Inicio Blog Páxina 81

Condenado a sete anos e seis meses de cárcere por apuñalar a outro home por detrás na Coruña

Un home aceptou unha condena de sete anos e seis meses de cárcere por apuñalar a outro home por detrás na Coruña, no xuízo fixado para este martes na Audiencia Provincial coruñesa. Inicialmente, Fiscalía pedía nove anos de prisión mentres que a acusación particular solicitaba 12 anos e a defensa a súa absolución ou subsidiariamente un delito de lesións con instrumento perigoso.

Tras un acordo entre as partes, con pago dunha indemnización de 23.100 euros á vítima, e a aceptación por parte do procesado, foi condenado, con sentenza firme. Segundo o escrito de acusación do Ministerio Público, os feitos sucederon o 9 de agosto de 2024, cando o procesado se abalanzou sobre a vítima e, coa intención de acabar coa súa vida, “cravoulle un coitelo de grandes dimensións nas costas mentres se atopaba tirado no chan”.

Cando o prexudicado deuse a volta, o acusado “tentou cravarllo no peito”, pero este interpuxo un brazo, que recibiu outras dúas puñaladas. Os feitos sucederon na avenida de Finisterre da Coruña.

Urbano Lugrís: surrealismo atlántico cargado de identidade

Urbano Lugrís González (A Coruña, 1908) foi un artista fundamental para entendermos a evolución da arte contemporánea galega. Un pintor narrativo, detallista e onírico, que entendía a súa pintura como imaxinación pura. O mundo dos soños, o surrealismo e a vida mariña son fíos narrativos fundamentais na súa obra. En palabras do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, a obra de Urbano Lugrís está «á espera dunha revisión profunda», polo que cómpre revalorizar e expoñer a súa creación plástica para poder lembrar unha parte esencial da arte contemporánea galega.

Urbano Lugrís, fillo de Manuel Lugrís Freire, medrou na Coruña das Irmandades da Fala. De feito, seu pai foi un dos fundadores. Cunha nai pianista, un tío escritor e un padriño historiador, Urbano frecuentou ambientes artísticos, poéticos e musicais na meirande parte da súa infancia e adolescencia. No ano 1930 marchou a Madrid, onde entrou en contacto coas correntes vangardistas da época, ademais de integrarse nas Misións Pedagóxicas da Segunda República. As súas primeiras publicacións literarias, ilustracións e exposicións viron a luz nos anos 40, cando comezou a publicar na revista El Pueblo Gallego.

Nos anos previos á Guerra civil, Urbano Lugrís puido cultivar o seu pensamento, pero unha vez se impuxo a ditadura franquista, a súa vida deu un xiro moi grande. Afirma a historiadora da arte Carmela Galego que “Lugrís foi un pintor que lle tocou vivir unha coxuntura moi complexa. Criouse nun ambiente galeguista e tocoulle exercer a súa profesión nun entorno que era moi agresivo co galeguismo de mediados do século XX”. Urbano Lugrís, tal e como o define Rodrigo Osorio, avogado e membro do Colectivo Literario Innave Civitas Lugrís, foi “un autor especialmente único” que cultivou un surrealismo ancorado á súa terra real, Galicia. Osorio reflexiona ao respecto: “Inventa un mundo de fantasía que ten unha raíz galega brutal. Bebe das fontes do nacionalismo e do republicanismo”.

A TABERNA COMO ESPAZO PÚBLICO

Lugrís, movido pola efervescencia cultural da Coruña dos anos 30, comezou a interesarse pola pintura como forma de expresión artística. Tal e como afirma Carmela Galego, “boa parte da intelectualidade coruñesa foi represaliada”, polo que Lugrís, nesa coxuntura, decide sumerxirse nos mundos oníricos e comeza a súa carreira como pintor. As tabernas foron un espazo clave para conformarmos unha visión completa da relevancia da obra de Urbano Lugrís: “hai certo debate, non exento de complicacións documentais, sobre se a forma de vida de Lugrís tivo que ver co que el sufriu en relación co golpe de estado”, comenta Carmela Galego.

