Inicio Blog Páxina 643

Alerta por ventos de forza sete en todo o litoral coruñés

0

Todo o litoral da Coruña permanecerá durante este venres en aviso amarelo por fortes ventos de forza sete e compoñente nordés que se producirán ao longo de toda a xornada.

O aviso está activo desde o amencer na Costa da Morte e desde as 09,00 horas no noroeste coruñés, segundo o mapa de alertas de Meteogalicia.

Está previsto que amaine a forza do vento de face á noite, co que se levantará o aviso ao redor das 21,00 horas. Para o sábado, espéranse treboadas puntuais no sur de Galicia e o interior da provincia da Coruña. Así, toda a provincia de Pontevedra e de Ourense, o sur de Lugo e o interior da Coruña estarán en aviso amarelo por estes episodios treboentos.

Nace o Obradoiro Dixital Galego par espallar a creación do contido dixital en lingua galega

0

Xa levan tempo argallando, sobre todo, Fran da Lobeira (A Lobeira Today) e Isaac González (de podgalego, agora.gal…) a necesidade de crear un proxecto que aglutine ás novas canles de creación de contidos dixitais en galego. Sobre todo dende a aparición a comunidade de Twitch en galego.

Así nace Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego (ACODG), un proxecto asociativo
creado co obxectivo de promover, difundir e axudar á creación de contido dixital en galego nos seus distintos formatos, sexa streaming, vídeo ou podcast. A ACODG engloba ás tres comunidades xa existentes de creación de contido, Podgalego, Twitch en galego e YouTube en Galego, sen renunciar á posibilidade de acoller ás que poidan xurdir nun futuro. Entre as tres comunidades suman máis de 800 canles indexadas de contido en lingua galega.

A entidade manterá rexistros actualizados de canles e persoas creadoras de contido en galego para visibilizalas e promovelas, e asesorará e prestará asistencia a persoas creadoras de contido ou con intención de iniciarse na actividade de creación de contido dixital en galego. Tamén fomentará a colaboración establecendo redes de cooperación
con centros educativos, asociacións dinamizadoras da lingua, medios de comunicación e outras institucións para realizar campañas, eventos públicos, cursos e outro tipo de iniciativas co obxectivo de promover o uso, o consumo e a produción de contidos dixitais en lingua galega en todos os ámbitos sociais.

“Vimos de crear o tecido asociativo necesario para mudar o ‘eu’ polo ‘nós’ no tocante á creación de contido, e aunando forzas medrar máis e con máis afouteza e orgullo do noso, mirando cara a Galiza do futuro”, en palabras do presidente actual da asociación, Fran da Lobeira.

Sande: “Os votantes da Marea foron asumindo que a Marea deixou de ser unha forza valente e de transformación”

Un café tranquilo na Parva, no Mercado de San Agustín, sérvelle para baixar algo as revolucións dunha campaña “exprés”, a pé de rúa. No seu necesario exercicio de dar a coñecer o proxecto e diferencialo doutras candidaturas ante o incrédulo electorado máis progresista da cidade, incide o seu papel de independente (“non son militante de Podemos”, reitera), como 12 dos 27 membros da lista de “Por Coruña”, a candidatura que forman Podemos, Esquerda Unida e Alianza Verde.

Fai fincapé na “diferencia de actitude” que leva Por Coruña (“novo e ascendente proxecto”) e Marea Atlántica (“en declive”), afonda na “feble oposición” realizada polo grupo “mareante” durante estes 4 anos, e considera “clave” os practicamente 100 días de campaña que leva dende o anuncio da candidatura aló por febreiro para dar a coñecer as singularidade do proxecto que lidera de cara a estas eleccións municipais do 28 de maio.

Repasamos con el a cronoloxía da separación da esquerda herculina e intentamos afondar nas diferencias programáticas entre as forzas progresistas.

 

  • Bueno, xa levas tempo na vida política, pero este salto á primeira liña colleunos por sorpresa a moitos. Como están sendo estes meses, e sobre todo estas últimas semanas de voráxine electoral?

