Inicio Blog Páxina 54

Novo paso adiante do contrato de Nostián coas dúbidas da oposición

Anunciou onte o goberno local a aprobación na Xunt de Goberno do seguinte paso para completar o proceso de licitación da Planta de Tratamento de Residuos de Nostián. Un proceso necesario, unha vez que a concesión leva caducada dende 2019, o que leva provocando un deterioro constante tanto do estado da planta como das condicións laborais dos traballadores.

O Concello someteu a información pública os pregos para que as empresas interesadas puidesen presentar as suxestións que considerasen convenientes. Finalmente, houbo tres compañías que fixeron achegas; aceptáronse parcialmente dúas delas co fin de acadar unha maior seguridade xurídica en todo o procedemento.

Así, o investimento no contrato será de máis de 130 millóns nos vindeiros 25 anos. Para os dous primeiros anos de xestión, o desembolso será de 9.498.628,11 € no 2027 e de 9.864.818,44 € no 2028. Desde o 2029 ata a data de finalización do contrato, o pago será de 13.892.912,08 € anuais. Para o que resta do ano 2026, o pago será de 791.552,34 €.

O contrato combina a remodelación integral da planta e a explotación completa da instalación, dos puntos limpos e do vertedoiro clausurado. A empresa adxudicataria asumirá os gastos de todas as actuacións que se consideran necesarias para o mellor funcionamento do complexo, o que inclúe o acondicionamento das vías; o aumento das prazas de estacionamento, con teitos e sistemas de recarga para híbridos e eléctricos; novos vestiarios e adaptación das edificacións administrativas e os talleres; novas zonas de almacenamento para os produtos recuperados no procesado e o acondicionamento de máis áreas para voluminosos.

O contrato inclúe a xestións dos puntos limpos da cidade —actualmente son catro os puntos limpos fixos: dous específicos para o sector industrial, a carón dos polígonos de Pocomaco e Agrela; e os restantes, de achega voluntaria, nos Rosales e en Eirís—, onde a adxudicataria terá que facer as melloras necesarias.

O BNG pregunta pola Comisión e o “sobrecusto”

Unha vez coñecidos os datos, o BNG solicita ao concello que convoque a comisión especial de seguimento do proceso de licitación do servizo de tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos para explicar as razóns do sobrecusto do contrato de Nostián, que cuantifican en máis 65 millóns de euros máis do inicialmente previsto.

”A comisión foi creada no seu día por iniciativa do BNG e é o ámbito perfecto para o Goberno Local dar explicacións sobre o aumento do custo do contrato da nova planta, produto da aceptación de parte das alegacións formuladas por varias empresas”, sinala o BNG, que lembra a necesidade de rseguir apostando por un “modelo de xestión do lixo baseado na redución, reciclaxe e reutilización”, “contrario ao que pide o PP, un modelo SOGAMA.

O PP denuncia a “estafa”

Máis crú eo PP, que considera a nova suba do contrato como unha “estafa”. “Se o plan inicial de Inés Rey era un novo contrato de 275 millóns de euros para seguir ignorando a normativa europea de reciclaxe, segundo os datos publicados hoxe, decidiu aumentalo en 65,6 millóns de euros ata os 341 millóns de euros para seguir enviando máis residuos ao vertedoiro dos permitidos durante os 25 anos de duración do contrato”.

Para o PP este aumento do 31% non é compatible co feito de que “os residuos que non se reciclan e que actualmente constitúen máis da metade do que chega ao vertedoiro de Nostián”. E sobre todo, fai fincapé nos “seis anos sen contrato e 36 millóns de euros en facturas irregulares”.

Critican tamén que “o goberno municipal perdeu 10 millóns de euros de fondos europeos destinados á modernización desta planta, asignándoos a outros proxectos ambientais porque non puideron licitar o novo contrato a tempo”, e lembra “a condonación de 7,3 millóns de euros da débeda concedida á concesionaria sen ningunha xustificación dos motivos nin ningunha explicación de como beneficia a xente da Coruña”.

