Inicio Blog Páxina 556

Ugly Kid Joe, cabeza de cartel do Rock in Cambre

0

Vén de presentar o Concello de Cambre o cartel da XXXI edición do Rock in Cambre, un dos festivais máis lonxevos do xénero na provincia. O evento terá lugar o sábado 5 de agosto e contará co grupo californiano Ugly Kid Joe como cabeza de cartel. 

Dende o Concello salientan que un dos aspectos máis importantes do Rock in Cambre é a presenza das bandas cambresas, dándolles a posibilidade de coñecer o seu traballo e compartir escena con grupos de talla internacional.

Así serán os locais Lost Minnow, Low Gain e Replicantes os encargados de reivindicar o talento local e compartir escenario coa banda estadounidense, ademais dos madriñelos, Sex Museum, Bala, Los Rastreros e ITH.

Os concertos comezarán arredor das 18.00 horas coa actuación de Low Gain. Seguirán Replicantes (19.15 horas) e Lost Minnow (20.30 horas). O resto:

  • ITH (21.35 horas)
  • Bala (22.40 horas)
  • Ugly Kid Joe (00.10 horas). Cambre será una de las dos únicas paradas que el grupo hará en España. 
  • Sex Museum (1.55 horas)
  • Rastreros (3.20 horas) 

Unha das dúas paradas en España dos Ugly Kid Joe

Cambre será unha das dúas únicas paradas que fará Ugly Kid Joe en toda España. Ademais de Rock in Cambre, a banda actuará no festival Leyendas del Rock de Villena.

Ugly Kid Joe é un referente do xénero, interpretando numerosas cancións pertencentes ao hard rock, funk metal, grunge, rock alternativo e heavy metal. No seu repertorio destacan temas como “Everything about you”, “ats in the Cradle” ou “Neighbor”.

A calidade do aire en Galicia empeora en 2022, segundo un informe de Ecoloxistas en Acción

A calidade do aire empeorou en Galicia en 2022 debido á contaminación, o que rompe coa mellora que se rexistrou en 2021, segundo o informe anual elaborado por Ecoloxistas en Acción.

Así, apunta que a totalidade da poboación galega estivo exposta en 2022 a uns niveis de contraminación “insalubre”. Rexístrase un aumento dos niveis de ozono troposférico e de partículas en suspensión (PM10 e PM2,5) e dióxido de nitróxeno (NO2), aínda que sen alcanzar as concentracións anteriores á pandemia, segundo datos recolleitos en máis de medio centenar de estacións.

Unha das cuestións sobre as que chama a atención Ecoloxistas en Acción é o “feito moi preocupante” de que se supera o valor medio anual recomendado pola OMS para o cancerígeno benzopireno (BaP) na área industrial da Coruña e Arteixo, así como nas contornas da fábrica de coches de Stellantis en Vigo e a planta de produción eléctrica con biomasa de Greenalia en Teixeiro (Curtis, A Coruña). Por iso, reclama á Xunta ampliar as medicións deste contaminante e profundar no seu estudo.

Ademais, apunta que tres de cada dez galegos respiraron en 2022 un aire que incumpriría os novos estándares legais propostos pola Comisión Europea para 2030.

Así, as partículas en suspensión PM10 e PM2,5 seguen afectando principalmente as sete principais cidades e ás zonas industriais de Arteixo, A Mariña e Oural (Sarria, Lugo), onde se superaron os valores medios diarios e anuais recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para estes contaminantes. Tamén se recollen valores superiores de PM2,5 na Galicia rural.

Ademais, Vigo e A Coruña obsérvanse os niveis máis altos de dióxido de nitróxeno (NO2), como consecuencia do intenso tráfico, tamén por encima da recomendación da OMS, algo que ocorre en menor medida en Santiago, Pontevedra e Ourense. De feito, Vigo supera o límite legal da Comisión Europea para NO2 e tamén para partículas en suspensión.

Pola súa banda, Arteixo –refinaría de petróleo de Repsol-– e Oural (Sarria, Lugo) –Votorantim Cementos Oural– superan o valor máximo diario de dióxido de xofre (SO2).

Xunto a isto, a vaga de incendios de xullo de 2022 deu lugar a que se superasen as medicións de contaminación por ozono troposférico (O3) en diferentes puntos de Galicia –Ourense, Vigo, Ordes, As Pontes e Poio–, sobre o cal a Xunta “se limitou a difundir avisos informativos rutineiros”.

