Inicio Blog Páxina 169

Richi Casás guíanos este domingo nun Roteiro polas cantareiras

A AELG prepara xa ten listo o Roteiro Da cidade á aldea. Unha historia das cantareiras na Coruña. Guiado por Ricardo Marcos Casás (Richi Casás), a cita vai ter lugar o domingo 5 de outubro, a partir das 12:00 horas, tendo como punto de partida a Praza das Conchiñas.

Un roteiro pola Agra-Ventorrillo-Penamoa-Visma a pé con catro paradas musicadas sobre a transformación de mil aldeas nunha cidade, a través das vidas das cantareiras. Roteiro . Non é necesaria inscrición previa., pero cómpre levar paraugas (aínda que non chova).

Richi Casás: “Rosa e Adolfina non teñen nada de especial, iso é o importante”

Esta iniciativa da AELG pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

Manifestación histórica en Santiago contra o “xenocidio”

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

 

Lage Tuñas aproveitou as preguntas de PP e BNG sobre o Mundial 2030 para acusalos de “non remar na mesma dirección”

Pleno completo o vivido esta mañá no Pazo de María Pita, que comezaba cunha condena común ao xenocidio sionista na mañá previa ás manifestacións desta tarde en todo o estado, e tamén na Delegación do Goberno ante a detención da Flotilla da Liberdade.

O pleno tamén acordou instar á Xunta a fixar un novo calendario de prazos sobre o Novo CHUAC.

Pero o protagonista foi o Mundial 2030. BNG e PP levaron varias preguntas ao pleno pedindo información sobre como vai o proxecto tras moitos meses de “apagón informativo”. Neste caso foi voceiro municipal José Manuel Lage Tuñas (adoitaba ser o edil de turismo Gonzalo Castro o que respondía sobre este asunto) limitouse a dicir, como xa avanzaba a alcaldesa ao longo da semana que “cando haia novidades xa daremos conta delas”. Foi máis alá o voceiro do grupo socialista e aproveitou as preguntas para acusar á oposición de estar remando en contra de que a cidade sexa sede do Mundial.

O Mundial

A realidade é que nada se sabe da situación do proxecto, nin da reforma do estadio, dende comezos de ano, máis alá dalgunha concesión dalgún concelleiro na que deixaba caer que “había que cambiar o proxecto”.

Á pregunta do edil do BNG David Soto sobre as novidades do proxecto así como sobre o financiamento do mesmo, Lage Tuñas limitouse a dicir que “aínda non estamos nesa fase”, referíndose unicamente ao proxecto presentado hai 2 anos e que conseguir ser escollido polas administracións internacionais como sede. Lage chegou mesmo a acusar ao BNG se realmente está a favor do Mundial, pedínlle que “reme na mesma dirección”.

Utilizou a mesma repregunta o voceiro socilista á pregunta, semellante á do BNG, do concelleiro do PP, sobre os prazos (lembrou que o anuncio inicial sinalaba a licitación en 2023 e a posta en marcha das obras de reforma do estadio en 2024), e sobre novo aforo do estado, e sobre o financiamento. Neste caso, Tuñas volveu esquivar as preguntas co “cando se entre nesa fase, darase conta da mesma”, pero ademais usou os seus minutos de intervención co argumento ademais do “e ti máis”, lembrando retrasos do goberno municipal do PP como as falsas promesas do CHUAC no 2000 ou de Alfonso Molina no 2013.

”Están todos pola labor de que este proxecto vaia adiante?”, preguntou Lage Tuñas antes de rematar a súa intervención apelando a que “o Deportivo é un sentimento”, apelando polo entendemento ente todas as partes, incluídas o Real Club Deportivo.

Taxas para arriba e para abaixo

No mesmo pleno no que PSOE e BNG aprobaron definitivamente a nova ordenanza do servizo de recollida de lixo, que inclúe unha subida da taxa do lixo de cara 2026, os dous grupos acordaban tamén “non incrementar as cargas fiscais” para o vindeiro ano.

Escolas deportivas municipais

Presentaba o BNG unha pregunta sobre a situación de mantemento das instalacións deportivas municipais, e a situación do persoal da empresa Serviplús, concesionaria do servizo, que comezan esta semana mobilizacións pola súa precariedade.