Máis novas sobre Nostián

A licitación do novo contrato de xestión da planta de Nostián a 25 anos incluirá a súa remodelación

Topónimos en voo rasante: a comedia aérea de Galicia

Nesta húmida esquina do mundo chamada Galicia, onde a néboa non só alaga os vales senón tamén as decisións públicas, elevamos o bautismo de aeroportos á categoría de esperpento administrativo. Se Ramón María del Valle-Inclán necesitase hoxe materia prima, non acudiría aos espellos da Ruela do Gato: bastaríalle con consultar un panel de chegadas.

Aquí non se nomea: defórmase. Retórcese a realidade ata que perde o tipo e adopta ese xesto torcido, entre solemne e ridículo, que tanto nos place.

Na Coruña, o aeroporto vive en Alvedro, no municipio de Culleredo, coa súa terra firme, o seu vento atlántico e o seu honrado topónimo. Pero non: chámaselle “Aeroporto da Coruña”, coma se os avións descendesen entre galerías acristaladas e faladoiros ilustrados. Alvedro queda relegado a rumoreo, a apelido que se oculta na sobremesa, non vaia ser que o viaxante sospeite que aterrou en algo menos urbano do que promete o cartel luminoso. Bórrase o chan e exhíbese a cidade imaxinada.

Mais cando un se despraza a Santiago de Compostela, o esperpento non se corrixe: perfecciónase. Alí álzase o aeroporto coñecido hoxe como Rosalía de Castro, en honra á escritora galega Rosalía de Castro, coma se a lírica puidese domesticar a pista de aterraxe.

Pero antes do mármore simbólico estivo o barro nominal. Porque o lugar coñecido como Lavacolla non é unha invención pintoresca nin unha licenza satírica: é un topónimo real, un lugar concreto situado na parroquia de Sabugueira, dentro do concello de Santiago de Compostela. E ese detalle empeórao todo —ou ilumínao—, segundo mírese: non falamos dun chiste, senón dun territorio que existe e que, con todo, foi durante anos convertido en nome aeroportuario sen anestesia nin metáfora.

E así, o nome que brota do mapa local foi substituído por unha evocación cultural elevada, coma se a xeografía necesitase ser perdoada mediante poesía.

En que quedamos, pois? Na Coruña ocúltase Alvedro baixo a etiqueta urbana; en Santiago transitouse do Lavacolla real —parroquia, lugar, terra— ao nome literario, coma se o territorio fose insuficiente para a solemnidade institucional.

Diríase que Galicia padece unha doenza nominal incurable: quere ser cosmopolita sen deixar de ser parroquial, culta sen renunciar á retranca, moderna sen abandonar o barro orixinal. Pero no canto de conciliar, superpón capas como un decorado inestable.

O resultado é este mapa de nomes contraditorios onde cada aeroporto parece negar ao anterior e corrixilo con outra máscara.

E mentres tanto, os avións seguen chegando, indiferentes, depositando viaxantes que len os letreiros coa sospeita de aterrar nunha sátira involuntaria. Non se preocupen: aquí a realidade e a parodia comparten pista.

Se Ramón María del Valle-Inclán levantase a cella, non vería un erro. Vería unha revelación: que en Galicia a realidade non se representa, se deforma con orgullo. E despega así, con elegancia torcida, cara ao seu propio esperpento.

  • José Juan Santos (Tarrío, Culleredo). Consultor de Comunicación Política Estratéxica.

A Xunta reforza o Bono Remuda cun incremento do 20 % para garantir o relevo xeracional

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou na apertura do XII Encontro internacional de mozos emprendedores (Eije A Coruña 2026), onde destacou o compromiso da Xunta co emprendemento vinculado ao territorio e co relevo xeracional nas empresas. Durante a súa intervención, puxo en valor o labor da Rede de Polos de Emprendemento, que conta con 15 oficinas en Galicia nas que se atenderon máis de 6.100 proxectos, e subliñou que o relevo nas empresas é un dos eixes centrais da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia 2025-2030.

O Goberno galego traballa actualmente nesta estratexia para coordinar todo o ecosistema emprendedor da comunidade, fomentando a colaboración público-privada para compartir recursos e xerar sinerxías. O responsable autonómico referiuse ás medidas impulsadas para favorecer o relevo no tecido de persoas autónomas, como o Bono Remuda, que este ano incrementou o seu orzamento un 20 % ante a elevada demanda. Este programa inclúe axudas de ata 30.000 euros e artéllase en dúas liñas: o Bono Remuda rural e o Bono Remuda xeral.

