Inicio Blog Páxina 184

As obras dos Cantóns avanzan cara unha nova fase, con desvío alternativo para coches

0

Este mércores, día 3, comeza unha nova fase de traballos no marco das obras de remodelación dos Cantóns, que continuarán agora na contorna da praza da Aduana, á beira dos edificios da Subdelegación do Goberno e a Casa Paredes. A intervención, centrada na pavimentación deste espazo, durará dous meses, “o tempo preciso para concretar actuacións como a supresión e cubrición da entrada ao aparcadoiro, clave para que, no futuro, discorran sobre el os carrís destinados ao tráfico de vehículos“, informa o consistorio.

Tamén se aproveitará esta intervención para dispor as novas pezas de pedra correspondentes á superficie peonil. Neste sentido, os dous meses establecidos para completar esta fase son necesarios para que dea tempo a que as laxas estruturais de formigón, as do firme, teñan marxe para forxar. En todo caso, non haberá incidentes nin cortes ao paso do tráfico rodado. O tránsito de vehículos autorizados desde a avenida da Mariña poderá pasar polo carril que se acoutará fronte á praza da Aduana, e os que cheguen á altura do Teatro Colón, en dirección á Mariña, disporán dun desvío alternativo.

O Concello da Coruña e o Goberno abordan a colaboración para recuperar a memoria democrática

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta tarde, no Palacio Municipal de María Pita, ao secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez López, na súa visita á cidade.

No encontro, a rexedora destacou que “a memoria democrática é un alicerce fundamental para entender quen somos como sociedade e para seguir avanzando en dereitos e liberdades”.

Tamén puxo en valor a importancia da colaboración institucional para a preservación da memoria democrática e a divulgación dos valores de liberdade e xustiza. Ademais, abordaron o traballo do Concello nesta materia e as actuacións para a recuperación da Casa Cornide ou as realizadas en relación ao Pazo de Meirás.

A herculina Sandra Garrido, embarcada na Flotilla Sumud do Global Movement to Gaza 

0

Despois da concentración deste pasado sábado en apoio á Global Movement to Gaza no Obelisco, o domingo partía xa de Barcelona, a Flotilla Sumud Global camiño de territorio palestino. E a bordo está a avogada Sandra Garrido Fernández, directora de asuntos internacionais da Fundación Terrum / Asensi Contrario e especialista en situacions de crisis.

A Flotilla Sumud GLobal, unha flota coordinada e non violenta, que conta coa participación de delegacións de 44 paises na súa misión de romper o asedio ilegal de Israel a Gaza e abrir un corredor humanitario. A emerxencia está en “romper o bloqueo imposto polo Estado de Israel a Gaza”.

Aí estará Sandra Garrido, unha muller que leva máis de 30 anos vinculada ao activismo social no noso país e noutros puntos do Estado, cunha traxectoria ampla en movementos feministas, de solidariedade internacional e de defensa dos dereitos humanos. Foi socia fundadora da Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres e participa en grupos feministas autónomos desde hai máis de tres décadas. Ademais, é colaboradora en plataformas como Galiza por Palestina, Compostela por Palestina e Pallasos en Rebeldía, así como na Fundación Terrum, dedicada á defensa dos dereitos humanos, do medio ambiente e da memoria histórica.
Dentro da súa experiencia laboral, mencionar que forma parte do Grupo de Intervención Xurídica Socio-Comunitaria (GIX) e doutros colectivos galegos e estatais relacionados coa xustiza social, a diversidade funcional, o movemento LGTBIQ ou a defensa dos dereitos das persoas presas.

 

 

O Bristol, as salas da cidade e La Casa Azul, protagonistas do Noites do Porto

0

Presentou esta pasada fin de semana o cartel definitivo do festival Noites do Porto. Fíxoo nun acto no UmmaGumma, pero con protagonismo para o Bristol Bar, un dos grandes epicentros musiqueiros na cidade, que ademais vivirá unha noite moi especial o 27 de setembro: o concerto do cabeza de cartel do festival (La Casa Azul fará no peirao de Batería a súa única parada en Galicia da xira do seu 25 aniversario) rematará celebrando o 30 aniversario do bar da rúa Torreiro.

