Inicio Blog Páxina 654

O Club Halterofilia Coruña triunfou na casa

0

A Coruña convertiuse en escenario de probas internacionais de renome, como a Bandeira de Traiñeiras, ou o Triatlón. Unha delas foi o XXVI Trofeo Internacional de Halterofilia Cidade da Coruña, que xuntou atletas de 6 nacionalidades (Dinamarca, Alemaña, Hungría, Portugal e Reino Unido, ademais dunha selección galega e española) no polideportivo municipal dos Rosales.

Un dos grandes protagonistas foi o galego Víctor Castro, do Club Halterofilia Coruña, que se fixo co ouro na categoría masculina seguido do portugués Miguel Portasio, segundo posto; e de Martín Liste, tamén do Club de Halterofilia Coruña, que obtivo a medalla de bronce.

Pola súa banda, a portuguesa Eduarda Morais, foi a gañadora da categoría feminina, seguida das coruñesas Irene Blanco, da Selección Galega A, que obtivo a medalla de plata; e Ruth Fuentefría no terceiro posto, do Club de Halterofilia Coruña.

XXVI_Trofeo_Internacional_de_Halterofilia_Cidade_da_CorunÞa_PODIO

No canto dos equipos mixtos, o Club Halterofilia Coruña gañou o primeiro premio do XXVI
Trofeo Internacional de Halterofilia Cidade da Coruña. O equipo Galicia A obtivo o segundo
premio e Dinamarca, o terceiro posto. Nesta edición participaron un total de 36 deportistas.

 

Ferido un home tras rescatar aos seus netos dunha lancha a remos que ía á deriva en Sada

0

Un home resultou ferido ao golpearse nas costelas tras rescatar aos seus netos dunha lancha a remos que ía á deriva na Prata de Arnela Grande, en Sada.

Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o suceso ocorreu este domingo sobre as 19,00 horas, momento no que o 112 Galicia recibiu chamadas de auxilio para tratar de axudar aos mozos, que eran incapaces de volver a terra.

Para iso, mobilizáronse os servizos Salvamento Marítimo, a Garda Civil, o Servizo Municipal de Protección Civil de Sada e Protección Civil de Bergondo cunha zódiac.

Con todo, o pai dos mozos, xunto co avó, lograron achegarse á lancha a remos cunha embarcación particular. Foi, precisamente, durante este rescate cando o señor se golpeou nas costelas, polo que necesitou máis tarde asistencia médica. Por iso, interviñeron tamén os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Policía Local

A batalla da participación veciñal

0

Non houbo case sorpresas na asignación de áreas de traballo dentro de novo goberno municipal. José Manuel Lage segue a ser o home forte, desempeñando tamén o papel de eminencia gris dentro do Concello, dada a súa condición de segredario de organización do PSdG-PSOE. As competencias das que dispuña no anterior mandato foron ampliadas, principalmente as relacionadas coa cuestión urbanística. O tándem Inés Rey-José Manuel Lage parecen querer asegurarse de que ninguén lles fará sombra dentro do seu xardín municipal, evitando reproducir outro caso como a renuncia de Juan Díaz Villoslada no curso do mandato anterior. Para elo, confían na súa propia capacidade política para orientar o futuro da cidade, dotándose dun equipo monocolor.

A segunda consideración é sobre a asunción da responsabilidade dos barrios por parte da alcaldesa. Polo que se vai anticipando, o obxetivo é que os movementos sociais teñan unhas canles de trasmisión das aspiracións veciñais directamente coa alcaldía, sen intermediarios, que a miúdo converten en máis complexa esas relacións. A excesiva burocracia é, precisamente, unha das acusacións máis severas que se fan moitas veces da xestión municipal. A este respecto, bótase de menos un regulamento que posibilite a participación efectiva da veciñanza a través das súas organizacións representativas. Cabe indicar que a participación veciñal foi dende a primeira corporación democrática unha especie de sono inacabado. I é que participación é un concepto equívoco, do que se abusa constantemente nos períodos electorales, confundindo os fins que se pretenden, mais que as boas intencións derrúbanse coa entrada no Concello.