O obxectivo do Bono Remuda é facilitar a continuidade de negocios rendibles e enraizados no territorio galego. Para iso, permite cubrir ata o 75 % do custo do traspaso, con achegas destinadas tanto a quen asume o mando do negocio como para quen o cede por xubilación. Con esta ferramenta, a administración autonómica busca evitar o peche de establecementos consolidados e ofrecer oportunidades de futuro aos novos emprendedores que buscan proxectos xa en funcionamento.

UGT e CC.OO. celebrarán na Coruña o 1 de maio “pola saúde laboral” e “pola paz”

UGT e CC.OO. advertiron ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de que “en tres meses non se chega nin á metade do camiño” se se queren atopar solucións ao plan sobre as baixas laborais anunciado polo titular do Goberno galego. Dispostos a “sentarse” coa Xunta e coa patronal no seo do diálogo social, o que rexeitan UGT e CC.OO. é un “análise simplista” do que cualifican de “mal chamado absentismo”.

Nunha rolda de prensa para presentar as protestas conxuntas que convoca o vindeiro 1 de maio, día internacional do traballador, a secretaria xeral de CC.OO., Amalia Pérez, subliñou que este asunto “non se pode abordar a corre-corre”, aínda que entende que o prazo non pode prolongarse tanto como “dous ou cinco anos”. Tamén advertiu de que, no relativo ao seu sindicato, non se constituirá a mesa sobre saúde laboral para tratar este tema antes que outras, porque son “defensores do diálogo social desde sempre” pero consideran que “as présas son malas conselleiras”.

Pola súa banda, o secretario xeral da UGT, Cristóbal Medeiros, tamén apostou polo diálogo social como “unha ferramenta” para pechar acordos, e defendeu “sentarse a negociar”, aclarando que “non se poden mesturar” as enfermidades con dereitos e conciliación. “Se hai fraude, que se persiga, pero a realidade que vemos é outra”, destacou, para a continuación denunciar as condicións laborais e outras variables como o envellecemento da poboación galega.

CRÍTICAS Á CIG

Baixo o lema ‘Dereitos, non trincheiras. Salarios, vivenda e democracia’, UGT e CC.OO. chaman a mobilizarse o vindeiro Primeiro de Maio para dar un “berro pola saúde laboral” pero tamén “pola paz” nas rúas galegas —a marcha central será na Coruña—.

Con obxectivos como a redución da xornada, o control horario dixital “real” e o incremento dos salarios, ambas organizacións lanzaron críticas á CIG polo xeito de entender o sindicalismo que teñen “outros”, que apostan polo “conflito permanente”. “Se estivese gobernando o BNG, a CIG estaría no diálogo social”, afirmou Amalia Pérez.

Ademais, ambas negaron que o decreto que institucionaliza o diálogo social en Galicia supoña “vazar de contido” o Consello Galego de Relacións Laborais: “Unha cousa non ten que ver coa outra”, aseguraron.

Alvedro opera con normalidade tras o peche de operacións en Lavacolla polo inicio das obras

0

A operativa no aeroporto da Coruña polo peche do de Santiago para a intervención na pista está a desenvolverse con normalidade e sen incidencias, segundo indicaron a Europa Press dende Aena, que puntualizaron que xa se iniciaron os traballos diurnos na pista do aeródromo compostelán.

Aena pechou desde este xoves e ata o 27 de maio as operacións no aeroporto de Santiago de Compostela para acometer a intervención na pista, período no que o aeródromo da Coruña asumirá a maior parte dos seus voos, o que implica que practicamente duplicará as súas operacións diarias.

Para atender este cambio na mobilidade, a Xunta reforzará nas vindeiras semanas os servizos de autobús entre Santiago de Compostela e o aeroporto da Coruña. En concreto, de luns a venres incorpóranse entre a estación intermodal de Santiago e o aeroporto da Coruña saídas ás 10.05, 14.25, 18.55 e 19.55 horas, que se suman ás xa existentes ás 09.30 e ás 17.00 horas. No sentido inverso, desde Alvedro cara a Santiago de Compostela, incorpóranse saídas ás 10.15, 12.15, 18.15 e 21.15 horas, ademais das conexiones actuais das 05.30 e 13.15 horas.

