primeira actuación corre a cargo das Corais dos Centros Cívicos, que
darán a coñecer as pezas a partires das 20.00 horas.
Tamén nos xardíns mañá, luns 14 de agosto, comeza a Feira do Libro Antigo e de Ocasión
que manterá as casetas ata o 3 de setembro para que todos aqueles amantes da lectura ou
coleccionistas se poidan achegar e mercar algún dos centos de libros expostos.