Inicio Blog Páxina 192

Investigado un condutor na Coruña por usar un carné de conducir falso

0

A Garda Civil investiga a un condutor como suposto autor dun delito de falsidade documental e outro de conducir sen obter nunca o carné tras identificarse cun permiso falso cando circulaba pola provincia da Coruña.

Os feitos ocorreron o pasado 26 de xullo cando os axentes lle deron o alto por unha infracción de seguridade viaria. Nese momento, o individuo, residente en España, identificouse cun permiso da República de Serbia, que contiña datos persoais e a súa fotografía. Ante as dúbidas sobre a autenticidade do documento, os funcionarios interviñérono para a súa análise, confirmándose que era falso.

Ademais, a investigación revelou que o implicado identificouse previamente ante a administración con este documento falso noutras ocasións, para evadir responsabilidades por diferentes infraccións de tráfico. Tamén se constatou que o condutor xa fora condenado en 2023 por carecer de permiso de condución.

A Coruña quere Noroeste

0

Arrincou o tan esperado Festival Noroeste, nesta 38ª edición marcada polas declaracións doconcelleiro de Cultura e pola tardanza na publicación do cartel. Pero a realidade é que en canto soa a música, a cidade entrégase, e malia non poder facer plans (o cartel saíu o sábado, 4 días antes do comezo do festival), a veciñanza ten reservada as datas.

A música correu polas prazas do Campo da Leña, Azcárraga e María Pita (os tres principais escenarios tendo en conta que un é no Portiño, un espazo privado lonxe da cidade e outro no Castelo de San Antón, con reserva de entradas) con disparidade de resposta. Se o Campo da Leña e Azcárraga viviron unha doble xornada moi positiva, en María Pita as propostas de Alber Pla e La Yegros quedaron a media asta.

Abrían o telón desta edición, ás 13:00h, Los Sex no Campo da Leña. O público encorábase cara a sombra mentres a banda madrileña pasaba calor enriba dos escenarios (este ano sen cuberta polas boas previsións meteorolóxicas) e acaban quitando as camisetas dándoo o todo co seu directo cañero e divertido.

A maxia de Azcárraga

Adhara & Ritman-en Azcarraga
Adhara & Ritman en Azcárraga

A sesión vermú continuaba na máxica Praza de Azcárraga, un do espazos preferidos polo público (sobre todo despois de acabar co de San Nicolás) cunha impresionante Adhara & Ritman. A banda da carnotá e os herculinos Tito Barbeito, Arturo Kress e Andrés Castro, puxo a bailar a toda a praza. A
Cuncheira de Sofán fixo unha demostración de potencia sobre o escenario coas súas impactantes letras, en galego, a súa pandeireta e os seus movementos. Esa mestura de rock e tradición chegou ao cumio co comprometido tema “Por elas”, que versa sobre a violencia de xénero, cando, coma sempre lle pasa, rompiu a chorar, coma moitos no público entonando o que “que ninguén decida cando se acaba a túa vda”.

JP Bimeni en Azcarraga
JP Bimeni en Azcárraga

Xa pola tardiña, o soul comezou a tomar o mando da máxica praza do casco vello da man de J.P. Bimeni and The Black Belts. Espectacular o de Burundi, coa súa banda española, e ese poderío e elegancia das grandes estrellas da música negra, dándonos esperanza co seu “guve me hope” de que esta edición vai ser máis potente do que di o cartel.

Xa ás 23:00h, tras un impass, volveu a maxia do rhythm´n´blues e do gospel á praza, con Annie and the Caldwells. Contaxiosas as voces da artista principal e as súas coristas deixando outra noite máxica na simbólica praza.

ie adn the Caldwells en Azcarraga
Annie and the Caldwells en Azcárraga

Media entrada en María Pita

Non resultaron tan potentes os concertos de María Pita. Esperada era a visita de Albert Pla, un mito da música revolucionaria, pero a súa posta en escena é só apta para os moi cafeteros. Soaron algúns clásicos de Extremoduro, con ritmos singulares, pero o flamenco foi o protagonista da sesión da man das Rumbagenarios.
Acabou subindo ao escenario Julián Hernández, en clave de obispo exhibicionista con gabardina, entonando unha desas cancións míticas de siniestro como o “Bailaré sobre tu tumba”.

