Inicio Blog Páxina 53

Afectadas dúas persoas por inhalación de fume tras arder unha campá extractora en Matogrande

0

Dúas persoas resultaron intoxicadas por inhalación de fume tras arder unha campá extractora nunha vivenda situada na rúa Juan Díaz Porlier, na Coruña.

Segundo a información do 112 Galicia, o suceso produciuse sobre as 20.00 horas do mércores cando unha persoa deu a voz de alarma e indicou que lle ardía a campá da cociña, que lle prendeu lume na tixola. Ademais, indicou que estaban sen luz e que non había ninguén afectado.

Con todo, tras dar aviso aos Bombeiros e darlle indicacións de como actuar ao alertador, durante a conversación, a persoa afectada comunicou que o lume se reproduciu.

Unha vez no punto, os Bombeiros solicitaron asistencia sanitaria por inhalación de fume para dúas persoas que se atopaban na vivenda.

No operativo, ademais dos bombeiros, participaron os profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Policía Local e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Detido na Coruña ‘Japito’, un delincuente reincidente que conducía cunha arma e co carné retirado até 2051

0

A Policía Local da Coruña detivo a un home cun amplo historial delituoso portando unha arma e conducindo co carné retirado até 2051. Así o informaron fontes municipais consultadas por Europa Press en relación á detención do home, coñecido como ‘Japito’, e que se atopaba nestes intres en liberdade tras cumprir condena.

Os feitos producíronse na zona da planta de Pontevedra cando foi localizado circulando sen o correspondente permiso de conducir xa que tiña o carné retirado até 2051. Tamén se lle localizou unha arma. Noutra orde de cousas, outro home foi detido por presuntamente ferir a outro cunha arma branca. O agresor ía nunha cadeira de rodas e foi durante unha pelexa entre ambos, con resultado dunha persoa ferida leve.

Detidos por roubar 900 euros e causar danos por valor de 1.900

0

A Garda Civil detivo a catro persoas como presuntas autoras de oito delitos de roubo con forza en estacións de servizo da provincia da Coruña. Segundo informou o Instituto Armado nun comunicado, a operación, bautizada como ‘Caxetins’, permitiu desmantelar unha banda que actuaba nas localidades de Arteixo, Abegondo, Sada e A Coruña. O montante dos roubos ascende a 900 euros pero causaron danos por valor de 1.900.

A operación comezou tras detectarse diversos roubos cun patrón idéntico consistente en forzar os caxetíns de moedas nos boxes de lavado de vehículos. A coordinación entre o Posto Principal de Arteixo e as unidades de Sada e Abegondo xunto coa colaboración do Corpo Nacional de Policía permitiu centralizar as pescudas ante a sospeita de que se trataba dun grupo organizado de carácter itinerante.

Desta forma, os investigadores detectaron un nexo común mediante a utilización en todos os asaltos dun mesmo vehículo de cor azul escuro. Este elemento resultou determinante para lograr a identificación plena de catro homes con amplos antecedentes delituosos quen actuaban de forma coordinada para violentar os sistemas de almacenamento de efectivo.

O operativo para as detencións desenvolveuse de forma graduada durante o mes de xaneiro comezando o día 22 coa intercepción dun dos autores mentres circulaba pola autovía A-6. Posteriormente, o día 26 de xaneiro os axentes da Garda Civil localizaron e detiveron a outros integrantes do grupo nun inmoble ocupado da cidade da Coruña, finalizando o servizo esa mesma tarde coa detención do último implicado.

Esta operación permitiu esclarecer asaltos en diversas estacións de servizo das zonas da Coruña, Meicende, Abegondo e Sada. O botín total ascende a 900 euros en efectivo e os danos estruturais provocados nas instalacións afectadas superan os 1.900 euros.

Unha trintena de docentes péchanse no CEIP Concepción Areal 

0

Ás 18:00h deste martes 27 de xaneiro comezaba, no CEIP Concepción Arenal, un dos 15 peches reivindicativos convocados en toda Galicia pola CIG-Ensino e STEG para defender o ensino público ante o desleixo da Xunta. Unhas 20 persoas pasarán a noite no centro herculino aproveitando para facer unha asemblea aberta e un debate sobre a folla de ruta a seguir, ademais de elaborar de material reivindicativo, de primeiras, para utilizar na concentración matutina que terá este mércores antes do comezo do horario escolar, á que os sindicatos convidan á comunidade educativa a para visibilizar estas carencias e esixirlle á administración que atenda o clamor de familias, profesorado e alumnado.

