Inicio Blog Páxina 195

A taxa turística xa se materializa na Coruña

O pleno do Concello da Coruña aprobou a implantación da taxa turística na cidade por maioría simple, co voto en contra do Partido Popular. Comezará a aplicarse “previsiblemente no mes de setembro deste ano”. Así o avanzou o concelleiro de Facenda e portavoz do Goberno local, José Manuel Lage, quen recalcou que a cidade herculina é “o primeiro concello de Galicia en aplicar esta ferramenta fiscal”, a cal é, segundo incidiu, “plenamente legal”.

Lage concretou que estarán exentos desta medida o turismo de congresos, se a súa estancia é inferior a cinco días, dado que o consistorio quere “fomentar” este tipo de visitantes; así como os menores de idade, as familias de persoas hospitalizadas e os participantes de programas de acollida ou emerxencia. Ademais, os cruceiros non terán que pagar ata o 1 de xaneiro de 2026. A taxa estará entre un e 2,5 euros e “o 80% dos ingresos serán dedicados á promoción do turismo, a mellorar espazos públicos e a servizos esenciais”, apuntou tras sinalar que o obxectivo é alcanzar un modelo “sustentable, equilibrado e xusto”.

En canto ás críticas que apuntan que esta iniciativa “podería reducir” o número de turistas tanto Lage como o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, aseguraron que non sucedeu así en Lisboa, París ou Barcelona, cidades onde xa se está aplicando. “Ninguén deixa de ir a unha cidade por pagar un euro máis por noite”, indicou Lage. “É lóxico que os turistas paguen”, coincidiu o nacionalista. No entanto, Jorquera insistiu en que o turismo “hai que ordenalo” para evitar, entre outros problemas, a “gentifricación nalgúns barrios ou a redución de vivendas debido ao seu uso turístico”.

A Audiencia condena a unha empresa por plaxiar as marquesiñas do Campo da Leña

A sección cuarta da Audiencia Provincial da Coruña condenou a unha empresa por plagiar as marquesiñas do Campo da Leña da cidade. Desta forma, declarou que se infrinxiron os dereitos de autor dos arquitectos demandantes e condenou á sociedade ao cesamento da comercialización das marquesiñas e ao abono dunha indemnización polos danos materiais de 15.760 euros e de 788 euros, a cada un dos arquitectos, polos danos morais.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a Sala destaca que “ningunha dúbida cabe de que ambos realizaron o deseño dunha obra arquitectónica consistente na remodelación dunha praza pública con relevancia dos seus elementos de mobiliario urbano, que presenta un claro carácter orixinal e expresa a personalidade dos seus autores, non só no deseño xeral da praza, senón tamén no das marquesiñas, sen que se pretendese desde o seu inicio que estas se elaborasen exclusivamente para dar resposta á súa finalidade funcional”.

“A deliberada imitación das marquesiñas –rexistradas como deseño industrial en 2015– resulta acreditada a través da conduta da demandada, quen recoñeceu a autoría das marquesiñas a un dos arquitectos demandantes, aínda que non ao outro, e precisamente publicitou na súa páxina web as marquesiñas porque foi o modelo que decidiu comercializar, a pesar de non ter concedidos os dereitos por parte dos seus titulares”, destacan os maxistrados na sentenza.

No fallo, a Sala explica que os arquitectos demandantes deseñaron o anteproxecto de remodelación do Campo da Leña da Coruña en 2009 e resultaron gañadores do concurso público convocado polo Concello, de forma que a construtora demandada executou o proxecto. Posteriormente, unha Unión Temporal de Empresas (UTE) resultou adxudicataria das obras de urbanización e restauración da avenida da Mariña da Coruña e subcontratou á sociedade demandada, “en atención a que foi a encargada de elaborar as marquesiñas da praza de España”, para a fabricación e instalación das novas marquesiñas, que se comercializaban a través da súa páxina web, segundo apunta a Sala.

