– Apropósito-
- A Coruña, cabeza, garda, chave, forza e antemural do Reino de Galicia.
- Mércores, 26 de febreiro de 2025
ESCENA PRIMEIRA
No despacho principal do pazo de merengue de María Pita, «de repente, o grillo do teléfono orinase no exiguo colo burocrático».
ALCALDESA: Aló?
(Doutro lado da liña)
ASESOR 1: Señora alcaldesa, o martes que vén xa é antroido.
ALCALDESA: Seino, seino: xa cobramos as comisións pola encarga do cartel. Viñeron as comparsas a devolver a parte que nos toca da subvención?
ASESOR 1: Dona Inés, é mellor non falar destas cousas por teléfono…
ALCALDESA: Tranquilo, non ves que teño man no Ministerio de Gobernación? Que querías?
ASESOR 1: Axendei a xuntanza para decidir de que imos ir disfrazados este ano…
ALCALDESA: Outra vez? É preciso?
ASESOR 1: Sei que non gusta nada destas festas pero… un dos seus únicos momentos de aceptación popular é cando a chusma a ve disfrazada na portada do Material Gallego. O ano de Shakira foi marabilloso, até as votantes do Bloque querían fotografarse con vostede…
ALCALDESA: Tivestes unha boa idea, non cho vou negar pero o do ano pasado non cho perdoarei nunca…
ASESOR 1: O disfraz era bo!
ALCALDESA: Ir de xabaril o ano que matamos unha ducia… As animalistas non o tomaron ben e agora… perdín a confianza (saloucando)… perdín a confianza.
ASESOR 1: Podemos arranxalo, trouxen un comunicólogo de Madrid moi bo, o que traballou para Sánchez no 2023, e xa peneiramos as mellores propostas. Vémonos as 17:00 horas no salón de té.
ESCENA SEGUNDA
Salón de chá do Pazo de Merengue.
A alcaldesa, campechana e abnegada, serve as tazas do ASESOR 1, O COMUNICÓLOGO CASTIZO e LAGE TUÑAS, todos cunha carpeta do PSOE co rótulo “Carnaval 2025” na man e sentados arredor dunha mesa da época vazquiana chea de rancias volutas do presente.
LAGE TUÑAS: A ver se rematamos cedo que teño que ir a Sarria, ao notario.
ALCALDESA: Acouga, Lage, o primeiro é o público… Cales son as opcións?
COMUNICÓLOGO CASTIZO: Señora, amigos, tras estudiar os datos de recepción pública dos seus anteriores disfraces e as novas locais máis relevantes deste ano a miña recomendación é que desbote o disfraz de olmo que avaliaba levar porque sería tropezar dúas veces na mesma pedra, tampouco podo aprobar o de cruceirista, moi gracioso, de certo mais de-ma-sia-do polémico…
ASESOR 1: Pero eses dous son os que máis aceptación tiveron na enquisa pública que fixemos no Parrote.
COMUNICÓLOGO CASTIZO: Entendo que en provincias pensedes que iso é unha enquisa pero…
LAGE TUÑAS: (Irado) Vostede ven traballar ou insultar?
COMUNICÓLOGO CASTIZO: (Imperturbábel) Fíxose algunha vez esa pregunta a vostede mesmo? Coido que o mellor e tirar de fútbol: A Coruña é a cidade balompédica por antonomasia. Que lle parece, aproveitando o seu grande éxito co do Mundial, disfrazarse de Naranjito? Amais poderíamos conseguir patrocinio dunha empresa local
(O comunicólogo amosa unha foto dun disfraz de veludo deseñado por A Lura)
ALCALDESA: (Con desdén redobrado) E non dará moito calor? Con ese disfraz pódese beber?
ASESOR 1: (Adulando ó mesetario) Paréceme unha idea excelente: é un personaxe que cae ben; oitenteiro, coma a vostede lle gustan as cousas; nostálxico e do PSOE auténtico… Que máis se lle pode pedir?
COMUNICÓLOGO CASTIZO: Amais os directores do Material e A Voz xa nos garantiron a portada…
ALCALDESA: Non se fale máis: agardo que faga frío. E de que ides ir vos?
Lage Tuñas mira o reloxo facendo que ten présa e sae para Sarria sen moitas ganas de comprometerse a se disfrazar. O asesor pensa e replica:
ASESOR 1: Se o tema é o fútbol penso que aínda gardo as camisetas do Depor que mercamos cando tivemos que ir o estadio durante a campaña para facer que nos gustaba “iso”… Imos de súper depor?
ALCALDESA: Iso é: sen arriscar, apostando sobre seguro. Progreso si pero con sentidiño. Extrema moderación burguesa. “Viva eu!”
- Rodrigo Osorio Guerrero, do colectivo lugrisán In Nave Civitas.