Inicio Blog Páxina 141

O PP lémbralle a PSOE e BNG que esqueceron regular os VTC na recén aprobada ordenanza de mobilidade

0

Foi no pleno de setembro cando se aprobaba, cos votos de PSOE e BNG, a nova ordenanza de mobilidade. A problemática dos Vehículos de Transporte con Condutor xa estaban enriba da mesa pero o goberno non afrontou a súa necesaria regulación.

Así llo recorda, despois da mobilización dos taxis, o portavoz municipal do PP no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, que vén de instar á alcaldesa, Inés Rey, a regular o sector da mobilidade polo conflito entre taxistas e VTCs.
“Non se trata de estar co PP, senón de apoiar aos taxistas e buscar solucións a un problema creado por Inés Rey e BNG cando desaproveitaron unha gran oportunidade ao aprobar hai só uns meses unha ordenanza de mobilidade que xa se quedou anticuada”.

Así o expuxo nunha rolda de prensa na que afirmou que “hai que sentar con todos, dialogar e regular o sector da mobilidade, incluíndo VTCs, respectando o gran labor que sempre fixeron os taxistas”.

Non fai autrocrítica o BNG, pero tende a man ao goberno ao presentar por rexistro unha ordenanza para regular a actuación dos VTC na Coruña. “Temos a man tendida ao diálogo para negociar un texto que regule a actuación dos VTC na cidade e que, á vez, defenda o sector do taxi”, afirma Avia Veira.
O BNG pide que os VTC non poidan facer viaxes urbanas no concello herculino, ou sexa, desprazamentos con saída e destino no noso termo municipal, unha vez que, dacordo coa normativa galega, só teñen título habilitante para facer viaxes inter-urbanas (entre concellos distintos).
De acordo coa proposta de ordenanza do BNG, os VTC non poderían estar en paradas para captar clientela nin poderían circular polo interior da cidade para ofrecer os seus servizos. Estes terían que ser precontratados cun tempo mínimo de antelación (60 minutos), os vehículos deberían estar convenientemente identificados como tales e estaren rexistrados nunha plataforma dixital.

Máis novas

Máis de cen taxis percorren a Coruña para denunciar o “intrusismo” dos VTC

A conxelación de taxas e os VTC protagonizan o pleno de novembro na Coruña

Expertos en aplicación da Intelixencia Artificial ao deporte participarán nun congreso na Coruña

0

A Coruña acollerá os días 21 e 22 de novembro o congreso ‘Techsportnow’ no que expertos nacionais e internacionais abordarán a aplicación da Intelixencia Artificial no deporte.

O Palacio Municipal de María Pita acolleu este martes a presentación deste evento, nun acto con presenza do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Xunto a el estivo o presidente da Asociación Galega de Xestión Deportiva (Agaxede) e director do congreso, Eduardo Branco.

A primeira edición deste congreso contará coa participación de 20 expetos neste ámbito e procedentes de España, Portugal e Latinoamérica.

Entre eles estarán Alejandro Branco, presidente do Comité Olímpico Español, e Ignasi Belda, directora xeral da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia).

O programa do congreso estrutúrase ao redor de catro bloques temáticos:

  • IA para o Rendemento Deportivo: ferramentas para optimizar o adestramento, previr lesións e personalizar procesos.
  • Novidades da IA no Deporte: Comunicacións e presentación de proxectos e experiencias innovadoras con IA no deporte.
  • A IA no futuro do Fitness: A comunicación do presente e futuro e innovacións da I.A. no sector do Fitness.
  • A IA na Dirección e Xestión Deportiva: solucións para as decisións estratéxicas baseadas na análise de datos, equipamentos e infraestruturas, a seguridade e a mellora de servizos e procesos.