“BASTARÍA UN ACTO DE CREATIVIDADE SEQUERA MÍNIMO”

Na sentenza, sinálase que o director da obra da Autoridade Portuaria indicou que solicitou “o modelo da praza de España como referente para a instalación das marquesiñas da Dársena”. A empresa percibiu da UTE a cantidade de 36.880 euros por fabricar e instalar as marquesiñas, a pesar de non contar coa autorización dos autores, segundo consta na resolución. “A sinxeleza, depuración de liñas ou a simplificación do deseño son características propias de moitas creacións, artísticas ou aplicadas á industria, sen que exista unha asimilación da falta de complexidade do deseño coa súa falta de altura creativa, requisito este último que, doutra banda, non resulta imprescindible para dotar de protección xurídica á obra de creación intelectual, xa que bastaría un acto de creatividade sequera mínimo”, subliña a Audiencia Provincial.

Ademais, destaca que, no presente caso, “aínda cando nos atopemos ante unhas marquesiñas deseñadas para ser elementos senlleiros ou destacados do proxecto arquitectónico dunha praza pública desta cidade, que serían, á súa vez, susceptibles de protección a través do deseño industrial por ser rexistradas como elementos independentes da praza para a que se idearon, existe unha acreditada constancia da súa orixinalidade e da elección creativa dos autores do proxecto arquitectónico”.

Os maxistrados afirman que o informe pericial achegado polos demandantes “resulta concluínte” ao acreditar “a orixinalidade do proxecto e a elección creativa dos seus autores”. Ademais, conclúen que no ordenamento xurídico harmonizado relativo á propiedade intelectual “se ha ido abandonando a esixencia de que a obra haxa de posuír certa altura creativa para recibir a protección do dereito de autor”, así, resalta que, en lugar de requirir unha creatividade destacada, “bastará con que a obra mostre orixinalidade, de forma que sexa unha creación orixinal do autor que exprese unha mínima elección creativa”. A sentenza xa é firme.

Condenan a 4 anos de cárcere e a abonar 7,7 millóns de multa a un empresario de Culleredo por insolvencia punible

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou, como autor dun delito de insolvencia punible agravado pola contía e a titularidade pública dos créditos, á pena de prisión de catro anos ao administrador único dunha empresa domiciliada en Culleredo. En concepto de responsabilidade civil, impúxolle o pago dunha indemnización á Axencia Tributaria de 7.709.298 euros; e á Tesouraría Xeral da Seguridade Social, de 336.143 euros, incrementadas cos intereses legais e con incorporación dese crédito á masa do concurso conforme.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza, a sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o alto tribunal galego. Os feitos probados sitúan ao empresario condenado como administrador único dunha mercantil entre febreiro de 2010 ata febreiro de 2018. A empresa non tiña unha estrutura propia e a súa xestión levábaa directamente o propio empresario, “sen que fronte a terceiros se diferenciase da dos seus asuntos persoais”.

AXUDA PÚBLICA DE 5 MILLÓNS

A sociedade estaba domiciliada nunha nave sita no Parque Empresarial de Alvedro e foi declarada en concurso en decembro de 2016. A mercantil foi concesionaria o 26 de outubro de 2011 dunha axuda pública mediante o outorgamento dun préstamo reintegrable de 5 millóns destinado a financiar un proxecto de enxeñaría. Segundo a sentenza, a entidade incumpriu as condicións da entrega, ao reintegrar tan só unha pequena parte dos intereses devengados nos anos 2012 e 2013 e non realizar actividade algunha para a que se concedeu. Por tal causa o préstamo foi resolto mediante acordo de data 8 de febreiro de 2016.

A mercantil cesou na súa actividade efectiva e deixou de atender aos seus pagos desde polo menos o exercicio de 2014, última data na que legalizou os seus libros e na que xa presentaba uns ingresos moi inferiores aos seus gastos de persoal e ás súas débedas a curto e a longo prazo. A pesar de ser coñecedor desta situación, o empresario, agrega o fallo, omitió os seus deberes de control administrativo e contable desde polo menos o exercicio de 2015. Desde esa data e ata a declaración de concurso a finais de 2016, non depositou as contas no Rexistro mercantil, nin elaborou ningún documento de contabilidade ou organización desde 2015. Esta actuación impediu que os seus acredores dispuxesen duns mínimos coñecementos sobre a situación económica real da empresa.