13 escenarios

O festival indie, dirixido por Héctor César, pecha así o cartel dunha quinta edición que se expandirá a varias salas da cidade da Coruña, ata abarcar 13 escenarios. É precisamente esa aposta por recoñecer e poñer en valor o traballo das nosas salas o máis destacado do festival.

As nove noites de música en directo tamén estarán acompañadas de sesións musicais comisariadas ofrecidas por comisarios locais, nacionais e internacionais como parte da cápsula Noites nos Bares. Callum Brown, Ryan Scott, Vanne Vamp, Ángel Snap, Txetxu el Tigre, Gulya e Los Bundy, entre outros, únense á quinta edición dun festival que ademais do Jazz Filloa, o Garufa Club, o Playa, a Sala Inn, a Mardi Gras, tamén chegará a locais de hostalería e establecementos como Bristol Bar, Don Giorgio, El Calvario Vintage, La Chela, Los Tigres e Rosmon Burger.

PROGRAMACIÓN MUSICAL DE NOITES DO PORTO 2025

CARTEL Noites do Poto Coruna 2025

  • 23.09, Jazz Filloa. Yazz Ahmed & Ralph Wyld (últimas entradas disponibles)
  • 24.09, Rosmón Burger. Deadletter official pre-party: Callum Brown (London), Txetxu el Tigre (A Coruña)
  • 24.09, Garufa Club. Deadletter + Fantasmage (más del 50% del aforo vendido)
  • 25.09, El Calvario Vintage. The Lemonheads & Moura official pre-party: Vanne Vamp (A Coruña)
  • 25.09, Inn Club. The Lemonheads + Moura (entradas agotadas)
  • 25.09, Don Giorgio. The Lemonheads + Moura official after-party: Ryan Scott (London/NYC), Gulya (Barcelona / A Coruña)
  • 26.09, Muelle de Batería. Ana Curra + Ilegales
  • 26.09, La Chela. Ana Curra + Ilegales official after-party: Ángel Snap (Madrid)
  • 27.09, Los Tigres. Sesión vermú 30 aniversario Bristol Bar: Los Bundy (A Coruña)
  • 27.09, Playa Club. Sho-Hai
  • 27.09, Muelle de Batería. 25 años de La Casa Azul + Juligan
  • 27.09, Bristol Bar. 25 años de La Casa Azul & 30 aniversario Bristol Bar official party: Dj sorpresa
  • 28.09, Mardi Gras. Océano Eskizo
  • 30.09, Garufa Club. Michelle David & The True-Tones + The Gruesomes
  • 01.10, Jazz Filloa. Jasmine Myra (últimas entradas disponibles)
  • 02.10, Teatro Colón. Israel Fernández
  • 02.10, Localización sorpresa. Noite de Clausura: Dj sorpresa.

O prestixioso investigador sueco Ulf Linderfalk incorpórase á Universidade dá Coruña (UDC)

0

A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña (UDC) incorporou ao recoñecido profesor sueco Ulf Linderfalk, unha das figuras máis destacadas a nivel mundial no ámbito do Dereito Internacional, co obxectivo de desenvolver o seu proxecto de investigación durante o próximos catro anos.

Segundo traslada a institución académica, Linderfalk foi un dos 31 investigadores seleccionados na convocatoria ATRAE 2024 da Axencia Estatal de Investigación, que busca atraer talento internacional de excelencia ás institucións de educación superior e investigación de España.

Nesta edición, engade, na que se presentaron 148 candidaturas, o profesor foi o único galardoado no panel de Dereito, obtendo unha subvención dun millón de euros para o desenvolvemento do seu traballo na UDC.

Catedrático de Dereito Internacional na Universidade de Lund (Suecia), Linderfalk incorporouse a esta institución en 2001, tras defender a súa tese de doutoramento sobre a interpretación de tratados internacionais.

Máis novas

Entrevista a Xulio Ferreiro: “O enfrontamento político das esquerdas é un desastre”

Preguntan pola caducidade de varias instalacións deportivas municipais da cidade

0

Unha das problemáticas laborais que levamos vendo en centros deportivos municipais é a caducidade dos contratos concesionais co Concello. O Campo Municipal de Golf, o Complexo Deportivo de San Diego, a Piscina Municipal de San Amaro, ou Polideportivo Municipal da Sagrada Familia son exemplos desta situación de centros cuia concesión está caducada ou a piques de facelo.

