Inicio Blog Páxina 83

O FIGA afondará na Coruña sobre a diversidade do audiovisual galego

0

Onte coñecíamos o programa da CoruñArt, e hoxe damos conta do FIGA, refrendando o papel da cidade herculina como promotora de iniciativas culturais.

Falamos do III Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), que se celebrará no Espacio Avenida da Coruña e en Cantones Cines entre os días 5 e 7 de novembro. Organizado pola Academia Galega do Audiovisual, co apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, terá como temática central a diversidade do audiovisual.

O programa abordará cuestións como a representación diversa, a igualdade de xénero, a inclusión de persoas con discapacidade, e novas perspectivas na produción e no casting.

Durante tres días, FIGA converterase nun espazo de encontro e reflexión colectiva arredor dos retos que supón construír un audiovisual máis plural e inclusivo. Os contidos están programados pola xestora cultural Salima Jirari, especializada en diversidade, igualdade e inclusión, asesora de proxectos en desenvolvemento con perspectiva de xénero, diversidade e interseccionalidade.

O programa combina proxeccións de curtametraxes e longametraxes, mesas redondas e ponencias, nas que destacadas voces do sector galego e estatal compartirán experiencias e boas prácticas. Entre os asistentes confirmados figuran profesionais como Nati Juncal, Bea Saiáns, Miguel Canalejo, Xiana do Teixeiro, Eva Libertad, Ian de la Rosa, Lucía Estévez, Charli Bujosa, Laura Galán, Kathy Sey ou propia Salima Jirari.

A creadora e performer interdisciplinar Nuria Vil será a encargada de conducir o acto inaugural do FIGA e de presentar o seu espectáculo Flúor significa escuridade, unha peza escénica que combina performance, poesía e música electrónica.

Entradas

As entradas para asistir ao foro terán un custo de 5 euros diarios en concepto de reserva de praza, que deberán aboarse ao completar o formulario de inscrición. Esta cantidade actúa como garantía de asistencia e será devolta integramente ás persoas que finalmente acudan ao evento. O formulario de inscrición está dispoñible desde hoxe na web da Academia Galega do Audiovisual (www.academiagalegadoaudiovisual.gal).

O Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual realizada grazas ao apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, que conta nesta edición coa colaboración de ABANCA.

Máis novas

A CoruñArt afondará en San Agustín na profesionalización do oficio literario, a música e a ilustración

A actriz herculina Lucía Veiga, nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual

A Coruña ponse de cine: Do Festival Lóstrego a un “cancelado” Intersección

Condenado a 9 anos de cárcere un home por violar a unha muller nos arredores dunha discoteca

0

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a nove anos de cárcere a un veciño da cidade por violar, durante a madrugada do 2 de febreiro de 2024, a unha muller ebria nos arredores dunha discoteca situada na zona do Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco).

O tribunal acordou que, unha vez cumpridos oito anos de prisión, o ano substitúase pola súa expulsión do territorio español, ao que non poderá regresar en dez anos. Ademais, impúxolle a prohibición de aproximarse e de comunicarse coa vítima, á que deberá pagar unha indemnización de 33.317 euros, durante 15 anos.

A Sala remarca os feitos son constitutivos dun delito de agresión sexual con acceso carnal, sen violencia ou intimidación, e sen que medie consentimento, “porque se abusa da vulnerabilidade de quen, polo seu intenso estado de embriaguez, carece de capacidade de comprensión e decisión”. O tribunal, tras as probas practicadas, entre elas a visualización das cámaras de seguridade da zona, considera probado que a muller, tras consumir unhas copas de viño, acudiu con dúas amigas a unha discoteca situada na avenida do Porto da Coruña.

Cando accederon ao establecemento, segundo indican os maxistrados, pediron varias consumicións alcohólicas e foron a un reservado con coñecidos dunha delas. Minutos despois, a vítima “empezou a sentirse desorientada e a cambalearse, o que advertiu unha das súas amigas, quen, ao vela nese estado, saíu con ela desa parte da sala”.