O goberno socialista recoñece a prevalencia dos festivais privados sobre o Noroeste: “Quen queira ver grupos de nivel, que pase por taquilla”

Teno claro o Concello da Coruña. Importan moitos máis os festivais privados de pago que o Noroeste. Así de rotundo se amosou este mércores o mesmo Concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, no marco da presentación da Romaría de Santa Margarida: “Acostumámonos mal, quen queira ver grupos de nivel sabe que ten que pasar por taquilla”.

Lonxe de ser unha frase mal escollida ante as preguntas dunha prensa que non entende como que a unha semana do festival aínda non se coñeza a programación, o concelleiro xustificou que se trata dunha estratexia de goberno: “non é só unha razón económica, senón de política cultural”, como recolle La Opinión.

Castro foi máis alá, e intentou comparar o feito de facer un festival potente dende o eido público, coa “industria”, cando precisamente o seu goberno está primando os intereses dos Morriña, SoundFest e demais festivais privados sobre un evento que permite que a cultura sexa accesible a todo o mundo. Lamentable escoitar unha visión tan elitista dun goberno socialista que se louba de educar aos coruñeses coa súa “pedagoxía cultural”: “Necesitamos educar a todo o público. Despois, para abordar outras cuestións, están as iniciativas privadas, que terán que asumir o risco e a aventura dos seus negocios”

Non é só pois, a desgana e o desinterese por un Festival público que chegou a ser recoñecido como o Mellor Festival de todo o Estado. Ese festival que chegaba a todos os recunchos da cidade, que reunía no areal de Riazor dende hai case de 40 anos, xa non existe para este goberno.

Quedará pois o Noroeste para as migallas, ou para as “bandas emerxentes”, como se xustificou Castro, cando apenas queda unha semana para o que debería ser o comezo do festival, e do que apenas sabemos, por unha filtración a La Voz en febreiro, que tocarán The Vaccines e Luar na Lubre.

Máis novas

Primeiras queixas pola tardanza na publicación do programa das Festas de María Pita e do Noroeste

Chega o programa das Festas de María Pita

Falece un motorista en Miño tras chocar contra un turismo

0

Un motorista perdeu a vida este mércores tras chocar contra un turismo na estrada N-651, ao seu paso polo municipio coruñés de Miño.

Segundo trasladou o 112 Galicia, o suceso produciuse sobre as 14.30 horas. Nese momento, varios particulares e o sistema ‘eCall’ instalado no coche alertaban deste sinistro no quilómetro 14 da citada vía.

Ata o lugar desprazáronse efectivos do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Betanzos e axentes da Garda Civil de Tráfico.

Os servizos mobilizados non puideron salvar a vida do motorista, mentres que no turismo, en cambio, ningunha persoa sufriu danos.

Investigan a morte dunha muller tras caer dunha plataforma na estación de tren da Coruña

0

Familiares dunha muller de 82 anos denuncian o falecemento da súa achegada tras caer dunha plataforma na estación de tren da cidade herculina, o que motivou a apertura de actuacións xudiciais. A vítima sufriu o accidente o 27 de xuño e faleceu o día 21 de xullo tras 25 días ingresada no Complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac). Así o confirmaron fontes da familia consultadas por Europa Press quen concretaron que a octoxenaria sufriu, entre outras lesións, “un politraumatismo, múltiples fracturas de costelas e de dúas vértebras” por mor da caída. “O asunto está xudicializado”, sinalaron.

Os achegados explicaron que a distancia entre a plataforma e o tren “non é a adecuada, case medio metro de separación”. Así mesmo, aseguraron que a muller contratara un servizo de asistencia de Renfe “gratuíto” para a viaxe a través do cal “che auxilian para subir e baixar do tren” pero “non apareceu”. “A clave do accidente, independentemente do oco existente — entre vagón e plataforma — é que se fose acompañada por outra persoa non pasaría”, incidiron. Ademais, relataron que foi socorrida por sanitarios e bombeiros e trasladada ao Chuac onde permaneceu “22 días na UCI e tres na habitación”.