A taberna emerxe, polo tanto, como ambiente fundamental para Urbano Lugrís. Sempre desenvolveu unha arte clara e popular, en espazos públicos, “porque na súa poética sempre figurou achegar a arte ao pobo”, comenta Osorio.  A taberna, pola súa dimensión social e pública foi, para Lugrís, unha forma de democratizar a arte e achegala a todos os públicos. Galego insiste en que a súa pintura, ao ser feita en boa parte en parede, “dálle ao público a oportunidade de coñecer a súa obra”. Incide en que iso é moi importante, porque “a mediados do século XX había moi pouco público que ía aos museos, polo que o feito de que pinte nas tabernas fai que o seu legado permaneza na memoria da xente”.

Hoxe en día, o único conxunto muralístico íntegro que se conserva de Urbano Lugrís atópase nun baixo escuro da rúa dos Olmos, na antiga taberna Fornos. Esta semana, a Asociación o Mural e o Colectivo Literario In Nave Civitas Lugrísconvocaron unha asemblea informativa aberta para valorar as accións a desenvolver arredor dos frescos que Urbano Lugrís pintou neste espazo en 1951. Cunha ampla participación (arredor de 200 persoas), Rodrigo Osorio afirma que, tras anos de abandono, o deterioro do inmoble é evidente, polo que as accións que se contemplan inciden en que “o esencial é que os frescos de Lugrís non se perdan, porque están nun risco moi grave polo estado do edificio”.

“San Barandán”, obra de Urbano Lugrís feita en 1946 / Colección ABANCA

UNHA OBRA ONÍRICA E SUBMARINA

Algunhas das pinturas máis destacadas da obra de Lugrís, realizadas en óleo sobre táboa, encadran topónimos moi próximos, como o porto da Coruña, a Torre de Hércules, o castelo de Santa Cruz ou o porto de Vigo. Estes cadros empregan a técnica surrealista, asemade que establecen como foco principal o mundo submarino. A pintura de Lugrís, segundo contempla Carmela Galego “ten unha estética agradable, cunha gama cromática e unhas tonalidades moi suxerentes e visuais”.

As paredes do antigo restaurante Fornos posúen un mural lugrisiano que ornamenta a súa bóveda. A bóveda é cruzada primeiro por un arco no que Urbano Lugrís indica a data de fundación do local. Na parte principal do conxunto, amósase unha panorámica da Coruña, que contén o castelo de San Antón, a cidade vella e a Torre de Hércules. A súa pintura é “moderna sen ser agresiva”, e os propios murais da rúa Olmos son moi atractivos para o público, tal e como apunta Carmela Galego. Por conseguinte, o seu muralismo é un gran referente para a nosa época, e pese a non ser un autor moi estudado, “hoxe forma parte do elenco dos grandes pintores da cultura galega”, reflexiona Galego.

“Galicia”, obra de Urbano Lugrís feita no ano 1953 / Colección ABANCA

A obra de Lugrís ten unha gran riqueza simbólica e amosa un gran coñecemento da nosa historia, polo que cómpre reivindicala como propia. Urbano Lugrís González foi pintor, ensaísta, poeta e narrador, así como un grande artífice do mundo onírico. Non obstante, o certo é que Lugrís é un deses autores que permanecen somerxidos na lembranza, cuxa obra está feita para ser redescuberta. A personalidade de Lugrís contémplase ao nomear aos principais artífices da arte galega do século XX, pero moi poucas veces se aborda a súa creación artística de maneira fidedigna. Polo tanto, ao democratizar e abrir a súa obra tal e como foi contemplada, tamén se universaliza unha parte da nosa cultura e das nosas raíces literarias. El mesmo afirmaba que era «un pintor puramente imaxinativo, pero a través dunha realidade concreta». Esa realidade é a que hoxe cómpre abordar. Porque para poder divulgar a Urbano Lugrís, primeiro hai que sumerxirse nos seus mares, pescudar nas súas orixes e ollar o mundo a través da súa mirada.

O Concello de Oleiros inicia a campaña de denuncia do abandono das estradas da Xunta

0

Farto de pedir polas boas o arranxo de numerosas estradas de propiedade autonómica, o Concello de Oleiros comeza unha campaña de denuncia. O Concello instalará diversos carteis de grandes dimensións en distintos puntos de estradas autonómicas para denunciar “a marxinación coa que está a actuar o Goberno da Xunta en Oleiros”.