Castrexos e Romanos selaron a paz na Galaicoi

Despois dunha fin de semana de batallas encarnadas, castrexos e romanos conseguiron liquidar as súas diferenzas e enterrar o machado no peche da VI edición da festa Galaicoi. Tras disputar a batalla final na zona do castro, os xefes de ambos os clans acordaron asinar a Tessera Hospitalis como mostra da paz que reinará en Cambre ata, polo menos, o próximo ano.

Imaxes da cruenta batalla do castro

Este acto foi o broche de ouro do programa do sexto Galaicoi, no que o Concello de Cambre rexistrou un auténtico éxito de asistencia ao longo dos tres días. Unha festa na que a veciñanza é protagonista o que lle dá un impulso máis auténtico e máis participativo.

De feito, a Galaicou conta cunha ampla representación do tecido asociativo. En total, foron 23 as asociacións veciñais, culturais e deportivas de Cambre que ocuparon as cabanas castrexas. As entidades amenizaron a cita durante toda a fin de semana, comendo, bailando e facendo música. É dicir, converter o castro nunha romaría tradicional.

A programación deste ano incluíu un concerto da Compañía Festicultores, representacións teatrais da compañía Noite Bohemia, recreacións de batallas, showcookings de pratos típicos da época, pasarrúas musicais e teatreiros, obradoiros de artesanía tradicional e un mercado con preto de 50 postos.

Betanzos non lanzará este ano o globo de papel durante as festas de agosto

0

A Fundación Globo de San Roque informou de que este ano non lanzará o famoso globo de papel que cada ano se solta no municipio coruñés de Betanzos nunhas festas que reúnen a miles de persoas.

Nun comunicado, a entidade sinala que razóns alleas á súa vontade, á familia Pila, colaboradores e corporación fan que “este ano sexa imposible construír a tempo” este artefacto.

“A recente constitución oficial da Fundación Globo de San Roque, coas limitacións que iso leva, sendo esta unha diferenza substancialmente importante respecto diso do funcionamento que viña dando, fixo imposible que os traballos puidesen comezar a tempo e que, materialmente, sexa imposible chegar a ter o globo para o 16 de agosto, tal e como se recolle nos estatutos da Fundación”, indica.

A Fundación pide desculpas aos veciños e comprométese a que no 2024 e de aí en diante, Betanzos contará con Globo de San Roque. “Somos os primeiros que sentimos que se dea esta situación; que a pesar do esforzo para chegar a tempo finalmente non se poida ter o globo par as festas”, indica o comunicado que pide unidade de todo o municipio contorna a este emblema da cidade.

Olladas doutro tempo: Santa Catalina

Os derrradeiros raios do solpor iluminando as galerías dos edificios. A clave é a luz nos vidros, é o que marca a diferenza. Poucas cousas máis coruñesas. Poucas luces máis bonitas ca esa. Todos coñecemos o efecto desa luz cálida, alaranxada, reflectida nos pequenos cristais rectangulares das galerías. Aínda poidemos desfrutala hoxe en día, pero en menos lugares. Coruña segue a ser a Cidade de Cristal, pero menos.

A perda deses edificios fan que agora sexa case irrecoñecible unha ubicación coma esta. Estamos a falar da rúa Santa Catalina, que discorre entre San Andrés e os Cantóns. Alí é xusto onde a vemos, facendo de fronteira entre o Cantón Grande e o Pequeno. O edificio da esquerda da imaxe deu paso á actual Fundación Barrié de la Maza nos anos 90 do século XX. Mentres que os edificios algo máis pequenos da dereita desapareceron moito antes, a principios dos anos 20, para erguer o primeiro rañaceos de toda España, a sede do Banco Pastor. Pero iso non chegaría a velo o fotógrafo, Valentín Mendía.

Mendía sempre lle dá o protagonismo á cidade por riba das persoas, nesta fotografía case inapreciables, convertidas en pastasmas. A súa composición sempre é vistosa, inventando moitas veces eses ángulos picados que deixan a dúbida perpetua sobre cómo conseguilo. Tamén xoga coa luz de forma maxistral, levando a mirada do espectador por onde el quere, poñendo acentos e marcando o percorrido visual.

Neste caso o acento é o reflexo nos vidros, destacando a beleza sobria deses edificios decimonónicos, pero ó mesmo tempo as diagonais que se debuxan nesta perspectiva fan que a nosa ollada vaia percorrendo toda a lonxitude da rúa, entre as árbores case recén prantadas dos Xardíns, ata chegar ós veleiros ancorados no porto. Imaxes coma esta fannos lembrar de que estaba feita a nosa cidade. Coruña non só era de cristal. Coruña era de cristal, madeira, pedra… e auga salgada.

