Luís Bolón achégase hoxe, venres 21 ás 20:15h, ao local da Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “AGRA” (Rúa Entrepenas, 38). O músico herculino, actual director artístico de Cántigas da Terra e mestre de instrumentos populares na Escola de Música Sementeira de Cambre, ademais forma parte do grupo Os Melidaos e do colectivo Cantometrics, repasará o seu espectáculo sobre Os cancioneiros galegos. Recompilación de música tradicional.
Entre outras, repasará algunha das coplas recuperadas en 1952 polo americano Alán Lómax, como esta gravada en Corcubión, cuios versos soan no espectáculo Efémeras de Cantometrics.
Carballeiriña escura moza solteira e honrada rise de quen a marmura
Luís Bolón naceu na Coruña en 1995. Aos oito anos comeza os estudos regrados de Gaita Galega que complementa con formación en frautas traveseiras, percusión, gaita e zanfona cos músicos Xosé Lois Romero e Suso Vaamonde. Tamén asistiu a cursos con Carlos Núñez, Dani Bellón, Cristian Silva, Luís Prego, Aleix Tobias, Xisco Feijoo, Carmen Rey, Efrén López. Posteriormente estuda no Conservatorio Superior de Vigo con Lorena Freijeiro, Iván Abal e Carlos Castro, onde acada o título superior en interpretación dos Instrumentos da Música Tradicional e Popular.
Levou a cabo diferentes concertos e recitais por todo o país e participou como músico solista coas Bandas de Música de Sada e Sementeira de Cambre. Realizou a composición e interpretación musical da banda sonora da obra teatral Bath time. Como docente impartiu aulas na A.C. Arume de Caión, Universidade de Vigo, EMM Abegondo.
Así o demostraron esta mañá con concentracións nos 5 centros co apoio das 5 ANPAS, e coas respostas ás declaracións do Conselleiro no Parlamento.
Así, esta mesma mañá de xoves 20, as comunidades educativas e veciñanza, concentrábanse, co apoio municipal, diante dos coles de Oleiros. As convocantes, a ANPA Valle Inclán (Perillo), AFA Nós (do CEIP Juan de Vega, Nós), ANPA CEIP Luis Seoane (Mera), ANPA Ensino CEIP Rabadeira (Oleiros), ANPA Bidueiro CEIP Isidro Parga Pondal (Santa Cruz) e ANPA CEIP Juana de Vega (Oleiros) aproveitaron o Día Mundial da Infancia, para reclamar una educación pública, inclusiva e de calidade para todas as crianzas.
Concentracion das familias do CEIP Valle Inclán
Os participantes vestiron roupas negras co obxectivo de simbolizar o grave desamparo que están a sufrir as escolas e que pon en perigo a calidade do ensino público debido á falta de profesores de pedagoxía terapéutica (PT) e audición e linguaxe (AL), mestres titores e de reforzo nas aulas ou a eliminación de proxectos de gran interese educativo, cultural e comunitario.
Lembran que ps recortes máis graves rexístranse nos colexios Valle Inclán e Juana de Vega, pero poderían ter sido calquera outro.
Concentración no CEIP Luis Seoane
Respostas ao Conselleiro
”A Xunta de Galicia, responsable da educación no noso país, non atende as demandas das ANPAS e da comunidade educativa en xeral a respecto da dotación de persoal necesario deixando centros educativos con graves eivas para a consecución dunha educación inclusiva e de calidade para todos os nenos e nenas”, aseguran nun comunicado.
Aseguran ademais que son “varias ascousas que comenta o conselleiro que non se axustan á realidade: Di que no noso centro hai 425 prazas dispoñibles e que, segundo el, están ocupadas 323, fala polo tanto, de máis de 100 prazas libres. Falso. Resulta que a realidade é que temos 459 matrículas ponderadas (unha vez feitos os cálculos en base a necesidades especiais). Sin ponderar, 444 alumnos e alumnas”.
As familias, deixando claro que a crianza non pode depender de números, afían as cifras aportados polo Conselleiro: “A consellería indica que hai dous especialistas AL e PT por encima do que lle corresponde ó colexio. No noso centro, por catálogo, temos 1 PT e 1 AL. Pero tamén por catálogo o noso centro é de liña 2. É dicir, de dous grupos por curso. E a realidade é que en tódolos cursos, menos infantil e 1º de primaria, temos 3 grupos. Polo tanto, aínda que por catálogo corresponden 1 AL e 1 PT, os outros dous especialistas son provisionais dado o alto número de alumnado e as súas características. É dicir, corresponden 2 AL e 2 PT, dos cales un de cada están en plana definitiva e os outros dous son provisionais polas necesidades reais deste curso”, explican.
