Inicio Blog Páxina 216

O longo pleno sacou adiante a nova Taxa Turística, a ordenanza das VUT e a de mobilidade sostible

Longo pleno en María Pita. Máis de 9 horas de pleno (cun par de paradas para o café e para comer algo) que non rematou ata ben entrada a tarde. Un pleno diverso, no que o grupo de goberno local dou conta do acordo chegado co goberno estatal para poder facer realidade o necesario Parque do Observatorio.

En clave de vivenda tamén se aprobou, cos votos en contra do PP, do convenio urbanístico mixto de planeamento e execución para o desenvolvemento de máis de 1000 vivendas do API Q28 no parque de Oza, no barrio do Castrillón.

Tamén se aprobou a nova ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico (VUT) que entrará en vigor nos próximos día, despois de que a Coruña sexa o primeiro concello galego declarado como zona de mercado residencial tensionado. Se ben os estudos sinalan que non as VUT non son o principial causante da burbulla inmboliaria da Coruña, este debe ser unha medida máis que poida tomar o goberno local.

Outro dos puntos destacados na parte resolutiva da orde do día foi a aprobación inicial da coñecida como Taxa Turística.

Nova ordenanza de mobilidade sostible

O Pleno tamén deu luz verde este xoves a nova Ordenanza de Mobilidade Sostible, que actualiza a última aprobada hai xa 25 anos. “Non se trata só de regular os espazos de paso de cada vehículo, senón tamén de pensar nas necesidades da cidade a medio e longo prazo”, apuntou a concelleira Noemí Díaz, que subliñou que, nesta liña de traballo, tamén están a continuar os encontros participativos para definir o estudo do futuro servizo de transporte urbano.

E tamén se falou da proposta sobre a nova ordenanza de praias. Unha ordenanza que mantén a prohibición de cans nas praias entre o 1 de xuño e 30 de setembro, excepto na cala canina de Bens, pero que inclúe control de altofalantes no areal.

Apoio á Universidade

Unanimidade no pleno xa na tarde na moción presentada polo PSOE para que o pleno defenda a instalación da Facultade de Medicina na cidade. Si que Miguel Lorenzo criticou que o grupo socialista puido ter compartido esta moción entre todos os grupos.

Así mesmo aprobáronse un par de mocións de apoio ao comercio local e para ampliar as axudas de accesibilidade para a instalación de ascensores.

No treito final, o BNG criticou o o incumprimento por parte do Goberno Local de aspectos esenciais da Ordenanza do Galego, aprobada en xuño de 2021 grazas ao impulso da formación nacionalista. Unha crítica que non aceptou o edil de Cultura, que sinalou que o grupo de goberno ten un compromiso claro coa lingua.

Máis novas

A AVV Castrillón-Urbanización Soto IAR pide que a nova zona residencial se basee no concepto de “supermazá”

O Concello acada a concesión dos terreos para poder realizar o parque do Observatorio

Noites do Porto mergullarase máis que nunca no ecosistema coruñés

0

Acolleu onte o mítico Bristol (na rúa Torreiro), a presentación do diverso festival Noites do Porto 2025. Neste 5º aniversario, o festival mergullaráse, máis que nunca, no ecosistema coruñés, traendo unha variada oferta polas salas da cidade entre o 22 de setembro e o 2 de outubro.

Héctor César de Masgalicia, e o concelleiro Gonzalo Castro, deron conta das primeiras confirmacións, entre as que destaca a presenza de Israel Fernández, o artista flamenco máis relevante do momento en España, que inaugurará a participación do Teatro Colón no festival. Outras das citas singulares xa fixadas será a de Deadletter, na que será a única data en 2025 en Galicia da banda chamada a ocupar o trono de formacións como Fontaines DC ou Idles. Pero tamén traerán dúas das estrelas máis brillantes da escena do jazz no Reino Unido: a trompetista Yazz Ahmed e a saxofonista Jasmine Myra.

Entre as primeiras confirmacións tamén hai espazo para estilos arraigados en Noites do Porto, como é a música urbana e o hip-hop, e que nesta ocasión contará con Sho-Hai (un dos fundadores de Violadores do Verso con Kase.Ou), na que será a súa única data en Galicia este ano; e, por primeira vez, haberá espazo para o soul e garage ao incorporar no cartel a Michelle David & The True Tones e The Gruesomes.