Tremendo. Son unha persoa que se ilusiona fácil, de tomar a iniciativa, e sempre gusta interaccionar coa xente e explicar un proxecto coma o noso. Eu non son de proselitismos, intentar convencer á xente de cousas creo que é un erro da práctica política, porque a historia ten máis que ver coa valentía, a autencidade, a naturalidade, que con dar á chapa á xente, con ser evanxelizador.
É un reto maiúsculo porque era unha nova forza política, aínda que aglutine forzas políticas xa existentes e cun traballo consolidado; e tamén había unha parte de apertura ao movemento cidadá que é apaixoante. Eu veño dunha tradición máis extraparlamentaria, de centro social, activismo… e esa parte cidadá, inclusiva, é clave.

E ves como en moi pouco tempo pode xurdir esa chispa e esa transmisión de algo honesto e que realmente substitúe ás forzas progresistas que estaban na cidade, que dende o meu punto de vista estaban bastante adocenadas, apagadas, mornas… tras unha etapa dun goberno sen un proxecto pouco claro e coherente, e dunha oposición moi feble.

 

  • Moi importante entón a campaña para vós?

No noso caso, clave. Presentámonos comigo con cabeza de lista o 10 de febreiro, tendo a necesidade de desfacer os equívocos con esa outra candidatura, e d ceonsolidar un proxecto propio dunha maneira que quede claro que é unha historia que vai a máis e que veu para quedarse, que ten un poso sólido.

Tivemos varios elementos clave. Un é o equipo de traballo que se vai consolidando, un equipo sen esas toxicidades, enfrontamentos, eses cainismos aos que e tan proclive a política. E por outro lado o respaldo de xentes importante do especto político como Yolanda Díaz.
Fixemos unha campaña en clave local pero abertos ás posibilidades de interacción con outras forzas. Como non iamos aproveitar a lei de Vivenda, a onda de Sumar?

 

  • Unha persoa coma ti, acostumada a rodearte dunha elite cultural… como está sendo este percorrido barrio a barrio pola cidade?

Moi estimulante ese regreso. Certo que nunca me desconectei, que seguín tendo estes anos unha vida cultural activa, pero está sendo ilusionante volver a ter contacto directo. Eu xa tiña experiencia do Concello, e esa relación co tecido asociativo foi unha das cousas que máis me gustou entre as competencias que tiven no mandato de 2015 de festas, deportes e cultura. Cheguei a ter 15-16 reunións diarias con elas, e había unha relación moi intensa, e agora ao voltar moita xente xa me coñecía.

Eu prézome de coñecer ben a cidade, pero ves lugares nos que volves e ves casuísticas novas, como algunhas vivendas da Sareb que eu descoñecía…
Tamén serviume para decatarme da desatención considerable, sobre todo cara os barrios, neste mandato. Vimos que houbo moi pouca interacción, pouco mantemento na parte máis material nos barrios, poucos proxectos e moito cálculo electoralista. E creo que a xente toma nota desa decepción do tecido asociativo, o cal dá máis forza para activar esa área.

 

  • Indo xa ao foco que creo no que está inmerso todo o espectro de esquerdas da cidade… que sigo escoitando relatos de xente que non acaba de entender que pasou entre as esquerdas. Podes explicarlle a un votante progresista que pasou entre Marea e Podemos para esta dificilmente explicable ruptura?

Creo ter boa memoria e ser obxectivo, e creo que na política hai vir con autocrítica e sen autoengano.

Hai unha cronoloxía moi precisa:
O proceso da Marea Atlántica de 2014-2015 é un proceso ilusionante e ben planificado, pero no momento que se entra no goberno, digamos que parte da estrutura principal pasa estar na institución, e se acaba vendo entre 2018-2019 comezan a visibilizarse dous problemas claves: a dificultade de relacionarse con outras forzas políticas, tendo en conta que non todas as forzas políticas tiñan representación no pleno, no equipo de concelleiros do goberno da Marea (estaba EU, ANova, Equo, pero non estaba Podemos). En xeral, con todas as forzas políticas houbo dificultade de integración. Creo que foi un erro noso, consideránme eu como membro da Marea no período ata 2019, que eu non reescribo o meu pasado.

  • Cerrástesvos entón demasiado á parte cidadá separádonse da estrutura máis partidista?

Creo que a acción de goberno urxente era moi complicada, e os nexos que se estableceron co exterior non facilitaron as relacións. Tiñamos unha independiencia rabiosa que dificultou a propia relación cos partidos, provocando unha relación máis tirante que satisfactoria.

