Inicio Blog Páxina 642

ExpOtaku pecha unha nova edición na Coruña con ampla afluencia de público

ExpOtaku clausura este domingo na Coruña unha nova edición con ampla afluencia de público desde a súa apertura, o venres, e con especial asistencia na xornada deste sábado no recinto feiral da cidade herculina.

Seguidores do anime, os cómics, o kpop e o mundo dos videoxogos danse cita nun evento con 150 expositores, 80 postos de videoxogos e 260 actividades durante tres días. Os dobladores dos Simpsons son un dos pratos fortes desta edición ao estar este sábado no escenario principal e o domingo asinando autógrafos.

ExpoOtaku, que reúne en cada edición a uns 25.000 visitantes procedentes de Galicia, doutros lugares de España e de Portugal, inclúe propostas como unha ludoteca con máis de 50 títulos ata un trivial otaku, sen esquecer os concursos, con certame de Cosplay, concurso de karaoke e dance cover, con repartición de premios.

Como ilustradora invitada acode Shaun Elay nun evento no que se dan cita distintas propostas nas múltiples casetas que abarcan o recinto feiral e con ilustradores e creadores españois que achegan ao público os seus traballos. Hai tamén talleres, desde a creación de gatitos origami a pinzas do pelo, pendentes e todo tipo de bonecos e peluches, ademais de receitas de cociña.

Olladas doutro tempo: Cantón Grande

Liña de casas estreitas, con galerías de madeira e balcóns de forxa. Rúa ancha, con espazo para pasear, bancos, árborese moi animado. No ano 1886, uns anos despóis da fotografía, Antonio Rey Escariz describiu o Cantón Grande da seguinte forma: “Á vez que de rúa serve de paseo, pois no seu fronte atópase unha fía de corpulentas acacias,adornado con porción de estatuas e asentos para a comodidade dos que acuden a aquel sitio. () O seu fronte da ó paseo de Méndez Núñez, o que a fai unha das rúas non só máis belas, senón de máis movemento da poboación.

Ó fondo da imaxe vése o inicio da Rúa Real, co vello edificio da Ferrocarrilana á esquerda, e á dereita, a Casa Caruncho. Este elegante edificio, tan representativo da arquitectura coruñesa de fins do século XIX, reformaríase anos despóis para se converter no famoso Hotel Palace, que xunto co Francia na praza de Mina e o Atlantic nos Xardíns marcarían unha época coma referentes da hospedaxe de alto nivel na cidade. Curiosamente os tres atoparían o seu tráxico final, derrotados pola piqueta, no mesmo ano: o fatídico 1967. Fatídico para o urbanismo coruñés, que perdeu dunha tacada tres vistosas edificacións, derrubadas para dar paso a tres monstros da especulación inmobiliaria. No caso que nos atañe, o hotel Palace deixou o seu lugar ó terrible edificio que ocupa a curtísima rúa Marchesi Dalmau, que vai dende A Mariña ata a Rúa Real, con tan só un portal, o de Mango.

A Valentín Mendía gustábanlle os planos picados. Tiña que buscar os lugares axeitados, algúns case imposibles, para acadar estas perspectivas tan fermosas e profundas. Con esta vista pérdese o contacto coa xente que pasea, distantes, fundíndose case co entorno. E o tempo de exposición dalles unha sensación de movemento moi artística, difuminándoos, coma se eles mesmos fosen sabedores do efímero do seu paso por ese momento. Están e non están ó mesmo tempo.

Non só a xente está e non está: desapareceron as árbores, os bonitos bancos que se agochan baixo delas, o pavimento de pedra tampouco é o mesmo, e todos os edificios fóronse perdendo pouco a pouco, substituidos en grupos de dous, tres ou catro por outros máis modernos e meirandes cós orixinais. No momento da fotografía había vinteséis edificios ó longo do Cantón Grande. Hoxe en día hai tan só nove en toda a rúa. Cando nun mesmo lugar cámbiase absolutamente todo, xa non sei se podemos dicir que é o mesmo sitio. Do antigo Cantón Grande que capturou Mendía en 1879, coma da famosa rosa de Umberto Eco, tan só quéda o seu nome.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

A Deputación celebra o seu último pleno do actual mandato aprobando todos os asuntos

A Deputación da Coruña celebrou o seu último pleno do actual mandato, coa aprobación de asuntos por unanimidade como a asignación das primeiras partidas do Plan Único.

