Inicio Blog Páxina 168

En marcha a implantación do quinto contedor que cambia o modelo de separación do lixo na cidade

O Concello da Coruña inicia esta semana a implantación do quinto contedor na cidade, destinado á fracción resto, un proceso que se desenvolverá de forma progresiva ata finais de ano. Un proceso que cambia o modelo de xestión do lixo na nosa cidade, que leva décadas reciclando de xeito diferente ao resto do estado dende a instalación da planta de Nostián.

Os primeiros colectores comezarán a instalarse esta semana no barrio de Novo Mesoiro, e iranse incorporando ao resto dos distritos nos vindeiros meses. En total, máis de 9.600 contedores serán rotulados para facilitar que a veciñanza identifique con claridade o tipo de residuos que deben depositarse en cada un.

Ademais, máis de 5.000 contedores cambiarán a súa tapa para pasar de “inorgánico” a “fracción resto”, a un ritmo medio de 100 colectores ao día, co fin de completar a renovación antes de finais de ano.
A iniciativa, promovida polo Goberno municipal, inclúe tamén a incorporación dun código QR en cada colector que dirixirá á web municipal con toda a información práctica sobre o novo sistema.

As novidades

A principal novidade deste proceso está en que o tradicional contedor de inorgánicos se
divide agora en dous: o amarelo, para envases, e o gris, para o resto.

Deste xeito, o sistema de separación queda configurado da seguinte maneira:

  • Contedor azul, para papel e cartón.
  • Contedor verde, para vidro.
  • Contedor marrón, para residuos orgánicos.
  • Contedor amarelo, para envases (bricks, latas, botellas e envases de plástico,
    bolsas, bandexas de cortiza branca, tapas, etc.).
  • Contedor gris, para elementos non reciclables (restos de barredura, cabichas,
    cueiros, produtos de hixiene, utensilios de madeira ou metal, anacos de louza…).

Máis novas

A Coruña implantará este ano o quinto colector para facilitar a separación de residuos en orixe

Impostas na cidade 50 sancións a ciclistas e condutores de VMP por non cumprir a normativa

Policía Local da Coruña pechou unha nova campaña específica de control sobre o uso de bicicletas e vehículos de mobilidade persoal (VMP), como os patinetes eléctricos, con máis de cincuenta sancións tramitadas ao longo das dúas últimas semanas. Durante os operativos, detectáronse diferentes condutas “que supoñen un risco real para a seguridade viaria e que afectan directamente á convivencia no espazo público”, expón o goberno local.

En concreto, tramitáronse 39 denuncias por uso de auriculares durante a condución; 12 por circular por zonas peonil ou beirarrúas; dúas por levar dúas persoas no mesmo VMP; un por uso do móbil; unha por incumprimento dun semáforo e unha por conduta indebida na vía, prácticas todas elas prohibidas pola normativa vixente. Estas campañas teñen como obxectivo previr situacións de perigo e reforzar o uso responsable dos espazos comúns da cidade, promovendo un modelo de mobilidade máis seguro e sustentable.

A campaña #OrgulloTerceiroSector demostra a profesionalidade das entidades sociais

Hai anos que o voluntariado, sendo peza fundamental na acción social, non é o principal motor das entidades do terceiro sector (agás nalgunhas entidades que aínda falan de beneficiencia no canto de solidariedade). Ese é un dos mitos que está intentando desbancar a campaña #OrgulloTerceiroSector que lanza EAPN Galicia (a Rede Europea contra a Pobreza, European Anty Poberty Network), xunto con outras 35 entidades.

Unha campaña para poñer en valor o traballo das entidades do terceiro sector, para que a sociedade coñeza que significa o seu traballo como “axentes fundamentais na transformación social e na defensa dos dereitos e igualdade das persoas máis vulnerables”.

Así o debullaron esta semana nun evento realizado na sede do Colexio de Xornalistas. O acto, que trata de romper co “veo de descoñecemento e prexuizos” arredor das entidades, contou coa introdución de Manuel Rey, membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. ”

Ana Pardo, presidenta da EAPN Galicia, explicou o funcionamento desta rede integrada noutros colectivos a nivel estatal e europeo e que agrupa a 36 entidades autonómicas do terceiro sector implicadas na loita contra a pobreza e a exclusión. “Aínda que traballamos con grupos de poboación diferentes, o traballo que facemos parte dos mesmos principios”, asegurou.