Van máis alá levando á contraria ao Conselleiro “cando fala de que as aulas están por baixo da ratio máxima. Isto é así porque a inicio de curso o Equipo Directivo do centro escolar solicitou facer un desdobre que a consellería non contemplaba. E foi autorizado. E foi autorizado a empregar os profesores MEGA de reforzo educativo. A ratio agora é a legal, pero cada aula debe ter un titor. Os mestres que cobren estes desdobres son os que deberían adicarse a reforzo e apoio nas aulas a alumnado con necesidades”.
Con todo, deixan claro que “non hai mestres suficientes para dispoñer do horario que precisa levar adiante a correcta vixilancia nas gardas, poñendo en risco a seguridade do alumnado. Porén, agora mesmo están totalmente paralizados moitos proxectos do colexio coma a sección bilingüe, robótica, informática, horta, viaxes e as excursións didácticas. Son proxectos de interese comunitario e vinculados á cultura, ó entorno e ó medio ambiente que combinan educación regrada e non regrada, algo que conseguiu dar a este centro unha excelencia e unha calidade que agora desapareceu.
Concentración no CEIP Isidro Parga Pondal
”A golpe de titular”
E rematan cunha reflexión as familias da ANPA Valle Inclán: “Parécenos terrible dar as costas desta forma á realidade do que se vive nos centros escolares e que os políticos gobernen a golpe de titular e non de responsabilidade. Seguimos loitando polo dereito a un ensino público de calidade, polos nosos fillos e fillas”.
Os Bombeiros comarcais de Galicia anunciaron a convocatoria de protestas e o cese da realización de horas extraordinarias no Consorcio Provincial Contraincendios da Coruña. A medida xorde tras unha asemblea na que denunciaron o incumprimento dos acordos sobre contratación de persoal e aspectos do convenio colectivo.
Os bombeiros sinalan que o persoal comprometido no acordo de desconvocatoria de folga de 2023 (para cubrir o exceso horario) debía estar contratado en 2024. Lamentan ter realizado “un número excesivo de horas” cunha confianza que non foi correspondida, o que levou ao “deterioro continuo dos servizos públicos”.
O foco do conflito céntrase nas bases dos procesos selectivos, elaboradas pola xerencia da Coruña e avaladas pola Dirección Xeral de Emerxencias. Critican que estas bases son “totalmente inadecuadas” e xeran un obstáculo na cobertura de102 prazas de nova creación e 22 vacantes estruturais, en lugar de axudar a estabilizar ao persoal temporal existente.
Os profesionais acordan, por unanimidade, non realizar horas extraordinarias no Consorcio da Coruña, a cuxa xerencia responsabilizan de “evitar calquera reunión ou negociación”. Advirten que se as posturas se manteñen “inamóvibles” respecto das bases, a medida se estenderá ao resto de consorcios provinciais galegos. Tamén anuncian un calendario de mobilizacións, preferentemente ante o Consorcio da Coruña e a Dirección Xeral de Emerxencias, ademais de promover reclamacións por vía xudicial.
Un home con problemas de saúde mental xerou alarma na Facultade de Informática da Coruña, no campus de Elviña, ao entrar nela asegurando que levaba unha bomba, algo que resultou ser falso, segundo informaron fontes do reitorado consultadas por Europa Press.
Os feitos atribuíronse a un brote sufrido polo home que ameazou con facer explotar unha suposta bomba que se comprobou que non levaba. Posteriormente, foi trasladado en ambulancia para recibir a correspondente atención sanitaria.
Nese momento, activouse un dispositivo de seguridade desprazándose ata a facultade efectivos policiais aínda que se comprobou que se trataba dunha falsa alarma. “Escoitei teño unha bomba e vin saír á xente”, explicou un alumno que se atopaba nese momento no interior da facultade e que como os demais saíron como medida preventiva.
A presidenta de Inditex, Marta Ortega, converteu, un ano máis, á cidade da Coruña no epicentro do mundo da moda e reuniu a personalidades como Linda Evangelista, Eugenia Silva, Almodóvar ou C.Tangana. Todo iso, con motivo da inauguración de ‘Wonderland’, a primeira gran retrospectiva en España de Annie Leibovitz, premio Príncipe de Asturias en 2013.
Ao acto, que tivo lugar na noite deste mércores na nave do peirao de Baterías que acolle a exposición, acudiron diversas personalidades do mundo da moda, o cinema e a arte. Entre eles púidose ver ao director e guionista Luca Guadagnino, ao cineasta español Pedro Almodóvar, ás modelos Linda Evangelista, Karen Elson e Malgosia Bela, así como os deseñadores Samuel Ross e Katy England.
