Inicio Blog Páxina 55

107 actividades e 1.415 prazas para a mocidade no plan Nocturnia 2026

Boa ocasión para a mocidade de 12 a 30 anos de participar en singulares actividades durante este verán. O  Concello da Coruña presenta unha nova edición de Nocturnia, o programa municipal de lecer saudable para a mocidade, que nesta convocatoria primavera-verán ofrecerá 107 actividades e 1.415 prazas entre os meses de abril e xullo. “Esta iniciativa do Goberno de Inés Rey consolídase como unha das principais propostas municipais de ocio alternativo para as fins de semana, cunha programación gratuíta e diversa pensada para responder aos intereses da mocidade coruñesa”, indicou Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade.

A edición de 2026 reforza a variedade da oferta, combinando actividades ao aire libre, obradoiros creativos, propostas tecnolóxicas, experiencias culturais e disciplinas deportivas.
Entre as novidades desta convocatoria figuran a vía ferrata da Senda do Santo, en Cedeira; a escapada natural á costa de Dumbría durante unha fin de semana; os talleres NocturniaTech dedicados á iniciación á programación e á lóxica e á creación con intelixencia artificial; o taller de proxector estenopeico para observar o eclipse solar de forma segura; a produción musical con LMMS; o roteiro ambiental urbano sobre os anfibios da cidade e o taller de electrónica sostible.

Xunto a estas novas propostas, Nocturnia recupera tamén actividades con grande demanda entre a mocidade, como as rutas medioambientais por espazos singulares de Galicia —
entre elas Costa de Xove, Faro de Cabo Home, Cabo Touriñán e Caldeiras do Castro ou a ruta dos Fornos con entrada á Mina Consuelo e tirolina—, os obradoiros artesanais de linogravado, estampación, colaxe, bordado e arte sostible, os itinerarios dramatizados sobre a historia da cidade e actividades deportivas como a iniciación ao surf, a escalada na rocha, as telas aéreas ou o roller derby.

Inscricións

As inscricións para as actividades dos días 24 e 25 de abril permanecerán abertas ata este
xoves 23 para xente moza, de 12 a 30 anos. A partir de aí, os prazos de reserva iranse abrindo semanalmente para as actividades de cada fin de semana.
A programación completa e toda a información sobre as inscricións poden consultarse na web municipal coruna.gal/nocturnia e no perfil @nocturniacoruna.

Arranca o EMHU 2026, que volve colocar A Coruña como a capital da risa

0

Este xoves 23 de abril arranca a sexta edición do Encontro Mundial de Humorismo (EMHU), a cita que afianza á cidade da Coruña como o epicentro da comedia a nivel estatal. Durante 11 xornadas ata o vindeiro 3 de maio, máis de 40 artistas reuniranse na localidade herculina para facer rir sen acougo ao público cunha oferta de 19 espectáculos, ademais de diversas actividades paralelas como conversas, proxeccións ou exposicións.

Álex Clavero, Arantxa Treus, Bárbara Grandío, Carolina Iglesias, Daniele Finzi Pasca, David Amor, David Cepo, David Perdomo, Eva Hache, Eva Soriano, Facu Díaz, Galder Varas, Ignatius Farray, Jazmín Abuín, Jesús el Negro, JJ Vaquero, La Forte, Laura Márquez, Luis Piedrahita, Miguel Lago, Miguel Miguel, Nanutria, Omayra Cazorla, Rober Bodegas, Roberto Vilar, Victoria Martín, Wilbur, Xosé A. Touriñán e Yunez Chaib, xunto ao elenco de Corta el cable rojo, son protagonistas dunha programación á que se unen, a través das súas actividades paralelas, nomes como Billy Bluff, Candela Sierra (Premio Nacional de Cómic 2025), Dani Fontecha e Alfonso ‘Cocituber’, Jöns Pappila, Malena Alterio, Nikki García e Xavi Puig (El Mundo Today), Riki Blanco e Ximena Feijoo, ademais da ‘troupe’ da Escola de Impro da Coruña.