Este peche continúa as mobilizacións realizadas no primeiro trimestre, no que a pesar das 5 xornadas de folga, a Consellería de Educación non avanzou nas negociacións para aprobar melloras tanto nas condicións de traballo docentes como no ensino público en xeral.

Docents concentrados no CEIP Concepcion Arenal da Coruna

A secretaria comarcal da CIG-Ensino, Laura Arroxo, que está no peche da Coruña, explica que “o obxectivo desta medida é chamar a atención ante o desprezo da Consellaría que segue sen atender a voz maioritaria do profesorado galego, representada polas dúas organizacións sindicais que lideran as mobilizacións desde comezos de curso”. “O noso obxectivo neste momento é sumar ás familias e ao alumnado á que é a causa de todo o ensino público -engade-, porque cando estamos falando de que non hai profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT), Audición e Linguaxe (AL) ou persoal orientador suficiente estamos evidenciando a gran carencia nestes momentos no sistema educativo galego que obriga aos centros a decidir que alumnado se atende e cal non. Cando non se autorizan desdobres nin se cumpren as raquíticas medidas incluídas no acordo de melloras, ampliando as ratios por riba do permitido ou agrupando varios niveis por riba do incluído tamén no acordo de agrupamentos, o que sae perdendo é alumnado máis vulnerábel, a igualdade de oportunidades e unha sociedade máis xusta. Estamos aquí para evidenciar que a atención á diversidade é unha prioridade” indicou.

Máis novas

O profesorado conmemora unha marcha fúnebre polo ensino público na súa primeira xornada de folga

O CEIP Alborada acolle o peche pola folga no ensino

Outras denuncias máis concretas

Así foi a manifestación da comunidade escolar do CEIP Prácticas “por unha escola segura e digna”

Indignación nas familias do CEIP Cidade Vella tras escoitar en directo “as mentiras” da Xunta

As familias do CEIP Concepción Arenal apoian as demandas do seu profesorado ante a falta de persoal coidador

ANPA do CEIP de Tarrío esixe á Xunta máis recursos e atención inmediata

A Xunta négalle ao CEIP Valle Inclán o aumento de profesorado na previa das concentracións das 6 ANPAS de Oleiros

O deportivismo reflexiona sobre a identidade de Riazor

O fútbol moderno cambia, e Riazor así o está a vivir nestas últimas campañas. Como acontece no Coliseum co Basquet Coruña, o espectáculo está asumindo parte do protagonismo que monopolizou o deporte, e os afeccionados debátense entre as novas modas que asolagan a meirande parte de eventos deportivos en todo o estado e a identidade serena que reinou ata esta década nos estadios.

O “Oh, Oh, Oh” do “Sweet Caroline” substituíu hai tempo ao “Y digo Deportivo”; as zonas VIP van roubando asentos ordinarios; a figura do speaker invade as conversas tácticas e os djs e a música a todo trapo apaga os cánticos tanto ao comezo como cando se marca un gol; os bailes e os concursos do descanso pode que fagan máis ameno o bocata pero eclipsan aqueles intermedios de toques e filigranas; a mascota Oito percorre, cal estrella do cine, as redes sociais do club; e por non falar da pixelada “biquiñocam”…

Con todo isto, foi o famoso fume, que saltou por erro cando Patiño mandou un gol ao lateral da rede, o que fixo saltar a chispa de boa parte da afección.

Así se leva falando esta semana nos grupos de whastapp de colegas branquiazuis (un dos milagros sociais que conseguiu a mensaxería instantánea), e así tamén o sinalan hoxe nun comunicado os Riazor Blues, no que denuncian o “ridículo” vivido en Riazor durante o pasado domingo ao converter o estadio nun “evento ianqui” e esquecer a identidade que nos trouxo ata aquí.
Un colectivo que, en todo caso, ten moitas cousas que revisarse, como deixar de vestir de negro como o resto de colectivos nazis e vestir as cores do seu equipo; recuperar cánticos de ánimo real (a poder ser en galego, que tanto defenden a campaña #oDeporédaCoruña); deixar de repetir arengas cheas de insultos e faltas de respecto; deixar de lanzar obxectos ao campo ou evitar quedar para zoscarse con afeccións rivais.