Dentro deste contexto, un dos exemplos máis reveladores foi a aprobación en 1981 dun Regulamento de Participación Cidadá, considerado polos analistas do momento, como exemplar no conxunto de España. Con José Manuel Rey Pichel, concelleiro de Relacións Cidadáns, presidindo as reunións, aprobouse un texto que articulaba o dereito da iniciativa popular, creaba os consellos territoriais e sectoriais en áreas como sanidade, ensino, cultura, deportes e urbanismo, facilitaba a presenza das asociacións representativas nas comisións municipais e permanentes, previa solicitude, ao tempo que contemplaba a posibilidade do referendo e a consulta popular para asuntos trascendentais. Igualmente, regulaba a participación das asociacións veciñais nas festas dos barrios, así como a recepción das actas dos temas a tratar nos plenos e permanentes, antes de que se celebraran. A Xunta anulara os artigos referidos ao referendo e a consulta popular, mais malia todo, o texto adquiriu un prestixio definitorio, mesmo fora da cidade. Unha das primeiras decisións adoptadas por Paco Vázquez foi eliminar un regulamento do que 42 anos despois hai que recoñecer o esforzó e ata a valentía que supuso aquel primeiro paso nun diálogo sobre algo que resultaba tabú despois de corenta anos de soportar unha corporación franquista.

Ben, todo isto é historia pasada, e o seu recordatorio apenas serve de lección nada máis que para quen a vivimos. Mais que a alcaldesa asuma en primeira persoa as relacións cos barrios pode ser un ponto de partida axeitado para abrir un espazo de reflexión e debate entre o conxunto dos movementos sociais que permita desenvolver as súas reivindicacións de xeito máis axil e eficaz. Eu seguirei esperanzado pola elemental inxenuidade de supoñer que aínda é posíbel facer un Regulamento de Participación Cidadá na Coruña.

Ricardo Vales é expresidente da Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e Responsábel de Comunicación da Plataforma Cívica Defensa do Común.

Olladas doutro tempo: Praia do Parrote e Cárcere Real

Algas sobre a area e as rochas, recendo a mar e xente aproveitando a marea para recoller ameixas ou mollar os pés na auga salgada. Inmersos na actividade cotiá desta praia perdida, alleos á beleza do momento que están a vivir. Se os trasladásemos directamente ó noso tempo, pode que tivesen que esquivar algunha bola de pádel ou tentar seguirlle o ritmo á clase de zumba. Pero aínda non.

Ó lonxe intúese a liña branca de edificios acristalados da Pescadería, a liña negra da vexetación dos xardíns e diante os almacéns do porto. E no centro da imaxe, case pegadas á praia, emerxen por riba das murallas da Cidade Alta dúas robustas edificicacións. Vemos a fachada traseira do Pazo de Capitanía, caleada e rematada con miradores de galería. Á súa esquerda, no centro da imaxe, pendurado literalmente das murallas, o Cárcere Real. Entre os dous, ademais dun anaco da Casa Gótica, pódese apreciar un pequeno muro branco con tellado, unindo os dous edificios. Dous edificios ligados entre si dende sempre pola súa función.

En Capitanía residía o Capitán Xeral do Reino de Galicia, no lado dereito. A metade esquerda do edificio estaba reservada para a Audiencia Real, máximo tribunal galego, institución precursora do actual Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Capitán non só era a principal figura mililtar en Galicia, tamén era o principal maxistrado da Audiencia. E esta Audiencia tiña ó seu carón un presidio. Esa estrutura que conectaba os dous edificios era un pasadizo elevado e cuberto para trasladar ós presos directamente das salas do tribunal ós calabozos, sen saír á rúa.

O edificio do penal ergueuse a mediados do século XVIII e cumpriu coa súa triste función ata a inauguración do novo presidio na zona da Torre de Hércules, en 1927. Ó ano seguinte derrubaráse, cousa que non pareceu mal ó historiador Carré Aldao quen falaba do caserón coma “sórdido e lóbrego, que atristura o ánimo”. Din que as mazmorras, na pranta inferior, quedaban baixo o nivel do mar na marea alta, e que seus muros zumegaban salitre. Xa en 1886 o historiador Rey Escariz comentaba que “aínda que sólido, o edificio non reúne as condicións necesarias para esta clase de establecementos” e solicita outro á altura dos adiantos da época. Habería que agardar corenta anos máis.