A venda de entradas sairán á venda o vindeiro luns, 9 de xuño, a partir das 11.00 horas, nas plataformas en liña Ataquilla e Ticketmaster.

Cine, arte e Gastro

O festival abre ademais o foco ao cine, trala unión con Corvo mariño Film Fest -que dará pé a novas estreas exclusivas na Coruña e en Galicia de pezas documentais vinculadas á música- coa creación de Noites de Cinema, e coas artes plásticas e con Coruña Gráfica a través de Noites coa Arte, que supoñerá que, por segundo ano consecutivo, unha artista local interprete o cartel final do evento -cuxas reproducións, nunha serie limitada- poñeranse á venda co apoio do festival-.

E ademais das Noites de Flamenco e Jazz, que este ano se celebrará entre o Jazz Filloa e o Teatro Colón; tamén incorpora da gastronomía ás Noites nos Bares, as noites nas que djs e selectores actúan en locais da cidade vinculados á cultura

Cartel Noites do Porto Coruna 2025

PRIMEIRAS CONFIRMACIÓNS DE NOITES DO PORTO 2025

  • 23.09 – Jazz Filloa. Yazz Ahmed & Ralph Wyld (Noites de Flamenco e Jazz)
  • 24.09 – Garufa Club. Deadletter
  • 27.09 – Praia Club. Sho-Hai
  • 30.09 – Garufa Club. Michelle David & The True-Tones + The Gruesomes
  • 01.10 – Jazz Filloa. Jasmine Myra (Noites de Flamenco e Jazz)
  • 02.10 – Teatro Colón. Israel Fernández (Noites de Flamenco e Jazz)

 

Impulsado por MASGALICIA, o festival trata de ofrecer directos únicos e exclusivos, aproveitando presentacións de discos, peches de xiras ou, mesmo, estreas de shows foron a identidade dun evento diferente e no que prima a calidade musical. Polo festival, que foi pioneiro no uso do peirao de Batería pero agora se diversifica poñendo en valor as salas da cidade, xa pasaron nomes locais e internacionais como Alcalá Norte, Bad Gyal, Baiuca, Bala, Bernard Butler, Califato ¾, Delaossa, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, James Rhodes, Jorge Drexler, A Cadela Blanco, A Plazuela, Morgan, Mudhoney, M. Ward, Rocío Luna, Rodrigo Cuevas, Sen Senra ou Xoel López, entre outros nomes.

Máis novas

8.400 persoas gozaron dos concertos especiais das Noites do Porto

As salas e os bares, as primeiras protagonistas do festival Noites do Porto

Un accidente dun bus urbano en Pocomaco sáldase con 13 feridos leves

0

Unha colisión entre un bus urbano e un turismo en Pocomaco, ocorrida a última hora da tarde deste xoves, saldouse con 13 persoas feridas leves, segundo informou o CIAE 112 Galicia.

O 112 recibiu unha chamada dun particular alertando do accidente, que se rexistrou no polígono de Pocomaco, e avisando de que viaxaban bastantes pasaxeiros a bordo do autocar.

En concreto, resultaron feridos leves 10 ocupantes do bus, a condutora e 9 usuarios; e o tres ocupantes do turismo. O chofer acudiu polos seus propios medios a un centro médico, mentres que o resto de afectados tamén foron evacuados, con lesións de escasa consideración.

Ademais dos profesionais sanitarios, neste dispositivo participaron axentes da Policía Local da Coruña.

Por outra banda, fontes policiais informaron doutra colisión por alcance rexistrada sobre as 7.45 horas deste venres na Avenida Alfonso Molina, en sentido entrada á cidade herculina. O accidente causou retencións momentaneamente.

Ferida unha persoa tras un accidente na N-6 ao seu paso por Bergondo

0

Unha persoa resultou ferida a pasada madrugada tras rexistrarse un accidente na N-6 ao seu paso polo municipio de Bergondo, segundo informou o Consorcio Provincial contra Incendios e de Salvamento. O aviso produciuse sobre as 1.30 horas por un sinistro viario no punto quilométrico 579 da N-6, en Guísamo, e nel viuse implicado un vehículo ocupado por dúas persoas, unha das cales resultou ferida.

A persoa lesionada foi evacuada ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. No operativo, ademais dos bombeiros do parque provincial de Betanzos e dos profesionais sanitarios, tamén participaron efectivos da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil de Bergondo.