A divertida proposta de La Yegros tampouco calou demasiado, pero deixou unha boa impronta.

O rock medra no Campo da Leña

Festival Noroeste 2025-Los Sex no Campo da Lena
Los Sex no Campo da Leña no vermú

A praza roqueira por excelencia é o Campo da Leña. Los Deltonos comezaban a ruxir puntuais, como todo o festival, ás 22:00h, pero foi con O’Funk’illo, outra vez na cidade, cando a praza se desbordaba de simpatía e ritmos endiañados con ese baixo tan característico de Pepe Bao.

Nova xornada

Nova noite de músic, con Mondra como un dos grandes reclamos da xornada, demostrando o poder da música galega contemporánea.

Festival Noroeste Horarios xoves 2025

O programa completo

O Festival Noroeste por fin ten Cartel

Máis novas

O devir do Noroeste tras convertirse no “mellor festival do estado”

O goberno socialista recoñece a prevalencia dos festivais privados sobre o Noroeste: “Quen queira ver grupos de nivel, que pase por taquilla”

Acto de condena ante a Delegación do Goberno polo asasinato machista de Badaxoz

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidiu, ante a sede da Delegación do Goberno, na cidade herculina, o acto de condena polo último asasinato machista ocorrido na localidade de Don Benito (Badaxoz), declarado como violencia de xénero polo Ministerio de Igualdade. A subdelegada trasladou en nome do Goberno de España o pésame tanto á familia como a persoas achegadas á vítima. “Hoxe gardamos un minuto de silencio coa dor e a indignación no corazón, porque unha vez máis temos que lamentar o asasinato dunha muller polo simple feito de selo”, manifestou Rivas.

Ademais, lembrou que non se trata dun caso illado, senón dunha expresión máis de “unha violencia estrutural” que debe combaterse desde todos os ámbitos da sociedade. “O Goberno de España mantén un compromiso firme, activo e inquebrantable na loita contra a violencia de xénero, reforzando os recursos públicos e promovendo políticas valentes para protexer ás vítimas, concienciando á cidadanía e garantindo que ningún crime quede impune”, sinalou a subdelegada apelando á responsabilidade e á importancia de denunciar e de apoiar a todas as vítimas.

Volve en setembro o ciclo de concertos ‘Noites na Cidade Vella’

A Coruña acollerá do 4 de setembro ao 18 de outubro a IV edición do ciclo de concertos ‘Noites na Cidade Vella’, que ofrecerá once concertos gratuítos en edificios históricos e museos emblemáticos da cidade, con entrada libre ata completar a capacidade. Así se informou na presentación, nun acto presidido polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. O evento está organizado pola Fundación Rogelio Groba, en colaboración co Concello da Coruña e da Deputación coruñesa.

O programa reunirá a intérpretes nacionais e internacionais como o violonchelista Santiago Cañón-Valencia ou o violinista Kevin Zhu, o guitarrista Marcos Díaz, Quartet Hana, o Dúo Mandala e a pianista Marianna Prjevalskaya, entre outros. Noutra orde de cousas, oito festivais da provincia contarán con puntos LGTBI+ ao amparo da campaña Liberdade de Ser e de Sentir. Instalaraos a asociación Alas A Coruña para “sensiblizar, informar e achegar recursos á cidadanía sobre a diversidade afectiva, sexual, de xénero e familiar”, informa a institución provincial.

O goberno central e o Concello pide a mediación da Xunta no conflito por vivendas de aluguer social en Xuxán

0

O Concello da Coruña solicitou á Xunta que intermedie no conflito entre cooperativistas e Galivivenda polo proxecto de vivendas de aluguer social, tras unha reunión con representantes dos primeiros na que participou tamén a subdelegada do goberno na provincia, María Rivas. Unha situación que volve converterse en batalla partidista na que os únicos perxudicados son os esquecidos cooperativistas.