As mesmas fontes expuxeron que “o mesmo día do falecemento”, un médico comunicoulles que “había un proceso xudicial aberto” e que ían proceder a realizar a autopsia á vítima. “Ao día seguinte, a filla tivo que ir ao Xulgado a facer unha declaración”, engadiron para indicar que o avogado da familia “vai iniciar as accións xudiciais que correspondan”.

Os Franco habilitan as visitas á Casa Cornide na Coruña tras ser multados por incumprir con esta obrigación

A familia Franco habilitou as visitas á Casa Cornide na Coruña tras ser multados por incumprir con esta obrigación. A páxina web do inmoble permite reservar cita para iso desde o próximo 4 de agosto, sendo o luns o único día da semana que abre as súas portas ao público. Con todo, apenas quedan ocos para este mes de agosto e parece que aínda non acepta reservas para setembro, outubro…

Os Franco, propietarios dun edificio polo que o Concello da cidade herculina xa iniciou actuacións para recuperalo para o patrimonio público — como fixo no seu momento o Estado co Pazo de Meirás –, están obrigados a abrila ao público catro días ao mes despois de que fose declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Ao non facelo, foron sancionados pola Xunta con 3.000 euros de multa, unha decisión que a familia do ditador recorreu e que foi declarada firme. Todo iso despois de que, previamente á sanción, o Franco non atendesen aos requirimentos feitos para a apertura do inmoble.

A Casa Cornide pasou a mans desta familia tras unha poxa gañada por Pedró Barrié da Maza que cedeu na década do sesenta o edificio á esposa do ditador, Carmen Polo, aínda que antes fora patrimonio municipal e estatal.

Na actualidade, na súa web pódense xestionar visitas desde o próximo 4 de agosto, sendo o luns o único día da semana que abre as súas portas ao público. Na mesma figuran, ademais, instrucións concretas como que o aforamento está limitado a cinco persoas por día e hora. As reservas, engade, realizaranse con polo menos 24 horas de antelación do horario seleccionado durante a visita non se permitirá a captación de imaxes, vídeo ou son.

A ALCALDESA DA CORUÑA CELEBRA A APERTURA DA CASA CORNIDE

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, celebrou que o Franco habilitasen as visitas á Casa Cornide na Coruña a pesar dos “anos de atraso”. Fano tras ser multados con 3.000 euros por incumprir coa obrigación de abrila ao público catro días ao mes despois de que fose declarada Ben de Interese Cultural (BIC).

“Que a familia Franco cumpra coa lei paréceme algo positivo, levan bastantes anos de atraso en entender que este é un estado democrático e de dereito”, sinalou para recalcar que “todo o que se apropiaron de maneira privada durante a ditadura non lles corresponde”. “En todo caso é unha boa noticia”, apostilou.

Así mesmo, a rexedora apuntou que o Concello da cidade herculina vai seguir ” traballando para que esa casa, ademais de abrirse ao público como BIC, volva ao patrimonio dos cidadáns que é de onde nunca debeu saír”. No entanto, indicou que se trata dun “procedemento moi complicado a nivel xurídico”.

O BNG defende os cambios inseridos no proxecto de urbanización das Xubias

0

Co BNG, pero sen a veciñanza. Así semella que o goberno municipal vai sacar adiante no pleno deste xoves o convenio asinado co fondo de investimento suizo, Ginkgo Advisor, para urbanizar o mariñeiro barrio das Xubias.

Mentres a veciñanza enteirouse, como o resto da cidade, pola filtración a un medio de prensa, e despois das primeiras críticas de PP e Sumar, o goberno, co apoio do BNG, aprobará un proxecto que cambiará a fisionomía dun dos barrios máis auténticos da cidade.

Defende o BNG os avances acordados nos últimos meses na actualización do convenio. “A diferenza do que acontecía na primeira versión do convenio das Xubias -aprobado na Xunta de Goberno Local o 30 de xullo de 2024- a actualización que irá ao Pleno deste xoves garante a ordenación conxunta de todo o bordo litoral, até a Ponte da Pasaxe”. Isto significa que o ámbito incluído no convenio das Xubias asinado con Ginkgo Advisor non ficará excluído da modificación puntual do PXOM cuxa tramitación iniciou o Goberno Local en 2020.

