Inicio Blog Páxina 190

Galicia Fórum Gastronómico, o evento culinario do ano que revolucionará A Coruña dende o domingo

A Coruña acolle desde o domingo e ata o martes a décima edición de Galicia Fórum Gastronómico, que este ano terá como eixo principal ‘Un océano de cociñas’, en referencia á diversidade culinaria que brota do Atlántico. “Un evento que espera acoller a máis de 25.000 visitantes e, por tanto, un dos máis importantes do ano a nivel turístico en Galicia”, sinala o consistorio coruñés en relación a este evento. Á primeira xornada asistirá a alcaldesa, Inés Rey, que destacou a importancia desta cita que sitúa “A Coruña como a capital gastronómica de Galicia”.

Durante tres días, ExpoCoruña albergará as tendencias gastronómicas dos chefs máis prestixiosos de Galicia, ademais de coñecer ás novas promesas da cociña e descubrir todas as novidades do sector. A cita non se limita ao sector profesional xa que o público xeral tamén poderá gozar de relatorios, demostracións en vivo e degustacións nos distintos espazos habilitados, como a Ágora, o Taller ou o Auditorium. O evento contará con figuras de talla mundial como Joan Roca, Elena Arzak, Marcos Morán, Rita Magro, Ricard Camarena, Lucía Freitas, Kanji Kobayashi, Marsia Taha ou Javier Oleiros, entre outros.

A Xunta de Persoal da área sanitaria da Coruña convoca protestas esixindo medidas contra agresións a persoal

A Xunta de Persoal da área sanitaria da Coruña e Cee convocou para o xoves, día 27, novas protesta para esixir medidas preventiva contra as agresións a persoal.

Faino ao entender que non se adoptou ningunha, fronte ás comunicadas a este respecto por parte da xerencia da área sanitaria e Sanidade, tras a agresión en febreiro a un enfermeiro e a un vixiante de seguridade por parte dun paciente psiquiátrico.

Fronte ao exposto pola responsables da área sanitaria, a Xunta de Persoal sostén que as medidas “non foron implantadas, nin avaliadas” e engade que, en todo caso, “son totalmente insuficientes a lahora de previr que ocorran estes sucesos”.

Tamén denuncian “falta de comunicación”. Por iso convocan, protestas o día 27, ás 12.00 horas, cunha manifestación ante o centro hospitalario da Coruña, concentracións ante os de saúde da área sanitaria e outra ante o Hospital Virxe da Xunqueira.

Chega o festival de música contemporánea RESIS do 25 de abril ao 31 de maio

0

A oitava edición do festival de música contemporánea RESIS celebrarase do 25 de abril ao 31 de maio na Coruña e homenaxeará aos compositores Wolgang Rihm e Helmut Lachenmann. Segundo se informou na súa presentación, no Concello da Coruña, contará coa presenza de artistas internacionais e agrupacións como Quatuor Diotima, Arxis Ensemble, Quartet Gerhard, Evo Ensemble, Orquestra e Coro da Sinfónica de Galicia, Real Filharmonía de Galicia ou a Banda Municipal.

Participarán tamén, engade, directores como Armando Merino, Fabián Panisello, Jordi Francés, Daniel Huertas ou Javier Fajardo; solistas como Viriginia Guidi, Florian Hoelscher, Florentin Ginot ou o creador de metasistemas Rubén Panete. Para o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, a programación desta edición do certame “traspasa as fronteiras da cidade e mostra o poder cultural coruñés en Santiago, Madrid ou Roma”. En concreto, o RESIS dará comezo co concerto de Arxis Ensemble xunto ao Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, o venres 25 de abril no Teatro Rosalía de Castro.

O Castrillón: Así será a necesaria reforma da praza José María Hernansáez

0

O Concello reuniuse onte con representantes da Asociación Veciñal Castrillón-Urbanización Soto e das comunidades de propietarios dos portais da rúa José María Hernansáez e da avenida da Concordia para presentarlles os detalles do proxecto de urbanización da praza José María Hernansáez, unha intervención clave para a transformación dun espazo degradado e sen acondicionar que na actualidade presenta problemas de accesibilidade e mantemento.

Plaza José María Hernansáez do Castrillon actualmente
Plaza José María Hernansáez actualmente

A intervención permitirá ordenar os espazos de tránsito e dotala de usos sociais e lúdicos, con especial atención á accesibilidade, eliminando o estacionamento desordenado para a transformación do ámbito nunha praza peonil; a creación de sendas e zonas de estancia con pavimentos permeables e accesibles; e a implantación de novo mobiliario urbano, iluminación e reorganización das zonas verdes, conservando as árbores singulares existentes e incorporando novas especies de baixo mantemento.

