- Xornada 27 – Nástic 1 – Depor 1
- O Depor segue no alto da clasificación cun ritmo moi alto de puntos
- Vixésimo sétimo partido de Imanol Idiakez como adestrador do Depor en partido oficial (14V 9E 4D).
— — —
Cortouse a serie impresionante de vitorias do Depor nas últimas sete semanas cun empate pelexado e meritorio contra o Nástic en Tarragona. Un partido que puido ter os tres resultados e, que con calquera deles, sería xusto co que se veu no campo. O Nástic empezou moi forte sabedor de que tiña ante si a posibilidade de voltar ao liderato se gañaba tralo empate do Fortuna e a Ponferradina na tarde do sábado e meteu un ritmo alto dende o comezo do encontro. Aturou ben o Depor este arranque e soubo agardar o seu momento e, xa na segunda metade nunha das escasas chegadas, vacinou ao rival cunha rápida combinación de Mella e Barbero que o canteirán resolveu de forma brillante. O encontro entrou nun momento de siesta controlada polo Depor, tan só alterada por dúas xogadas ben combinadas polo Nástic. Unha acabou tocando as redes e a outra, por ben pouco e polo bo facer de Parreño, non correu a mesma sorte para os locais. Así o Depor sae líder do campo máis difícil que lle quedaba por visitar.
A situación do equipo e ben distinta a cando comezou o ano 2024 e agora o obxectivo do ascenso pinta mellor. Por varias razóns, pero a máis importante é que o míster foi quen de atopar un once que xoga exactamente igual na casa que fóra e onde non se adapta o esquemade xogo ao rival que ten diante. O Depor fixo un troco de xogadores contra a Ponferradina, baixando a Lucas á mediapunta e deixando a Davo en punta coma referencia, ademais de poñer a Villares de compañeiro de Jose Ángel en detrimento de Salva Sevilla. Pois ben, o mesmo esquema e os mesmos xogadores (salvo algún troco obrigado por lesión de Pablo Martinez ou expulsión de Davo) foron os artífices da serie de sete vitorias consecutivas. Tamén e xusto ter en conta que os xogadores que saíron dende o banco de suplentes sumaron ao rendemento dos titulares, caso de Dani Barcia ou Raúl Alcaina.
Aínda é cedo para facer contas polo ascenso porque restan moitos partidos entre os rivais que agora ocupan prazas de playoff e vanse quitar moitos puntos entre eles. Aquí o Depor xoga cunha pequena vantaxe, pois tan só lle resta xogar co Barca B e Cultural, ambolos dous en Riazor. Como adianto dos 11 encontros que faltan por xogar, 6 serán na casa e 5 fóra. Estes cinco encontros fóra da casa serán contra tres rivais que agora ocupan prazas de descenso (Majadahonda, Teruel e Sestao) e dous andan pola zona morna da clasificación, mais preto do descenso que do playoff (Real Sociedade B e UE Cornellá). Haberá que ir partido a partido, pero dende logo a situación pinta mellor que hai unhas semanas.
- Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.
MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR
- X.24: Este é o Neno que todos queremos.
- X.23: Haberá que ir crendo.
- X.22: Un Dépor renovado que apunta alto.
- X.21: O Everest do Dépor.
- X.19: Balance dunha primeira volta decepcionante.
- X.17: Un Dépor cómodo no barro.
- X.16: Dilema branquiazul.
- X.15: Idiákez salva o pescozo.
- X.14: Un Dépor baleiro.
- X.13: O Dépor e a marmota.
- X.12: As mil caras do Dépor
- X.11: Tímida recuperación do Depor.
- X.10: As árbores e o bosque do Dépor
- Miguel Barreiro: Punto de non retorno.
- Miguel Barreiro: A canonización de Idiákez.
- Miguel Barreiro: Pobre arranque dun Dépor errático
- Miguel Barreiro: O Dépor faino todo.
- Miguel Barreiro: As novas posibilidades do Dépor.