O Concello da Coruña celebrou este venres un acto en lembranza das vítimas de sinistros viarios na entrada do Servizo de Mobilidade da Estación de Autobuses. Na conmemoración participaron a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, xunto a representantes da Dirección Xeral de Tráfico, Policía Local, Garda Civil, Bombeiros, 061, Complexo Hospitalario da Coruña (Chuac) e da asociación Stop Accidentes.
Durante o acto, Jeanne Picard, delegada de Stop Accidentes en Galicia, deu lectura ao manifesto da entidade. Posteriormente, gardouse un minuto de silencio e realizouse unha ofrenda floral na árbore plantada en memoria das vítimas, onde tamén se colocaron mensaxes persoais. “Construír unha cidade segura tamén é garantir que todas e todos podamos desprazarnos sen medo”, afirmou Noemí Díaz. Pola súa banda, Montserrat Paz destacou que “cada sinistro é un recordatorio de que queda traballo por facer para protexer vidas”.
O acto pretende concienciar á cidadanía e ás autoridades sobre a importancia da seguridade viaria, ao tempo que honra a memoria das persoas falecidas e dos afectados por accidentes de tráfico, reafirmando o compromiso do Concello da Coruña na prevención e redución de sinistros.
O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Universidade Laboral de Culleredo incorporouse, na especialidade de Náutica, á rede de centros de excelencia en FP, que se elevan a seis en Galicia, dun total de 75 a nivel estatal.
Así o expuxeron a ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes e portavoz do Goberno, Pilar Alegría, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, nunha visita ás instalacións.
Este recoñecemento, segundo concretou Alegría, supón un investimento dun millón de euros no centro “para que poida seguir na traxectoria de transformación dixital, tecnolóxica e metodolóxica”.
Este financiamento servirá para que “o profesorado poida recibir formación e subvencionaranse os distintos proxectos de innvación e investigación aplicada”, engadiu.
A ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes e portavoz do Goberno, Pilar Alegría, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita ao CIFP Universidade Laboral de Culleredo. M. DYLAN
“100% DE EMPREGABILIDADE”
Así mesmo, a ministra apuntou que “hai 1,2 millóns de mozos en Galicia” cursando estes estudos e destacou o seu alto nivel de empregabilidade. “Practicamente, un 100% en moitísimos dos graos”, sinalou.
Pola súa banda, o conselleiro recalcou que a comunidade galega é a segunda rexión de España con máis centros de excelencia. “O 10% dos que existen na rede nacional”, aseverou.
“Nos últimos anos, experimentamos unha auténtica revolución silenciosa”, expuxo sobre a Formación Profesional para apuntar que na última década a matrícula duplicouse “” e incidir, tamén, na importancia da empregabilidade.
A este respecto, explicou que este servizo educativo “dota de profesionais aos sectores produtivos básicos para poder ter estruturas laborais profesionalizadas e para mellorar a competividad das empresas”.
A Coruña instalará case tres millóns de luces led e medio milleiro de arcos, repartidos polos barrios da cidade, con motivo do Nadal e co ex xogador do Deportivo Bebeto como protagonista do acendido o próximo día 28.
Nestes momentos, están a habilitarse os arcos luminosos e os motivos festivos que se repartirán polos barrios da cidade. Serán 2,8 millóns de luces led, que supoñen un investimento anual de 770.000 euros.
Entre as figuras máis rechamantes do Nadal estarán a esfera luminosa da dársena da Mariña e tamén a árbore xigante de luces que habitualmente se situaba no Obelisco. Este ano, polas obras de reurbanización dos Cantóns, o abeto de Nadal estará emprazado no Parrote, onde se iniciaron as tarefas de montaxe a inicios de mes.
A Consellería de Sanidade publicou no Diario Oficial de Galicia os servizos mínimos para a folga convocada pola Comisión de Centro do complexo hospitalario universitario da Coruña (CHUAC), que afectará ao persoal celador do servizo de quirófano-reanimación do Hospital Universitario da Coruña.
O paro laboral desenvolverase o 17 de novembro entre as 08.00 e as 09.00 horas, abrangue a todo o persoal celador deste servizo e está motivado pola consideración das súas funcións como “imprescindibles”. Segundo a orde, a ausencia de persoal podería impedir intervencións cirúrxicas urxentes, comprometer a seguridade de pacientes anestesiados ou en reanimación e dificultar a resposta ante emerxencias intraoperatorias.
Durante o período do paro, os efectivos mínimos establecidos son catro en quirófano, un en espera de camas, tres en reanimación quinta e un en reanimación terceira. Ademais, o persoal designado como servizo mínimo poderá solicitar substitución por outro traballador ou traballadora que voluntariamente acepte o cambio.