Tamén se prevée a actuación nos viarios colindantes, con pasos de peóns elevados e melloras na accesibilidade ás vivendas da contorna, xunto cos renovación do sistema de drenaxe, separando augas pluviais e residuais para evitar encharcamentos. O proxecto tamén ten en conta o acceso de vehículos de emerxencias.

Reforma Praza Castrillon

20250321_RENDER_HERNANSÁEZ_003 Castrillon

Un ano de cárcere para unha muller da Coruña por posuír un bolígrafo pistola apto para disparar

O maxistrado do Xulgado do Penal número 3 da Coruña condenou, por conformidade das partes, a un ano de cárcere a unha muller por levar oculto no seu vehículo un bolígrafo pistola e cartuchos aptos para o disparo.

Segundo traslada o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a acusada, que admitiu os feitos, foi considerada autora dun delito de tenencia ilícita de armas prohibidas.

Engade que o xuíz relata na sentenza que, sobre as 15.15 horas do 20 de outubro de 2023, a sospeitosa circulaba no interior dun coche no que levaba oculta un arma de fogo de fabricación ilícita coa aparencia exterior dun bolígrafo convencional, así como tres cartuchos metálicos sen percutir, “sendo aptos para o seu uso co bolígrafo pistola referido”.

O alto tribunal apunta que o maxistrado destaca no apartado de feitos probados da sentenza que “tanto o bolígrafo pistola como os cartuchos funcionaban correctamente e estaban aptos para o disparo”.

No fallo, ademais, decretou a suspensión da pena de prisión imposta, condicionada a que se absteña de delinquir durante o prazo de dous anos. A sentenza é firme, pois contra ela non cabe a interposición de recurso, informa.

O congreso ‘O Que De verdade Importa’ abre con Inés Rey sinalando á mocidade como xeración do cambio

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reivindicou aos mozos como xeración do cambio no congreso ‘O Que De verdade Importa’, promovido pola fundación do mesmo nome e tamén a de María José Jove.

“Non sodes a xeración perdida, nin a xeración de cristal, ao contrario, sodes a xeración do cambio e encontros como este demostran que hai talento, compromiso e ganas de transformar o mundo”, sinalou ante os asistentes.

Nesta edición, ‘O Que de verdade Importa’ reúne na Coruña a tres testemuñas de superación: Eva Moral, deportista paralímpica; Fabiola Martínez, presidenta da Fundación Kike Osborne, e o hostaleiro Nino Redruello.

Na súa intervención, Rey destacou que “o cambio non comeza nas institucións, nin nos gobernos, nin nos discursos senón en como decidimos actuar cada día e na forma en que escollemos mirar ao outro”.

Nese sentido, reiterou o compromiso do municipio coa mocidade: “A Coruña é unha cidade que cre en vós, que escoita, que acompaña e que quere que cada un de vós teña a oportunidade de construír o camiño que desexa”.

A alcaldesa de Cambre enfróntase ao presidente da Deputación: “A súa visita parecía unha xuntanza de partido”

0

Este pasado xoves o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitaba o Concello de Cambre para avaliar o estado das obras das beirarrúas da Patiña. A rexedora, María Pan Lesta, traía unha serie de peticións para trasladarlle ao presidente provincial, pero decidía abandonar a comitiva denunciando a “falta de respecto institucional e o insulto á corporación”.

Fíxoo porque considerou que a visita era máis “unha xuntanza de partido que unha visita institucional para comprobar o avance das obras promovidas polo goberno Unión x Cambre e a Asociación de Veciños de Cela”. A visita xa viña marcada pola negativa, segundo sinala o grupo de goberno, por parte da Deputación, a que participasen “os concelleiros do goberno, que aínda son descoñecidos” polo ente provincial. “Cando chegamos ao recinto, sorprendeunos atoparnos con tres dos catro edís do PSOE de Cambre e a representantes do partido a nivel provincial, algo que consideramos un agravio respecto do resto de grupos da corporación no que nós, desde logo, non imos participar”.

Criticaan así que quen dirixe a Deputación, “un alcalde, coma min, converta isto nun acto de partido, algo que, na miña opinión, é unha falta de respecto ao Concello de Cambre”.

Antes de marchar, Pan Lesta trasladoulle un documento coas 4 solicitudes que leva presentado o Concello á Deputación dende o 29 de abril de 2024 ata o 24 de xaneiro, e “que aínda non tiveron resposta”.