Isto agrávase co proceso de En Marea, proceso que eu vivín a distancia, a través de compañeiras que si se involucraron nun proceso que crea máis tensións políticas, por unha cuestión clara: as eleccións primarias, unha cousa que sempre se convirte nunha dificultade, nun obstáculo, ou nalgo que enfronta ás forzas políticas.

Cando vai rematando o mandato 2015-2019, hai un progresivo alonxamento das forzas políticas. Non se recoñeceu aí o proceso da campaña de 2015, esquecendo que o impulso de Podemos foi positivo para a campaña da Marea. Creo que niso, nun acto de certa soberbia, comezou a negarse. Aí, cando comezaba a haber unha doble vía, seguramente non enviamos ás mellores persoas para negociar. Seguramente non eran as persoas máis empáticas, máis flexibles. E iso foi determinante, porque a política é diálogo. Facía falta máis xenerosidade.
Creo que esa amalgama entre a parte cidadá e os partidos era perfectamente posible, pero un non pode pensar en 2018 que o que aconteceu en 2015 non existe, e reescribir ese pasado, e comezar un proceso de distanciamento de forzas, que leva o seu punto máis simbólico, en non pedir o voto tanto en bril e en novembro de 2019 para Unidas Podemos nas Eleccións Xerais, repetidas, nas que de feito nesa primeira e fallida primeira lexislatura chego a ser Senador independente.

Xa en 2019, eu xa non estaba na lista, tomouse a decisión de non formar goberno para ser determinante nas políticas. Unha decisión que nin se contemplou para sorpresa de moitos, tendo en conta que ademais había 6 concelleiras con experiencia de goberno, fronte a un goberno socialista que non tiña nin proxecto. De feito creo que se a Marea o propuxese o PSOE non se tería negado, entre outras cousas porque estaba condicionada unha investidura. Entón aí houbo dos puntos importantes: non entrar no goberno; e o alonxamento das forzas politicas.

  • Foi tan importante o papel que xogou a marcha de Isabel Faraldo aló por 2020?

Un ano antes, apenas días despois da investidura,  a edil de Esquerda Unida abandona a súa acta, o que non deixa en bo lugar a relación con EU. Unha cousa que non se destacou, e a propia discreción de EU ao final tivo efecto dun envalentonamento moi extraño por parte da Marea á hora de considerar unicamente como transfuguismo a saída da concelleira de Podemos Isabel Faraldo.
Pero parece importante todo ese previo, porque parecería que a concelleira de Podemos toma unha decisión saída da nada, pero hai un previo de enfrontamentos, de tensións e de distanciamento importantísimo.

Houbo tamén un punto de inflexión en 2020 cando un grupo de 35 de persoas militantes da Marea presentamos un escrito de apertura contra o aburguesamento do proxecto.

A falta de autocrítica, e ese tirar para adiante sen ter en conta os feitos, o que acrecenta a deriva da Marea, un proxecto de que pasa de gobernar a deixar de gobernar, vai perdendo enerxía, forza… Despois cando asina os orzamentos de 2020 e 2022 tamén van creando desazón na cidadanía crítica e os votantes da Marea asumen que a Marea deixa de ser unha forza valente e de transformación.

 

  • Confuso, en calquera caso, para os votantes, verte a ti, nº2 da primeira candidatura de Xulio Ferreiro, liderando unha lista, e a Xulio pechando outra…

Ten que ver con toda esta cronoloxía. Pero tamén creo que coa ruptura do bipartidismo, e o digo no sentido positivo, a cidadanía está vendo que as forzas progresistas están tratando constantemente de facer proxectos de unidade que xustamente sobrepasen ao proxecto anterior unha vez que este empeza a aburguesarse ou a frouxear. E creo que ese tipo de sustitución histórica non son intrísecamente malas a non ser que nazan das diferencias persoas ou de arbitrariades.

 

  • Con todo, faise difícil tamén escoitarvos falar da “candidatura da unidade”…

Si, pero é que por exemplo, o que propón Sumar é unha candidatura de unidade. Un non pode unirse a alguén secuestrando ou obrigando a nada. Pero a diferencia é a actitude: uns pretenden a unidade e chaman a ela e outros nin sequera atenden a ese chamamento, que ademais en política é unha obriga en si mesma, e que se sinten propietarios dun espazo e creo que esa diferencia de actitude é clave para diferenciar os proxectos.