Máis da metade da programación troncal do EMHU son novidades: o público poderá asistir a 4 estreas absolutas (Caso, Chisteria colectiva, Contra todo pronóstico e Pintando a mona xuntos) e 6 espectáculos que se presentan por primeira vez en Galicia (Disparate, Estirando el chicle: el show de Mentira y Traición, Estoy como nunca, Ícaro, Nanutria en A Coruña e Yunez Chaib en directo). Esta aposta polo contido inédito converte ao EMHU (que conta co apoio do Concello da Coruña, Turismo da Coruña, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, Xacobeo 2027 e Estrella Galicia) nunha cita ineludible para os amantes das artes escénicas.

11 xornadas de risas ininterrompidas

Este mesmo xoves, o Teatro Colón abrirá as súas portas coa dobre función de Corta el cable rojo (19:30 e 22:00 horas), un fenómeno da improvisación que marcará o ton de once días de risas ininterrompidas. Este arranque inicial completarase o venres 24 co humor canario de Omayra Cazorla co seu Disparate e unha das citas de balde máis agardadas de cada edición: o Match de Impro protagonizado pola Escola de Impro da Coruña. Ambas as dúas sesións terán lugar en Afundación.

A primeira fin de semana elevará a aposta con grandes formatos como a produción propia Animus Iocandi —protagonizada por David Perdomo, Ignatius Farray e Laura Márquez—, a dobre función de Pintando a mona xuntos, o show conxunto de Miguel Lago e Roberto Vilar, e o fenómeno de masas Estirando el chicle (que foi recoñecido co Premio EMHU Fenómeno 2022). Carolina Iglesias e Victoria Martín regresan ao Encontro Mundial de Humorismo para presentar por primeira vez en Galicia, ante máis de 1.600 persoas no Pazo da Ópera, Estirando el chicle: el show de Mentira y Traición. A programación complétase coa estrea en Galicia do novo monólogo de Nanutria.

Segunda semana

A partir do martes 28, a actividade multiplícase en diversos escenarios e propostas, como as estreas en Galicia do novo directo de Yunez Chaib ou de Estoy como nunca de La Forte, ata as visitas guiadas á exposición Comedy Wildlife na Sede Afundación. A semana continuará nos Cantones Cines (que se suman por primeira vez como sede) coa proxección de Sujétame el cubata e o coloquio posterior con JJ Vaquero, e coa estrea absoluta de Caso, de Rober Bodegas.

O venres 1 o Encontro Mundial de Humorismo ofrecerá unha curiosa charla sobre procesos creativos que nacen e desenvólvense en grupos de WhatsApp e na que participarán Luis Piedrahita, Candela Sierra (Premio Nacional de Cómic 2025), Nikki García (a voz de Google Maps), o deseñador gráfico Riki Blanco, a produtora Ximena Feijoo ou Xavi Puig (de El Mundo Today); mentres que a Praza de María Pita acollerá o espectáculo infantil El velocípedo mágico. Esa mesma mañá, e ata o día 3, celebrarase Fracaso Calidade, o primeiro curso de clown que ofrece o EMHU e que impartirá o recoñecido Jöns Pappila.

O broche de ouro coincidirá coa ponte de maio, trasladando a actividade a Palexco para as galas multitudinarias Humoris Causa e Chisteria Colectiva, con nomes como Eva Soriano, David Amor ou Galder Varas. A recta final incluirá tamén o humor físico de Wilbur, a gravación de Torreznos Podcast con Cocituber e Dani Fontecha, e a poética de Daniele Finzi Pasca con Ícaro. O festival concluirá o domingo 3 coa charla Mi media comedia entre Eva Hache e Malena Alterio e coa gala vespertina Fantastic Colofon, conducida por Luis Piedrahita, Eva Hache e JJ Vaquero, e na que se entregarán os Premios EMHU 2026 á traxectoria e ao talento dixital para pechar esta sexta edición.

Premios EMHU 2026

O Encontro Mundial de Humorismo recoñece este 2026 a Malena Alterio, El Mundo Today e Daniele Finzi Pasca pola súa contribución ao mundo do humor e da comedia.

Ademais, por primeira vez, EMHU premiará a efervescencia creativa no mundo das redes sociais coa incorporación do galardón ao talento dixital, que este ano se outorgará ex aequo a creadoras e creadores de contido de Galicia: Tamara García Romero (grtamara), Pablo Meixe, Santiago Caamaño (Champi Muros), María Foscaldo (Mery Fos), Xurxo Carreño, Pepe e Lucas Romeu (Pepe y Lucas), Oliva Lojo (Oliva sin hache), Oveya Nejra e Prado Rúa.