Nos fins de semana e festivos tamén se reforza a conexión. Os sábados establécense novas saídas desde o aeroporto da Coruña ás 10.15 e 12.15 horas, que se suman á existente das 12.10 horas. Desde Santiago a Alvedro incorpóranse servizos ás 10.05 e 19.55, ademais do actual ás 13.00 horas. Os domingos e festivos incorpórase unha nova saída desde o aeroporto ás 18.15 horas, ademais da existente das 12.10, e desde Santiago ao aeroporto da Coruña amplíase a oferta con servizos ás 10.05 e 19.55 horas, que se engaden á saída xa dispoñible ás 13.00 horas.

INCREMENTO DE OPERACIÓNS 

Durante este período, boa parte dos voos que operan habitualmente en Santiago trasladaranse ao aeroporto da Coruña e, en menor medida, ao de Vigo. No caso de Alvedro, estima-se un incremento duns 140 operacións semanais adicionais, o que supón case duplicar a actividade habitual do aeroporto durante este tempo.

No aeroporto de Vigo o incremento será máis reducido, cun promedio de arredor de cinco operacións adicionais ao día, polo que a oferta actual de transporte permite atender esta demanda.

Volve o Autobom, o encontro primaveral de autoedición da Coruña

0

O festival coruñés de cómic autoeditado Autobom volve estes xoves 23, venres 24 e sábado 25 de abril á cidade. A 12ª edición deste encontro de autoedición e BD organizado pola Asociación Cultural Autobán volve poñer en valor a banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, e tecendo unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas.

O profesor e debuxante Brais Rodríguez é o autor do cartel deste Autobom, chegando a facer 5 versións do cartel Autobom
O profesor e debuxante Brais Rodríguez é o autor do cartel deste Autobom, chegando a facer 5 versións do mesmo

Cómpre destacar varias citas desta nova edición de Autobom:

  • O xoves 23, a partir das 17:00 na Revolteira, comezaren co obradoiro “SON FAN (do DIN-A3)” impartido polo debuxante Diego Estebo. Nesta actividade as persoas asistentes poderán facer un fanzine de principio a fin, partindo dun formato DIN-A3. É unha actividade de balde, pero é precisa a inscrición na web ata encher o aforo.

  • O venres 24 hai unha actividade de proba de materias na tenda Jaspe Art. O Tupperrotu naceu como un obradoiro de rotuladores, pero este ano Lara Ingelmo, ilustradora experta en lapis de cor, vai facer unha demostración deste versátil e popular material. Haberá dúas quendas a partir das 17:30 e das 18:10, e só hai que inscribirse na actividade, que tamén será gratuíta.

  • O sábado 25, as actividades desenvolveranse na Revolteira, na rúa Falperra 13. Unha das principais propostas será o posto de fanzines, que estará activo toda a xornada de 11:00 a 20:30, con máis de 30 proxectos e un cento de publicacións.
    – Ás 11:15 haberá un faladoiro sobre “Espazos de autoxestión e autoedición” moderado por Xoana Pousa, e no que participan Raquel Montero e Simone Virgini de Espazo Boh en Compostela, e Brais Rodríguez de O Rocho en Ourense.Continuaremos con dúas mini-charlas da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) e do Vaia Vaia, o evento de autoedición de Lugo;
    – As 13:15 remata a xornada da mañá co faladoiro “Edita e autoedital”, unha conversa sobre experiencias de editoras de fanzines, con David Calviño de Edicións Baixo Terra e Rosa Espiñeira de figurandorecuerdos, moderados por Luis Yang.
    – Tras a quenda da mañá, haberá un xantar popular para participantes no Autobom e socias do Autobán, e ás 16:30 trasladaranse á cancha da Falaperra para unha nova edición do “Brilé Brutal”, un torneo nada brutal de balón prisioneiro aberto á participación.
    – Ás 17:30, de novo na Revolteira, terán lugar os obradoiros do sábado. Primeiro será o AutoLab, unha actividade de debuxo de BD experimental conducida por Óscar Iglesias.
    – Ás 18:30 hai o obradoiro teórico-práctico de “Como editar libros na casa”, no que María Ramírez de Afacería explicará o xeito de abordar edicións manuais, rematando cunha demostración de encadernación artesá.
    – Pecha Autobom ás 23:30, cunha festa de peche no pub El Siglo. Esta é unha actividade aberta a quen queira achegarse.