Por iso, o BNG vén de presentar unha serie de preguntas por escrito ao Goberno Local: “Cando caducou ou vai caducar o contrato de concesión das conserxarías das instalacións deportivas municipais?”, cuestiona o concelleiro nacionalista David Soto, quen se interesa igualmente por saber “cal é a xuízo do Goberno Municipal a razón de existiren tantos contratos de concesión caducados”.

FDai fincapé o BNG, como tamén fixo o PP, na situación do Polideportivo de San Diego, con numerosos problemas orixinados polo seu deficiente mantemento que mesmo ten provocado unha redución na oferta de clases dirixidas.
“Cando vai saír a concurso a licitación da nova concesión da xestión do polideportivo?”, inquire o edil nacionalista David Soto nas pretuntas.

Máis novas

Esixen que o goberno local tutele o funcionamento do Centro Deportivo do Castrillón

O PP esixe solucionar as graves deficiencias denunciadas polos usuarios do polideportivo de San Diego

As obras do Centro de Santa Lucía comezarán antes de que remate 2025

0

Conta atrás para o inicio das obras de rehabilitación do antigo mercado de Santa Lucía, unha intervención fundamental para os barrios da Falperra e do Ensanche, e que permitirá construír un novo centro de saúde e un centro cívico tras o acordo asinado a finais de xuño polo Concello da Coruña e a Xunta.

Neste sentido, esta semana avanzouse na resolución dos trámites administrativos previos ao inicio das obras, valoradas en máis de dez millóns de euros. A Mesa de Contratación do Concello da Coruña, presidida por Manuel Ángel Jove, director de Administración Xeral, avaliou esta semana as ofertas presentadas ao concurso, sendo a do Grupo San José a que obtivo máis puntuación no proceso.

Entre os aspectos destacados da oferta do Grupo San José está o feito de que rebaixa nun 6,22 % o importe inicial asociado ao investimento da obra —isto é, case medio millón de euros menos—, e, ademais, prevé diminuír en tres meses o prazo de execución dos traballos, reducindo este a 15 meses. O investimento total achégase aos 10 millóns de euros.

A empresa presentará agora a documentación requerida antes de elevar á Xunta de Goberno a proposta de adxudicación. Despois abrirase un periodo de 15 días para posibles alegacións. Asi, a previsión é que se poda asinar o contrato este outono e iniciarse as obras antes do remate do 2025.

 

“A reforma urbanística dos Cantóns desprestixia á Coruña como cidade cultural”

Xa protestaran en marzo, pero visto que o proxecto non cambiou, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), lanza a grave denuncia pública.

A entidade, que representa a máis de 160 profesionais do sector en Galicia, lanza “un novo e urxente chamamento público diante do silencio institucional do Concello da Coruña e dos arquitectos responsables da reforma dos Cantóns, José Manuel Vázquez e Carmen Calatayud”.

Denuncian que “a proposta de trasladar a parada dos autobuses metropolitanos á rúa Manuel Casas —lateral do Teatro Colón— provocará un colapso funcional e un risco evidente para a seguridade de persoas usuarias, traballadoras e compañías culturais, ao converter o único acceso técnico do teatro nun espazo compartido con centos de persoas e vehículos pesados cada día”.

Esta situación provocará que “o Teatro Colón, espazo emblemático da Rede Española de Teatros e Auditorios, con décadas de historia e relevancia estatal, podería verse rebaixado á categoría de espazo inoperativo. Esta reforma compromete o seu futuro e danará irreversiblemente o prestixio da cidade como destino cultural”.

“Ignorancia ou desprezo institucional?”

Desde marzo deste ano, a AGPXC presentou alegacións formais, avaladas polo Grupo Municipal do BNG e por responsables da área de Cultura da Deputación da Coruña, entidade titular do Teatro Colón. A resposta foi o máis absoluto silencio por parte da Concellaría de Infraestruturas e Mobilidade e do equipo redactor da reforma.

Nun acto público celebrado o 3 de abril, un membro da directiva de AGPXC trasladou persoalmente aos arquitectos a gravidade da situación e entregou o seu contacto directo para estudar alternativas. “Prometeron unha xuntanza que nunca se convocou, malia as
chamadas posteriores ao seu despacho profesional”, sinalan dende a AGPXC.