O primeiro foi colocado esta mañá, na avenida Isaac Díaz Pardo, que conecta Coruxo e Os Regos; e nos vindeiros días haberá máis.

Explica o Concello, que no caso concreto desta avenida, urxe a construción de beirarrúas continuas e accesibles. Os arcéns existentes foron creados polo Concello. A única actuación realizada pola Xunta consistiu en tapar as cunetas dun tramo, tras un accidente de tráfico dun familiar dun representante do Partido Popular, aseguran.

Igual que a avenida Isaac Díaz Pardo, outros importantes tramos das estradas principais de Oleiros de titularidade autonómica non dispoñen de beirarrúas nin carril bici. As beirarrúas e andéns existentes foron construídos directamente polo Concello, que asumiu as obras ante a necesidade de mellorar a seguridade viaria e facilitar a mobilidade peonil e ciclista.

“O Goberno da Xunta está a practicar unha política caciquil e partidista que basicamente consiste en realizar as obras públicas nos municipios nos que o Partido Popular ocupa a alcaldía”, denuncian.

Penitence in Darkness e Ewaric gaña a Batalla de Bandas e actuarán no Flores Rock

Penitence in Darkness e Ewaric conseguiron o primeiro e segundo posto da batalla de bandas do Flores Rock, celebrada este sábado na praza do Sol Nacente do Barrio das Flores. Ambas formación actuarán no festival que se celebrará os días 4 e 5 de setembro.

Un total de oito bandas participaron este sábado neste concurso musical organizado polo Concello e a Plataforma Veciñal do Barrio das Flores co obxectivo de apoiar a bandas de rock e metal emerxentes e darlles cabida na programación cultural da cidade. Keepers, Five Pipers, Here Comes The Pain, Baila Cuchillo, Graxa, Ewaric, Replicantes e Penitence In Darkness foron as bandas que actuaron ao longo da tarde.

Penitence in Darkness conseguiu a mellor votación da xornada e, ademais de actuar no Flores Rock 2026, obtivo como premio unha sesión de gravación dun videoclip.
Ewaric, como segunda clasificada, levou como premio una experiencia nun estudio de gravación.

A Subdelegación do Goberno na Coruña defende o dispositivo de seguridade en Riazor

A Subdelegación do Goberno na Coruña defendeu o dispositivo policial activado este domingo con motivo do partido entre o Deportivo e o Andorra por estritas razóns de seguridade. Esta postura oficial chega tras as explicacións públicas da alcaldesa da cidade, Inés Rey, sobre o desenvolvemento da xornada nos arredores do estadio.

O organismo estatal sinalou que a prioridade da Policía Nacional é garantir a seguridade cidadá e evitar situacións que poidan poñer en risco ás persoas asistentes aos encontros deportivos. Neste sentido, fixo referencia a incidentes previos rexistrados noutros partidos, como a localización de armas brancas e materiais perigosos durante o recente encontro entre o Deportivo e o Leganés.

Á vista destes antecedentes, a Policía Nacional decidiu reforzar os controis de acceso nos seguintes encontros en Riazor. O obxectivo prioritario destas inspeccións é impedir a entrada de armas, bengalas e outros obxectos perigosos ao recinto, así como garantir o cumprimento estrito da normativa vixente en materia de espectáculos deportivos.

Desde a Subdelegación do Goberno destacaron que estes controis foron comunicados previamente á cidadanía e insistiron en que por parte das forzas de seguridade houbo unha actuación caracterizada pola proporcionalidade, a prudencia e a contención. Do mesmo xeito, a institución quixo subliñar o comportamento exemplar, cívico e responsable da inmensa maioría da afección deportivista durante todo o evento.

O Concello da Coruña, premiado pola súa campaña de concienciación no lecer nocturno

O Concello da Coruña será recoñecido o próximo 20 de maio na novena edición dos Premios Recicla a Noite grazas á campaña municipal ‘Esta é a túa sinal’. Así o informou o consistorio herculino, que lembra que se trata dunha iniciativa impulsada de xeito específico para promover a convivencia, o respecto aos veciños e veciñas e as condutas responsables nas principais zonas de lecer nocturno da cidade.