Serán 47 millóns que inclúen financiamento de 200 obras nos municipios da provincia e sete millóns de euros para o financiamento de gastos sociais dos concellos.

“Trátase da primeira achega do POS+2023, que este ano conta cun orzamento total de 89 millóns de euros para os 93 concellos coruñeses”, informa a institución provincial.

O Plan Único é o maior plan de obras e servizos do catro deputacións galegas, con achegas económicas aos municipios que, ao final do ano, representan entre 90 e 100 millóns de euros anuais, case a metade do orzamento da Deputación da Coruña.

Inés Rey: “Hai algún partido que quere meterlle medo á cidadanía falando permanentemente de inseguridade”

Falamos con Inés Castro. É unha conversa moi rápida porque, agora, no final da campaña, anda dun lado para outro de acto en acto. Insiste no proxecto de cidade que foi construíndo estes catro anos fronte á “parálise” dos catro anos de Xulio Ferreiro. Destaca que vai continuar con ese modelo de cidade co que aspira a ter a maioría o vindeiro 28M. Se non é así, non descarta falar con outros partidos.
Hai catro anos, en plena campaña quedei contigo nunha cafetería de Oza…
Non, non. Era nos Castros
Efectivamente, ao final dos Castros. Entón acababas, como quen di, de iniciar a túa actividade política como candidata e uns días despois eras elixida para liderar esta cidade. Desde entón, pasaron moitas cousas. Que cambiou na cidade?
Pois que A Coruña está moito mellor que hai catro anos. Superamos etapa gris  na que non se cría nas potencialidades da Coruña e revertemos esa situación, mesmo afrontando unha pandemia. E, a pesar de todo, recuperamos ese orgullo de cidade. Somos o motor ecómica de Galicia e un referente en moitas políticas. Aí está o exemplo de ter conseguido a sede da AESIA, as políticas sociais que puxemos en marcha.  Recuperamos ese orgullo, esa ambición que lle falta a esta cidade.
E supoño que Inés Rey tamén creceu como política?
Eu xa tiña unha militancia longa no partido cando cheguei aquí, aínda que non tivera ningún cargo público.. Pero, evidentemente, estes catro anos deume unha experiencia e un coñecemento máis profundo da administración e das políticas que podemos facer desde o concello que son moitas.
Falas dunha cidade que é un referente, que se converteu nun referente, pero que outros proxectos tes para estes catro anos?
O gran reto que temos é a segunda gran modernización da cidade e a recuperación económica, coa potenciación da industria TIC. Froito diso conseguimos ter a a axencia da AESIA. Imos seguir coas politicas sociais e axuda aos mozos e persoas maiores. O maior investimento en política social fixémolo con este goberno, máis de 30 millóns de euros nos orzamentos e tamén queremos seguir despuntando como cidade referente en cultura e deportes. Tamén queremos seguir avanzando na humanización e mobilidade sostible co gran éxito de BiciCoruña e a recuperación de espazos para uso cidadáns para facer unha cidade máis humana que xa está ao nivel de calquera cidade europea.
En todo caso, nesa idea de proxecto que tes hai bastantes queixas, sobre todo no relativo á seguridade, limpeza e obras. Que lle dirías ás e aos coruñeses que estes anos se poden sentir máis inseguros ou teñen incomodidades polas obras?
Iso é unha estratexia dalgúns partidos políticos que tentan meterlle o medo á cidadanías falando permanentemente de inseguridade. Galicia é a terceira autonomía máis segura de España. Eu xa lle reclamei á Delegación do Goberno máis medios e unha comisión técnica de seguimento entre a Policía Local e a Policía Nacional. Sobre as obras, recoñezo que pode causar molestias pero levamos realizadas 526 actuacións das que 49 están en execución en todos os barrios da cidade. É certo que son molestas cando se fan, pero logo, cando están feitas ninguén quere volver ao de atrás. O problema é que había tanto tempo que non se facían obras na cidade e agora somos a cidade con máis licitación de obra pública de Galicia. E iso é porque a cidade vai avanzando e mellorando.