Na sentenza, os xuíces sinalan que a afectada accedeu, sen autorización para iso, a unha zona de reservados, molestando a outros clientes. Ante a súa actitude, as relacións públicas do local requiriulle que cesase, pero non o fixo e mostrouse agresiva con el, polo que foi expulsada do local. “Entre as 03.30 e as 04.16 horas, a moza tentou convencer aos controladores de entrada da discoteca para que lle permitisen volver ao interior, onde deixara o abrigo, teléfono móbil e as chaves do seu domicilio, subindo un quince veces as escaleiras da citada porta para iso (esborrallándose e caendo nunha ocasión), sen conseguir o seu propósito”, relata a Audiencia no fallo.

A Sala asegura que, ás 04.18 horas, “en estado de aguda intoxicación etílica, seica combinada con outra sustancia, tropezando, con dificultade para manter o equilibrio e perdida”, decidiu abandonar o perímetro da porta principal e esperar na chaira adxacente de Palexco.

Toda a secuencia na rúa, segundo considera probado o tribunal, foi observada polo procesado, “que roldaba por alí deambulando sen destino e decatouse perfectamente das moi mermadas circunstancias psicofísicas da vítima, de maneira que decidiu aproveitarse diso para satisfacer os seus desexos sexuais”. Así, indica que “se aproximou e colleuna pola cintura cando ela trataba de regresar á discoteca”.

A muller, segundo relatan os xuíces, tentou ir noutra dirección, pero non conseguiu desasirse do acusado, que a levou ao lateral de Palexco, onde caeu ao chan. Nese momento, o acusado, “servíndose da incapacidade de autodeterminación da muller”, violouna. Ao darse conta dos feitos dúas testemuñas que pasaban pola zona, chamáronlle a atención e deron a alerta.

Unha vez que logrou incorporarse, a vítima marchouse ao seu domicilio, pero, como non dispuña das chaves do piso, durmiuse tirada nun felpudo diante da porta ata que pola mañá o presidente da comunidade de veciños chamou a un cerralleiro. A sentenza non é firme, xa que cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Amaral actuará o 21 de febreiro na Coruña, a súa única data en Galicia

0

Amaral actuará o 21 de febreiro na Coruña, na que será a súa única data en Galicia o próximo ano. Así, o dúo zaragozano levará ao Coliseum da Coruña o ‘Dolce Vita Tour’, nun concerto que será unha celebración da música, un reencontro emotivo.

O seu último disco está composto por 15 temas de música renovada e que é un regreso ás súas raíces. As entradas sairán á venda este venres, día 24 de outubro, a partir das 11.00 horas en ataquilla.com, baila.fm e Despacho de billetes Praza de Ourense.

Os propietarios do chan do Castrillón aproban o plan para rematar o barrio

0

Acolleu onte o Ágora unha importante asamblea dos propietarios integrantes da Xunta de Compensación do API Q28 Parque de Oza, para analizar, avaliar e finalmente aprobar, o Plan de Reforma Interior (PERI) e o documento ambiental que permitirán, ao fin, rematar urbanisticamente o barrio do Castrillón coa construción de 1.000 novas vivendas.

Arredor duns 150 propietarios do chan (entre particulares -moitos deles veciños da zona-e o resto dos que conforman o API Q28 Parque de Oza, isto é, Aliseda, a Fundación Juana de Vega, a Sareb, o propio Concello da Coruña e varias mercantís) puideron coñecer, da man do equipo técnico redactor, os pormenores dos documentos urbanísticos (PERI e Avaliación Ambiental Estratéxica).

Maqueta das obras da urbanizacion do Castrillon
Maqueta das obras da urbanización do Castrillón

Agora, unha vez referendados polo plenario da Xunta de Compensación, pasarán ao Concello para que dea comezo a súa andaina. O primeiro será o traslado á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia do documento ambiental para que o seu analise e exposición pública nos prazos fixados por lei e a súa devolución entón ao Concello co seu plácet.

Destacan que o proxecto respecta con exactitude a edificabilidade fixada para ese ámbito no Plan Xeral de Ordenación Municipal do 2013, 136.704,50 metros cadrados, e que incrementa, iso si, o chan destinado a uso e dominio público, ao que destina máis do 63% do chan.