9 creadores galegos serán recoñecimos co novo galardón ao talento dixital no EMHU

Última chamada para as entradas

A un día de comezar a sexta edición do Encuentro Mundial de Humorismo, varios espectáculos xa penduraron o cartel de “entradas esgotadas”. É o caso de citas como Chisteria Colectiva, Estirando el chicle: el show de Mentira y Traición, Fantastic Colofon ou Humoris Causa. As últimas localidades dispoñibles pódense adquirir en emhu.es e ataquilla.com.

Máis novas

A sexta edición do Encontro Mundial de Humorismo celebrarase na Coruña do 23 de abril ao 3 de maio de 2026

Facu Díaz, Ignatius Farray, Laura Márquez, David Perdomo, Jöns Pappila ou A Escola de Impro, novidades do EMHU 2026

O EMHU, para todos os públicos e idades

Detida unha parella por roubos con forza na área metropolitana da Coruña

Axentes da Garda Civil detiveron a un home de 32 anos de idade e a unha muller de 26 anos, ambos os veciños de Bergondo, como supostos autores de múltiples roubos cometidos en municipios da área metropolitana da Coruña, no marco da chamada Operación Audel.

As investigacións iniciáronse o pasado mes de decembro, tras un roubo con forza rexistrado nun establecemento de hostalaría en Guísamo (Bergondo). A partir de aí, detectouse un incremento deste tipo de roubos pola zona, en municipios como Bergondo, Cambre, Sada e Oleiros.

O ‘modus operandi’ consistía no acceso mediante forza a vivendas particulares, segundas residencias, leiras rurais e construcións anexas. Do interior destes inmobles subtraían unha gran variedade de efectos, incluíndo xoias, reloxos, ferramentas, maquinaria agrícola, electrodomésticos e equipos electrónicos e de telefonía.

Tras a obtención dos primeiros indicios, a Garda Civil estableceu un dispositivo de vixilancia e, con autorización xudicial, procedeuse á entrada e rexistro do domicilio dos sospeitosos. Alí, os axentes puideron recuperar numerosos efectos roubados, e tamén interviñeron un vehíuclo utilizado para os seus desprazamentos e para a comisión dos delitos. Os detidos e as dilixencias practicadas foron postos a disposición do tribunal de instancia de Betanzos, sección civil e de instrución, praza 4, que decretou o ingreso en prisión dun dos investigados.

Delegados da CIG-Banca mobilízanse na Coruña contra os despedimentos e a presión comercial

Delegadas e delegados de CIG-Banca secundaron unha xornada de mobilizacións na cidade da Coruña ante distintas entidades bancarias para denunciar, entre outras cuestións, despedimentos e a “presión comercial”. As protestas realizáronse de maneira consecutiva ante as sedes de Abanca, BBVA e Banco Santander, denunciando o que consideran “represión sindical” na primeira; “presión comercial” na segunda e “despedimentos e peche de oficinas” na terceira.

As mobilizacións comezaron na oficina territorial do BBVA situado no Cantón Pequeno, continuaron na do Banco Santander na mesma rúa e concluíron diante da oficina principal de Abanca. Segundo o sindicato, estas accións buscan dar visibilidade á situación que atravesa o persoal do sector ante as estratexias de reestruturación e a carga de traballo nas oficinas.

Alvedro asumirá 140 voos máis semanais polas obras en Lavacolla

0

Aena pechará desde este xoves, día 23 de abril, e até o 27 de maio, as operacións no Aeroporto de Santiago de Compostela para a intervención na pista, un período no que o aeródromo da Coruña asumirá a maior parte dos seus voos, o que implica que practicamente duplicará as súas operacións diarias.

Para facer fronte a este cambio na mobilidade, a Xunta reforzará nas próximas semanas os servizos de autobús entre Santiago de Compostela e o aeroporto da Coruña. En concreto, de luns a venres incorporaranse entre a estación intermodal de Santiago e o aeroporto da Coruña saídas ás 10,05, 14,25, 18,55 e 19,55 horas, que se suman ás xa existentes ás 09,30 e ás 17,00 horas.

