Inicio Blog Páxina 544

A alcaldesa da Coruña garante a subministración de auga, aínda que apela ao consumo responsable

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, manifestou que a subministración da auga na cidade está “garantido” ao estar o encoro de Cecebre “a máis dun 60 por cento de capacidade”.

Fíxoo, a preguntas dos xornalistas, despois de que a Xunta declarase a situación de seca prolongada nas concas hidrográficas da Coruña, Arteixo e Betanzos, ademais de en Ferrolterra e na Mariña, ante a ausencia de precipitacións.

Rei apelou a facer un “uso responsable da auga“, aínda que precisou que “polo momento” o encoro de Cecebre “está a máis dun 60 por cento de capacidade”. “Teriamos garantido a subministración ata finais de ano aínda que no último trimestre sexa época de menos choiva, se se complicase a situación veriamos as medidas a tomar”, apostilou.

Comeza unha nova ‘Viñetas desde o Atlántico’ reivindicando a presenza da muller na banda deseñada

0

Este luns arrincou a 26 edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña, ‘Viñetas desde o Atlántico 2023’, que reivindicará a presenza da muller no cómic.

Desde hoxe a cidade herculina convértese na capital da banda deseñada con máis dun centenar de propostas artísticas, que inclúen exposicións, firmas con autorías de referencia do sector, música, un ciclo de cinema de animación, talleres infantís e profesionais, visitas guiadas e mesas redondas, entre outras iniciativas.

A alcaldesa herculina, Inés Rey, tomou parte esta tarde no acto oficial de inauguración das ‘Viñetas desde o Atlántico 2023’, celebrado no exterior da Sala Municipal de Exposicións do Quiosco Alfonso.

Rey subliñou que “as Viñetas é un proxecto de cidade, de carácter colectivo, e unha marca asociada á identidade da Coruña”. Na súa intervención, a rexedora puxo en valor a proposta e obxectivos marcados para esta edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña. Da mesma, dixo que busca “dar voz e presenza ás mulleres do cómic, así como render homenaxe a figuras desaparecidas recentemente”.

Alerta nas rías da Coruña e Betanzos por seca prolongada

A Xunta declarou a situación de seca prolongada nas concas das rías da Coruña e de Betanzos, así como nos sistemas de abastecemento das comarcas de Ferrolterra e A Mariña, co obxectivo de anticiparse á redución dos caudais e ante a falta de choivas nestas zonas.

Así o acordou a Oficina Técnica da Seca da Xunta, que estivo presidida este luns polo xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, e á que acudiron técnicos deste organismo, así como representantes das consellerías de Sanidade e Medio Rural, Meteogalicia e Protección Civil. En concreto, a reunión declarou a seca prolongada en nove dos 19 sistemas de explotación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, que é de competencia autonómica, tal e como informa o Goberno galego nun comunicado.

Isto afecta aos seguintes sistemas: río Mero, Arteixo e ría da Coruña; río Mandeo e ría de Betanzos; río Eume e ría de Ares; Ferrol; río Mera, ría de Santa Marta de Ortigueira e ría de Cedeira; río Sor, ría Santa Marta de Ortigueira e ría de Viveiro; río Landro e río Ouro; río Masma; e ría de Ribadeo.

A decisión adoptouse tras avaliar a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas de Galicia-Costa. Así, constatouse que as precipitacións do mes de xullo sufriron unha anomalía media dun 43% inferior aos valores normais.

MANTENSE A PREALERTA POR ESCASEZA

A maiores, desde o 21 de xullo permanece activada a prelaerta por escaseza –mide o nivel de risco no abastecemento en función das reservas dispoñibles– nos sistemas do río Mero, Arteixo e ría da Coruña; na conca do río Anllóns e a costa da Coruña ata o límite de Arteixo; e no subsistema de Baiona.

Sobre o futuro máis próximo, a Oficina da Seca da Xunta tamén tivo en conta que as previsións falan dun agosto de “precipitacións escasas” e que, igual que o pasado xullo, algunhas zonas poderían sufrir un déficit de choivas que faría diminuír os caudais medios circulantes. Por isto mesmo o organismo técnico mantén a prealerta por escaseza ou “escaseza moderada”.