Un funicular

Nos dous estudos presentados, ofrécense solucións para responder as dificultades da propia orografía do terreo nalgúns puntos. Así, proponse un elemento mecánico a modo de funicular ou ascensor inclinado que conectará a rúa Montes con Antonio Ríos-pois o desnivel entre ambas as rúas é de máis de 16 metros- e unha rampla en espiral entre a rúa Montes e o límite do IES de Monelos para dar accesibilidade a ese punto.

Visita Castrillon

Os dereitos urbanísticos e as cesións

Os propietarios integrantes da Xunta de Compensación API Q28 Parque de Oza confían así en poder ao fin exercer os seus dereitos edificatorios tendo en conta que levan máis de dúas décadas esperando por iso. E iso adiantando de maneira altruísta todas as cesións de chan previstas no plan; espazos e infraestruturas dos que gozan desde hai moitos anos todos os habitantes do Castrillón: máis de 55.000 metros cadrados convertidos no Parque de Oza, 5.000 m2 sobre os que se asenta o Centro Deportivo que alberga a piscina municipal ou as rúas abertas ou completadas: 3.600 m2 para a apertura de tramos na rúa Antonio Ríos, 3.300 m2 para a Avda. da Concordia e 4300 m2 para Casanova de Eirís. A todo iso súmanse 840 m2 cedidos, tamén, para a ampliación do Instituto de Monelos.

Máis novas do Castrillón

En marcha as obras de humanización da praza José María Hernansáez, no Castrillón

A veciñanza do Castrillón coñece o proxecto da urbanización das 1.000 novas vivendas

A Xunta de Compensación “Parque de Oza” presenta o borrador do PERI da urbanización do Castrillón

Outro premio para Oleiros: o parque Rosalía Mera mellor xardín galego 2025

O Parque Rosalía Mera situado entre as rúas do Mar e da Poza, en Dorneda, Oleiros, vén de levar primeiro premio na 5ª edición dos Premios Xardín Galego 2025. Un recoñecemento outorgado pola AGAEXAR que trata de poñer en valor a humanización de espazos naturais nas cidades.

O xurado destacou que Parque Rosalía Mera é “un proxecto exemplar pola integración de arte, técnica e sustentabilidade. Destaca a forte implicación social, a educación ambiental, a creación de hábitats naturais, o uso de especies autóctonas e materiais locais, así como o deseño resiliente e orientado á mellora bioclimática”.

Dende o Concello destacan a rápida inclusión social deste espazo público de 19.908 m2, xa naturalizado entre a veciñanza para facilitar convivencia interxeracional, ofrecendo espazos habilitados, cómodos e accesibles para o paseo, o descanso, o lecer ou  a actividade física.

O proxecto materializado sobre un solo de titularidade privada de clasificación urbana, co firme compromiso da promotora de destinalo a uso público para o lecer da veciñanza, nun entorno de presión urbanística; foi obra da empresa de paisaxismo Orza Paisajismo, o Grupo Naturalista Hábitat e a empresa de economía social Trébore Jardinería, con destacadas colaboracións de empresas locais, artesáns, artistas e o propio Concello de Oleiros.

Parque Rosalía Mera de Oleiros. Joaquín Barreiro Cajaraville
Parque Rosalía Mera de Oleiros. Joaquín Barreiro Cajaraville

O segundo premio foi para a Rehabilitación do Concello Vello de Moaña, o terceiro para a  Rehabilitación e deseño de xardín en San Vicente de Mañufe, quedando por detrás outras propostas como o Proxecto Residencial Foxos, en Sanxenxo (Pontevedra), de Carmela Moral Ardines (Orza Paisaxismo); o Reaxardinamento da zona exterior – Proxecto Marga-Sabarís, de Marina Muñoz Orta (Brivegmar).

Trasladada unha muller tras un incendio nun ximnasio na Coruña

0

Unha moza tivo que se trasladada ao centro hospitalario de referencia tras un incendio nun ximnasio da rúa Emilio González López, na Coruña.