Asegura o BNG que a edificabilidade baixará de 660 a 240 vivendas, a pesar de que o goberno non levou aínda a pleno esa modificación do PXOM previamente aprobada pola Xunta de Goberno hai varios anos. O plan, deste xeito, aseguran, non afectará ao núcleo mariñeiro das Xubias de Abaixo e permitirá o mantemento da vía do tren que atravesa o lugar, necesaria tamén para a saída da cidade dende o porto.

A veciñanza parece “tranquila”, se ben esperaban non enteirarse dunha nova tan importante a través da prensa, e esperan que canto antes lles presenten o plan urbanístico.

Máis novas do proxecto das Xubias

Primeiras críticas ante o desbloqueo do acordo co fondo de investimento suizo para a urbanización das Xubias

Publicada no BOE a declaración da Coruña como mercado de vivenda tensionado mentres Inés Rey pide “lealdade” á Xunta

O Goberno central publicou este martes no Boletín Oficial do Estado (BOE) a declaración de zona de mercado residencial tensionado nun total de 23 municipios españois. Entre eles está A Coruña, que por tanto desde este mércores converterase oficialmente na primeira cidade galega con esta condición. Segundo trasladan a Europa Press fontes do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, ao sumarse A Coruña e outros 21 municipios de Navarra e San Sebastián (Euskadi), xa haberá 8,28 millóns de persoas que viven en zonas tensionadas.

Ademais, o departamento que dirixe Isabel Rodríguez prevé que “pronto” se inclúan na listaxe Santiago de Compostela –aínda que o proceso podería dilatarse aínda meses, porque a Xunta requiriu ao Concello unha subsanación de documentación– e municipios de Asturias e máis de Euskadi. A Coruña será o primeiro municipio de Galicia que poderá controlar os prezos do aluguer. O goberno local solicitou a declaración en marzo e a finais de maio recibiu o visto e prace da Xunta. Agora, o Ministerio de Vivenda verificou que cumpre cos requisitos legais e publicouno no BOE, polo que a declaración de zona tensionada entrará en vigor este mércores por un período de tres anos.

QUE IMPLICA ESTA DECLARACIÓN?

A declaración de zona do mercado residencial tensionado permite pór tope aos alugueres en zonas onde os incrementos de anos anteriores fosen desproporcionados. Este mecanismo limita os prezos dos novos contratos de arrendamento, que terán que “estar axustados ao prezo do contrato anterior”, e inclúe bonificacións fiscais para os propietarios que rebaixen a mensualidade aos seus inquilinos. Do mesmo xeito, establécese para estes municipios un índice de prezos para o aluguer que “todos aqueles grandes tenedores de vivenda están obrigados” a seguir nos seus contratos. A declaración tamén obriga a que as administracións executen un plan de medidas para incrementar a oferta de aluguer e que no prazo de tres anos a situación de alza de prezos poida ser revertida.

Fontes do Ministerio sosteñen que a lei estatal de vivenda do ano 2021 “funciona” e pon o exemplo en Barcelona, onde –segundo as súas cifras– o aluguer medio baixou un 8,9 %. En toda Cataluña, reduciuse un 4,7 % e asináronse 11.807 contratos novos. Así mesmo, defenden que a aplicación de zonas tensionadas “favorece aos inquilinos” ao limitar os arrendamentos, “pero tamén aos pequenos propietarios que son bos caseiros e poñen as súas propiedades en aluguer respectando o índice de referencia”. De feito, pódense deduciar ata un 90 % do que ingresen se baixan o prezo un 5 %. Por todo iso, o Ministerio de Vivenda non entende “o rexeitamento e o boicot” das comunidades autónomas do PP, como Galicia, á lei.