Denuncian sobrecarga “desproporcionada” nos centros sanitarios da Coruña “en plena campaña vacunal”

0

O Sindicato de Enfermaría Satase denunciou o que cualifica como “grave situación” nos centros sanitarios da Coruña durante a actual campaña de vacinación da gripe. “Porque o Sergas non está a cubrir de forma adecuada a ausencias programadas ou non programadas de enfermeiras“, sostén o sindicato para o que “a deficiencia na cobertura está a xerar que nas consultas haxa unha sobrecarga de traballo que repercute directamente na calidade da asistencia sanitaria e na saúde laboral destas profesionais”.

En concreto, sostén que “non se están bloqueando as axendas das enfermeiras nin se están reprogramando as súas citas, o que lles obriga a atender a todos os pacientes previstos a pesar da redución de persoal que sofren os seus respectivos centros”. Neste sentido, o Sindicato de Enfermaría subliña que “ao ter que atender ás persoas coa metade do persoal, increméntase a presión asistencial sobre as enfermeiras e dificúltase que se poida ofrecer, en todo momento, unha atención segura e de calidade”.

Esta situación de asumir cargas de traballo “desproporcionadas” prexudica tamén ás enfermeiras afectadas, xa que se incrementan os niveis de tensión laboral, co consecuente desgaste físico, psicolóxico e emocional”, argumenta. Por outra banda, reclamaral Sergas medidas urxentes, entre elas unha cobertura inmediata das ausencias programadas e sobrevindas e que se proceda á reprogramación de citas e bloqueo de axendas cando non se dispoña de persoal suficiente.

RESPOSTA DA XERENCIA

Desde a xerencia da área sanitaria da Coruña e Cee precisouse que a día de hoxe a porcentaxe de substitucións do persoal de enfermaría nos centros de saúde da área sanitaria é do 92 %. “A vacinación é unha prioridade absoluta nesta época do ano”, indicaron a Europa Press para engadir que “o 88 % das cotas de enfermaría de Atención Primaria da área sanitaria da Coruña e Cee teñen un oco de cita dispoñible en menos de catro días a través da web e o mesmo día se a atención o require”. Ademais, engaden que “non se trasladou á dirección” ningunha cuestión relacionada co contido do comunicado remitido desde o citado sindicato de enfermaría.

A Gaiteira reivindica as rúas con nome de muller

A día de hoxe, apenas un 8% das rúas da cidade levan nome de muller. E con esa premisa, a familia da Asociación de Veciños Oza – Os Castros – A Gaiteira lanza o proxecto Mulleres na Rúa (www.mulleresnarua.com), unha iniciativa comunitaria que busca visibilizar o papel das mulleres na historia, na ciencia, na cultura e nos movementos sociais mediante accións simbólicas no espazo público.

Para iso, propón a colocación de placas nas rúas en homenaxe a Mercedes Romero Abella e Marisol Soengas, reivindicando tamén o nome das rúas por mulleres como acto de xustiza social e histórica no barrio.

Pero ademais, do 24 ao 30 deste mes trae unha serie de actividades moi intesantes. O luns 24 o Forum acolle un encontro coa autora Eli Ríos. Para o martes 25, o local da entidade na Avda. do Exército 52 acolle un reunión de mulleres en clave de sororidade.

Xa o sábado 29, a partir das 13:00h, batucada feminista pola Travesía da Geiteira coa xente de Trópico de Grelos, homenaxeando a Marisol Soengas e a Mercedes Romero Abella coa instalación de placas na rúa co seu nome.

E xa para rematar, o domingo 30, concerto de Sofía Espiñeira, ás 19:00h no Forum.

A Coruña leva a súa futura fachada marítima a Nova York

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, presentarán o vindeiro venres, día 21, en Nova York o proxecto para o deseño da fachada marítima coruñesa. ‘Coruña Marítima’ foi seleccionada para participar na Conferencia Mundial da Asociación Internacional Cidades e Portos “como exemplo de colaboración pública e de participación cidadá”, explican.