Segundo a información do 112 Galicia, o suceso produciuse sobre as 16.30 horas deste mércores e foron varios particulares os que deron a voz de alarma. Un deles explicou que escoitou algún tipo de explosión e que quedase rota a porta de cristal da entrada.

A central de emerxencias alertou aos Bombeiros da Coruña, á Policía Nacional, á Local e aos profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladaron a unha moza ao hospital de referencia.

Os Bombeiros seguen traballando no punto con tarefas de ventilación do local que foi afectado o lume.

A alcaldesa da Coruña acusa á Xunta de “torpedear” o mercado da vivenda da cidade

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reprochou á Xunta a súa postura en relación á declaración da cidade como mercado tensionado, que cualificou de “posición insumisa”. Foi na súa comparecencia tras a Xunta de Goberno e a preguntas dos xornalistas nas que asegurou que “os primeiros datos, aínda que é pouco tempo de aplicación, apuntan cara a unha rebaixa no prezo dos alugueres“.

“Esta medida leva moi pouco tempo aplicándose e con escasa, por non dicir nula, colaboración da Xunta que, a pesar de aceptar esta declaración, mantén unha posición insumisa fronte á aplicación da lei estatal, o que nos dificulta enormemente acceder aos datos, aos propietarios e poder facer que esta declaración sexa máis efectiva e dar resposta ás necesidades dos cidadáns”. “Se o que pretenden, que non o creo, é que queiran que fracase a medida, iso sería torpedear aos cidadáns da Coruña“, aseverou para insistir en que o esencial é “o consenso e o traballo conxunto”.

OUTROS ASUNTOS

Noutra orde de cousas, cuestionada sobre os efectos das choivas rexistradas nas últimas horas na cidade, asegurou que “a rede de pluviais límpase, sanéase e actúase sobre ela como sempre desde hai moitos anos”. “Se chove moito en moi pouco tempo, sufrimos ese desborde nalgunhas zonas da cidade, traballamos para minimizar eses efectos“.

En canto ás novas terrazas na praza de María Pita, e tras un encontro con hostaleiros, aseverou que “haberá un novo modelo máis elegante, integrado na contorna da praza”.

O Reino de Galicia en 61 documentos e 16 obxectos “singulares”

0

Unha exposición, que conmemora o 250 aniversario da creación do Arquivo do Reino de Galicia, permitirá visitar na Coruña un percorrido con 61 documentos e 16 obxectos “singulares da historia de Galicia desde 1775 ata a actualidade”. A mostra estará dispoñible ata o día 30 de xaneiro.

Tal e como trasladou a Xunta nunha nota de prensa, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu este mércores á inauguración, onde destacou o papel do Arquivo ao “salvagardar a historia galega”.

Trátase dunha selección que provén dos fondos públicos, privados e as coleccións do Arquivo do Reino de Galicia e que supoñen unha representación dos algo máis de 550 que custodia a día de hoxe. Entre os obxectos que contén atópanse expedientes xudiciais e textos de fondos públicos vinculados a Facenda, Goberno Civil ou á Real Audiencia de Galicia. Ademais, complétase con fotografías estereoscópicas en visor, imaxes audiovisuais e outros documentos.

Durante a súa intervención, López Campos subliñou ao Arquivo como “exemplo de transmisión cultural, non só pola conservación de documentos históricos, senón tamén polo seu labor divulgativo” e fixo fincapé no servizo que presta a estudiosos como centro de documentación. Así mesmo, sinalou o conselleiro, propostas como a mostra permitirán ao público “achegarse aos seus fondos a través dunha selección de pezas coas que descubrirán escritos que esconden curiosidades que axudan a comprender acontecementos pasados”.

Adxudicadas as obras de mellora do parque de Santa Margarida

0

Ademais da concesión da licenza da nova ITV no Polígono de Vío, e a adxudicación das obras de humanización dunha Praza no Castrillón, a Xunta de Goberno Local aprobaba esta mañá de mércores 22 de outubro, a adxudicación das obras de mellora do parque de Santa Margarida. A empresa Jardinería Arce contará cun orzamento de 899.000 euros para realizar unha actuación global no espazo de 78.000 metros cadrados de superficie.