Concello e Goberno Central, e a Xunta, lánzanse as responsabilidades sobre os cooperativistas de Xuxán

Nun comunicado, demanda “unha solución que permita ás persoas afectadas acceder a unha vivenda a un prezo alcanzable”. Faino despois de que o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Galego, reunísese este mércores con representantes dos e das cooperativistas das parcelas da Xunta de Galicia adxudicadas a Galivivienda Sociedade cooperativa, nun encontro con presenza tamén da subdelegada do Goberno, María Rivas.

Estas persoas manteñen un conflito aberto polo cambio nas condicións para poder acceder ás súas vivendas de aluguer no barrio de Xuxán. Os asistentes, informa o goberno local, trasladaron os problemas que están a ter con Galivivienda Sociedade cooperativa e coa xestora Gesvieco, e que, polo que informaron, foron trasladados á Consellería de Vivenda no mes de xullo.

Segundo manifestaron os afectados, no mes de xuño Galivivienda Sociedade cooperativa convocou unha asemblea na que se acordaron cambios nas condicións dos cooperativistas sen estar presentes os mesmos e instóuselles a aceptar as ditas condicións ou ben a abandonar o proxecto.

“Estas novas condicións dificultan o acceso dos cooperativistas a unha vivenda a prezo alcanzable e desde o noso punto de vista vulneran as condicións dos pregos polos cales foron adxudicadas ditas parcelas”, sinala Francisco Díaz Galego, que engade que esta “era a filosofía do proxecto impulsado pola Xunta” e á que hoxe remitiu nunha carta para pedir “intermediación” para manter “as condicións pactadas inicialmente”.

No caso de que isto non sexa posible, o Concello solicitará que se resolva o contrato de cesión de superficie e recupérense as parcelas públicas para iniciar un novo procedemento ou a súa promoción directa por parte da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Á súa vez, a subdelegada do Goberno na Coruña comprometeuse a trasladar as súas demandas ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana e sostivo que a interlocución cos cooperativistas “é fluída e constante”, remitíndose á reunión mantida en xuño con eles e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, xunto co director Xeral de Vivenda e Chan, Francisco Javier Martín Ramiro.

A XUNTA RECLAMA AO GOBERNO ACTUACIÓNS

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas afirma que velará por “os intereses” de cooperativas de Xuxán e urxe ao Goberno actuacións.

Nun comunicado, e despois de que o Concello herculino demandase á Administración autonómica que actúe de “intermediario” ante o cambio de condicións a cooperativistas de Galivivenda, segundo denunciaron, a Xunta insiste no seu “compromiso” co acceso a unha vivenda “digna a un prezo alcanzable”.

Sobre a situación á que se enfrontan os socios e socias cooperativistas de Xuxán, sostén que desde a Consellería de Vivenda puxéronse en contacto “cos socios, coa cooperativa, co ICO e co Ministerio, para trasladarlles que, de ningunha maneira, este Goberno autonómico ía permitir que se desvirtúe o carácter social das vivendas que a Cooperativa Galivivienda vai construír nun chan cedido pola Xunta de Galicia”.

Ademais de asegurar que así se lle trasladou a cooperativistas, engade que a conselleira, María Martínez Allegue, enviou varias cartas á ministra “pedindo aclaracións respecto ao préstamo ICO e unha reunión para abordar este asunto tan delicado e que preocupa ao Executivo galego”.

Engade tamén que “hai uns días, varios socios e socias cooperativistas puxéronse en contacto coa Consellería para mostrar a súa inquietude tras a asemblea celebrada o 16 de xuño na que Galivivienda daba conta dun novo plan económico e onde se falaba, segundo trasladáronnos, de certas condicións para a reincorporación de persoas socias”.

