Inicio Blog Páxina 543

Atopan cinco estacións novas de petróglifos no parque eólico previsto por Greenalia en Oza-Cesuras

O Colectivo A Rula ben de estudar un interesente conxunto de petróglifos situados na contorna dos lugares do Freixo, Mundín, Penabelá e A Campiña. Un conxunto que está na mira dos intereses eólicos e que está integrado por unha ducia de gravados de gran interese localizadas nas terras escollidas para levantar un parque eólico de Greenalia e Galenergy.

Estes pequenos lugares, pertencentes a parroquia de Santa María de Regueira, concello de Oza-Cesuras, por causa da dispersión das súas vivendas, non teñen, a efectos de protección, a consideración administrativa de núcleos habitados, o que produce que as proxectadas estruturas eólicas poidan situarse ata un límite de só 200 metros coas vivendas, a diferenza do límite de 500 metros establecidos para os que teñen a consideración de núcleos habitados.

Vista aérea das estacións rupestres do Monte das Penas do conxunto rupestre de Seselle, en Oza-Cesuras / A Rula

Modificacións do parque eólico

Ata o momento, a descuberta de varias estacións rupestres por Bruno Prada e Santiago Seoane obrigou ás empresas promotoras do “Parque eólico Seselle”, Galenergy e Greenalia, a modificar o proxecto para adecualo á lexislación que protexe estes valiosos elementos patrimoniais. “Coidamos que, dada a importancia das descubertas, tamén debera servir para promover a prospección minuciosa dunha zona que está a amosar unha destacada concentración de xacementos rupestres”, indican desde A Rula que fixo un pormenorizado informe das estacións descubertas.

De feito, o Diario Oficial de Galicia publicou xa a aprobación do DIA deste parque, no que se inclúen medidas compensatorias para a protección e valorización destes xacementos, ademais da supresión dun muíño e a consabida repotenciación dos restantes.

Salvagardar os xacementos

“Facemos unha primeira descrición destas estacións co obxecto de que se coñeza o valor que atesouran e anime a un estudo máis ambicioso do territorio que sirva para salvagardar os xacementos, coñecidos e descoñecidos, das infraestruturas deseñadas para o futuro parque eólico. E, tamén, co obxecto de obter a catalogación das 5 estacións que non foron recollidas no informe de impacto realizado polas arqueólogas contratadas pola promotora eólica, así como os novos paneis rexistrados nos conxuntos xa catalogados”, indican desde o colectivo patrimonial.

Monte das Penas 2. Panel E. Imaxe con iluminación con luz artificial do conxunto rupestre de Seselle, en Oza-Cesuras / A Rula

Ata hoxe a investigación de Bruno tivo como resultado a localización de 10 estacións rupestres que comparten varias características comúns, enre eles, o soporte escollido para gravar, que en todas é unha dura ortogneis, de grans finos e cor moi escura, a rocha dispoñible na contorna. Tamén os afloramentos escollidos para gravar destacan polas súas dimensións no territorio inmediato no que se localizan xa que se fan en amplas superficies horizontais de penedas que superan os 2 metros de altura na maioría dos casos. Finalmente, os motivos representados en todas elas pertencen ao coñecido como grupo xeométrico, tendo os círculos concéntricos o papel protagonista, presentes en boa parte delas.

Os elementos catalogados máis próximos a estas estacións son dous castros, ao norte o castro de Bandoxa/Monte do Castro (GA15063004), e o castro de Cabreira (GA15026001) ao sur. Xa máis afastada, en dirección sueste, localízase a gran necrópole megalítica de Seselle/Brueiro formada por 7 mámoas. Tamén próximos se localizan os posibles restos do que algúns identifican co castelo de Teodomiro., no veciño concello de Aranga. Podes ver o informe completo aquí.

Decretan prisión sen fianza por homicidio para os dous detidos polo crime de Arteixo

0

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 da Coruña, en funcións de garda, decretou prisión provisional comunicada e sen fianza, por homicidio, para os dous detidos pola morte dun home en Arteixo (A Coruña), que recibiu uns disparos na rúa na tarde do domingo. Fíxoo tras pasar ambos este martes a disposición xudicial.