Máis novas

O Autobán completa a oferta cultural herculina

Juanjo Gallego colle o relevo de Juan Díaz Villoslada na covocería de Sumar Coruña

Movemento Sumar Coruña acordou na súa asemblea municipal renovar a súa covoceiría coa incorporación de Juanjo Gallego en substitución de Juan Díaz Villoslada, mentres Trinidad Palacios mantén a súa responsabilidade como covoceira da organización.

A xuntanza contou coa presenza do secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, e serviu para abordar distintos asuntos de carácter organizativo e político de cara aos vindeiros meses.

Sumar xuntanza Coruna

Entre os temas tratados, destacou a importancia da conferencia política nacional que o partido celebrará o próximo 23 de maio, unha cita na que se abordarán cuestións de ámbito local.

Na asemblea tamén se puxeron en común distintas reflexións sobre o momento político e organizativo da cidade e do país, así como os retos que a organización afronta nos vindeiros meses.

A organización quixo tamén trasladar un agradecemento especial a Juan Díaz Villoslada nesta nova etapa, poñendo en valor o camiño compartido durante este tempo e coa certeza de que seguirá sendo un compañeiro presente no proxecto colectivo.

Outras novas

Movemento Sumar Coruña cualifica de “inxustificable” o derrubo das 38 vivendas de Monte Mero

Villoslada: “É moi preocupante a falta de diálogo do Goberno municipal para acordar os orzamentos”

Juan Manuel Díaz Villoslada: “(Inés Rey e Lage Tuñas) seguen entendendo unha forma de acción política que non comparto”

A AVV Agra rexeita o plan de urbanización e convoca unha manifestación para esixir “o parque que o barrio precisa”

Xa avisaban hai unhas semanas, de que o amago de parque aberto na zona do Observatorio non cola. A Asociación Veciñal Agra volve bater contra o goberno municipal, denunciando que “a veciñanza deste barrio non lle merece nin o máis mínimo
respecto ao grupo de goberno”.

O Colectivo veciñal vén de coñecer o Plan de Urbanización que o grupo de goberno municipal pretende aprobar, que supón a construción arredor de 10 novos edificios na zona do futuro Parque da Agra,. Unha proposta que consideran un “atentado contra este barrio e consolida o que xa, no seu día, protagonizou o Sr. Francisco Vázquez permitindo que se construíse un barrio ao gosto dos especuladores e no que a calidade de vida da veciñanza nunca se tivo en conta”.

Denuncian encher de “máis formigón para o barrio máis densamente poboado e construído da cidade”, considerándoo como “unha burla, que non podemos nin estamos dispostos a aceptar”, xa que “o que precisa este barrio son espazos verdes e para o lecer, e por eles imos seguir na loita”.

Por iso, convocan unha nova manifestación para este sábado día 25, a partir das 17:30 h, ata o espazo aberto como “parque” hai unhas semanas.

Máis novas

A AV Agra lanza un duro comunicado e asegura que segue agardando polo parque que reivindica hai 40 anos

O loteiro da primitiva millonaria proclama a súa inocencia no peche do xuízo

Manuel Reija, o loteiro da Coruña acusado de quedar cunha primitiva millonaria e de ocultar ao seu verdadeiro dono que o boleto estaba premiado, defendeu a súa inocencia na última sesión do xuízo celebrada na Audiencia Provincial da Coruña tras semana e media de vistas. Ao facer uso do seu dereito á última palabra, asegurou que ten “a conciencia tranquila”. Reija pronunciouse despois de que nesta derradeira xornada se lesen as conclusións das defensas, da Avogacía do Estado e da aseguradora, mentres que o martes fixérano a Fiscalía e as acusacións particulares. Tanto o Ministerio Público como as familias que reclaman o premio manteñen a súa petición de seis anos de prisión.