Descoñezo quen foi o fotógrafo que nos permitiu ollar atrás ata ese momento, pero captou a estraña fotoxenia deste edificio, potenciada neste caso co espectacular reflexo na auga do mar. É difícil explicar como pode protagonizar unha imaxe tan bonita un edificio con tan escura historia.

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

Piden 5 anos de prisión para un home que acoitelou a outro na cara na Coruña

O Ministerio Fiscal pide cinco anos de cárcere para un home acusado de acoitelar na cara a outro nunha rúa da Coruña. A Audiencia Provincial acollerá a vista este luns, día 3. En concreto, segundo o escrito de acusación, os feitos remóntanse á noite do 15 de outubro de 2020, cando o acusado se atopaba na Avenida de Finisterre da Coruña.

Por razóns que non constan, encarouse coa vítima, ao que coñecía de vista, forcexeou con el e ambos caeron ao chan. Unha vez alí, o acusado sacou unha navalla de oito centímetros de folla, coa que cortou na cara ao outro home. Como consecuencia, produciulle tres feridas na cara, a máis grande delas de 12 centímetros, que lle deixaron secuelas visibles.

O fiscal considera os feitos constitutivos dun delito de lesións e pide para o acusado cinco anos de prisión, sustituibles pola súa expulsión do territorio nacional durante 10 anos. Tamén reclama que indemnice á vítima con 17.000 euros.

Xulgan a un matrimonio acusado de estafar 87.000 euros a unha persoa coa venda ficticia dun piso

A Audiencia Provincial da Coruña xulgará este martes, día 4, a un matrimonio de Oleiros acusado de estafar 87.000 euros a unha persoa coa venda ficticia dun piso, un caso no que tamén está implicado o seu fillo.

En concreto, segundo o escrito de acusación fiscal, o matrimonio eran os únicos socios dunha sociedade mercantil a través da cal se realizou, en febreiro de 2001, un contrato de opción de compra dun inmoble en Arteixo a un veciño que, en total, entregou 87.146,76 euros, 14 millóns e medio das antigas pesetas.

Unha vez obtido o diñeiro por ese piso, o fillo dos procesados solicitou á vítima que “cedese o piso obxecto do contrato” para “poder entregarllo a unhas persoas que se atopaban en situación de gran necesidade”. A cambio, díxolle, “entregaríalle outro inmoble” e, a maiores, outra praza de aparcadoiro, e devolveríalle 36.000 euros.

A vítima aceptou, crendo a palabra do home. Con todo, esta transacción non se produciu, nin lle entregaron cantidade económica algunha. Por iso, o Ministerio Público considera os feitos constitutivos dun delito de estafa ou, alternativamente, dun delito de apropiación indebida, e pide para cada un deles dous anos de prisión, así como a devolución do diñeiro.

Identificado un condutor que circulaba en sentido contrario pola N6 no Espiritu Santo

0

O pasado 19 de xuño un condutor circulou varios quilómetros en sentido contrario pola estrada N-VI á altura de Espíritu Santo durante 300 metros en sentido Madrid polos carrís destinados aos vehículos que circulan en dirección a Madrid-A Coruña. O Grupo de Información e Análise de Tráfico (GIAT) do Sector Galego de Tráfico, atopou o vídeo e investigou a identidade do condutor.

A Garda Civil iniciou unha investigación e conseguiu identificar ao condutor do turismo, recollendo indicios que indicaban que non houbo perigo específico para a vida ou a integridade.

A Garda Civil procedeu a preparar a correspondente denuncia administrativa ante a Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña, que supón un importe económico de 500 euros e a dedución de 6 puntos de crédito do seu permiso de conducir.

Corgos defende que a Xunta “fixo os deberes” para que a Aesia se instale na Coruña

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, defendeu este sábado o papel da Xunta no proceso de consecución da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia) para A Coruña.

Así mesmo, tachou de “desafortunadas” as declaracións da alcaldesa da cidade, Inés Rey, nas que pedía a Alfonso Rueda que defenda a elección da Coruña despois de que o Tribunal Supremo (TS) activase o trámite para analizar a suspensión cautelar da concesión solicitada polo Concello de Granada.

Este sábado, en declaracións aos medios no recinto feiral de Silleda, onde acudiu para facer seguimento das oposicións da Xunta que aí se celebran, Corgos dixo non saber “cal é o obxectivo” destas declaracións, xa que, na súa opinión, “no proceso de consecución da Aesia” foron “da man todas as administracións”.