O Concello volveu pedir a construción dunha rotonda na intersección cara a Brexo-Lema e Pravio, medida que xa fora proposta nos anos 2020 e 2022 e foi concibida como un convenio de colaboración entre o Concello, Deputación e Xunta, pois coinciden estradas das 3 administracións.
Outra das demandas é a execución de pasos de peóns na DP-1702 e, concretamente, na zona dos IES David Buján e Castrobo.

Os traballadores municipais de Cambre fan mención especial na súa loita aos interinos

0

Continúa a loita pola mellora da situación laboral dos empregados municipais do Concello de Cambre. Este xoves non faltaron á súa cita diante do Concello, concentración na que quixeron facer mencion especial aos traballadores temporais ou interinos.

O colectivo de traballadores asegura que o 30% da plantilla neste momento é interina, cando “o máximo debe ser o 8%”, polo que os traballadores critican quen “o goberno está aproveitando a sua situacion de inestabilidade laboral para non respectar os seus dereitos e contratos … Estanse utilizando as prácticas máis negras das empresas privadas que unha administración pública non debería usar”… critican.

Lembran “a inestabilidade e incerteza” na que viven estes traballadores temporais, que sofren “situacións de estrés” da convulsa situación actual. E entenden dende aí que algúns non apoien estas reivindicacións.

Máis novas

As traballadoras municipais de Cambre: “Todo mal”

Os traballadores públicos de Cambre din BASTA!

 

Manuel Rivas estrea o premio Coruñés do Ano do Circo de Artesáns

0

Manuel Rivasl recollía esta mañá de xoves 20 de marzo a medalla que lle outorga o Circo de Artesáns como Coruñesa/és do Ano no maco do 178 aniversario da entidade. 

A entidade estrea o premio co escritor herculino, destacando o seu papel destacado no eido cultural da cidade.

No acto participaron o presidente do Circo de Artesáns, Roberto Parga, a rexedora Inés Rey e a deputada provincial Avia Veira.

“Sexa no plano cultural ou no plano social, Rivas forma parte da médula da Coruña e de Galicia, e faino dun xeito que nos traslada a esa cosmovisión atlántica, comunal e ilustrada da que lles falaba, a que nos define”, indicou a alcaldesa.

11 Encontros de Barrio para analizar coa veciñanza as necesidades do transporte urbano

Semella que abre as portas do Pazo de María Pita o Concello da Coruña á veciñanza. Esta semana acollía a primeira mesa de traballo co sector hosteleiro e entidades veciñais coa finalidade de buscar puntos de encontro entre o sector e os veciños co obxectivo de buscar a mellora da convivencia. Anunciaba tamén o proceso participativo da Comisión Coruña Marítima, que celebrará 4 talleres informativos entre o 25 de marzo e o 3 de abril.

E hoxe, o Concello vén de anunciar o proceso participativo para deseñar o futuro servizo de transporte urbano. A través dunha serie de “Encontros de Barrio”, o Concello escoitará ao tecido asociativo e comercial para avaliar as inquezadas cidadás nun momento importante, pois a concesión do servizo con Tranvías da Coruña vén de ser prorrogada por terceira vez. Así, antes de licitar o novo contrato, o Concello quere escoitar as necesidades da veciñanza.

11 Encontros: o primeiro este sábado no Ágora

Este sábado 22 de marzo celebrarase ás 11.30 horas no auditorio do Centro Sociocultural Ágora, nun encontro aberto, como todos, á veciñanza de toda a cidade.
A cita comezará coa explicación do proceso de participación a cargo do equipo técnico para dar a coñecer as claves do estudo. E a segunda, desenvolverase con dinámicas participativas a través dun cuestionario e posterior intervención a micro aberto das persoas asistentes.

Este é o calendario:

  • Martes 25 de marzo: Centro cívico de Mesoiro.
  • Martes 8 de abril: Centro cívico dos Mallos.
  • Xoves 24 de abril: Centro cívico de Monte Alto.
  • Martes 6 de maio: Centro cívico de Monelos.
  • Luns 19 de maio: Centro cívico dos Rosales.
  • Martes 20 de maio: Centro cívico do Birloque.
  • Xoves 5 de xuño: Fórum Metropolitano.
  • Martes 10 de xuño: Centro cívico de Eirís.
  • Xoves 12 de xuño: Centro cívico de Elviña.
  • Sábado 14 de xuño: Circo de Artesáns.

As persoas interesadas en participar nalgún en contro xa poden formalizar a súa inscrición aquí ou a través do correo participabus@coruna.gal.

Máis novas participativas

A Comisión Coruña Marítima invita á cidadanía a participar en 5 talleres formativos abertos