Consecuencias “inmediatas e irreversibles”

A entidade enumera as consecuencias

● Redución a mínimos da operatividade do teatro: a zona de carga e descarga
quedará limitada a un espazo mínimo, inutilizable para espectáculos de mediana ou
grande complexidade.

● Encarecemento das producións: os custos de carga/descarga multiplicaranse por
dous ou tres debido ao tempo e á dificultade operativa. Estímase unha suba media
do prezo das entradas do 10 ao 15%.

● Fuga de programación: compañías escénicas e musicais escollerán auditorios de
Ferrol, Narón ou espazos privados como Palexco, que aínda que teñen alugueiros
elevados, ofrecen operatividade loxística.

● Risco laboral e de accidentes: a presenza de vehículos pesados, operacións
nocturnas, cargas delicadas e multitudes na zona crea unha situación incompatible
coas normativas de seguridade e prevención de riscos laborais.

Ante todo isto, solicitan “a paralización inmediata das obras na rúa Manuel Casas, mentres se avalían alternativas viables para a parada dos autobuses metropolitanos”; “a convocatoria urxente dunha xuntanza entre responsables municipais, os arquitectos do proxecto e profesionais dos teatros afectados”; e “a implicación directa da Alcaldesa Inés Rey, como máxima responsable institucional, para garantir que esta reforma non converta un espazo público cultural nun punto morto da programación escénica galega”.

 

Máis novas

A Asociación de Profesionais da Xestión Cultural critica que a reurbanización dos Cantóns afecta á zona de carga do Teatro Colón

Así será a reurbanización dos Cantóns

O Mural advirte que a inactividade da Xunta e Concello causa máis danos nos Murais de Lugrís do Olmo

A asociación cultural O Mural advirte que “nin o Concello da Coruña nin a Consellería de Cultura da Xunta fixeron nada dende o 4 de xuño para avanzar na súa promesa «de conservar os frescos no seu emprazamento e abrilos á cidadanía como o ben cultural de primeiro orde que son»”.

Nesa data as dúas administracións xuntáronse para anunciar que iniciaban unha colaboración para crear un espazo xestionado polo Concello no que «poñer en valor o legado de Urbano Lugrís».

Pasaron os tres meses tradicionalmente con menos choivas do ano e as dúas administracións non avanzaron nin na adquisición ou alugueiro do baixo e o entresollado dos edificios da rúa Olmos, 25 e 27 nin na rehabilitación do edificio, cuxo estado segue a danar as pinturas polo que as choivas do outono seguirán a caer sobre a vista da Coruña e os outros 12 frescos que Lugrís pintou naquel espazo.

A Xunta tampouco cumpriu coa sua promesa de febreiro de 2024 de declarara de xeito exprés os frescos como ben de interese cultural.

“Estes retrasos súmanse aos silencios, desleixos e desintereses que levan amosando as dúas administracións dende que, en xuño de 2021, O Mural puxera no seu coñecemento o abandono do edificio e o perigo para esta obra de arte senlleira”, sinalan.

Os frescos da rúa Olmos constitúen o único conxunto muralístico dos que pintou Urbano Lugrís que se mantén íntegro no lugar orixinario e atópase en grave perigo polo estado de abandono e ruína do inmoble que os custodia.

A Xunta propón recuperar e expoñer os murais de Urbano Lugrís na rúa Olmos

 

 

300 nadadores participan na Travesía a nado de San Amaro en A Coruña

0

A Coruña acolle este domingo, día 31, ás 12.00 horas a celebración da LXXXIV edición da Travesía a nado á Enseada de San Amaro coa participación de 300 deportistas e tras a cancelación da pasada edición por precaución sanitaria.

Segundo informa o consistorio, a proba desenvolverase en augas abertas na contorna da baía, ofrece un percorrido en forma de triángulo e está aberta a nadadores de diferentes idades, “promovendo tanto a participación popular como a práctica deportiva en contornas naturais”.

O Concello herculino colabora con este evento organizado polo Club do Mar de San Amaro, xunto cos equipos de Protección Civil, Cruz Vermella e a Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA), que reforzarán a seguridade do acto con medios acuáticos e asistencia técnica.

Esta proba consolídase como un referente no calendario estival da cidade, tanto pola súa tradición — con 84 edicións celebradas — como polo seu valor na promoción do deporte ao aire libre e o vínculo coa contorna costeira de barrios como Monte Alto ou Durmideiras”, apunta o consistorio.