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

Sada celebra o V Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia con diversas actividades

0

O municipio coruñés de Sada acollerá entre os días 3 e 6 de agosto o V Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que contará con programación tanto en mar como en terra, con actividades para todas as idades que inclúen, ademais das citas náuticas, exposicións sobre a cultura mariñeira e fluvial e os seus oficios relacionados, presentacións, talleres, música, xogos, teatro e outras propostas para o público infantil.

O evento foi presentado este sábado no Museo do Pobo Galego, en Santiago, nun acto que contou coa presenza do alcalde de Sada, Óscar Benito Portela, da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, e da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, xunto co presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, José Luís Sacau, e o presidente da asociación cultural e mariñeira Vos Patexeiros de Sada, Miguel Martínez Modroño.

No acto detallouse parte da programación desta cita que contará tamén cun programa inclusivo, xa que este ano ten como entidade convidada a Aspace, vinculada a persoas con dano cerebral e ás súas familias, para achegar a cultura do mar a persoas con diversidade funcional.

O presidente dos Patexeiros destacou o impacto desta cita coa cultura mariñeira e fluvial alí onde se celebra. “Sería fermoso que non finalizase o Encontro de Embarcacións o día 6, que este transformase a sociedade de Sada e puxese en primeiro plano o seu orgullo mariñeiro”, manifestou.

A asociación sadense, que cumpre 15 anos de actividade, dará a coñecer formalmente neste encontro o seu proxecto para a creación do Museo a Flote. “Unha proposta para poder exhibir as nosas xoias flotantes, as nosas embarcacións tradicionais fondeadas ao longo dunha parte de paseo marítimo de Sada”, avanzou Martínez.

Na súa intervención, José Luís Sacau quixo subliñar “a potencia de Sada e das Mariñas coruñesas” como un dos “grandes polos de desenvolvemento do país en todos os planos: económico, industrial, demográfico, turístico e tamén cultural”.

Sobran exemplos que nos indican que o desenvolvemento debe ir parello con salvagárdaa dos valores patrimoniais e debe ser respectuoso con eses valores, de maneira que no fío da historia nunca perdamos a referencia do que somos e de onde procedemos”, reivindicou Sacau.

Pola súa banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, destacou a importancia da carpintaría de ribeira como un alicerce fundamental do patrimonio marítimo galego, así como unha actividade económica ecolóxica e competitiva, un oficio multidisciplinar de profunda tradición en Galicia e que encaixa ao mesmo tempo coas últimas tendencias relacionadas coa bioeconomía circular e coa sustentabilidade.

Artesanía de Galicia estará presente neste encontro través dunha serie de demostracións que correrán a cargo da Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira Agalcari, así como dunha feira de artesanía na que está prevista a participación de 10 profesionais de Artesanía de Galicia.

PROGRAMACIÓN MUSICAL

Ademais, a programación prevé tamén actuacións musicais para o catro xornadas, con concertos nocturnos no Espazo Sons do Mar, no paseo de Fontán. Alí actuarán, o xoves, Os de Abaixo, que darán pé, o venres, a Faltriqueira (22,30 horas) e a Habelas Hainas (23,30 horas). O sábado abrirá, ás 22,30 horas, Lenda Ártabra, que dará paso, ás 23,30 horas, ao concerto de Mercedes Peón, dentro da súa Xira Ingrávida.

A actuación do domingo, ás 22,00 horas, correrá a cargo da Bule Bule Band. Ademais, nas mañás do xoves, venres, sábado e domingo haberá ruadas da man de Nova Troula, acompañada o domingo do seu grupo de canto, a quen se unirán tamén, o sábado á tarde, Queiroa.

A inscrición para participar neste encontro segue aberta e pode realizarse no formulario que se atopa ena web: https://culturmar.org/eventos/, onde tamén é posible anotarse como parte do voluntariado, para vivir este evento desde dentro.

Petición de oito anos para o acusado de apuñalar a un menor na Coruña

A Fiscalía pide oito anos de cárcere para un home acusado de apuñalar a un menor nunha pelexa no Obelisco, na Coruña, que será xulgado, xunto con outro implicado, na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña os días 18 e 19 de xullo a partir das 10,00 horas.