Por outra banda, a administración local reforza o plan de accións de mellora no barrio da Sardiñeira coa creación dun novo acceso peonil ao instituto da zona desde a avenida de Arteixo. Os traballos operativos de reestruturación urbana comezaron nesta mesma xornada co obxectivo de incrementar a seguridade dos estudantes.

Noutra orde de cousas, o consistorio mantén aberto o proceso de inscrición para participar nos próximos itinerarios formativos gratuítos. Estas accións de formación van dirixidas a persoas desempregadas no marco do proxecto Éfeso Coruña, unha iniciativa que conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo Plus (FSE+).

Sanidade Exterior autoriza o desembarco na Coruña do cruceiro ‘Ambition’ tras o brote de gastroenterite

Os técnicos de Sanidade Exterior autorizaron o desembarco na Coruña do cruceiro Ambition, no que un brote de gastroenterite común afectou decenas de pasaxeiros e parte da tripulación. Segundo informou a Delegación do Goberno, 21 persoas con este virus permanecen illadas a bordo “seguindo os protocolos sanitarios establecidos”. O barco atracou ás 09.30 horas na cidade herculina, tal e como estaba previsto.

O buque procedía de Burdeos, en Francia, onde finalmente se autorizara o desembarco da pasaxe. Arredor das 20.00 horas partirá cara a Xixón, onde prevé chegar o domingo, e despois continuará a súa travesía ata Bilbao. Xa no porto da Coruña, ás 10.20 horas, os servizos de Sanidade Exterior do Ministerio de Sanidade accederon á embarcación para realizar a inspección correspondente e avaliar a incidencia actual do virus antes de tomar unha decisión.

Segundo insistiron as mesmas fontes, esta actuación forma parte dos controis rutineiros e dos protocolos establecidos para este tipo de escalas. Tras aproximadamente unha hora de inspección e despois de analizar a situación da pasaxe e da tripulación, Sanidade Exterior autorizou o desembarco “ao confirmar que se cumpren as condicións de seguridade e saúde pública correspondentes”.

Neste momento, 21 persoas con gastroenterite común —dun total de arredor de 1.700— permanecen illadas a bordo, detallou a Delegación do Goberno, que incidiu en que se seguen os protocolos establecidos. Ese número chegara a ser de 30 casos activos o venres. A administración estatal transmitiu tamén unha mensaxe de tranquilidade, subliñando que a situación “está monitorizada”.

OS PASAXEIROS VISITAN A CIDADE E A PROVINCIA

Desde a chegada do cruceiro ao porto, centos de pasaxeiras e pasaxeiros tiveron que agardar case dúas horas ata coñecer a decisión final que lles permitiu desembarcar. Algúns achegáronse aos exteriores da embarcación para ver a cidade. Pasadas as 11.30 horas, cando Sanidade Exterior autorizou a saída do Ambition, os pasaxeiros comezaron a desembarcar para gozar das actividades previstas para o día. Varios autobuses agardaban aquelas persoas que optaron por facer unha excursión a outros concellos da provincia, mentres outros visitantes decidiron coñecer a cidade herculina durante a escala.

O Mural desoe ás promesas das administracións e convoca unha nova manifestación para defender o coidado dos frescos de Lugrís

Lanzaba con retranca este luns Rodrigo Osorio no Xornal o anuncio dunhas hipotéticas boas novas arredor dos frescos de Lugrís da rúa Olmos. E non tardou en darlle a razón a Xunta e o Concello, que coma sempre a remolque das protestas da Asoc. O Mural, filtraba á prensa que está formulando unha solución no Plan Especial de Protección E Reforma Interior (PEPRI) da Pescaría, para reformar o edificio da rúa Olmos 25-27.

A entidade celebraba onte unha Asemblea multitudinaria e emocionante, demostrando a forza colectiva e as ganas de reivindicar o acceso á beleza que ten a cidadanía da Coruña. E a de Malpica, porque a xuntanza serviu para establecer vínculos con xente da vila natal de Urbano Lugrís para defender conxuntamente a obra de Lugris na Casa do Pescador.

Houbo moitas propostas, como presentar querelas contra as administracións por delito contra o patrimonio, ou desenvolver unha rota-foliada pictorica polas tascas coruñesas. Pero finalmente se concreto a convocatoria dunha manifestación para o 7 de xuño baixo o lema: ”A Coruña pola beleza. Deixade pasar as ondas do mar!