O edil Manuel Vázquez asegurou estar en contacto directo cos traballadores, e limitouse a dicir que as “EDM son un éxito, con máis de 4.000 persoas”. “Todo é mellorable, pero o resultado moi positivo e nada máis que obxectar”.

Engadiu que o plego das novas Escolas Deportivas Municipais se atopa na fase final de redacción e a intención do goberno municipal é rematalo antes de fin de ano, asegurando que van incluír medidas sociais que permitan “ofrecer un mellor servizo público garantizando unhas condicións laborais dignas”.<7p>

Máis novas

O pleno da Coruña insta á Xunta un novo calendario sobre os prazos para o ‘Novo Chuac’

Condena contra o “xenocidio” en Gaza no pleno do Concello da Coruña

55 anos do naufraxio que mudou a historia do Salvamento Marítimo en Galicia e no estado español

Eran as 5 da madrugada do 4 de outubro do 1970, cando o pesqueiro “La Isla” colidiu coas cons situadas aos pés da Torre, afundíndose de contado entre a canle que forman o illote do Boi e a pedra da Vaca. Dos 15 tripulantes que ían a bordo deste gransoleiro coruñés, só houbo un supervivente.

Unha arrepiante traxedia entre as xentes do noso mar aos pés do faro máis antigo do mundo en funcionamento que acadou axitar as altas esferas e amosou a fartura da grande familia mariñeira do país, no que atinxe á falla de medios de salvamento.

Na véspera do San Xoán do 1971, creábase no peirao das Ánimas, no porto da Coruña, a primeira base da Cruz Vermella do Mar, na historia de España.

No ano 1972, membros da Garda Civil recibirían formación e adestramento para efectuar rescates no mar e nas augas interiores, polos míticos mergulladores do GRAS (Grupo de Rescate e Auxilio Subacuático) do Clube do Mar de San Amaro, que xa eran mergulladores de rescate voluntarios, dende facía una ano, na base da Cruz Vermella coruñesa. Este feito, será nin máis nin menos, o cerna do nacemento anos despois das famosas GEAS da Garda Civil.

No ano 1973 producíase o impensable: o 21 de marzo era entregado na base de Alvedro o helicóptero Puma Aloutte III do SAR (Servizo Aéreo de Rescate), o primeiro na historia destinado ao noroeste peninsular. O 26 de xuño arriba ao porto da Coruña, a primeira lancha de salvamento marítimo autoadrizable na historia de España: a famosa “Blanca Quiroga” (Mención especial merece o señor Dotras Lamberti, cónsul de Francia na Coruña, que foi o verdadeiro impulsor da chegada desta embarcación de salvamento á base da Cruz Vermella, situada no peirao das Ánimas) que, hoxe, retirada xa hai anos do seu excelente servizo a prol da xente do mar, fica coma monumento no parque de San Pedro.

Todos estes medios de salvamento dos que foi dotada a cidade da Coruña e, que ao ano seguinte comezarían a enviarse a outros portos da península, foi grazas ao legado que nos deixaron os náufragos do “La Isla”, que non morreron en van…

O vindeiro sábado cumplirase o 55ª aniversario deste naufraxio e lembrareino achegándome á Torre, lugar onde nacín e onde medrei escoitando as historias dos percebeiros e dos míticos mergulladores do Clube do Mar de San Amaro e do GRAS, homes e Clube inherentes á traxedia marítima do “La Isla”.

No xardín interior do Clube do Mar hai unha áncora do “La Isla” e unha placa conmemorativa do naufraxio adicada á memoria dos 15 náufragos e as súas familias…

Os mergulladores Tito Diehl, Pachucho Lodeiro, Pirulo Ferreiro, Luís Salleres e Pepe Freire, xunto ao mariñeiro José López Varela, Pepiño, (todos socios do Clube do Mar de San Amaro) son os heroes deste libro. Son historia da nosa historia marítima.

Somos salitre.