A comunicación

Unha das eivas do sector é clave: a comunicación. Empeñadas en facer “o importante”, as entidades dedican poucos recursos a comunicar, a trasmitir á sociedade en que consiste o seu traballo. O propio director da EAPN Galicia, Xosé Cuns, recoñeceu as “eivas comunicativas”, e fronte a esta situación propón trasladar que o Terceiro Sector “é un axente clave na defensa dos dereitos e a igualdade e que é xerador de riqueza e emprego, respresentando no estado un 1,5% do PIB e dando emprego a máis de 600.000 persoas. “Somos entidades altamente profesionalizadas”, asegurou Cuns, aínda que recoñecendo que “chegamos tarde a ter gabinetes de comunicación”.

Máis novas

#OrgulloTerceiroSector, a nova campaña das entidades sociais para visibilizar o seu fundamental papel na sociedade

A Plataforma A Coruña Pola Paz estreouse cunha comprometida marcha ata a Torre

No marco das mobilizacións que se celebran estas semanas en todo o estado (impresionantes as do venres na cidade herculina e a do sábado en Compostela), a plataforma “A Coruña pola Paz” arrincaba a súa andaina social cunha marcha “en contra das guerras, do xenocidio e da cultura da guerra e a violencia”. Baixo o lema “Non as guerras e ao xenocidio”, e en conmemoración do día internacional da non violencia, centos de persoas que forman parte das máis de 30 asociacións adheridas á Plataforma, concentrábanse este sábado 4 de outubro, ás 19:00h na paloma de Picasso, na Praza de Pontevedra.

Dende aí, colleron o paseo marítimo e realizaron unha completa marcha, ao solpor, ata a Torre, con arengas e pancartas como “as vosas armas, as nosas mortes”, “menos tanques e máis flotilla”, “non e unha guerra, é un xenocidio”.

Xa ao acubillo da estatua de Breogán, houbo unha actuación de Bea a de Estrella e unha lectura do manifesto da plataforma “A Coruña pola Paz”, que invita a persoas e entidades da cidade a adherirse nesta ligazón.

Marca A COruna Pola Paz 1
Saíndo da Praza de Pontevedra
Marca A COruna Pola Paz 3
De marcha polo paseo
Marca A COruna Pola Paz 4
Xa na Torre
Manifesto A Coruña Pola Paz copia
O Manifesto da plataforma “A Coruña Pola Paz”

Máis novas

A Plataforma A Coruña pola Paz nace cunha Marcha ata a Torre

Manifestación histórica en Santiago contra o “xenocidio”

A Coruña protagoniza unha espectacular manifestación por Palestina

A coruñesa Sandra Garrido, retida e en posible folga de fame nunha cárcere israelí

 

A Coruña protagoniza unha espectacular manifestación por Palestina

Hai momentos, fitos, que activan á sociedade. E parece que a detención da Flotilla Global Sumud por parte do exército israelí en augas internacionais fixo saltar as alarmas nas conciencias de milleiros de persoas que levan anos contendo a rabia.

Así se denota da histórica manifestación vivida esta noite do 2 de outubro na cidade da Coruña. Despois de varias convocatorias nas que as concentracións do Obelisco non pasaban de varios centenares de persoas, desta volta foron milleiros (4.000 segundo fontes municipais, pero moitos más para os asistentes como comprobades o vídeo de un minuto e medio en bici) os que uniron o Obelisco con María Pita nunha demostración de que a sociedade está farta do xenocidio por parte do goberno sionista contra o pobo palestino.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Xornal da Coruña (@xornaldacoruna)

Todo nunha xornada con concentracións en todo o estado, que xa cidade comezaba coa folga e manifestación moi potente do estudantado, convocada polo Sindicato de Estudantes así como condena conxunta dos grupos políticos no pleno contra o “xenocidio”.

Entre os cánticos tamén pediron liberdade para os membros da Flotilla, entre os que se atopa a herculina Sandra Garrido.

A herculina Sandra Garrido, embarcada na Flotilla Sumud do Global Movement to Gaza 

O domingo 5, e o día 15, novas citas da loita

concentracion palestina 5 ouubro

Este domingo ás 12:00h en Compostela, nova manifestación dende a Alameda de Compostela, e o vindeiro 15 de outubro, folga xeral.

Folga Xeral CUT Palestina 15 outubro

Máis novas

O estudantado demostrou a súa mobilización por contra o xenocidio sionista

A Plataforma A Coruña pola Paz nace cunha Marcha ata a Torre

A Autoridade Portuaria pide axustar a lei galega para que a taxa turística non afecte a cruceiros sen pasar a noite na cidade

O presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, pediu que a Xunta axuste a lei para que os cruceiros paguen taxa turística só se pasan a noite na cidade, despois de que o Concello da Coruña implantase desde o pasado 29 de setembro a taxa turística, aínda que con carencia este ano para estes cruceiros.