 

  • Que diferencias programáticas fundamentais podes sinalar entre o programa de Marea e o de Podemos-EU? Como convencer á veciñanza que está indecisa entre estas dúas forzas progresistas?

Non son programas iguais. Hai unha clara diferencia actitudinal. Quen non fixo políticas valentes durante 4 anos, non ten credibilidade tanto en cuestións como na parte da vivenda; como a parte da cultura e o deporte como un eixo, mesmo no vector socioeconómico.

Creo que nos procesos de mobilidade, memoria, mecanismos de participación e transparencia… cuestións que se estaban perdendo, e quen sustenou o goberno logo o que poña no programa vai ter unha lectura con menos credibilidade. Creo que hai un proxecto máis ambicioso e honesto, con máis fondura.

Tamén hai que dicir que temos un candidato con experiencia na xestión de goberno. E entendo que a cidadanía poida ter a idea de que pode haber propostas moi semellantes, mesmo co Bloque, pero creo que a gran diferencia en que os proxectos non vimos do mesmo lugar, vimos dunha etapa viciada de antemán para BNG e Marea por ter sustentado por acción ou omision as políticas deste goberno que moita cidadanía progresista están desacordo.

 

        • Que te parece a política urbanística do actual grupo de goberno?

Hai unha consideración importante, que contamos con Xiao Varela, que foi Concelleiro de Rexeneración Urbana, e está parte do seu equipo, refrendando que para nós o tema da vivenda é clave. Non só pola aprobación da primeira lei de vivenda da democracia, senón tamén porque vemos que é un problema que nunca foi solucionada.

O urbanismo sempre foi depredador, son as sombras da longa etapa socialista no goberno e creo que é escalable mesmo a nivel estatal. Creo que o gran problema que España recupera a autoestima cidadá no desarrollismo a través da incorporación da idea de que ti non vas ter mais autoestima se non tes unha propiedade. E en certo modo nunca saímos desa mentalidade. E todas as políticas postfranquistas non sobrepasan esa idea, que ten a vivenda como un valor de mercado, provocando a anulación dunha bolsa de aluguer, sobre todo nunha época cunha mobilidade laboral impresionante, na que o aluguer debería ser unha opción preferente.

E aí seguimos aferrados á propiedade e a maior construción, a pesar de vivirmos nunha cidade moi limitada. Entón como resolver eses retos. Só se resolveron por unha vía urbanística especulativa, depredadora e de construción constante. Nós propoñemos unha grande bolsa de vivenda pública de aluguer; axudas á rehabilitación; hai milleiros de vivendas baleiras… fálase de ocupacións por parte dos agoreiros e dos que queren propagar políticas do medo, pero o que vemos é desafiuzamentos. Pero ver que na Coruña vese moita máis desigualdalde, precariedade…
Todo isto hai que resolvelos con políticas claras e valentes. Neste momento hai máis vivendas turisticas, foron subindo alugueres, hai lugares de xentifricación descaradas… Se ben é verdade que parte é responsabilidade da Xunta, un Concello pode facer vivenda pública e dous o concello debe sobrepasar a súa función, e debe interaccionar e presionar a outras admininistracións, e creo que hai un goberno estatal progresista co que se pode interactuar.

Son cuestións do pasado que volven. Nótase a quen se lle poñen os ollos chirivitas… E vímolo co presidente da Autoridade Portuaria que está pensando en vivendas constatemente, e nós pensamos en servizos e equipamentos públicos, penso nun porto aberto, vivo, que siga sendo espazo económico pero tamén de lecer.
Hai que pelexar contra esas operacións especulativas. E sobre todo que non nos provoquen a sensación dos feitos consumados, de que como “isto comezou, ten que facerse”. Mira como non se tirou o edifico de Conde Fenosa, e tivo que resolvelo Xiao Varela e o goberno anterior.

 

  • Xa en pura clave electoral, semella que as enquisas non van dar maiorías absolutas. Como valorades a posibilidade de chegar a pactos de goberno? Tendes liñas vermellas fixadas?

A maioría das enquisas dan 1-2, pero coa idea de que somos unha forza de ascenso, a única que chegou e en pouco tempo xa conseguiu porcentaxes de representación, e tal como se formulou a campaña, o contacto da xente, os actos que houbo… nós si que percibimos como o proxecto é cada vez máis escoitado, querido e entendido, que vai desfacendo equívocos e medrando.
Vimos para ser relevantes, importantes, pensando sempre en gobernar, non a calquera prezo, non con cheques en branco, nunca dende a perspectiva da chantaxe.