A conferencia, que se celebra en Nova York desde o 19 de novembro baixo o título ‘Portos, cidades, clima: cooperar para innovar e adaptarse’, abordará como as cidades portuarias están a responder aos retos globais como o cambio climático, a transición enerxética, a gobernación inclusiva ou a resiliencia urbana. A alcaldesa e o presidente da Autoridade Portuaria explicarán conxuntamente o modelo de gobernación de ‘Coruña Marítima’ como exemplo de colaboración institucional e darán a coñecer o proceso participativo que se desenvolveu na cidade de forma previa á licitación do Máster Plan que definirá o futuro desta zona.

Atropelado un mozo de 22 anos nun paso de peóns na Rolda de Outeiro

0

Un mozo resultou ferido leve cando cruzaba por un paso de peóns na Rolda de Outeiro, na Coruña, segundo informaron a Europa Press desde a Policía Local. O suceso produciuse ao redor das 14.50 horas cando o mozo, de 22 anos, foi alcanzado por un vehículo no momento que pasaba por un paso de peóns sen regular. Foi na incorporación desde Alfonso Molina, sentido entrada á cidade, precisaron desde a Policía Local. O mozo foi trasladado a un hospital con feridas leves.

Rescatan a unha muller nun hospital da Coruña tras quedar coa cabeza atrapada nun enreixado

0

Os bombeiros do parque da Coruña auxiliaron a unha muller maior que estaba ingresada no Hospital Abente e Lago da cidade herculina porque a súa cabeza quedara atrapada nun enreixado. De acordo co parte de incidencias do Concello, ao redor das 06.20 horas deste martes, día 18, persoal do centro hospitalario solicitou a presenza dos efectivos para liberala.

En concreto, tres bombeiros desprazáronse ata o lugar dos feitos nun furgón con “útiles varios” para prestar asistencia técnica ante esta situación. Segundo fontes sanitarias consultadas por Europa Press, a muller atópase “perfectamente” tras o sucedido. “Non tivo ningún tipo de lesión”, precisaron.

A cantareira berghantiñana Fransy González destapa o seu novo espectáculo no Colón

Ver como unha cantareira trascendendo e presentando o seu espectáculo en todo un Teatro Colón é toda unha alegría. A cantareira arteixá Fransy González presentaba en xaneiro o seu novo traballo “Manhe”, pero o seu impacto está sendo tal no mundo da música galega que a Depuración tivo a ben aprobar a súa posta de longo un espectáulo no que estará acompañada da Orquestra de Cámara Galega.

Así, a estrea será este domingo 23 de novembro no TeatroColón, e as últimas entradas para a actuación, que dará comezo ás 19.00 horas, continúan á venda a través de Ataquilla.

Fransy no Colon presentacion

“‘Manhe’ é unha homenaxe á raíz”,, explicaron na presentación na que o concelleiro de cultura Gonzalo Castro, o deputado provincial Xosé Lois Penas, o director artístico Pedro Lamas e o director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba. “A proposta mestura emoción, elegancia e forza para ofrecer unha viaxe sonora polas músicas de tradición oral recollidas ao longo da vida da artista”.

Caamaño&Ameixeiras ao outro lado do Altántico

Caamano e Ameixeiras en Canada

Mentres, outras dúas das nosas artistas máis internacionais, Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño, o dúo @caamano_ameixeiras, están ao outro lado do océano.

Tras percorrer Europa (Austria, República Checa, Eslovaquia, Italia, Francia, Portugal, Açores, Países Baixos, Alemaña, Bélxica…), a laxense e a de Oza dos Ríos, andan por Canadá para tocar no Mundial de Montreal. A actuación terá lugar hoxe, martes 18 de novembro, no Cabaret Lion d’Or, dentro do showcase oficial de Sounds from Spain, e permitirá que o dúo presente o seu proxecto a programadores, axentes e profesionais de todo o continente.
“Un auténtico orgullo levar as nosas cancións a un escenario tan emblemático do outro lado do charco”, contan dened aló.