“Inmediatamente, puxémonos de novo en contacto coa cooperativa para esixirlles transparencia e a inmediata reincorporación dos socios, nas mesmas condicións que tiñan inicialmente”. “É necesario, en todo caso, que o Goberno central aclare se pode ou non garantir a prórroga dos fondos europeos polo que urxe a intermediación do delegado do Goberno”, apostila.

Máis novas

O Goberno comprométese ante cooperativistas de Xuxán a garantir o “cáracter social” das vivendas

Galivivienda sinala que o proxecto de vivendas en Xuxán é “financiable” polo ICO

Multa de 100.000 euros a unha cadea de ximnasios da Coruña por impor o recoñecemento facial no acceso

A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) multou con 96.000 euros á cadea de ximnasios Supera por impor o recoñecemento facial no acceso ás súas instalacións tras a denuncia realizada por Facua-Consumidores en Acción.

En concreto, a sanción, tres multas por valor de 80.000, 50.000 e 30.000 euros, respectivamente que sumaban 160.000 euros, quedou finalmente reducida nun 40% dado que a empresa propietaria, Sidecu SA, con sede na Coruña, recoñeceu a infracción e realizou o pago voluntario.

A organización de consumidores denunciou esta situación en 2023, tras ter coñecemento a través dos seus socios de que os establecementos desta cadea de ximnasios implantaran un sistema de recoñecemento facial como única forma de permitir o acceso, tras considerar que se estaba realizando un tratamento ilícito dos datos biométricos dos usuarios, o que consistía unha vulneración da normativa de protección de datos.

A empresa, con sede na Coruña, ten 30 centros repartidos por 21 municipios como A Coruña, Alacante, Almería, Burgos, Chiclana de la Frontera, Estepona e Marbella, Guadalaxara, León, Móstoles, Oviedo, Palencia, Parla, Rivas-Vaciamadrid, Talavera de la Reina, Valdemoro, Santander, Sevilla, Toledo, Valencia e Valladolid.

A AEPD confirmou que efectivamente existiu unha vulneración da norma nos feitos denunciados por Facua. En concreto, tres infraccións do Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD) por ter vulnerado artigos referentes á prohibición de tratamento de determinados datos sen solicitar o consentimento expreso, entre outros.

Na súa resolución, a AEPD sinala que os datos biométricos, sempre que se traten coa finalidade de identificar a unha persoa -como no caso dun control de acceso-, entran dentro da categoría de datos de carácter persoal de categoría especial, segundo recolle o artigo 9 do RGPD, cuxo tratamento está xeralmente prohibido.

As Mulleres Colleiteiras protagonizan unhas xornadas de Mulleres Liderando a Economía circular

0

O vindeiro luns 1 de setembro, a Fundación Paideia na Coruña acolle unhas xornadas sobre Mulleres Liderando a Economía Circular. E unhas das grandes protagonistas serán as Mulleres Colleiteiras, ese colectivo de mulleres xitanas que se ocupan da reciclaxe de aceite usado doméstico na cidade.

Mentres loitan por renovar o convenio (o Concello considera necesario abrir un proceso de licitación), será a súa xerente, Sofía Vázquez Manzano, a que leve a voz do colectivo a este Congreso, e demostre que unha muller, romaní, nai e activista poida liderar un proxecto exemplar de inclusión socioolaboral que restaura a dignidade, o emprego e a conciencia ambiental.

Xornadas Mulleres liderando economia circular

 

Congreso de saúde

A mesma Diplomada en Intervención Social coa Comunidade Romaní, tamén estará no 20º Congreso FEDALMA que se celebrará os 3 e 4 de outubro no Teatro Colón da Coruña.

Máis novas

Periga o convenio municipal de Mulleres Colleiteiras: ”Que intereses hai?”

Sofía Vázquez, a xitana de Mulleres Colleiteiras: “Onde antes nos pechaban portas, agora nos chaman polo noso bo facer”

Evitan un suicidio na Ronda de Outeiro

0

Os esforzos conxuntos de varias unidades policiais: Seguridade Cidadá, o Corpo Nacional de Policía (GOES), así como o negociado policial, conseguiron evitar un tráxico incidente nun portal da Coruña, onde un home ameazaba con quitarse a vida cunha escopeta.

