Inicio Blog Páxina 191

Calor e barro nunha ateigada Alfaroleiros

0

Un ano máis, a orixinal e auténtica Feira Alfaroleiros encheu de vida as rúas de Santa Cruz nestes primeiros días de agosto. Unha cita imprescindible para centos de familias de toda a área herculina, que non dubidan en pasar a ollar as últimas tendencias oleiras de todo o estado, e para seguir aumentando a lacena.

Unha feira ideada hai máis de 30 anos para preservar a memoria cultural da olería e loitar contra a invasión dos plásticos.

O mércores abría co Parque Luis Seoane completamente cheo de pezas de barro: produtos de múltiples tamaños, prezos e funcións, desde as máis operativas na cociña de hoxe, como viratortillas, ensaladeiras, cuncas, tazas ou xerras, até pezas decorativas, creativas, luxosas ou exclusivamente dedicadas a representar algún aspecto do Concello de Oleiros. Un escaparate único para que calquera visitante puidese levar un recordo especial desta feira con tanta personalidade.

A presenza de visitantes foi constante ao longo dos cinco días, tanto en horario de mañá como de tarde, e todas as actividades paralelas rexistraron unha alta participación. A feira respondeu, coma sempre, á súa función socioeconómica e turística, ao converter Santa Cruz en visita habitual para moitas persoas que gozan da artesanía e a cultura, pero tamén da paisaxe, a gastronomía e as hospedaxes da contorna.

Resulta imposible saber con exactitude cantas pezas se venderon, pero hai un dato que fala por si só: as 6.000 bolsas oficiais da feira, repartidas entre os alfares para entregar as súas creacións, esgotáronse antes do remate. Isto confirma que as vendas se contaron por milleiros, o que representa un importante impulso económico para o sector artesán. Armando Moita Domingues, alfar procedente de Coimbra (Portugal), sinalou que só nos dous primeiros días de feira, xa vendera máis que en toda a edición anterior. Todo un éxito.

 

“Ratiña”, a curta de Alicia Úbeda e Luís Zahera, estreouse en Ribadeo

0

O Festival de Cine Curto de Ribadeo celebraba a pasada semana a súa cuarta edición. E entre as propostas tócanos destacar unha estrea moi especial: “Ratiña”, a nova curtametraxe da cineasta galega Alicia Úbeda (A Coruña, 1995), que tivo a súa primeira proxección pública no marco deste encontro cinematográfico.

Ribadeo é a terra materna de Alicia Úbeda, para quen esta estrea convírtese nun encontro moi especial por ese motivo. En palabras da directora, “faime moi feliz que o primeiro lugar onde se vexa “Ratiña” sexa no cinema ao que iba con meu avó de pequena”.

Alicia Ubeda en Ribado coa sua familia materna
Alicia Úbeda coa sua familia materna no festival

“Ratiña” é unha peza social e intimista rodada na Coruña en xullo de 2024, que afonda nunha perspectiva pouco tratada do acoso escolar: como se vive e se xestiona dentro do fogar, especialmente cando os adultos carecen de ferramentas emocionais para acompañar os seus fillos e fillas. A historia, contada en galego, parte dunha situación aparentemente cotiá para revelar unha realidade abafante: a soidade e o silencio da infancia mal comprendida.

Con Alicia Úbeda á fronte do guión, dirección e dirección de arte, e producida por ela xunto a Brava e Mordisco Films, “Ratiña” aposta por un estilo visual minimalista e poético, combinado cunha narrativa realista e fondamente emocional. A curta está baseada nunha historia real da directora, e protagonizada por actores e actrices recoñecidos e emerxentes como son Luis Zahera (no papel de pai da directora), Carmen García (a súa irmá pequena) e Sara Ferro.

“Ratiña” nace da vontade de dar voz a vivencias reais que seguen sen ter presenza no audiovisual galego, ofrecendo unha historia honesta, coidada e necesaria. A súa participación no Festival de Cine Curto de Ribadeo marca un primeiro paso para facer deste proxecto unha ferramenta cultural e educativa de longo percorrido.
Paralelamente a esta esperada estrea, Alicia Úbeda xa traballa na produción da súa segunda curtametraxe, “Garabato”, tamén producida por Brava, que forma parte dun mesmo universo de ficción xunto coa longametraxe en desenvolvemento “Chorima”.