Na mesma xornada, pola mañá, Marta Ortega presentou a exposición, nun acto de carácter privado, a diferentes autoridades políticas e representantes da vida empresarial, social e cultural galega. A exposición, que estará aberta ao público desde o vindeiro sábado, día 22, ata o 1 de maio de 2026, mostra “en toda a súa amplitude o cegador universo fotográfico de Leibovitz”, segundo trasladou a organización.
Segundo informou o Executivo galego nun comunicado, o informe ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que será publicado proximamente no DOG, recolle que “non son previsibles” efectos adversos significativos derivados do proxecto, pero establece condicionantes co obxectivo de profundar en aspectos como o ruído e a mobilidade na contorna ou as necesidades de saneamento ou abastecemento.
O informe, continuou a Xunta, foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida á consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador de PIA como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal web da Consellería para que a cidadanía puidese consultalos e facer as observacións ou suxestións que considerase oportunas.
Unha vez emitido o informe ambiental estratéxico, remítese ao promotor e ao órgano substantivo xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e, posteriormente, farase público mediante publicación tanto no DOG como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
ÁMBITO DE ACTUACIÓN
Proxecto de urbanización do Monte Mero, na Coruña / Adega
O ámbito de actuación do PIA abarca unha zona de máis de 40 hectáreas situadas entre o barrio de Xuxán, as antigas instalacións da fábrica de armas e as áreas de Montserrat e Pedralonga.
O chan afectado na zona de Monte Mero está formado, fundamentalmente, por terreos de natureza rústica de carácter agropecuario residual con presenza dispersa dalgunha edificación de pequeno tamaño. De feito, hai alarma polo derrubamento de 38 vivendas.
O portavoz socialista do Concello da Coruña, José Manuel Lage Tuñas, anunciou que a previsión do Goberno local é que o orzamento para 2026 estea aprobado “no mes de decembro”. “O PSOE está a negociar co BNG para que estea aprobado antes de San Silvestre e entre en vigor ao longo do mes de xaneiro”, expuxo a preguntas dos xornalistas sobre este asunto. Fíxoo tras recalcar unha “boa disposición” e unha “posición construtiva e esixente” por ambas as partes para alcanzar un “orzamento progresista”.
Cuestionado tamén pola regulación do sector da mobilidade polo conflito entre taxistas e VTC, Lage asegurou que “se vai a crear un espazo para escoitar e dialogar onde todos os axentes económicos e sociais implicados teñan voz e a posiblidad de achegar propostas”. No entanto, rexeitou concretar unha data. Así mesmo, insistiu en que se a Xunta “ten a capacidade de outorgar licenzas, o normal é que as regulen e fagan unha normativa que abarque a todos os concellos”. “Se non o queren facer unilateralmente, sentémonos a unha mesa, temos a man tendida”, engadiu.
XUNTA DE GOBERNO
Así o manifestou a preguntas dos xornalistas durante a rolda de prensa convocada para dar conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno local celebrada este mércores. Entre eles, o portavoz socialista destacou en canto ao Plan de melloras de equipamentos deportivos que “das 23 intervencións programadas para a primeira fase, máis dun terzo xa están executadas ou en execución”. Respecto diso, sinalou que aprobaron a saída a concurso de dúas novas actuacións cun investimento de “máis de 200.000 euros en total”.
Tamén comunicou que deron luz verde á aprobación do informe de viabilidade económica e financeira do campo de golf da Torre así como á actualización do Plan muncipal de prevención e defensa dos incendios forestais.
Coincidindo co Día Mundial da Infancia o 20 de novembro, tódalas ANPAS de tódolos colexios do termo municipal de Oleiros convocan, xunto coa colaboración do Concello, realizarán concentracións coordinadas á mesma hora, ás 8:40 da mañá, diante de cada centro. As ANPA Valle Inclán (Oleiros), AFA Nós (do CEIP Juan de Vega, Nós), ANPA CEIP Luis Seoane (Mera), ANPA Ensino CEIP Rabadeira (Oleiros), ANPA Bidueiro CEIP Isidro Parga Pondal (Santa Cruz) e ANPA CEIP Juana de Vega (Oleiros) mobilízanse pedindo á Xunta que mande máis profesorado, sobre todo en materia de apoio ás necesidades educativas especiais. Consideran que o número de especialistas en pedagoxía terapéutica (PT) e Auxiliar de Linguaxe (AL) son absolutamente insuficientes, como levan denunciando dende o comezo de curso por mor dos recortes.