Con todo, parece complicado loitar contra o “show bussiness” e as aspiracións dunha directiva que non vivíu aqueles tempos de empanada e bota de viño. O novo himno, que parece estar no forno, pode ser o que marque o camiño.

 

Máis novas sobre o Dépor

Frío está o que frío estaba

A Deputación e Orgullo Galego impulsan un programa para promover a creación de contidos en galego entre os mozos

0

A Deputación da Coruña organiza, un ano máis, un programa para promover a creación de contidos en galego entre os mozos, segundo informou a deputada de Lingua, Sol Agra, xunto a Borxa González, representante de Orgullo Galego.

Esta entidade e o organismo provincial son os impulsores dunha iniciativa que, baixo o nome de ‘O galego na música e nas redes sociais’, chegará nesta ocasión a 22 centros.

Será, explicou a deputada provincial, co obxectivo de “fomentar o uso do galego no ámbito dixital e promover a creación de contido nas redes sociais” neste idioma.

“Un programa que xa se puxo en marcha o ano pasado, incorporando nesta ocasión tamén a música que se pode atopar nas plataformas”, resumiu para alertar, por outra banda, da perda de mozas que falan en galego non só no ámbito urbano senón tamén o rural.

“Son charlas necesarias”, incidiu, pola súa banda, Borxa González, quen insistiu en que o galego “non resta, suma”. Ademais, destacou a presenza de persoas que usan este idioma non só para falar del senón tamén para utilizalo para difundir outras cuestións como “ciencia, deporte ou maquillaxe”. “O idioma non limita”, insistiu.

AMEGA presenta unha guía didáctica sobre a historia dos medios en galego,

“Non gritar, non beber, non mexar”: A Coruña lanza unha campaña para meter en cintura o incivismo no lecer nocturno

0

O Concello da Coruña, en colaboración cos hostaleiros e a federación de veciños, porá en marcha a próxima semana unha campaña para promover os bos hábitos no lecer nocturno. “Non gritar, non beber, non mexar“, resumiu de forma directa a rexedora herculina, Inés Rey, en relación a esta iniciativa que busca compatibilizar o lecer nocturno coa tranquilidade dos veciños e veciñas da cidade. A alcaldesa incidiu na importancia de non facer ruído na rúa nin sacar bebidas fóra dos locais, sumando a iso a necesidade de que non se mexe nas vías públicas ou nos portais, ao citar algunhas cuestións.

Sobre o obxectivo desta acción, que comezará a vindeira semana con material informativo como carteis, adhesivos, posavasos ou vinilos, entre outros, busca “concienciar”. “Non podemos deixar de controlar e sancionar cando haxa incumprimentos”, sinalou, no entanto, a rexedora. Aínda así, remarcou que coa campaña preténdese concienciar para “convivir” e que se sintan “cómodos hostaleiros, clientes e veciños”. “É unha campaña a pé de rúa”, sentenciou tamén para expor que logo farán outra máis grande con cubos nas principais zonas de lecer.

A meta é que, ao chegar ao Entroido, a cidadanía estea xa debidamente concienciada sobre o que se pode facer e o que non no espazo público. Nesta mesma liña manifestouse Héctor Cañete, presidente da Asociación de Hostaleiros da Coruña, quen insistiu en que a campaña vai dirixida especificamente aos clientes con “conduta incívica”, unha postura compartida por Luisa Varela, presidenta da Federación de Veciños.

Inés Rey reclama unha atención sanitaria “en prazos razoables”

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reivindicou o dereito a unha atención sanitaria “en prazos razoables”, con motivo dunha reunión con representantes da plataforma SOS Sanidade Pública.

Foi nun encontro con presenza tamén da concelleira de Benestar Social, Nereida Canosa. Os representantes da plataforma alertaron “do impacto das listas de espera e a crecente derivación á atención privada”.

Na reunión, transmitiron ao goberno municipal as principais demandas que sustentan a mobilización, centradas, segundo eles, no fortalecemento do sistema público e a mellora do acceso real e efectivo á atención sanitaria, especialmente en Atención Primaria e especializada.