O Concello acada a concesión dos terreos para poder realizar o parque do Observatorio

0

O Concello vén de informar dunha importante novidade para facer realidade unha das demandas históricas máis importantes do barrio da Agra do Orzán. Un barrio que leva décadas esixindo unha zona verde decente baixo o lema de Parque da Agra XA! e que parece que pode estar de noraboa, porque dúas administracións (do mesmo partido) conseguiron poñerse dacordo

O Concello vén de informar de que acaba de concretar un paso clave para acometer a creación do parque do Observatorio. O Concelleiro Lage Tuñas explicaba no pleno desta mañá, que “esta mesma semana recibimos o oficio da AEMET no que se nos comunica a aprobación da concesión demanial a favor do Concello da parcela do parque do Observatorio”. Un paso administrativo sen o que “o Concello non podería actuar nunha
parcela da que non ten a titularidade ou a cesión. Agora, por fin, xa a temos, e poderemos licitar a execución do parque do Observatorio, derrubar os muros e dotar a un barrio que o precisa dunha zona verde de calidade”, expresou Lage.

Proxecto do Parque do Observatorio
Proxecto do Xardín do Observatorio

Seguro que  veciñanza o celebran na FoliAgra deste sábado!

Máis novas

#ParquedaAgraXa: O clamor da Agra do Orzán por unha zona verde volveu invadir as rúas

Campo da Burra: Por un parque na Agra do Orzán Xa!

A AVV Castrillón-Urbanización Soto IAR pide que a nova zona residencial se basee no concepto de “supermazá”

0

O pleno deste xoves aprobou, co voto a favor de PSOE e BNG e o voto en contra do PP, o texto definitivo do convenio urbanístico mixto de planeamento e execución para o desenvolvemento do API Q28 no parque de Oza, que prevé a recuperación dos soares e leiras esquecidos no barrio, entre o parque e o polideportivo municipal do Castrillón para a urbanización que creará 1.000 novas vivendas.

Respondía rapidamente a AVV Castrillón-Urbanización Soto IAR, que amosou a súa satisfacción pola aprobación, porque “permitirá desbloquear o desenvolvemento dunha importante unidade urbanística que leva 20 anos paralizada”. Con todo, esperanque se desenvolva un “modelo urbanístico avanzado, ecolóxico e medioambiental baseado no concepto de “supermazá”, fronte ao trasnoitado modelo de mamotretos de vivedas e rúas que propiña a ordenación de 1998”. A entidade califica como “lamentable” a actuación do PP, “con informacións inexactas”, que defendía o proxecto de hai 30 anos”. A entidade asegura que manterá vixilancia especial ás fases do proxecto

Novas do proxecto

A veciñanza do Castrillón pide menos edificabilidade e máis VPO na nova urbanización

A veciñanza do Castrillón amosa as súas inquedanzas ante a creación de 1.000 novas vivendas

O Castrillón: Así será a necesaria reforma da praza José María Hernansáez

 

Avogados critican que haxa un xulgado de violencia sobre a muller na Coruña “á conta de suprimir” un de instrución

Colexio de Avogados da Coruña manifesta o seu rexeitamento á decisión de crear un xulgado de violencia sobre a muller na Coruña mediante a conversión dun dos actuais xulgados de instrución. O Colexio de Avogados considera que a creación de órganos especializados en violencia de xénero “é unha necesidade indiscutible, que debe ser atendida con urxencia e determinación”. “Non entanto, esta medida non se pode levar a cabo á conta de suprimir outros xulgados esenciais para o funcionamento do sistema xudicial, como son os de instrución”. Neste sentido, o Colexio de Avogados da Coruña advirte de que os xulgados de instrución xa presentan unha carga de traballo excesiva, “situación que se vería agravada coa supresión dun deles”. “Esta decisión, lonxe de mellorar o servizo público de xustiza, xeraría un prexuízo directo”.

Mobilización diante do Corte Inglés do persoal de limpeza na Coruña “en defensa dun convenio”

Persoal da limpeza mobilizouse na Coruña, ante El Corte Inglés, “en defensa dun convenio” no sector e para urxir á patronal estatal a chegar a un acordo na mesa de negociación.

Foi con fregonas, elemento de limpeza que usaron tamén en anteriores protestas, e con proclamas demandando melloras salariais e laborais.

“O convenio terminou hai ano e medio e levamos máis dun ano tentando negociar un novo convenio”, aseverou Juan Carreira, de UGT, quen asegurou que a patronal provincial está disposta a “aceptar un acordo”.