Sobre proxectos que comentas, hai unhas semanas, nunha entrevista con Xulio Ferreiro comentabame que boa parte do que se está facendo na Coruña é porque quedou licitado e proxectado da súa época como alcalde…
Non vou discutir, pero o goberno que conseguiu 53 millóns de fondos Next Generation que financia a maior parte destas obras foi o meu goberno, o mesmo que montou BiciCoruña e penso que os coruñeses teñen memoria e saben perfectamente que os catro anos que gobernei eu non teñen nada que ver cos catro anos nos que gobernou Xulio Ferreiro cunha paralise absoluta e nivel de crispación que conseguimos reverter.
E hai un tema que cando estás aquí na Coruña percibelo máis que é o tema do mar. Hai unha parte da cidade que vive cara o mar pero hai outra pechada polo porto. Estivo aí o tema de que facer coa Medusa e ao final foi desmantelada. Tedes pensado abrir a Coruña interior máis cara ao mar?
Neste goberno foi cando se abriu o porto á cidadanía, non só para pasear por el, senón para facer eventos culturais de primeiro nivel como foron as exposicións que organizou a Fundación Marta Ortega ou os concertos do Noroeste, Noites do Porto ou Morriña que se fará este ano. Conseguimos esa apertura á cidadanía e seguiremos afondando nesta vía. A conexión con Punta Langosteira xa é unha realidade ou a desafección dos peiraos interiores.
Falabas agora da Fundación Marta Ortega. Como é a relación de Inés Rey cos grandes empresarios da Coruña?
A relación con todo o tecido empresarial coruñés é óptima e saben que teñen un goberno que quere que aquí se instalen empresas, que creen emprego de calidade, tanto internacionais como pemes. E os datos están aí e hoxe somos o motor económico de Galicia.
Vexo que defendes a morte ese proxecto que tes para Coruña pero sabes que para facelo necesitas unha maioría ampla. As enquisas non a dan para ningún partido. Non sei se barallas algún pacto, pacto que non conseguiches nesta lexislatura?
Esa é unha decisión dos cidadáns. Eu apelo ao voto progresista dunha Coruña que non se pode parar nin quedar atrás e que ten que seguir avanzando e iso está garantizado pola papeleta que encabezo eu. Por iso aspiro a ter un goberno sólido e maioritario e sen ataduras.
En todo caso, estás aberta a falar con outras formacións de esquerdas se non consegues esa maioría absoluta?
Eu levo falado con todas as forzas políticas e se algo ten caracterizado o meu mandato é o diálogo, que non vou cambiar. Iso non quita que non aspire a unha maioría ampla para desenvolver o noso modelo de cidade.
Falas de diálogo pero que pasou nos primeiros momentos do teu mandato con eses problemas que tiveches con xente da túa candidatura?
Eu estou centrada en gobernar esta cidade cun modelo para que avance. E nesta recta final estamos incidindo nese proxecto trasformador.
Desvías a resposta pero entendo entón que están cosidas todas as feridas..
Nos equipos hai cambios sempre. Son dinámicos. O importante é o proxecto e os coruñeses e coruñesas e niso estamos traballando.
Sabes que son importante os resultados da Coruña, tamén os de Ferrol e Santiago, pero sobre todo, A Coruña para manter a deputación. Ves o goberno socialista da deputación tranquilo?
Non creo que vaia a haber problemas en mantela.
O PSdeG acaba de ter movementos importantes. Miñones para Madrid, Besteiro para a delegación do Goberno. Como valoras estes cambios?
Creo que é moi importante que o Goberno central valore a experiencia e a profesionalidade de Miñones como ministro de Sanidade e tamén a recuperación para a política de José Ramón Gómez Besteiro é unha magnífica noticia logo de tantos anos de travesía no deserto por mor desas inxustas acusacións e anónimos dunha candidata do PP á Alcaldía de Lugo. É unha mangífica noticia para o PSdeG, peo tamén para Galicia.
Hai cargos socialistas que falan de campaña sucia no PP esta campaña. Estás dacordo?
Eu estou centrada na campaña da Coruña. En propoñer un modelo de cidade que creo que somos o único partido que ten propostas realistas e serias. Quen queira embarrar, alá el.