  • Fernando Patricio Cortizo (Monte Alto, 1972). Activo colaborador de prensa escrita, radio e redes, especialista na historia do noso mar e dos nosos naufraxios, e alma da Asociación Cultural Naufraxios Galegos.
Na escuridade das Ondas de Fernando Patricio Cortizo
O libro “Na escuridade das ondas. A traxedia do pesqueiro La Isla no mar da Torre de Hércules”, está a venda: nas librarías da Coruña (Libraría Cartamar, Libraría Arenas, Libraría Sisargas, Libraría Berbiriana), de Arteixo (Libraría La Marina) e de media provincia.

 

 

O estudantado demostrou a súa mobilización contra o xenocidio sionista

Valoración moi positiva a que fan dende o Sindicato de Estudantes da folga e das manifestacións realizadas esta pasada mañá de xoves 2 de outubro contra o xenocidio sionista.

Ademais dun seguemento moi amplo da folga, a resposta nas rúas foi tremenda. En Ferro e Vigo rondaron o medio millar, pero é que na Coruña superáronse as 3.000 persoas segundo o propio Sindicato, sempre cun ambiente moi combativo, que dá conta o fartazgo da xente pola “inacción do goberno”, ademais da raiba e a dor por Palestina.

Así se debullou dos cántovos como “Goberno imperialista, hipócrita e racista”; “Todos somos Gaza”, “Esta loita é antifascista”, “A Flotilla non se toca”, “Este xenocidio ímolo parar” ou o internacional “Free, Free Palestine”.

Os estudantes tamén participaron na histórica manifestación da noite nas rúas da Coruña.

A Coruña protagoniza unha espectacular manifestación por Palestina

Folga xeral o 15 de outubro

O estudantado invitou xa a participar na folga xeral para o 15 de outubro como resposta ao xenocidio que está a sufrir o pobo palestino por parte do Estado de Israel coa complicidade das potencias occidentais.

Folga Xeral CUT Palestina 15 outubro

A Plataforma A Coruña pola Paz nace cunha Marcha ata a Torre

O Plan de Barrios pasa revista ao estado de Monte Alto

Continúa avanzando o Plan de Barrios 25-27 e o seu programa de encontros veciñais. Esta semana o equipo de goberno visitou o Centro Cívico de San Diego e o de Monte Alto, nunha cita para presentar as principais obras que o Plan ten inserido en cada un dos dous barrios, e para escoitar as demandas da veciñanza.

Na cita de Monte Alto á que acodimos, Inés Rey comezou debullando as principais obras do Plan que estarán rematadas antes de que remate o 2027, como unha zona canina (50.000€), a reforma da fachada da Domus (1 millón), a reforma do cemiterio de San Amaro (400.000€), a Pista multideporte (250.000€), a reforma da Rúa Vereda de Polvorín (1 millón de euros) ou o necesario Parque Vixia (prometido dende 2020, que se atopa no estudio xeotécnico, e que como moito será unha realidade a finais de 2026). Apuntou tamén algunhas das pequenas melloras de accesibilidade en rías como a Albert Camus, Santo Tomás, Serea ou a estrada de circunvalación, e lembrou que na confluencia de Curros Enríquez coa rúa da Torre, ao carón da Biblioteca do Campo de Marte, aínda está pendente engadir un paso de peóns elevado.

Nun ton amable e conciliador, e cun pouso xa de moitas xuntanzas (a de anécdotas que debe ter o grupo de goberno despois de toda esta serie de encontros, unha vez que hai moitas persoas que acoden coas súas miserias excesivamente persoais), a rexedora foi respondendo, apoiada pola concelleira de infraestruruas Noemí Díaz e o edil de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage Tuñas, foron respondendo unha a unha as demandas veciñais, entre as que se atopan as seguintes circunstancias:

A primeira veciña fixo fincapé na suciedade na que se atopa o barrio, lamentando as “alfombras de cabichas” que hai preto dos bares, ou “as cacas” dos cantos. “Póñense moitas multas”, asegurou a rexedora, que destacou as campañas de concienciación.

Outra das demandas foi o estado das beirarrúas de moitas das estreitas rúas do barrio, como a rúa Washington ou Independencia. Aí explicaron Díaz e Rey que moitas beirarrúas do barrio non cumplen a normativa, e se se renovan hai que anchealas perdendo así moitas prazas de aparcamento.