A directora herculina Alicia Úbeda debuta en ficción con “Ratiña”

Bea Villar e Belén Puime, finalistas nos Mestre Mateo: “Este ano é o ano das webseries”

O BNG acusa á Xunta de “amparar” o “novo espolio” dos Franco na Casa Cornide

A deputada e portavoz de Cultura do BNG no Parlamento, Mercedes Queixas, acusou ao Goberno do PP na Xunta de “amparar” co seu “inacción” o “novo espolio” da familia Franco na Casa Cornide da Coruña. Ademais, afeou á Xunta que “dificulte” a súa xestión como Ben de Interese Cultural (BIC), o que cualificou de “un novo recochineo á democracia e á sociedade galega”.

Neste contexto, Queixas referiuse á apertura ao público do inmoble esta semana cunha primeira visita “na que se puido comprobar que no interior da Casa Cornide non quedan mobles nin outros bens materiais, facéndose realidade as advertencias dos veciños”. Tal e como denunciou a nacionalista, os veciños “chegaron a retratar fotográficamente furgonetas de mudanzas entrando e saíndo do edificio, con total amparo ou conveniencia da Xunta”. “A Casa Cornide é representación da Ilustración galega e, lamentablemente, convertérona tamén en representación do espolio franquista”, criticou Queixas.

A deputada denunciou ademais o “raquítico” réxime de visitas deste Ben de Interese Cultural, xa que os herdeiros do ditador “só permiten o acceso de cinco persoas por quenda de visita dunha hora os luns de 09.00 a 13.00 horas”. É por todo isto que o BNG rexistrou unha iniciativa no Parlamento para reclamar explicacións ao Goberno de Rueda, ao que Queixas quere preguntar, entre outras cuestións, “se lle parece que está a garantir por parte da Familia Franco o dereito de acceso ao público á Casa Cornide”.

Ademais de cuestionar se a Consellería de Cultura coñecía a situación na que se atopa o inmoble ou se chegou a realizar un inventario dos bens mobles e materiais existentes no seu interior antes de que fose declarada BIC. “Pola contra, por que razón non o fixo cando era ben consciente das actitudes históricas da familia Franco centradas na apropiación ilexítima e fraudulenta de bens patrimoniais colectivos?”, indicou o BNG nunha nota de prensa.

Viñetas desde o Atlántico inaugura unha nova edición con aposta pola internacionalización e diversificación

A 28 edición do Salón do Cómic Viñetas desde o Atlántico abrirá as súas portas do 11 ao 17 de agosto con propostas para todos os públicos e co obxectivo de apostar pola internacionalización, a diversificación de contido e a aproximación a outros ámbitos como o audiovisual. Así o sinalou, en declaracións a Europa Press, o seu director, Manel Cranio que afirma que o obxectivo é “desestacionalizar” actividades, “recuperar” a internacionalización deste evento e avanzar na “actualización” do festival de cara a dar resposta ás demandas dun público que creceu á vez que o facía Viñetas.

“Os que viñan con cinco ou seis anos agora son adultos”, remarca para incidir en que hai que dar pasos para atender o que demandan as novas xeracións. Neste sentido, indica que nos últimos anos perdeuse público infantil e que, por iso, esta edición inclúe talleres cos propios autores para “aprender a debuxar” con eles. Destaca tamén a incorporación de “máis contido audiovisual” como un photocall con 3D ou intervencións do mundo do cómic con outras propostas artísticas, pero tamén gastronómicas con pratos dedicados a algúns personaxes. Todo iso sen esquecer o recoñecemento a Castelao ou o ámbito musical como o concerto no que se realizarán ilustracións de letras que se interpretarán. “É abrir o cómic ao resto da cultura e da sociedade”, resume o director do festival.

PROGRAMACIÓN

E é que esta nova edición incluirá como temas centrais a relación entre a Banda Deseñada (BD) e a música, que comezou xa en xuño coa exposición ‘Quino na música’, ademais dunha homenaxe especial a Castelao no 75 aniversario do seu falecemento. Con máis de 70 autores nacionais e internacionais, exposicións, concertos, actividades para todos os públicos e un destacado programa gastronómico, o festival busca, segundo o seu director, ofrecer propostas amenas e próximas ao público co obxectivo de seguir incorporando ao mundo do cómic aos máis novos.