Álex Bergantiños, Lucas Pérez ou Alberto Quiles, os heroes do Deportivo

0

No mundo do fútbol, os xogadores adoitan converterse en heroes para os seus seguidores. Mais… foron algunha vez retratados como superheroes de banda deseñada? Usando IA xerativa impulsada polo software Midjourney, o proxecto de Instagram Rosal.ia elaborou unha serie de imaxes engaiolantes que representan os xogadores do Real Club Deportivo da Coruña caricaturizados como icónicos personaxes de literatura e cómic, xusto cando o equipo se prepara para xogar o playoff de ascenso á segunda división.

“Rosal.ia fusiona arte, cultura e a actualidade galega dun xeito único”, explican nun comunicado. Nesta ocasión, os xogadores do Dépor veñen de mutar noutras iconas de forza sobrenatural que van dende a Odisea, o cómic, ata a cultura pop, reflectindo non só as súas habilidades no terreo de xogo, senón tamén a súa influencia como personaxes públicos, así como a súa conexión coa afección.

Así, Lucas Pérez e Alberto Quiles aparecen nunha imaxe con máscaras de Batman e Robin, destacando a súa condición de mellor dúo goleador da categoría. Mario Soriano, fan do Joker, é retratado como o famoso vilán. O capitán Álex Bergantiños é debuxado como Superman, representando o seu retorno triunfal á propiedade. Ian Mackay, o mellor porteiro da categoría, é representado como a Pantera Rosa, un guiño ás súas salvacións e a súa característica vestimenta rosa. Ademais, o novo adestrador, Rubén de la Barrera, está debuxado como Ulises, liderando o barco branquiazul coa súa intelixencia táctica.

Este proxecto, centrado na creación de contidos singulares e na difusión da tecnoloxía, deu un paso para representar a actualidade galega e a súa cultura a través da lente da IA. “Rosal.ia achega unha perspectiva innovadora ao panorama dixital, buscando interactuar e reinterpretar a cultura e a actualidade galegas dun xeito divertido e accesible”, sinalan.

O lugar das vivendas da Maestranza e Adelaida Muros

0

A vivenda está marcando o ritmo político da campaña eleitoral na Coruña. O acordo do Consello de Ministros de ceder dúas parcelas en mans do Ministerio de Defensa para construir 88 vivendas sociais, 77 na parcela número 3 do Campo da Estrada-Maestranza, e 11 no numero 24 da rúa Adelaida Muro, axitou un vivo debate entre o recoñecemento da eficacia dunha medida que beneficiaría a un bo número de persoas acosadas polos elevados prezos dos alugueres, mentres otros renegan dunha medida que consideran únicamente propagandista. En calquera caso, a polémica serve para comprobar ata que ponto moitas das aspiracións cidadáns están unidas os períodos eleitorais.

O caso é que os terreos do Campo da Estrada-Maestranza saltaron abruptamente á opinión pública en 2016 cando o Ministerio de Defensa sacou a poxa as tres parcelas de que consta o polígono, polas que pretendía ingresar 24,8 millóns de euros. A mobilización cívica, protagonizada conxuntamente pola plataforma Defensa do Común e pola Asociación Veciñal da Cidade Vella, frustrou, en primeira instancia, os plans do departamento ministerial de Defensa, mais non foron quen de impedir a venda das parcelas 1 e 2 á promotora vasca, Lipromo, ignorando o acordo acadado no Pleno de 11 de abril de 2016 no que se pedía a devolución gratuita baixo o pretexto de que son espazos comunais, bens propios, pertenecentes á cidade dende a súa fundación e onde están os restos arqueolóxicos das murallas defensivas da cidade, declaradas Ben de Interese Cultural (BIC) a través do decreto 29/1984 de 9 de marzo da Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia que obriga a súa conservación, mantemento e restauración. A propia historia destes terreos desmentiría o feito de adxudicar a condición de pioneiros a quenes defendemos a recuperación gratuita dos mesmos, xa que o goberno municipal de entón reivindicaba en 1840 a devolución, petición que reforzaba o 10 de novembro de 1858 nunha comunicación dirixida a S.M. raíña Isabel II. Como convencer agora aos cidadáns de que a parcela número 3 poida ser utilizada para erguer un esqueleto de 122 metros de longo e B+5 alturas (25 metros), cando o Ministerio de Defensa non puido desprenderse dela precisamente por reunir a condición de BIC? Como asumir que a Dirección Xeral de Patrimonio, encargada de velar pola protección do noso patrimonio histórico-monumental, poida informar favorabelmente respecto á construcción enriba dun BIC? Como interpretar as declaracións da alcaldesa no sentido de que os restos arqueolóxicos só afectan aos sotos? Son situacións difíciles de comprender racionalmente porque non caben na imaxinación. Mais canto millor non sería destinar a parcela para uso libre e zona verde, preservando e poñendo en valor o patrimonio cultural na liña defendida polo prestixioso arquitecto Oriol Bohigas no sentido de que “unha cidade moderna que se despreocupa do seu patrimonio histórico pode darse por perdida”.