O suceso tivo lugar na madrugada do 31 de xullo, cando unha chamada ao 091 alertou da presenza dun home armado cunha escopeta no interior dun portal, coa intención de quitarse a vida.

Varios axentes do Grupo de Atención Cidadá acudiron inmediatamente a este portal, situado na Ronda de Outeiro, onde observaron a un home sentado no interior, armado cunha escopeta. A culata da arma apoiaba no chan e o canón apoiaba no queixo.

Os axentes intentaron falar con el e insistíronlle en que deixase caer a arma, intentando achegarse a el. Non obstante, nun momento dado, o home, aínda coa arma na man, correu cara a unha sección da entrada onde xa non podía ser visto polos axentes.

A continuación, activouse o Protocolo de Incidentes Críticos e, en poucos minutos, chegaron ao lugar os feitos o Grupo de Operacións Especiais de Seguridade (GOES) e o Negociado da Policía Nacional. Tamén se solicitou a presenza de paramédicos e da Policía Local da Coruña, que bloquearon o tráfico na zona.

Tras chegar ao lugar dos feitos, o negociador mantivo unha conversa co home, que se atopaba nun estado de gran axitación emocional. Incluso se despediu varias veces, sen deixar de apuntar coa escopeta ao queixo e co dedo no gatillo.

Mentres tanto, o GOES (Policía Gobernamental) e outros axentes policiais de servizo permanecían alerta ante a necesidade da súa intervención, mantendo un perímetro de seguridade para protexer os veciños e garantir que o negociador poida facer o seu traballo sen interferencias.

Durante a negociación empregáronse diferentes estratexias, ata que unha delas resultou eficaz, e o home finalmente deixou a arma no chan pouco despois das 4:00 da madrugada. Posteriormente, foi atendido polos servizos médicos e trasladado ao Hospital Universitario da Coruña.

O Parrote cada vez está máis cerca de ter unha plataforma flotante

A Xunta iniciou hoxe a instalación dos pantaláns da plataforma flotante que está a habilitar na zona de Ou Parrote, na Coruña, segundo informa. En total son 12 os pantaláns que levará a estrutura flotante, de cinco metros de ancho e doce de ancho. Estes módulos, elaborados en formigón armado, foron prefabricados na planta da adxudicataria da obra, López Cao, nas proximidades de Buño, en Malpica.

Os pantaláns están a ser trasladados en transporte especial por estrada, de dous en dous e, unha vez no espazo, se procede ao seu precolocación con transporte marítimo. Hoxe está previsto que cheguen catro dos módulos e o resto, ata os 12, serán trasladados ao longo da semana. A previsión é que a finais desta semana queden os 12 módulos precolocados para, posteriormente, iniciar os traballos de suxeición e ancoraxe.

Con todo, a plataforma non chegará ao verán como se prometeu no seu día.

 

A plataforma flotante do Parrote dificilmente chegará ao verán

Licitada por 2,6 millóns a plataforma flotante de O Parrote

Ferido un traballador ao caer nun edificio en obras

0

Un traballador resultou ferido na Coruña ao caer dun edificio en obras e desde unha altura “bastante pronunciada”, precisaron a Europa Press desde o servizo de emerxencias 112. Dos feitos, tívose coñecemento sobre as doce da mañá despois de que o home caese cando traballaba no citado inmoble, no que se están acometendo actuacións de mellora.

Foi na avenida de Gramela, esquina coa avenida de Finisterre e cando o traballador realizaba os correspondentes traballos a unha altura elevada, en concreto nunha estada, producíndose daquela a caída. Ao lugar, desprazouse persoal de Urxencias Sanitarias 061, que mobilizou unha UVI móbil á zona do accidente, así como tamén axentes da Policía Local e Nacional.