Estamos enviando ás outras forzas políticas un contrato ético para un goberno ético e transformador no que por medio de 12 puntos pedimos establecer un primeiro contacto en clave de transparencia e ética.

Creo que a cidade merece un goberno máis valente, por todos os retos por diante como a caducidade do contrato coa compañía de tranvías e debe levar a unha nova rede do transporte público, a estación intermodal, por esa marca “Coruña Cultura Coruña Deporte”; o que falabamos da vivenda, cunha nova relación co entorno metropolitano…

Non temos liñas vermellas, creo que na política hai que vir para negociar.

 

  • E que agardas do día 28?

Tivemos pouco tempo, pero a idea é que sexa un proxecto que vén para quedar, que teña unha continuidade, e que poidamos ser determinantes nas políticas da idade, que axudemos a marcar as políticas máis progresistas da cidade da Coruña nos vindeiros anos.

Xan Xove: “Nós é nas rúas onde nos vimos arriba, no cara a cara coa xente”

Fixemos entrevista rápida a Xan Xove. Collemolo camiñando pola rúa de camiño a un mitin. “Decidín facer a campaña a pé, en bus ou en bicicleta”, di. E chegar di que chega a todos os recunchos da cidade para lembrar que a Marea Atlántica está máis viva que nunca e coa mesma ilusión que cando comezou e conseguiu cambiar o espírito da cidade. Evita as preguntas incómodas sobre Podemos e Isabel Faraldo, que rompeu o grupo da Marea, e insiste en ser positivo. Deixa entrever que non hai problema en pactar con Inés Rey porque xa acordaron cousas esta lexislatura, aínda que critica que deixar de lado moitos proxectos da Marea.
Logo de catro anos gobernando e outros catro na oposición, ves que a xente na Coruña teña ganas de Marea?
Moitisima. A campaña é fundamental. Levamos catro anos en campaña. A xente coñece as nosas medidas e proxectos e que a Marea Atlántica foi a que deu a volta ao taboleiro político, a cuestionar os convenios portuarios, a retirar o viaducto de Nelle ou a poñer en marcha a renda social municipal. E aí está o noso traballo. E por iso a xente quere Marea. E vese iso moito na rúa.
E notas que a xente bote en falla a Xulio?
Que va!. Xulio está na lista, está implicado. Pecha a lista. É un mareante máis, un compañeiro moi importante. Agora ten responsabilidades como decano da Facultade de Dereito pero está moi implicado e acompandonos en moitos actos e o enorme cariño que lle teñén os e as coruñesas reforza a idea de que foi o mellor alcalde que tivo esta cidade, con permiso, quizais, de Domingos Merino.
E como pensas convencer a eses coruñeses que hai oitos anos vos deron a alternativa e que hai catro deixaron de confiar en vós?
Nós queremos convencer a esa gran bolsa de coruñeses indecisos, e as enquisas estannos dando un gran crecemento nos últimos días, lembrandolles que A Coruña non se entende sen a Marea Atlántica porque logrou abrir camiño e cuestionar e poñer enriba da mesa os grandes temas da cidade da Coruña. E, ademais é unha organización da Coruña, nacida por e para os cidadáns da Coruña.  Non temos ataduras e non somos unha franquicia, nin unha delegación. E isto é moi importante que se teña en conta que isto son eleccións municipais e é erróneo entender isto como simulacro de eleccións xerais ou galegas. Temos que falar dos problemas de aquí; vivenda, transporte, residuos, peiraos interiores. Eses son os temas dos que hai que falar.
Cando falas de sucursais venme á cabeza partidos que ata hai nada formaban parte da Marea, como Podemos ou Esquerda Unida, que agora decidiron ir por libre con Sande, que foi concelleiro con Xulio Ferreiro?
Esa pregunta hai que facerlla a Isabel Faraldo que no 2020 abandonou o grupo, colleu a acta e decidiu separarse da Marea Atlántica. En todo caso, nós centramonos na Coruña. E o debate ten que ser sobre o futuro desta cidade. E a Marea Atlántica é quen ten resposta a todos os grandes retos desta cidade.