O Salón Dourado do Palacio Municipal de María Pita acollía onte unha nova sesión ordinaria da Comisión Permanente do Consello Municipal da Cultura (CMC), presidida polo concelleiro de Cultura, Museos Científicos e Bibliotecas, Gonzalo Castro. O Consello Municipal de Cultura, constituído en decembro de 2023, formouse a través dun cento de representantes das diferentes entidades do sector e tecido asociativo da cidade, así como de institucións implicadas no organismo como a Universidade da Coruña, a Deputación da Coruña ou a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
Durante esta sesión, unha das poucas convocadas ata o momento, a Comisión Permanente aprobouse a creación de dous novos grupos sectoriais: Artes Vivas e Patrimonio Cultural, co obxectivo de reforzar a estrutura participativa do Consello e de dar resposta ás demandas do sector, nunha liña de traballo sostida no tempo pola que se vén apostando desde o Goberno de Inés Rey para consolidar espazos de reflexión colectiva e impulsar políticas culturais acordes á realidade diversa da cidade.
Completamos hoxe o repaso a eses recursos que fan da cidade un referente en materia de inclusión social no noroeste estatal, falando do Centro de Baixa Esixencia, situado na renovada planta baixa do antigo edificio de Padre Rubinos, en Labañou. Unha residencia temporal para persoas sen fogar que cumple o seu primeiro ano de vida cunhas experiencias moi significativas.
Cómpre sinalar primeiro que este Centro coordínase co albergue de Padre Rubinos e co CHUAC, poñendo tamén en valor o papel da marabillosa Cociña Económica, do SEMUS (o servizo nocturno de atención en rúa coordinado pola Cruz Vermella), dos comedores Sociais do Centro Cívico Monte Alto e Centro Cívico Noboadanza (Agra do Orzán), así como outros recursos que ofrece a cidade como os puntos de calor-café Acouga de ACCEM ou o Sísifo da Fundación Érguete-Integración. Todos traballan en rede protexendo aos máis vulnerables, aqueles que non teñen teito sobre o que acubillarse.
Un espazo de dignidade
”Trátase de dignificar o espazo sen agochalo fóra da cidade”, refírese a directora do EMIS, en relación á calidade e confort do Centro, o único na cidade no que as persoas sen fogar poden chegar cos seus animais de compañía. Nel traballan seis auxiliares, unha integradora social, dúas limpadoras, tres vixilantes e a coordinadora, acompañadas do persoal municipal do EMIS que está continuamente presente.
O Centro de Baixa Esixencia de Labañou está aberto polas noites, de 20:00h a 12:00h. Pódense ver moitas tardes pequenas colas formadas no muro da entrada que dá ao paseo, na rúa Víctor Fernández. Por orde de chegada van tomando posesión das súas camas 21 homes e 9 mulleres cada noite.
Certo que o equipo EMIS reserva algunha praza para persoas especialmente vulnerables. Ás veces chegan despois de ser identificadas polo equipo de traballo na rúa ratando de xerar un itinerario personalizado que vaia na dirección da reinserción.
A praciña interior do CBE dá moito xogo para as persoas usuarias
Un refuxio, sobre todo, para mulleres vulnerables
Hai dous factores que fan do Centro de Baixa Esixencia un espazo acolledor e seguro para as mulleres vulnerables. A propia dimensión (30 prazas nun local con diferentes estancias, unha praciña interior, un comedor amplo…) permite que as persoas non se sintan amoreadas. Porque é verdade que noutros centros, noutros comedores máis ateigados é moi complicado conseguir ese espazo de seguridade necesario.
Pero ademais a confianza, o sentirse escoitadas e atendidas, ese calor humano que ofrece o pesoal fai que, sobre todo, o centro sexa un verdadeiro éxito en materia de protección.
”Notamos que as mulleres que están na rúa, verdadeiramente as máis vulnerables de toda a cadea social, aquí se senten seguras”, afirma orgullosa Leal, que fala de varias mulleres concretas, cos seus nomes, que conseguiron refacer a súa vida ordinariamente tralo seu paso por aquí.
A día de hoxe son 9 as mulleres que durmen habitualmente no centro, e se ben houbo xornadas con 13, pero polo de agora non hai lista de espera. Así e todo, aquí sempre terán un refuxio.
A Coruña reivindica a pegada histórica de Castelao cunha exposición urbana na praza de Lugo. A mostra promovida pola Fundación Castelao lembra os vínculos do político e artista co movemento galeguista e coa cidade herculina.
A exposición, establecida no marco do Ano Castelao e do ciclo de conferencias de homenaxe ao 75 aniversario do seu pasamento, componse dunha serie de cubos expositivos que, a través de imaxes e textos breves, recollen os principais momentos da relación de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao coa cidade, desde as súas primeiras visitas como estudante e tuno ata a súa intensa actividade política, artística e intelectual na capital herculina entre 1906 e 1936.