Asemblea de O Mural- Pilar Silva
Gran participación na Asemblea do Mural. Foto: Pilar Silva

Máis novas

Boas novas para os frescos de Lugrís

O metal da Coruña amplía a folga aos días 26 e 27 de maio ante o bloqueo do convenio

O sector do metal na provincia da Coruña acordou ampliar a convocatoria de folga do 19 de maio aos días 26 e 27 deste mes. Fixérono, segundo informan as centrais CIG, CCOO e UXT, “ante a negativa da patronal a recoller as demandas sociais”. Farano en defensa dun convenio digno e para reivindicar que a patronal atenda as xustas demandas que expoñen a nivel laboral e salarial.

Na tarde do xoves tivo lugar a reunión da mesa de negociación na que a patronal contestou ás plataformas sindicais de convenio “sen recoller nin unha soa das demandas formuladas polo persoal”, segundo sinalan as centrais. Os sindicatos denuncian que a representación empresarial se nega a avanzar en calquera materia, afectando a unha situación que implica a unhas 18.000 persoas do sector siderometal da provincia.

Segundo denuncian as centrais, non hai avances en salarios, redución da xornada, ampliación da subrogación nin na regulación dos pluses. Así mesmo, critican a falta de medidas para frear a precarización e limitar a subcontratación, así como a ausencia de melloras nos complementos das baixas, o que motivou este endurecemento do calendario de mobilizacións previsto para este mes de maio.

A Serea de Ulises espiuse na Agra

Hai poucas entidades na cidade que sintan a poesía como a Asoc. Agra. Cada xoves durante boa parte do ano, xentes de toda a idade xúntanse no local da Rúa Entrepeñas para compartir a poesá con recitados conxuntos. Este 14 de maio tocaba acoller a presentación dun novo poemario, e a resposta foi agarimosa e sentida.

A cormelá Diana Varela Puñal realizaba a estrea de “Serea e Ulises”, unha fermosa edición facsimilar dunha serie de poemas relacionados co mito romano, pero dende unha perspectiva diferente: A da Serea de Tahormina. Un libro que destila amor polos catro costados, pero non ese amor apegado de esixente responsabilidade emocional, senón do amor máis libre, máis puro. Porque aínda que Ulises e a Serea se amen profundamente, esta déixalle claro que a ficar sentanda texendo, a Ítaca non pensa ir.

Diana Varela Punal coa familia da Asoc Agra
Diana Varela Puñal coa familia poética da Asoc. Agra

Tivo a sorte de presentala o que escribe estas liñas, facendo un repaso pola súa carreira, contando que levaba preto de 15 anos sen escribir poesía. I é que traballar no seu dunha editorial ás veces provoca que na casa do ferreiro, coitelo de pau. Con todo, despois de pasar unha mala época emocional, pero despois de facer unha fermosa viaxe á Sicilia máis hercúlea e prosaica, conseguiu acabar esta xoia.

Un tesouro feito a man, demostrando un posicionamento firme polo humano ante as revolucións tecnolóxicas que fan todo por nós, reivindicando a caligrafía (e a súa escritura coa zurza) como unha pegada valiosa.
Este “Serea e Ulises” pretende ser ademais o primeiro volume dunha colección facsimilar, aberta a outros artistas.
A serie de poemas formará parte dun vindeiro libro máis completo, máis social, que pronto sacará tamén a través de Medulia

Reivindicou o seu papel como editora, pero ela síntese poeta. “Os que nos identificamos cunha arte, ben sexa a música, a literarura, a pintura… estamos sempre expresando o que vemos a través dela. E miña nai recorda que xa dende ben pequeniña tiña libretas nas que me expresaba en verso”, recoñecía entre risas e algo rubor.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Xornal da Coruña (@xornaldacoruna)


Trala conversa, fixo un sentido recitado, ata o silencio absoluto dunha trintena de persoas que nin pestanexaron ata o rotundo aplauso final.

A xornada rematou coa obrigada sinatura de exemplares, que por certo, xa podedes adquirir dende Medulia.

Diana Varela Puñan asinando Libros na Agra

Máis novas

Diana Varela Puñal volve á poesía coa edición facsimilar de “Serea e Ulises”