Máis novas

A cantareira arteixá Fransy lanza o seu novo proxecto en solitario

Sés quece o lanzamento do seu novo e honesto disco co sinxelo que lle dá nome: “Nadando na incerteza”

Colocada a cúpula do multiusos de Bastiagueiro tras unha espectacular operación cunha grúa especial

0

Tremenda a atención mediática que conlevou a instalación da cúpula do novo edificio público de Bastiagueiro. I é que foi unha operación complexa, que durou case 8 horas coa axuda dun guindastre de alta potencia para subir, pouco a pouco a estrutura de 750 toneladas.

O proceso continúa anclando a estrutura de 41,5 metros de diámetro á xa construída, que conforma, a base de grandes planos de formigón, o sistema de paredes e vidros que lle aportan ao edificio a súa característica forma de zigurat redondeado que desde o principio, segundo dixo o arquitecto, Fernando Martínez, buscou ter a maior integración paisaxística visual pese ás súas dimensións.

“Ten esa forma de pirámide que vai decrecendo coa altura para que deixe ver o bosque posterior; é un polígono con forma circular coa idea democrática que todo o mundo poida estar á mesma distancia do foco”. Son palabras do arquitecto, que resaltou o carácter verde do edificio, xa que desde dentro, cando o espectáculo o permita, poderase divisar o fondo vexetal da contorna, o que o convirte nun edificio moi especial, xa que este tipo de recintos solen ser pechados ao exterior.

Cupula ediicio Bastiagueiro

O edificio “colmea”

O edificio, non só será para espectáculos culturais, senón tamén para competicións deportivas, congresos e reunións de todo tipo, porque dispón de todas estas instalacións na planta baixa que o fan moi versátil.
Fixo tamén alusión ás gradas fixas e ás retráctiles, pero tamén aos boicots que sufriu a obra: “Este edificio íase construír hai máis de 20 anos, pero naquel momento o PSOE de Oleiros boicoteara a obra cando xa estaba en fase de concurso, polo que ademais de non poder iniciar a construción, houbo que indemnizar á empresa contratada”. “Un edificio que se chamará a colmea porque dentro traballa todo o mundo, cada persoa co seu cometido”, dixo o alcalde.

Co seu potencial de máis de 4.000 asentos, a existencia deste edificio de Bastiagueiro fará posible programar espectáculos, deportes, feiras e outros acontecementos aos que se vai adaptando o aforo.

Intervidos máis de 150 quilos de polbo no porto da Coruña

0

O Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil da Coruña levou a cabo a incautación de 151,80 quilogramos de polbo que estaba a ser transportado sen a documentación regulamentaria que garanta a súa trazabilidade e orixe legal.

A actuación produciuse durante un dispositivo de inspección na zona de saída do porto da Coruña. Os efectivos do Servizo Marítimo procederon a deter e inspeccionar unha furgoneta, que abandonaba as instalacións portuarias.

Na parte traseira do vehículo, os axentes atoparon tres capazos e dúas caixas, que contiñan un total de 151,80 quilogramos de polbo. Tras as comprobacións pertinentes, confirmouse que a mercadoría carecía de calquera dato de rastrexabilidade ou documentación que acreditase a súa orixe, pesada previa, ou o lugar de descarga.

Isto, explica a Garda Civil, constitúe unha infracción grave en materia de pesca. Como resultado da intervención, procedeuse á denuncia da condutora do vehículo, por unha infracción á Lei 11/2008 de Pesca de Galicia, especificamente polo transporte de especies pesqueiras sen a preceptiva pesada previa e a ausencia de documentación de rastrexabilidade.

A mercadoría incautada foi trasladada á Lonxa da Coruña para a súa pesada oficial, confirmando a cantidade final de 151,80 quilogramos. As dilixencias e a correspondente denuncia polas irregularidades documentais e de rastrexabilidade foron remitidas á Delegación Territorial da Consellería do Mar e a mercadoría destinouse ao Banco de Alimentos.