“Nós fixemos os deberes porque eliximos a candidatura que tiña as mellores posibilidades en base a un informe que valoraba máis de 200 variables das que se recollían na orde do Ministerio”, defendeu.

Agora, lamentou que “todo cambia” á vista de “os recursos presentados polo alcalde socialista de Granada hai uns meses”, aínda que tras os comicios municipais do 28 de maio a cidade andaluza está gobernada polos populares.

Para Corgos, a responsabilidade é “do Goberno e do grupo que soporta ao Goberno”. “Que agora se lle pidan responsabilidades ao presidente da Xunta e á Xunta, que fixeron o seu traballo, resulta polo menos sorprendente”, resolveu. Con todo, o conselleiro de Facenda pediu “quitarlle importancia” ás declaracións da rexedora coruñesa que enmarca en “un proceso de nerviosismo preelectoral”.

Dúas persoas resultan feridas tras desprenderse parte unha cornixa dun edificio na Praza de Vigo

Dúas persoas resultaron feridas este venres despois de que unha cornixa da fachada dun edificio situado entre a Praza de Vigo e a rúa Menéndez Pelayo se desprendese cara á vía pública.

Os feitos sucederon pasadas as 23,00 horas. Varios particulares solicitaban asistencia sanitaria ao 112 para as persoas alcanzadas polos fragmentos da cornixa.

Así, os xestores da central de emerxencias solicitaron a intervención do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros da Coruña, dos axentes da Policía Local e Nacional e tamén de Protección Civil.

Segundo fontes consultadas por Europa Press, parte dos cascotes caeron sobre a terraza dun local de hostalaría, situado debaixo do edificio, na que había varias persoas. Este sábado está previsto que técnicos municipais comproben o estado da fachada afectada.

Gran ambiente no comezo do BurgoJazz

1

O Festival BurgoJazz do Concello de Culleredo abriu esta noite de venres a súa XXII edición con gran ambiente no Xardín Botánico do Burgo. O bo tempo animou ao público a achegarse á cita, de balde, para asistir a uns concertos de calidade de jazz e os seus diferentes variantes, puidendo tamén disfrutar do Mercado Templario do Faro.

O Tributo a Grappelli abriu o xa veterano festival. É un trío especializado en jazz xitano e o jazz manouche, un referente no panorama nacional, conformando diferentes proxecto arredor destes estilos como Menilmontant Swing, Swing Machine Orchestra, Cabaret Flotando… Nesta ocasión, rende homenaxe a un dos grandes da música dos anos 30.

Charo Quicler & Grupo convertiron o Xardín Botánico no famoso Cotton Club de Nova York e que marcou a banda sonora do século XX. Temas recoñecidos por público de todas as idades que, pola súa gran calidade, segue cuberto ao longo dos anos en concertos, anuncios publicitarios, bandas sonoras e películas.

Hoxe, sábado, ás 20:30 horas a quenda de Marian Ledesma & tinaquero Brothers. Con máis de 20 anos de experiencia no escenario, Marian Ledesma, volve ás súas orixes Blues da man dos irmáns Tinaquero: Juan Tinaquero (contrabaixo) e Luis Tinaquero (guitarra), figuras indispensables da escena Blues en Galicia; esta vez para traernos eses Classic Blues que Robert Johnson, Ma Rainey, Bessie Smith, Elisabeth Cotten, Etta James e incluso Billie Holliday deixáronnos como eles legado na nosa bagaxe musical e cultural.
E ao seu remate subirase ao escenario o Cuarteto Simón García. Simón García é un ecléctico contrabaixista e compositor que traballou e gravou para artistas e conxuntos diferentes estilos. Pablo Añón é un saxofonista da escena jazzística en España. É especialista en música moderna e improvisación. Iago Mourinho (piano) formouse no música clásica no Conservatorio Profesional de Lalín e jazz no Conservatorio Superior da Coruña. Miguel Cabana (batería) Profesor da Escola Municipal de Música da Coruña é licenciada en Interpretación de Jazz con mención pola prestixiosa Guildhall School of Music and Drama de Londres.

O domingo será a quenda de Puzzle Cabinet e Udra. E o luns será o gran peche con Potato Head Jazz Band.