No sentido inverso, desde Alvedro cara a Santiago de Compostela, incorpóranse saídas ás 10,15, 12,15, 18,15 e 21,15 horas, ademais das conexións actuais das 05,30 e 13,15 horas. Nos fins de semana e festivos tamén se reforza a conexión. Os sábados, establécense novas saídas desde o aeroporto da Coruña ás 10,15 e 12,15 horas, que se suman á existente das 12,10 horas. Desde Santiago a Alvedro incorpóranse servizos ás 10,05 e 19,55, ademais do actual ás 13,00 horas.

Os domingos e festivos, incorpórase unha nova saída desde o aeroporto ás 18,15 horas, ademais da existente das 12,10, e desde Santiago ao aeroporto da Coruña amplíase a oferta con servizos ás 10,05 e 19,55 horas, que se engaden á outra saída xa dispoñible ás 13,00 horas.

INCREMENTO DE OPERACIÓNS

Durante este tempo, boa parte dos voos que operan habitualmente en Santiago trasladaranse ao aeroporto da Coruña e, en menor medida, ao de Vigo. No caso de Alvedro, estímase un incremento de ao redor de 140 operacións semanais adicionais, o que supón case duplicar a actividade habitual do aeroporto durante este período.

No aeroporto de Vigo, o incremento será máis reducido, cunha media de ao redor de cinco operacións adicionais ao día, polo que a oferta actual de transporte permite dar resposta a esta demanda.

Finalizado o tendido de vía no porto exterior de Punta Langosteira

As obras do acceso ferroviario ao Porto Exterior de Punta Langosteira alcanzaron un novo fito coa finalización do tendido de toda a vía, entre o porto e o entroncamento coa rede xeral no Eixo Atlántico, nunha lonxitude de 6,7 quilómetros.

Ademais, nas próximas semanas, este traballo completarase coa instalación dos tramos de vías que aínda faltan por colocar na rede interior da dársena. Segundo informou a Autoridade Portuaria, a operación levouse a cabo mediante un tren de 365 metros de lonxitude, que este luns finalizou o despregamento dos últimos dous quilómetros de vía definitiva. Para axilizar os prazos, instalouse previamente un carril provisional sobre unha plataforma de formigón que facilitou a colocación posterior dos elementos definitivos.

Tras este avance, só resta concluír a instalación das vías na rede interior da dársena e na futura saída Sur cara a Santiago. De forma paralela, están a ultimarse os traballos de revestimento de túneles, a sinalización ferroviaria e a construción de tres edificios técnicos, un dos cales albergará o sistema de control que dirixirá toda a operativa.

Este proxecto está financiado ao 100% polos fondos Next Generation da Unión Europea, a iniciativa desenvólvese baixo un convenio no que participan o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, ADIF, Portos do Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña. A posta en marcha desta infraestrutura permitirá completar a operatividade de Punta Langosteira, facilitando o traslado dos tráficos de graneis sólidos e líquidos que aínda se manteñen no porto interior.

O delegado de Loterías acusado de encubrir ao seu irmán: “Non vin actitude ilícita”

0

O delegado de Loterías na Coruña, Miguel Reija, — acusado de encubrir ao seu irmán o loteiro, Manuel, xulgado, á súa vez, por presuntamente apropiar, en 2012, dunha primitiva premiada con 4,7 millóns de euros e ocultar a información do premio ao seu lexítimo dono — manifestou que non avisou á Policía porque non viu “actitude ilícita”.

“Todas as miñas actuacións foron ordes directas da Sociedade Estatal de Lotarías e Apostas do Estado (SELAE), nunca miñas”, indicou no xuízo que se celebra na Audiencia Provincial da Coruña polo que sentan no banco dos acusados el e o seu irmán. “Non había protocolo“, insistiu en liña co asegurado nas testificais por outros delegados de Lotarías. “Hai de todo”, dixo ao ser preguntado pola fiscal se é habitual que haxa administradores que comproben boletos que se atopan no establecemento.

Do seu irmán, afirmou que levou até a delegación provincial un grupo de boletos, entre os que estaba o premiado, e que lle explicou que comprobou dúas veces se tiñan premio. “Deina totalmente por boa”, engadiu en relación á versión que lle contou Manuel Reija.

POSIBLES PEGADAS

“O primeiro que fixen foi metelo nunha bolsa de plástico para protexer as pegadas se as houbese”, aseverou sobre o boleto para incidir en que se puxo no lugar do posible propietario, motivo polo que lle aconsellou ao seu irmán que o levase de novo á administración por si alguén o reclamaba.