Pediron tamén algo de control de tráfico e unha mellora na iluminación na costa da entrada ao CEIP Torre de Hércules, ao que a rexedora respondeu coa necesidade de favorecer un “urbanismo feminista”, no que a “boa iluminación permita que as mulleres poidamos andar de noite igual de tranquilos que os homes”.

Prazos

Foi un neno do barrio, Telmo, o que lle preguntou á rexedora cando vai estar rematada a anunciada pista multideporte. Un proxecto conseguido polas ANPAS do barrio no programa de orzamentos participativos de 2023, e que foi prometida xa hai ano e medio aos representantes familiares, pero para a aínda non hai data nin de licitación. Esperan, iso si, rematalo antes de que remate o 2027…

Díaz explicou que as escaleiras mecánicas que unen Adelaida Muros e Ángel Rebollo xa só están á espera de que Iberdrola conecte a electricidade, e que o Mercado de Monte Alto mantén o prazo de apertura para antes de que finalice este 2025.
Iso si, Lage Tuñas deixou caer que é posible que a Escoliña tarde en trasladarse ata final de curso, se ben a intención é que a infraestrutura estea dispoñible dende comezos de ano.

O Cárcere vello, as cocheiras dos tranvías e o Plan da Torre

Volveu saír o cárcere vello a colación, máis alá da petición dunha señora de que haia algún banco máis á sombra nese parque. Rey lembrou que o Concello gañou o último recurso no procedemento legal para evitar pagar 1,12 millóns de euros para que pase a ser de titularidade municipal. Sinalou que o Concello aínda está pendente do posible de recurso da avogacía do estado, pero que “antes ou despois pasará ao patromonio público”. A partir de aí “haberá que facer unha intervención e tirar todo por dentro”, e pensar “o continente pero tamén o contenido”.

En todo caso, deixou a porta aberta a unha posible concesión ou privatización do espazo, sinalando que é necesaria unha “inversión de 30 millóns de euros, que un concello non pode asumir”.

Deixaron claro que “o frontón non se vai de onde está”, que hai un proxecto para convertir as cocheiras dos tranvías nunha zona de aparcamento, e a que a esfolada zona de talleres que hai entre a cidade deportiva e Durmideiras entra dentro do Plan de Protección da Torre, que está en fase de redacción.

Nesta mesma zona, os usuarios das Hortas Urbanas pediron un peche perimetral máis forte polos frecuentes e infames roubos dos tomates e outros produtos que se dan. Díaz asegurou que hai un plan en marcha para duplicar o espazo e mellorar o peche.

Seguridade e drogas

Saltou tamén a falsa alarma, utilizada politicamente en moitos momentos desta lexislatura, de que a seguridade e o tráfico de drogas están ameazando a tranquilidade do barrio igual que pasou nos anos 80, ao que moitos veciños responderon con risas de incredulidade.

”Ogallá o problema se solventase só con policía”, respondeu a alcaldesa. “No tratamento do tráfico e consumo de drogas ten que actuar moitas máis cousas, para evitar que as persoas que consuman teñen que roubar para consumir. É certo que estamos vivindo un repunte de drogas que pensabamos que non iamos volvín ver, pero non estamos nos anos 80”, deixou claro, lembrando que A Coruña está no posto 14 por abaixo entre as 52 capitais de provincia en materia de seguridade.

Calendario de encontros coa alcaldesa

Despois das paradas nos Mallos, Castrillón, San Diego e Monte Alto, as seguintes son:

  • Mércores 1 outubro – 19.00 h | Centro Cívico San Diego
  • Xoves 2 outubro – 19.00 h | Centro Cívico Monte Alto
  • Mércores 8 outubro – 19.00 h | Centro Cívico O Birloque
  • Martes 14 outubro – 19.30 h | Centro Cívico Mesoiro
  • Martes 21 outubro – 19.00 h | Centro Cívico Os Rosales
  • Martes 28 outubro – 19.00 h | Cidade Vella – Casa Veeduría
  • Mércores 29 outubro – 19.00 h | Matogrande/Xuxán – Residencia DomusVi
  • Martes 4 novembro – 19.00 h | Centro Cívico Monelos
  • Mércores 5 novembro – 19.00 h | Labañou/Riazor
  • Martes 11 novembro – 19.00 h | Centro Cívico Elviña
  • Mércores 12 novembro – 19.00 h | Centro Ágora
  • Xoves 13 novembro – 13.00 h | Centro Cívico de Pescadores
  • Xoves 13 novembro – 19.00 h | Centro Cívico Eirís
  • Martes 25 novembro – 19.00 h | Centro Cívico Sagrada Familia
  • Mércores 26 novembro – 19.30 h | Centro Cívico Palavea
  • Xoves 27 novembro – 13.00 h | Centro Cívico A Silva
  • Mércores 3 decembro – 19.00 h | Durmideiras (Mercado)
  • Xoves 4 decembro – 20.00 h | Centro Cívico Santa Lucía
  • Martes 9 decembro – 19.00 h | Visma (Espazo veciñal)
  • Mércores 10 decembro – 19.00 h | Bens
  • Xoves 11 decembro – 13.00 h | Centro Cívico de Feáns
  • Xoves 11 decembro – 19.00 h | Nostián

Máis novas

O goberno local presentou a serie de encontros veciñais para debullar un Plan de Barrios que inviste 125 millóns

Preguntan pola execución do Parque Vixía

Aseguran que o Mercado de Monte Alto estará operativo a final de ano

Monte Alto pediu máis intermodalidade e frecuencias no servizo de transporte urbano

“O fallo sobre o Cárcere Vello esixe o compromiso para a devolución gratuita”

Recurso contra a taxa turística na Coruña desde os sectores da hospedaxe, hostalaría e de cruceiros

A Asociación Provincial de Hospedaxe da Coruña (Hospeco); a de Empresarios de Hostalaría e Coruna Cruise Terminal formalizaron ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) un recurso contencioso administrativo contra a taxa turística implantada na cidade herculina desde o 29 de setembro.

O recurso, informan, leva aparellada unha petición de suspensión cautelar “para que a taxa déixese de aplicar ata que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pronúnciese sobre a súa legalidade”.

O recurso e a medida cautelar están, sosteñen, “avalados por un informe da Universidade de Santiago de Compostela”. Os recorrentes alegan que a ordenanza “non cumpre os requisitos legais da Lei 5/2024 e que a medida está inxustificada e incorrectamente fundamentada”.

“Os expertos destacan que A Coruña non sofre saturación turística e que o turismo xa xera un saldo fiscal positivo para o municipio”, indican en base aos argumentos avanzados xa antes da implantación da taxa turística.

Ademais, Hospeco alerta de que a recarga por persoa e pasa a noite, “pode danar a imaxe da cidade, afectar negativamente aos pequenos establecementos e desviar tráficos de cruceiros a outros portos”.

MOTIVOS

Sobre o documento que achegan, elaborado polos profesores Miguel Ángel Vázquez Taín, presidente do Consejo General de Economistas de España, e María Bastida, sinala que o consistorio baseou a súa proposta “en datos inflados e indicadores erróneos”.

“Fálase dunha poboación flotante de 30.000 persoas ao día cando, segundo datos oficiais do INE, en 2024 houbo unha media de 2.600 pernoctaciones diarias, apenas un 1% da poboación da cidade”.

Ademais, subliña que A Coruña “non está saturada turísticamente, xa que as prazas hoteleiras levan dúas décadas estancadas, a ocupación media é baixa e moi estacional, e os ingresos por habitación están moi por baixo doutras cidades comparables”

O informe argumenta “graves carencias na análise económica-financeiro: non se cuantifican custos adicionais nin cargas administrativas para os hoteis, non se avalían os impactos reais nin se estudan alternativas, a pesar de que a lei obriga a facelo”.

“Unha taxa inxustificada e que non resolve ningún problema”, sinalan os recorrentes.

En concreto, Hospeco insiste en que a ordenanza “nin resolve un problema real, porque non existe, nin cumpre coa normativa vixente: a taxa turística non está xustificada con datos, penaliza a un sector estratéxico que xa contribúe positivamente ás arcas municipais e transmite unha imaxe errónea de masificación que non se corresponde coa realidade da Coruña”.

Condena contra o “xenocidio” en Gaza no pleno do Concello da Coruña

O pleno da Coruña aprobou unha moción de condena do “xenocidio” en Gaza, nunha iniciativa promovida polo BNG e que contou co apoio dos socialistas e o voto en contra dos populares, ao discrepar do termo empregado e cualificar o que sucede de “masacre”.