As familias vestirán de negro e gardarán uns minutos de silencio para simbolizar o grave desamparo que están a sufrir nas escolas por parte da Xunta de Galicia e simular o fin do ensino público de calidade. “Non estamos a defender só un colexio: estamos a loitar polo futuro dos nosos nenos e nenas”, aseguran, antes de coñecer a resposta da Xunta a unha pregunta lanzada na Comisión do Parlamento.
Os nenos como cifras e ratios
Foi o Conselleiro de e Educación, Román Rodríguez, o que volveu tirar de cifras e ratios na súa intervención a unha pregunta do BNG no Pleno do Parlamento Galego (a semana pasada foi o PSOE o que levou o asunto), esquecendo as necesidades reais que atopan as comunidades educativas. Rodríguez reiterou ante o Pleno do Parlamento que “o profesorado no Colexio Valle-Inclán de Oleiros garante a máxima atención ao seu alumnado, pois, este centro conta cos docentes axeitados para atender aos nenos matriculados e, de feito, as súas aulas están moi por debaixo das ratios máximas marcadas por lei a nivel estatal”, asegura.
O Conselleiro repasou o reconto, facendo unha trampa xigante: a obrigatoriedade de desdobrar as aulas que superan os 25 alumn@s non implica que as necesidades educativas especiais se cubran, porque a Xunta simplemente contabiliza cada alumno con NEE ou NEAE como dous ou por tres (en función da súa discapacidade), algo que absolutamente irreal, tendo en conta que hai alumnos que requiren a atención completa dunha auxiliar.
Así, para Rodríguez, o número de profesores é suficiente: “o colexio conta este curso de dous mestres de Primaria a maiores, o que permitiu desdobrar aulas en 2º e 3º curso de Primaria. Nestes cursos hai 54 alumnos distribuídos en tres aulas, quedando así moi por debaixo da rateo máxima de 25 por aula. En xeral, todas as aulas de Primaria teñen entre 17 e 20 alumnos, cando o máximo é de 25”. Ademais, para garantir a atención a diversidade, o centro conta con dous profesores especialistas en Pedagoxía Terapéutica e outros dous en Audición e Linguaxe, cando, atendendo ao número de alumnos matriculados, tan só lle corresponde un de cada”.
Este sábado 22 de novembro ás 12:00h, as familias do CEIP Cidade Vella sairán en manifestación reivindicativa con saída dende o centro ata as portas do Concello. Xa vai tempo que levan protestando pola falta de mantemento do centro pero a falta de resposta das dúas administracións competentes provocou que decidan saír á rúa.
”O noso cole é pequeno, polo que temos que facer máis forza, e a verdade é que está moi abandonado, como outros centros da cidade, como o CEIP Prácticas, tamén en loita e do cal temos todo o apoio”, explican dende a comisión de Familiasenloita da ANPA Herrerías.
Xunta e Concello, e a casa sen barrer
Numerosas familias (máis de 50 persoas estiveron presentes na asemblea de outubro) están implicadas nesta loita que quere implicar a Xunta e ao Concello na posta a punto dun centro esfolado. Pingueiras no comedor, grietas nas terrazas, cantos vivos, luces fundidas, xanelas impracticables, cristais fendidos, entrada deteriorada… A falta de mantemento (que sería responsabilidade municipal) é evidente, pero tamén se piden cambios estruturais (cousa da Xunta), mentres unha e outra administración levan anos botando balóns fóra.
”Queremos que a Xunta non desvíe a atención. Non temos cores partidistas, queremos que as administracións fagan o que teñen que facer para construír unha escola pública digna e segura”, sinalan lembrando que nos últimos meses pasaron os tres grupos políticos municipais, pero tamén que “as familias estamos cansas de frases e titulares para gañar tempo, como “estamos niso”, “está previsto”… Queremos feitos”, porque ao fin e ao cabo, “os perxudicados son os nenos”.
Lembran que o centro é “historiva viva da nosa cidade, foi un antigo Pazo do Marqués de Camarasa e o primeiro Instituto da cidade antes do Eusebio, pero tamén é presente e futuro”.
”Seguiremos vixiantes”
Dende o grupo de familias comprométense a anunciar as melloras (relatan que o Concello xa quitou a rampa de entrada, que estaba deteriorada e esvaraba, e ten previsto construir unha nova), pero tamén a seguir denunciando as carencia do centro. E sobre todo, “imos seguir unidos e vixiantes, para que non se tiren a pelota unha administración a outra, ata que vaian facendo cousas”, aseguran.
Preparando a mobilización, en familia
Onte martes, quedaron no centro para preparar a manifestación e as pancartas que van levar.