INÉS REY PIDE “LEALDADE” Á XUNTA

Así as cousas, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, celebrou a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) da declaración da capital herculina como zona de mercado residencial tensionado e pediu á Xunta “lealdade institucional, respecto institucional e cooperación”, así como “colaboración” para aplicar as medidas que permite a normativa. En declaracións aos medios, a rexedora valorou que A Coruña sexa a primeira cidade de Galicia en obter esta declaración, que chega, apuntou, despois de “moitos meses de traballo, diálogo e análise” ante unha situación “complicada” do mercado do aluguer.

Nesta liña, Inés Rey recoñeceu que resulta “practicamente imposible” poder alugar unha vivenda na cidade, o que levou a tomar esta decisión que hoxe se culmina como “unha decisión que transforma a vida da xente”. Neste sentido, agradeceu á ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, con quen falou este mesmo martes, o seu apoio para “pór no centro do debate a vivenda” e por “articular unha batería de medidas que dean solución ao que hoxe é un problema”, pero no que, engadiu, “hai que traballar para que mañá siga sendo o que sempre foi: un dereito”.

Ademais, aproveitou para demandar á Xunta “lealdade institucional, respecto institucional e cooperación e colaboración á hora de aplicar as medidas”, que, tal e como lembrou, “teñen unha duración determinada” e estarán vixentes ata o ano 2028. Así, instou á Xunta a que “non entorpeza nin torpedee” e “arrime o ombreiro para poder seguir avanzando” en medidas para “poder garantir o dereito á vivenda”.

Doutra banda, a alcaldesa coruñesa reivindicou que a partir deste martes a cidade será “exemplo para moitos concellos”. “Hai que tomar a situación con rigor, con seriedade e con lealdade institucional que merece”, subliñou. Preguntada sobre como se aplicará e cando se prevén resultados, Inés Rey manifestou que “non serán inmediatos”, pero defendeu que “se irá vendo a súa aplicación os próximos meses e os resultados” que, indicou, tal e como se viu “noutros sitios como Barcelona, son moi positivos para o mercado”.

RUEDA AGARDA QUE A DECLARACIÓN “SOLUCIONE OS PROBLEMAS”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou que espera que a declaración da Coruña como zona de mercado residencial tensionado –publicado este martes no BOE– “sirva para solucionar os problemas de vivenda que hai” na cidade. A preguntas dos medios nun acto na cidade herculina, Rueda subliñou que “a pelota agora está no tellado” do Concello, aínda que lembrou que o Goberno galego opina que a normativa “non soluciona os evidentes problemas de vivenda que hai”. Con todo, volveu reiterar que o consistorio local “é moi libre de pedila” e sinalou que a Xunta “sempre dixo que se a documentación achegada cumpría os requisitos, faría esa declaración”.

“Algúns dubidábano”, manifestou para, a continuación, reivindicar que o que dicía “era o que se ía a facer”. Agora, unha vez publicada no BOE, o titular do Goberno galego sinalou que “haberá que comprobar” a súa eficacia, pero insistiu en que a súa “impresión” é que “non é unha solución, senón todo o contrario”. “O que me interesa é solucionar os problemas de vivenda. Agora a pelota está no tellado da Coruña, xa ten a declaración que pedía e espero que isto sirva para solucionar os problemas de vivenda que hai na Coruña. Verémolo a partir de hoxe”, aseverou.

O BNG PIDE Á XUNTA QUE “DEIXE DE PÓR PAUS NAS RODAS”

Pola súa banda, a portavoz parlamentaria de Vivenda do BNG, Alexandra Fernández, pediu á Xunta que “deixe de pór paus nas rodas” aos concellos que queren obter a zona de mercado residencial tensionado. Nunha nota de prensa, a nacionalista acusou ao Goberno galego de “ser parte do problema” en lugar de “ser parte da solución para facilitar o acceso á vivenda”, aplicando, na súa opinión, “unha política sistemática de boicot aos concellos que queren tomar medidas para paliar a escalada de prezos“.

“Mesmo naqueles concellos máis grandes que por responsabilidade cos seus veciños están a facer o traballo que lle correspondería ao goberno de Rueda, este responde o boicot simplemente para facer oposición política, como acabamos de ver co Concello de Santiago, ao que a Xunta enviou un requirimento cargado de incoherencias e valoracións subxectivas, que o único que tenta é, dunha forma basta, atacar un informe realizado pola Universidade da Coruña“, reprochou.