SITUACIÓN XERAL DE NORMALIDADE

A ocupación actual dos encoros, a data 3 de agosto de 2023, na demarcación Galicia-Costa é da 81,63% da auga embalsada, un valor que se atopa 1,17 puntos por baixo da ocupación do mesmo período en 2022. En xeral, salvo excepcións, os niveis están en niveis de normalidade.

Na presa de Cecebre, na conca do río Mero, Arteixo e ría da Coruña –onde se declarou a seca prolongada–, a ocupación a 31 de xullo era do 64,43%. No caso da do río Anllóns, seguen á baixa os niveis de caudal.

Suspendida a vista pola posible posta en liberdade dos policías acusados da morte de Diego Bello

O tribunal encargado de levar a cabo o xuízo contra os tres policías filipinos acusados de asasinar o coruñés Diego Bello, en xaneiro de 2020, decretou a suspensión da vista prevista para este luns na que se ía a estudar a peticion dos axentes de saír en liberdade baixo fianza, á espera do inicio do proceso.

Así o informa a familia do mozo coruñés en base á notificación trasladada polo tribunal, que sinala que se está á espera de que a Corte Suprema do país decida sobre a petición da familia de Diego de que se traslade o xuízo a un tribunal da capital, Manila, “para unha maior dilixencia na tramitación do caso”. O tribunal de Dapa, ao sur do país, xurisdición onde se produciron os feitos, na illa de Siargao, non entra a valorar a petición dos policías e apraza a vista ata coñecer a decisión da Corte Suprema.

Nun comunicado, a familia lembra que “a lei filipina prohibe textualmente a concesión de liberdade baixo fianza a acusados en casos de asasinato como este, dándose, ademais, a circunstancia de que os policías estiveron prófugos da xustiza do seu país durante dez meses antes de entregarse voluntariamente en marzo deste ano”. Os tres tamén están acusados de falsificar probas “para xustificar a morte de Diego Bello”, apuntan.

The Waterboys ofrecen este martes un concerto na Coruña

0

A banda británica The Waterboys actuará este martes, día 8, na praza de María Pita, nun concerto programado a partir das 22,00 horas, segundo informa o consistorio.

A súa actuación, sinala, porá o “punto e seguido” ás ‘Noites de María Pita‘, ciclo de concertos incluído dentro da programación das festas da cidade durante o mes de agosto.

A formación conta con numerosos discos de éxito como ‘This is the sexa’ (1985), ‘Fisherman’s Blues’ (1988) ou ‘Room to room’ (1990). A formación fíxose popular pola súa mestura de estilos rock e pop co folclore irlandés.

Noutra orde de cousas, o consistorio fixo pública a resolución definitiva das axudas de creación artística para artistas individuais empadroados na Coruña, unha iniciativa que ten como finalidade “contribuír á creación de proxectos artísticos durante este ano”. As bases da convocatoria, dotada cun orzamento de 180.000 euros, aprobáronse a comezos de febreiro en Xunta de Goberno.

A Fundación Diego González Rivas leva a cirurxía minimamente invasiva a Serra Leoa e Liberia

0

Novo fito conseguido pola Fundación Diego González Rivas. Apenas uns meses despois da súa presentación oficial, a entidade do recoñecido ciruxán coruñés conseguiu levar a pioneira técnica cirúrxica mínimamente invasiva de Uniportal VATS, a dous países como Serra Leoa e Liberia. Era a primeira vez na historia dos países africanos que se realizaban intervencións caoma estas, gracias á a Fundación Diego González Rivas, e co apoio da Fundación Real Madrid e da Fundación Laliga.

A técnica mínimamente invasiva uniportal do VATS desenvolvida permitiu realizar intervencións cirúrxicas en pacientes con pulmón afectado por tuberculose e aspergiloma, afeccións que presentan un alto grao de complexidade. Esta innovadora técnica cirúrxica permitiu extirpar tumores e realizar intervencións con mínimas incisións, beneficiando aos pacientes cunha recuperación máis rápida e menos dolorosa.

Diego Gonzalez Rivas cun neno operado con VTS en Sierra leona_03 copia
Diego Gonzalez Rivas cun neno operado con VTS en Sierra Leona

Toda unha aventura

O equipo dirixido polo doutor González Rivas enfrontouse a retos extremos na súa misión humanitaria. As condicións dos hospitais de Connaught en Freetown, Serra Leoa e do hospital JFK de Monrovia, Liberia resultaron moito máis adversas do esperado, faltando equipos médicos esenciais, incluíndo a ausencia de cámaras de vídeo, sistemas de terra adecuados e tubos para intubar, entre outros elementos básicos para realizar. intervencións cirúrxicas.