A decisión do Concello sustentouse en que a Lei autonómica 5/2024, de acompañamento aos orzamentos de 2025, incluíu aos cruceiros na aplicación do gravame, pasen a noite ou non na cidade, por iso é polo que a Autoridade Portuaria pida a modificación da lei correspondente aos orzamentos de 2026. Fernández Prado considerou “lóxico” que os cruceristas abonen a taxa só se pasan a noite na cidade, do mesmo xeito que ocorre con calquera outro viaxeiro que chegue en avión, autobús, tren ou vehículo particular á Coruña e deixe a cidade o mesmo día, sen pasar a noite, e que por este motivo non abona taxa turística, sinalou.

Ademais, argumentou que unha porcentaxe dos cruceristas “nin sequera chegan a baixar” do barco. A Autoridade Portuaria xa presentara alegacións á ordenanza municipal ao entender que a aplicación da taxa turística podería ser moi prexudicial para a chegada de cruceiros á cidade, cun impacto “moi negativo” na actividade económica e no emprego. Para o presidente do organismo portuario, dado que a ordenanza se basea na lei autonómica, considérase que o axuste proposto en lei correspondente aos orzamentos de 2026 deixaría tamén sen efecto, na ordenanza municipal, aos cruceiros que non pasen a noite no porto coruñés.

POSTURA DA XUNTA

Preguntado no Consello da Xunta o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, sobre esta cuestión, argumentou que a taxa turística “podíase levar a cabo acordada co sector”. “En Santiago non ocorreu e na Coruña parece que vai polo mesmo camiño”, sentenciou tras recursos do sector. Por outra banda, dixo que “non é certo” que a taxa turística sexa “cousa da Xunta”, expuxo para incidir en que así se trasladou tamén no consello de administración da Autoridade Portuaria da Coruña.

“A Xunta regula as bases pero quen decide como se aplica, cales son as excepcións, as bonificacións, son os propios concellos”. Ademais, asegurou que na reunión do organismo portuario xa se expuxo que os cruceristas fosen “beneficiarios desa bonificación igual que son outro tipo de visitantes”, sentenciou sobre A Coruña e ao considerar que deben estar exentos os que non pasan a noite. “Veremos as propostas que chegan e tomaranse decisións”, apostilou, mentres, tras a formulación do organismo portuario coruñés.

Recibe a alta o único dos seis feridos no atropelo intencionado en agosto na Coruña

0

A única persoa que permanecía ingresada tras o atropelo múltiple e intencionado ocorrido o pasado 27 de agosto na Coruña foi dada xa de alta.

Así o informaron fontes hospitalarias en relación co único ferido do seis que permanecían aínda no complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac).

Os feitos producíronse o 27 de agosto sobre as 12.15 horas cando seis persoas foron arroiadas por un vehículo na rúa Juana de Vega mentres os peóns estaban a cruzar debidamente por un paso de peóns. A vítima máis nova foi unha nena nada en 2021 e a maior, un home de 1950.

O condutor responsable do suceso foi detido e practicáronselle as correspondentes probas de drogas e alcol. Posteriormente, foi ingresado no Hospital de Oza baixo vixilancia policial para ser examinado polo persoal sanitario para a súa avaliación médica e psiquiátrica.

Nacido en 1974 e con domicilio na Coruña, o home estaba aparcado nunha área reservada da citada rúa e arrincou o coche cando as persoas comezaron a cruzar, segundo o mesmo recoñeceu aos axentes.

Culleredo investirá case 5M en tres conectores urbanos coa ría no Burgo, Acea de Ama e Fonteculler

O Concello de Culleredo vén de recibir unha importante axuda para desenvolver un proxecto de infraestrutura verde dentro do plan europeo anunciado polo Ministerio de Facenda. Do investimento total de 10,9 millóns, financiado nun 60% pola UE, o goberno municipal dedicará 4,7 millóns á conectividade ambiental, sendo a liña con maior reserva orzamentaria.

A EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local) recolle a redacción dun plan local de infraestrutura verde, un documento que integrará todas as políticas ambientais do municipio. Nel, o Concello determinará as accións para adoptar, con especial énfase no papel dos corredores ambientais como elementos de articulación territorial.

“O desenvolvemento de Culleredo vai da man do incremento dous espazos verdes”, destaca o alcalde, José Ramón Rioboo. O rexedor sinala que todas as actuacións de mellora urbana que está a executar o Concello contemplan sempre a integración de árbores e plantacións como acenos de identidade.