Durante o acto, o edil Gonzalo Castro destacou “a importancia de manter viva a memoria dunha figura crave para o galeguismo, que atopou na Coruña un espazo de acollida, difusión e compromiso co país”.
A asemblea de persoal das escolas deportivas municipais do Concello da Coruña acordou unha xornada de paro de tres horas o próximo 27 de novembro para reclamar “a dignificación das condicións de traballo e o recoñecemento do labor que realizan”. O paro, informa a CIG, terá lugar de 10 a 13 horas e “para dar visibilidade” ás súas demandas sairán en manifestación desde as instalacións deportivas de Riazor, ás 10.30 horas, ata o consistorio.
Á chegada á praza de María Pita, prevista para unha hora despois, realizarán unha simulación das distintas clases de actividades que se ofrecen nas escolas deportivas municipais, convidando á cidadanía a participar. Tamén procederán á lectura dun manifesto con petición ao goberno local para asumir a táboa reivindicativa sobre as melloras laborais e salariais.
O sector do taxi mobilizouse este xoves, día 13, na Coruña para denunciar a “lentitude” da Xunta e o Goberno local para tomar medidas ante o “intrusismo” dos vehículos de transporte con condutor (VTC) na cidade. “Teñen unha licenza exclusivamente interurbana e están a facer o 80% dos seus servizos no centro urbano”, explicou o portavoz do colectivo, Juan Carlos Sambad, en declaracións a Europa Press. Fíxoo tras apuntar que “Cabify e Uber levan desde 2018 operando na cidade e parece coma se aparecesen agora de súpeto”.
Para protestar ante esta situación, un centenar de taxis, a título particular, saíron en caravana do barrio de Palavea ao redor das 11.00 horas para percorrer A Pasaxe, avenida do Exército, Primo de Rivera, Linares Rivas, Juana de Veiga e finalizar no Parrote. “O obxectivo desta marcha lenta é dar visibilidade a este problema“, expuxo Sambad ante unha circunstancia que afecta aos “522 taxis que hai na Coruña”.
RESPONSABLES
“Somos un grupo de traballadores descontentos con como se está levando todo”, recalcou. Neste sentido, sinalou que as reclamacións do sector van dirixidas a “as dúas administracións”. “Non entramos en quen é máis ou menos responsable”, indicou en alusión ao Executivo autonómico e ao consistorio.
No entanto, Sambad incidiu en que “no centro urbano da cidade da Coruña quen ten a obrigación de facer cumprir a lei é o Concello e a Policía local”. “Parece ser que non o están facendo”, apostilou. Respecto da caravana de protesta, desde a Policía local precisaron que a súa incidencia no tráfico foi “escasa” e “sen maior repercusión”. “Unha circulación máis densa e lenta pero que non interferiu moito na vida cotiá”, concretaron.
Apoio de PP e BNG
“Sentémonos todos a regular todo o sector da mobilidade. Porque é bo regulalo, respectando o gran labor que sempre fixeron os taxistas na cidade”, sinalou o voceiro do PP Miguel Lorenzo, que quixo acompañar aos taxistas nesta mobilización: “Temos que coidar, protexer e recoñecer o gran labor que fai o sector do taxi na nosa cidade”, sinalou ademais de apuntar que “mentres non haxa normativa municipal, hai unha autonómica pola que se impuxeron sancións aos VTC que a incumpriron, pero se o Concello non as tramita, de que serve?”.
Avia Veira conversando cos taxistas
Tamén a concelleira do BNG Avia Veira, acompañou esta mañá a mobilización do sector do taxi para facer valer os seus dereitos fronte á competencia desleal dos VTC (vehículos de transporte con condutor).
A Xunta pode retirar esas licenzas se non se utilizan para o que foron concedidas”, afirma Avia Veira, ao tempo que salienta: “Defendemos o sector do taxi fronte á competencia desleal dos VTC. Por iso presentamos esa moción, aprobada por unanimidade, e por iso acompañamos hoxe esta mobilización”.
A alcaldesa da Coruña e vicepresidenta primeira da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Inés Rey, criticou este xoves “a utilización partidista das institucións públicas” tras o rexeitamento do PP a un manifesto conxunto con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero.
Rey, que participou en Madrid xunto a Candelaria Testa, alcaldesa de Alcorcón e vicepresidenta da comisión pola Loita contra a Violencia de Xénero na FEMP, expresou o seu “profundo desgusto” ante a ruptura dun consenso que, segundo dixo, “nos unía a todas e a todos”.
A rexedora coruñesa lembrou que a FEMP leva máis de corenta anos sendo “un espazo de encontro e diálogo”, e reprochou aos populares que “non lles importe usar a dor das vítimas para os seus propios intereses, en oposición permanente ao Goberno de coalición”. Rey insistiu en que a unidade institucional é fundamental para combater a violencia machista e lamentou que o PP rompa un acordo histórico que representaba a voz conxunta dos concellos na defensa das vítimas.