Fundacion Diego Goinzalez Rivas operando en sierra leona_01
Operando en Sierra Leona

“Por primeira vez na miña vida, avaliamos pacientes con radiografías de tórax (non había tomografías computarizadas dispoñibles) e non había equipos toracoscópicos en todo o país. Doamos un toracoscopio portátil e unha cámara, un conxunto completo de instrumentos VATS: broncoscopios, tubos traqueais, drenaxes, etc. Foron meses de traballo a través da nosa fundación para facer posible este momento histórico”, sinala o cirurxián coruñés. A Fundación doou aos dous hospitais todo o material necesario para que se poidan realizar cirurxías minimamente invasivas.

“Operar nestas condicións foi un milagre. Afrontámonos con situacións extremas, pero grazas á dedicación do equipo e ao apoio da fundación, puidemos prestar unha atención médica vital a quen o necesitaba”, dixo o cirurxián herculino.

Nun emotivo encontro, o doutor González Rivas foi recibido polo ministro de Sanidade de Serra Leoa, Austin Demby, a quen detallou todas as intervencións realizadas no hospital de Freetown. O conselleiro expresou o seu agradecemento, tamén en nome do presidente do país, polo labor humanitario, a dedicación e o progreso médico que o doutor González Rivas e a súa fundación levaron ao seu país, beneficiando a comunidades necesitadas con cirurxías minimamente invasivas que marcaron un momento histórico precedente no país.

Ademais, os medios nacionais de Serra Leoa e Liberia fixéronse eco da histórica contribución histórica do doutor Diego González Rivas e da súa fundación.

”Xuntos, estamos a traballar para facer posible unha cirurxía global de calidade e seguir aportando esperanza e atención médica a aqueles que máis o necesitan”.

A Coruña acollerá a finais de agosto unha nova edición da Tall Ships Races Magallanes-Elcano

Máis dunha decena de grandes veleiros recalarán a finais de agosto na Coruña con motivo da Tall Ships Races Magallanes-Elcano, segundo informa o consistorio.

Farao sete anos despois da súa presenza nela. Coa volta da regata, que recalará no porto por décima vez, A Coruña convértese na cidade máis visitada pola Tall Ships na súa historia.

As embarcacións, abanderadas por España, Portugal, Uruguai, Reino Unido, México, Italia, Polonia e Dinamarca, competirán na cidade entre os días 24 e 27 deste mes.

Máis de 250.000 persoas visitaron os Museos Científicos Coruñeses desde inicios de ano

No que vai de ano, 252.056 persoas visitaron as instalacións dos Museos Científicos Coruñeses. As visitas á Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae supoñen un incremento do 24 % con respecto ano anterior dando conta da renovación continñúa que viven estes centros interactivos.

Destaca o aumento no Aquarium Finisterrae, no que se contabilizaron 133.293 visitantes no que vai de ano. Marcos Pérez Maldonado, director dos Museos Científicos Coruñeses, indicou que “neste primeiro semestre de ano, as cifras relativas ao Aquarium foron moi boas, grazas ao éxito da campaña escolar e á boa afluencia do público local. No verán mantemos esa tónica, pero a visita segue sendo cómoda porque a nosa prioridade sempre é que a experiencia do público sexa gratificante”.

Ademais, tamén nestes primeiros sete meses de 2023, detectouse un incremento de visitas
na Domus, cun balance de 65.946 persoas rexistradas, superando amplamente o dato parcial para o mesmo período do ano pasado: entre xaneiro e xullo de 2022 contabilizáronse 47.077 visitantes.
Por outra banda, no que vai de ano, na Casa das Ciencias rexistráronse 53.267 visitantes,
superando tamén o dato parcial para o mesmo período no 2022, cando pasaron polo museo
44.766 persoas.

Durante a presentación das cifras, lembraron o caso da Casa das Ciencias, que no 1985 converteuse no primero museo público interactivo de España.