Así, o Concello, dentro do plan, implantará tres grandes conectores. Serán espazos onde predominará o verde, os elementos sostibles e a protección á biodiversidade. Funcionarán como itinerario entre os núcleos residenciais da contorna da ría e o propio litoral, ámbito principal desta EDIL.

Neste sentido defínense tres conectores: no Burgo, Acea de Ama, e Fonteculler.

  • No Burgo enlazará a praza de Galicia coa ría xunto á Cros, servindo como ligazón ao mar xunto ás estruturas da antiga fábrica.
  • En Acea de Ama o conector terá un compoñente eminentemente ambiental co río Trabe como eixo, chegando desde a avenida de Ribados ata o xardín botánico.
  • E en Fonteculler se aposta por un conector dotacional, enlazando os equipamentos como o CEIP Ría do Burgo, o IES Blanco Amor, a Universidade Laboral, a Policía Local e Garda Civil coa lagoa de Fonteculler.

En todos os corredores impulsaranse refuxios climáticos, incrementarase a dotación de espazos verdes e dispoñeranse elementos que melloren o confort para o veciño.

O Concello, ademais, emprenderá unha renovación do Xardín Botánico do Burgo, un dos corazóns verdes do municipio. As medidas previstas buscarán o incremento do equipamento da aula de Natureza, situada dentro do recinto, a posta en valor dos xardíns e o desenvolvemento de novos programas para o visitante.

xardín_botánico O Burgo Culleredo
Imaxe do Xardín Botánico do Burgo

6,5 millóns de axuda

O Ministerio de Facenda publicou onte a resolución provisional da convocatoria de fondos europeos, sendo o Concello de Culleredo beneficiario dunha contía de 6.547.728 euros, un 60% do investimento total, que será de 10.912.880 euros.

 

A Coruña capta case 9 millóns en fondos europeos que se investirán en rexeneración de barrios

A Coruña captou 8,7 millóns en fondos europeos, que se destinarán a investimentos de rexeneración nos barrios dos Mallos e Sagrada Familia.

Estes fondos suporán un 60% dos investimentos, que suplementará o consistorio achegando o 40% do restante, ata os 14,5 millóns de euros.

Así o informou a alcaldesa, Inés Rey, tras a resolución provisional do Goberno central ao amparo da convocatoria para a asignación da senda financeira FEDER a Plans de Actuación Integrados de entidades locais, con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

“Estes fondos europeos convocáronse cunha perspectiva regeneradora, máis específica sobre ámbitos concretos, por iso focalizamos os investimentos en barrios populares da cidade como Os Mallos e a Sagrada Familia“, asegurou a rexedora con alusión, ademais, ás infraestruturas previstas con motivo da estación intermodal.

A coruñesa Sandra Garrido, retida e en posible folga de fame nunha cárcere israelí

0

Este domingo 5 de outubro chegou á Terminal 1 do Aeroporto Adolfo Suaréz Madrid-Barallas o primeiro grupo de participantes españolas deportadas desde Israel, tras ser asaltadas na Flotilla Global Sumus o 1 de outubro en augas internacionais e levadas contra a súa vontade a territorio israeli. Ademais viaxan participantes de polo menos outros dous estados: Países Baixos e Portugal.

Aló quedan, recluídas na prisión israelí de Ktzi’ot, outras 28 participantes, entre os que está a coruñesa Sandra Garrido. Dende o Movemento Global para Gaza-Galiza informan de que a día de hoxe teñen constancia de que 8 das 19 participantes da campaña estatal (a herulina entre elas), manifestaron que no caso de ser asaltadas e reclutadas, poríanse en folga de fame.

“A falta de información sobre o terreo débese a que o grupo de avogadas de Adalah (que presta apoio legal á Global Sumud Flotilla) está a sufrir multitude de trabas por parte das autoridades israelís. Iso levou a que máis de 200 participantes non tivesen asistencia letrada durante as audiencias nin se puideron entrevistar coa totalidade por falta de tempo concedido dentro da prisión para tentar ver a todas”, sinalan dende a plataforma.

A Flotilla sinala que non puideron contactar coMinisterio de Asuntos Exteriores e Cooperación “porque se nos negou resposta a todas as solicitudes de contacto que se
realizaron durante o último mes. Tampouco tivemos comunicación por parte do encargado de asuntos consulares da embaixada española en Tel Aviv, que é a persoa indicada polo ministerio de asuntos exteriores como interlocutora coas autoridades israelís e que debe prestar a debida asistencia ás 49 participantes”, lamentan.

Máis novas

A herculina Sandra Garrido, embarcada na Flotilla Sumud do Global Movement to Gaza 

 

 

A Coruña protagoniza unha espectacular manifestación por Palestina