InicioOPINIÓNEste 2024 si a todo

Este 2024 si a todo

Publicada o

Por Beatriz Alfonso Espiñeira

Esta Noiteboa fixen un propósito nada ambicioso: aprenderme a primeira estrofa de All I want for Christmas is you de Mariah Carey. Para memorizala puxen o vídeo en Youtube unhas corenta veces, xa que o meu cerebro post fillos e post covid xa non é o que era. Esta repetición machacona da canción púxome nun mood do máis festivo, incluso enviei algún audio cantando a estrofiña a familiares e amigos para felicitarlles as festas. Dixeron que a cantaba ben, coido que mentían.

Para o 2024 teño outro propósito algo máis pretencioso: dicir si a todo plan, proposición ou evento que me poida parecer divertido, interesante ou enriquecedor.

Esta idea copieilla á miña irmá, que levouna a cabo cando mudou de cidade e non coñecía a apenas ninguén e se aburría coma un fungo. Ela afirmaba que a solución ao tedio podería ser dicir si a a todo, a toda actividade que che poñan por diante, incluso aínda que en principio non nos semellen moi atractivas.

A presentación dunha exposición dun pintor que che soa vagamente? Si.

Un festival de tecno cuns dilleis ignotos? Dende logo.

Un taller de bordado ruso? Por suposto.

Si, si e si.

Nunca se sabe que aprendizaxes podes sacar destas experiencias, o que podes desfrutar ou a quen podes coñecer, e todos sabemos o difícil que é facer amizades ou vivir novas experiencias na vida adulta.

Cando somos cativos o parque, a escola, as ditosas extraescolares promoven o achegamento, o diálogo e finalmente a amizade. Aínda quedo asombrada cando os meus fillos coñecen uns minutos a alguén na rúa ou nun campamento e pouco despois o presentan coma o seu amigo ou amiga.

Na xuventude os estudos, saír de festa e os primeiros traballos seguen a procurarnos almas xemelgas, pero coido que chega un momento en que nos estancamos, pensamos que a cota está coberta e nos volvemos preguiceiros nisto de coñecer ao próximo. Tratamos con moita xente ao longo do día pero raras veces chegamos a profundizar e interesarnos xenuinamente por quen temos ao noso carón, e a rutina vaise comendo as ganas de ter vivencias novedosas.

Se o meu propósito de aninovo parécevos interesante vos suxiro dicir si a un plan que me ten abraiada: o ciclo “As mellores películas da historia” no cine Colón: proxectaranse una morea de clásicos dende este xoves, comezando por O apartamento, seguindo por Ao final da escapada, O piano e Psicosis e rematando en xuño con O espírito da colmea, todas xoias do cine, nun teatro precioso, en pantalla grande. Non estades tan emocionados coma min? Tremendo regalo de Reis.

Feliz aninovo e que se cumplan todos os vosos desexos (dos propósitos, o ximnasio e o tabaco xa falamos en febreiro).

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

Máis novas relacionadas

Xaneiro de cine con pouso

ÚLTIMAS

GLS Spain consolida a súa presenza en Galicia cunha nova nave na Coruña

GLS Spain reforza a súa presenza na comunidade galega coa apertura dunha nova nave...

O PSOE de Arteixo insta o goberno local a que poña en marcha o método CER para xestionar as colonias felinas

O grupo municipal socialista do Concello de Arteixo (A Coruña) denunciou a "inacción" do...

Culleredo rendeu homenaxe a José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto, membros da guerrilla antifranquista

Culleredo viviu este luns un día moi emotivo e especial para a recuperación da...

Comezan as demandadas obras para liberar o Parque do Observatorio

Comezaron onte as obras que permitirán a apertura e o acondicionamento do parque do...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here