Horarios

O horario de verán dos Museos Científicos Coruñeses esténdese ata o 31 de agosto. A inicios de xullo, os Museos Científicos Coruñeses deron comezo ao seu horario de verán, que se estenderá ata o xoves 31 de agosto. Ata entón, abrirán as súas portas desde as 10.00 ata as 20.00 horas, aínda que o acceso pechará ás 19.00 horas no Aquarium Finisterrae e ás 19.30 horas na Casa das Ciencias e na Domus.
Os tres museos contarán, ademais, cunha programación especial de sesións de planetario,
actividades e proxeccións audiovisuais.

 

Arrinca o 26º Salón Internacional do Cómic da Coruña

0

Hoxe luns, 7 de agosto, arranca o 26º Salón Internacional do Cómic da Coruña, Viñetas desde o Atlántico 2023. Durante os próximos sete días, até o domingo 13 de agosto, a cidade herculina convértese na capital universal da banda deseñada, con máis dun centenar de propostas artísticas, que inclúen exposicións, sinaturas con autorías de referencia do sector, música, un ciclo de cinema de animación, obradoiros infantís e profesionais, visitas guiadas, mesas redondas, etc.

O programa de Viñetas 2023 previsto para este luns, 7 de agosto, propón, ademais da apertura das súas sete exposicións, o primeiro dos obradoiros infantís de Viñetas Lab, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, ás 19.00h, e o concerto de Hongo, ilustrado por Paz Rodríguez, Luis Yang e Julia Abalde, ás 21.00h, no Teatro Colón.

A Rúa da BD, que reúnen máis de 40 stands profesionais de editoras e librarías coa mellor selección editorial de banda deseñada de hoxe e de sempre, comezará a súa andaina de 18.00 a 21.00h e, nesta tarde de luns, contará coas sinaturas de Jorge Campos (Anaya), Paula Chesire (Fandogamia) e Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias (T-Raptor Editorial).

PROGRAMA ACTIVIDADES LUNS 7 DE AGOSTO

EXPOSICIÓNS VIÑETAS 2023

CONCERTO DE HONGO, ILUSTRADO POR PAZ RODRÍGUEZ, LUIS YANG E JULIA ABALDE. Luns 7 de agosto, ás 21.00h. No Teatro Colón

VIÑETAS LAB. No Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez.
Luns 7 de agosto, 19.00h. Martes 8 a venres 11, 18.00 e 19.00h. Sábado 12 e domingo 13, 12.00, 18.00 e 19.00h. De 6 a 12 anos. Cómpre inscribirse a través de ludidactica@gmail.com e no propio Palco da Música antes de cada obradoiro sempre que houbese prazas libres.

 

‘Rock en Familia’ abre a segunda semana das Festas de María Pita

0

Este luns, a praza de María Pita acollerá o espectáculo para todos os públicos ‘Rock en Familia’, que servirá para abrir a segunda semana das Festas de María Pita 2023. A actuación comezará ás 20.00 horas e forma parte do ciclo ‘Noites de María Pita’, que enche de música a praza durante este mes de agosto.
‘Rock en Familia’ é un espectáculo pensado para todas as idades, no que grandes e pequenos poderán gozar por igual da experiencia da música en directo, ao tempo de descobren a historia e as cancións dalgúns dos e das artistas máis importantes da historia
do rock e do pop.

Este luns celebraranse tres espectáculos diferentes dentro do formato de ‘Rock en Familia’:
Descubriendo a Ramones, I Love Rock and Roll e Descubriendo a Guns ‘n Roses. A través
do contacontos O Oso Rosendo e diferentes bandas tributo, repasarase a traxectoria de
formacións como Ramones, AC DC, Nirvana, The Beatles, Guns ‘n Roses ou Queen.

Programación Noites de María Pita

● 8 de agosto, 22.00 horas: The Waterboys
● 13 de agosto, 22.00 horas: Los40 Summer Live: Zzoilo, Leo Rizzi, Marlon, Hilario,
Paula Cendejas, Polo Nández, Álvaro de Luna, Nickzzy, Miki Núñez, Charlie USG e
Paula Koops.
● 15 de agosto, 22.00 horas: Xabier Díaz
● 16 de agosto, 22.00 horas: Umberto Tozzi
● 20 de agosto, 22.00 horas: Mangüi sempre en nós. Concerto homenaxe-celebración a Manuel Martín “Mangüi” con Os Diplomáticos de Monte-Alto, Antón Reixa, Bieito Romero, Josito Pereiro, Mercedes Peón, Paco Lodeiro, Uxía…