Segundo recóllese no escrito de Fiscalía, sobre as 04,00 horas do 3 de xullo de 2022, dous menores atopábanse na rúa Socorro, na Coruña. Alí tamén estaba un dos procesados, maior de idade.

Sobre esa hora houbo varios incidentes. Primeiro entre os dous menores e, a continuación, entre un deles e un dos procesados, que golpeou á vítima en diferentes partes do corpo. Foron separados por varias persoas que se atopaban no lugar, aínda que pouco despois o acusado volveu golpear ao menor.

A continuación, desprazáronse á zona do Obelisco, onde apareceu tamén o irmán do menor golpeado, que fose alertado do incidente anterior. Así, tal e como consta no escrito fiscal, este último dirixiuse ao outro menor coa intención de acabar coa súa vida.

Cun coitelo de 26 centímetros de folla que portaba apuñalouno en dúas ocasións, unha delas na zona abdominal no flanco esquerdo e a outra na rexión superior do hemitórax esquerdo.

O presunto agresor foi localizado polos axentes da Policía Local pouco tempo despois na rúa Ribadavia, observando os axentes que as roupas que levaba o procesado estaban manchadas de sangue. Atópase en situación de prisión provisional por esta causa desde o día 5 de xullo de 2022.

Por estes feitos, o Ministerio Fiscal procede impor a pena de oito anos de prisión polo delito de tentativa de homicidio, así como a prohibición de achegarse á vítima a unha distancia inferior a 200 metros e comunicarse con el por calquera medio durante nove anos.

O outro acusado estivo en situación de prisión provisional desde o día 5 de xullo de 2022, acordando o Xulgado a súa liberdade provisional o día 13 de xullo de 2022. Agora, Fiscalía solicita a pena de tres meses de multa polo delito leve de lesións.

[Galería]: Cambre viaxa pola historia na Galaicoi

0

—–

Castrexos e romanos xa toman as rúas de Cambre. A vila celebra a VI edición da Galaicoi, unha feira histórica xa arraigada nunha vila convertida nun auténtico campo de batalla. Así acontece dende a tarde do venres, cando se asinou declaración de guerra chegou tras a reunión do clan, marcando o inicio de numerosas escaramuzas e batallas que se prolongarán durante toda a fin de semana. O enfrontamento concluirá, previsiblemente, o domingo, arredor das 19.45 horas, coa firma da paz.

Os combates centrarán boa parte do programa. A xornada do sábado 15 de xullo terá lugar unha escaramuza entre os dous bandos (12:00 horas) e ás 19:00 horas terá lugar o cerco e asalto a Castromaior. O domingo, ás 12.30 horas, castrexos e romanos entablarán unha nova escaramuza para disputar, ás 19.00 horas, a batalla final.

O sexto Galaicoi tamén incluirá un mercado galaico-romano con preto de 50 postos, obradoiros de artesanía tradicional (acuñación de moedas, talla de pedra, elaboración de perfumería, forxa artística), animación musical e representacións teatrais. En concreto, a compañía Noite Bohemia representará dúas obras: Xemelos, comedia de Plauto (venres 14 de xullo, ás 22:00 horas no teatro Parque da Igrexa) e Medea, traxedia de Eurípides (sábado 15 de xullo, ás 10 horas). :00 p.m. no teatro Parque da Igrexa).

FOTO CAMBRE- Primera jornada Galaicoi 1

Morre José Manuel Dapena, concelleiro socialista na cidade da Coruña entre 2015 e 2019

José Manuel Dapena, que foi concelleiro socialista do Concello da Coruña entre os anos 2015 e 2019, faleceu este domingo, segundo informou o propio consistorio municipal.

Nacido en 1965, foi concelleiro en María Pita entre os anos 2015 e 2019 e chegou a ser portavoz do grupo municipal entre xullo de 2015 e xaneiro do 2017.

Nas súas redes sociais, o Concello da Coruña lamentou o falecemento de Dapena e trasladou as súas condolencias aos seus familiares e amigos.

Tamén se uniu ao pésame o Partido Socialista da Coruña, que destacou o traballo do edil durante a súa vida en defensa dos ideais socialistas e da cidade herculina.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, mostrou o seu agarimo cara á familia, amizades e compañeiros de Dapena.

O portavoz do PP na corporación municipal, Miguel Lorenzo, uniuse ao pésame aos seus familiares e amigos, do mesmo xeito que o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, ou o exalcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, entre outras personalidades e entidades.