Entre os temas abordados, SOS Sanidade Pública destacou “as demoras para obter unha cita en Atención Primaria, que en moitos casos oscilan entre 7 e 14 días, así como a situación das listas de espera hospitalarias e para as probas diagnósticas, sinalando exemplos como a TAC, con 47 días, e a RM, con 56,2”.

Inés Rei agradeceu a información e o ton construtivo do encontro e destacou que “o dereito á saúde e á atención sanitaria en prazos razoables é un alicerce básico do benestar e require un compromiso firme coa equidade pública e territorial”.

Convocan unha nova concentración para esixir medidas urxentes para salvar os murais de Lugrís da rúa Olmos

0

A pesar dos pasos adiante para a súa protección, a realidade é que a día de hoxe os frescos de Lugrís da rúa Olmos continúan deteriorándose nun edificio con enormes carencias que sofre as inclemencias meteorolóxicas.

E para poñelo de manifesto, o colectivo lugrisán In Nave Civitas e a asociación cultural O Mural convocan á cidadanía a unha concentración diante do nº25 da rúa Olmos este vindeiro sábado, 31 de xaneiro, ás 18:00 horas. Unha concentración que será baixo o lema
“Penélope Fingal agardando o Concello”.

Lembran dende os colectivos que “Lugrís asinou algunhas das súas obras como Ulises Fingal e os seus seareiros asumen o triste rol da súa esposa para agardar que as administracións cumplan coas suas obrigas e salven xa os frescos que Urbano Lugrís pintou na rúa Olmos”.

Así, convidan á veciñanza á lembrarlle ao Concello e á Xunta que “fagan o que xa deberon facer hai tempo”.

Máis novas

Piden accións concretas para salvagardar os murais de Lugrís da rúa Olmos

S.O.S. Lugrís

A patronal do transporte por estrada da Coruña acusa os sindicatos de sabotaxes e esixe condenar a violencia para negociar

0

As asociacións empresariais do sector de transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña esixiron “responsabilidade” de cara a retomar o diálogo e evitar a folga indefinida convocada a partir do 2 de febreiro polas centrais sindicais CIG, CCOO e UGT. “A solución aos problemas do sector e as demandas laborais non se atopará mediante a violencia”, sinalan ao denunciar episodios deste tipo durante os paros anteriores e que as centrais sindicais negan.

“Senón na mesa de negociación, con propostas realistas e responsables”, engaden. Tamén argumentan que ao longo dos dous últimos meses “e non só nos días de folga, esa violencia afectou a uns 70 autobuses de empresa de distintas asociacións, dos que máis da metade, uns 40, pertencen a compañías de Transgacar”, recolle esta no seu comunicado.

Entre outras incidencias, citaron rotura de lúas, picadas en rodas, sabotaxes ás baterías, pintado de retrovisores ou furto de chaves, entre outras. Entre outros lugares, alude a Muros, Muxía, Cee, Carballo, A Coruña, A Estrada, Negreira, Bergondo ou Ferrol. As organizacións que representan ás empresas do sector sosteñen que só puxeron unha condición o día 22 para volver sentar a negociar. “Que cesasen os actos de coacción e de violencia e esta condición non se cumpriu pois lamentablemente ese mesmo día e o seguinte, venres 23, reiteráronse os danos aos vehículos”.

“E, unha vez máis, impediuse prestar os servizos mínimos que, pola lexislación vixente, son de obrigado cumprimento, agravando así os prexuízos da folga aos cidadáns”, engade. “En concreto, esa mesma noite do xoves e venres roubaron as chaves de seis autobuses en Muros, houbo sabotaxes nas baterías de dúas microbuses en Noia e foron picadas as rodas dun microbús en Noia e de dous autobuses en Pontevedra“.

“Esta causa, e non outra, foi a que impediu retomar as negociacións, e se non se cumpre, seguirá a impedilo”. Por este motivo, esixen, para volver á mesa de negociación, “que as centrais sindicais manifesten, e así se recolla na acta que para o efecto se levante, que condenan dunha forma clara e contundente a violencia e as coaccións que están a impedir realizar, cando menos, os servizos mínimos”. “Cumprida esta condición, a negociación seguiría aberta ata lograr un acordo”, apostilan.