Todo no mesmo día que haberá concentracións en todo o estado trala detención de parte da Flotilla humanitaria:

Galicia volve saír á rúa contra o xenocidio sionista

Na defensa da moción, o portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, asegurou que Israel ha convertgido Gaza “no maior campo de concentración do mundo”. “A teoría do espazo vital dos nazis replicado polo Estado de Israel”, lamentou.

“Cando eluden falar de xenocidio non é por unha cuestión xurídica”, asegurou en alusión á postura do PP. Ademais, incidiu en que “senón paramos o xenocidio, perderá toda a humanidade”.

“Condenamos rotundamente o masacre e a nosa condena non é menos rotunda nin fai de menos por non compartir a cualificación xurídica que queren impor”, aseverou o concelleiro popular Roberto Rodríguez, quen asegurou que falar de xenocidio corresponde á Corte Penal Internacional.

Ademais, acusou aos nacionalistas de buscar “sacar rédito dun masacre que todos condenamos”. “Pódese condenar a atrocidade que está a cometer Israel sen entrar en consideracións xurídicas”, engadiu.

Na súa intervención, o portavoz do goberno local, o socialista José Manuel Lage, insistiu en que non se pode “pechar os ollos ante o xenocidio” e acusou aos populares de perder “máis tempo en negar unha palabra que en ver que posición ten ante este suceso”.

Mentres, considerou que manteñen unha “dobre cara” en relación ás vítimas en Gaza ou en Ucraína, pero tamén coas do franquismo no seu momento.

O pleno da Coruña insta á Xunta un novo calendario sobre os prazos para o ‘Novo Chuac’

O pleno da Coruña instou á Xunta a presentar un novo calendario sobre os prazos de execución do ‘Novo Chuac’ ante os atrasos nas obras de ampliación do complexo hospitalario universitario coruñés.

Foi nunha moción presentada polo BNG e que contou co apoio de socialistas e populares, aínda que con defensa destes últimos sobre os motivos dos citados atrasos fronte ás críticas dos anteriores polos compromisos respecto dos prazos cando se anunciou a obra.

No texto, no que os nacionalistas rexeitaron incorporar un texto emendado do PP, pídese tamén a presentación dun plan de continxencia co obxectivo de minimizar o impacto das obras “e o gran atraso acumulado”.

“Vai levar máis tempo que a muralla chinesa”, sentenciou o portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, quen alertou que os atrasos poden afectar á “asistencia” sanitaria. “E o conselleiro — de Sanidade — di que empezan a arracan cando tiñan que estar practicamente terminadas”, criticou.

“É verdade que hai atrasos e que non se están cumprindo os prazos establecidos, pero é certo que é unha obra complexa que xorden problemas de enxeñaría”, replicou o portavoz do grupo municipal do PP, Miguel Lorenzo.

“Anunciouse que estaría o 100% en 2027”, lembrou o portavoz do goberno local, o socialista José Manuel Lage, quen cuestionou a “credibilidade” do entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Tamén demandou un calendario sobre os prazos “de verdade, o real”.

Mobilización do persoal de escolas deportivas municipais da Coruña en demanda de melloras

Persoal de escolas deportivas municipais da Coruña, xestionadas pola empresa Serviplus, acordou iniciar mobilizacións en demanda dunhas condicións de traballo “dignas” e da “mellora” do servizo.

Así o informou a CIG, que sinala que os pregos da concesión terminan en novembro “e, a pesar das reiteradas solicitudes desde 2024 para abordar as condicións do novo contrato” o goberno local “só dá a calada por resposta”. A primeira concentración terá lugar o 9 de outubro, ás 12.00 horas, ante as instalacións deportivas de Riazor, e o día 23 han convocada outra, ás 13.00 horas, ante a praza de María Pita.

De forma paralela, o persoal iniciará unha campaña de “concienciación” e apoios entre as persoas usuarias que logo trasladarán ao pleno municipal que se celebrará en novembro e no que, avanzan, farán uso do escano cidadán “de non ser atendidas” as súas reivindicacións.