Falas de Isabel Faraldo e todo o que provocou o que fixo, pero esta mesma semana ía estar Jorge Suárez no mitin central e ao final non foi. Que pasou aí?
Jorge Suárez si que estivo. De feito colleu o tren en Ferrol para reclamar algo que é fundamental, a conexión ártabra e a conexión con tren coa Coruña. E aí o recibimos na estación de tren porque cando se trata de reivindicar cousas positivas para A Coruña e a área metropolitana non nos doen prendas de participar con todos os movementos sociais e organizacións. E así o demostramos ao longo da nosa historia participando con outras organizacións afíns.
Sonche máis directo. Sabes que houbo chamadas e presións para que Jorge Suárez non estivase nese mitin co resto dos alcaldes do cambio. Por que?
Pois el trasladou problemas de axenda para non asitir, pero o día antes si estivo, insisto, na estación do tren. Eu creo que o importante é falar dos temas que lles interesa á cidadanía. Se prefires podemos falar de vivenda….
Pois veña, imos falar de vivenda porque tamén quero falar dos problemas dos e das coruñesas, pero entende que che pregunte por estas cuestións porque Podemos e Eu formaban parte da Marea e agora non están e chama a atención que o día despois dese toque de atención a Jorge Suárez veña Yolanda Díaz a pasear á Coruña co candidato de Podemos
A min o que me chama a atención é que uns amigos meus, Vero e Miguel, por unhas obras tiveron que mudar de piso e pagar 700 euros de aluguer en Monte Alto durante cinco meses. Ou tamén Sara Peteiro, da Agra do Orzán, de 88 anos, e que diga que non pode saír da casa por non ter ascensor, ou que unha de catro edificios na Coruña non teñan ascensor.
E que propostas ten a Marea para cambiar isto?
Pois en vivenda numerosas propostas que xa puxemos enriba da mesa ao grupo de goberno nun plan construtivo. De feito nos orzamentos de 2022 aprobamos un plan de 22 millóns de euros que Inés Rey non cumpriu. A Marea Atlántica ten diferentes vías nisto, entre elas, regular xa as vivendas turísticas porque hai o doble de vivendas turísticas desde que Inés Rey é alcaldesa e aumentou o prezo da vivenda un 25%. Tamén impulsar a vivenda pública, como as parcelas de Suxán e mobilizar as vivendas baleiras co Plan Revive e isto hai que facelo en colaboración cos propietarios porque moitas vivendas carecen de ascensor e hai que axudalos nos proxectos de rehabilitación. Ademais está a bolsa de alugueiros creada por Xulio Ferreiro e que hai que reformular.
Ademais da vivenda tamén é importante o emprego. Que propostas tedes vos para impulsar o emprego?
A Coruña é o principal motor económico de Galicia e temos numerosas oportunidades por diante. Hoxe mesmo estiven visitando o Porto e hai uns días o de Punta Langosteira. E alí hai unha economía moi importante asociado ao sector pesqueiro. Tamén no sector das ciencias da información e de datos, aí está a Cidade das Ciencias que foi un proxecto liderado por Xulio Ferreiro e Xulio Abalde. O 55% do emprego tecnolóxico de Galicia está na cidade da Coruña pero ten que ser aínda un sector máis potente. E, para iso, o concello ten que impulsar máis a sinerxia ente trodos os sectores. A eficiencia enerxética tamén é un nicho de emprego importante e, especialmente, as enerxías renovables.
Xan, dá a impresión, cando falas, de que nestes catro anos non se fixo nada na Coruña. Tes esa impresión?
Si, algunhas cousas se fixeron, pero foron claramente insuficientes e tamén decepcionantes porque non se abordaron os grandes retos da cidade. Tamén é certo que foron catro anos moi anómalos porque dous deses catro estiveron atravesados por unha pandemia global. Pero a Marea Atlántica apoiou nese momento ao Goberno local e puxemos en marcha propostas concretas como os bonos cultura ou a gratuidade das escolas infantís.