O falecido é un home de 42 anos, con iniciais G.S.R., porteiro dun local de lecer nocturno na cidade herculina, confirmaron, á súa vez, fontes consultadas por Europa Press.

Segundo informou Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os servizos sanitarios tiveron coñecemento dos feitos ás 17,55 horas do domingo e ao lugar enviaron unha ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado (SVA).

A vítima foi atendida e finalmente faleceu no punto. Desde a Garda Civil ratificaron que manteñen todas as hipóteses abertas en relación á investigación que se abriu tras os feitos.

Pola súa banda, o 112 confirmou que unha persoa alertou de que un home estaba ferido por arma en Arteixo. Segundo explicou, atopouse co home tirado na estrada, na rúa José Pérez Ballesteros, sen saber moi ben que sucedera ata que percibiu que había persoas con armas nos arredores.

Con esta información, os xestores do 112 Galicia pediron a colaboración dos axentes da Garda Civil e da Policía Local, ademais dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para atender ao ferido.

Á súa chegada ao lugar dos feitos, os axentes locais confirmaron que había unha persoa ferida por arma e urxían a asistencia médica, que chegou a bordo dunha UVI móbil, aínda que finalmente o home faleceu.

Así son as limitacións que o Concello de Coruña implantará ás Vivendas Turísticas

0

O Goberno municipal celebrou hoxe a segunda das mesas sectoriais organizadas con representantes de entidades vinculadas co sector das vivendas de uso turístico (VUT), para actualizar unha normativa que non se estaba a aplicar polas limitacións autonómicas existentes neste ámbito.

As recentes sentenzas que avalan a capacidade reguladora dos concellos neste sector, permiten que os Concellos tomen medidas reais, como se lle vén solicitando.

Así, o Concello da Coruña limitará as VUT aos baixos e primeiras plantas e a edificios completos, e só a edificios completos no ámbito Pepri, segundo recollía xa o planeamento en vigor desde o ano 2013.

Na mesa, o concelleiro recolleu as aportacións que lle fixeron chegar desde as entidades de cara a introducir novas regulación no sector. As partes quedaron emplazadas a un novo encontro antes de que finalice o ano, encontro no que cada unha das entidades fará as concrecións que considere de cara á nova normativa.

Concello e Xunta avanzan no desbloqueo do selado do vertedoiro de Nostián

Mantiveron esta mañá de martes 31 de outubro unha reunión entre o voceiro do Goberno municipal e concelleiro de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, e a vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Trátase do segundo encontro tralo mantido en setembro para abordar, principalmente, o encaiado selado do vertedoro de Nostián

Lage trasladoulle á conselleira que o proceso xa está en trámite, despois de que o executivo local chegase a un acordo coa concesionaria da planta. “A empresa asumiu os necesarios traballos para selar adecuadamente dita superficie, traballos que acometerá proximamente con recursos propios”, explican dende o consistorio.

Xabaríns

Ademais, os dous representantes de ambas as administracións asinaron hoxe tamén o convenio para poñer fin á presenza de xabarís no termo municipal coruñés, polo que a Xunta financiará as trampas e o Concello será o que desenvolva a “captura” na práctica.

Aseguran que se trata dun documento que non permite só unha solución conxuntural á situación actual, senón que establece un protocolo de actuacións a futuro.

Máis novas

Nova reunión para definir o novo concurso para a xestión da pranta de tratamento de residuos de Nostián

O xabarín como arma política

Despregadura policial na Ronda de Nelle, cunha persoa detida, nunha inspección técnica dun edificio ‘okupado’

0

Técnicos municipais do Concello da Coruña, bombeiros e Policía desprazáronse este martes ao número 120 da Rolda de Nelle, na cidade herculina, nunha actuación que formaba parte dunha inspección técnica do inmoble, con denuncias veciñais pola súa ‘ocupación’.

Entre outros, participaron axentes da Policía Nacional que chegaron a deter a unha persoa, segundo confirmaron desde o corpo policial a Europa Press. Non entanto, precisaron que esta detención non foi “dentro de ningún operativo” senón que se produciu cando realizaban “labores de apoio” na citada inspección do edificio. Outras fontes próximas ao caso sinalaron que se trataría dunha persoa en busca e captura.