O tema central desta edición será a relación entre o cómic e o mundo musical, con exposicións e concertos que unen ambas as disciplinas. En total, participan máis de 70 creadores (73), fronte aos 40 do ano pasado, e preséntanse 20 exposicións, en comparación coas 18 de 2024. Tamén haberá figuras internacionais e nacionais da talla de Dave Cooper, un dos principais ilustradores de Canadá; Magius, premio nacional de Cómic en 2021; Fermín Solís, da nova onda do cómic español ou o polifacético artista galego Paco Coyote. Xunto a eles estarán os ilustradores Carlos Azagra, Encarna Revolta, Miguel B. Núñez, Olivia e Clara Cábez, Don Rogelio J, Inacio e Iván Suárez, Sara Jotabé, Montse Mazorriaga, Marika Vila, Jorge Esteban Urabayen, Sandra Lordi, Laura Suárez, Raquel Gu, Natalia Velarde, Arkaitz González, Diego Burdío e Adrián Prado, entre outros.

EXPOSICIÓNS

Ademais, A Coruña acollerá 20 mostras, incluíndo ‘Quino na Música’, ‘Astro-Rato e Bombillita’ de Fermín Solís na Sala Municipal do Palacio de Congresos; ‘Viñetas e Decibeis’, no Quiosco Alfonso e obras de Victor Coyote, Azagra, Revolta, Magius, Miguel B. Núñez, Cols (Olivia e Clara Cábez), Don Rogelio J e Wobbly de Dave Cooper, na Casa Museo Pablo Picasso. Por outra banda, en colaboración coa Deputación da Coruña, a Sala Municipal de María Pita, acollerá obras de Inacio e Iván Suárez e as gañadoras dos Premios Castelao 2024, Sandra Lordi e Laura Suárez. Estas Viñetas 2025 tamén inclúen concertos gráficos e actuacións en vivo, incluíndo o ilustrado de Home Tigre, actuacións de autoras como Anabel Colazo e Raquel Montero, ademais da proxección do documental ‘Quinografía’ e un ‘Latexa Latexa Show’ con entrevistas a autores, presentado por Nieves Rodríguez.

As Viñetas Mini traerán talleres diarios con autores convidados na Sala Municipal do Palacio de Congresos e espectáculos nas Bibliotecas Municipais e a tradicional Rúa BD, que encherá a Feira do cómic coa presenza de 35 editoriais e librarías especializadas, con máis de 100 actividades, entre elas, firmas, charlas, presentacións, visitas guiadas e clases maxistrais nos xardíns de Méndez Núñez. Tampouco faltarán os talleres e revisión de portafolios por parte de editores na sección Viñetas Prol. E, como ocorreu xa o pasado ano, durante todo o festival tamén se poderá gozar da gastronomía coruñesa grazas ás Viñetas Ñam, onde restaurantes da cidade ofrecerán pratos inspirados no mundo do cómic.

A comarca da Coruña enfróntase a problemas de abastecemento por colapso das infraestruturas

0

Os Concellos de Bergondo, Sada e Oleiros advertiron de problemas de abastecemento de auga potable, que tamén afectan a Cambre, debido a que a infraestrutura que lles fornece está ao límite. Ao mesmo tempo, Santiago de Compostela fixo un chamamento aos seus habitantes a un consumo responsable deste recurso.

Os responsables de Emalcsa reuníronse na mañá deste venres cos alcaldes e alcaldesas de Begondo, Sada, Oleiros e Cambre para advertir deste perigo. Segundo un comunicado do Concello de Sada, non se trata dun problema relacionado coa falta de auga, senón que está vinculado á infraestrutura que fornece aos municipios. Así, desde o 24 de xullo consómese máis auga da que o sistema ten capacidade de repor.

Deste xeito, Sada pide publicamente que se amplíe o colector da Telva que fornece ás localidades, así como a construción dun novo no lugar de Sarro. “É imprescindible que a Xunta de Galicia e Emalcsa colaboren cos concellos da comarca de Coruña para garantir unhas infraestruturas adecuadas ao crecemento da poboación que está a experimentar a área”, avisa Sada.

Pola súa banda, o Concello de Oleiros tamén se dirixe ao Goberno galego e a Emalcsa e pide a renovación das conducións desde A Telva ata o depósito de Espírito Santo. “No caso de chegar a colapsar o sistema, en Oleiros a existencia dos 11 depósitos do Concello permitiría garantir a subministración durante 2 ou 3 días; en principio, tempo suficiente para que o depósito de Espírito Santo recuperásese”, advirte.