Tras estas primeiras decisións, precisou que optou por pedir consello a outros delegados de Lotarías e comunicar persoalmente o sucedido á Sociedade de Lotarías do Estado. Mentres, admitiu que non pensou que os outros boletos puidesen ter pegadas e recalcou que as decisións neste caso tomounas como “delegado” non como irmán.

RECLAMACIÓN DE COBRO

Á súa vez, explicou que á administración que deu o premio — outra distinta á do seu irmán — felicitoulles por vender o boleto premiado e que lle dixo do mesmo “apareceu e non me chames máis por este tema, se alguén pregunta que veña á delegación”. No entanto, rexeitou que lle dixese que estivese cobrado. Con iso, aseverou que buscou “protexer” á dona porque “preguntar si un premio está cobrado pódese considerar sospeita de branqueo de capitais”.

Por outra banda, confirmou que tramitou a reclamación do seu irmán sobre o premio, pero aseverou que se fixo para “evitar a caducidade do boleto”, non porque fose propiamente “unha petición de cobro”, como sosteñen Fiscalía e acusacións. “Porque nós temos rexistro oficial”, apuntou para explicar por que se fixo a través da delegación provincial esta reclamación de cobro e xustificar por que o seu irmán non o envío directamente á SELAE. Desta, afirmou que as opcións que expuxo eran reclamar o premio ou un expediente de achado, o que finalmente se fixo.

Sophie Simonds, Cecilia Burillo, Lara Soft e Plati DJ Set enchen Iconas, unha noite de visibilidade LGBTIQ+

Este venres 24 de abril, a Sala Tío Ovidio abrirá as súas portas ás 22:00 para acoller a estrea de ICONAS, a nova iniciativa da Coruña para mostrar e celebrar o talento LGBTQ+ en Galicia. Este proxecto, que se estrea en conxunto co Día da Visibilidade Lésbica, combina un concerto único, unha artista internacional e unha sesión de DJ cun forte sabor local, o que promete converter a noite nunha das máis emblemáticas do ano.

O evento comezará cun concerto único con piano, saxofón e voz de Sophie Simonds e Cecilia Burillo, un dúo que actúa por primeira vez na Coruña. A londiniense afincada na cidade, é unha das artistas máis carismáticas e recoñecidas da escena local e acaba de lanzar o seu último álbum, Octo.
A súa enerxía, voz e presenza escénica combinaranse coas de Cecilia Burillo, figura clave na escena musical coruñesa, que, ademais de desenvolver o seu proxecto en solitario con cancións propias, forma parte de grupos como Candy’s Freckles, Planète Sauvage e Kreze. Xuntas ofrecerán un directo íntimo e potente, deseñado para emocionar e sorprender ao público.

Tras o concerto, a noite continuará con Lara Soft, xornalista e DJ mozambicana, que vén de Lisboa para ofrecer un set que abrangue pop e rock de diferentes épocas. Lara participou en eventos como o Arraial Lisboa Pride e, durante 24 anos, foi unha das organizadoras das históricas festas GIGI no Porto, que axudaron a dar visibilidade a diversas DJ e artistas femininas, consolidando unha oferta musical bailable e socialmente consciente.

A noite culminará con Plati DJ Set, o proxecto de May Vila, coñecida por conquistar o público coruñés como vocalista e guitarrista de Leria, unha das bandas emerxentes máis queridas da cidade, e que agora tamén destaca co seu traballo en solitario baixo o nome de Platerías. Na cabina de DJ, promete unha sesión agradable e absolutamente cativadora.

A CUAC FM celebra os seus 30 anos con 500 programas e un completo programa de actos

Denuncian o caos na nova parada de bus metropolitano entre o Colón e Correos

Xusto compartíamos onte un vídeo dunha mañá calquera na nova parada de fin de traxecto dos buses interurbanos aberta entre o Teatro Colón e Correos, no marco das obras dos Cantóns e da peatonalización de Entrexardíns.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Xornal da Coruña (@xornaldacoruna)

O caos é evidente, cun tráfico de autobuses que non pode aturar a renovada e máis estreita rúa Alcalde Manuel Casas.

Todo se complica ademais cando os camións das produtoras teatrais teñen que entrar a descargar, case sen espazo e aumentando o caos, como xa denunciaran a Asociación de Profesionais da Xestión Cultural hai xusto un ano.