IMPEDIR DESPRENDEMENTOS

Pola súa banda, desde o consistorio explicaron que técnicos de Medio Ambiente, Servizos Sociais, Urbanismo e bombeiros acudiron esta mañá ao inmoble para comprobar a súa seguridade e impedir desprendementos e situacións potencialmente perigosas e garantir a seguridade das persoas. Esta actuación, engadiron, desenvolveuse ante a “ausencia de medidas” por parte do propietario da vivenda ao que se lle require “desde 1999” que actúe respecto diso.

Un conto de defuntos

A miña avoa materna morreu xusto antes da pandemia e aforrouse o medo de estar soíña na residencia todos eses meses.
No tanatorio puxéronnos unha especie de catering funerario nun carriño portátil, con bocadillos de embutido e variedade de zumes e boliños. Ninguén probou bocado, os nudos na gorxa e no estómago impedían a deglución e a dixestión.
A noite antes do funeral, cando nos dispoñiamos a marchar á casa, unha amiga da miña nai decidiu que era un crime deixar todos eses manxares no tanatorio, que o ocaso pagara iso, e comezou a envolver os bocatas e os boliños en panos de papel e a embutilos (valga a redundancia) no meu bolso, que non era moi grande. Os bocadillos desfacíanse e o pan e o embutido mesturábanse coas miñas pertenzas, incluso algún sobresalía polo bolso atestado de comida.
Saímos rindo da sala e ó pasar pola recepción tiven que morderme a lingua para poñer cara de dor e non parecer unha desalmada. O arrecendo a lomo e chourizo que deixaba ó meu paso podería espertar ós mortos.

O día seguinte celebrábase o funeral. Eu debía pensar que estabamos en Austin Texas e quería falar da miña avoa, das noites que a miña irmá e máis eu pasabamos na súa casa vendo Informe Semanal, de como nos quentaba as mans e os pés (non había calefacción) a base de fregas, do que lle encantaba a romería da Silva e de Santa Margarida, o San Xoán, o ramo (ruda fiuncho herbaluisa romeu fento xesta malva) e as sardiñas, dos centos de veces que nos contou a historia do porco tinguido de verde por arrimarse á porta da casa pintada polo seu pai, de como quería reunirse co noso avó Eduardo e os seus pais alá no ceo, de cando nos dicía que os cemiterios non daban medo porque estaban cheos de flores, de que tiñamos que temer a algún vivos e non ós mortos, das castañas e as cabazas, e así de mil cousas.

Pero resulta que o cura tiña outros plans e sacoume a ler algo de San Xoán creo, e eu comecei a ler pero o meu cerebro levábame á Silva, á fonte de Cances, ós ramos de San Xoán, ó porco e a todo o bonito, e comecei a choromicar, a hipar e a moquear, e tivo que saír unha señora a seguir lendo unha carta ós Tesalonicenses ou ós Corintios ou a Deus sabe a quen, porque eu estaba a outra cousa.

Lembro todo isto porque un ano máis chegan as celebración de tódolos santos e tódolos defuntos, e é o momento para rendir homenaxe ós nosos devanceiros e acudir ós cemiterios e levar as flores, pero se cadra tamén para facer colares de castañas, carvar as cabazas, desempoar os álbums de fotos antigas, saír ó truco ou trato (antigamente unha limosniña para os defuntiños) polos barrios coruñeses (case todos o celebran), disfrazarse de meiga ou de Jason ou de Santa Compaña, e rir despois de chorar.

 

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

Unha homenaxe á poeta Luísa Villalta no Día de Todos os Santos coruñés

0

A poeta coruñesa, figura escollida pola Real Academia Galega para a conmemoración das Letras Galegas 2024, recibirá este mércores 1 de novembro, unha homenaxe na tradicional ofrenda floral de Todos os Santos, no cemiterio municipal de Santo Amaro.

“Luísa Villalta representa toda a liberdadade e inconformismo que nos identifica aos coruñeses e coruñesas, así como o profundo liderado cultural que ten a nosa cidade e que queremos reivindicar e lembrar coa homenaxe á súa figura” explican dende o consistorio.