Na súa intervención final, o loteiro apelou aos valores que, segundo dixo, lles inculcaron os seus pais a el e aos seus irmáns: “responsabilidade, rectitude e honradez”. Tamén expresou a súa “indignación” e “decepción” polo modo en que, ao seu xuízo, se “retorceron” os feitos durante o proceso. Sobre a localización do boleto na súa administración e os pasos que deu para entregalo a Loterías e máis tarde reclamalo, Manuel Reija sostivo que actuou convencido de que ese comportamento “alimentaba eses valores”. Segundo a súa versión, o dono do resgardo non apareceu ata que en 2018 se abriu unha investigación policial que localizou a quen foi considerado o lexítimo propietario, xa falecido.

“E abocáronme a estar ante as súas señorías”, engadiu en referencia ao tribunal. Tamén admitiu que non é perfecto e que comete erros, pero rexeitou de plano a imaxe que, segundo el, proxectaron as acusacións: “Non son a persoa vil e maliciosa” que retrataron. Pola súa banda, o seu irmán Miguel Reija, exdelegado de Loterías na Coruña e tamén acusado no procedemento, agradeceu o trato recibido durante as sesións dun xuízo que remata coas defensas reclamando a absolución para ambos. No seu caso, Fiscalía e acusacións atribúenlle un delito de branqueo de capitais, mentres que a Manuel Reija lle imputan estafa ou, alternativamente, apropiación indebida.

A defensa do loteiro pide ademais, de forma subsidiaria, a aplicación da atenuante de dilacións indebidas. As acusacións sosteñen, en cambio, que houbo anos de “opacidade” e unha actuación guiada pola “avaricia” para facerse co premio, mentres a Fiscalía chegou a afirmar na súa tese final que o loteiro actuou con “a frialdade máis malévola” e que o seu irmán lle “allanou o camiño”. Esa é a lectura coa que agora deberá lidiar a Audiencia coruñesa antes de ditar sentenza nun dos casos xudiciais máis mediáticos dos últimos anos en Galicia.

1,5 millóns de euros mellorar da avenida do Ferrocarril

0

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar un novo investimento para adecuar a contorna da estación Intermodal. Ante as críticas xurdidas nas últimas semanas polos posibles atascos que se van vivir na zona da nova estación, o Concello asegura que a remodelación da avenida da Sardiñeira (unha obra con máis de 1,6 millóns de investimento de fondos Next Generation); a conexión da propia Sardiñeira e a avenida de Arteixo (cun investimento de 2,2 millóns), así como a hoxe anunciada reforma da Avenida do Ferrocarril “permitirán absorber o tráfico específico da Intermodal no seu acceso á cidade”.

O Concello anuncia a saída a licitación do proxecto de remodelación da avenida do Ferrocarril entre a rolda de Outeiro e a rúa Xeneral Rubín.
O proxecto ten un orzamento base de licitación de case 1,5 millóns de euros e un prazo de execución de 10 meses. Contará co apoio dos fondos europeos FEDER como parte do Plan
de Acción Integrado (PAI) para conectar a Rolda dos barrios. A actuación ten como obxectivo principal adaptar a zona ás novas esixencias de mobilidade e equipamentos que chegarán coa nova estación mais tamén a mellora da calidade urbana do conxunto.

Concretamente, o investimento traerá á avenida a modificación da súa sección transversal, adaptaraa aos novos fluxos de tráfico e á integración cos accesos da Estación Intermodal. Ademais, tamén suporá a reorganización da intersección coa rolda de Outeiro, xa que optimizará a súa xeometría e o seu funcionamento para mellorar a seguridade viaria e a fluidez do tráfico.

A colocación dunha nova glorieta na intersección coa rúa Xeneral Rubín permitirá realizar cambios de sentido e facilitar a incorporación desde o aparcadoiro subterráneo da Estación Intermodal —neste punto conectarase a saída de vehículos da estación de tren, de modo que poidan incorporarse en ambos os sentidos cara á rolda de Outeiro—. Habilitarase
tamén unha dársena para os autobuses interurbanos no ramal de acceso desde Alfonso Molina, e o carril bici prolongarase para conectar a rolda de Outeiro coa avenida da
Sardiñeira e coa Intermodal.

Fontes municipais aseguraron que a Intermodal estrearase este vindeiro Nadal de 2026.

A intermodal da Coruña estará finalizada en 2026 segundo sinalan as diferentes administracións