A actuación comprenderá tres liñas de traballo:

  • Renovación e adaptación dos camiños e sendas do parque,
  • Ampliación e mellora dos equipamentos e mobiliarios de Santa Margarida, tanto deportivos como de lecer;
  • Mellora nos espazos verdes do parque en si, con novas especies.

Unha das principais necesidades detectadas no parque é a de renovar ou atender os camiños e espazos de paso, ben polo paso do tempo ou polo impacto que teñen as raíces das árbores.
Por iso, actuarase en puntos como as escaleiras que baixan desde a Casa das Ciencias á Rosaleda e tamén no cruce de camiños que dá inicio ao paseo das Ciencias, onde se substituirá o firme de asfalto por adoquín.

A isto sumarase a creación dun novo circuíto de sendeiros, aproveitando espazos infrautilizados do parque e conectando así os seus diversos espazos de ocio e lecer.

En canto aos equipamentos, no sector norte haberá unhas pistas para correr que chegarán, por exemplo, á nova área de calistenia que se habilitará sobre o espazo deportivo xa existente ao noreste do parque. E, ademais, crearanse máis sendeiros no sector sur-sureste, interconectando o mobiliario urbano de lecer alí existente. Neste sentido, tamén está previsto renovar o mobiliario urbano do parque e darlle uniformidade en termos estéticos.

A maiores, ampliarase a área de xogos infantís próxima ao acceso desde a avenida de Arteixo, sumando novos equipamentos e ampliando así o rango de idades para o seu uso, que xa é moi frecuente no día a día.
Tamén está previsto sumar novos exemplares de arbustos e flores, que complementarán ás 60 especies de árbores que xa hai no parque, reforzando a súa condición de pulmón verde na cidade.

A isto sumarase a renovación eficiente a rede de alumeado e a substitución da sinaléctica do parque para darlle unha uniformidade estética e reforzar a información que serve de orientación e guía ás persoas que visitan o parque.

 

O Polígono de Vío acollerá a primeira ITV da cidade

En marcha as obras de humanización da praza José María Hernansáez, no Castrillón

As 2,4 toneladas que un buque militar francés desembarcou na Coruña tiñan como destino España

0

A droga incautada nun operativo conxunto con Francia e que foi trasladada nun buque militar francés ata o porto da Coruña ascende a un total de 2.400 quilos de cocaína, que foron intervidos nas costas de Lisboa nunha embarcación de alta velocidade, segundo informaron responsables do operativo.

O mesmo desenvolveuse baixo a coordinación da Fiscalía Antidroga, con intervención da Armada francesa e con participación de axentes do Corpo Nacional de Policía e membros do Servizo de Vixilancia Aduaneira. En concreto, grazas á colaboración internacional recibiuse unha información procedente da Drug Enforcement Administration (DEA) alertando da existencia dunha organización criminal dedicada ao transporte internacional de cocaína a través do Océano Atlántico sendo o destino final España, informa a Policía Nacional.

Detectaron que a embarcación tiña uns 12 metros de eslora e tres motores e que presentaba problemas mecánicos estando á espera de recibir apoio da outra parte do grupo que se atopaba asentado en Portugal. A investigación, coordinada pola Fiscalía Especial Antidroga da Audiencia Nacional, iniciouse o pasado venres tras recibir, grazas á colaboración e cooperación internacional, unha información da DEA acerca da posible existencia dunha organización criminal dedicada ao transporte de cocaína a través do Océano Atlántico cara a España.

DETENCIÓNS

Durante o dispositivo policial establecido para o traslado da embarcación, comprobouse o seu estado precario provocando finalmente o afundimento da mesma durante o seu remolque. Finalmente a operación culminou co arresto de catro homes como presuntos responsables dos delitos de tráfico de drogas e pertenza a organización criminal.

Na mañá de hoxe tanto a droga como os detidos foron trasladados ao porto da Coruña para a continuación das dilixencias en relación a un operativo que se atopa baixo segredo de sumario.