Con todo, Sada e Bergondo chaman á cidadá a un uso responsable deste recurso. O segundo municipio lembra que a auga da traída tense que empregar só para uso doméstico, evitando facer regas e baldeos, limpeza de vehículos, enchido de psicinas ou calquier outro uso non esencial.

USO RESPONSABLE EN SANTIAGO

Por outra banda, o Concello de Santiago realizou un chamamento á cidadanía a realizar un consumo responsable da auga, en plena onda de calor. Tal e como recolle un comunicado municipal, a escaseza de precipitacións está a afectar ao ciclo da auga e durante os meses de xullo e agosto observan unha redución progresiva do caudal do río Tambre, situación que se repite cada ano.

Con todo, segundo os rexistros dispoñibles, o nivel do río no punto de captación da ETAP de Santiago –principal fonte de abastecemento da cidade– reduciuse un 2,56% con respecto á as mesmas data de verán de 2024. Aínda que os rexistros dispoñibles non supoñen, por agora, un risco para a subministración nin motivou a activación de alertas oficiais, é importante apelar á prevención e ao “uso racional” dun recurso limitado.

Neste contexto, o Concello chama aos veciños a adoptar hábitos cotiáns de aforro de auga, como pechar as billas durante o cepillado de dentes ou lavados de mans; revisar posibles fugas nas intalaciones domésticas; usar lavadora e lavalouzas só con carga completa, e non empregar auga para encher piscinas particulares.

Media entrada en Riazor

0

Parece que lonxe quedarán aquelas xornadas de 80.000 persoas en Riazor. O devir do Noroeste parece seguir as palabras do concelleiro de Cultura, e teremos que pasar por caixa para gozar de grandes noites de boa música.

E mira que loubamos esa aposta pola música galega e as bandas emerxentes, pero na dirección dun festival fai falta tamén estratexia, e ademais de darnos á cidadanía un pouco de marxe para organizar as nosas axendas estivais (presentar un cartel a 4 días do comezo do festival é un erro máximo), a elección das bandas é fundamental.

O ano pasado aínda contabilizaban 50.000 as forzas de seguridade para ver as Fillas de Cassandra; hai 3 anos eran as Tanxugueiras as que metían 85.000 no areal. Onte, o eclético cartel (como recoñecia o propio Nuno de Grande Amore, que ata pedía perdón se a transición das melodías celtas de Luar na Lubre ao seu garaxe extremo fose demasiado impactante) provocou un fluxo constante sobre a area, deixando estampas de media entrada.

Noroeste 2025 aerea-Foto-Chella Santalla
Vista aérea onte da praia de Riazor no Noroeste. Foto-Chella Santalla

O valor dos cachés

E hoxe puidemos saber pola investigación de La Opinión, que tivo que descifrar un convenio entre a Deputación e o IMCE (seguen sen estar publicados na plataforma de transparencia dende 2021 os contratos do Instituto Municipal de Espectáculos), o prezo dos cachés das bandas (parte técnica aparte) desta edición 38 do Noroeste: 550.000 euros (dos que a Deputación puxo 242.000€), polos 38 conciertos en 6 escenarios (1 deles privado, o do Portiño).

Unha cifra que se asemella a de 2019, cando se empregaron 600.000€ pero para sufragar o custe de 75 bandas, con Patty Smith, Belako ou Nathy Peluso entre os cabezas de cartel.

Moita música

Festival Noroeste 2025 en Riazor 3
Carlos Ares

Con todo, foi unha fermosa e calurosa xormada polas prazas. O Campo da Leña maridaba o pop fresco das adolescentes Leria e pasaba ao rock clásico dos Doctor Snob, dúas bandas unicamente unidas pola súa orixe herculina.

Festival Noroeste 2025 Con Doctor Snob
Doctor Snob no Campo da Leña

Un único fío que tamén uniron as prazas con Riazor, pois Carlos Ares e Luar na Lubre tamén son artistas da cidade, aos que, por suposto, está marabilloso darlles unha oportunidade coma esta. A proposta de Carlos Ares é tremenda. Unha especie de indie e folk norteamericano, con letras tremendamente traballadas, que conectou directamente co corazón dos asistentes.

Festival Noroeste 2025 en Riazor 2 Carlos Ares
Carlos Ares en acción

Que dicir de Luar na Lubre, a banda máis mítica do folk galego, que se ve tras 40 anos de carreira enriba do escenario principal de Riazor.