“Pero a estatal, onde están as grandes empresas do sector, négase”, dixo para citar que, entre outras cuestións, reclaman unha subida conforme ao IPC.

Pola súa banda, Paulo Rubido, da CIG, manifestou que seguirán con protestas ante centros de traballo que son clientes da patronal estatal para que os que os visiten coñezan a situación deste persoal e as súas demandas. Todo de cara á reunión que manterán o día 9 con ambas as patronais co obxectivo de “salvar os salarios de 2025”.

Mentres, avanzaron que xa están programadas novas mobilizacións, con protestas primeiro en Santiago de Compostela e logo en Ferrol.

Protesta de persoal do sector de limpeza na Coruña. CIG

Achegados de Yoel Quispe piden “xustiza” e que se amplíe a causa a máis mozos

Achegados de Yoel Quispe, o mozo de 22 anos apuñalado mortalmente na Noiteboa de 2023 na Coruña, mobilizáronse este xoves ante os xulgados da cidade herculina para pedir “xustiza”. Fixérono ao reclamar tamén que se amplíe a causa pola súa morte a máis novos. “No seu momento pediramos que se imputasen a dous mozos máis no procedemento principal e a Audiencia –da Coruña– dixo que non”, expuxo a Europa Press o letrado da familia, Adrián Borrajo. Iso provocou que se desdobrase a causa ao entender que si podían ser xulgados por lesións.

Ambos estaban hoxe citados para declarar, acolléndose un ao seu dereito a non facelo e outro contestando só a preguntas da súa letrada para negar participación nos feitos. “A nosa intención é seguir defendendo que non son causantes dunha lesión senón da morte de Yoel”, aseverou o letrado en liña coa nai do novo, Maritza Yovana Gómez, quen esixiu que paguen “os culpables”. “O meu fillo está só, once contra un”, dixo sobre vídeos difundidos en redes sociais tras os feitos.

PETICIÓNS DE CÁRCERE

En relación á súa morte, e no seu escrito de acusación, a familia pide penas de entre 15 e 25 anos de cárcere para tres novos, para un deles como autor de asasinato, para outro como cooperador e un terceiro como cómplice. Con iso, amplían a petición de condena a máis persoas fronte a Fiscalía que ve responsable dun delito de homicidio ao principal investigado. A acusación particular entende que é autor dun delito de asasinato e que as outras dúas persoas tamén tiveron implicación en relación a uns feitos que se produciron sobre as 06.30 horas na confluencia das rúas Juan Flórez e Sinfónica de Galicia.

Fiscalía sostén que o único novo para o que pide condena viu a varios individuos agredíndose mutuamente, polo que se achegou para pór paz entre eles. “Por motivos non aclarados, a actitude inicialmente conciliadora do acusado deu paso a outra agresiva contra Yoel e, de feito, un e outro empezaron a golpearse mutuamente con empurróns, patadas e puñadas”, expón no seu escrito. Tamén que, nun momento dado, tería ido xunto un amigo coller unha navalla, sen que estea acreditado, para o Ministerio Público, se este segundo home animouno ou non a utilizala contra Yoel. A partir de aí, abriu a folla desta arma branca e atacou á vítima realizándolle varios cortes na clavícula e no coiro cabeludo, para logo apuñalalo no corazón e no abdome.

SOS Sanidade Pública chama a unha nova mobilización o 12 de xuño contra a precariedade da Atención Primaria

0

As listas de agarda cada vez son maiores, e o estado da Atención Primaria é cada vez máis precaria. Así o entende a plataforma SOS Sanidade Pública que chama a mobilizarse o vindeiro 12 de xuño ante o “risco de colapso irreversible” da Atención Primaria. Baixo o lema “Listas de Agarda. Máis transparencia. Máis recursos públicos”, convoca varias manifestacións en todo o país, tendo lugar na Coruña o xoves 12 de xuño ás 20:00h no Obelisco

Lembran que “as listas de agarda para primeiras consultas de especialistas creceron un 15% desde 2019, cunha espera media de 60 días (un 19,3% máis). As probas diagnósticas, como resonancias ou TAC, aumentaron un 18%, con demoras de ata un ano nun 93% dos casos. As listas de espera cirúrxicas son especialmente preocupantes, cun incremento do 28% respecto a 2019, unha espera media de 76 días (17% superior) e demoras dun ano que se dispararon un 83%”.

SOS Sanidade Publica Lista Agarda