Abren as portas do Cárcere Vello

Dende 1995 levan as portas pechadas da Prisión Provincial da Coruña, tralo cese da actividade un ano antes. Porén, estas tardes de xullo, quen pase por diante do Cárcere Vello, ademais de ver a entrada convertida nun aparcamento de bañistas, vai atopar as portas abertas, e engalanadas de pancartas, do emblemático edificio.

Numerosas intentonas, dende a sociedade civil máis que dende as administracións, realizáronse nestes 28 anos para intentar darlle outra vida de liberdade a un lugar de represión (foi inaugurada en 1927). Iniciativas colectivas como a do Proxecto Cárcere (vivo dende 2011 a 2019), pedían convertilo nun centro público, un museo, un espazo de creación e exposición vivo, un lugar de encontro que nos amose a nosa historia (hai xente que mesmo propón un albergue para persoas en exclusión, ou no caso un albergue xuvenil). Entidades como Defensa do Común, Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e Proxecto Cárcere, solicitaron en innumerables ocasións ás administracións compententes a súa rehabilitación.
Houbo intentos das administracións de darlle vida convertíndoa en sede da edición da (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico en 2010; ou de protexela cun servizo de vixilancia interrumpido.

Pero a historia burocrática do edificio, as leas entre grupos políticos e administracións, provoca unha desazón indiscutible na veciñanza herculina. Veciñanza, de moitos barrios distintos da cidade, que levan 28 anos paseando por diante, vendo dende lonxe, como un elemento alleo, e comprobando como o tellado ten unha tella menos cada vez.

Carcere Vello-Prision Provincial-Pancarta ines
Un graffitero asturiano axudou a Ricardo a crear esta lona dirixida á alcaldesa de Coruña

Esa desatención, ese “abandono e deixadez” é seguramente o que mete respecto á xente a atravesar esa porta, que foi botada abaixo hai un par de meses por Ricardo e un grupo de rapaces que celebraron a afrenta coma se fosen irmandiños asaltando o castelo. Esa porta que cada tarde se ofrece para ser visitada.

”Teño 96 anos, vén a visitarme”, así che fala a prisión nos primeiros corredores de madeira pintados no chan para darte a benvida ao tempo que pide “la voluntad”. Ricardo, agora apoiado por Andrés S., levan arredor dun mes coidando o edificio. Tiveron que liberar o edificio das clásicas visitas de persoas drogadictas, de bandas de ladróns… que aumentaban o deterioro do edificio ata hai apenas 10 días. Agora, traballan pola mañá, eliminando rescoldos fundamentalmente, e pola tarde invitan a todo o mundo a coñecer esta iniciativa de activismo directo, entrando por unha alfombra vermella. “A xente que entra merece iso”.

Carcere Vello-Prision Provincial-entrada
Así está engalanada a entrada á Prisión Provincial estas semanas

A idea de Ricardo e Andrés é a de rescatar a unha “prisión que leva anos pedindo auxilio”, simplemente para “abrila á xente”. Por iso pide que todo o mundo saque fotos e que cada “formiguiña” a suba á rede a través do seu teléfono.

– Como te metes nunha locura como esta? “A prisión o merece”, responde un home con moita historia de acción nas súas costas, que trata de poñer á vista “a deixadez e o abandono” das administracións dende 1995. “É un edificio espectacular”, sinala rotundo, falando da prisión, conscientemente, como se realmente fose unha persoa.

Ao longo da hora que pasamos con Ricardo entran turistas que non saben onde están, ou parellas de mozas que descubriron polas redes o que está acontecendo e se achegaron a ver as entrañas dun edificio tan esquivo. “Dende fóra parece pequena pero aquí dentro vexo que é enorme”, reflexionaba algún visitante fortuito. “Un albergue para persoas sen fogar”, propuña unha veciña do barrio que parou un segundo a preguntar.

Andres no carcere vello
Andrés (Ricardo preferiu centrar o protagonismo no edificio)

Por agora semella que as autoridades non saber como actuar. A Policía Nacional pasou algunha vez de xeito “moi respectuoso”, segundo Ricardo, mentres que a Local, “que non ten competencias aquí dentro porque isto é do Ministerio” (é da Sociedad de Infraestructuras y Equipamientos Penitenciarios, SIEP), “nos visita varias veces ao día”.

En 2011

Facendo unha perspectiva do abandono, así estaba en 2011, da man do Proxecto Cárcere:

Agora

E así a atopamos este 13 de xullo de 2023:

Carcere Vello-Prision Provincial-patio

Carcere Vello-Prision Provincial-celda

Novas sobre o Cárcere vello