Así, demandou ao Executivo autonómico que “asuma as súas competencias” en materia de vivenda “dunha vez por todas” para tratar de “atallar o prezo da vivenda no mercado libre”. Neste sentido, reclamou que “deixe de pór paus nas rodas aos concellos que si están a dar respostas” aos seus veciños. Ademais, criticou que o Goberno de Alfonso Rueda “non só creou a actual burbulla de prezos”, senón que “agora boicotea todas as medidas positivas que están encamiñadas a frear esa burbulla inmobiliaria”.

PEDRO BLANCO VE ESTE O PASO CARA “DAR UNHA SOLUCIÓN”

Mentres, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, agradeceu a “valentía” da alcaldesa para dar este paso dunha maneira “determinante” e lograr “dar unha solución a un problema de primeira necesidade”. Neste contexto, Blanco destacou que a declaración de zona de mercado residencial tensionado é unha das “múltiples solucións” que achega a lei de vivenda para tratar de que “a vivenda se converta nun dereito das persoas e non nun tráfico mercantil”.

Á súa vez, o delegado do Goberno sinalou que esta medida “se está demostrando noutras comunidades que funciona” e que “permite reducir prezos”. Tamén asegurou que “non é verdade” que se reduza a oferta e puxo como exemplo a Cataluña, onde “as ofertas se incrementaron en máis de 13.000 vivendas máis”. “É un mecanismo que permite a aqueles propietarios que poñen en alugar as vivendas, xa que lles permite obter unha serie de beneficios fiscais que son moi importantes”, destacou Blanco, que insistiu en que coa aplicación das medidas lograrase “que a vivenda deixe de ser un luxo” e un “obxectivo inalcanzable”.

A MINISTRA PON EN VALOR A LEI DE VIVENDA

E a ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, saudou que A Coruña, San Sebastián e 21 municipios navarros sómense á declaración de zonas tensionadas para poder aplicar límites no prezo do aluguer. “Ante a evidencia de que a Lei de Vivenda funciona, hai quen a aplica e hai quen quere derrogala”, trasladou a titular de Vivenda a través dunha mensaxe na súa rede social ‘X’, onde indicou que son xa 301 municipios os que declararon zona tensionada, con máis de oito millóns de persoas. A resolución publicada no BOE fornecerá efectos desde mañá.

O Museo Sargadelos-Carlos Maside recibe a declaración de Ben de Interese Cultural

0

O Goberno galego oficializou a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do Museo de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside, situado en Sada, e da súa colección de 1.447 obras, tal como publicou no Diario Oficial de Galicia. Esta distinción, aprobada recentemente polo Consello da Xunta, recoñece o valor arquitectónico e artístico do museo, tras un proceso iniciado en 2023, e aplica o máximo nivel de protección conforme á Lei de Patrimonio Cultural. Con esta incorporación, xa son 790 os bens culturais con esta categoría en Galicia.

O museo, xestionado pola Fundación Sargadelos, destaca como un fito da arquitectura contemporánea española, integrando influencias internacionais recollidas por figuras como Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo e Andrés Fernández-Albalat. O edificio acolle unha colección artística que representa a evolución da arte galega do século XX e inclúe obras de artistas destacados, promovendo a difusión do legado artístico e cultural galego, especialmente das tendencias europeas e do exilio.

A declaración foi recibida con preocupación pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), que denunciou o risco de perda do legado cultural de Díaz Pardo e Seoane. A entidade criticou o cambio no nome do museo, que agora despraza o nome orixinal, e denunciou que a protección se limita ao edificio e á súa colección, sen incluír o resto do complexo das Cerámicas do Castro. Ademais, alertaron sobre a posibilidade de clausura do museo con aperturas só puntuais.

Finalmente, a CRMH anunciou que reclamará acceso ao expediente completo e presentará un recurso de reposición. Tamén prepara un manifesto para recoller firmas que esixan a extensión da protección BIC a todo o complexo industrial das Cerámicas do Castro, cuestionando ademais o número de obras inventariadas no museo, que consideran inferior ás cifras reais.