Falabas de enquisas e que remontabades nelas. En todo caso, todas coinciden en que non hai maiorías absolutas. Neste escenario valorades posibilidade de pactos?
Estamos totalmente entregadas en convencer aos indecisos e insistirlles na necesidade de que a Marea Atlántica goberne a cidade da Coruña porque non se abordaron os problemas básicos da cidade. Precisamos un goberno que teña moi claras as prioridades. No 2024 temos unha oportunidade de ouro que é a finalización do contrato da compañía Tranvías da Coruña e temos que aproveitar esa oportunidade para cambiar a mobilidade da Coruña e isto só se pode facer se a Marea Atlántica está no goberno. E xo fixamos porque coa Marea no goberno impulsouse o transporte público con redución de tarifas e tamén a mobilidade urbana con BiciCoruña que Inés Rey segue sen potenciar con problemas de paradas en moitos sitios, como no Chuac.
En todo caso, Inés Rey sempre se gaba do que supón BiciCoruña na cidade…
(Rí) Cando Inés Rey tenta apropiarse dos proxectos da Marea Atlántica, e o fai ben, nós non temos ningún problema porque nós o que queremos é que a cidade medre e non poñernos medallas por ser quen propoña isto ou aquilo. Pero quen diga que BiciCoruña non é un proxecto da Marea Atlántica está insultando á intelixencia da cidadanía porque cando a puxemos en marcha tivemos unha forte oposición dun sector a algo que nalquel momento era moi innovador. E agora Inés Rey probablemente consiga máis innovacións porque os proxectos que se fan nesta cidade son a longo termo e duran varias lexislaturas.
Aí vou cando digo que non habería problemas entón en pactar con Inés Rey xa que continúa algúns proxectos que vós impulsachedes…
E que de feito houbo numerosos acordos con Inés Rey nestes catro anos. Entre eles, a gratuidade das escolas infantís municipais, o mapa das enerxías renovables ou a posta en marcha dun operador municipal de enerxías renovabales.Pero logo, Inés Rey, no seu goberno en minoría, porque así o quixo ela de xeito unilateral no 2019, pois non foi quen de levar a cabo os proxectos herdados da Marea Atlántica. E que pasa entón?. Pois que volvemos a proxectos dos anos 90 xa que Inés Rey sacou da hucha o desenvolvemento inmobiliario de Fariña Ferreiro que son proxectos herdados desde entón cunha edificabilidade que xa non se axustan as normativas actuais. Ou a ampliación de Alfonso Molina que é un proxecto vello e erróneo porque o problema da mobilidade non se amaña facendo máis grande o embudo. E o mesmo pasa no eido cultural. Foron catro anos nefastos. Non hai concellería de Cultura o que é unha enorme anomalía. O único que se fixeron foi política de grandes eventos que non deixan nada. A Luis Seoane está nun estado lamentable. A Cornide estivo moito tempo sen director. O director de Viñetas do Atlántico acaba de anunciar que marcha por problemas de xestión.
Dis que ides crecendo día a día. Como ves a xente cando vas pola rúa, nos actos, nos mítines?
Pois moi receptiva porque son propostas que abordan os grandes problemas da Coruña. Recibimos moito cariño nas rúas. Nós é nas rúas onde nos vimos a riba, no cara a cara coa xente. O feedback é totalmente positivo porque a xente da Coruña sabe que foi a Marea Atlántica a que conseguiu abrir camiños nesta cidade e que A Coruña non é a mesma desde que aparecemos. De feito eu estou facendo a campaña andando, en bicicleta ou en autobús percorrendo os rincóns da Coruña.
E que agardas do día 28?
Pois espero sentidiño e xustiza. Que a xente vaia masivamente a votar. Que escoiten as propostas concretas e lean os programas integramente e vaina votar sen complexos.