O Concello aproveitará que se conmemora o 20 aniversario do seu falecemento para renderlle esta singular homenaxe. A cerimonia comezará na Cruz dos Esquecidos coa actuación da Coral Polifónica Follas Novas, e o e percorrido rematará coa tradicional ofrenda no monumento aos Mártires pola Liberdade, en recordo a todas as vítimas do franquismo na Coruña.

Ademais, o Concello neste 2023 recordará o 50 aniversario do voo 118 de Aviaco, considerada a maior traxedia aérea de Galicia con 85 persoas falecidas, 79 pasaxeiros e seis tripulantes, a totalidade de persoas a bordo do avión.

Máis novas

Luisa Villalta será a homenaxeada o Día dás Letras Galegas 2024

 

Coñecendo o Cemiterio de Santo Amaro coa Asociación Cultural Alexandre Bóveda

 

Nova edición do ‘Butaca de Jazz’ dentro do proxecto solidario ‘Cultura por Alimentos’

0

Afundación promove a cuarta edición do ciclo de concertos ‘Butaca de Jazz’ na súa sede da Coruña cun cartel que inclúe nomes como Alberto Vilas, Rita María e Filipe Raposo e a banda Sumrrá.

O festival celébrase no marco do programa solidario de Afundación ‘Cultura por Alimentos’ polo que a entrada a cada concerto será a realización dunha doazón de alimentos, ademais de retirar a entrada en Ataquilla.com.

No caso de que non se realice a doazón, deberase abonar a entrada. Os alimentos depositaranse nos colectores habilitados na entrada do auditorio para ser logo entregados ao Banco de Alimentos Rías Altas.

Na presentación desta mañá interviñeron, entre outros, Marité Cores, coordinadora da área de Cultura de Afundación, quen destacou que “se trata dun ciclo xa consolidado no outono coruñés co que pretendemos ofrecer unha oferta de jazz de alto nivel con propostas galegas, nacionais e internacionais”.

 

O Club Béisbol e Sófbol de Cambre lanza unha campaña polo 25N

0

Inundar as redes con mensaxes sobre igualdade e contra a violencia de xénero. Ese é o obxectivo que o Club de Béisbol e Softbol Cambre se marca na súa campaña anual polo 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A campaña, que durará todo o mes de novembro, constará de varias actividades. Por unha banda, as redes sociais do Club Cambre CBS (Facebook, Twitter e Instagram) servirán para publicar numerosas mensaxes de concienciación a prol da igualdade e contra a violencia machista. O obxectivo, segundo explicou o presidente, “é chegar ao maior número de persoas posible, cubrindo a veciños de todas as idades”.

Ademais, dentro da programación do 25N, o Club celebrará dúas citas deportivas: o Torneo a favor da loita pola tolerancia e a non violencia de xénero e o Torneo a favor da Igualdade entre Homes e Mulleres.
A primeira terá lugar o sábado 18 de novembro e participarán equipos júnior-infantil do CBS Cambre, Club Lume (Lugo) e Club Os Tilos (Teo).
O segundo acto terá lugar o sábado 25 de novembro e contará coa participación de CBS Cambre A, Cambre B e Cambre C. Ambos os actos terán lugar no pavillón do Temple. A maiores, a entidade tamén preparou unhas chapas conmemorativas coa mensaxe Todos somos béisbol e softbol.

Roi Grobas lanza “Tigre”, o seu novo vinilo

0

Este venres, 3 de novembro, o DJ e produtor coruñés Roi Gorbas lanzará o seu novo vinilo, Tigre. Trátase dun EP intimista con catro temas no que homenaxea a quen foi o seu compañeiro de risas, aprendizaxes e aventuras nos últimos anos: “Tigre”. A obra poderase escoitar a partir do venres 24 de novembro en Beatport e, a partir do 8 de decembro, no resto de plataformas dixitais.

Codirector do selo Fanzine Records e do festival Fanzine Fest, é, sen dúbida, unha das figuras imprescindibles do techno nacional das dúas últimas décadas. Destaca ademais o seu afán dinamizador da cultura local de clubs e promotora de citas como eventos FIRC ou FECEC.