Camións apretados descargando polo lateral do Colón
Camións apretados descargando polo lateral do Colón

Reaccións da oposición

O que aproveita para criticar a situación é o voceiro do PP, Manuel Lorenzo, que califica a obra de “chapuza”, por “non incluír a zona de carga/descarga” e porque “os autobuses non caben na parada”.

“Inés Rey quere convencernos de que todo está xenial, aínda que os autobuses non caben na nova parada e os camións que van ao Teatro Colón teñan que cargar e descargar na beirarrúa”, sinala, recordando que a obra dos Cantóns é de 8 millóns de euros.

Tamén a candidata do BNG, Ava Veira, incide na eliminación da zona de carga e descarga do Teatro Colón. “Este asunto exemplifica a falta de diálogo do Goberno Local co sector cultural. Foron advertidos deste problema, tamén nós, desde o inicio das obras, alertamos ao respecto sobre o dano que se ía producir ao Colón e ao Rosalía. No caso do Rosalía estamos a falar de que a falta dunha zona de carga e descarga apropiada pode traer consigo a exclusión deste teatro de determinadas redes e circuítos”, denunciou Veira.
“Se o Goberno Local non foi quen de garantir unha zona decente de carga e descarga do Colón durante o transcurso das obras, teno que garantir agora. Se non nos fixo caso no seu momento, téñennos que facer caso agora”, concluíu.

Máis novas

A Asociación de Profesionais da Xestión Cultural critica que a reurbanización dos Cantóns afecta á zona de carga do Teatro Colón

O BNG lanza a súa primeira promesa electoral: unha “primavera cultural na Coruña”

0

Entra xa en campaña a nova candidata do BNG á Alcaldía en 2027, Avia Veira. Coincidindo co Día do Libro, que se celebra o 23, vén de facer unha proposta en materia cultural. Nun encontro con xornalistas, anunciou que desde a Alcaldía impulsará a que denominou como “primavera cultural na Coruña” e un Plan Estratéxico para as Bibliotecas Municipais.

A convocatoria non foi nun lugar calquera: produciuse ao pé do Edificio Atalaia, nos Xardíns de Méndez Núñez. “Convocámosvos nun lugar ben fermoso, diante dun edificio que no seu momento, nos anos 30 do pasado século, foi nin máis nin menos que unha biblioteca infantil. Infelizmente, vemos que agora esta grande obra do arquitecto Antonio Tenreiro estase a deteriorar”, afirmou Veira.

A Coruña, para o BNG, resaltou a concelleira nacionalista, “é unha cidade de libro”, dotada dunha grande rede de bibliotecas, múltiples clubs de lectura, moreas de librarías e a feira do libro máis importante da Galiza.
Unha cidade de autoras e autores de enorme prestixio, que é morada de premios nacionais de literatura, vultos da nosa cultura como Manuel Lourenzo, Pilar Pallarés, Iolanda Castaño, Bea Lema, Manuel Rivas ou Miguen Anxo Prado.

A mágoa é que ese enorme potencial non se ve acompañado pola política cultural do Goberno Local. “O concelleiro [Gonzalo Castro] non está dispoñíbel e todo o que se fai -política de supostos grandes eventos, por suposto de pago- faise de costas viradas ás e aos creadores locais”, critica Veira.

“A política cultural do Goberno de Inés Rey falla porque non presta atención ás bilbiotecas municipais – nin ao seu proxecto nin ao coidado dos seus edificios, desde o Castrillón aos Rosales pasando polo Fórum- e a proba máis evidente diso é que a concesión do servizo de atención a estes equipamentos está caducada”, denunciou, enumerando unha serie de datas sinaladas nas que a cidade non conta con unha celebración como o 17 de marzo (Día do Cómic), 20 de marzo (Día da Narración Oral), 21 de marzo (Día da Poesía), 27 de marzo (Día Mundial do Teatro), 1 de abril (Día das Artes Galegas), 2 de abril (Día do Libro Infantil e Xuvenil) ou o 15 de abril (Día Internacional das Artes).

Pontón sobre Avia Veira como a candidata á Alcaldía da Coruña: “Abre un novo tempo”

A unificación da Rede de Bibliotecas Municipais. Unha farsa