S.Francisco e Maestranza / Pedro Ferrer

Resulta moi esclarecedor que a parcela número 24 de Adelaida Muro, de 373 metros cadrados, cunha edificabilidade de 1.155 metros cadrados, que o Ministerio de Defensa sacou a poxa en outubro de 2018, quedara deserta logo de tres intentos fallidos, consecuencia tamén da mobilización veciñal. Hoxe, ninguén discute que o departamento ministerial de Defensa segue a actuar na Coruña como unha auténtica inmobiliaria, que lle permitiu ingresar arredor de 48 millóns de euros, coa permisividade e indiferencia dos sucesivos gobernos de quenda. O barrio de Monte Alto foi privado en 2001 do emblemático Asilo de Anciáns, tamén en Adelaida Muro, froito dunha intervención urbanística consistente na súa descatalogación, ao que se lle retirou a súa protección, mudando a cualificación da parcela. O pleno de 14 de xaneiro de 2019 acordou consultar á veciñanza de Monte Alto a súa opinión respecto ao uso publico que podería albergar esta parcela, mesmo convocando en colaboración coa Asociación Veciñal de Monte Alto, un Concurso de Ideas que podería resultar para desembocar no gran Centro Social de Adelaida Muro.

O afán de cambeo que moitos agradamos das eleizóns do vindeiro domingo, día 28, só pode encauzarse satisfactoriamente se se parte da evidencia de que o común pertenécenos a todos.

Ricardo Vales é expresidente da Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e Responsábel de Comunicación da Plataforma Cívica Defensa do Común

“Venide, pasarédelo ven”: as grallas das mensaxes de Alternativa

0

Así coida a nosa lingua o grupo de Alternativa dos Veciños.

Nun dos carteis desta campaña do grupo de Culleredo atopamos frases como “Venide, pasarédelo ven”, “picoteo” ou “ven a (sen tilde e con a) falar un anaco”.

 

O festival ‘Quincegotas’ traerá á Coruña sete espectáculos de danza cunha estrea nacional

O festival ‘Quincegotas’, orientado á danza na rúa, celebrará a súa sexta edición este domingo 4 no Castelo de Santo Antón na Coruña con sete espectáculos dirixidos ao público en xeral, xa sexa coñecedor ou non da danza contemporánea.

A edición deste ano traerá á cidade herculina tres novos espectáculos en Galicia, ademais de ser escenario dunha estrea española. Os organizadores informaron nun comunicado emitido este venres que o obxectivo de realizar o festival na rúa é “investir os papeis: en lugar de achegar á xente á danza, saca a danza dos teatros para achegala á xente”.

A peza ‘Oroimen’, de Akira Yoshida, exhibirase na Coruña por primeira vez en territorio español, mentres que os espectáculos ‘Vientre’, da Cia Maximiliano Sanford e Yeinner Mozas; ‘Honest’, de Kiko López; e ‘No son ojos porque los ves son ojos porque te miran”, de Cave Canem, vanse estrear en Galicia.