A licitación o proxecto definitivo da plataforma para actividades náuticas do Parrote

A Autoridade Portuaria da Coruña acaba de licitar a redacción do proxecto de execución da estrutura flotante prevista no Parrote para a realización de actividades náutico-deportivas.

Segundo informa, as empresas aspirantes disporán de dous meses para presentar as súas propostas de deseño da plataforma. Tras a selección da mellor alternativa e a adxudicación, abrirase un prazo de tres meses para elaborar o proxecto construtivo definitivo, a cuxa redacción se destinan 200.000 euros.

O obxectivo deste contrato é obter o proxecto máis adecuado para unha obra complexa, o que requirirá a participación de expertos en distintas materias, desde obra marítima ata xeoloxía, geotecnia ou arqueoloxía.

E é que o traballo requirido deberá incluír un estudo geotécnico do terreo, levantamento topográfico e unha prospección arqueolóxica”, informa o organismo portuario.

Unha vez redactado o proxecto de execución, a obra correrá a cargo da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, co obxectivo de que esta estrutura se complete e póñase a disposición dos cidadáns da Coruña ao longo do ano 2024.

Reclaman que Concello da Coruña e Xunta protexan os frescos de Lugrís de maneira “inmediata”

O colectivo literario In Nave Civitas Lugrís mobilízase este xoves día 25 ás 19,30 horas na rúa Olmos para reivindicar a intervención “inmediata” do Concello da Coruña e da Xunta para a “protección e rescate” dos frescos que Urbano Lugrís pintou no inmoble do número 25.

A asociación denuncia que o consistorio non adoptou “ningunha medida efectiva” para evitar o empeoramento do estado dos frescos das paredes do antigo restaurante Fornos.

Respecto da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a entidade critica que “non foi capaz nin de incoar” o expediente para a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) dos 12 murais do artista.

In Nave Civitas convoca á cidadanía a participar esta xornada na concentración vestidos con “camisetas de raias” para corear consignas como ‘Pena que Lugrís non fose de París’ ou ‘Nin cubismo, nin surrealismo, o mellor é o lugrismo’.

Premios do Concello da Coruña para a creatividade audiovisual do alumnado con ‘Cinema na escola’

0

O Concello da Coruña premiou a creatividade audiovisual do alumnado coruñés na segunda edición de ‘Cinema na escola’, nun acto celebrado no auditorio da Ágora.

Trátase dunha iniciativa promovida pola Concellaría de Educación co obxectivo de achegar ás novas xeracións ao ámbito audiovisual.

Tamén busca fomentar valores como o traballo en equipo para o impulso de proxectos creativos. Neste curso, tomaron parte 18 centros educativos da cidade.

A gala, que congregou entre onte e hoxe a alumnas e alumnos que cursan primaria e secundaria na Coruña, puxo o peche a meses de preparativos que implicou a redacción de guións, plans de rodaxe e edición de vídeo necesarios para a presentación final dos seus proxectos, en forma de curtametraxes.

O aeroporto de Alvedro cumpre 60 anos despois do primeiro voo de Aviaco

O 25 de maio de 1963, ás 12,30 horas, inaugurouse o aeroporto de Alvedro, na Coruña, coa aterraxe dun avión de Aviaco — filial entón de Iberia–, segundo lembra a compañía.

Nun comunicado, subliña que se tratou dun voo procedente de Madrid, no que ían un total de 44 pasaxeiros, aos que se sumaban seis tripulantes.

A compañía aérea lembra que naquel momento ofrecía tres voos á semana entre a capital e a cidade herculina e que ese ano pasaron polo aeroporto coruñés 8.500 pasaxeiros.

Agora, remarca en relación á situación en maio, Iberia conta con 28 frecuencias semanais entre A Coruña e Madrid que, segundo avanza, “incrementaranse ata un total de 31 en xuño”.

O suposto autor do crime dunha octoxenaria na Coruña era coñecido da vítima

O home detido na Coruña pola morte dunha octoxenaria o pasado 5 de maio na rúa Parque, da cidade herculina, era un coñecido da vítima, segundo informa a Xefatura Superior de Policía de Galicia.

Trátase dun home de 35 anos residente na cidade herculina desde hai varios anos e que está investigado por asasinato e roubo con violencia. Tras o seu pase a disposición xudicial, decretouse por parte do xulgado o seu ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, precisou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A Policía explica que a investigación levada a cabo permitiu esclarecer elementos que vinculan ao detido co crime. A vítima, de 87 anos, residía soa na vivenda e coñecía con anterioridade ao autor, segundo as citadas investigacións.

E é que na vivenda non se apreciou desorde pero si a falta dalgúns obxectos de valor. Sobre o detido, sinala, ademais, que realizara nos últimos tempos actividades “que lle facilitarían coñecer á vítima e mesmo a distribución da propia vivenda”.

Unha vez obtidas as probas que o vinculasen como presunto autor do feito, levou a cabo o martes a detención, procedendo tamén ao rexistro no seu domicilio.

Trasladada unha persoa tras sufrir un atropelo na Praza de Mina

0

Esta tarde de mércores, arredor das 18:45h rexistrábase un atropelo na Praza de Mina, na entrada da rúa Juana de Vega. Unha persoa era alcanzada por un vehículo.

De contado acodiron a Policía Local e unha UVI móbil do 061, que atendían á vítima no lugar.

A situación provocou retencións na entrada da cidade.