E pechou a noite Grande Amore coa súa arriscada proposta punki. Unha banda especial, cun directo tremendamente potente, pero se cadra para un público máis escollido. As primeiras filas estaban ateigadas de siareiros que non dubidaron en botarse á “Pelea”, ou a agarralo para un dos himnos da mocidade galega, “Esa peña que a veces teño”.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Xornal da Coruña (@xornaldacoruna)

Outra xornada eclética

E a do sábado volverá ser outra xornada diversa, de fluxo de persoas. Arrinca Guadi Galego, unha das voces máis importantes da música galega contemporánea, pero que pouco se parece aos Suaves que enchían de garra o PopRock. Cambiaremos canción galega de autor a unha das propostas indies máis prometedoras da música estatal, para rematar co cabeza de cartel, The Vaccines.

Máis novas

O devir do Noroeste tras convertirse no “mellor festival do estado”

O goberno socialista recoñece a prevalencia dos festivais privados sobre o Noroeste: “Quen queira ver grupos de nivel, que pase por taquilla”

Mondra levou de Ronda á mocidade herculina para Quererse ben

 

A Coruña quere Noroeste

A UDC participa nun proxecto europeo para impulsar a eólica mariña flotante no Atlántico

A Universidade da Coruña (UDC) participa nun proxecto europeo para impulsar a eólica mariña flotante no Atlántico, informa o reitorado coruñés. En concreto, persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) participa no proxecto ‘Atlantic Offshore Tech’.

O equipo da UDC lidera o estudo das necesidades tecnolóxicas para a implantación de parques experimentais de eólica mariña flotante no Arco Atlántico. O proxecto conta cun orzamento total de 2,4 millóns de euros, dos cales 1,8 millóns están cofinanciados polo programa Interreg Espazo Atlántico a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Mondra levou de Ronda á mocidade herculina para Quererse ben

0

Que o galego tome a Praza de María Pita sempre é un fito importante. E que o faga achegando á mocidade do país ao Festival Noroeste aínda máis. É o poder de Mondra, unha das bandas emerxentes do país que están revolucionando a tradición, convertíndoo en tendencia nas novas xeracións. Onte, o de Recesende (Teo) demostrou que oo novo “tradi” arrasa entre a mocidade, e esa mestura entre pandeiretas e cantareiras, e sintetizadores e coreografías espectaculares, está a cambiar o panorama da música galega contemporánea.

Sen deixar de interactuar co público en ningún momento, Mondra sacou “De Ronda” pola Coruña a toda praza, dando sentido ao nome do seu segundo disco. Máis reivindicativo, pero menos cañeiro, que “Ardèn˝, Mondra percorreu este segundo traballo, sacando a comezos deste 2025, de arriba abaixo, e só se deixou para o treito final unha das cancións máis representantivas da nova onda tradi, o “Punheta” que sacou coas Fillas de Cassandra.

Pero case o que máis retumbou en María Pita foron os “Quererse ben”, que ten visos de himno xeracional como o “Varre vasoira” das viguesas, ou o “Marimondra”, co saca todo o orgullo “maricón”, poñendo a bailar a todo o país.

Festival Noroeste 2025-Mondra bailes
Impresionantes as coreografías da banda Mondra

Mágoa non poder gozar do mambo de Tito Ramírez que tanto gustou ao público, máis veterano en xeral, que se adoita ver por Azcárraga. Ou Hermana Furia, que encheu de candela e potencia o Campo da Leña antes que Battosai pechase a segunda xornada de festival<.

Para a lembranza quedará a voz dunha histórica como P.P. Arnold, que puxo a Coruña na súa xira mundial.

Festival Noroeste 2025-Hermana Furia no Campo da Lena
Tremenda potencia sobre o escenario do Campo da Leña de Hermana Furia
Festival Noroeste 2025-Komodo no Campo da lena
Dende Países Baixos chegaron Komodo para a sesión vermú do Campo da Leña

A música galega toma Riazor

Chegan os concertos da praia, e este ano 4 das 6 propostas son do país, e 3 en galego. Hoxe venres abre o coruñés Carlos Ares, que xa co seus rebuscados temas triunfa en todo o estado. O galego tomará o relevo cos veteranos Luar na Lubre, e rematará a primeira noite do escenario principal o gran Nuno Pico, Grande Amore, con esa proposta que parece o Krafwert galaico que tanto presta.