O Goberno licita por 21 millóns as obras de remodelación da avenida Alfonso Molina na Coruña

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana licitou o contrato de obras de remodelación da Avenida de Alfonso Molina, na Coruña, por un orzamento de 21 millóns de euros.

A actuación, de alto impacto para a cidade da Coruña e a súa área metropolitana, ten como principal obxectivo a mellora da funcionalidade, a capacidade e a seguridade viaria desta avenida. Para iso, minimizaranse os importantes movementos de trenzado existentes, que se xeran especialmente en horas punta entre os nós da AP-9, Matogrande-Pocomaco e Ponte da Pedra-San Cristóbal.

Estes trenzados, apunta o Goberno central, “causan problemas de seguridade viaria que dan lugar a retencións, conxestión, ruído e contaminación, cunha afectación global aos accesos á cidade e finalmente á mobilidade de toda a área metropolitana”.

Para lograr este obxectivo, foron proxectadas novas vías de servizo laterais en ambos os sentidos de circulación que permiten reordenar os accesos existentes, polo que será necesario repor as dúas pasarelas peonís afectadas que cruzan a avenida. Por último, completarase o movemento da ligazón de Ponte da Pedra cara á AC-10 (porto) e barrio de Matogrande desde o centro da cidade.

Por outra banda, o ministerio xa está a ultimar os pasos para finalizar e aprobar o outro proxecto previsto para esta mesma avenida: o de integración ambiental. Esta actuación, financiada polo Plan de Recuperación, incorpora diversos aspectos que melloran a integración urbana da actuación e achegan seguridade viaria aos usuarios vulnerables (peóns, ciclistas e mobilidade alternativa).

Algúns elementos proxectados son novas sendas, vías ciclables, plantacións e pantallas vexetais, unha nova pasarela peonil sobre o viario Matogrande-Pocomaco, que facilitará o acceso cara á universidade, e novos viarios que posibilitan a realización de novos movementos e accesos.

Pola súa banda, seguen en execución as obras de construción da pasarela peonil entre os barrios de Pedralonga e Palavea, sobre a propia AC-11. Estas obras, do mesmo xeito que a intervención de integración ambiental, tamén corren a cargo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Tempo de ilusión: Guía para non perderse os playoffs dos equipos da cidade

0

Tempo de ilusión o que chega esta fin de semana, coas principais disciplinas deportivas da cidade na recta final, e con opcións de ascenso.

Dépor e Dépor Abanca

É o caso, claro, do Deportivo, que afronta este sábado ás 19:30h pola TVG2 e G24 o último partido da liga en Pasarón ante o Pontevedra. Todo como previa a un playoff que nos volverá facer sufrir coma sempre.

As que xa están inmersas no playoff son as do Depor Abanca, que afrontan o partido de volta de semifinais do playoff de ascenso á 1ª División do fútbol feminino estatal do sábado 27 ás 12:00 horas entre o Dépor ABANCA e o Cacereño. Hai entradas de balde e se poderá ver pola Canle de Youtube do club. O empate a 0 da ida fai pensar en positivo.

Basquet Coruña

Outro que soña con ascender, este tamén á máxima categoría do basquet estatal, a Liga ACB, é o Basquet Coruña. Faino hoxe venres ás 19:00h e o domingo ás 18:00, no pavillónde Riazor, nos dous primeiros patidos dos Cuartos do playoff ante GUK Guipúzkoa. O cadro laranxa chega coa frecha para arriba e as opcións son máximas de pasar a eliminatoria.

Liceo

E hoxe mesmo tamén, o pavillón de Riazor cambiará laranxa por verde para ver o primeiro partido das Semifinais do playoff polo título do Deportivo Liceo. O cadro de Copa recibe, ás 21:45 ao Calafell para arrincar con boa liña esa fase.

OAR

O cadro de balonmán da da cidade está inmerso na Fase de Ascenso á División de Prata, a segunda do balonmán estatal. Dende onte e ata o sábado disputa a Final Four nun pavillón do Barrio das Flores convertido en recinto monumenta. Onte caía no primiero choque ante Soria pero as posibilidades seguen abertas. O venres os herculinos xogan ás 20:30h ante o CajaSur e o sábado ás 13:00h ante o Granollers. Dúas vitorias poderían darlle o ascenso.