Antes, ás 18:00h, tocará a banda de moda da cidade, Leria, cos seus pegadizos e frescos ritmos, antes dos tamén herculinos Doctor Snob, dúas xeracións unidas no Campo da Leña.

Horarios Noroeste venres 8 agosto 2025

O Festival Noroeste por fin ten Cartel

Máis novas

A Coruña quere Noroeste

O devir do Noroeste tras convertirse no “mellor festival do estado”

O goberno socialista recoñece a prevalencia dos festivais privados sobre o Noroeste: “Quen queira ver grupos de nivel, que pase por taquilla”

 

A Policía desartella unha trama que defraudou 7,7 millóns con falsos investimentos en restaurantes e vivendas

0

Axentes da Policía Nacional desarticularon na Coruña e Madrid unha armazón empresarial que, presuntamente, defraudou máis de 7,7 millóns de euros a pequenos investidores particulares. Segundo recolle o Corpo nun comunicado, foron detidas seis persoas que captaban fondos baixo un modelo de investimento fraudulento de micromecenazgo a través de restaurantes e vivendas de aluguer vacacional.

Ata o momento detectáronse a 63 vítimas aínda que se estima que a cifra de persoas afectadas podería ascender a unhas 800, ademais, acreditouse que a estrutura criminal defraudaría á Tesouraría Xeral da Seguridade Social máis dun millón de euros. A investigación iniciouse en 2024 cando axentes da UDEF tiveron coñecemento da existencia de varias persoas que ao parecer sufrirían unha fraude de investimento mediante ‘crowdfunding’.

Segundo as investigacións dos axentes, os responsables do grupo captaban fondos de pequenos investidores a través de anuncios en redes sociais e nos propios locais, prometendo altas rendibilidades pola súa participación en novos restaurantes ou en vivendas de aluguer vacacional.

No entanto, os beneficios prometidos de cando en cando chegaban a materializarse, e as vítimas eran recolocadas en proxectos distintos ou recibían continuas evasivas. Para reforzar a confianza, presentábase ás vítimas un modelo de negocio falseado, con métricas manipuladas e proxeccións afastadas da realidade.

MÁIS DE 40 CONTAS BANCARIAS PARA DIFICULTAR A RASTREXABILIDADE

Os investigadores constataron que as achegas económicas apenas se destinaban aos investimentos comprometidos, e que moitos proxectos eran abandonados ao pouco tempo, xustificando ante os investidores aparentes fracasos empresariais.

A operativa incluía o movemento constante de fondos entre máis de 40 contas bancarias do grupo para dificultar a súa rastrexabilidade, sendo o capital finalmente desviado a gastos persoais do principal investigado. A investigación permitiu detectar que o volume do defraudado nos investimentos dos particulares ascende a 7,7 millóns de euros entre os anos 2022 e 2024.

Ademais, acreditouse unha fraude contra a Tesouraría Xeral da Seguridade Social por importe de 1.011.612 euros, cometido mediante o uso de homes de palla e a falta de pagamento deliberada de obrigacións laborais e fiscais.

Finalmente levouse a cabo un operativo simultáneo na Coruña e Madrid no que se detivo a seis persoas, tres en cada, e practicáronse tres rexistros na cidade galega nos que se interviñeron documentación relevante para a investigación, varios teléfonos móbiles, un computador portátil e un turismo. Así mesmo, bloqueáronse doce contas bancarias e un inmoble valorado en 60.000 euros.

Investigado un condutor na Coruña por usar un carné de conducir falso

0

A Garda Civil investiga a un condutor como suposto autor dun delito de falsidade documental e outro de conducir sen obter nunca o carné tras identificarse cun permiso falso cando circulaba pola provincia da Coruña.

Os feitos ocorreron o pasado 26 de xullo cando os axentes lle deron o alto por unha infracción de seguridade viaria. Nese momento, o individuo, residente en España, identificouse cun permiso da República de Serbia, que contiña datos persoais e a súa fotografía. Ante as dúbidas sobre a autenticidade do documento, os funcionarios interviñérono para a súa análise, confirmándose que era falso.

Ademais, a investigación revelou que o implicado identificouse previamente ante a administración con este documento falso noutras ocasións, para evadir responsabilidades por diferentes infraccións de tráfico. Tamén se constatou que o condutor xa fora condenado en 2023 por carecer de permiso de condución.